boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A refundación do capitalismo
Marcelino Fernández Mallo

(Nota da Redacción de Vieiros: esta análise foi premiada no certame de artigos de opinión económica organizado en 2008 polo Colexio de Economistas da Coruña)


Pois velaí témo-los líderes mundiais mans á obra para resolve-la gran crise do século XXI. Levan destinados centos de miles de millóns de euros e dólares para mercar activos, dar créditos, inxectar liquidez, formalizar avais e moitas outras ocorrencias xurdidas da febre decisional que lles provocou o estalido da burbulla que eles mesmos porfiaron en crear con encomiable empeño. Decisións tomaron moitas; a última, xa a coñecen: van ?refunda-lo capitalismo?. E como o capitalismo se pode refundar así, cun choquelear dos dedos, pois axiña lle puxeron data á refundación: o 15 de novembro. Será emocionante: o 16 encetaremos unha nova orde mundial!

As primeiras leccións de capitalismo atópanse na Biblia. Si, nos Evanxeos. Lembrarán aquela parábola na que un ?señor?, antes dunha viaxe, reparte denarios entre tres dos seus ?servos? (na Biblia hai ?señores? e ?servos?); ó cabo dos anos, regresa o señor disposto a recada-lo froito dos préstamos concedidos, con diferente resultado en función do investimento realizado polos servos. Ou aqueloutra historia (a Biblia está chea de contos estupendos) na que Xosé interpreta o soño do Faraón no que sete vacas fracas aparecen tras sete vacas gordas; eu apostaría a que as primeiras sete, máis ca gordas, estaban hipertrofiadas.

Con este tipo de parábolas fomos tirando, mulleres e homes, ata que apareceu Adam Smith é ditou as regras clásicas do capitalismo incluso antes do capitalismo existir, o cal non deixa de te-lo seu mérito (o capitalismo existe dende que Carlos Marx escribiu ?O capital?). Adam Smith publicou aquilo de ?A riqueza das nacións? douscentos anos antes de que Michael Porter escribise o primeiro dos seus ?best-sellers?, ?A competitividade das nacións?. Douscentos anos para trocar unha palabriña de nada, para aprendermos algo que, en fin, tampouco semella tan complicado: para sermos ricos, habemos ser competitivos.

Sendo sincero, esquecín a maioría dos paradigmas ditados polo segundo Adán máis popular da Historia; a maioría agás, naturalmente, o da súa misteriosa ?man invisible? capaz de devolve-los elementos descolocados ó seu sitio. Supoño que isto da man invisible sería unha reminiscencia das lecturas bíblicas de Mr. Smith e o home se estaría referindo a unha sorte de ?deus económico?. E entón penso en Bush, pertencente ós ?new born christians?, e decátome de que este cristián renacido é quen convoca a xuntanza para a refundación do capitalismo e sinto un calafrío percorréndome o corpo que non desaparece ata consulta-las enquisas sobre as vindeiras eleccións ianquis.

Crises e refundacións

A ?man invisible? de Adam Smith propiciou a Revolución Industrial, incluíndo as miserentas condicións de traballo dos obreiros denunciada por Marx, pero fallou con estrépito en 1929. Disque o deus económico repartiu crédito a calquera que pasara por Wall Street para a compra de accións baixo a hipótese de que os títulos ?nunca baixarían de valor?. E claro!, baixaron, vaia se baixaron; algúns dende un vixésimo piso ata o chan en voo descendente perpendicular. E houbo uns anos de fame, frío e desesperación no que se chamou a Gran Depresión ata que Roosevelt artellou aquilo do ?New Deal?. No terreo económico, John Maynard Keynes promulgou unha sorte de novo paradigma económico baseado nas políticas fiscais segundo o cal as intervencións dos Estados permitirían mitigar, e mesmo evitar, os perniciosos ciclos que tanto sufrimento causaban nas etapas de devalo (e volvemos ó das vacas gordas e fracas da Biblia).

O keynesianismo campou ás súas anchas na praxe económica (con dúas guerras e un Bretton Woods polo medio) ata que a crise petroleira do 73 levou por diante as teorías a partir de entón chamadas intervencionistas. E así foi que o liberalismo se volve impoñer como dogma predominante e se recupera o obxectivo da minimización do Estado e a predilección das políticas monetarias para o control dos ciclos. O monetarismo, ¿un novo capitalismo? Seica.

Novas crises, pero de distinta intensidade, xurdiron nos 80 e nos 90, o cal tampouco non debe sorprender porque xa Kondratieff, presunto lector da Biblia, prognosticou a intermitencia dos tempos de abalo e devalo en distintos graos e frecuencias. E a medida que cada crise se deixaba atrás, reforzábase o dominio das teses económicas liberais baixo un novo formato: o neoliberalismo. En realidade, o referente teórico do neoliberalismo é difuso. Eu identifícoo coa relaxación da regulación financeira e cunha máxima que lle escoitei hai anos a un destes gurus totémicos que nos chegan de EE.UU. flanqueados polo seu exército de marketing, segundo o cal ?os directivos deben buscar duplica-lo tamaño das súas empresas cada tres anos?. Eis a raizame do problema.

E estamos no século XXI e a construción segue medrando sen tino nin sentido, e os créditos se reparten ás cegas porque hai que seguir duplicando o tamaño das empresas (neste casos, dos Bancos) cada tres anos, e empezan a abrolla-los primeiros síntomas de desaceleración ante o que os ?cristiáns renacidos? deciden invadir Irak nunha demostración máis de como as gasta o vello capitalismo que agora hai que refundar. E chegan os plans ?Paulson? e os plans ?Brown?...

Eu, se lles digo a verdade, prefiro o ?Plan Bowles?; ah!, que non o coñecen? Pois o ?Plan Bowles? foi proposto por Manuel Vázquez Montalbán na súa novela (adoito cualificada de ?experimental?) ?Yo maté a Kennedy? no cal determinaba, por exemplo, o continxente sueco de produción de garfos de aceiro inoxidable así como o monopolio para a fabricación de saleiros de mesa en toda a zona capitalista.
Falando seriamente... Non paga a pena profundar nas orixes do gran desastre do 2008 porque coido que a estas alturas, quen máis quen menos ten unha idea do ocorrido. Non a temos tanto sobre o que aínda está por ocorrer. De entrada, eis a data do 15 de novembro para ?refunda-lo capitalismo?. E claro!, antes de poñerse a tarefa tan singular, coido eu que haberían de definirse os obxectivos dese suposto novo capitalismo, sobre o cal Lula e Berlusconi, por citarmos dous asistentes confirmados, terán posicións pouco coincidentes.

Un novo capitalismo é posible?

A nove orde mundial, se algún día se quere empezar a construír, debería ter un gran e solemne obxectivo: a diminución das aberrantes diferenzas de renda e riqueza entre a especie humana. E non só porque esas diferenzas representen unha inmoralidade insoportable, senón porque tamén forman parte do gran problema económico. Pero para que tal obxectivo tivese algunha posibilidade de éxito nun prazo razoable, haberiamos inventar un imposto mundial para as grandes fortunas. Non é inédito, xa se intentou, con pouco éxito, a escala nacional en, por exemplo, o Reino Unido. O pouco éxito debeuse, naturalmente, a asimetría da medida, que provocou a fuxida de capitais cara a outros sistemas fiscais máis benignos cos adiñeirados.
Unha supertaxa para os máis ricos do mundo (persoas e empresas) non tería por que ser unha quimera. Con esas contías, constituiríase un gran Fondo a administrar, por exemplo, pola ONU, para o seu investimento en plans agrarios, industriais e educativos nos países máis pobres do planeta. O Fondo, ben administrado, mesmo daría resultados financeiros positivos a medio ou longo prazo, por suposto colectivos, pero igualmente individuais para os contribuíntes ó propio fondo na mesma proporción das súas achegas. É posible.

Agora, estamos dispostos (como ?xénero humano?) a renunciarmos á hexemonía e dominio absoluto dos ricos sobre os pobres? A ?refundación do capitalismo? requiriría a revisión completa do funcionamento actual do sistema. Estamos dispostos?
Estamos dispostos a redefini-la globalización (ollo a Rolda de Doha) para situar como primeiro obxectivo o abastecemento xusto nos países menos desenvolvidos?

Estamos dispostos a redefini-lo concepto de beneficio pasando do actual de ?rendemento individual a curto prazo? a un novo de ?resultado colectivo a longo prazo?

Estamos dispostos a revisa-la posición de dominio das grandes multinacionais en determinados sectores e as súas prácticas no mundo global?

Estamos dispostos a restrinxi-lo comercio cos países que non asuman condicións éticas de traballo e ambientalmente sostibles de produción?

Estamos dispostos a limita-las taxas de crecemento da actividade das institucións públicas e das empresas privadas a relacións equilibradas entre recursos propios e endebedamento?

Estamos dispostos a pecha-las axencias internacionais de rating (un dos factores instrumentais principais desta crise) e substituílas pola acción dos bancos centrais e do FMI para o risco-país?

Estamos dispostos a redefini-la función das compañías auditoras e a relación de estas cos seus clientes, así como a crear programas permanentes de auditoría de produtos e mercados financeiros (non só das empresas que comercializan os produtos e actúan nos mercados)?

Estamos dispostos a cancela-los paraísos fiscais e demais instrumentos de evasión de impostos ó alcance das grandes fortunas?

Estamos dispostos a eliminar calquera posibilidade de especulación sobre bens de primeira necesidade coma alimentos ou enerxía?

Estamos dispostos a limita-la actividade dos hedge-funds a operacións de cobertura de risco e estabilización dos prezos de aprovisionamento tal como era nun principio?

Estamos dispostos a someter a escrutinio público os salarios dos directivos de empresa por enriba duns importes moralmente aceptables?

Estamos dispostos a asumir un radical programa mundial de aforro enerxético?

Estamos dispostos a limitar ou elimina-la concesión de crédito e axudas ás empresas ou institucións que non cumpran os obxectivos de beneficio colectivo e sostibilidade medioambiental?

Creo que, cando teñamos respondido estas e outras cuestións similares, estaremos en condicións de pensar na esperanza dunha nova orde mundial. Namentres, seguiremos de convidados desta penosa ?lumeirada de vaidades? que non se apaga nin sequera en época de crise mundial.
A refundación do capitalismo
Comentarios (1) - Categoría: economía - Publicado o 08-12-2008 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
?A crise económica na que estamos vai ser moi dura, moi longa e duradeira ?
Xosé Luis Outes licenciouse en Ciencias Económicas na Universidade de Mainz (Maguncia, Alemaña). Realizou tarefas docentes e investigadoras durante 6 anos nunha das cátedras de Teoría Económica da Universidade de Aachen (Aquisgrán, Alemaña) onde obtivo en 1976 o Título Doutor en Ciencias Económicas. É autor de numerosos artigos e traballos de investigación en revistas de economía e presentou comunicacións en congresos nacionais e internacionais. A súa actividade investigadora dirixiuse recentemente ao estudo das crises económicas, ao desenvolvemento do capitalismo contemporáneo e á crise da teoría económica. Foi profesor desde 1977 de Teoría Económica (Macroeconomía) no antigo Colexio Universitario de Vigo (CUVI) e actualmente exerce como catedrático e imparte clases de Comercio Internacional na Facultade de Dereito Económico e Macroeconomía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.

Oscar Lomba / Foto: A.F.E.

-Cal cre que será o alcance da actual crise financeira?. Que repercusións terá nun futuro próximo no Estado Español e en Galicia?

A actual crise financeira ten unhas repercusións que xa hoxe poden ser catalogadas como históricas. En primeiro lugar polo alcance que está a ter e, en segundo lugar, polas dimensións que se supón poderá alcanzar e de feito xa está alcanzando; e non só sobre o propio sistema financeiro, sector financeiro que, tal e como eu o entendo, actúa coma un sector de servizo á economía real, á economía que xera riqueza. A crise do sistema financeiro non só vai a ser a crise do propio sistema en si mesmo, senón que ademais vaise a alongar tamén, de feito xa está a concretarse nalgúns lugares, ao que nós chamamos economía real. A chamada quebra do sistema financeiro que xa nos acompaña dende xullo do ano 2007, que se agudiza no mes de setembro pasado e que lembra en moitísimos aspectos á crise do ano 1929, é unha crise que vai ao fondo dunha maneira de facer política económica, que parte dunha filosofía ancorada no pasado, falo da política neo-liberal; é unha política extremadamente dura que fai augas por todos os lados. Polo tanto, non só estamos a vivir a quebra do sistema financeiro, senón que tamén dunha maneira de pensar; trátase do fracaso do pensamento que permitiu que se desenvolvese o capitalismo sen fronteiras. É o fracaso absoluto dos fundamentos neo-liberais en estado puro segundo os cales o mercado o resolve todo; para que isto ocorra o mellor é que o mercado faga o que lle pete, que os axentes que interveñen no mercado fagan o que queiran sen barreiras.
Esta crise pasará á historia como unha das grandes crises do capitalismo. En calquera caso, está crise vai para moito tempo e penso que non empezou aínda a concretarse na súa verdadeira dimensión. No caso concreto de España , aínda que xa neste segundo semestre do ano vemos as súas consecuencias, durante os anos 2009 e 2010 vai ser tremendamente forte; a crise vai ser longa (con posibles taxas de desemprego do 15, 16, 17 % se non é peor). E no caso concreto de Galicia, cunha economía con menores recursos, con menor capacidade de empaque, como economía sempre supeditada ao desenvolvemento económico das rexións máis desenvolvidas de España, está claro que sufrirá as consecuencias graves da crise. En Galicia xa estamos a sufrilas, hai por exemplo un dato moi relevante na provincia de Pontevedra, falo da caída dun 22% das importacións durante o primeiro semestre deste ano; trátase dun indicio tremendamente esclarecedor do que se nos ven enriba.

Estamos mergullándonos nunha crise parecida á dos anos 80 cunhas taxas de paro e de inflación moi altas ... que factores diferenciais tería esta crise fronte ás crises recentes?

Non hai unha crise, eu coido que hai varias crises e o goberno actual de España non actuou co rigor e coa serenidade que se debe ter nestes casos. O grave desta situación actual é que coinciden ao unísono diversas crises económicas: por unha banda a crise financeira, propiciada por unha explosión de burbullas de todo tipo en diversos países ao mesmo tempo, e por outra unha escasísima resposta dos elementos reguladores como é a Reserva Federal dos EE.UU. ou o Banco Central Europeo que se concreta coas coñecidas "hipotecas lixo". Coa actual crise financeira deben valorarse as non actuacións, a actuación negativa dos axentes principais da política monetaria en áreas importantes.
Logo tamén está o que nós entendemos como a crise da economía real. Da crise financeira xorden aspectos que van a afectar a todas as economías. Pero logo cada economía ten a súa vida propia, cada economía ten as súas propias estructuras que a fan máis débil ou máis forte en función das súas propias capacidades. E digo isto porque no caso de España xa se prevía que se estaban a xestar as condicións para que esa fase tan longa de crecemento económico e de ciclo longo, que se inicia no ano 1994, dende o ano 2006 xa apuntaba que tocaba á súa fin e que se iniciaba unha fase non só de recesión senón de aguda recesión porque en determinados mercados, por exemplo no inmobiliario, na construcción, a propia evolución da demanda interna estaba dicindo que isto así non podía seguir máis. Os mercados non funcionaron como a Escola Neo-liberal española cre, que o mercado o resolve todo. A burbulla do mercado inmobiliario era algo que se sabía que contribuiría dunha maneira brutal á finalización desa fase de crecemento económico. Esta etapa tivo os seus máis e os seus menos. Creou postos de traballo pero en moitos casos precarios, con moito traballo temporal. Non todo é auga de rosas. E hai unha terceira crise que é a do mercado de divisas, do mercado de cambios. Eu escribín hai un ano que non remataría o 2008 sen que os principais países (USA, Alemaña, Inglaterra, Francia, China, Xapón) se reunisen para discutir ou repensar que é o que deberiamos facer cos tipos de cambio. Non podemos seguir así con estes altibaixos, con estas oscilacións brutais dos tipos de cambio.

Cales son, ao seu xuízo, os problemas de fondo que presenta o actual modelo económico? Que repercusións podería xerar a crise actual na economía real e na situación das familias?


Ás veces esquecémonos de cal debe ser o papel dos axentes económicos. En toda crise económica o que se constata, crise neste caso definida como recesión, é que se está iniciando a gran velocidade porque os datos mes a mes estanse practicamente modificando e os prognósticos xa non se fan cada seis meses senón cada catro semanas. No caso xenérico que falamos da crise financeira e o sector real hai un dato que moitas veces se esquece ou se descoñece. Os medios de comunicación non o tratan. É o enorme poder que adquiriu nos últimos anos o sector financeiro como parte integrante do capitalismo mundial. Se tomamos o caso de USA o exemplo é abondo elocuente. Dende 1980 ata 2006 os beneficios destas empresas financeiras nos USA medraron dunha maneira tan desmesurada que a economía real (a da Microsoft, da General Motors, ...) sofren as consecuencias dun verdadeiro desembarco do que é a economía financeira. Se tomamos o ano 1980 como referencia e consideramos os beneficios empresariais como un todo e ao mesmo tempo diferenciamos o beneficio empresarial da economía real e os beneficios das empresas financeiras, nese ano os das financeiras representaban o 10% do total dos beneficios. En 2006 xa era o 40%. Este é un dato moi importante porque en España obsérvase unha evolución semellante. Os beneficios das empresas financeiras medraron dunha maneira esaxerada, esquecéndose o propio sistema que é un sector de servizos que debe ocupar o lugar que lle corresponde. É un sector servizos que asiste con crédito ao sector real, que é o que realmente xera riqueza, para que poda medrar dun xeito estable. Ocorreu xusto o contrario. O sector real foi asaltado polo sistema financeiro. Só hai que ver o resultado dos beneficios das empresas financeiras, dos grandes bancos, e non só en USA. Houbo beneficios tamén en España no Banco de Santander ou o BBVA. Incrementos de máis do 30% cando unha empresa do metal, do sector naval xa lle gustaría ter eses incrementos dun 40 - 50 % dun ano para o outro. É o nunca visto. O sistema financeiro non pode seguir con esta traxectoria. Os axentes reguladores non cumpriron coa súa función. Os mercados non resolven todos os problemas. Pasou co mercado inmobiliario. Non se podía construír 1 millón de vivendas ao ano cando só se vendían 300.000. Construíase máis vivenda que en Francia, Alemaña e Inglaterra xuntas cando temos a metade da poboación alemá. Esta información non a procesou o mercado. Estaban orgullosos do que estaba pasando, medrábamos máis que ninguén cando nós levábamos dicindo dende hai cinco anos que se estaba medrando mal e que evidentemente destes ventos virían as treboadas... Era unha morte anunciada. A crise económica na que estamos vai ser moi dura, moi longa, duradeira, cunha moi forte subida das taxas de desemprego. Nos últimos meses quen non lembra dicir ao Ministro de Economía que España está mellor preparada...? Primeiro negar a evidencia que era algo que era obvio, que o proceso de crise se estaba a xerar e que todos os indicadores dicían que a crise estaba a amosar os seus dentes. Pero cando xa tiña os dentes fóra querían negar a evidencia de que estaba aí. Máis tarde mesmo chegouse a dicir, coido que cunha enorme irresponsabilidade, despois direi porqué, que España estaba moito mellor preparada que outras economías da UE para afrontar unha crise se é que chega. Eu quero dicir con toda rotundidade que isto é absolutamente falso. A economía española está moito peor situada, e os datos que manexamos do INE que calquera persoa ben informada e que calquera profesional da economía coñece, aparentemente todos menos o Ministro, coñecemos cal é a situación da produtividade da economía española. Eu sinceramente hai cousas que me custan traballo dixerir. Digo isto porque é unha enorme irresponsabilidade porque durante meses estivéronse dando mensaxes e eu creo que isto é o peor que se pode facer. Lanzáronse mensaxes que contradicían a propia realidade. A propia realidade estaba desmentindo o que os responsables da política económica estaban afirmando e isto é moi grave porque chega un momento en que se contan tantas non-verdades ou non se quere tratar a realidade coa seriedade axeitada que o día que se queira tratar e o día que si se acheguen cun tratamento moito máis rigoroso aos problemas económicos posiblemente os axentes económicos non os crean. Volveranlle as costas porque a credibilidade é moi baixa. Creo que é unha das cousas peores que se pode facer.

O goberno galego aduce que a nosa economía posúe características diferenciais que fan que os problemas sexan menores. Que opina?

Hai que ser un pouco máis comedido no que se di. En certa medida é certo pero é só en certa medida por unha sinxela razón. Se nós non dispoñemos do aparato económico dunha economía altamente desenvolvida tampouco vamos a sufrir as consecuencias tan graves que poden sufrir outros. As economías máis débiles, e a economía galega é unha economía que está a piques de saír de ser obxectivo 1, non é altamente desenvolvida pero se fóramos unha economía altamente desenvolvida posiblemente veriámonos afectados pola crise por un lado dunha maneira non tan aguda como outras porque as economías fortes dispoñen sempre de discursos que as débiles non teñen pero por outro lado tamén as economías fortes cando hai unha crise económica como a que está a chegar tamén sofren nas súas propias carnes porque eles están moito máis expostos á competencia internacional.

Que medidas habería que tomar para reconducir a situación?

Nós últimos anos como que se demonizou o gasto público. Tanto que mesmo responsables dalgúns partidos que se auto-denominan de esquerdas estaban tremendamente orgullosos de ter un superávit nas contas públicas. Cando todo o mundo sabe que realmente ese superávit era pan para hoxe e fame para mañá como estamos vendo. É un superávit que nuns meses desapareceu. Digo isto porque o propio plan de estabilidade e crecemento que non permite a ningunha economía dentro da área euro superar un déficit público por riba do 3%, cando os alemáns tiñan un 4,3% de déficit montouse un pequeno envurullo pero os alemáns o superaron. Se chega a ser a economía española... nin se lle houbese ocorrido chegar a ese 4,3%. Pero é que aquí estamos mesmo orgullosos de ter superávit. Digo isto porque haberá que reconsiderar o papel do gasto público como elemento anticíclico. Non se pode deixar ao mercado a resolución desta crise. A iso que algúns chaman, eu non sei con que criterio, "mecanismos automáticos". O papel do gasto público como elemento clave da política económica porque así non se pode seguir, non poden seguir dicindo que o mercado o soluciona todo. Xa o dixo Milton Friedman que el resolvía o problema do emprego en 24 horas. Como? Eliminando todo apoio social. Se as persoas que están en paro, dicía, reciben un subsidio de emprego está claro que non se resolvía. O que non ten subsidio de desemprego está obrigado a traballar polo salario que o que o contrata lle ofreza e que diga que non queda fóra. Evidentemente todo se reequilibra á baixa. Se o que queremos é iso, resolver o problema incrementando niveis de pobreza e de miseria entón si, pero eu coido que ese non é o camiño.
En segundo lugar neste país, polo enorme retraso que temos en gasto social é totalmente inadmisible que se diga que o gasto público non é un instrumento importante. Pero claro, gastar significa tamén que ten que haber ingreso por parte do sector público e todos sabemos que nos últimos anos en España, e sería o terceiro elemento, non se pode seguir cunha presión fiscal como a que temos onde aparentemente vía impostos indirectos son as rendas máis baixas as que están máis acosadas pola presión fiscal. A presión fiscal en España hoxe é 15 puntos máis baixa que a que hai nalgúns países do norte de Europa como Dinamarca ou Suecia. É totalmente inadmisible isto. A Seguridade Social, a asistencia sanitaria, os niveis educativos (o gasto é unha cousa e os niveis educativos outra)... hai que gastar pero gastar ben.
?A crise económica na que estamos vai ser moi dura, moi longa e duradeira ?
Comentarios (0) - Categoría: economía - Publicado o 16-11-2008 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
"Estados Unidos ten un cancro de difícil tratamento e a metástase é total"
Carlos Taibo, escritor e profesor de Ciencia Política presenta o seu libro 150 preguntas sobre a nova desorde


OSCAR ABOU-KASSEM - Madrid - 30/09/2008 19:50

Carlos Taibo presenta hoxe 150 preguntas sobre a nova desorde (Editorial Catarata), a versión ampliada e actualizada do libro aparecido en 2002. O profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid analiza o papel hexemónico de EEUU, a globalización capitalista e outros fenómenos que nos últimos anos cobraron protagonismo como os novos conflitos internacionais.

¿Que lle parece o plan de rescate económico de Bush?

Este procedemento de privatización dos beneficios e socialización das perdidas non é novo en EEUU. É o mesmo que sucede en Iraq. A invasión é un fracaso militar para Wáshington pero as empresas estadounidenses logran pingües beneficios alí. ¿Quen paga a ousadía bélica de Bush? O contribuínte americano a través dos seus impostos. O esquema que se presenta é de Bush co seu diñeiro rescatando ás empresas cando é o contribuínte o que paga.

No libro fala dunha globalización á carta por parte de EEUU ¿En que consiste a globalización?

EEUU posúe unha maquinaria militar poderosa ao seu servizo. Trátase de impor regras do xogo que benefician ás multinacionais estadounidenses. De aí parte o designio de cortocircuitar o acceso doutros ás materias primas, como o petróleo en Oriente Próximo ou as políticas proteccionistas en relación co aceiro ou a agricultura estadounidense.

¿Están en declive como potencia hegemónica?

Teñen un cancro de difícil tratamento e a metástase esténdese. Seguen sendo a potencia hexemónica política, militar e tecnolóxica. Xa non creo que o sexa no económico nin no cultural. Habería que preguntarse ¿que tipo de proxecto ideolóxico defende no económico Bush? Os neoliberais radicais din que Bush fracasou por non ser o suficientemente neoliberal.

¿O fracaso do plan de Bush pode dar máis oportunidades de mercado a China?

Acurtaríase a hexemonía como potencia hexemónica na maioría dos terreos.

¿sente Rusia traizoada por EEUU tras a caída do muro?

As políticas das potencias occidentais desde 1991 encamiñáronse a evitar que Rusia renaza como potencia. O escudo antimísiles, a nova ampliación da OTAN, o apoio ás revolucións de cores, as bases no Cáucaso reflicten unha posición de crecente agresividade cara a Rusia que facía impensable que Moscova non reaccionase dunha forma ou outra. Desde a prensa occidental adóitase dicir que Rusia desafía a Occidente e de cando en cando ao contrario.

¿Pódese repetir un esquema de dous bloques enfrontados?

Nin Rusia por se soa nin China por si soa non poden contra Estados Unidos. Rusia podería enfrontarse contra a Unión Europea.

¿Que aliados presenta Rusia?

O seu esquema de aliados é máis débil que o de outrora. Bielorrusia, de forma cautelosa, algunhas repúblicas do Asia Central, Armenia e Serbia. É un bloque moi débil comparado co bloque da Unión Soviética. Isto é un dos problemas ao identificar o inimigo por parte de Occidente.

¿Que lle parece a dobre rapadoira que empregou Occidente para Kósovo e Osetia do Sur e o esquecemento do caso checheno?

Hai un elemento común a todos estes casos. Hai un problema nacional. A maioría dos analistas conciben isto como un taboleiro estratéxico onde están as grandes potencias e nada máis. Só lles interesa Rusia, Estados Unidos, o petróleo e os oleodutos, pero no medio hai países con poboacións que senten incómodos dentro dos estados nos que viven. Aquí hai só dous xeitos claros de razoar. A primeira é a de quen aplica o dereito internacional a machada e rexeita drasticamente calquera horizonte de autodeterminación e secesión. E a segunda é a de quen vemos que esta fórmula é delicada en si mesma, é simplemente aplicarlle a todos o mesmo rapadoira e dicir vostedes non teñen máis remedio que aceptar a orde establecida. O problema é cando se apoian algunhas causas cando interesan e isto tamén o fai Rusia, apoiando a independencia de Osetia do Sur pero descartando a de Chechenia. É unha radical primacía dos intereses sobre os principios.

¿Por que tanta insistencia por parte de EEUU na necesidade de instalar o escudo antimísiles?

A primeira razón é os intereses da industria militar que precisa dese escudo como estimulo tecnolóxico. O segundo motivo é a intención de reducir a longo prazo a capacidade disuasoria dos arsenais ruso e chinés. Os rusos ofreceron unha instalación conxunta para o aproveitar o seu radar en Acerbaixán e EEUU rexeitouno. Situalo en Polonia e República Checa é coma se Rusia instala un radar en Cuba e un centro de aviso temperán en Venezuela para protexerse da ameaza de Corea do Norte. Recentemente apúntase a un intento de EEUU por repetir a estratexia de Reagan de forzar un investimento armamentística rusa para frear o seu crecemento económico.

¿Cal é a dependencia da UE do gas ruso?

É unha dependencia mutua. A Unión Europea compra o 85% do gas que Rusia exporta. Moscova non pode prescindir dese mercado. Rusia ten un problema grave. O crecemento incrementou a demanda interna de materias primas e isto reduce a capacidade de exportación. Rusia pode estar aniquilando a galiña dos ovos de ouro.

¿Cal é o legado de Putin?

Co paso do tempo veremos que é máis delicado do que parece. Aquí criticar por autoritario. Creo que non conseguiu endereitar un estado maltreito e terminou encartándose aos intereses dos oligarcas. Hai moitos problemas sociais. Chechenia segue sendo un buraco negro onde non sabemos o que sucede. A longo prazo xulgarémola de xeito máis severo.
"Estados Unidos ten un cancro de difícil tratamento e a metástase é total"
Comentarios (0) - Categoría: economía - Publicado o 10-10-2008 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0