boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O códice que?
Xosé Manuel Pereiro

Nin o columnista máis despiadado e correúdo se resistiría a entrar no tema do roubo (ben, foi furto, que máis ten) do Liber Sancti Iacobi, o chamado Códice Calixtino polo costume medieval de atribuírllo a unha personalidade, antecedente da actual de encargarlle un prólogo. Así que eu tampouco me resisto, pero non para sumarme ao coro xeneralizado de lamentos. Non, non é que me alegre, por suposto, pero a) non sei de que nos estrañamos, b) non roubaron un libro, roubaron un obxecto orixinal, pero o libro queda, e ?sobre todo? c) parece un pouco hipócrita lamentar o que Ramón Villares chama atinadamente "a partida de bautismo de Galicia como nación cultural en Europa", cando boa parte dos lamentantes se aplican a eliminar ou a ningunear, por pasiva ou por moi activa, os outros elementos que nos identifican como pobo.
O de que non sei por que nos estrañamos vai porque, igual que o libro patrocinado polo papa Calixto II, hai unha chea de tesouros máis ou menos a disposición de quen os queira, por falta de medios e por sobra de desidia. Aínda que a vida, e sobre todo o cine, nos ten demostrado que meténdolle ganas case sempre se pode roubar calquera cousa, o certo é que a inmensa maioría das subtraccións de obxectos artísticos fanse cando as medidas de seguridade son ben máis reducidas para o que gardan. E a Igrexa Católica, depositaria dunha chea de tesouros que son patrimonio de toda a sociedade, ten unha longa experiencia de fracasos á hora de gardalos, desde a venda feita por algúns párrocos, ata os espolios ao que son sometidas moitas igrexas desprotexidas. E outra igual de longa de pedir a colaboración da sociedade, pero non de corresponder a esa axuda. Parece lóxico que o Códice Calixtino estea onde estaba, e non alleado na Biblioteca Nacional de Madrid (onde tamén roubaron cousas hai ben pouco), pero sempre que teña unhas medidas de seguridade determinadas por expertos.
E roubáronnos un obxecto e non un libro porque, afortunadamente, como descubriu Gutenberg tres séculos despois e relatou maxistralmente Borges oito séculos máis tarde, un libro pódese facer eterno e repetir ata o infinito. Nese sentido, pódese reprobar que non esixiran máis por conservalo a todos os responsables da nosa cultura desde que teñen responsabilidades políticas, incluído ao actual, pero a este haille que agradecer o feito de que se teña traducido ao noso idioma de hoxe, e difundido. Ese é o seu maior ?e polo que se ve, o único? seguro. O Códice Calixtino desapareceu, pero non o seu contido, que é o auténtico tesouro, sen desprezar ao outro. É máis, a ver se co rebumbio da perda do obxecto se difunde o seu valor sociocultural: a descrición da Compostela que estaba a nacer, o camiño transeuropeo que chegaba a ela e o feito de que no século XII xa había galegos (e navarros, e vascos, e casteláns, e leoneses), pero nin traza deses españois que segundo a historia que nos ensinaron, e agora parece que volve, parece que existían desde que a Adán e a Eva se lles acabou o aluguer do Paraíso. É dicir, a ver se se aproveita o ruído mediático do roubo para explicar por que temos que lamentar a súa perda, porque tal e como reaccionan algúns, parece que é unha mágoa que non estivera asegurado para cobrar o seguro e dedicar os cartos a algo útil, como carreteras. Que non teña que queimarse a Capela Real da catedral de Santiago para que teñamos que saber que os que están alí sepultados eran reis de Galicia.
E iso nos leva a c). Moito lamento por algo que ?confiemos? se pode recuperar, cando hai moitos patrimonios en perigo, sobre todo polo propio desprezo de quen os tiña que gardar. Empezando polo idioma.
Faro de Vigo
Comentarios (1) - Categoría: Cultura - Publicado o 10-07-2011 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
Luís Tosar participa no novo filme de Jim Jarmusch
A película estréase este mes nos Estados Unidos, e chegará antes de final de ano ás pantallas españolas.

The Limits of Control é o primeiro filme de Jarmusch dende o Flores Rotas (2005) protagonizado por Bill Murray. Na película o director de Dead Man, Baixo o pesar da lei ou Strangers than paradise regresa a un dos seus temas favoritos: o retrato dunha persoa solitaria que vive á marxe da lei, neste caso encarnado polo marfileño Isaach de Bankolé, habitual nos filmes de Jim Jarmusch. Tamén repite no elenco da película Bill Murray, nun papel secundario, que acompaña a un bo número de actores, como Tilda Swinton, John Hurt, Gael García Bernal Oscar Jaenada e Luís Tosar.

O filme rodouse en parte en España, en Sevilla e Madrid, e foi preestreado esta fin de semana nos Estados Unidos, aínda que non chegará ás salas até final de mes. En Europa aínda haberá que agardar un pouco máis para vela, até o outono. A película recibiu xa algunhas críticas desfavorábeis en Norteamérica, por exemplo na revista Variety, onde mesmo falan de "vacuidade artística" e de "autoparodia". En cambio, as revistas especializadas, como Screen, destacaron que se trata do traballo "máis escuro e elíptico" de Jarmusch: "é un puzzle envolto nun soño, unha imaxe borrosa entre a realidade e a conciencia, con imaxes e sons que se empeñan en rexeitar as convencións rítmicas e narrativas".
Luís Tosar participa no novo filme de Jim Jarmusch
Comentarios (1) - Categoría: Cultura - Publicado o 04-05-2009 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
Pradolongo, entre os DVD máis vendidos
ÉXITO COMERCIAL

En El Corte Inglés de Vigo, o filme de Ignacio Vilar é o terceiro máis vendido, a única película europea entre as dez primeiras.

O DVD de Pradolongo púxose á venda o pasado 9 de nadal, e en xaneiro comezará a distribuírse en todo o Estado. O filme dirixido por Ignacio Villar foi o primeiro rodado na nosa lingua que saia ao mercado en formato Blu-ray. Unha vez máis o boca-a-boca funcionou, e a película está a repetir nas tendas o éxito que xa obtivo nas salas e nas distintas proxeccións que realizou ao longo de 2008.

En concreto, na foto pódese comprobar como en El Corte Inglés de Vigo o filme é o terceiro máis vendido, por diante de grandes producións de Hollywood con poderosas campañas de promoción. En concreto, é o único filme europeo nesa lista.
Pradolongo, entre os DVD máis vendidos
Comentarios (1) - Categoría: Cultura - Publicado o 13-01-2009 11:39
# Ligazón permanente a este artigo
'Pradolongo' gaña o premio Cidade de San Sebastián Film Comission
Outórgase no marco do Festival de San Sebastián

Redacción . A película dirixida por Ignacio Vilar, 'Pradolongo', vén de facerse co IV premio Cidade de San Sebastián Film Comission, integrado no marco da sección 'Made in Spain' do festival. O xurado valorou a capacidade da película de 'reflectir os valores urbanísticos, paisaxísticos, culturais e sociais de onde foi rodada e colaborou coa súa promoción como espacio escénico ao servizo da industria audiovisual'.

En anteriores edicións fixéronse co premio, dotado con 12.000 euros, as películas Alatriste, La leyenda del tiempo e En la ciudad. Desta vez, Pradolongo competía coas películas El orfanato, Rec, Los crímenes de Oxford, entre outras.

O xurado, composto polas actrices Natalia Verbeke e Alicia Borrachero, polo escritor e crítico Manuel Hidalgo e o decorador Pascua Ortega concedeulle o premio á película rodada en Valdeorras por ter sido ?a fita que mellor reflexa os valores urbanísticos, paisaxísticos, culturais e sociais de onde foi rodada, e colaborou coa súa promoción como espacio escénico ao servizo da industria audiovisual?.



A entrega do premio Ciudad de San Sebastián Film Comission terá lugar o vindeiro martes 23 de setembro de 2008 ás 19:00 nos cines Príncipe, e contará coa asistencia do xurado. Posteriormente á entrega, a película proxectarase ante un aforo duns 240 espectadores.
'Pradolongo' gaña o premio Cidade de San Sebastián Film Comission
Comentarios (2) - Categoría: Cultura - Publicado o 16-09-2008 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
O patrimonio marítimo do país está vivo máis aló do folclore
Brest '08

Moitas das embarcacións tradicionais que foron a Brest aínda se empregan para a pesca.


Clara Figueroa - 09:00 15/07/2008


"O noso obxectivo, como o das outras asociacións, non é conservar un patrimonio morto ou inerte; todo o contrario, trátase dun ben vivo". Fernando Piñeiro, presidente da Federación galega pola cultura marítima e fluvial (FGCMF) explica no vídeo promocional de Galiza realizado polos bretóns que non se trata de preservar unha tradición morta hai séculos, senón que a cultura da pesca tradicional en Galiza está viva posto que nunca desapareceu. "Organizamos competicións deportivas, regatas e distintas manifestacións culturais, pero sempre cunha orientación viva e non folclórica".

A FGCMF está composta actualmente por 38 asociacións que, como explican eles mesmos, nunca tivo unha visión nin saudosista nin folclórica do mundo dos mares e dos ríos, senón que sempre os quixo vivos e produtivos. Nunca se pretendeu cantar uns mares e ríos fecundos que xa son historia, senón que nos seus encontros bianuais e nos encontros particulares de cada asociación, nas diversas campañas (é o caso da desenvolvida en 1996 a prol da carpintaría de ribeira), nas publicacións e nas exposicións, a FGCMF trata de valorizar a herdanza recibida para lle engadir novas e frutíferas achegas, sempre en contacto coas xentes do mar.

Gamela no Museo do Mar

O Museo do mar de Galiza, en Vigo, ofrece un paseo pola historia da pesca en Galiza dende o século XVI até os nosos días, a evolución do sector en medios e métodos, das especies máis representativas, dos sistemas de extracción, artes de pesca, embarcacións e técnicas de conservación e comercialización do noso país. O museo escolleu amosar aos visitantes o mar como fonte de recursos. Un mar concibido e presentado como patrimonio de vida e de riqueza, que ha ser mellor coñecido, preservado e entendido.

O seu director nos amosa unha das pezas que conforman a exposición sobre embarcacións tradicionais pesqueiras, a gamela de Jorge o pescador. Este mariñeiro pertence á asociación cultural viguesa Gameleiros, cuxo obxectivo é tratar de frear na medida do posíbel a redución da actual flota de gamelas coruxeiras, tentando consolida-la súa presencia nas praias da localidade á cal xustamente lle deben a súa denominación, por ser os mariñeiros de Coruxo, conxuntamente cos seus carpinteiros de ribeira, os que desenvolveron o actual deseño, e que se extendeu despois por toda a Ría. Jorge emprega a súa gamela para pescar na ría de Vigo entre primavera e outono. En inverno, cando non pode saír con ela, cédea ao patrimonio do Museo do mar. O seu director explica que se trata "dun patrimonio vivente por completo, posto que aínda que tamén emprega a súa gamela para o tempo de lecer, principalmente sae con ela a pescar".

Ver vídeo na páxina de Vieiros, abaixo.
O patrimonio marítimo do país está vivo máis aló do folclore
Comentarios (1) - Categoría: Cultura - Publicado o 15-07-2008 14:51
# Ligazón permanente a este artigo
Embarcacións galegas. Galiza en Brest 08
A gamela coruxeira
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


A traiñeira
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


O bote polbeiro
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


A dorna Meca
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


A dorna polbeira
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


O galeón
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


O bote trincado
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


A buceta
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


O bote de Maniños
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


O bote de Ribadeo
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG



Galiza é este 2008 convidada de honra no principal evento internacional da cultura marítima, que ten lugar entre o 11 e o 17 de xullo na Bretaña francesa: a Festa Marítima Internacional de Brest.

http://galiciaenbrest.org
Comentarios (1) - Categoría: Cultura - Publicado o 11-07-2008 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
Premios Nacionais da Cultura Galega
Un paso adiante na normalización da nosa cultura coa 1ª edición duns galardóns esperados

As culturas precisan recoñecer adecuadamente as persoas que contribúen coas súas creacións e a súa actividade a fortalecelas e difundilas. A Consellaría de Cultura crea este ano os Premios Nacionais da Cultura Galega, cos que pretende aplaudir publicamente o esforzo e o mérito dos que traballan no ámbito da cultura para facer posible coas súas achegas que Galiza se escoite no mundo.

Os Premios Nacionais da Cultura constitúense como unha ferramenta para visibilizar diante da sociedade o traballo de quen se teña destacado no enriquecemento da cultura galega pola súas obras, pola súa participación en iniciativas creadoras ou por contribuír ao afortalamento do noso patrimonio material ou inmaterial. A intención da Consellaría de Cultura é que estes premios sexan un novo paso adiante de cara á normalización da cultura galega, co obxectivo de que se convirtan na súa gran festa.

Os dez premiados

A selección dos premiados respondeu a un proceso aberto e participativo, resultado do envío por parte da Consellaría de máis de 5.000 cartas a asociacións, entidades e concellos para convidar a participar nos Premios coa proposta de candidaturas. Participaron as institucións, entidades culturais e profesionais relacionadas coas actividades artísticas, culturais e patrimoniais obxecto de cada premio. Recibíronse máis de 200 propostas, que se sumaron ás enunciadas polos propios membros do xurado. Entre todas elas escolléronse aos dez gañadores de 2008:

* Premio Nacional de Arquitectura e Espazos Públicos: Manuel Gallego Jorreto, pola súa linguaxe sintética e innovadora e pola coherencia da súa obra.
* Premio Nacional de Artes Escénicas: Manuel Lourenzo, por ser pai do teatro independente galego e destacar como actor, director e dramaturgo.
* Premio Nacional de Artes Visuais: Francisco Leiro, pola súa forza creativa, que parte dunha tradición e dunha iconografía vinculadas a Galicia e que proxecta a través de novas linguaxes e soportes.
* Premio Nacional de Cine e Audiovisual: Margarita Ledo Andión, pola súa achega a cultura como cineasta, investigadora, profesora, promotora e divulgadora.
* Premio Nacional de Cultura Tradicional e de Base: Museo do Pobo Galego, por ser un centro que puxo en valor o patrimonio cultural galego, promovendo o seu estudo, proxección e divulgación.
* Premio Nacional de Iniciativa Cultural: Laboratorio de Formas, por continuar a estela do Seminario de Estudos Galegos e polo carácter de identidade e modernidade que lle imprimiron os seus creadores.
* Premio Nacional de Literatura: Xosé Luís Méndez Ferrín, pola calidade da súa obra, que o converte nun referente fundamental da literatura galega na segunda metade do século XX e nun escritor recoñecido a nivel internacional.
* Premio Nacional de Música: Mercedes Peón, pola súa calidade como intérprete e creadora dunha nova linguaxe musical que sitúa a música galega nun lugar de vangarda.
* Premio Nacional de Patrimonio Cultural: Remodelación urbana de Pontevedra, polo alcance na rehabilitación e revitalización do centro histórico de Pontevedra a partir dunha visión global da cidade.
* Premio Nacional de Pensamento e Cultura Científica: Francisco Díaz-Fierros, pola súa contribución á historia da ciencia en Galicia e pola súa capacidade para colocar na axenda da cultura galega a cultura científica.

O xurado

Cada un dos galardóns está dotado con 15.000 euros. Todos os premios foron adxudicados por un xurado único, formado por 15 profesionais de recoñecido prestixio e representativos de cada sector da cultura nas actividades obxecto dos respectivos premios. Son os seguintes:

* María Xosé Agra Romero: Catedrática de Filosofía Moral e Política da Universidade de Santiago.
* Rosario Álvarez Blanco: Catedrática de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e directora do Instituto da Lingua Galega.
* Xosé Ramón Barreiro Fernández: Catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na Universidade de Santiago e presidente da Real Academia Galega.
* Xosé Luís Barreiro Rivas: Profesor e director do Departamento de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago.
* María Bouzas: Actriz, presidenta da Academia Galega do Audiovisual.
* Xosé Manuel Buxán Bran: Profesor de Escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
* Domingo Docampo Amoedo: Catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e de Comunicacións da Universidade de Vigo.
* María Isabel Fraga Vila: Profesora de Bioloxía Vexetal e directora do Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago.
* Celestino García Braña: Arquitecto, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia.
* Felipe Senén López Gómez: Museólogo e xestor cultural da Deputación da Coruña.
* Ana Romaní Blanco: Escritora e xornalista, directora do programa Diario cultural da Radio Galega.
* John Rutherford: Profesor do Queen?s College da Universidade de Oxford e presidente da Cátedra de Estudos Galegos desta universidade.
* Xurxo Souto: Músico e escritor, director de programas da Radio Galega.
* Laura Tato Fontaíña: Profesora da Facultade de Filoloxía e Humanidades da Universidade da Coruña.
* Ramón Villares Paz: Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e presidente do Consello da Cultura Galega.

O galardón

Cada ano a Consellaría de Cultura e Deporte encargará a un artista diferente a confección do galardón, co obxectivo de recoñecer a importancia e variedade dos creadores plásticos galegos. Para a primeira edición o elixido foi o escultor ourensán Ignacio Basallo, un dos artistas nos que se sustenta a renovación plástica galega a partir da década dos oitenta. A súa traxectoria estivo marcada pola súa participación nas iniciativas de Atlántica, desde onde desenvolveu unha traxectoria con personalidade propia que o situou como un dos escultores galegos máis recoñecidos dentro e fóra do país.

Ignacio Basallo ideou "unha escultura de 32 centímetros de alto, formada por dez pauciños de madeira de castiñeiro tallados a machada e mais a cepillo, cinguidos por un anel de 1 centímetro de ancho que suxeita fortemente todas as madeiras". No anel figura a inscrición "Premio Nacional da Cultura 2008".

En canto á simboloxía da peza, o escultor sinala que "no número está o contido. Simbolizo con cada pauciño cada unha das categorías. Sós, son independentes, pero xuntos xa son outro termo: cultura galega". Tamén destaca a presenza reiterada do número dez, que se repite secuencialmente: dez pauciños, dez aneis, dez pezas.

http://www.premiosnacionaisdaculturagalega.org
Premios Nacionais da Cultura Galega
Comentarios (1) - Categoría: Cultura - Publicado o 15-06-2008 00:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0