boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Falece aos 76 anos a escritora Anisia Miranda
Nacida en Ciego de Ávila (Cuba) en 1932, vivía dende os anos noventa en Galicia xunto ao seu marido, o tamén escritor Xosé Neira Vilas

A escritora galego-cubana Anisia Miranda, descendente de emigrantes ourensáns e compañeira do tamén escritor Xosé Neira Vilas, faleceu onte e será enterrada hoxe nunha cerimonia íntima. Nacida o 30 de decembro de 1932 en Ciego de Ávila (Cuba), segundo a nota biográfica da editorial Xerais, estudou Maxisterio e Xornalismo na Habana e de alí trasladouse a Bos Aires en 1957, onde coñecería a Neira Vilas. Casaron en 1957, ano no que fundaron Follas Novas, distribuidora do libro galego en América, que despois sería tamén editorial.

Dende o principio da súa residencia en Arxentina, vencellouse á cultura galega. Asistiu as clases patrocinadas pala Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) que dictaban Ramón de Valenzuela (Xeografia Galega), Alberto Vilanova (Historia de Galicia), Rafael Dieste (Literatura Galega), Eduardo Blanco Amor (Idioma Galego) e Antonio Baltar (Economía de Galicia). Traduciu para o galego poemas de autores latinoamericanos: José Martí, Rubén Darío, Amado Nervo, e ao norteamericano Walt Whitman. Todas foron aparecendo en publicacións galegas de Bos Aires.

Voltou a Cuba co seu home, en 1961. Traballou con Alejo Carpentier na redacción da revista Pueblo y cultura, e máis tarde como coordinadora nacional de edicións de libros para nenos e adolescentes, ademais de levar a administración da editorial por un tempo. Desempeñouse como xefa de redacción do semanario infantil Pionero. Foi cofundadora e xefa de redacción das revistas para nenos Zunzun e Bijirita. Colaborou en varias publicacións periódicas, dirixiu un programa de radio, actuou como xurado en diversos concursos.

No eido da creación literaria foi autora de obras de poesía, narrativa, teatro, viaxes e biografía. En teatro e narrativa obtivo importantes premios en Cuba, entre os que salientan tres premios "La Edad de Oro", teatro para nenos e adolescentes; e o Premio Nacional "Ismaelillo" de la Unión de Escritores e Artistas de Cuba. Dalgúns dos seus libros lévanse publicados en Cuba centos de milleiros de exemplares. Parte da súa obra está traducida ao eslovaco. Recibiu a medalla Raul Gómez García da Unión de Escritores e Artistas de Cuba e a medalla poIa Cultura Nacional do Ministerio de Cultura de Cuba. Foille conferida a medalla Ho Chi Minh e a Orden da Amizade otorgada polo Consello de Ministros de Viet Nam, polo seu traballo de solidariedade con aquel país. En 1992 radicouse co seu marido en Galicia, asumindo a vicepresidencia da Fundación Xosé Neira Vilas.

En galego publicou unha importante obra dirixida ao público infantil, a maior parte en Ediciós do Castro: Pardela amiga, Cantarolas, Os contos do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia. Na colección Merlín de Xerais publicou en 1995 unha reedición de Cantarolas, na que incluíu unha ducia dos seus poemas para nenos e nenas escritos en galego.
Falece aos 76 anos a escritora Anisia Miranda. Xornal.com
Comentarios (1) - Categoría: Pasamentos - Publicado o 23-10-2009 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
Deixounos outro renovador: Finou Camilo Gonsar
O autor de 'Cara a Times Square', de 77 anos de idade, faleceu en Vigo este domingo.


Chegamos a Times Square. Deixounos Camilo Gonsar, engandindo o seu nome a unha xa extensa lista de pasamentos na cultura galega neste outono. Morreu en Vigo aos 77 anos, despois dunha longa enfermidade que empeorou rapidamente nas últimas semanas. Camilo González Suárez-Llanos foi despedido este domingo polos seus familiares e amigos na sala 5 do tanatorio de Pereiró, na cidade de Vigo. Nese mesmo lugar foron incinerados este luns os seus restos mortais, ás 12 do mediodía. O Belga fica no peirao.

Camilo Gonsar era un home de escasas aparicións públicas, que fuxía dos ambientes literarios e ademais resultaba difícil encadralo nunha xeración determinada. Deixa unha obra que destaca non tanto polo seu volume como pola súa calidade. Deixa, sobre todo, dúas novelas centrais na literatura galega: Cara a Times Square (1980), e Desfeita (1983), Premio da Crítica Española en 1984. E unha gran cantidade de relatos, iniciados en Lonxe de nós e dentro (1961), obra fundacional da Nova Narrativa Galega, e Arredor do non (1995). Ambos os dous volumes foron recuperados recentemente por Galaxia, que en outubro publicou Relatos completos, 1961-1996.

Este libro ábrese cun limiar de Manuel Forcadela, que escribe que "a aura de Camilo Gonsar brota do concepto. A súa arte da ficción é unha arte incómoda para o lector acomodado; xorde sempre da posibilidade de abrir unha fenda no costume adquirido; obriga o lector a se situar fronte á fraxilidade das súas convencións, a pór en dúbida as súas certezas". O profesor Xosé Manuel Salgado, pola súa banda, salienta o carácter "rupturista" da obra de Gonsar, e lamenta que ao igual que o recentemente finado Rei Ballesteros "foi pouco lido, non sei se por non ser comprendido ou por ser mal explicado".

Nova Narrativa Galega
Na obra de Camilo Gonsar hai unha constante interrogación sobre a identidade. Dende o comezo ficou inscrito canda a Rodríguez Mourullo (Nasce unha árbore, 1954; Memorias de Tains, 1956), María Xosé Queizán (A orella no buraco, 1965), Xohana Torres (Adiós María, 1971) ou Carlos Casares (Vento Ferido, 1967) ou Ferrín (Percival e outras historias, 1958) no que Varela Jácome chamou Nova Narrativa Galega, o primeiro intento de renovación técnica e temática da literatura despois da guerra. Gonsar nunca quixo adscribirse a xeración ningunha; en Cara a Times Square o protagonista escribía: "Detesto as teorías. Cando estudaba, tiven que aprender centos delas, e tiven que aprender tamén a rebatilas , a todas menos unha ou dúas. Por sorte, esquencinme tanto das teorías como do xeito de rebatilas".

Os personaxes de Gonsar eran "peripatéticos e deambulantes", lembra Forcadela, como o propio autor. Viviu en Londres e foi profesor contratado na Universidade Syracuse de Nova York. O coñecemento directo das novas tendencias literarias que agromaban nos Estados Unidos e en Europa deixou o seu pouso nas primeiras obras de Gonsar, caracterizadas pola súa enorme liberdade formal e discursiva. Faulkner, Joyce, o noveau roman ao que sempre se adscribiu a Gonsar pero que Gonsar sempre rexeitou..., había que demostrar que a literatura e o idioma podían ser parte do movemento da cultura nova, e este feixe de novelas e relatos colocou nos anos sesenta á literatura galega nun estadio máis avanzado cá nova literatura castelá, cuxo cumio era naquela hora o Jarama de Sánchez Ferlosio.

Cara a Times Square
En 1961 publica Lonxe de nós e dentro, unha présa de relatos que, na altura, chamou a atención de Fole, Otero Pedrayo ou Risco, pero que sobre todo impactou nos seus coetáneos. En 1962, influído pola lectura de James Joyce, escribe a novela breve Como calquer outro día. Cara a Times Square, publicada en 1980, é unha novela transformadora e parteira da narrativa galega actual, "desprovista das pexas reducionistas: ruralismo, simbolismo, e alegorismo, denuncia social, costumbrismo, tradicionalismo... que a impedían medrar" (Historia da literatura galega).

A partir do recurso do manuscrito atopado conta as peripecias dun personaxe que se ve obrigado a camiñar durante a noite até Times Square, acompañado por un descoñecido, ao que chama o Belga, que espera algo que non se sabe o que é. Ese tipo de personaxes peripatéticos que camiñan moito pero nunca se aclaran responden á actitude dunha xeración. Tamén naqueles anos autores como Méndez Ferrín o Carlos Casares perseguían no subconsciente as orixes da sinrazón do seu momento histórico. O protagonista, nun estado de semiconsciencia producido polo whisky, déixase guiar polo Belga mentres falan de forma incoherente e fragmentada até chegaren a un peirao onde remata a misión do Belga, que cae ao mar empurrado polo protagonista, cumpríndose así o destino que aquel lle agoirara.

Ingreso na Real Academia
En 1983 chegou Desfeita (semirreportaxe), premio da Crítica Española ao ano seguinte. Despois publicou os libros de relatos Lonxe de nós e dentro e outras páxinas (1986) e Arredor do non (1995). A derradeira novela de Camilo Gonsar, A noite da aurora, apareceu en Galaxia en 2004. Trátase dunha novela desarraigada, unha reflexión sobre o destino e sobre o abandono da patria, ambientada en Islandia, onde varios galegos coinciden nun banco para facer troco de moedas.

Gonsar ingresou en 2002 na Real Academia Galega, cun discurso titulado Literatura galega: un achegamento subxectivo, que foi respondido por Xosé Luís Franco Grande. Naquela intervención, o autor afirmou que "a idea, bastante espallada, de que a perda da fala galega non implica a desaparición do pobo galego como tal seméllame indefendible. Sen a súa lingua, Galicia quedará reducida a catro provincias anódinas, amorfas, enteiramente carentes de personalidade".

Fragmento de Cara a Times Square
Por fin díxome:
¿Que querías logo? ¿Ou é que tes algo mellor que facer?
As súas palabras permaneceron case suspendidas no aire, como para facer durar a miña humillación por máis tempo.
Dígame: despois de telo seguido durante tantas horas (deixemos á parte a circunstancia de séremos compatriotas), ¿era aquela pregunta insultante a despedida que eu merecía?
¡Teño!
Foi rapidísimo. El estaba no borde do peirao, de maneira que, aproveitándome das nosas situacions, deille co meu pé dereito un rempuxón forte e súpeto antes de rematar de pronunciar a devandita exclamación (no caso de que eu a pronunciara realmente, en vez de só pensar en pronunciala) e aló embaixo caeu o Belga coa súa gabardina brillante como un lóstrego branco, sen emitir nin un berro. Por raro que pareza, eu non sentín o golpe que debería ter producido ao bater contra a auga--seguramente porque estabamos tan altos.
Nada pasou, á parte da súa caída, como, por outra parte, era de esperar. Quedou o ambiente tan tranquilo e calado coma antes.
Ou, mellor dito, si rexistrei un cambio mínimo -un só. A pequena luz vermella do faro deixou de escintilar ao lonxe.
Deixounos outro renovador: Finou Camilo Gonsar
Comentarios (1) - Categoría: Pasamentos - Publicado o 10-11-2008 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
Ultimo adeus ao poeta Ramiro Fonte
En Pontedeume, a súa vila natal

Redacción . O poeta e intelectual galego Ramiro Fonte, que faleceu esta fin de semana no Hospital Bellvitge de Barcelona, onde se atopaba ingresado dende o pasado 23 de setembro, será soterrado hoxe en Pontedeume.

Licenciado en Filosofía e Letras e profesor de Lingua e Literatura Galegas, Ramiro Fonte foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo Fondo, en 1977. Nacido en Pontedeume en 1957, ademais de poeta cultivou a narración, o ensaio, a crítica e foi un estudoso da literatura galega.

Conta cunha importante obra narrativa, na que destacaba a súa triloxía ?Vidas de infancia? formada por ?Os meus ollos? (Xerais 2003), ?Os ollos da ponte? (Xerais 2004) e ?A ponte nos ollos? (Xerais 2007). A súa produción poética,recibiu importantes recoñecementos, entre os que se atopan o Premio da Crítica de Galicia, o Premio Losada Diéguez de creación, o Premio da Crítica Española, o Premio Esquío e o Premio Miguel González Garcés.

Entre a súa obra poética atópanse 'As cidades da nada' (1983), 'Designium' (1984), 'Pensar na tempestade' (1986), 'Pasa un segredo' 1988, 'As lúas suburbanas' (1991), 'Adeus norte' (1991), 'Luz do mediodía' (1995), 'Persoas de amor' (1995), 'O cazador de libros' (1997), 'Mínima moralidade' (1998), Capitán Inverno (1999) e 'A rocha dous proscritos' (2001).

Ramiro Fonte era desde hai anos colaborador habitual de A Nosa Terra, onde mantivo unha columna aberta ás súas intensas inquedanzas culturais. Na actualidade, ademais, dirixía o instituto Cervantes de Lisboa.

Pesar do goberno galego

O Goberno galego manifestou este sábado as súas condolencias e a súa "consternación" pola morte de Ramiro Fonte, unha perda que cualificaron de "irreparable", tanto para as letras e a cultura galega como "a nivel persoal".

En senllos comunicados de prensa, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, lamentaron o falecemento do actual director do Instituto Cervantes de Lisboa.

Touriño destacou que as letras e a lingua galega "están de loito porque Galicia perde hoxe unha das voces máis lúcidas da literatura", ao tempo que trasmitiu á familia do escritor as súas condolencias persoais.

Pola súa banda, Ánxela Bugallo, que anunciou que asistirá aos actos fúnebres que terán lugar en Pontedeume (A Coruña), pobo natal de Fonte, eloxiou o seu papel como o "poeta e narrador" máis destacado dos últimos anos.
Ultimo adeus ao poeta Ramiro Fonte
Comentarios (1) - Categoría: Pasamentos - Publicado o 25-10-2008 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
Adeus ao bispo progresista
REPORTAXE

A morte de José Gómez augura un xiro conservador na diocese de Lugo
ARCADIO SILVOSA - Lugo - 14/01/2008

Aínda que afirmaba non crer en progresismo ou conservadurismo, a realidade é que en distintos ámbitos sempre se considerou ao que foi o bispo de Lugo nos últimos 27 anos, Frei José Gómez, como unha persoa de posturas claramente avanzadas. Moi contrapostas, en todo caso, aos valores que representa o arcebispo de Madrid, o cardeal Antonio María Rouco Varela, de quen se dá por feito que terá unha forte ascendencia sobre o seu sobriño, Afonso Carrasco Rouco, que pasará a ser o máximo responsable da diocese lucense o próximo 9 de febreiro.

"Era un bispo progresista, dentro do que pode ser o progresismo do obispado", afirma o sociólogo Bernardo García Cendán, quen coñecía persoalmente a frei José, falecido a pasada semana. "Era máis da liña de Tarancón, aínda que sen decantarse excesivamente", detalla Cendán, quen recorda que se chegou a publicar que o que foi bispo número 100 da diocese lucense non prestou o seu apoio a Rouco Varela para continuar á fronte da Conferencia Episcopal. O seu secretario persoal durante os últimos 25 anos, o sacerdote Mario Vázquez, tamén considera a José Gómez como un bispo que se situaba "na liña máis aberta" da Conferencia Episcopal, aínda que insiste en que ao prelado que agora repousa na capela de San Froilán non lle gustaban as divisións e sempre falaba de "os máis fieis a Xesús ou menos".

Sobre a súa suposta oposición a Rouco Varela, o sacerdote Vázquez apela ao segredo das votacións e evita entrar nunha cuestión que sitúa no "terreo especulativo". "É algo que se puido interpretar máis que outra cousa, porque el era moi parco en comentarios sobre a Conferencia Episcopal", remarca. Tamén aclara que Rouco falou en varias ocasións con frei José durante a enfermidade deste último, pero non deixa de ser unha realidade que o arcebispo de Madrid non acudira ás exequias que se celebraron o pasado xoves na catedral de Lugo.

García Cendán recorda ao bispo falecido como un galeguista "moi sensible". Tamén neste punto existe concordancia coa opinión de Vázquez, quen asegura que José Gómez "sempre foi un bispo que pediu aos seus sacerdotes que optasen polo galego".

É certo que Gómez "nunca impuña nada", pero chegou un momento no que se cansou de que algúns sacerdotes non lle fixesen caso na cuestión idiomática. Por iso adoptouse un acordo no obispado para que os sacerdotes da diocese, cando menos, utilizasen o galego nas súas homilías e na lectura do evanxeo.

Recoñecemento do BNG

A súa defensa do galego chegou até a sensibilizar aos sectores máis nacionalistas, até o punto de que o grupo municipal do BNG emitiu un comunicado de condolencia, á marxe do pronunciamiento institucional, para resaltar, entre outros valores, a permanente utilización do galego na sede do Obispado de Lugo.

Vázquez recorda ademais que prestou "un gran apoio" ao laicado e moitas das delegacións do obispado púxoas en "mans de laicos". Así, hoxe en día quen recibe na vigairía xeral aos matrimonios con problemas é María José, unha avogada que forma parte dese laicismo que impulsou unha persoa que sempre "fuxiu dos fastos sociais".

Con todo, frei José Gómez gañouse definitivamente ás clases progresistas cando apareceu, ocupando un lugar moi discreto, case ao final da marcha, nunha manifestación contra a guerra de Iraq. "El iso tíñao moi claro e estaba en contra de todo aquilo que fose violencia. É certo que foi a esa manifestación á que eu non lle puiden acompañar", recorda o seu secretario.

Tras a desaparición de Gómez, distinguido como bispo emérito, aventúranse novos tempos para a diocese lucense. Quen coñece ao que será novo bispo, Afonso Carrasco Rouco, destacan a súa timidez, pero tamén unha sólida preparación para o cargo.

"Temo moito á presión do tío", afirma unha persoa que coñece ben a Afonso Carrasco e tamén a Rouco Varela, de quen asegura que foi evolucionando cara a posturas conservadoras desde o mesmo momento en que se fixo bispo e que ten claro que volverá intentar presidir a Conferencia Episcopal.
Adeus ao bispo progresista
Comentarios (1) - Categoría: Pasamentos - Publicado o 15-01-2008 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
Morre ós setenta anos o creador Xaime Quessada
O creador ourensán Xaime Quessada faleceu onte aos 70 anos a consecuencia dunha longa e penosa enfermidade. O artista galego, un dos de maior pro- xección, será enterrado hoxe no Carballiño


Xaime Quesada Porto

O pintor ourensán Xaime Quesada Porto -coñecido artisticamente como Xaime Quessada- recibirá sepultura hoxe no cemiterio de Señorín, do Carballiño, no que foi enterrado o seu fillo en xuño do 2006, segundo fontes familiares.

Quesada Porto, de 70 anos, faleceu pouco despois do mediodía a consecuencia dunha longa e penosa enfermidade. Cando o féretro chegou ó tanatorio de Santa Mariña xa o esperaban os seus amigos, entre os que se atopaba o escultor Acisclo Manzano, aínda que foi constante a presenza nestas instalacións de amigos e persoas dos ámbitos cultural e político de Ourense.

Entre os que acudiron a despedirse do pintor atopábase o comunista histórico galego Manuel Peña Rey, que dixo do artista desaparecido que foi "un colaborador infatigable nas denuncias da realidade".

Segundo Peña Rey, Quessada tiña un discurso de "combate ideolóxico comprometido" e lembrou que na súa obra plasmou "realidades terribles, como as torturas franquistas ou a fame en África, pero con tal mestría que os seus cadros eran, ademais, bonitos". En relación ó seu compromiso social, Peña Rey destacou que entre as súas últimas obras atópase unha de denuncia da apertura de Reganosa en Ferrol e unha serie pictórica sobre as torturas franquistas, adquirida por unha entidade bancaria.

"Estivo metido en vinte mil historias porque ademais de xeneroso, era accesible para calquera e practicamente nunca dicía que non a prestar o seu apoio a algunha causa", afirmou.

Os restos do pintor falecido sairán hoxe do tanatorio de Santa Mariña ás 16.30 horas e serán trasladados ata o cemiterio de Señorín (O Carballiño) onde repousa o seu fillo Xaime Quesada Blanco, tamén pintor, que recibiu sepultura en xuño de 2006.

Pola súa parte, o escultor Acisclo Manzano asegurou onte que o seu "grande amigo" Xaime Quesada era "un home sabio e un gran pintor, que che dicía as verdades á cara, e despois dábache o grande abrazo".

"Vivimos cousas que só el eu sabemos. Coñeciámonos dende nenos e uniunos a arte, a política, a amizade e as confidencias pero tamén as rifas", puntualizou. Manzano dixo que tivo un encontro co seu amigo pintor hai só tres días "e falamos de facer uns traballos entre el e eu para retomar o espírito de O volter, que no seu día foi vangarda artística de Galicia.

Declarou que coñeceu o seu amigo nos anos 50. "Eramos veciños de barrio. El vivía da Praza Maior para arriba e eu da Praza Maior para abaixo" e recordou o momento en que o coñeceu, "estaba pintando na fonte das Burgas". "El non se foi. Sempre dicía que era inmortal e eu creo na súa inmortalidade, aínda ¡que cona...!, está claro que me deixou tirado aquí".
Morre ós setenta anos o creador Xaime Quessada
Comentarios (1) - Categoría: Pasamentos - Publicado o 08-01-2008 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0