boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Preguntas e respostas sobre o Banco de Terras
- Por que falan de "Conservación da Superficie Agraria Útil"?
- En Europa, a metade do territorio (dúas de cada catro hectáreas) é Superficie Agraria Útil (superficie labrada e prados). En Galiza, só temos a cuarta parte (unha de cada catro hectáreas). Os últimos anos pecharon explotacións agrarias sen vender nin alugar as fincas, polo que cada vez temos máis terra abandonada. Por iso, a necesidade desta Lei de Conservación da Superficie Agraria Útil.

- Que razóns hai para que a xente non venda as terras, unha vez que pechou a explotación?
- Son moitas, evidentemente. Pero unha das razóns pola que hai pouco mercado de fincas agrarias é que as persoas prefiren manter as terras como "capital de aforro", "polo que poida pasar".

- Pero poderían alugalas por uns anos. Por que hai tan pouco costume de arrendalas?
- Tamén hai moitas razóns. Pero podemos destacar tres moi importantes: o medo a que o agricultor se faga dono e quedar sen as terras, o temor a que deixe de pagar a renda e ter que andar en preitos para cobrar ou mesmo que, rematado o período de arrendamento, a finca quede desfeita.

- Que é iso do Banco de Terras?
- O chamado BanTeGal é un banco público, creado pola Xunta de Galicia, para facilitar o arrendamento de fincas agrícolas entre propietarios e agricultores.

- É obrigatorio ceder as fincas ao Banco de Terras para poder arrendalas?
- Todas as operacións de Banco de Terras son voluntarias. Un propietario pode arrendalas a través do BanTeGal, que garante recuperar a finca ao rematar o prazo de aluguer, que tamén asegura o cobro da renda pactada e da devolución da terra nas debidas condicións, ou pode arrendala pola súa conta. O Banco de Terras nunca é obrigatorio.

- Pode a Xunta impoñer unha multa por non cultivar as fincas?
- A Lei de Conservación de Superficie Agraria Útil establece un réxime sancionador para aquelas fincas que polo seu grave estado de abandono poidan producir danos a terceiros. Non é obrigatorio cultivar as fincas, pero si darlle os labores de mantemento necesarios para evitar graves abandonos que poden embocar en incendios e pragas, entre outros, que prexudiquen as persoas en propiedades colindantes.

- Podo encher as terras de eucaliptos para que non digan que están abandonadas?
- As plantacións forestais hai que facelas no monte. Está prohibida a forestación de terras agrarias, a menos que conte con autorización.

- Que ten que facer un propietario para apuntar as terras no Banco?
- Pode facerse na Oficina Agraria Comarcal máis próxima, sabendo o número do polígono e parcela catastral, ou facer unha solicitude por internet desde a páxina web da Consellaría do Medio Rural.

- Por cantos anos ten que arrendar as terras?
- Establécense períodos máximos de 5 anos, que poderán ser prorrogados se hai consentimento expreso do propietario.

- Caso concreto: para que non multen a un propietario, inscribe as terras no Banco, pero non permite que as aluguen por menos de 6.000? anuais. Pode facelo?
- O arrendamento de fincas a través de BanTeGal será polo prezo que establece a Xunta cada ano, a nivel parroquial, e segundo o tipo de cultivo. Só se poderá baixar o prezo se está de acordo o propietario ou subir se está de acordo o agricultor.

- Outro caso: con tal de que teñan as fincas coidadas, chegaría con que paguen un euro. Pode ser?
- Efectivamente. O propietario pode marcar un prezo menor. Hai propietarios que xa manifestaron o seu interese en arrendar a un prezo simbólico simplemente por que lles manteñan as fincas coidadas.

- Imaxinemos outro suposto: "Os bancos só están para gañar cartos. Non me fío".
- Estamos a falar dun Banco de Terras. Dun Banco Público da Xunta de Galicia, para facilitar os arrendamentos de fincas entre propietarios e agricultores. Coa garantía de recuperación da finca, coa garantía do cobro da renda, coa garantía de devolución da finca en boas condicións de uso. Coa garantía dun Banco Público. Con todas as garantías.

- Pregunta para outro suposto: "Vou ter que vender as leiras se non podo traballalas?"
- Ninguén obriga a comprar ou a vender as fincas. Todos os propietarios teñen a obriga de manter o seu patrimonio nun normal estado de conservación, para non causar danos a terceiros. Se non podo traballalas, teño que darlles uns coidados mínimos de mantemento para evitar o seu grave abandono, ou tamén podo optar por cedelas ao Banco de Terras, para permitir que sexan arrendadas, co que non serei sancionado.

- Pregunta dun posible propietario: "Vai a Xunta a expropiarme por ter as fincas abandonadas?
- A Lei establece un réxime sancionador para fincas en grave estado de abandono que poidan causar prexuízos a outras propiedades ou persoas. En ningún caso se contempla a expropiación de fincas por estas razóns.

- E se o agricultor deixa de pagar?
- O BanTeGal fará efectivo periodicamente o pago da renda ao propietario, aínda que o arrendatario deixe de pagar, mentres non se resolva o contrato.

-Que pasa se deixa toda a finca estragada?
- Rematado o período de arrendamento, o BanTeGal garantirá o rescate da finca nas mesmas condicións de uso nas que se entregou.

- Pode o agricultor arrincar os marcos?
- Non pode alterarse ningún elemento singular da finca sen permiso do propietario (marcos, muros, peches...)

- "Non se me fará dono das terras?", típica consulta dun propietario.
- A propiedade da terra sempre é do lexítimo propietario. O agricultor non adquire ningún dereito de propiedade. Acabado o período de arrendamento, o BanTeGal garantirá o rescate da finca para o propietario.

- Pode un propietario vender as fincas ou partirlle aos fillos?
- Durante o período de arrendamento poden producirse cambios de titularidade, mantendo o novo propietario as condicións do arrendamento ate que este remate.

- Pode seguir a decotar os carballos para facer leña para a casa?
- O aproveitamento da leña e da madeira, así como a corta de árbores madeirables correspóndelle ao propietario, a menos que no contrato se acorde outra cousa.

Hai que pagar algo por usar o Banco de Terras?
- A inscrición de fincas no Banco de Terras é totalmente gratuíta, así como as súas xestións. No caso de que a finca fose arrendada, o BanTeGal poderá cobrar unha comisión máxima do 5% que descontará no abono dos recibos.

- Pode o dono vender as fincas, mentres as ten arrendadas e rescindir o contrato?
- En efecto. Pode vender, regalar e permutar, entre outras, pero o novo titular ten que manter o contrato de arrendamento en vigor ate que remate o prazo establecido.

- Agora déuselle por traballar ao propietario. "Pódeme botar fóra das terras?", pensará o arrendatario.
- Non se pode rescindir o contrato de arrendamento, a menos que haxa mutuo acordo.

- Outro agricultor tamén está interesado nas fincas. Quen ten preferencia?
- No caso de concorrencia de solicitudes, establécense uns criterios de adxudicación. En todo caso, unha vez resolta a adxudicación, non hai prevalenza, polo que ten moita importancia a orde de presentación. É dicir, a primeira solicitude presentada pode ser resolta antes de que se presente a segunda, polo que xa non hai prevalenza.

- Hai algunha axuda para o arrendamento?
- A transmisión de fincas, a través do Banco de Terras teñen unha dedución tributaria do 95% do imposto de transmisións patrimoniais. Ademais, a Xunta poderá establecer liñas de apoio económico e financeiro das fincas, realización de melloras e incluso para axudas ao pagamento da renda.

- Nova pregunta: "Podo cortarlle os carballos que ten na parte de arriba, que me fan sombra?"
- Non. O aproveitamento de leña ou da madeira corresponde ao propietario, a menos que se acorde outra cousa no contrato.

- Outro suposto: "Podo desfacer os muros, que non me dá volta o tractor?"
- O agricultor arrendatario ten a obriga de manter a integridade da finca e devolvela nas mesmas condicións de uso en que lle foi entregada. Calquera alteración sería posible se existe consentimento expreso do propietario.

- Outra consulta: "Quería mercar 10 vacas máis, pero por cinco anos de arrendamento, non paga a pena. Podo arrendala por 10 anos?"
- O propietario que deposita a finca no Banco de Terras, autoriza a este para que faga arrendamento por un máximo de 5 anos. Non hai ningún problema en ampliar o prazo pero, neste caso, é necesaria a autorización expresa do dono da finca. Este permiso seralle solicitado directamente polo BanTeGal ao propietario.

- Novo supòsto: "Teño que pagar eu a contribución polas fincas que arrende?"
- As fincas, aínda que estean arrendadas, seguen a ser propiedade do seu lexítimo dono que é quen ten que pagar a contribución e demais gastos derivados desta propiedade.


O Banco de Terras facilita o arrendamento de fincas agrícolas en Galicia
BanTeGal. Banco de Terras de Galiza
Comentarios (1) - Categoría: Xunta de Galiza - Publicado o 20-11-2007 00:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0