boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

¿Que quere Galicia de Portugal?
SUSO DE TORO

E que Portugal de Galicia. Dúas preguntas que nunca se fan, pero que explican as protestas porque vaia a Estremadura e non a Vigo un organismo de cooperación transfronteriza ou cando se nos nega o tren rápido a Porto. Portugal e Galicia mantemos relacións á galega: si pero non. E por confusas son frustrantes.

Portugal e España teñen nacionalismos de Estado moi ríxidos, e Galicia está encerrada do modo máis ridículo dentro do nacionalismo español. Así, se lle preguntan a un galego por "o sur" inmediatamente pensa en Andalucía. E é verdade que ese é tamén o noso sur, sobre todo porque é o imaxinario que nos meteu na cabeza a escola e hoxe os medios de comunicación, os discursos políticos...Vivimos encerrados nesa ideoloxía a despeito da realidade física, a que reflicten os mapas: ao sur está Portugal. Evidencia que negamos na práctica na vida diaria. Un galego pensa "vou comprar mobles a Ikea" e vaise a Madrid, ou a Xixón, tendo a mesma tenda máis preto, en Porto. Na nosa imaxinación segue habendo aduanas, garda civís e guardinhas. O noso pensamento é reaccionario, vive case trinta anos atrasado: xa non hai fronteiras, nin pesetas e escudos senón euros, non hai dous espazos senón un e a raia que separa as manchas non existe. Pero a nosa imaxinación segue sendo nacionalista e non entrou aínda na Unión Europea.

¿Actuamos ignorando a Portugal porque temos a imaxinación colonizada por ese nacionalismo español? Si. Pero tamén o explican as relacións de poder, o máis forte, o máis rico sempre se coloca por encima do máis débil ou máis pobre. Portugal sempre estivo económicamente por detrás de España, e así, os galegos, malia estar postergados en España en case todo, puidéronse e pódense sentir por encima dos portugueses. Reconozcámoslo: nos place sentirnos superiores, máis ricos, máis modernos que os nosos veciños. Non por iso somos peores que os demais, as relacións de poder é a Física da vida: no aula manda o máis listo e no patio da escola o máis abusón e ata o máis pobre ten a alguén ante o que se sente superior. Os galegos somos os penúltimos dos españois, pero miramos por encima do ombreiro aos portugueses, grazas a que non temos memoria e á nosa ignorancia.

Grazas a que non temos memoria, porque o atraso económico portugués non é tan distinto do noso, só lles levamos uns anos de adianto no atraso: ao atravesar a fronteira viamos o pasado das nosas familias, eramos nós quince ou vinte anos antes. E iso é moi incómodo. Tamén esquecemos como nos viron sempre os demais: o novelista e diplomático Palacio Valdés dicíalle a un portugués, "crense vostedes ingleses e non son máis que galegos". Queda a dilucidar se ese racismo xenófobo é máis cruel cos galegos que cos portugueses, pero evidencia ese lazo que é evidente que nos resulta incómodo e que uns e outros ocultamos. Pero, ninguén o dubide, se Portugal tivese a riqueza, poder, prestixio de Francia aquí todo quisque falaría portugués con sotaque lisboeta. ¡Galego o último!

E ignoramos a Portugal tamén por ignorancia: a da nosa historia. Un continuo histórico que, con loitas dinásticas por medio, chegou ata o século XV en que Galicia, a Galiza, "domada e castrada", quedou uncida a unha coroa radicada no centro peninsular. Aínda así compartimos un espazo lingüístico. Os portugueses mozarabizaron a lingua falándoa ao modo do sur peninsular, lingüísticamente son os nosos andaluces, dando lugar á mesma paradoja dun santanderino en Cádiz: custa entendelos. Pero as nosas palabras, levadas por eles polo mundo, recoñecémolas fácilmente nesa potencia en marcha que é Brasil, alí florece o galego, e sorprende idéntica fala en Angola e Mozambique. Só un país tolo desprezaría esa riqueza, ese patrimonio lingüístico. Galicia faino. Pola súa ignorancia e prejuicios, por unha ideoloxía nacionalista dun Estado uniformizador e centralista.

A única saída de Galicia é aceptar o mapa, a realidade e construír a nosa eurorregión, levantada sobre o reencuentro sen prejuicios. E se non é así, non nos queixemos tanto pois temos o que merecemos. Estremadura non ten vergonza nin complexo en aprender a falar portugués: merecen ser sé dese organismo transfronterizo. É triste, pero nós non. A merecelo.
¿Qué quiere Galicia de Portugal?
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-11-2007 11:01
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia: Ser e non ser
MANUEL RIVAS LUCES

Non esquezamos que Galicia é un "país hamletiano", que dixo Valle-Inclán, e non nos estrañe, pois, que o censor e delegado do ministerio de Información e Turismo, Serrano Castilla, ameazara con fusilar ao máis célebre personaxe de Shakespeare. Eu tiña unha versión: "Vou levar a don Hamlet ao paredón!". Cóntame alguén que a expresión aínda foi máis precisa: "Vou levar a ese incerto señor don Hamlet ao paredón!". Sucedeu na Coruña do ano 1959. E iso que Álvaro Cunqueiro, o autor da recreación, non era precisamente un desmandado. Mais tiña o estigma dunha patria de náufragos: non había quen lle borrara, como a Urbano Lugrís, aquela bohemia saudade dos soños perdidos. Ser ou non ser? En Galicia o dilema resólvese cunha dobre nacionalidade histórica: Ser e non ser. Temos días de ser e días de non ser. En xuño de 1936 o pobo galego aprobou en referendo o seu primeiro Estatuto. No fermoso preámbulo dicíase que Galicia acadaba ese autogoberno "sen combater nin odiar". Unha alta declaración de política e de estilo. Que saudade! Logo veu o gadañeiro, a produción de odio a esgalla, e xa non houbo outro xeito de ser que o non ser.

Na transición democrática, co debate do novo Estatuto, volveuse ao dilema de ser ou non ser. A forza dominante era entón a UCD. Tiña en número de votantes a maioría absoluta en Galicia. A dirección estatal do partido negoulle a Galicia a consideración de nacionalidade histórica, que se recoñecera a Cataluña e Euskadi. E entón, entre outras cousas, apareceu un dos homes do Partido da Saudade, Domingo García-Sabell, e escribiu en El Ideal Gallego un artigo ao estilo do Eu acuso de Émile Zola, o titulado O aldraxe. Tivo un efecto fulgurante, porque había xentes de talla na UCD galega que non quixeron actuar como subalternos e foron quen de chantarse con dignidade diante da xefatura. Souberon ver que ese aceno de liberdade era decisivo, non por motivos semánticos, senón polo fondo calado democrático. E saíu o ser nacionalidade histórica. Ningún dos convocados no Monte Pío o pasado mércores, para a reforma e ampliación do Estatuto, debería terse levantado da mesa ata acadar un acordo. Seguir a divisa do intelixente conservador Mc Millan: "A paciente deliberación desenreda calquera nó".

Non se poden estragar anos de tempo, ese ben público, desta maneira. O diagnóstico é ese: Galicia perdeu o tempo. Grandes reservas e depósitos de tempo. A canto vai o quilo de tempo público? Cal é o valor comunitario dos anos perdidos por mor dunha facción? Home, xa se sabe que sermos somos, sendo e non sendo. Mais volvemos ao nefasto tempo do Ir Tirando.

Cómo lles vai?, preguntaba madame Paulais, a profesora que lle aprendeu francés a moitos cascarilleiros (cascarilleiro, para quen non o saiba, é o xeito garimoso de nomear os coruñeses).

- Imos tirando, madame!

Esa era a resposta que máis a anoxaba. Púñase furiosa: "Tirando? De qué van tirando? Estes galegos sempre tirando de non se sabe que!".

Á parte de seguir tirando, eis unha boa pregunta: De qué imos tirando?

Ese é o grande erro de Mariano Rajoy e Núñez Feijoo: Veñen de refundar a nación. Agora si que somos nación. Xa temos saudade de nación irónica. E para ir tirando, o Partido do Tempo Perdido.

A SAUDADE IRÓNICA

Nantes. Francia. Noite de fin de ano. Cincocentas persoas, autoconvocadas pola Rede, maniféstanse contra a chegada do 2007. De vivilo, canto non habían de rir xuntos António Sérgio e Teixeira de Pascoaes, que mantiveron a máis brillante e aguda polémica de todos os tempos verbo da saudade. Unha controversia na que regañaron os dentes. E é que Teixeira foi en demasía lonxe. A saudade non só sería unha vía de coñecemento, senón que avogou porque fora unha especie de filosofía oficial do Novo Estado. Como Heidegger, confundiu a poética cunha perigosa metafísica: "Máis que para discutir eu nacín para afirmar. Nin as grandes verdades se discuten: afírmanse". António Sérgio, republicano, librepensador, herdeiro da Ilustración -e quen, por certo, pasou como profesor pola Universidade de Santiago- albiscou no saudosismo un fondo reaccionario e tamén un motivo para a brincadeira e o humor: "Vostedes, propietarios uns, profesores outros, vivindo toda a vida sen grandes loitas nin paixóns, de qué raio teñen saudade vostedes, santo Deus?". Teixeira clamaba: "Alma! Alma! Alma! é o que nos falta, meu caro António Sérgio". E o racionalista dille: "Non é de Europa, amigo meu, que me veñen horas de escepticismo; é de Portugal e dos portugueses". Quen os viría xuntos agora, en Nantes, a manifestarse contra o Aninovo!

A esperanza nun mundo mellor deixou de estar instalada automaticamente no futuro previsíbel. A nova saudade reivindica outro tempo, que non ten que ver co cronos. O tempo poético. O tempo surrealista. O tempo situacionista fronte ao tempo consumista e consumido. O valor do tempo ecolóxico fronte á velocidade da desfeita. Xa ninguén cre, agás Francis Fukuyama e Pedro Arias, na marcha imparábel do Progreso, segundo o dogma capitalista. Aquí o único progreso que progresa con sentido común é El Progreso de Lugo. Algo axudan tamén as esquelas.

A filosofía da saudade esmoreceu en Galicia despois da Xeración Galaxia, pero en Portugal acadou novos azos con Eduardo Lourenço, o pensador de maior proxección internacional, tan fondo de coñecedor de Fernando Pessoa (Pessoa revisitado) como de Franz Kafka ou Albert Camus. Autor da moi traducida Mitologia da saudade, Eduardo Lourenço, premio Europa de Ensaio en 1988 e premio Camões no 2001, é un dos que máis ten desenvolvido a idea de saudade de futuro. Así, a saudade expresaría un sentimento de perda mais tamén o espazo do desexo. Proba é que a saudade ten o seu máis forte vínculo co campo da felicidade que co da desgraza.

DE QUÉ TEÑEN VOSTEDES SAUDADE?

Esa é unha boa pregunta para definir a un pobo: De qué teñen vostedes saudade? Hai saudades persoais, que se cadra son as máis importantes. Eu teño saudade de ti, meu ben. Mais tamén hai saudades máis ou menos compartidas. Saudades que non teñen por qué explicarse. Saudades que son e xa está. Pásalles como aos poemas ou as cadros. O que se di na Ars poetica de Archibald MacLeish: poema non debería significar / senón ser. Os poemas de Uxío Novoneyra son. Eu con eles xa teño unha nación, un cosmos e unha constelacion. Mesmo hainos que son e non son:

Esta tarde o aire é meu amigo

Voume sumindo sumindo.

Si o aire quer

chegarei a non ser ninguén.

AS MIGAS

- A perruqueira. Ana María Ríos foi a Cancún de lúa de mel e metérona no caldeiro. Despois, por riba, as linguas murmuradoras dixeron que estaba anoréxica. Eis, en Interviu, a belida ironía, a retranca do corpo espido e e o espírito dunha Escarlata O`Hara da Era Inmobiliaria: "Xuro que nunca máis pagarei unha hipoteca!".

A canción. A saudade está á espreita en todas partes. Ando pola rede, petisco n' As uvas na solaina, o blog que vendima con ilustrada saudade Marcos Valcárcel, e logo voume ao inferniño do foro de Arroutada, a ver como vai o Índice Galego de Rexouba. Mais o que atopo alí é un bo consello: chuzar en YouTube e escoitar a Merle Haggard e Johnny Cash cantando Sing me back home. O día que morra, cantádame de volta á casa. Carallo coa saudade!

Urxencias. Pasámonos a vida en urxencias. A urxencia de marchar, a urxencia de volver. Residuos radioactivos. Vacas tolas. Mareas negras. Todo o dobre sentido: somos un país hospitalario, de hospitais. Onde as dores andan polos corredores. Nación de urxencias, si.

Estatuto final. A xeito de limiar consensuado, a bíblica frase: "Somos como nación de uvas, só cando nos esmagan damos o mellor de nós".
Galicia: Ser e non ser
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 07-11-2007 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0