boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VOLVEREI
o máis cedo posíbel
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 30-01-2013 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
O presidente que resultou "muy gallego"
MANUEL RIVAS Luces

06/11/2009

"Feijóo es muy gallego, en el sentido peyorativo de la palabra" (Rosa Díez, membro do Congreso dos Deputados).

Esta é a frase literal da deputada ao seu paso por Galicia e que varios xornais destacaron como titular. O presidente Feijóo non dixo nada. Nin ninguén no seu Goberno nin no seu partido. A autora da declaración, membro do Congreso dos Deputados, foi convidada como conferenciante polo Club Financeiro da Coruña. Que se saiba, tampouco ninguén de entre os directivos ou do público interpelou á deputada. Será que non se deron por aludidos. Nin Feijóo, nin o resto. Eu xa non digo que se anoxaran polo de "peyorativo", pero polo menos deberían cabrearse polo de "muy gallego".

Se fóra de Galicia din de ti que es "muy gallego" pode ser nefasto ou glorioso, depende do retintín. No mester literario adoita ser unha loanza, pois o paradigma de "muy gallego" é Valle-Inclán. O autor das Comedias bárbaras fixo co castelán o que James Joyce se propuxo co inglés: "conquistar a lingua do imperio". E cómpre dicilo. Non naceu outro imaxineiro que retornease o castelán coas sublimes curvas de Valle-Inclán. E as curvas eran galaicas, abofé. Todos os pigmentos desaparecidos do Pórtico da Gloria, a maior película en tecnicolor da Idade Media, non foron subtraídos pola corrosión do tempo e da humidade, senón que como partículas de pole que atravesaron os séculos foron pousar na ollada pictográfica de Valle-Inclán.

Porén, en política, como vén de demostrar dona Rosa, o de "gallego" case sempre ten un sentido negativo. E non hai máis que ver o tratamento variábel a que son sometidos na Corte dos Milagres dous líderes de orixe galega e rivais na política, Rajoy e Blanco. Cando Rajoy está en horas baixas, sobe o seu termómetro de "gallego", como fai o mercurio coa febre. E cando atopou un socias na Biblia, foi dar co santo Job. Outro gallego!

O mesmo sucede co caso Blanco. Nada máis aterrar na capital de España, a Blanco tratárono de Pepiño. Mesmo hai señoritos radiofónicos que se permiten falar de "Pepiño de Palas de Rei". Esa confianza que ninguén lles deu, a confianza abusona, a elocuencia maleducada de quen utiliza a linguaxe e a antroponimia para dividir o mundo en supremacistas e subalternos. Claro que o trato a José Blanco cambiou nada máis ser nomeado ministro de Fomento. Agora os señoritos radiofónicos cada vez usan menos o diminutivo hipocorístico. De Pepiño a Pepe e de Pepe a don José. E viva Palas do Rei! Velaí a elocuencia do poder. A maior orzamento no ministerio, menos Pepiño e máis don José. Aí está o segredo da misteriosa conexión entre a antroponimia, os xentilicios, e os Presupostos Xerais do Estado.

En Galicia existen bos representantes de case todas as correntes nos estudos históricos, mais eu boto de menos os chamados historiadores "subalternistas", conectados cos adaís da "historia dende abaixo" (como Eric Hobsbawm), que tan ben desentrañaron nos anos 80 a sociedade da India e alumearon os seus cuartos escuros, como o "sistema de castas". E deron na clave. O importante non é só a descrición histórica da "subalternidade", senón sobre todo o cómo esas diferenzas e estratificacións sociais comportan un xogo de representacións. Velaí unha pregunta esencial: "Como se 'representa', como é 'figurada' a subalternidade?"

Ela non é consciente, como non o son outros, mais o que reflicte a couce de Rosa Díez é unha idea de Galicia como un espazo subalterno. Un lugar onde trousar prexuízos impunemente, mesmo con aplausos e risos dos espectadores de mentalidade subalterna. O Goberno galego debería facerlla chegar a Umberto Eco e pedirlle un informe semiótico, porque non ten perda. Sería un documento histórico. Como semióticos afeccionados, poderíamos aventurar algunhas preguntas e consideracións.

a) Oración principal: Feijóo es "muy gallego". Cuestións: Quen é Feijóo? O presidente de Galicia. Que clases de galegos hai? Moi galegos, pouco galegos, e galegos a secas. (Coido que "a secas" escasean, e ademais este ano a colleita de uva é excelente). Que significa ser "muy gallego"? Todos os inquéritos indican que a cualificación de "muy gallego" é empregada hoxe en día con dous significados: 1. Es buen chico, pero es "muy gallego". Tradución: Ten o defecto de que fala galego. 2. Ten cuidado porque es "muy gallego". Tradución: É unha persoa renarte, retorcida, que di unha cousa e pensa outra.

b) Oración subordinada: En el sentido peyorativo de la palabra. Segundo a declarante, existe pois un sentido pexorativo de ser galego. É algo que admite, afirma e usa. Historicamente, o xentilicio galego foi utilizado con moi diferentes connotacións. Houbo xeiras en que tiña connotacións maioritariamente positivas: na época romana e na Idade Media. Mesmo o Cid, para os historiadores de Al-Andalus, era un "valente galego". A perda do Reino de Galicia e todo o proceso de subalternidade social arrastran tamén ao xentilicio e o "galego" pasa a ser, en expresión de Paul Lafargue, "unha das razas malditas da humanidade". Por que? Polo seu servilismo e polo seu "amor ao traballo". Agora si: as desgrazas nunca veñen soas.

Todo isto é historia. Rosa Díez, e os que pensan como ela, proclaman a inutilidade actual das identidades. Habería que engadir: a inutilidade das identidades "dos outros". A min paréceme unha aberración non só política senón tamén moral e intelectual o estabelecer unha cualificación das persoas segundo o xentilicio, o lugar no que naceron. Que significa hoxe ser "muy gallego"? Para algúns galegos que non falan galego ese o xeito de denominar aos galegos que falan galego ou que son favorábeis a unha cooficialidade real no ensino. Velaí os espellos deformadores. Un galego que fale galego non é un galego senón un perigoso "muy gallego"!

Pero a aberración aínda pode chegar máis lonxe. Por que Feijóo é "muy gallego" no sentido pexorativo da palabra? Feijoo prefire falar castelán na intimidade, vén de recortar substancialmente o orzamento para a normalización educativa do galego, amputou o presuposto do Consello da Cultura Galega e mesmo anulou as xa miserentas axudas para tradución a outras linguas: Viva o cosmopolitismo! Volvemos á pregunta: Por que para esta xente Feijoo é "muy gallego" no sentido pexorativo da palabra? Por que queren un "cirurxián de ferro" para o idioma. Un carniceiro da lingua. Alguén que non demore con anestesia. Un presidente de Galicia que no se haga el gallego!

Ese mago do despistar e das distraccións que é Sarkozy vén de pór nun primeiro plano do debate, outra volta, o que é a "identidade francesa". Nós non temos a Sarkozy, pero temos na feira magníficas distraccións, como o carrusel de Negreira e o seu Ele. E agora temos tamén a Rosa Díez. As lotarías nunca veñen soas. Unha sorte chama pola outra. E aquí ninguén é forasteiro, aínda que un día nos imos cabrear e facer unha excepción cos "gallegos". Por certo, imaxinan a alguén en Francia dicindo: "Sarkozy é moi francés, no sentido pexorativo da palabra"?
O presidente que resultou "muy gallego"
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 06-11-2009 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
A FAO recomenda o modelo do Banco de Terras en Croacia, Bosnia e Albania
Comunicación do organismo da ONU

A institución internacional subliña a utilidade do proxecto galego para o aproveitamento da superficie agraria útil abandonada.

?As recentes experiencias de Galiza en bancos de terras, xestión forestal e uso da terra que foron compartidas cos participantes do seminario foron de gran relevancia e proporcionaron información moi importante para replicar este coñecemento?, sinala Maria Kadlecikova, subdirectora da oficina para Europa e Asia Central da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación. A FAO confirma así que a iniciativa galega foi adaptada nas recomendacións de estratexias de desenvolvemento rural do condado de Medimurje, en Croacia, e avanza que será introducido tamén nos plans para Bosnia Herzegovina e Albania.

Representantes da FAO amosáranlle en febreiro pasado á Consellaría de Medio Rural o seu interese por adaptar este modelo de xestión a outros países. Foi durante o sétimo encontro do organismo sobre tenencia de terra e concentración parcelaria, celebrado en Galiza, e onde participaron representantes de 20 estados para coñecer o modelo de xestión das terras que se está a desenvolver aquí.

A FAO confirma agora a súa convicción da utilidade do Bantegal como modelo de aproveitamento da superficie agraria útil abandonada "para brindar a oportunidade de incrementar o tamaño das explotacións que o precisen, así como a instalación de mozos que queiran incorporarse á actividade agrogandeira", subliñan desde a Consellaría.

?As recentes experiencias de Galiza en bancos de terras, xestión forestal e uso da terra que foron compartidas cos participantes do seminario foron de gran relevancia e proporcionaron información moi importante para replicar este coñecemento?, indicou Kadlecikova. ?Estamos seguros de que isto enriquecerá o noso traballo futuro de tenencia da terra nos países de Europa e de Asia central?, engadiu.
A FAO recomenda o modelo do Banco de Terras en Croacia, Bosnia e Albania
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-04-2009 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto: Porque somos así, eu confío
Na Galiza non progresamos porque somos desconfiados. Non nos merecen crédito nin as boas obras dos máis nin os nosos propios logros. Algún interese obscuro deben albergar as boas condutas ?pensamos? porque non podemos concibir unha alma limpa; porque asumimos que o noso destino foi frustrado e xa nada podemos facer por restablecelo; porque a inxustiza é tan grande e nós tan pequenos. Porque somos pouca cousa e a dignidade non cabe en nós.

Como somos desconfiados non nos asociamos. Deste modo acontece que nos acordos a palabra dada vale moi pouco. O promotor rouba, o construtor engana e quen pode concibe unha argucia para non pagar os impostos que outros pagan, ou procura unha recomendación para atinxir un posto de traballo con vantaxes das que outros carecen. O engano é lícito, a astucia ilegal un mérito. Para nós só significa tomarmos un atallo.

Todo isto débese fundamentalmente a un trauma social. O sufrimento producido polo rexeitamento secular do noso ser sociocultural que, con último epicentro na Guerra civil española e a súa Posguerra, ten conducido moitos galegos a unha enfermidade da alma. Esa que leva o individuo a pensar por sistema que os bens alleos son inxustamente adquiridos; esa que o leva a desconfiar do seu propio éxito. Porque a inxustiza foi quen gañou todas as batallas, e tal poder fascina, como na síndrome de Estocolmo.

A recente ditadura militar tivo moi relevantes consecuencias. Os máis lúcidos, aqueles máis preparados para catalizar proxectos de mellora social só desfrutaron de tres alternativas: morrer, fuxir ou calar. Aínda que cando se iniciou a guerra eles non o soubesen, de facto aconteceu así. E deste modo a lucidez desapareceu da sociedade ficando o poder rexentado polas mentes menos sensíbeis. A xustiza foi, no día a día dos nosos pais e avós, impartida por desalmados.

O final histórico da ditadura a mediados de 70 non supuxo a detección de dinámicas incívicas fortemente arraigadas. A perpetuación até o ano 2005 dos políticos franquistas no goberno deu a entender ao pobo que a inxustiza social é nestas terras unha lei inmutábel, e que no seu mar é preciso navegar apañando os botíns que xurdan espontaneamente. Sen importarnos a quen pertencía un hipotético tesouro avistado, por fin entre o inxusto un premio. E como cans temorosos de que nos quiten a comida aproveitamos se podemos os méritos de outro. É a lei da escaseza, unha actitude de supervivencia.

Por iso neste tempo temos unha encomenda básica: mudar esa dinámica viciada que non nos permite progresar. Porque como desconfiamos de nós non temos palabra; porque non a tendo nós o veciño non pode tela; porque non pode existir unha alma limpa neste país sen xustiza en que os pais tiveron que matar para que os seus salvasen a vida.

Porque somos desconfiados non temos palabra; porque non temos palabra non nos asociamos; porque non nos asociamos non progresamos. Porque o Estado nos matou e non acreditamos no Pacto. Porque o medo nos enturba e xa non distinguimos de que particular madeira fomos feitos.

Porque somos así, MANIFESTO:

1. Que non reclamo nin pido nada: asumo a dignidade do meu pobo asumindo a miña propia.
2. Que o progreso social xorde da asociación, e que a desconfianza é a súa inimiga. Controlado o medo a democracia non ten que ser chamada.
3. Que para que a asociación teña lugar é preciso manter a palabra dada.
4. Que a dignidade social crece coa dignidade dos individuos, e que a ambas só se chega xerando confianza.

Alfredo Ferreiro
Tati Mancebo
Ramiro Torres
Levita
Manifesto: Porque somos así, eu confío
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-04-2009 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
Afonso VIII dito IX
TRIBUNA: Luces CAMILO NOGUEIRA

Días atrás púidose ver na Coruña a exposición Alfonso IX e a súa época, comemorando o 8º centenario do outorgamento a Crunia do carácter de cidade de xurisdición real. Tratándose dun rei galego tan singular, a mostra pudo servir para facer sair á luz unha relevante realidade histórica, da que tanto dependeu o futuro de Galiza e dos reinos da Península. Mais non foi así. A exposición non se ocupou tanto da antiga cidade coruñesa, nen de contar as circunstancias da Galiza do momento, como de afirmar a Afonso como rei de León e de anunciar o dominio "definitivo" de Castela. Ignorou o carácter dun rei que, governando durante 42 anos entre os séculos XII e XIII, deixou en Galiza unha pegada manifesta. Contra todos os instrumentos de coñecemento da época, na exposición negouse a existencia do Reino de Galiza.

O curso da exposición respondeu aos lugares comúns da ideoloxía historiografia castelanista que, deitanto as súas raices no século XIII por obra do arcebispo de Toledo Rodrigo Ximénez de Rada, cando Castela acababa de obter a súa primeira independencia, se afirmou nos séculos XV e XIX e, xa no XX, en teorías como as de Menéndez Pidal e Sánchez Albornoz. Fundador dunha ideoloxía castelanista que ten como base a negación de séculos da historia galaica, Ximénez de Rada foi o promotor da tan famosa como irrelevante batalla das Navas de Tolosa contra os almoades, a onde non acudiu o Reino de Gallaecia en uso da súa independencia.

O rei Afonso non foi apresentado na Coruña como galego, senón como un dos monarcas dos "cinco reinos hispánicos de Aragón, Navarra, Castela, Portugal e León", seguindo unha teoría tópica que esquece a Galiza, o principal reino cristián, e oculta o de Al Andalus, este chamado Spania.

Afonso, que non era o IX senón o VIII, governou entre 1188 e 1230, continuando a dinastía galaica orixinaria da que formou parte o seu avó, o rei de Galiza -coroado como tal na catedral de Santiago- e emperador Afonso VII. Denominándoo como noveno confúndense acriticamente o reino de Galiza co de Castela, que governaba o seu primo, de igual nome. A historiografía española converte a este último en Alfonso VIII, cando era realmente Afonso I, pois foi o segundo rei independente de Castela, e o primeiro dese nome, despois de que o emperador dividira os seus territorios entre os fillos, deixándolle Galiza e León a Fernando II e Castela e Toledo a Sancho. O fillo de Fernando II governaba un reino que tiña en Santiago e León as cidades máis relevantes. A primeira, ademais de capital política era a relixiosa, cultural e económica. A Santiago chegaban peregrinos de toda Europa, de Rusia a Escandinavia, das Illas Británicas a Italia, nun movemento que constituíu unha das bases da identidade europea. Levada alí desde Compostela polo rei Ordoño II, León era a cidade onde nese momento estaba habitualmente a Corte.

A estas alturas resulta penoso ter que lembrar que o rei Afonso VIII xace na Capela Real da catedral de Santiago, chamada até hai pouco Capela das Reliquias nun insólito exercicio de negación do proprio. Están alí tamén os restos do seu pai Fernando; a emperatriz Berenguela, súa avoa, muller de Afonso VII; Raimundo de Borgoña, pai do emperador; Joana de Castro, esposa de Pedro I o Cruel e irmá de Inés de Castro, raiña de Portugal; o seu fillo Fernando de nai portuguesa, que morto xoven, en 1214, tiña o carácter de herdeiro.

Nun momento de transición do latín ao romance como idioma da Administración, a língua da Corte de Afonso VIII era o galego. El mesmo o falaba. Era a língua dos Cancioneiros e da cultura na Península. Na exposición a dicíase que o o rei Afonso fundou a Universidade de Salamanca en 1218, con mestres e escolares leoneses Debeu salientarse que a base da instituición salmantina foi a Escola Catedralicia de Santiago, fundada no século XI no tempo da emperatriz galega Sancha, e que a Universidade de Salamanca, como consta no seu Cartulario, foi desde o principio galaica. Os arcebispos de Santiago ostentaron o reitorado durante a Idade Media e a maioría dos profesores, formados en Santiago, en París ou en Boloña, eran galegos.

Nun mural da exposición que, destacando as dióceses pretendía apresentar a extensión do Reino de León, non aparecía ningunha mención ao Reino de Galiza nen ao o nome do país. Nen siquer utilizaron a expresión dual Reino de Galiza e León. Fíxose desaparecer unha palabra que tendo 2.000 anos de tradición institucional, no tempo de Afonso VIII gozaba xa de doce séculos de existencia. Ocultouse, a pesar de que as xurisdicións relixiosas do reino tiñan unha evidente relación con Galiza: pertencían á metrópole compostelá Zamora, Salamanca, Cidade Rodrigo, Plasencia, Coria e Badaxoz, ademais de Ávila en territorio castelán. As outras dióceses hoxe galegas (Tui, Ourense, Lugo e Mondoñedo, máis Astorga), estaban aínda integradas na antiga metrópole de Braga. Entretanto, Lisboa, Évora, Idaña, Guarda e Lamego dependían do arcebispado de Santiago. As dióceses do Reino, salvo apenas León e Oviedo, estaban integradas en Compostela ou Braga. Afonso VIII extendeu os seus dominios pola actual Extremadura, abrindo o camiño para Sevilla nun momento de retroceso da hexemonía islámica no Mediterráneo. Fora o seu pai o que criara alí a Orde de Santiago e a Orde de Alcántara, chamada inicialmente Orde do Pereiro. Aínda agora, nos pazos da fermosa cidade vella de Cáceres consta a orixe galega dos nobres que os fundaron.

En fin, os responsábeis da exposición arruinaron a oportunidade ofrecida pola comemoración do oitavo centenario. Trataron a Crunia como se fose unha cidade castelá máis. Furtaron o carácter de Afonso VIII e novamente o de Galiza. Produce escándalo que medios académicos galegos beban en fontes historiográficas tan ideoloxizadas como pervertidas como as utilizadas na exposición e que as institucións políticas non teñan a consciencia precisa sobre a realidade histórica do seu país. Mágoa, porque se a autoestima dun país se fundamenta tamén no seu pasado, a exposición constituía unha boa e lexítima ocasión para facelo presente. Trataba dun rei galaico que, reunindo en 1188 unha asemblea na que ademais da nobreza e a Igrexa participaron as cidades, foi asemade un precursor do parlamentarismo europeo.
Afonso VIII dito IX
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 26-09-2008 16:23
# Ligazón permanente a este artigo
?A UE é o lugar dos dereitos humanos por excelencia'
Camilo Nogueira, autor de 'Galicia na Unión'

Antonio Cendán . O que fora eurodiputado do BNG, Camilo Nogueira, vén de publicar dous volumes baixo os títulos de 'Galicia na Unión. A porta Atlántica' e 'Europa, o continente pensado' (ambos en Galaxia), nos que analiza a evolución da nosa terra dende o ingreso na Unión Europea, así como o funcionamento dos distintos organismos que compoñen a UE.


Sinala que a UE ten unha orixe en estados que tradicionalmente estiveran enfrontados, que é coma unha réplica ao imperialismo...

Poño o acento na idea fundacional da Unión que é a de evitar a guerra. Iso viña do cansazo de épocas pasadas. Países que estiveran enfrontados durante moito tempo, por guerras ou cuestións territoriais, coma era o caso de Alemaña ou Francia, únense a través de algo tan fundamental como é a economía. Esa idea de xuntar forzas na Europa occidental xorde en plena guerra fría, cando se está pensando nun sistema que evite a influencia da URSS.

Considera tamén que é unha garantía de dereitos humanos?

A unión é o lugar do mundo dos dereitos humanos por excelencia. Aínda que de Europa partiron todos os imperialismos, tamén é o berce do recoñecemento dos dereitos da muller, dos traballadores, das minorías. Ten o valor e a honra de deixar atrás a súa parte máis tráxica, máis negativa.

Mais, vense de promulgar unha directiva que non parece moi respectuosa cos inmigrantes.

Paréceme nefasta. Obedece ao antagonismo dos estados. A inmigración é moi positiva para a propia Unión Europea. A máis, ten contradicións internas importantes, xa que mentres se lles intentan restrinxir dereitos aos inmigrantes, no último ano entraron un millón de persoas de fóra da UE no Estado español. Eu sempre loitei en Bruxelas polos dereitos dos máis desfavorecidos.

Non existe preocupación entre os cidadáns polos efectos dalgunhas medidas que se tomaron, entre elas a moeda única?

É verdade que non sempre se acerta coas medidas que se toman para favorecer a maioría da cidadanía. Pero non é menos certo que o dominio ideolóxico está aínda en poder dos estados fronte a Unión Europea, como pode suceder aquí en relación coas Comunidades Autónomas. O poder estatal é tan forte que cuadricula a mente da xente. A UE non vai ser nunca un superestado. Ten unha función histórica nova. Respecto a moeda única, é un dos grandes avances de Europa. Sen o euro, a enerxía sería moito máis cara. A crise económica sería aínda máis grave. A súa fortaleza impide que se encareza máis o petróleo. Por se fose pouco, destruíu a idea de que a soberanía dos estados ten que estar vencellada á moeda. Confirma que no vello continente temos unha soberanía partillada. Outra cousa moi distinta é como influímos os cidadáns na súa soberanía a través dos procesos democráticos.

É certo que ten máis poder a Comisión que o Parlamento?

A Comisión carece de poder real. Correspóndelle a administración da UE. A iniciativa lexislativa procede dos grupos parlamentarios. O poder político é do Consello europeo, controlado polo Parlamento Europeo, que aínda non ten todas as prerrogativas dun organismo estatal semellante. Aínda así, son moitas as decisións que precisan da súa aprobación. Un dos principais problemas radica en que os propios estados resístense ao poder do Parlamento Europeo, xa que a soberanía segue nas mans dos aparatos estatais.

Recoñeceranse as nacións sen estado?

En Europa tan só hai seis nacións sen estado. Existen outros casos nos que se pode falar de realidade ou identidade nacional forte, pero non de nacións. Deben ser recoñecidas sen dúbida. No Parlamento Europeo intentou darselles un carácter de países partenaire, pero non callou. Poden ser recoñecidas se o estado correspondente o fai. Se o Estado español se recoñecese como plurinacional a nación galega estaría recoñecida sen ningún problema. A Unión Europea non se opón a que quen represente o Estado español sexa un galego procedente da súa Comunidade Autónoma. Esa é unha forma de recoñecemento. E outra é que as nacións sen estado se convertan en Estados.

De ser Galicia un estado, teríase máis en conta a súa agricultura e pesca?

Dende logo. A entrada do Estado español fíxose coma se fose un país mediterráneo, polo que os sectores esenciais da nosa economía sufriron moito. A transformación da agricultura e da gandería foi brutal. É verdade que non podía seguir traballando tanta xente no agro, pero todo iso, debeuse facer de xeito gradual, ao igual que debería ter ocorrido coas cotas lácteas. Por todo isto, é admirábel o esforzo que fixo a sociedade galega para adaptarse ao marco comunitario. De terse en conta os parámetros galegos seriamos unha das primeiras potencias en pesca, pero o Goberno central non tivo en conta a Galicia, mentres o executivo galego daquela época mirou para outro lado.

Podería servir Irlanda como exemplo para Galicia?

Irlanda soubo aproveitar moi ben a súa entrada. Hoxe ten unha renda que é do 140% da UE. Xa é o segundo país da Unión en renda por habitante e o cuarto do mundo. Galicia está no 90% e subiu nos últimos anos como consecuencia da entrada dos países do leste europeo. Malia todo, o ingreso do Estado español foi moi positivo para a economía galega. Moitos dos seus sectores respiraron.

OS FONDOS EUROPEOS

Galicia non saíu moi ben parada nos fondos europeos...

O Estado cedeu o 45% para que fose administrado polas comunidades autónomas e a nosa terra resultou prexudicada, xa que foron xestionados por gobernos conservadores e repartidos de xeito clientelar cos concellos. Cos fondos de cohesión o Estado podía facer o que quixese. A meirande parte deles destinounos ao corredor Madrid-Barcelona-Andalucía. Con eles fíxose a primeira liña de AVE e o aeroporto de Barajas. Mentres, dos do FEOGA, que están destinados a subvencionar certos produtos, Galicia tan só recibiu o 1% de cada billón de pesetas que se recibiron por esta vía. Pola contra, a Andalucía déronlle até o 30%.

Pídenlle máis cousas os cidadáns a UE que ao propio Estado?

A xente tende a proxectar o afán de protección cara a Unión porque xa o dan por perdido no seu Estado. Reclámase máis a oficialidade do galego na UE que nas Cortes de Madrid e así sucede con outras cousas que se piden con máis forza que no propio estado. Pero hai que dicir que a solución de moitos asuntos dende económicos até culturais, pasando polos sociais é moito máis fácil grazas a existencia da Europa unida.

Chegará a ser oficial o galego na Unión Europea?

Xa o é se queremos. Eu falei cinco anos en galego no Parlamento Europeo e fun traducido a todas as linguas da UE, que non se opón se o Estado español sinala que España é un país tetralingüe. O gaélico recoñeceuse porque o reclamou Irlanda. A última palabra tena Madrid. Poder dirixirse as institucións en galego non é ser oficial. A oficialidade é pedir a palabra e falar en galego.

Porque un europeísta e posibilista convencido coma vostede esquece a idea de España?

Galicia é unha nación por si mesma. Non necesita España. Ten unha historia propia que non se explica se non é negada pola oficialidade española. Non lle debemos o carácter de nación. Non podo negar a relación co Estado español. Non podo negar que sexa plurinacional. Tampouco podo esquecer as relacións económicas e culturais con Portugal, do que xa somos o primeiro exportador. A España coma estado plurinacional non teño problema en recoñecelo.

Pode ser a UE a primeira potencial económica mundial?

De feito xa o é. Ten unha potencia social e cultural que pode ser un exemplo, ao igual que é no mundo do deporte. Non obstante, carece desa visión porque non existen medios de comunicación de ámbito europeo. Neste momento tan só dispoñemos do canal Euronews. Non existe un grupo coma o de Murdoch que ten unha forza extraordinaria en Gran Bretaña ou Australia. A visión da gran forza que ten Europa viría dada por medios de comunicación que lle desen esa conciencia.
?A UE é o lugar dos dereitos humanos por excelencia'
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 25-08-2008 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
Vivamos tal como somos
XOSÉ MANUEL PEREIRO 25/10/2007


Unha sacudida sociolóxica percorre Galicia, sen que os sismógrafos oficiais perciban case nada. É a campaña publicitaria Vivamos como galegos, unha inusual reivindicación, descarada e fresca, de que somos como somos, nestes tempos de globalización de usos e costumes e de ucases mediáticos sobre o que é correcto ou non. E máis aínda, unha chamada a que deberiamos seguir séndoo.

Un exemplo dese tal como somos é que a axenda política española está repleta de acontecementos gravísimos, que se poden resumir en que boa parte da poboación esporea a un maleducado que alardea de terlle chamado en televisión José Luís a un señor que se chama Josep Lluís (Carod Rovira). Con todo, aquí o tema estrela da cousa pública é o botellón. Os alcaldes adoitan ser, fóra do seu ámbito local, seres discretos que non se significaron colectivamente nin sequera cando a Xunta secuestroulles a posibilidade de apostar polo progreso a menos de 500 metros da costa. Pero os que administran os censos máis poboados acudiron case todos ao cónclave de Compostela coa mesma responsabilidade histórica que se os convocaron á conferencia de Yalta para establecer o futuro de Europa.

Algo altamente encomiable polo que ten de preocupación polos problemas dos administrados e non polos propios, pero que á vez pódese cualificar de tarde piache. O botellón non é máis que a secuela portátil e dependente do clima de dous problemas máis graves e moito máis antigos: o alcoholismo xuvenil e o descontrol do ruído nocturno. Un binomio de actividades molestas que os concellos non atallaron no seu momento, e ata emiten sinais de que son permisibles en circunstancias, como festas patronales ou celebracións de xestas.

E queda certamente patético que os líderes de cidades conclúan pedindo auxilio á Xunta (ou o que é o mesmo, na conmovedora versión do alcalde coruñés, aos pais, "para que dediquen cinco minutos, na comida ou na cea, a falar cos seus fillos").

Non é por poñer paus nas rodas da autonomía municipal, pero se unha administración non é capaz de garantir que uns veciños concilien o soño, moito menos debería controlar o urbanismo (dando por suposto que o urbanismo estea controlado dalgunha forma, e de que sexan as corporacións as que en realidade deséñano). Posiblemente o do transporte público estea como está por falta de instancias internacionais ás que recorrer.

Abofé que nós somos os menos conscientes dese tal como somos. Nos arredores percíbennos como decididamente exóticos, como ás veces escápaselle a algúns/as ministros/as á hora de xustificarse. A pasada semana, un bus patrocinado polo Ministerio de Industria e o sindicato agrario Asaja percorreu o interior da Coruña predicando no rural a boa nova das TIC, as tecnoloxías da información.

A maioría dos que se achegaron ao coche de liña aseguraron coñecer dabondo as vantaxes teóricas, pero o que quererían era gozalas na práctica, porque do que carecen é de liñas telefónicas que soporten velocidades dignas. O tal como somos é que unha gandeira de Mesía quéixese de que non pode coñecer en liña as análises diarias do leite que entrega, para detectar de inmediato a orixe da irregularidade e non ao cabo dun mes.

Isto é así porque poucos ven o que somos, pero todos ven o que aparentamos, advertía Maquiavelo. E esta sociedade nunca reclamou nada. Ata ve con indiferenza que algúns reclamen, e en ocasións chega a tomalo a mal. Igual que a cadea de supermercados que aposta polo galician way of life nunca evidenciara máis relación co galego que a localización xeográfica e reivindícao agora que sente na caluga o alento da competencia foránea.

Antes que do "vivamos como galegos", esta sociedade fixo bandeira do "comportémonos coma se non o fósemos, non vaia ser que se nos note". "Galiza soio merecerá respecto cando abandoemos a nosa mansedume, despois de saber ou que fomos, ou que deixamos de ser e ou que seriamos con vida independente", escribiu Castelao. Máis como queixume que como profecía, témome.

sihomesi@hotmail.com


Vivamos como galegos,campaña publicitaria de Gadis

Vivamos tal como somos
Comentarios (3) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-11-2007 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
Erín Moure: ?En galego, o meu xeito de pensar cambia?
Erín Moure (Calgary (Canadá), 1955) coñeceu a cultura e a lingua galegas logo de pescudar sobre as orixes do seu apelido. Poeta, tradutora ao inglés de autores galegos, portugueses e franceses e estudosa da nosa historia, visita de novo Galiza para presentar a tradución ao galego do seu poemario Teatriños ou aturuxos calados (cunha edición bilingüe preparada por Galaxia), en versión de María Reimóndez.

Como descubriu a súa orixe galega?
Foi unha historia algo novelesca. No 1994 encontrei xunto co meu pai uns papeis antigos que pertenceran ao seu avó. Era unha partida de nacemento do meu bisavó Bieito Moure Lobariñas. Naqueles documentos enrugados e velliños nomeábase Crecente e inmediatamente quixen coñecer o país do que viñeran os Moure. Non era como quen vai visitar uns parentes porque o meu bisavó emigrou de Galiza no 1848.

E visitou Crecente.
Visitei. E cando descubrín o son do galego, quedei encantada. Para min, sentir aquela lingua descoñecida era como ouvir un río, como escoitar unha caída de auga. Namoreime e quixen saber máis. No Canadá non se sabe nada de Galiza. Nin tan sequera de España, fóra de catro cousas básicas que quedaron sen actualizar desde os tempos de Francisco Franco. Así que para min era como descubrir un novo mundo. Aquel amor a primeira vista foi medrando ano a ano, en canto coñecín a súa literatura, a riqueza do seu vocabulario.

Para ser bisneta de galego fala mellor que moitos que viven en Galiza.
Iso non é certo. Eu falo coma unha nena de 11 anos. Pero non me preocupa. Xa falei coma unha de sete, de oito? Sigo aprendendo cada día, madurando o idioma. É incríbel que moitos galegos non coñezan a súa fala ou non a practiquen. Non entendo como só o 20 por cento dos pais lles falan en galego aos fillos. É un luxo histórico perder un patrimonio tan valioso coma este. Só encaixando esta actitude na historia de represión que sufriu o galego podo chegar a comprendelo. Eu sempre conto que eu coñecín o castelán a través da xente galega que coñecín no Canadá que me falaba nesa lingua. Aínda hoxe non o dou falado, máis alá de catro frases de turista. En troques, en galego até consigo pensar. E é curioso, cando penso en galego o meu xeito de reflexión cambia, limítase ao coñecemento que teño da lingua e obrígame a repensar a miña realidade a través do vocabulario que podo manexar. Supoño que isto cambiará cando domine máis o idioma.

Sempre se di dos americanos que non dan entendido a diversidade lingüística europea. Supoño que no Canadá isto é diferente, non?
O Canadá é un país moi respectuoso coa identidade lingüística dos seus habitantes. Por exemplo, a constitución española obriga os cidadáns a coñecer o castelán. Se alá se aprobase unha norma semellante, inmediatamente o Quebec se declararía independente. No Quebec todo o mundo coñece o inglés porque o estudou na escola e porque está rodeado de territorios anglofalantes mais segue a defenderse o francés como lingua pública. Eu, que nacín na zona anglófona pero vivo en Montreal ?a cidade quebequesa máis importante? uso o francés na vida cotiá. Pero non só se usan estas dúas linguas. No barrio portugués fálase o brasileiro, os chilenos falan castelán? Iso non quita que moitos anglofalantes pensen que só vale a súa lingua porque é a que domina o mundo. Pero soberbias hainas en calquera lado.

Que escritores canadenses recomendaría ler?
Quen goste de Manuel Rivas que se achegue a Michael Ondaatje. Ten un universo moi complexo e moi rico en imaxes. Tamén son de moita calidade os poemas de Nicole Brossard, dos que hai tradución ao castelán.

Vostede traduciu a Chus Pato ao inglés. Que valores literarios descubriu nela?
Chus Pato é unha escritora ampla, que percorre diferentes épocas, diversas historias e moitas persoas. O ser é multiplicado e acaba nunha explosión onde todo o discurso cobra sentido. Condúcese entre a alta cultura e a cultura de masas con xentileza e estilo. Ademais, gústame que sexa unha autora esixente cos seus lectores. Para lela e comprendela hai que ter intelixencia. Non explica as cousas como se os lectores fósemos menores de idade. Ela vai adiante á velocidade máxima. A historia, a política, o cariño polo propio ?no seu caso Galiza? son temas universais. Calquera ten un pasado, un futuro incerto. Todos temos medo, coraxe. Todo iso está na súa obra. Abofé que vou traducir moitas máis cousas de Chus Pato.
Entrevista con Erín Moure
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-11-2007 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
"Hai que rachar tópicos, temos un empresariado que pensa en clave de país"
BENIGNO PEREIRA, PRESIDENTE DE REDE GALEGA DE EMPRESAS

A pasada fin de semana presentábase á sociedade a nova organización empresarial
R.V - 18:19 24/04/2007



Benigno Pereira, propietario da coñecida marca de queixos Bama, é o presidente da xestora que está a botar a andar a Rede Galega de Empresas. A iniciativa pretende organizar a aqueles profesionais que non se sinten representados por organizacións como a Confederación de Empresarios de Galicia, CEG, e que teñen unha visión diferente ideolóxica: "Hai que rachar tópicos e dicir dunha vez que hai empresariado que pensa en clave de país", explicáballe este martes a Vieiros.

Pereira sinala que o campo empresarial é un dos grandes alicerces do país que queda por normalizar: "O empresariado tamén pode contribuír a que se plasme a nosa realidade nacional e a nosa cultura propia á vez que contribúe a xerar riqueza". Dende Rede Galega de Empresas subliñan que isto non significa que os empresarios compartan unhas siglas políticas: "Loxicamente aquí hai pluralidade como en toda a sociedade e o que nos debe unir é esa visión de país".

Unha idea que leva seis anos xestándose

A iniciativa dunha organización propia para o empresariado galego non é nova. O propio Pereira confesa que "a idea comezou a madurar con conversas entre amigos haberá xa seis anos". O pasado outono varios industriais fundadores decidiron dar un paso á fronte e tecer contactos polas diferentes bisbarras de Galiza. Nestes momentos, unha xestora é a encargada de guiar o proxecto até que teña lugar, posibelmente este mesmo ano, a primeira asemblea.

Dende a Rede Galega de Empresas avogan por un sector que axude a estruturar a sociedade galega: "Chamámoslle rede porque non queremos quedar nunha organización sectorial. Queremos cambiar a imaxe do empresario enfurruñado e camiñar cara unha visión máis solidaria". Mais tamén pretenden que sirva como un foro de contacto entre os industriais do que saian oportunidades de negocio.

Moito interese entre o empresariado

O anuncio da nova organización está a erguer moita expectación entre o empresariado. Pereira confesa que nos últimos días tivo chamadas dende todos os puntos de Galiza pedindo información. Neste sentido, lembrou que o novo colectivo está aberto tanto a pequenas como a grandes empresas e incluso a autónomos. Até o de agora hai douscentos industriais que xa mostraron o desexo de formar parte do colectivo. A nova organización ten o seu domicilio social en Compostela. O vindeiro mes de xuño van comezar unha serie de contactos para presentar a asociación a diferentes consellarías e compañías galegas.
"Hai que rachar tópicos, temos un empresariado que pensa en clave de país"
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-11-2007 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
Carta á aldea
Xoán Vázquez Sanlés
Mércores, 28 de marzo do 2007

Camiñar polas corredoiras que van gabeando as aldeas incrustadas na faldra da montaña, subirse a un dos mil outeiros que a acompañan, onde para soñar só abonde con abri-los ollos e mirar de fronte a esa inmensidade que se esvaece na infindade do horizonte. Envorca-la alma sopre a parroquia, e deixar que esta decida cando regresala ó outeiro e a corredoira, comungar ca xente e coa historia; non a dos libros feitos por outros que estercaban ás escolas, a que quedou labrada nas pedras polos ferros das rodas, a mesma do asubiar dos eixes; a nosa. Quen nunca tal experiencia tiver, non sabe o que é unha aldea. E, a risco de incorrer na insolencia, quen no saiba o que unha aldea, pouco sabe da nosa terra.

Difícil é, nos días que corren, manter como referente da mesma esencia á parroquia, que no seu significado máis puro e máis noso significa aldea. Xuño é a miña. Foi ?é -, a aldea, garda fonte e adega das esperanzas máis perennes, as máis recorrentes, as máis enxebres, para tantas e tantas xeracións. Para algúns de nós, lugar predilecto para agachar un poema, un lamento, e aínda ?con perdón - unha oración.

Na aldea, de seu, todo xurde e nace na normalidade natural do espontáneo, ó artesán abrigo das antergas sabedorías que configuran unha vida moito máis grande cós anacos de cada día, cós preceptos de cada lei..., cós artigos de cada autonomía. É alí onde a palabra país significa o de aquí, o do lugar..., o da terra; onde o mundo somos nós.

É na aldea onde as voces se oen e distinguen, unha por unha, e os ruídos pacientemente aceptan os seus turnos na constante das harmonías. Amáinanse as voces dos veciños para darlle augue ás dos grilos, mesturan estes o seu canto co marmullo dos ríos, o asubío do vento coa chamada de retirada que o corvo grita alá arriba, séntense escachar as piñas que ceiban ós piñóns aspirantes de semente, vixiados polo inquedo ollar do esquío que lle auguran outros destinos, namentres a lagarteira segue na súa parsimonia, e a noitebra, paseniñamente, no axexar da fuxida da derradeira luz do día, agardando o seu momento de sumarse á sinfonía. Pero é na primavera cando a aldea máis se pronuncia e máis se afirma. Aínda non chegaron os turistas de verán; aínda os taberneiros saúdan e falan coa espontánea fachendosa gallardía de toda a vida; aínda no pasar de cada coche se adiviña compañía. Aínda son todos os que están. É aí, na primavera, onde tódalas comparanzas andan fuxidas, cando a alma da aldea amosa a súa indiferencia a tódalas outras maneiras de entende-la vida. Ese lugar no mundo, na conciencia e no espírito, para min chamase O Zapatal, na parroquia de Santa Mariña de Xuño, nas inmanentes ladeiras do Barbanza.

É na primavera cando as lembranzas agroman e florecen, adubadas por novas e frescas perspectivas. Nesa primavera que aquí, en Nova Jersey, a diferencia da Galicia barbanzá abrazada por dúas rías, acostuma chegar un pouco tarde; non sendo súa a culpa de tal tardía. Á terra cústalle desprenderse das últimas neves, mesmo, non se pode falar de derradeiras ata xa chegado o abril. Pero a primavera, o que vir, ven, aí están os narcisos. Vinlle as súas cabeciñas verdes furando na neve, agardando polo preciso momento de transformarse en megáfonos amarelos para anunciala con alegría. Sempre atopei fiables a estes senlleiros mensaxeiros desafiantes dos xélidos febreiros. Aí, en Xuño, xa floreceron as cerdeiras, ameixeiras e claudieiras, os pexegueiros vanlle detrás, e á carreira súmanselle as pereiras e as maceiras de Santa Mariña, repinaldos e tabardillas. Xa o centeo se prepara para espigar. Córrelle présa. É a primeira das colleitas do ano, única da primavera. Apañase a finais de maio (nos primeiros de xuño os máis tardíos), ceibando as terras para as milleiras do restrebo e así sacarlle dúas colleitas. As patacas, de cedo, nos lugares menos proclives a se anegar polas derradeiras chuvias invernais, xa amosan seu verdear, e nos outros máis húmidos lugares, axiña as han sementar. Xa desovaron as troitas nas nutridas augas transparentes do enxebre río Sieira. Abre a veda. Os troiteiros preparan as canas, vimbias as dos que máis saben. A miña, que foi das máis informadas, esquecida de tanto esperar, resignouse e ha descansar. Non hai mellor lugar para soñar ca unha cana río arriba, enxergando as ladeiras de xestas recen floridas, onde en efluvios de mil cores as flores se fan poesía, escoitar o marmullo das fontes na plenitude da súa sinfonía, ó abrigo das carballeiras, onde a rula e mailo merlo acochan os seus niños e a creación debulla as dúbidas na milagre das xermoliños que medran afanosos para abrigar ós pío píos. Todo é fresco todo é flor todo é novo e todo é vida na primavera barbanzá, ata as algas mariñeiras espertan da marusía para sumarse ó florear. Todo, agás a melancolía. Pero á melancolía, sobria e madura nai das emocións máis validas, séntelle ben ir de vello.

Xa ves como nunca fuches esquecida. E pensar, querida parroquia, aldea miña, que aínda hai quen se atreve a dicirme que a min, aí, xa non me queda nada a que ir. Que pouco saben de min; mais, sen iso ser sorpresa, e mesmo culpa miña, si me asombra o pouco que saben de ti.


Xoán Vázquez Sanlés escrebe dende Newark, USA
Carta á aldea
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 08-11-2007 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0