boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O ensino privado relixioso reúnese para potenciar o galego
[16/01/2006 16:23] Este venres celebrouse a I Xornada de Normalización Lingüística da Federación de centros de ensino relixiosos, durante a que se presentou unha campaña de dinamización dirixida aos pais. A Xornada tiña previsto contar coa participación da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, que finalmente non asistiu. A Federación agrupa en Galiza 127 centros de educación.


A xornada, dirixida ás comunidades educativas dos centros de ensino relixiosos de Galiza, busca conseguir unha maior claridade nas accións que emprenden os servizos de normalización dos colexios. Para iso contaron coa participación do xefe do gabinete de Normalización de Ourense, Xosé Antón Calviño, e do presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, que analizaron a capacidade de normalización que teñen as entidades privadas do ensino. O escritor e profesor Agustín Fernández Paz falou da repercusión das actitudes lingüísticas no ensino para pechar unha xornada matutina de conferencias que estaba previsto que iniciara a secretaria xeral de Política Lingüística Marisol López.

Á tarde, a FERE-CECA presentaron as súas campañas de normalización para este curso. A máis importante é a que se centrará nas familias, e terá como obxectivo concienciar os pais e nais dos alumnos das vantaxes prácticas que ten un bo coñecemento do galego. Entre elas menciónase que un ensino bilingüe facilita a aprendizaxe posterior doutras linguas, a inserción social e económica, as saídas laborais, as posibilidades que se lle abren aos rapaces na Lusofonía, e a identidade no seo da Unión.

Tamén presentaron a II edición do premio literario Frei Martín Sarmiento, o CD de cancións para a pastoral Cantando a nosa fe, e mais o CD para o profesorado con ferramentas para a docencia 'Son un labrego... do tempo dos sputniks'. A Federación agrupa en Galiza 127 centros de ensino situados en toda Galiza.

Documentos anexos:
Tríptico da campaña dirixida aos pais e ás nais
O ensino privado relixioso reúnese para potenciar o galego
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-11-2007 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
ESTATUTO.- Mariano Rajoy era deputado cando se aprobou por unanimidade o ?deber de coñecer o galego?
ESTATUTO.- Mariano Rajoy era deputado cando se aprobou por unanimidade o ?deber de coñecer o galego?

[23/11/2006]

Hoxe compareceron en conferencia de imprensa Carlos Callón, Presidente da Mesa, e Francisco Rei, Coordenador de Zonas, para reclamarlle publicamente ao grupo parlamentar do PP que non obstaculice que o galego teña o pleno recoñecemento como lingua oficial en Galiza e facer un chamamento á militancia e á base sociolóxica deste partido político para que non consinta esta discriminación do noso idioma. Nas palabras dos dirixentes da Mesa, ?ningún galego e ningunha galega, fale a lingua que fale, poderá entender que o noso Estatuto poña a lingua de Galiza co recoñecemento xurídico máis precario de todo o Estado, por detrás non só do castelán, senón tamén do catalán, o basco e mesmo o aranés.?

A Mesa lembra que o consenso ao que chegou o Parlamento Galego en 1983 sobre a Lei de Normalización Lingüística (LNL) é que o galego debe ser recoñecido como ?dereito de uso e deber de coñecemento?, no mesmo nivel que o castelán. Daquela, a maioría absoluta no Parlamento era Popular e Mariano Rajoy exercía como deputado.

A Mesa reeditou 70.000 cartóns postais para que a cidadanía participe neste debate (a primeira tiraxe, de 30.000, xa está esgotada), facéndolle chegar as súas reclamacións de primeira man aos grupos parlamentares. Esta campaña xa tivo numerosas presentacións e actos públicos en diversos puntos de Galiza, mais vaise intensificar nos próximos días.

A Constitución de 1978 di no seu artigo 3.2: ?As demais linguas españolas tamén serán oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus Estatutos?. O Tribunal Constitucional anulou o ?deber de coñecemento? na LNL de 1983 porque tal recoñecemento ten que aparecer no Estatuto. Agora é o momento de retomar o consenso de todas as forzas políticas para garantir a igualdade xurídica para o galego, xa con todas as garantías.
ESTATUTO.- Mariano Rajoy era deputado cando se aprobou por unanimidade o ?deber de coñecer o galego?
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-11-2007 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
A ecoloxía das linguas
As linguas non pesan. Non son un lastre para quen as leva. Pola contra, son elas as que levan o peso da historia enriba da cabeza. Móvense por unha sorte de enerxía interior, alternativa. O xeito en que traballan as verbas, a maneira de elas viviren, é moi semellante á relación que ten a avelaíña coa lámpada na noite. Porén, malia non ter peso, as linguas pertencen á natureza. Mesmo son o enxerto máis logrado e actúan coma o pole para a semente. Verbo desa fecundación, quixera lembrar que na lingua galega os seres máis nomeados son dous cativos coleópteros. O vagalume (de nome científico, lampyris nocticula) é chamado de máis de cen maneiras diferentes e algo semellante ocorre coa xoaniña (coccinella septempunctata). O vagalume emite luz. A xoaniña, coa súa forma esférica e sete puntiños mouros sobre o vermello dos élitros, trae a boa sorte se se pousa na man. O vagalume e a xoaniña escasean agora por mor dos herbicidas.

Unha lingua é comparábel a un senlleiro ecosistema. Se sentimos noxenta a queima dun bosque amazónico ou a seca dun río, cómo ser insensíbel ante a vida das linguas!

Non hai fotografías das linguas feridas, das verbas fanadas, mais cada unha desas perdas deixa un cráter na boca da humanidade, unha chaga na gorxa da historia. Se tiveramos esas imaxes, serían estarrecedoras. Porque as linguas non son abstraccións nin simples artificios gramáticos. Teñen corpo e alma, que non van esgazados o un da outra.

A vida das linguas é unha metáfora das nosas vidas.

Hai dous espazos contrapostos no fondo submarino das rías galegas. O que os mariñeiros chaman almeiro, os lugares de cría e desove, un erótico leito de cores, e aqueloutro que chaman a marca do medo, as furnas do baleiro onde domina o silencio e os peixes non entran pola memoria do esquilmo. Cada lingua é un almeiro fronte a marca do medo, un viveiro fronte o baleiro uniformizador.

Entrado o século XXI, hai dous eixos nos que basear a civilización: o cultivo dos dereitos humanos e o da bio-diversidade no mapa da natureza e das culturas. Eses dous cultivos están entrenzados e son hoxe a primeira proba de civilización, de calidade democrática.

Por que o vagalume e a xoaniña eran os seres máis nomeados? Quizais polo instinto das linguas, á procura da luz e da sorte.

Manuel Rivas
A ecoloxía das linguas
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-11-2007 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
O galego no espello
"Vieiros rétache a definir a lingua galega a través de propostas gráficas. Queremos que nos digas o que significa para ti a lingua, como ves o seu futuro, ou como cres que se podería mellorar, pero aforrando palabras. Envíanos unha fotografía, que pode ser obtida directamente ou tratada posteriormente, pero sempre tendo como base unha imaxe fotográfica. Quedan excluídos os deseños e ilustracións."
O galego no espello
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-11-2007 18:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0