|
|
|
|
Lingua e identidade |
|
XOSÉ NEIRA VILAS
É difícil entender como poden existir persoas neste país que inda manteñen reticencias respecto do uso diverso, oral e escrito, da nosa lingua, atributo esencial que nos define como pobo diferenciado, cunha cultura de seu e un xeito propio de expresala. É ben sabido que o galego e o portugués, con mínimas diferencias fonéticas, son a mesma lingua. Este noso idioma, "fillo do latín, pai do portugués e irmán maior do castelán", vén sendo unha das tres grandes linguas atlánticas. Países tan anchos e importantes como Estados Unidos, Arxentina ou Brasil, utilizan idiomas "prestados". E aquí, neste pequeno territorio de a penas 30 mil quilómetros de territorio, falamos unha lingua propia, decantada polo noso pobo ó longo de oito séculos.
Cadra que os que a rexeitan non son precisamente iletrados, senón, en todo caso, domesticados. Saben todo esto. E saben tamén -ou deberían sabelo- que "se inda somos galegos é por obra e graza do noso idioma", como dixo Castelao. Mais tamén pode ser que os que así proceden queiran tamén rexeitar a súa orixe.
Dicía un personaxe teatral de Antón Villar Ponte que "ninguén sabe do noso máis que nós". Do mesmo xeito, ninguén vai defender o noso se nós non o defendemos. Fichte sentenciou que "o signo dunha nacionalidade é o seu idioma". Sorte ten este país por ter un medio propio de comunicación e ó mesmo tempo dispoñer doutro que é de todo o Estado. Carecen desta vantaxe os de Almería ou de Toledo, por exemplo. Un neno galego pode deprender á vez dúas linguas, e inda tres, e non se pense que esto pode confundilo. Os psicólogos sosteñen todo o contrario: axúdaos na súa evolución mental.
Son actitudes incomprensibles. Non se trata de forzar a vontade de ninguén, pero rexeitar a propia lingua é tanto coma menosprezar ós pais e ós avós e ó pobo do que formamos parte. |
|
|
|
Demoledor informe: o galego está a morrer no noso ensino |
|
"O Consello Escolar alerta da marxinación real fronte ó castelán en Infantil e Primaria"
" En infantil e primaria o uso das linguas na aprendizaxe da lectura e da escritura é "desproporcionada" e "claramente favorable ó castelán". Deste xeito, ó comezo do primeiro ciclo de primaria, un terzo do alumnado non alcanza a competencia suficiente, o 43% sitúase na suficiencia e menos da cuarta parte, o 23,9%, mostra un "dominio bo ou moi bo".
O coñecemento de galego, aínda que mellora 16,2 puntos ó finalizar este primeiro ciclo, "non alcanza a suficiencia requirida". Así, o 16,8% non ten un nivel "necesario" para empezar o segundo ciclo de primaria. No entanto, a competencia é maior ó finalizar esta etapa educativa e "só un 6,7% non logrou o nivel adecuado ó acceder a BUB e unicamente o 5,7% ó iniciar ESO". "
"Profesores sen dominio do idioma" |
|
|
|
Sesenta aniversario do mítico programa en galego da BBC, o primeiro na historia da radio |
|
UN IDIOMA, UN PAÍS
13.04.2007 Este 14 de abril cúmprense sesenta anos dunha das máis marabillosas aventuras da nosa lingua: o ourensán Alexandre Reimúndez iniciaba o programa en galego da BBC, en Londres
ALFONSO MONXARDÍN. OURENSE

Mañá, 14 de abril, cúmprense sesenta anos do comezo dunha das máis marabillosas aventuras da lingua galega. Da man do ourensán Alexandre Reimúndez, e con Felipe Fernández Armesto como convidado inaugural, iniciábase o primeiro programa regular en galego da historia da radiodifusión mundial, e facíao, sorpresivamente, desde os micrófonos da emisora máis prestixiosa do mundo, a BBC de Londres.
A historia é xa ben coñecida. A casualidade e o exilio reúne en Londres traballando na Sección española da BBC ao catalán Josep Manyé e ao sinalado Alexandre Reimúndez. Xuntos conciben a idea de "riparlle" unhas horas semanais ao castelán para darlle introdución a emisións estritamente culturais nas outras tres linguas do estado. Así os programas en catalán irían intercalados entre os galegos e os vascos nunha cadencia que lle outorgaría a esta lingua, de acordo co seu peso demográfico, a mesma porcentaxe de emisión que ás outras dúas linguas xuntas. A sensibilidade e bos disposición de George Hills, xefe da sección española, fixo que a cousa fose adiante e así entre 1947 e 1956 radiáronse 83 programas cuxos guións publicou o profesor Raul de Toro hai uns anos.
Dous foron os colaboradores que presentaron a súa voz habituais desde Londres: o voluntarioso Alexandre Reimúndez, e o cosmopolita Plácido Castro, quen se incorpora entre 1949 e 1954 cunhas colaboracións de alta calidade; en especial, os comentarios dos libros que ían saíndo.
Outros dous foron os "correspondentes" do programa en Galicia: O mestre ourensán, Leuter González Salgado, amigo de Reimúndez que capta os programas dos intelectuais do núcleo ourensán e Francisco Fernández del Riego, que contactará co resto de Galicia.
As emisións eran pagas sempre. Esixencias da BBC para manter a profesionalidade. Desde Londres prestou a súa voz nalgunha ocasión Rafael Dieste, coincidindo co seu exercicio de docencia en Cambridge; e os ingleses Stephen Recket, Frederick Fuller e Nina Epton. Tamén, desde alí, radiáronse gravacións efectuadas en Galicia pro Nina Epton na súa viaxe de 1953 (coas voces de Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro e uns mariñeiros do Grove cantando) e por George Hills en 1955 (voces de Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Díaz Jácome, Álvaro Cunqueiro, Ramón González Alegre, Sebastián Martínez Risco, Fermín Bouza Brei e Aquilino Iglesia Alvariño).
Unha nómina coa totalidade dos intelectuais activos
A nómina dos colaboradores de Galicia, abrangue a práctica totalidade dos intelectuais activos do momento: Otero Pedrayo, Cuevillas, Ánxel Fole, Carballo Calero, Ramón Piñeiro, Francisco del Riego, Varela Jácome, Bouza Brey, Iglesia Alvariño, Chamoso e unha longa lista.
Lembrando esta vella historia, contábame un día Felipe Fernández Armesto, na casa de Xanceda, a oposición frontal a estes programas do prestixioso intelectual europeísta coruñés Salvador de Madariaga, a quen non lle parecía ben que a BBC utilizase outras linguas que non fosen o castelán, nas súas emisións a España.
Propiciei un día un encontro entre George Hills -aproveitando que o convidaramos a dar unha charla en Ourense- e don Francisco del Riego, en Baiona, e estaban de acordo ambos, en que a desaparición dos programas en 1956 foi sobre todo consecuencia da historia. Eran tempos xa de traballar desde o interior. Eran poucos e moito que facer.
Tanto por cuestións de tecnoloxía -emisións en directo na época dos discos pizarra- como sindicais -os locutores falaban para as ondas pero negábanse a seren gravados para arquivo- non se conserva ningunha das gravacións duns programas que se seguían desde Galicia e desde os núcleos da emigración americana, pois a través da Onda curta, deica alá chegaban. Cumpría pór unha placa de agradecemento ao mantemento e difusión da cultura galega, na sede da BBC de Londres, como fixo Jordi Pujol, un día que foi a Londres.
OS FONDOS
A edición dos textos
Foron 83 os programas que se emitiron entre os anos 1947 e 1956. Os textos "Galicia desde Londres", nome do espazo que coordinaba Alexandre Reimúndez para a BBC, están recollidos nun libro preparado por Antonio Raúl de Toro Santos, con debuxos de Conde Corbal. O volume, publicado pola Editorial Tambre, chegou ás librerías no ano 1994. |
|
|
|
Primeira campaña global de impulso ó galego |
|
"Despois de 25 anos de historia, a Xunta presenta a súa primeira campaña global para impulsar o galego, dotada cun millón de euros"
"Incidir na transmisión familiar do idioma"
"SABÍAS QUE...?
En galego falan as maiorías
O galego é a lingua da maior parte da poboación de Galicia. Dos 2.800.000 galegos que hai, dous millóns e medio manifestan que usan habitualmente o galego. É un caso único en todo o estado.
Máis alá das nosas fronteiras
Fálase galego tamén en Asturias, León, Zamora e en tres concellos estremeños. Portugal fala un idioma derivado do galego que, á súa vez, se estendeu por Asia, América e África, con países como Brasil, Timor ou Mozambique.
Un poderoso país de escritores
A Literatura galega conta con obras e escritores de valor universal, como as Cantigas ou Rosalía de Castro. Autores actuais en galego son líderes de vendas non só en Galicia senón tamén nas traducións ás diversas linguas do mundo.
Unha lingua para entenderse na UE
O galego é lingua da Unión Europea. Hoxe, os galegos e as galegas poden dirixirse ás institucións da Unión na súa lingua propia. É, xunto a catalán e vasco, o único idioma dun país sen estado que ten ese rango na UE.
Universidades de todo o mundo
Máis de corenta universidades en todo o mundo incorporan oferta de estudos en galego ao seus programa. Outros institutos e centros forman anualmente en lingua galega persoas das máis diversas nacionalidades.
Na cerna da cultura europea
O documento máis antigo escrito en galego que se conserva data do ano 1228. É o Foro do burgo de Castro Caldelas, outorgado por Alfonso IX en abril dese ano ao municipio de Allariz. Ou sexa, que escribimos en galego desde antes do século XIII.
Poucos novos pero concienciados
O uso do galego na mocidade mingua conforme diminúe a idade dos individuos. Así e todo, constátase o aumento o grupo dos que falan habitualmente só en galego nas xeracións máis novas.
Cun nome propio na UE
Os topónimos galegos usados en Galicia, en España e na Unión Europea son os que establece o nomenclátor de Galicia. A única forma oficial dos topónimos do país é a galega, segundo se establece na lei.
Un idioma para entendernos
O 44% dos galegos fala só galego, o 19% fala máis galego ca castelán, o 18% máis castelán ca galego e o 19% só castelán. O 58,87% dos cidadáns de 50 ou máis anos falan habitualmente só en galego, fronte ao 12,14% que fala só castelán."
Primeira campaña global de impulso ó galego
www.galegoelogo.com |
|
|
|
¿Quen é o bilingüe? |
|
A VISTA DE PAXARO
SALVADOR SOUTULLO CAROLO
Unha autodenominada Asociación Galega Bilingüe declárase contraria ó decreto do galego que está a impulsar a Xunta de Galiza. A min sempre me chamou a atención o reclamo do bilingüismo que fan sempre aqueles que estan en contra de que o pobo aprenda a lingua que lle é propia.
Federico Jiménez Losantos a principio dos oitenta en Cataluña era o segundo asinante dun manifesto en contra da inmersión lingüística no ensino en Cataluña, o primeiro asinante foi Amando de Miguel e o manifesto en cuestión chamabase o manifesto dos 1.200 porque o asinaran seique 1.200 intelectuais. Daquela tivo problemas Federico Jiménez Losantos en Cataluña e marchou co seu amigo Amando de Miguel a Madrid onde foron acollidos cos brazos abertos polos sectores máis anticataláns da capital do reino Borbón.
Destaco o tema de Jiménez Losantos porque aínda segue a predicar o bilingüismo tal e como el quere facermos ver que é dende algúns medios de Madrid. Eu sei que os lectores de GALICIA HOXE teñen un nivel cultural moi alto e polo tanto non é preciso que diga aquilo de que o bilingüe realmente é o que fala dúas linguas e non o que fala unha só, (ó final díxeno).
A min paréceme que do que teriamos que preocuparnos os lectores, como o propio xornal e como todas as persoas concienciadas da Galiza é precisamente de como convencemos a catro irredutibles de que nesta vida é mellor ser bilingüe ou trilingüe; cantas mais linguas se coñezan moito mellor para todos e por suposto para o que as sabe utilizar.
Non podemos de ningún xeito prescindir do coñecemento do castelán nin do inglés, pero moito menos aínda da lingua que nos é propia, que no noso caso concreto é o galego.
Cando unha persoa nos di na Galiza que lle falemos en castelán apelando ó bilingüismo temos que dicirlle que os bilingües somos os galego-falantes e ó mesmo tempo que tamén somos castelán-falantes ou dominamos outras linguas. A obriga de toda persoa que vive na Galiza é a de coñecer e utilizar o galego na vida pública, na privada que fale o que lle pete.
Eu son un home trilingue provocado pola emigración dos meus pais a Cataluña; leo, falo e escribo galego, catalán e castelán e gustaríame dominar o inglés pero por desgraza sempre fun un negado para ese idioma.
¿E ademais a quen se lle pode ocorrer que o pobo galego non aprenda este idioma que nos permite comunicarnos con Brasil, Portugal e parte do continente africano? Que non nos enganen, os bilingüistas somos nós e estes queren acabar co uso normal da nosa lingua na nosa Terra. Defendámonos das agresións ó galego. |
|
|
|
Galego no ensino: que ten de malo o decreto? |
|
ardentía
MANUEL DOURADO DEIRA
Prometiamos o sábado pasado que volveriamos sobre o discutido Decreto sobre o Uso do Galego no Ensino. Pretendo descubrir a ovella negra, ou máis ben gato pardo, que nos permita sequera algún indicio que poida dar pé a esa rabiosa oposición do Sr. Núñez, Xefe do PP de Galicia, está exercendo contra o citado decreto. Porque, de verdade, un servidor non entende unha "oposición do sempre non, polo non"; isto é: unha oposición que, tratándose do idioma de Galicia, chave dunha cultura e unha tradición seculares que fai que Galicia sexa a Comunidade Histórica diferenciada, con entidade propia, que é non pode comprender porque o PP de Galicia non estea á altura dos intereses de Galicia e da mesma esencia desta comunidade.
Un simple desacordo, xa non digo a oposición frontal, nesa materia tan primordial para a nosa existencia dun político que di defender os intereses de Galicia non se lle alcanza a comprensión de calquera mente sa e medianamente equilibrada de persoas que aman a súa Terra. Non nos valen os simples intereses persoais ou partidarios para defender tal oposición a que o idioma de Galicia poida ser vehículo dunha materia tan importante como é educar no idioma propio . É algo natural, que está no propio ser da natureza do ser de Galicia. Sobre todo, tendo en conta o secular predominio do castelán sobre o galego.
A tal respecto, xa dixen reiteradamente que volver ao bilingüismo harmónico, invento fraguiano para preservar ese predominio co obxectivo de que o galego fora agonizando paseniñamente, nos parece aberrante por parte do Sr. Núñez. Como pode defender tal aberración un político que aspira a ser presidente de Galicia? Que pretende: gobernar sobre unha entelequia, un ser imaxinario, baleirado de contido, inexistente...?
Imos co articulado do Decreto. Para empezar, no Preámbulo, xustifícase a necesidade de tal Decreto pola súa concordancia co resto do sistema lexislativo sobre a materia e cítase unha serie de leis que serven de fundamento, moi especialmente a Lei 3/1983, de Normalización Lingüística. Lei que nunca se aplicou en tempos do PP en Galicia. Entre outras cousas dise que "a devandita Norma revela o afán de xeneralizar no seo da Comunidade Galega o uso do galego como idioma propio de Galicia, cooficial co castelán. Está clariña a atención que se lle presta ao castelán. Onde está a preterición do castelán que alega o Sr. Núñez?
Noutro parágrafo do mesmo preámbulo afírmase: "As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos en que o ensino de galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán". Velaí as garantías que o Sr. Núñez esixe. Acábaseme o espazo e quedan por examinar algún artigos de moita substancia que desmontan as tretas do Sr. Núñez empeñado en que en Galicia non se faga nada. Teme que lle pase o sol pola ventá? Teme esta na oposición un período tan longo coma o que Fraga mandou en Galicia? |
|
|
|
Galego o último |
|
XOSÉ MANUEL PEREIRO 19/07/2007
Teño un amigo e colega co que acordei, de vellos, quedar de cando en vez para falar galego. Ideoloxías e agarimos aparte, temos unha relación co idioma parecida á que podemos ter cun legado familiar e, á vez, cunha ferramenta persoal e profesional. Sería unha irresponsabilidade, cando menos, deixar que se perda ou que se oxide. E o que nos tememos é que, como o galego siga baixando en calidade expresiva e en cantidade de usuarios, nunhas décadas e no noso ámbito de profesionais urbanos sintámosnos tan desprazados como quen aprecia manexar os cubertos nun mundo onde se xeneralizou comer cos dedos.
Os que neste momento non poden resistir o impulso de poñer os puntos sobre os is, en cartas ao director enviadas a galicia@elpais.es ou por outra vía, ante a parcialidade da comparación, proclamarán que non se pode obrigar á xente a usar un idioma, en cuxa promoción investíronse miles de millóns, de pesetas ou de euros, e que non se fala, entre outras cousas, porque é redundante aprendelo cando xa sabemos outro que ten máis alcance. Nesa argumentación hai máis falsedades que palabras, como dicía Philip Marlowe dun cartel que aseguraba "Neste local só se serve auténtico whisky escocés de antes da guerra". Non se debe obrigar, pero claro que se pode. O hebreo xa non se falaba en tempos de Xesucristo, literalmente, e o Estado de Israel reinventouno e impúxoo a costa dos idiomas realmente falados polos xudeus (o yiddish e o sefardí). En canto ao diñeiro, por cada euro que os censados en Galicia dedicamos á promoción do galego, gastamos uns 200 na divulgación do castelán, segundo contas que botou Camilo Nogueira. E sobre a importancia do tamaño, o islandés é basicamente o noruego de entre os séculos XII ao XV, somentes o falan 300.000 persoas, pero nin cando necesitan un novo término recorren ao noruego actual ou a unha adaptación do inglés. É dicir, lingüísticamente, todo é máis ben relativo.
Con todo, o máis falaz (á vez que coartada para todo tipo de ilegalidades) é centrar o debate nunha obligatoriedade de uso, que ninguén, en ningún momento, suscitou. Nin sequera aquel artigo da Lei de Normalización -que Mariano Rajoy apoiou no seu día e que o Constitucional anulou porque debería estar incluído no Estatuto- que establecía o deber de coñecelo implicaba o ter que usalo, do mesmo xeito que a Sofía Mazagatos a súa peculiar relación co español non lle carrexou a perda da nacionalidade. A proba de que non é obrigatorio coñecer o idioma propio de Galicia está en boa parte da súa clase dirixente. Calquera personaxe público daría tres dedos antes que ouvirse na radio dicindo "me se escapó", pero quédase tan ancho logo de asestar un "me fan rir seus argumentos".
O problema é precisamente non poder escoller. Calquera pai ou nai urbanita coñece a experiencia de entregar ao seu cativo galego falante aos formadores brazos da escola, que o transforma en castelán falante coa mesma eficacia da que facía gala Lenin cando dicía "dádenos a un neno aos oito anos e converterémolo en bolchevique para sempre". Segundo un estudo de Gabriel Rei-Doval, só a terceira parte da poboación urbana criada en castelán sabe galego, e polo tanto, pode elixir en que fala. Esta é unha sociedade con dous idiomas na que os realmente bilingües adoitan ser os galego falantes e, en xeral, son os castelán falantes os que se poden permitir o dubidoso gusto de ser monolingües. Igual que aquela parella estadounidense de xordos que manipulou a súa herdanza xenética para que os seus fillos tivesen tamén sordera, aquí hai quen reclama poder transmitir unha carencia (neste caso idiomática). Non deixaría de ser un fenómeno anecdótico se non se abonou por esa tendencia do PP de Galicia de dilapidar a bavarización que con tanto traballo como benefizo urdiu Fraga, e substituíla por un discurso político reducido a unha franquicia. (Xa me vexo ao meu amigo e a min, tan anciáns como o pastor aquel do anuncio do todoterreo: "¿E Cuiña, que opina de todo isto?").
sihomesi@hotmail.com |
|
|
|
Coma os galegos fixeron e facemos |
|
Os estranxeiros tamén aprenden o noso idioma
|
|
|
|
Galego práctico |
|
Plácido Lizancos Santos
Dedícolles estas sinxelas normas onde máis erros se cometen, no Día das nosas letras, a aqueles que pola súa alta investidura deben dar exemplo de ben falar..
Outra grande dificultade, para os casteláns falantes e algúns indíxenas tamén, é a CORRECTA COLOCACIÓN DO PRONOME NA FRASE.
Ó pensaren en castelán falan tamén, sen se decataren, coa estrutura desta lingua. Deste xeito caen nun dos erros que máis se dá a cotío. Mesmo en moita xente que fala galego porque sufriron a "contaminación" da lingua irmá.
VEDE LOGO O SEGUINTE: Os pronomes persoais: ME, CHE, TE, LLE, NOS, VOS, LLES, O, LO, A, LA, coas súas correspondentes contraccións: CHO, MO, LLO, LLELO, etc. que veremos noutra lección, poden ir DIANTE ou DESPOIS do verbo.
O máis difícil mesmo para os galegos falantes.
A correcta colocación destes pronomes, é dicir, o sabermos cando deben ir ANTEPOSTOS ou POSPOSTOS ó verbo, fai que o Galego práctico de hoxe sexa moi importante.
BEN COLOCADOS: MAL COLOCADOS:
1- Contouche un conto. 1- Che contou un conto.
1´- Non che contou un conto. 1´- Non contounche un conto.
2- Díxome todo o que sabía. 2- Me dixo todo o que sabía.
2´- Xa me dixo todo o que sabía. 2´- Xa díxome todo o que sabía.
3- Gustoulle o mar. 3- LLe gusta o mar.
3´- Tamén lle gusta o mar. 3´- Tamén gústalle o mar.
4- Déunola túa nai. 4- Nola deu túa nai.
5- Contárono os amigos. 5- O contaron os amigos.
6- Vímolas hai días. 6- As vimos hai días.
6´- Cando as vimos hai días. 6´- Cando vímolas hai días.
7- Vinas na rúa. 7- As vin na rúa.
7´- Nin as vin na rúa. 7´- Nin vinas na rúa.
Debe ir o PRONOME DIANTE DO VERBO nestes casos:
1- Nas frases exclamativas ou desiderativas. Exemplo: a) Que Deus te axude. b) Un raio te parta.
2- Nas oracións introducidas por QUE ou SE, oracións subordinadas. Exemplo: a) Dille que me dea o libro. b) Se vos ven, berrade.
3- Nas frases introducidas por pronomes indefinidos, interrogativos ou exclamativos: Exemplo: a) Ninguén te avisou. b) ¿Cando che levou por isto?. c) ¡Como me doen as moas!
4- No infinitivo ou no xerundio o pronome pode ir diante ou despois. Exemplo: a) Hai que mercalo ou Hai que o mercar. b) Estaba chamándome ou Estaba me chamando.
5- Cando as oracións van introducidas por adverbio. Exemplo: a) Cando te chame, contesta. b) Tamén te escolleron.
ERROS MÁIS COMÚNS:
Cómpre ter presente que en xullo de 2004 a Real Academia Galega aprobou unha serie de modificacións nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego con respecto ó aprobado nos anos anteriores, a primeira do ano 1982. Esperamos que sexan as derradeiras, non as últimas. Así debemos dicir:
1. A PARTIRES DE: Debe dicirse a partir de....(É unha locución prepositiva). Non existe a partires, está mal porque está usado como un falso infinitivo. Está ben se se di: De partires (ti) cedo... chegarías a tempo. Está ben tamén cando se di a partir de mañá viremos ás oito. Pero moi mal a partires que se oe moito na TVG, na radio e que se le na prensa. Escoitámolos con moita frecuencia.
2. A PESARES: Debe dicirse a pesar de... (É unha locución prepositiva). Non existe a pesares. Non existe esta expresión en galego. É un erro moi común. Pode ser infinitivo conxugado do verbo pesar: Exemplo: De pesares 80 kg. Entrarías no concurso. Exemplos: A pesar de non poder, fixérono. Tamén existe: A pesar de (que) (locución conxuntiva). Exemplo: Equivale a non obstante=A pesar de que non pode, quéreo facer. |
|
|
|
Gabriel Rei Doval: "Precisamos asenta-la convicción de que galego é sinónimo de plenitude e progreso, ademais de riqueza" |
|
O autor presenta no Consello da Cultura o seu estudo "A lingua galega na cidade no século XX"
[GZnación / Montse Dopico / 5 Xul 07]

O profesor de sociolingüística na Universidade de Wisconsin Gabriel Rei Doval, autor da obra 'A lingua galega na cidade no século XX', que vén de ser publicada por Xerais, amósase "totalmente de acordo" co presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, en que se debe actuar "sobre tódolos ámbitos sociais, e non só o educativo" para fomentar o uso do galego. O discurso centrouse demasiado na escola, segundo este experto, cando a chave reside na "familia, os amigos e o barrio". Rei Doval presenta a súa obra hoxe ás 13 horas no Consello da Cultura Galega.
Ler a entrevista na ligazón de abaixo |
|
|
|
|
|
|
|
|