boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Aparellos electrónicos en galego
Os aparatos electrónicos preséntanse pensados para que goces do teu tempo libre, para que te comuniques ou para che facilitar as cousas no día a día.

Se queres estar no mundo en galego ou se che gusta dispor do noso idioma na máis avanzada tecnoloxía, debes saber que existen modelos que o incorporan nos seus menús... E os que non, tamén podes solicitarlles aos fabricantes que o inclúan!

Os primeiros móbiles

Os terminais móbiles xa non son só para falar; empregámolos para tirar fotografías, para gravar vídeos ou para escoitar música (algúns ao mesmo tempo!).

Un dos primeiros móbiles en galego que saíu ao mercado, froito dun acordo da Secretaría Xeral de Política Lingüística con Movistar, foi o Grundig G402i, que tiña a opción do idioma galego nos menús e incorporaba ademais un dicionario preditivo T9 para enviar mensaxes curtas (SMS) facilmente na nosa lingua. Este dicionario tamén o incorporou o Grundig G410i.

Alcatel

O fabricante que adoita sacar ao mercado case todos os modelos en galego é Alcatel. Iso significa que todo o menú e todas as opcións do terminal están traducidos ao noso idioma. Desde o seu Departamento de Márketing explican que entre os terminais que fabricaron nos tres últimos meses atopamos en galego o OT-C701, o OT-C707, o OT-E221 ou o Alcatel Mandarina Duck.

Estes terminais non son exclusivos polo de agora dun distribuidor, senón que se poderían atopar en calquera tenda de telefonía móbil ou a través de calquera operador. Non é o caso do Alcatel Glamphone Elle, que de momento só se comercializa con Mediamarkt.

Nokia, en galego con R

A chegada dos novos operadores móbiles está axudando a que o galego colla pulo na telefonía móbil. Un deles, Móbil R, indica que antes do verán de 2008 R ofrecerá terminais móbiles co menú en galego. "Os terminais serán de última xeración e con todas as funcionalidades. Os modelos están por determinar, xa que aínda se están pechando os acordos cos fabricantes dos terminais", explican desde R. Así e todo, adiantan que ?con case toda seguridade, seremos o primeiro operador móbil que ofrecerá un móbil Nokia en galego?.

Ademais, o operador galego R "achega para estes terminais o desenvolvemento de todos os seus servizos en galego, correo R, menú wap, menú SIM, etc.".

Eroski Móvil

Outro dos operadores móbiles virtuais (OMV) que contribúe á visibilización dos termanais en galego é Eroski Móvil. Ademais de realizar a súa campaña promocional na nosa lingua, explican que "estamos pensando en realizar algunha promoción de cara ao verán para os clientes que queiran cambiar para un teléfono co menú en galego". Consideran que posiblemente hai un "descoñecemento do consumidor desta opción", polo que van informar os seus clientes de que nestes dispoñen dun Alcatel 201 en galego.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística xa tivo conversas cos principais operadores para promover accións conxuntas cos fabricantes de terminais e, deste xeito, incorporar unha maior presenxa do galego aos menús e servizos.

Terminais fixos

Terminais fixos con menú en galegoPara os que queiran un teléfono fixo na súa casa en galego, existe o LG-Nortel GT-7168 que non precisa de cables para falar, dispón de pantalla LCD de 65.000 cores, lector de tarxeta SIM e axenda de 200 nomes e números. No mercado tamén se pode atopar un modelo de SPC Telecom que ademais é ecolóxico, xa que rebaixa a radiación máis do 95%.

A empresa Telefónica tamén ofrece teléfonos fixos na nosa lingua. Por unha banda está o Domo2, e pola outra o Domo2 Adicional, un teléfono sen fíos que non precisa de conexión á rede telefónica, xa que funciona conectado á corrente eléctrica.

MP3 e MP4

Un dos fabricantes de reprodutores MP3 e MP4 con máis sona que fabrica aparellos que incorporan a opción do noso idioma é Blu:Sens. Desde a firma galega sinalan que os modelos de MP3 P15 e P16, xunto cos de MP4 1017, 1018, 1027 e 1028 teñen configurado o galego.

Ademais, explican que "actualmente existen algunhas actualizacións de firmware que permiten incorporar o menú galego a modelos que non o traen de serie e estase a traballar na ampliación da listaxe tanto a outros MP4 e DVD, como a todos os produtos en xeral".

No mercado tamén podemos atopar outras marcas con reprodutores de música, coma SPC Internet, que dispón dos MP4 0359 e 0357 de 1GB, ou do modelo 0365 de 2GB. Meizu, pola súa banda, ofrece o M6 Mini Player de 4GB.

DVD

Neste caso, Blu:Sens tamén dispón de diferentes modelos de reprodutores de DVD e DivX co menú en galego, como son o 3002 e o 3005. Tamén dispoñen desta opción o G60, xunto cos Ascomtec Blusens H25-3005 e DVD-3004 DivX.

A marca ofrece tamén gravadores de imaxe como o DVD-5111, cun disco duro interno de 80 ou de 160 GB, segundo o modelo.

Sintonizadores da TDT

Como o apagón analóxico vai ter lugar a comezos do 2010, se cadra é bo facermos un repaso por todos os decodificadores da Televisión Dixital Terrestre (TDT) que hai no mercado coas opcións en galego. Unha das marcas que ofrece no noso idioma os seus sintonizadores é o fabricante JVC. Un dos seus modelos, o KV-DT2000, é un sintonizador para o automóbil, con guía electrónica de programación e teletexto.

Sen irmos tan lonxe, para a nosa casa temos o Probasic TDT1018, coa posibilidade de coller máis de 1.000 canles. Boas prestacións tamén ofrece o sintonizador TDT Sanyo TU-ED1 e o TDT 705 ES de Vivanco.

E para os máis avanzados está o gravador MPEG4 con TDT Blu:Sens G70 con disco duro de 250 GB, sintonizador TDT, WiFi e conexión HDMI.

Avisador de radares

Para o final deixamos o máis curioso dos produtos, o Angel Driver 100. Trátase dun dispositivo GPS que permite coñecer con exactitude os radares dos que informa a Dirección Xeral de Tráfico, tanto da cidade como das estradas, das autoestradas e das autovías. Ademais, avisa o condutor dos tramos de velocidade controlada, indicando a velocidade á que se circula e a máxima que
permite a vía na que se atopa.

Máis información:

O galego nas novas tecnoloxías

Infórmate en galego de todas as novidades tecnolóxicas en Código Cero e Trebellos.
Aparellos electrónicos en galego
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 24-02-2008 00:47
# Ligazón permanente a este artigo
Separatistas
MANUEL RIVAS 16/02/2008

A idea da escola catalá en Madrid, proposta por Esperanza Aguirre, soou como un ledo axóuxere informativo. Días antes, con todo, a proposta de Manuel Chaves de incorporar galego, eúscaro e catalán ás escolas oficiais de idiomas de Andalucía foi seguida dun linchamento mediático. As linguas, tan eróticas elas, tan dadas á concupiscencia, bisexuais, desexando bocas, pertencen á órbita de Venus, pero adoitan caer ao servizo de Marte. O noso maior partido conservador lanzou a proposta de segregar aos nenos en Cataluña, no ensino, segundo opten por estudar en castelán ou en catalán. É unha curiosa alternativa radical. Extremista. E sobre todo, separatista. Ignoro se esta disposición de segregacionismo limitaríase a Cataluña ou se faría extensiva a toda España, xa que o programa conservador propugna un bilingüismo inglés-castelán. Unha cousa é ser políglotas e outra trogloditas. Así, segundo o separatista conselleiro de Educación valenciano, o catalán é un "idioma estranxeiro", que ameaza con garras imperiais ao vernáculo inglés, en franca regresión. Rajoy, que é dúas veces conservador, por política e por profesión, a de rexistrador da propiedade, debería tomarse máis en serio a conservación de todas as linguas españolas. E é o que faría se fose galego de Suíza. Non son os idiomas valiosas propiedades? E se imos plantar 500 millóns de árbores, como non mimar eses bosques centenarios das palabras? Ese cultivo non é contraditorio, senón ao contrario, coa aprendizaxe do inglés, a ferramenta do global e que tivo a súa orixe nunhas pobres tribos de sajones emigrantes. Linguas aparte, o problema é a obsesión para separar aos nenos desde que nacen. Como sexa, hai que separalos. Por clase social. Por relixión. Por sexo. Por procedencia. Polo iris dos ollos. Veñen os nenos ao mundo e aí están os adultos á espreita para marcalos amorosamente a lume.
Separatistas
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 17-02-2008 01:33
# Ligazón permanente a este artigo
Discurso de agradecemento de Xabier P. Docampo

Discurso de agradecemento de Xabier P. Docampo from Martin Pawley on Vimeo.

A partir do minuto 3:18 "...Pero tamén sabedes que eu escribo para os rapaces máis novos, eu escribo para vos, para dicirvos que non permitades nunca que vos rouben o país, que de verdade, que vos están roubando este país. E quero dicirvos a vos, aos rapaces, que si, con dulzura, con educación, sen faltarlle o respecto ao teu pai ou a túa nai, dille: Non me roubes o país. Non me roube-la lingua. Suma!, non restes, eu non vou ser mellor se algo que podía ter non o teño, serei mellor se algo que podía ter o teño, mo dás.
E os pais e as nais, por favor, aproveitar este momento para dicirvos unha cousa: Aínda estamos todos a tempo de que os nosos fillos non nos boten en cara un día, eu tiña unha lingua e ti roubáchesma, ti impediches que chegase a min, porque de verdade eu estou totalmente convendido de que isto é así. O día que perdámo-la lingua, non somos ninguén, ou somos iso, ese fuco, un ninguén.
Aquí, a lingua nun só, é o noso escudo como dicía Cabanillas. É aquelo que nos representa, que de verdade, a lingua é a nosa casa, é a nosa patria. A lingua é a patria do ser humano, instalémonos na nosa casa, na nosa patria. Quero aproveitar este momento no que non vos queda máis remedio que escoitarme para dicir isto, de verdade, para facer un canto ao que non é nen nada máis nen nada menos que para min o meu instrumento de traballo, pero para min é o meu conforto espiritual, para min é onde habito, onde me sinto a gusto.
Teño dúas casas, a lingua e María Jesús e estou moi contento con elas dúas."

Homenaxe a Xabier P.Docampo na blogue "Dias Estranhos": 1,2,3.
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 13-02-2008 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
Amor por todos os idiomas
José Paz Rodríguez
01-02-2008

A Índia, de nome autêntico Bharot, é um verdadeiro modelo para muitos temas hoje no mundo. Mas, especialmente, pola política lingüística que desenvolve. A Sahitya Akademi de Delhi, que vem a ser a sua Real Academia, apoia todas as línguas que se falam neste grande subcontinente indiano. O respeito polas múltiples línguas faladas aqui nos diferentes estados é proverbial. Todos amam os idiomas e todos os que estudam dominam no mínimo três. Confessamos ter uma sá inveja polo que aqui se faz em termos de política lingüística. Na Índia nom compreendem os problemas lingüísticos do Estado espanhol. Nom compreendem como nós temos tantos problemas com tam só quatro línguas e eles com mais de vinte, sem contar os múltiples dialectos, nom têm nenhum. No parlamento de Delhi som todos oficiais e cada parlementário exprime-se no seu próprio existindo os correspondentes tradutores simultâneos. A Academia promove a traducçom de obras literárias em todos os idiomas da Uniom e mesmo a de obras estrangeiras para os mesmos. A atitude dos indianos é sempre positiva para com todas as línguas. Contrasta isto com o que sucede no nosso país, onde o lógico seria que nas escolas primárias e secundárias se estudassem o galego-português, o catalám, o euskera e o castelhano e de Madrid se visse isto como normal. Certamente Rajoi nom conhece a Índia nem o seu modelo lingüístico, e assim diz aquela asneira de ?mais inglês e menos galego?, que é como dizer galego nom. Claro que na Galiza também em termos lingüísticos se continuam a produzir muitas asneiras como as do lider da direita crua e nua.

A nossa experiência fundamental, por estar aqui mais tempo, e ver com que amor todos os bengalis defendem e usam o seu lindo idioma Do bem que se fazem as cousas na Índia sobre este tema é um bom indicador o facto de que em todos os bilhetes de banco aparece Gandhi e a listagem dos idiomas oficiais. Entre os que destacam o hindi (o h sempre aspirado), bangla, assames, orilha, kannada, telegu, marathi, panlhabi, gulharati, malaalom, urdu (que é um hindi escrito em árabe), konkoni e monipuri. O inglês também é oficial, porque vem da época colonial.

A nossa experiência fundamental, por estar aqui mais tempo, e ver com que amor todos os bengalis defendem e usam o seu lindo idioma. Os rapazes, desde pequeninos, aprendem logo a ler e escrever o bangla. Aprendem cantigas populares e de Tagore. É muito agradável ver como o escrevem quando lhes facilitas um caderno. O melhor presente para eles é um livro de contos ou poemas em bangla. A nós admiram-nos quando nos escoitam dizer palavras no seu idioma ou quando nos escoitam cantar alguma cantiga de Tagore. Os mais de 83 milhons de bengalis que hai no estado de Bengala Ocidental usam a diário o seu idioma, lem os mais de vinte jornais que se publicam e alegram-se quando alguém, como nós, lhes comenta que o seu idioma é o mais lindo da Ásia. Como certamente o é. Um formoso idioma, doce e musical, no qual, por palavras do escritor Gómez de la Serna, cantam os pâssaros de cores. Quanto gostaríamos de que na Galiza acontecesse o mesmo!!
Amor por todos os idiomas
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 10-02-2008 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua atopada
Autores nados fóra do país decidiron adoptar o galego como idioma de traballo
D. SALGADO / Ó. IGLESIAS 01/02/2008

O dicionario apón o termo alófono ás "persoas que escriben nunha lingua diferente da súa". Entre Alfonso X O Sabio, que empregou o galego para elaborar as Cantigas de Santa María, e Erín Moure, a poeta canadense que se goreceu de George W. Bush na lingua da Galiza, os escritores que adoptaron o idioma de Castelao para trazar a súa obra exceden o nivel da anécdota. E malia a que o caso máis célebre, os Seis poemas galegos (1935) de Federico García Lorca, aínda é obxecto de debate entre estudiosos, o arxentino Eduardo Bosco, morto en 1942, a alemá Úrsula Heinze, as estadounidenses Anne Marie Morris e Katheleen March ou o inglés John Rutherford constitúen exemplos de autores inscritos por elección na literatura galega.

Erín Moure: "Quería fuxir do inglés de Bush"

O seu apelido pode levar a conclusións erradas. A canadense Erín Moure perdeu os vencellos coa terra do seu bisavó no ano da Primavera dos Pobos, 1848. "O meu bisavó marchou de Galiza en 1848", explica, "pero a familia do meu pai xa perdeu todo o contacto con cousas galegas". Nunha encrucillada de raíces -"ucraína, polaca, irlandesa e francesa"-, en Calgary, naceu Moure.

"Entrei en contacto con Galiza en 1994, cando viñen acompañada de meu pai para buscar a aldea do seu avó, preto de Crecente". Pero o traxecto que afasta a súa primeira viaxe ao país da publicación de Teatriños ou aturuxos calados (2007) na editorial Galaxia parou nunha estación chave no congreso de estudos poscoloniais da Universidade de Vigo en 1998. "Naquel encontro tamén houbo recitais de poesía", lembra, "e aproveitei para mercar varios libros de poemas de autores galegos".

O traballo poético de Erín Moure asóciase, decote, coa denominada language poetry norteamericana. O carácter multilingüe da escritora canadense contribúe a que nos seus libros se estabeleza unha reflexión constante arredor dos consensos lingüísticos e contra a transparencia da linguaxe. "Entre 2001 e 2002 pasei unhas semanas en Botos e Merza [nos concellos de Lalín e Vila de Cruces, respectivamente] e, nesa época, comecei a escribir en galego, nese tempo non quería escribir en inglés". Moure reaccionaba "contra o idioma de George W. Bush e contra os discursos parvos mentireiros sobre o terrorismmo".

Daqueles días de furia, nos que se comezaba a perfilar a invasión de Iraq, naceu Teatriños... "Os poemas en galego de Botos / Merza foron o xérmolo do libro", relata, "aos que engadín outro feixe de textos posteriores escritos en inglés". A escritora e tradutora viguesa María Reimóndez verteu eses textos ao galego e o volume foi presentado en Santiago de Compostela a finais do pasado novembro. Unha edición previa distribúese en Canadá, Little Theaters.

"Aprendín galego para non sentirme estraña en Galicia", argumentaba Moure hai uns meses, e contaba a súa experiencia cos idiomas na cidade onde reside, Montreal: "Vivo nun lugar onde o francés é o idioma nacional, mais o francés é o segundo; iso sen ter en conta que vivo nun barrio portugués". Erín Moure puxo na rúa canadense, tamén en 2007, o poemario titulado en galego O Cadoiro. Traduciu ao inglés Charenton, de Chus Pato e prepara a versión de Hordas de escritura, tamén de Pato e que está a piques de saír en galego, así como poemas de María do Cebreiro

Justo González Beramendi "Viñen a Galiza por César Portela"

O unanimemente recoñecido como libro fundamental sobre a historia do nacionalismo galego, De provincia a nación. Historia do galeguismo político, publicado por Edicións Xerais en 2007, apareceu da man dun historiador nado en Madrid e que non arribou na Galiza até os 33 anos. Justo González Beramendi recolle, nas 1.200 páxinas de De provincia..., máis de tres décadas de investigación sobre as etapas históricas da reivindicación nacional galega. "Realmente, a miña dedicación a estudar o nacionalismo resultou froito do azar", confesa. "Cando rematei a miña segunda carreira, Historia [Beramendi completara antes Enxeñería Industrial] e tiña que escoller tema para a tese de licenciatura, Xosé Ramón Barreiro propúxome Vicente Risco, e aí comezou todo". Titulouse Vicente Risco no nacionalismo galego, saíu en libro contra 1981, e supuxo o seu primeiro escrito en galego.

Pero antes, Justo Beramendi se xuntara coa colonia galega de Barcelona. "Eu escapaba da policía política de Madrid e marchei para Cataluña", rememora, "e coñecín a xente como Xavier Costa Clavell ou Basilio Losada". Beramendi militaba daquela na "extrema esquerda". Ese foi o primeiro vencello con Galiza dun profesor que remataría, uns anos logo, entre os cadros políticos sobranceiros do Partido Socialista Galego de Xosé Manuel Beiras.

A emigración de Justo Beramendi a Galiza tivo, finalmente, razóns "profesionais". O Colexio de Arquitectos de Galicia en Santiago de Compostela, na etapa final da ditadura un fervedoiro de oposición ao franquismo, ofreceulle unha saída laboral. "A través do arquitecto César Portela pedíronme que me fixese cargo da xerencia da comisión de cultura do colexio e aceptei". Nese ambiente, Beramendi comezou a frecuentar a órbita do PSG, no que se integrou apenas un tempo despois de setembro de 1974, cando se instalara no país. Portela, Daniel Pino e, finalmente Xosé Manuel Beiras, provocaron o achegamento do autor de De provincia... ao nacionalismo galego. "Aos seis meses xa tatexaba unha palabras en galego", afirma.

Dende entón, Justo González Beramendi escribiu miles de páxinas en galego. "Sigo a escribir en castelán, por suposto, pero, efectivamente, levo moito escrito en galego". Beramendi non só afondou como poucos historiadores no tránsito que fixo evoluír o provincialismo até o actual nacionalismo, senón que se implicou na fundación da revista trimestral de pensamento crítico A Trabe de Ouro, en 1990 so a dirección de Xosé Luís Méndez Ferrín, e na de Tempos Novos, o magacín mensual que encabeza o xornalista Luís Álvarez Pousa. Edicións críticas de clásicos do nacionalismo ou páxinas teóricas sobre historiografía na Galiza fan parte do seu labor.

Marilar Aleixandre "Estreeime cun libro de ciencias"

No palmarés de Marilar Aleixandre figuran os principais premios do campo literario galego. En todos os xéneros: o Xerais de Novela, o Esquío e o Caixanova de poesía ou o da Crítica de Galicia. Porén, Aleixandre naceu en Madrid, de pai andaluz e nai valenciana, e non trasladou a Galiza até que, no curso 1973-1974, aprobou a oposición de instituto. "Coñecía Vigo e tiña amigos aquí, así que me decidín axiña pola cidade".

Apenas chegada ao noroeste peninsular, Aleixandre comezou a aprender o idioma. "Asistía a clases de galego con Franciso Carballo [crego nacionalista e historiador] na agrupación que logo mudou en Asociación de Veciños do Calvario", indica. A escritora, bióloga de carreira e daquela profesora de ciencias naturais, recoñece que a súa "inmersión lingüística" foi facilitada pola familia López Facal. "É a miña familia política, galeguista, na que todos falan galego e un bo galego, ademais". Ao ano e medio, as clases de Aleixandre eran en galego.

Mais a carreira literaria de Marilar Aleixandre tardou en despegar. O seu primeiro libro, A formiga coxa, apareceu en 1988. "Pero é que me estreei en galego nun libro de texto que autoeditamos un grupo de profesores en 1981", relata, "e que conformou o primeiro material en galego sobre ciencias".

"Na universidade, en Madrid, xa lera Longa noite de pedra e algún outro libro en galego, e eu cheguei co chip de aprender galego posto; en cada lugar hai que aprender a lingua de alí". Marilar Aleixandre revisa arestora unha novela que publicará Galaxia, de título provisional O ovo da avispa. e xunta relatos n'O coitelo en novembro.

Carlos Álvarez-Ossorio: "Alguns feitos son inexplicables fóra"

Cámara Negra, constituída en Sevilla hai 12 anos, é compañía teatral galega desde 2004. Ese ano chegou a Santiago, "por amor", Carlos Álvarez-Ossorio, que xa tivo tempo de contrastar "algúns feitos da cultura galega que semellan inexplicables desde fóra".

O director, autor e actor sevillano, que investigou no sitio os métodos para economizar escena de Odin Teatret ou da Berliner Ensemble, chegou a tempo para vivir as sensacións da xente do teatro tras o cambio político. Ás diferenzas entre Galiza e Andalucía, canto á política de cesión de espazos, puido afacerse a colleito. "Tiña o contacto da xente da Sala Yago

[xestionada antes do peche por Teatro do Noroeste], que me recibiu cos brazos abertos". A finais de 2005 estreou A casa do pai, en coprodución coa compañía dirixida por Eduardo Alonso e Noescafé Teatro, logo premiada co galardón da Asociación de Directores de Escena de España e co Max ao mellor autor en galego. Este mes levan ao Teatro Ensalle de Vigo En la soledad de los campos de algodón, unha das últimas reflexións de Koltès sobre violencia e desexo.

Mais a reviravolta de Cámara Negra no ano que comeza ha chegar coa estrea, 12 e 13 de marzo no Principal compostelán, de Brand, un texto da época transcendental de Ibsen. "Nunca se representou en castelán e nós ímola facer en galego", conta o director e tradutor da obra. "Penso que tiña que ser así", explica, "hai un certo universo simbólico que xungue o nórdico e o galego que lembra por exemplo as Comedias bárbaras de Valle-Inclán, desde os coros de esmolantes aos personaxes animalizados". Afeito a montar fóra, Álvarez-Ossorio foi acollido en Compostela sen susceptibilidades. "No rural pásoo peor, pero os meus amigos galegofalantes esfórzanse, e eu ás veces tamén intento falar en galego". Os primeiros avances a través da cultura do país exprésaos con humildade. "Vou aos poucos", di. Interésanlle Cunqueiro, "quizais máis como poeta", e dos vivos a carpintería teatral de Xulio Lago ou o sentido do humor e o tratamento dos clásicos de Manuel Lourenzo, para quen imparte clases de monólogo en Casa Hamlet. Non valora, en xeral, o rumbo do teatro galego, aínda que apreza nalgunhas obras "un certo medo á tesoira".

James Salter: "En Vigo sentíame inspirado por todo"

"Si, desgraciadamente tamén son James Salter", ironiza o escocés, que só comparte esa identidade co célebre escritor norteamericano. "O meu é menos realista é máis metafórico na mestura entre soños e realidade", di, "o modernismo e o que veu despois non me interesan demasiado, prefiro ler as novelas policíacas de Wilkie Collins e, en xeral, calquera grande novela do XIX".

Salter aínda non sabe se manterá a alofonía, pero si ten claro que o seu debú, os oito relatos que conforman A idade da auga (Xerais), tiña que ser en galego, "unha lingua máis literaria có castelán no sentido musical". Licenciado en Lingua e Literatura Inglesas, decidiu a tempo que non quería tripar o camiño académico do pai. Tras un malentendido laboral en Barcelona, coñeceu a Península e acabou en Porto. "Aí foi cando descubrín Galiza, e en 1991 fiquei en Vigo dando clase en academias de inglés. Alí coñecín á xente que traballaba arredor do galego". En Vigo estivo oito anos. "Sempre escribín en Escocia, pero alí non estaba moi inspirado... En Vigo sentíame inspirado por todo, incluso por demais. Quizais a de Vigo sexa unha mestura única: o mar, a cercanía con Portugal, a tradición pesqueira e a emigración, todo a carón do Vigo máis moderno".

Fisterra urbana, o relato matriz do libro, é un "estado emocional". "O que conto vivino", afirma. "Nalgúns momentos estrema coa loucura, pero é que a literatura non é un xogo, a súa base debe ser a experiencia vivida". O autor escocés pensou para o seu San Fernando (trasunto de Vigo) unha historia "como de amor cortés" sen fortalezas. Pasado e presente recréanse a través de construtores, fillas de construtores, arquitectos ou buceadores profesionais. Non se guía por autores, sinala, "senón por libros puntuais". "Interésame Manuel Rivas, sobre todo os primeiros libros, como me interesa A confissão de Lúcio [a novela de Sá-Carneiro]. Lina pensando que estaba escrita en galego".

Radicado en Madrid desde 1998, a súa casa en Vila Nova da Cerveira aínda o mantén preto de Galiza.

Craig Patterson: "A grande vantaxe é o pluralismo"

Entrou a estudar Hispánicas en Birmingham en 1992, baixo a tutela de David McKenzie, daquela titular do Centro de Estudos Galegos. En 1995 chegou a Santiago e decatouse de que o caso galego sería un bo punto de partida para unha carreira académica.

"Hai moito por escribir sobre identidade galega", lembra Craig Patterson, actualmente responsable do Departamento de Filoloxía Española e Galega en Cardiff (Gales). A tese sobre Otero que defendera en 2002, A identidade cultural galega nas obras de Ramón Otero Pedrayo, dirixida por Rutherford, saíu en inglés en 2006 (Mellen Books). Mentres agarda por unha versión galega traballa na tradución inglesa de Sempre en Galiza.

Patterson analizou en artigos como Da lámpada severa á escuridade mollada. O diálogo diferencialista entre Nós e o 98 (Anuario de Estudos Literarios, 2004), a través de Arredor de si, o diálogo trazado polo ourensán con marcas do 98 como Camino de perfección (Baroja) e La voluntad (Martínez Ruiz). A Spengler lérono os pais fundadores aquí e alén do Padornelo. "Todos beberon nas mesmas fontes, pero era previsible que aos galegos lles molestasen as decisións centrípetas por decreto", resume. O inglés reinterpretou a defensa da "cultura asoballada", pola parte galega, para explicar a falta de curiosidade mutua e a invisibilidade global da Xeración Nós no debate fundacional sobre a idea de España. "Unamuno desenvolvíase nun sistema sólido", sintetiza. Sobre a "complexa" identidade galega actual, fala dunha certa "caixa de Pandora, con fontes tan positivas coma o emigrante en Castelao, e algunhas parvadas étnicas que hai que dimensionar na súa época". "Galiza ten que reflexionar con frialdade sobre o seu legado para ir pulindo unha nova identidade, desde longo inclusiva. Ese pluralismo é a grande vantaxe en termos de construción identitaria".

Para remarcar a importancia da autoestima cita un recente artigo de Mark Abley en The Guardian. O analista fala da importancia de sentirse parte dunha cultura poderosa para evitar desquencias: "O exemplo clásico é o abraiante renacer do hebreo hai un século no que logo sería Israel. Actualmente vascos e cataláns, galeses e maoríes poñen en práctica unha fe similar".
A lingua atopada
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 10-02-2008 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
Unha mensaxe para Mariano
MANUEL RIVAS 18/01/2008

Moito se fala estes días das perdas e ganancias para Mariano Rajoy, o líder da dereita española. Por unha banda, ficha un tiburón, por outra, despréndese dun merlo branco. El saberá o que fai, que para iso é rexistrador da propiedade. No medio desta feroz loita darwinista, eu o que pensei é enviarlle un agasallo creacionista. Un exemplar de vagalume e outro de xoaniña.

O texto que acompañará este envío entomolóxico podería dicir o seguinte:

"As linguas non restan, Mariano. As linguas suman. As linguas non pesan. Non son un lastre para quen as leva. Pola contra, son elas as que levan o peso da historia enriba da cabeza. Móvense por unha sorte de enerxía interior, alternativa. O xeito en que traballan as verbas, a maneira de elas viviren, é moi semellante á relación que ten a avelaíña coa lámpada na noite. Porén, malia non ter peso, as linguas pertencen á natureza. Mesmo son o enxerto máis logrado e actúan coma o pole para a semente. Verbo desa fecundación, quixera lembrar que na lingua galega os seres máis nomeados son dous cativos coleópteros. O vagalume (de nome científico, lampyris nocticula) é chamado de máis de cen maneiras diferentes e algo semellante ocorre coa xoaniña (coccinella septempunctata). O vagalume emite luz. A xoaniña, coa súa forma esférica e sete puntiños mouros sobre o vermello dos élitros, trae a boa sorte se se pousa na man. O vagalume e a xoaniña escasean agora por mor dos herbicidas.

Unha lingua é comparábel a un senlleiro ecosistema. Se sentimos noxenta a queima dun bosque amazónico ou a seca dun río, ou a perda dunha obra artística e monumental, cómo ser insensíbel ante a vida das linguas!

Non hai fotografías das linguas feridas, das verbas fanadas, mais cada unha desas perdas deixa un cráter na boca da humanidade, unha chaga na gorxa da historia. Se tiveramos esas imaxes, serían estarrecedoras. Porque as linguas non son abstraccións nin simples artificios gramáticos. Teñen corpo e alma, que non van esgazados o un da outra.

A vida das linguas é unha metáfora das nosas vidas.

Hai dous espazos contrapostos no fondo submarino das rías galegas. O que os mariñeiros chaman almeiro, os lugares de cría e desove, un erótico leito de cores, e aqueloutro que chaman a marca do medo, as furnas do baleiro onde domina o silencio e os peixes non entran pola memoria do esquilmo. Cada lingua é un almeiro fronte a marca do medo, un viveiro fronte o baleiro uniformizador.

Entrado o século XXI, hai dous eixos nos que basear a civilización: o cultivo dos dereitos humanos e o da biodiversidade no mapa da natureza e das culturas. Eses dous cultivos están entrenzados e son hoxe a primeira proba de civilización, de calidade democrática.

Por que o vagalume e a xoaniña foron os seres máis nomeados? Quizais polo instinto das linguas, á procura da luz e da sorte". Stop. Fin da mensaxe.

Por qué enviar agora os dous coleópteros a Mariano? Non se trata de política. Non ten de ver nada coa campaña electoral. Non é unha mensaxe críptica. O que pasa é que Mariano cada vez que vén a Galicia pois solta un mesmo retrouso: "O que fai falta é menos galego e máis inglés". Nos últimos tempos, veña coa ladaíña: Menos galego, máis inglés. Un titular, don Mariano!, solicita o xornalista. E Mariano entoa o ritornello: "Menos gallego, más inglés".

A min esa demanda lingüística sorpréndeme moito. Desconcértame. Non porque Mariano sexa ou non galego. En Galicia hai máis xente que comparte esa idea, mais non é or auto-odio nin por ignorancia. É por desprendemento. En Galicia hai moitos galegos que falan galego. É un dos lugares do mundo onde máis galego se fala. Tamén hai moitos galegos que falan galego en castelán. E algúns que falan castelán en galego. A cousa non vai por aí. O meu desacougo con Mariano ten relación co seu papel de líder político conservador. E se é conservador, penso eu, por que non quere conservar? Conservar o galego, que o que necesita unha man de conservación. Home, se fai falta botarlle unha man ao inglés, pois tamén lla botamos.

O outro motivo de desconcerto é que Rajoy é de profesión Rexistrador da Propiedade. E logo a lingua galega non é unha propiedade? Hoxe en día todo o mundo sabe que a lingua é un recurso. Sábeno os suízos, que de propiedade entenden un ovo e a metade doutro, e por iso conviven con catro linguas. Sábeno os países poderosos e outros máis modestos ou de menos falantes. Vai ti a Islandia, que son 300.000, e dilles que para qué queren o islandés. Saes de volta no primeiro avión cunhas orellas de burro. Así que non entendo a razón pola que un rexistrador da propiedade, un home intelixente, en plenas facultades, quere que nos desprendamos de semellante propiedade. Pois mira que non é leira o galego! Con el podes falar e entenderte en Viana, en Porto Alegre, en Luanda, en Maputo, en Cabo Verde, en Goa, en Timor e mesmo en Pontevedra e no Vaticano. E non habería maneira de falar máis inglés sen achicar o galego? Unha cousa é ser políglota e outra troglodita.

Contrasta esta actitude co estilo tan sereno e respectuoso do conselleiro de Educación da Junta de Castilla-León, Juan José Mateos, que vén de ratificar o convenio para a incorporación do galego en todo o itinerario escolar na bisbarra do Bierzo. Coido que acae o exemplo, pois forma parte dun goberno autonómico conservador. Escoiteino falar este mércores, co gallo do acto a prol da lingua da asociación Xarmenta, co teatro de Ponferrada ateigado de xente, e o que el fixo foi un discurso da intelixencia e de defensa da diversidade. No Bierzo, que é parte administrativa de Castilla-León, pasouse en seis anos de 25 estudantes de galego a máis de 1.000 na actualidade.

No recente informe do PNUMA, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, fanse unhas afirmacións moi interesantes verbo das linguas. Paréceme fundamental ese enfoque. Considerar as linguas parte esencial do medio ambiente. Normalmente, falamos como respiramos. Mentres respiramos non nos poñemos a reflexionar sobre a importancia do aparato respiratorio. Dicía o poeta arxentino Manuel Lugones que el só foi consciente da importancia do aparato respitarorio o día que estivo a piques de afogar nunha praia. Pois ben. O que di o PNUMA é que a perda dunha lingua e do seu contexto cultural representa a queima dun libro de consulta único do mundo natural. De seguir a actual tendencia, calcúlase que dentro de 100 anos, o 90% dos idiomas do mundo estarán extinguidos ou a piques de se extinguir.

Eu ben sei que Mariano non quere que o galego estea nesa lista de desaparecidos, mais para iso hai que botar unha man. Ei! Ao pescozo, non.
Unha mensaxe para Mariano
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 21-01-2008 14:33
# Ligazón permanente a este artigo
Épica de Iria, neofalante
Épica de Iria, neofalante (I)
28.12.2007 Unha persoa educada en castelán que decida pasarse ao monolingüismo en galego percibirá no seu contorno actitudes de prexuízo contra a lingua
XABIER CORDAL

Abonda consultar unhas cantas páxinas do rico e extenso blogomillo e sumalas ás experiencias que todos temos oído relatar -cando non as sufrimos en propia carne- para repararmos en que calquera neofalante se enfronta ás mesmas situacións, especialmente na Galicia urbana.

A pequena historia comeza máis ou menos así en termos estatísticos: un rapaz ou rapaza criados en castelán marcan un día no calendario para comezar a usar en exclusiva o noso idioma.

Parte da familia, con probabilidade os avós, aínda fala galego, e algún dos pais chapúrrao esporadicamente, pero á nena ou neno nunca se lle falou galego na casa. Nin sequera fixo falta aclarar con antelación esa conduta familiar. En Ferrol, ou en Vigo, ou na Coruña, educar os fillos e falarlles castelán considéranse sinónimos desde hai moitas décadas.

No entanto o rapaz, ou rapaza (imos chamala Iria, un supoñer) decide fixar o día en que se converterá en galegofalante tras algunhas semanas ou meses de perfeccionamento nos ambientes que axudaron a tomar esa determinación.

Xusto ao comunicar durante unha conversa informal a súa intención de facerse monolingüe, Iria empeza a notar estrañas reaccións no contorno e detecta actitudes que até daquela lle pasaran desapercibidas.

A disuasión

Varias persoas do ambiente familiar, do círculo de amizades -ás veces amizades íntimas- intentan disuadila, como se se tratase dunha expedición á Antártida. Dado que non resulta politicamente correcto atacar o idioma, a estratexia negociadora básease en proclamas de riqueza cultural e atención á diversidade: "ao fin, somos bilingües, non?", "ninguén che quita de falar, eu tamén falo algunhas veces, pero non entendo o de usar só o galego". Adoitan afirmar iso, con pasmosa naturalidade, persoas de instalación exclusiva na lingua prestixiada socialmente.

O período disuasorio pode durar desde as declaracións iniciais de intencións até as primeiras semanas. Cando o neofalante manifesta a suficiente coherencia e a súa conduta indica que a mudanza de idioma non terá retorno, a estratexia cambia do pacifismo culturalista ás insinuacións de bloqueo social, económico e mesmo afectivo: "así non vas ir a ningún sitio, ninguén se pecha desa maneira", "non sei o que gañas ti con esa fixación", "en moitos traballos non te van querer", "han fuxir de ti os mozos".

A fase máis dramática culmina con argumentos ad personam: "que te cres, máis intelectual así?", "que pasa, queres parecerte a fulana de tal?", "non te dás de conta que hoxe só o falan radicais e pailáns?".

Por fortuna, o acoso acaba desaparecendo e sempre se ve amortecido por intervencións doutros familiares e amigos que apoian a opción monolingüe. No edificio e no contexto onde Iria estuda xa se correu a voz. Os ecos disuasorios manteranse aínda durante meses, pero de feito está próxima a encetarse a segunda etapa.

Fase hermenéutica

Agora o que lle cómpre ao contorno castelanfalante, por moito que non todo el sexa hostil, é coñecer as razóns polas que Iria se pasou ao galego. Trátase o noso idioma como un obxecto tóxico, coma unha infección de leve a grave segundo o grao de prexuízo que se teña contra o idioma de Rosalía.

Nas mentes máis reaccionarias, (para as cales "bilingüismo" só pode significar que "o outro" idioma estea ben lonxe) hai tres explicacións: primeira, pouco probable: as estadías na aldea acabaron contaxiándoa -un mozo, unha panda de amigos- e Iria non dá diferenciado correctamente a realidade do folclore.

Segunda: Iria foi vítima dun lavado de cerebro por parte de nacionalistas radicais e debemos confiar en que o andazo acabe remitindo baixo a forza do pragmatismo, que sempre se expresa en español.

Terceira: Iria quere ser escritora ou padece esnobismo cultural. Algúns veciños chegarán a preguntarlle directamente, cando vaia no ascensor, os motivos do cambio.

Iria non comprende o rebumbio que se montou ante un acontecemento tan trivial, nin o repentino cariz ideolóxico que semella tinguir de súpeto o ambiente cada vez que abre a boca, descubrindo insospeitadas retesías no até a altura afable tendeiro.

Ás veces leva incluso peor as mostras de apoio ca as impertinencias: "aaai, así que agora falas galego, ehh? Que riquiña!". "Iria, coñecémonos desde nenas e aínda que fales en galego todo o tempo, eu vou ser túa amiga igual".



Épica de Iria, neofalante (2)
Os combates diarios aos que unha rapaza debe enfrontarse para recuperar a raíz lingüística dos seus avós permítelle descubrir unha nova paisaxe
XABIER CORDAL

A pequena historia de Iria é a de moitas neofalantes da Galicia urbana. A determinación de vivir en galego provoca estrañas reaccións no contorno e fai emerxer actitudes que até daquela lle pasaran desapercibidas.

Iria anota, coma un entomólogo, curiosas condutas asociadas ao uso sen complexos do idioma. Despois de aturar unha primeira fase na que varias persoas monolingües (en castelán) tratan de convencela das excelencias do bilingüismo, comproba que a corrección política pode agriarse e pasar ao ataque persoal. Cumpriulle paciencia para afrontar o ruxe-ruxe no vecindario sobre os motivos da súa mudanza de idioma. E séntese orgullosa, asemade, cando entra nun comercio e se dirixe aos dependentes, cando lle piden a hora, cando un turista lle pregunta por algunha rúa. Lembra os versos do Leo: agacharlles a lingua aos visitantes sería como quitar a catedral do Obradoiro e poñer a de Burgos.



A tradutora simultánea e o efecto eco

O seu amigo Xoel, que ten un blog divertidísimo, xa lle contara divertidas historias sobre o que el bautizou como a tradutora simultánea e o efecto eco (denominación fantástica, sen dúbida, para un grupo de pop). A cousa é que nun sitio calquera, non sei, nunha oficina, lle preguntan ao Xoel como se chama. El responde. Daquela actívase un mecanismo instalado, semella que con exclusividade, no cerebro dunha porcentaxe significativa de falantes de español. O mecanismo devolve o seu propio nome, traducido. El repite: Xoel. A tradutora automática insiste en repetir a operación. Xoel vese obrigado a facer o mesmo mantendo as regras de cortesía: "Non, mire: Xoel. É Xoel". Aí as posibilidades bifúrcanse. Unhas veces caen alegremente da burra, "Ah, Xoel!!", como se non oísen ben nas dúas primeiras pronunciacións, e iso que o Xoel ten unha voz ben clara e bonita. Outras acaban por dicilo na versión orixinal, mais con rostro de desagrado, como se o rapaz buscase un desafío de incalculables efectos: "Xoel, eh? Con X? Vale.". Na modalidade de máxima estulticia chegan a preguntarlle cómo se escribe, algo que de seguro non farían se chamase John ou Vanessa.

O efecto eco, variante hostaleira do tradutor simultáneo, si que o experimentou Iria ao vivo. Funciona preferentemente nos bares, aínda que manifesta inclinación especial polo café con leite. Ti sentas nun bar, saúdas, sorrís e limítaste a pedilo: "Un café con leite". Por fortuna non ocorre sempre, incluso hai semanas nas que non ocorre. Porén, no momento máis inesperado pode activarse unha conversa de escaso rendemento intelectual: "Ola. Un café con leite, por favor." "¿Un café con leche?". Silencio pequeno. "Si, iso. Un café con leite." "¿Con leche?", teiman. Seguramente aquí non quedaría mal algunha expresión grosa. Iria contense. "Con... leite". Nalgunha ocasión parécelle que esa aparente deformidade da comunicación entre as persoas podería durar até o infinito.



O experto

Iria foi inducindo esta figura, o experto, a partir dun bo mangado de conversas nas semanas de estrea como galegofalante. Adoita ser masculino. Anda entre os corenta anos de idade e a etapa da xubilación. Nótaselle que falou galego desde cativo e que se viu na obrigación de eliminalo da conversa pública ao emigrar á cidade. Iria pensa comentarllo ao Xoel polo messenger. Cando parola na rede co seu colega adoita acabar xurdindo algún debate sobre o difícil que resulta interpretar a psicoloxía lingüística deses galegos -por desgraza, especie moi común- que nunca deixaron de verse como seres inferiores.

O experto pode ser un tío segundo, o carniceiro de toda a vida, o señor do taxi. Ao escoitar a Iria non mostra hostilidade, senón un sorriso displicente. Non se dirixe a ela en galego. Utiliza un castelán de fonética que resultaría opaca aos falantes nativos e inicia o contacto con sutileza discutible: "Ti falas sempre galego, verdade?" ou "Ti es unha rapaza moi galeguista, eh?". Iria considera as razóns polas que falar decote en castelán non significa ser un señor moi españolista. Queda a cavilar se, ao fin, as frases para establecer contacto merecen resposta ou se se tratan apenas, como teme, dunha introdución.

"Pois eu mameino desde neno", continúan. "A ti ben se che nota que acabas de aprendelo hai pouco, ou?". Iria acomódase e pon o queixo sobre a man. "E non che pareza mal, porque non te critico a ti, eh? O que digo é que o galego que inventan por aí adiante non che é o meu, o do meu pai. Ese si que era..." -o experto non se baixa do castelán- "...e ben, si, préstame ver os partidos na galega, e os telexornais e o Luar e algunha cousiña, pero co galego non se vai a sitio ningún. Dígocho eu, que estiven en Luxemburgo cinco anos.".

Tentar atopar fases de coherencia nun discurso así é esgotador: o galego "normativo" é tan pobre que o entenden os de fóra, aínda que el non o pilla ben; o "seu" galego éche bah, cousa despreciable, castrapo, aínda que moito máis enxebre ca o da tele. Ademais en ningún caso o feito de falar galego -segue o experto- supón ser máis galego ca outra persoa. Por outra banda, e xa postos, el é bastante máis galego ca eses que usan o idioma "por distinguirse"; el mamouno de cativo e naceu na aldea; etc. O señor, xa francamente entusiasmado, culmina a jam session sociolingüística examinando a Iria de léxico ("ti sabes como se di tal cousa en galego de verdade?") e remata desexándolle boa sorte, como se se encamiñase a unha arriscada misión.

Sobre o futuro, o experto mostra un continuo escepticismo. Ela xa aprendeu que a batalla do idioma precisa a actitude contraria ao escepticismo, e cando se despide do home repasa mentalmente as medidas que o goberno autonómico segue sen tomar para que polo menos deixe de sentirse estranxeira no seu propio país.

Iria, así e todo, está contenta. Foi comprobando como a paisaxe ao seu arredor muda, faise viva e gaña volumes e cores insospeitadas. Ela, que se enganchou con entusiasmo ao idioma dos seus avós, ao das nenas que a ensinaran a nadar en Louro, ao das primeiras lecturas con Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey, á lingua tranquila e profunda de Narf (gústalle tanto que está por lle escribir un correo electrónico), á de Xoel e Paula e Tania, cae pouco a pouco na conta de que efectivamente a esperan moitos pequenos combates diarios. E no lado positivo do conflito, o lado que constrúe, moitas máis razóns para sentirse orgullosa.
Épica de Iria, neofalante (I)
Épica de Iria, neofalante (II)
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 04-01-2008 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
Sarille: "Vexo unha Galiza cun 10% de galego-falantes"
Afirma non ser pesimista e indica que só pretende elaborar unha radiografia da situación actual da lingua galega. Salienta que nos últimos 30 anos percíbese unha caida continuada no número de falantes do noso idioma, "e non houbo un cambio cualitativo na maneira de tratar a lingua dende a Xunta de Galicia, tampouco percibo na sociedade enerxias para impulsar mutacións sustantivas" apunta Xosé Manuel Sarille, ex presidente da Mesa pola Normalización Lingüistica que ven de publicar o libro "A impostura e a desorientación na normalización lingüistica".

Sarille recoñece que nas pasadas tres décadas "aumentaron as destrezas lingüisticas e medra tamén o prestixio do galego, que cae incluso nunha certa sacralización, pero non se deu recuperado a transmisión espontánea da lingua de pais a fillos".

O profesor de Galego nun Instituto de Santiago de Compostela indica que se parece o momento actual ao da desaparición do latín: "Estúdase cada vez máis nas universidades, pero fálase cada vez menos".

Xosé Manuel Sarille amósase tamén escéptico sobre a posibilidade dunha norma única para todas as variantes do portugués no mundo, como forma de afrontar a globalización: "Penso que o galego precisa unha norma propia e estable, pero no que habería que afondar sería nas relacións culturais, sociais e económicas con Portugal, pero sobor de todo con Brasil, cunha maior potencia demográfica e cunha economia emerxente".

Escoita aquí a entrevista completa realizada en Radiofusión a Xosé Manuel Sarille.

Autor : Henrique Sanfiz Raposo
Sarille: "Vexo unha Galiza cun 10% de galego-falantes"
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 25-12-2007 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
Fomos ficando sós
Xabier Cordal
04/12/2007

Hai certo tempo que varios autores da literatura galega escriben castelán. Practican o bilingüismo en xornais galegos -de edición galega, para o caso- dependendo do día da semana que sexa ou da sección da que se trate.

Descoñecemos o argumento ao que cada un deles (e delas) queira acollerse para xustificar o que, na nosa opinión, constitúe un retroceso para a lingua e un síntoma de fracaso. As linguas son un precedente continuo, artefactos de ida e volta, non só opcións individuais.
Despois moitos autores, e será moda, asinan de sempre con nome galego (Lois, Xosé, Xavier...), tipo paraugas identitario, as súas colaboracións en español. De cando en vez, algún deles fai apoloxía dun idioma que segue marxinado alí onde se concentra o poder político e económico: as grandes cidades, as grandes empresas, os grandes medios de comunicación.

Se nos dan a escoller, preferiríamos centos de páxinas ben escritas en galego aínda que se dedicasen a convencernos de que convén falar outra cousa.

Os grandes medios reciben subvención por conceder espazo a unha lingua que na realidade utilizan en porcentaxes inferiores ao dez por cento. O dato, tan vello coma os máis vellos estudos (poñamos dúas ou tres décadas), debería ser abondo para non lles destinar nin un euro dos cartos que xestiona o poder autonómico. Galicia colabora na promoción do español por partida dobre. Nós, quen falamos unha das linguas que a Constitución recomenda protexer, tamén pagamos o Instituto Cervantes.

Entre os diagnósticos que se poden aventurar no ámbito das boas intencións (porque nin se dubida delas, referíndonos a compañeiros que se significaron polo compromiso co idioma) non se sabe cal é máis deprimente. No mellor suposto, pensarmos que se cadra poidan usar o castelán para chegar a un maior número de lectores equivale a asumir que o barco se afunde.

Coñezo rapaces que tiveron que renunciar ao galego para sobrevivir: dependentas de comercio, repartidores de pizza. Que remedio lles quedaba. Incluso así, algún deles buscou alternativas. Choios onde non fose necesario falar. A eses nunca os entrevistará La Voz de Galicia nin El País; están fóra de cobertura da Constitución e carecen de interese cultural.
Fomos ficando sós
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 05-12-2007 17:23
# Ligazón permanente a este artigo
A Igrexa galega tamén empregaba o galego antes dos Reis Católicos
Cal Pardo desvela unha parte fundamental da historia galega

A Diocese de Mondoñedo-Ferrol saca á luz o Tumbo Pechado da Catedral

Enrique Cal Pardo, un dos grandes medievalistas de Galicia e deán da catedral mindoniense, acaba de sacar á luz unha parte fundamental da historia do país. O coengo e historiador, autor de obras monumentais como o seu Episcopoloxía Mindoniense, vén de publicar, nun volume impreso pola Deputación de Lugo, a documentación -na súa maior parte correspondente aos séculos XIV e XV- conservada no Tumbo Pechado da Catedral de Mondoñedo. Unha colección de documentos excepcional a todos os efectos, xa que permite comprender, a través de fontes ata agora inéditas, a realidade da Igrexa galega no solpor do Medievo.

Non é este que agora se edita, tras un labor de transcrición que durou longos anos, aquel Tumbo de la Dignidad Episcopal de Mondoñedo que frecuentemente mencionaron tanto Villaamil y Savedra como o Padre Flórez; o primeiro, nas súas Memorias Históricas de la Santa Iglesia de Mondoñedo , publicadas en 1763, e o segundo na súa España Sagrada , que viu a luz en 1789. Non, non o é... E o propio Cal Pardo así o advirte no texto introdutorio do volume recén saído, ao tempo que recorda que, por desgraza, aqueloutro tumbo segue nun paradoiro totalmente descoñecido. Este é un tumbo -termo co que tradicionalente se denominan os vellos libros de pergamiño nos que as grandes institucións, maiormente eclesiásticas, copiaban e custodiaban os seus privilexios- ben distinto: o da propia basílica. A denominación de Tumbo Pechado obedece ao feito de que o volume, que o cabido catedralicio gardou século tras século como o tesouro que era e que é, estaba dotado dun cerre do que aínda se conservan vestixios sobre as súas cubertas. A maior parte dos documentos que contén o libro están escritos en lingua galega, se ben hai nel tamén transcricións de textos latinos, e no caso dos documentos máis recentes se observa a crecente presenza do castelán na linguaxe administrativa.

Características técnicas

O Tumbo Pechado da Catedral consta de 250 folios de pergamiño, de 34,5 centímetros de alto por 24,5 de ancho. Nalgunhas épocas foi coñecido tamén como o Libro de las Tablas Rojas , ben fose pola cor das súas capas ou pola rechamante luminosidade das súas letras capitulares, da mesma tonalidade vermella. Entre os documentos que contén hai desde desde textos relativos á Coroa ata escritos da mitra e constitucións sinodais. Pero a parte fundamental fai alusión a testamentos, doazóns e privilexios, que en último termo son os que, como impagables fontes para o coñecemento da intrahistoria, permiten achegarse máis en profundidade ao funcionamento da igrexa mindoniense cando a Idade Media tocaba ao seu fin.

E permite o Tumbo Pechado, ademais, documentar con exactitude os nomes e dignidades dos compoñentes dos que integraron o cabido catedralicio en moi diferentes momentos, e saber, ademais, cómo trascorrían os días daqueles fidalgos da Igrexa arredor da catedral dunha das máis antigas dioceses europeas.
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 03-12-2007 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0