|
|
|
|
"A lingua común" |
|
Artigo de Carlos Aymerich
Sempre han procurar palabras e conceitos aparentemente incontestábeis. A invasión do Iraque tivo por nome oficial ?liberdade duradoira? (e non ?agresión e ocupación militar para a explotación dos recursos petrolíferos?) e xustificouse na liberación do pobo iraquiano, obxectivo, obviamente, non logrado. Quizais porque nunca tal se pretendera.
Do mesmo xeito asociacións que alentan o odio lingüístico fanno en nome da ?liberdade? entanto que persoas que colectivos que perseguen abertamente a imposición do español como ?lingua común? asinan manifestos nos que este seu afán lexitímase en nome da defensa dos dereitos individuais porque ?son os cidadáns quen teñen dereitos lingüísticos, non os territorios nin muito menos as linguas mesmas?. Afirmación, por certo, axiña contradita ao defenderen os asinantes do tal manifesto a asimetría de que só o español ?goce do deber constitucional de ser coñecido e da presunción consecuente de que todos o coñecen?. Daquela, o español si goza de dereitos (co seu correlato de deberes para os cidadáns) que se lle negan ao galego, ao euskera ou ao catalán. U-la igualdade?
Nada novo. O imperialismo sempre tentou disfarzarse coas roupaxes do universalismo. A explotación doutros pobos véstese de civilización e luita contra o escurantismo, consonte unha visión xerárquica dos pobos, das culturas, das linguas e, ao cabo, das persoas que nos condea á guerra perpetua. Os nacionalistas non negamos os dereitos de ninguén nin nos afirmamos como superiores aos demais. Traballamos para que o noso pobo teña, en igualdade cos demais, o dereito determinarse libremente e para que a nosa lingua conte cos espazos de normalidade dos que xa goza, mesmo na Galiza, o español. E tanto pedir? |
|
|
|
Ser bilingüe fai mudar a personalidade |
|
Segundo un estudo norteamericano
Redacción . Os bilingües e os biculturais poden mudar inconscientemente de personalidade cando mudan de idioma, segundo unha investigación dos EE UU.
Un estudo da Universidade de Wisconsin e do Baruch College afirma que as persoas bilingües mudan inconscientemente de personalidade cando mudan de lingua. Segundo as investigacións de David Luna, Laura Peracchio e Torsten Ringberg, cambiar de lingua supón tamén unha muda de maneira de comportarse.
Tendo en conta as súas conclusións, cada lingua ten un xeito diferente de enfrontar o mundo. Cada cultura deseña unha maneira de enfocar a realidade e cada cambio produce un obrigado reenfoque que se concreta nun cambio de personalidade.
O estudo realizouse cun grupo de mulleres latinas estabelecidas nos EE UU, perfectamente bilingües e con distintos graos de implicación cultural. Eles descubriron que cando falaban en español, elas eran máis elocuentes e extravertidas.
Noutra das probas, as mulleres viron anuncios que mostraban mulleres en diferentes escenas. Elas vían as pezas nun idioma só (inglés ou español). Seis meses despois elas vían o mesmo anuncio no outro idioma. A súa percepción sobre si mesmas e sobre as outras mulleres nos anuncios mudaba conforme a lingua.
Unha das participantes, por exemplo, viu unha personaxe principal do anuncio na versión española como unha muller independente e afouta mais con desesperanza e soidade na versión en inglés, segundo declaracións dos investigadores. |
|
|
|
Manifesto da Federación de Asociacións de Escritores "Galeusca" |
|
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, como integrante da Federación de Asociacións de Escritores "Galeusca", da que tamén forman parte a Associació d'Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos), emite a 11 de xullo o seguinte manifesto.
Perante o discurso pretendidamente homoxeneizador e centralista que subxace no ?Manifiesto por la lengua común?, a Federación de Asociacións de Escritores ?Galeusca? quere deixar constancia do seguinte:
1. A realidade plurilingüe que conforma e dá existencia ao estado español, lonxe de ser entendida como unha ?asimetría? ou deficiencia per se, está a reproducir de xeito transparente unha diversidade lingüística e cultural común á maioría dos estados que conforman a Europa plurilingüe.
2. O galego, o éuscaro e o catalán non son "inventos" recentes senón linguas que foron normais nos seus territorios e sociedades respectivas durante centos de anos. A súa desnormalización, a súa perda de usos públicos, non se produciu de forma "natural", senón, mesmamente, por invasión da lingua que se decretou como oficial do estado, sen consulta nin acordo previo.
3. O artigo 3 da Constitución española garante a presenza desa lingua común para todos os habitantes do estado, mediante a esixencia a toda a cidadanía do deber de coñecer o castelán. Toda a cidadanía de Galicia, Euskadi e os Países Cataláns asume na práctica esa esixencia, pois non hai persoa que non teña unha boa competencia en castelán, ora a teñan como primeira lingua, ora como segunda. Porén, respecto do galego, do éuscaro e do catalán a lexislación non prevé a obriga de seren coñecidos nos seus respectivos territorios, o que establece unha asimetría nos dereitos lingüísticos da cidadanía que quere exercer o dereito, que lles é recoñecido, a usalos.
4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir que son as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente ?democrática?, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta.
5. O dereito ao uso público, en todas as instancias, da lingua propia está recoñecido en todas as lexislacións democráticas do mundo. No ámbito europeo cómpre lembrar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (aprobada e ratificada polo Estado español) ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, aprobada coa unanimidade do Congreso dos Deputados.
6. A visión anuladora que da enriquecedora realidade plurilingüe española se transmite desde o ?Manifiesto? leva a pensar na similitude coas teses da etapa franquista: un Estado, unha lingua, e, consecuentemente, a reforzar as formulacións diferenciadoras entre cidadáns de primeira e de segunda por razón de lingua. A competencia plurilingüe, tamén para os cidadáns españois nados en comunidades autónomas cunha única lingua oficial, sempre será unha chave que abra o mundo, que abra as fronteiras do respecto polo outro desde a interpretación dunha relación de equidade entre os seres humanos, independentemente do seu lugar de nacemento, de residencia e de lingua propia. Además, o ?Manifiesto? parte dunha premisa que non se corresponde coa realidade, pois en ningún caso o castelán corre perigo ningún en todo o territorio do Estado.
7. A aprendizaxe de linguas, ademais da propia, sempre debe ser entendido en positivo e como sinónimo de enriquecemento do individuo, pois coa aprendizaxe plurilingüe estimúlase a expresividade e cognición das persoas. No caso de Galiza, Euskadi e os Países Cataláns é imprescindíbel que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.
8. Para garantir esa utilización libre das linguas precísanse medidas emanadas dunha política lingüística adecuada. É dicir, para garantir os dereitos constitucionais que temos tamén os falantes de catalán, éuscaro e galego precísanse políticas lingüísticas que creen as condicións para exercelos, tal e como ditou o Tribunal Constitucional na sentenza 337/1994 cando ?avalaba un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado?.
9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística.
10. As escritoras e os escritores galegos, vascos e cataláns PROCLAMAMOS a nosa vontade de seguirmos a escribir nas nosas linguas e a contribuírmos ao proceso, inacabado, de normalización das nosas linguas, como dereito humano, democrático, pacífico ao que non imos renunciar. Repudiamos enerxicamente todos os intentos de EXCLUSIÓN que colegas escritores españois realizan das nosas linguas e lamentamos que, no canto de se preocuparen pola saúde do español en Puerto Rico, Costa Rica ou os Estados Unidos, se dediquen a combateren o máis próximo e asimetricamente discriminado.
Xullo de 2008 |
|
|
|
Os usos lingüísticos en Bélxica |
|
A vista de paxaro
SALVADOR SOUTULLO CAROLO
No Estado federal de Bélxica viven un sesenta por cento de habitantes de fala flamenga, os flamengos que durante moitos anos foron os pobres do Estado fixeron unha auténtica revolución tranquila e pouco a pouco nos últimos vinte e cinco anos foron recuperando os seus dereitos sociais, lingüísticos e políticos. Dáse a circunstancia de que en Bélxica non existe o bilingüismo nas comunidades flamenga e francófona; no territorio flamengo todos os documentos oficiais, a educación, etc., están integramente en flamengo e no territorio francófono pasa o mesmo. Teñen unha excepción que é Bruxelas; en Bruxelas todo está escrito nas dúas linguas do Estado federal; pero Bruxelas tamén ten a casuística de estar en territorio flamengo e se algún día, os flamengos se independizan, como xa están a dicir que podería pasar, Bruxelas quedaría no territorio flamengo e a capital administrativa da Unión Europea quedaría en territorio flamengo. Os movementos migratorios dentro do propio Estado están a provocar unha polémica sobre este modelo lingüístico nalgúns habitantes de fala francófona que vivían en Bruxelas e que por motivos de ser a vivenda máis accesíbel economicamente marcharon a vivir a concellos limítrofes co de Bruxelas que están en territorio flamengo e polo tanto teñen o flamengo como idioma oficial. Os poucos casos que se manifestan e non están de acordo coa lexislación lingüística actual fanse oír moito máis do que realmente representan por estar organizándose. O problema que presentan os francófonos falantes que foron vivir a concellos onde existe o monolingüismo flamengo é que non entenden as cartas da administración publica, os recibos da luz ou a auga? pero cando foron instalarse alí sabían perfectamente cal era a lei de política lingüística nos territorios flamengos. Xa nos gustaría a nós, no Estado español, ter unha lexislación lingüística parecida á de Bélxica, deste xeito na Galiza, en Catalunya (Països Catalans) e en Euskal Herria o idioma único no eido oficial serían o galego, o catalán e o éuscaro, no resto de comunidades autónomas o castelán e na comunidade autónoma de Madrid falariamos e escribiriamos todos os catro idiomas. ¿Imaxinades unha situación así no Estado español?
Isto, claro, sen deixar de ter unha política educativa lingüística que ensinara verdadeiramente os nosos rapaces e rapazas a falar, ler e escribir correctamente nos outros idiomas oficiais do Estado así como o inglés e cantos máis idiomas sexan precisos. O saber nunca ocupou lugar. |
|
|
|
Lingua, pasta e ideoloxía |
|
ANTÓN REIXA 20/05/2008
Algúns consumimos a vida instalados na perplexidade de ser galegos e cidadáns do mundo, locais e universais ou, o que é o mesmo, de descifrar o mundo desde Galicia. Os últimos días lévannos, con todo, a pechar o foco do noso obxectivo e cinguirnos a pensar España desde Galicia. O tecnicista, pero político, debate sobre o financiamento autonómico, a reivindicación nas rúas do noso dereito a vivir "en galego" e a morbosa crise desde o PP así o determinaron.
Pasta. Debátese sobre como se ha de debater o financiamento. Se bilateral ou multilateralmente. Por moitos virus que se queiran introducir na disputa, parece incontestable que para regular realidades diferentes débese partir de marcos diferentes. A igualdade e a solidariedade en Galicia só se poden analizar á luz de que aquí un kilómentro de estrada custa máis que en Andalucía, que vivimos esquizofrénicamente dispersos e que somos dos máis vellos de Europa, de que a nosa balanza fiscal debe contemplar que traballadores galegos cotizaron en moitas partes de España e Europa durante moitos anos, pero e abrigo, que partimos dunha sitiuación historicamente peor. Non valen os esquemas de partido (de feito, así o demostran as tensións en Cataluña e Valencia) e tampouco valen as supersticiones políticas e ideolóxicas porque a racionalidade imponse sobre realidades tan heteroxéneas. Pero o peor é o tabú ideolóxico. A discusión nace viciada porque desde o centro pénsase que o que se negocia é canto debe e pode aforrar a Administración central para seguir tolerando o noso autogoberno e non a cuantificación da xustiza económica que nos permita, compense e anime aos galegos para seguir formando parte do reino de España.
Lingua. A pesar do continuo crecemento do galeguismo político e cultural desde o século XIX, case nunca fora o idioma protagonista único dunha mobilización. Refírome á reivindicación masiva do dereito a vivir en galego que o pasado domingo percorreu Compostela. Esa circunstancia invoca un ben escaso na nosa historia: a coraxe dos galego falantes para reclamar e exercer os nosos dereitos lingüísticos. Neste caso vén derivada da virulencia inútil e recente das posicións manipuladoras e trogloditas que queren apreciar perigo de extinción para o castelán ou español en Galicia e algunhas decisións xurídicas e laborais que reproduciron a niveis franquistas a discriminación do galego. Diría case benvidas sexan esas contradicións porque poden servir para reproducir na mocidade actual as circunstancias e toma de conciencia que nos levaron a moitos castelán falantes a cambiar de lingua de instalación fai xa máis de 30 anos. Sen dúbida, por un instinto alternativo de pensamento. Porque a sensibilidade lingüística é unha cuestión de conciencia, máis aló da propia historia e da orixe idiomático de cada individuo. A recuperacion do galego pertence ao ámbito da ecoloxía, da ecoloxía lingüística. Unha sociedade que se preocupa polos malos tratos no transporte de animais ou a tensión das aves, debería entender máis facilmente o crucial que é a diversidade lingüística no planeta, empezando polo cacho do mesmo en que nos toca vivir.
Conciencia e modificación de condutas lingüísticas. A normalización do galego non pode copiar esquemas de conduta e competencia idiomáticas tan catetas como as do monolíngüismo do mundo castelán falante, posiblemente uns dos máis perezosos e fracasados para o coñecemento linguas estranxeiras. Quizais a mellor superación da diglosia sexa unha Galicia de individuos políglotas.
Crise do PP. Un asiches a esas intrigas co morbo de observar que pasa na casa de en fronte e de seguimento dun thriller de final incerto. O único que se entende da lea, ademais das ambicións de poder, ten moito que ver con que o nacionalismo español está probando do seu propio medicamento. Logo de acusar aos nacionalismos periféricos de sempre pedir máis, boa parte da dereita española tamén pide máis: neste caso, a revogación do Estado das autonomías. Se cadra, chegou o momento da sinceridade sen tabús: ou nos federamos ou confederamos, ou nos imos de España ou nos diluímos en Europa. |
|
|
|
Paisaxe da lingua |
|
Farruco Graña
11:45 19/05/2008
Prezado Antón:
Recollido ao carón do lume dunha vella lareira, e meditando sobre a desfeita urbanística sufrida polo país, decateime da súa relación co tratamento da lingua: a degradación da paisaxe e o desleixo no deseño das nosas vilas e cidades foron a par co descoido e abandono da nosa fala.
Alí onde había pedra puxemos cemento á vista. Onde as alturas respectaban a harmonía inzamos bloques de formigón feitos á présa e sen criterio. Se había unha ría con abundantes recursos naturais e paisaxísticos cubrímola de malos fumes e noxentos olores que van e veñen ao antollo dos ventos.
Tamén alí onde falabamos de coitelos puxemos ?cuchillos? e dabamos os ?buenos días?; e onde ofreciamos unha cadeira para sentaren os convidados pasamos a empregar ?sillas? para ?sentarse?. E non foramos por elas ao sobrado, senón que ?habíamos traído unas do piso?. Pouco a pouco, igual que o cemento gris e descontextualizado foi facéndose co contorno urbano e paisaxístico tamén un feixe de palabras, xiros lingüísticos e entoación alleas fóronse apropiando da nosa lingua. O uso abusivo do pronome enclítico antes do verbo ven ser algo así como o ladrillo á vista. Que haxa políticos, xentes da cultura, do mundo da empresa, en fin, persoas de relevancia social que estraguen a paisaxe da nosa sintaxe, da nosa fonética, do noso riquísimo vocabulario, non ten perdón. Oxalá a súa preocupación pola estética urbana derive tamén en preocupación polo uso coidado da nosa lingua.
Sabes ben, amigo Antón, que non sinto ningún receo, máis ben simpatía, cara á xente que comeza a falar en galego; aínda que se lle note a falta de soltura. Non hai que ser especialista para pórse a falar o noso idioma. Non é iso! Eu mesmo, lembra os nosos anos de instituto, sumeime ao carro do galego sendo un mociño. Ao principio, dábame reparo, algo de vergoña. O dos pronomes resultábame complicado; para o do vocabulario aproveitei o esforzo en Lingua Galega. A maneira de dicir as cousas foi cuestión de tempo, oído, atención e intención. Desde aquela sempre escoitei á miña avoa doutro xeito... ata que nos deixou. Pero, sabes?, fervíame o sangue cada vez que un veciño se metía comigo dicíndome aquilo de que "na Coruña, así, non te van escoitar!". (Que sabería el da Coruña, paspán do carallo!)
Doeume moito, a principios dos noventa, ver como un mozo de Corme foi eliminado nunhas probas selectivas para un posto de xornalista na TVG porque "tiña moito acento" e, para os examinadores, o periodismo era algo moi serio. Mesmo lle recomendaron presentarse ao castin de Mareas Vivas, que probabelmente alí tería éxito. Por suposto, todo iso cun adobío de pronomes mal colocados, reflexivos inexistentes, algún que outro tempo composto e, iso si, unha voz grave moi aséptica e de imposíbel identificación fonética.
Agora que tes responsabilidades políticas, amigo Antón, quero animarte a ti e a todos os teus compañeiros a que poñades tanto empeño no coidado da nosa paisaxe e das nosas vilas como no da nosa lingua. Tan importante é o patrimonio material como o inmaterial. E a mellor maneira de emprender ese labor é comezardes vós mesmos dando exemplo. Esforzádevos día a día na dignificación do seu uso. Que se note que vos doe. Hai moita ilusión posta no recambio vivido polo país. Non o defraudedes.
Despídese cunha aperta o teu amigo que o será sempre e que sempre che agradecerá o térelo animado a falar en galego. |
|
|
|
Onde está a imposición? |
|
[12/05/2008]
Carlos Callón (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
Non hai correspondencia entre o número de persoas que utilizan o galego no seu día a día e a presenza deste idioma nos diferentes ámbitos: medios de comunicación, ensino, xustiza, comercio etc. Esta contundente exclusión da lingua de Galiza, por secular e abafante, está interiorizada como natural. Denunciar esta situación e pórlle remedio son os dous eixos da manifestación convocada para o próximo 18 de maio.
A posibilidade de equilibrar minimamente a balanza, garantindo o dereito a comunicarse en galego alí onde se exclúe, é descrito polos sectores máis inmobilistas da sociedade como ?imposición?. Trátase dunha mentira, dun discurso cínico e irracional, aínda que reiterado mil veces e desde lugares de inmenso poder. Así, o oprimido na realidade faise ver como opresor.
En cantas ocasións non temos que padecer as persoas que queremos vivir en galego os efectos dese perverso discurso? Permitídeme que vos conte algo que me aconteceu hai poucos días. Coido que é un bo exemplo do contraste que hai entre o discurso de ?la imposición del gallego? e a triste verdade da negación de dereitos lingüísticos.
Tiven de presentar unha denuncia perante a Policía Nacional na comisaría de Santiago. Cando me tocou a vez, solicitei que a denuncia, que eu asinaría, estivese en galego. ?No puede ser. El programa no nos lo permite?. Eu insisto e o funcionario que me respondeu chama a outro: ?Nosotros no tenemos por qué entender el gallego. Si quiere, preséntela por escrito, si no se la recogeremos en castellano?.
Expliqueille que o galego era lingua cooficial, que eu agardara a miña quenda como calquera outro veciño e como tal quería ser atendido. Por falar en galego non somos cidadáns de segunda que teñamos de facernos os nosos propios formularios.
O segundo funcionario víase incómodo pola resposta e repetiu: ?Nosotros no tenemos por qué entender el gallego?, ao que lle retruquei: ?Perdoe, mais eu non falo galego para molestar, fáloo porque é a miña lingua, e a Administración ten de garantirme ese dereito.?
O primeiro funcionario transixe e dime que, aínda que el non teña por que saber galego, si está disposto a transcribir o que eu lle diga, mais requere a autorización, para o cal deciden chamar aos seus superiores. 45 minutos de reloxio tardou en chegar a resposta, indicando que eu tiña, efectivamente, ese dereito.
Conseguín que a parte que eu declaraba fose en galego, mais todo o resto foi en español: cabeceira e final do escrito, dereitos do denunciante, atención oral... Castigóuseme con 45 minutos de agarda que non tería de sofrer se claudicase do meu dereito, como se ven obrigados a facer a maioría dos falantes de galego, que deben presentar as súas declaracións traducidas por persoal que ?non ten por que entendelos?.
Cando asinei a miña denuncia, o funcionario non puido resistirse: ?A mí, el gallego, sin imposiciones?. |
|
|
|
Galicia monolingüe |
|
a voo de tecla
Galicia era un país monolingüe, que exportaba idioma. A moitos portugueses cústalles admitir que o galego foi imposto a punta de espada alén de Coimbra, cara ao sur. E moitísimos castelán-falantes en España admiten con dificultade que a lingua da poesía fose nas súas terras o galego. Finalmente, hai demasiados habitantes de Galicia (galegos e non galegos) que coidan que o castelán xurdiu aquén da Pedrafita de xeito espontáneo.
Pois seica non foi así. En Galicia o castelán fíxose presente a forza de escribáns e cregos, nobres foráneos e bispos da Castela. Despois veu a escola e, por fin, os medios de comunicación axudaron a que se consolidase a situación na cal o castelán é o que importa aprender e o galego o que tanto ten esquecer.
Hoxe, despois de décadas do «bilingüismo harmónico» que demostrou ser agónico para o galego, aparece o movemento de «Galicia bilingüe». Perfecto, mais sempre que o bilingüismo se basee en que todos os cidadáns de Galicia coñezan por igual os dous idiomas e os usen coa mesma capacidade cando lles pete.
Ora, se ese movemento se basea en facilitar o vivir en Galicia descoñecendo calquera dos dous idiomas (o natural e o imposto pola historia de España), debe ser condenado. Non se debe fomentar a existencia de dous pobos dentro do mesmo país.
Para evitala, para evitar divisións e tensións sociais, cómpre achegarse á posibilidade da diglosia consciente por medio do ensino e dos medios de comunicación: todo á par, en igualdade, baixo a tutela do goberno. |
|
|
|
Opiniom Catalunha, Quebeque e Flandres |
|

Xavier Alcalá (*)
Num debate para esquecer sem pena, o senhor Rajoy (que se debe pronunciar Raxoi) dixo algo precipitado em col de um industrial que na Catalunha fora multado por anunciar o seu negocio em castelhano, chegando mesmo a proferir frases como que tal maneira de repressom nom se produz em nengum lugar do mundo.
[+...]
Pareceria logo que nem dom Mariano nem os seus assessores tivessen visto muito mundo (nem escuitado aquele dito do castelhano clássico que reza «andar caminos y conocer gentes hace a los hombres discretos»). Certamente, há zonas com tensom lingüística onde as restricçons atingem superior nível. Por exemplo, há já bem anos que no Quebeque se proibiu fazer anúncios públicos no idioma asovalhador do sistema diglóssico, o inglês polo qual tanto teima ele.
Ainda mais, falando de imposiçons ?e para que se vejam as diferenças?, actualmente os membros da «communauté française» da Bélgica queixam-se da «immersion sauvage» a que som submetidos em Flandres os nenos de fala materna nom neerlandesa. E por se isso fosse pouco, alá a esigência chega mais longe: para que umha família temha direito a subsídio de habitaçom, cumpre aos pais mostrarem certificado de iniciaçom ao neerlandês; e mais certificado de os filhos estarem escolarizados na língua dos Países Baixos.
Tudo isso fica bem distante da realidade lingüística catalá; e a distáncias siderais da galega, em que triunfou o bilingüismo agónico imposto polo partido do pontevedrês (a quem persegue a galeguidade de um belo apelido que el estraga com pronúncia alheia).
(*) Artigo original publicado na secçom ?A voo de tecla? do jornal La Voz de Galicia, reproduzido e adaptado para o PGL com a permissom do autor. |
|
|
|
O galego foi lingua administrativa no país entre os séculos XIII e XV |
|
«Na nosa Lyngoage galega» estuda o uso e a consolidación do idioma durante ese período de tempo
Un estudo multidisciplinar sinala o seu emprego común na escrita desde comezos da Idade Media
Autor: Camilo Franco
Fecha de publicación: 23/3/2008
O galego atravesou a Idade Media non só como lingua poética ou como lingua oral; o galego foi, tras as primeiras décadas do século XIII, a lingua escrita e administrativa de Galicia, segundo explica un volume publicado polo Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega, e editado por Ana Isabel Boullón.
Na nosa lyngoage galega estuda a maneira en que o galego se converteu en lingua escrita predominante durante a Idade Media, ao tempo que o proceso de substitución do latín polas linguas romances estaba acontecendo no resto de Europa.
Segundo a súa editora, unha das novidades deste volume é que estuda ese proceso: «É un dos primeiros libros monográficos que abordan o tema desde unha perspectiva multidisciplinar, isto é, non só lingüística, senón tamén histórica, xurídica, paleográfica; e non só desde a perspectiva única do galego, senón encadrándoo dentro do contexto peninsular e europeo, e tamén desde a perspectiva do paso do latín ao romance».
As catro orientacións nas que se estrutura o volume repasan primeiro o contexto histórico, logo se estuda o paso do latín ao romance, a escrita romance na Península e, finalmente, se delimitan os aspectos particulares da emerxencia do romance como lingua en Galicia.
Segundo a coordinadora do simposio celebrado no 2005 e que deu lugar a este volume, hai que explicar que na Idade Media o galego non foi un idioma exclusivamente oral. Ana Boullón deixa claro que «sería necesario insistir en que na Idade Media a lingua normal de relación era o galego, non só no ámbito oral, senón tamén no escrito».
Explica tamén a integrante do ILG que a nosa lírica medieval «dátase de principios do século XIII, pero o emprego instrumental, o uso do galego nas escrituras (testamentos, vendas, doazóns), comeza timidamente nas primeiras décadas do XIII e xeneralízase a partir de 1255, antes que en Portugal». A investigadora sinala que ata finais do século XV «a grande maioría dos textos xurídicos estarían escritos en galego», permanecendo algúns en latín e en castelán aqueles que tiñan procedencia da monarquía.
A investigación das variacións da linguaxe nos escritos notariais
O volume está dedicado a Ramón Lourenzo, quen contribúe nel cun estudo sobre o uso do galego polos notarios da época. Tomando como punto de partida dezaseis documentos procedentes do mosteiro de Montederramo, escritos por diferentes mans pero co selo do mesmo notario, entre os anos 1257 e 1264, pódese entender como o galego vai consolidándose como lingua administrativa e como nas variacións dos autores se perciben as dúbidas dunha lingua aínda non por completo sistematizada.
Segundo Ana Boullón, o paso do latín ao romance foi considerablemente rápido e «que partiu, en última instancia, dunha renovación xurídica que comezou na Universidade de Boloña, polo que a Galicia chegou despois de atravesar unha boa parte de Europa».
Como naquela altura non se lexislaba nos mesmos termos que no presente sobre as linguas, o que se deu, segundo a profesora, «foi unha praxe que se estendeu rapidamente a partir dun momento dado. E neses séculos da Idade Media o galego ocupaba todos os ámbitos da vida pública». No volume tamén se repasa a relación entre lingua lírica e administrativa e a aparición da prosa en galego nesa mesma altura. |
|
|
|
|
|
|
|
|