boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Eva amarela
Eva Wojkiewicz

Si, vouno contar. Son moi discreta coa lencería, pero quero que se saiba que hoxe levo suxeitador de cor amarela. Disque todo empezou cando unhas rapazas de Detroit sementaron un xogo na rede social Facebook: cada unha escribiu publicamente o nome dunha cor mentres de forma privada animaban a outras mulleres a seguir o fío indicando a cor do suxeitador, a cor e nada máis. A cadea oculta de mensaxes ía adornada de concienciación sobre o cancro de mama, pero ademais ofrecía latexando un divertido código secreto para desconcertar aos homes. En poucos días, abatendo idiomas e fronteiras, brotaron na rede milleiros de nomes femininos vistosamente tinguidos. Os rapaces tolearon con preguntas e teorías estrafalarias do enigma. Aínda houbo algúns intentos de empatía, como meus pobriños que presumindo de estar no allo publicaron ?ultravioleta? ou "gris metalizado".

Agora non estou faltando ao segredo comprometido porque xa foi desvelado dabondo nos foros da internet. A moita xente non lle pareceu ben o xogo. Os pragmáticos que nunca ven a utilidade do inútil din que non serve para concienciar e outros simplemente teñen a teima de criticar todo o que fan os demais.

Eu xoguei e sentinme ben compartindo algo con mulleres de todo o mundo coas que teño pouco en común. O mellor foi cando entre as miñas amigas coincidimos nalgunhas cores inequivocamente galegas, en feminino. Iso achegounos unha complicidade inesperada e de súpeto foi espallando con orgullo a cor branca, a vermella, a rosada, a laranxa, a castaña escura... Sei dunha muller sen Facebook que abriu unha conta para publicar simplemente: "Morada con pingas amarelas". Despois algúns homes encantadores abriron a gama a todo tipo de palabras galegas, así hoxe podemos xogar todos e todas. Quen non entende ese alento de gozo que nos chega ao ler carballeira, fervenza ou agarimo é porque non sabe que cada lingua é un xeito distinto de ver a vida.

Ti máis eu temos moito en común, sexas home ou muller, de Galicia ou de calquera recuncho do universo, penses como penses. Estás a ler galego, así que ti es dos meus.
Eva amarela
Comentarios (4) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 18-01-2010 13:07
# Ligazón permanente a este artigo
A viñeta por Gonzalo Vilas
GZnación
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 13-01-2010 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
A moral de Tartufo
Teresa Táboas

Cheos de presas e complexos, sen deixar tan sequer que rematara o ano 2009, no medio desas longas noites de fináis de decembro, presentou o Goberno do PP o borrador do novo decreto do galego, congruente co seu pensar: a hexemonía dunha lingua, o castelán, fronte ao galego, pola necesidade ideolóxica de facer coincidir o seu concepto de Nación co Estado, é que hipocritamente xustifican introducindo no debate o inglés, baixo o conto do trilinguismo, e como non, derivando responsabilidades na elección. Converténdose ademáis, en especialistas en pecharlle o paso a quen con xesto decisivo defende a dignidade doutro modelo. De súpeto, unha apatía conservadora comeza a asolagar o noso país, e no lugar de heroes, de sabios, ou revolucionarios o que se reclama son discretos administradores, e a falla de ideas disfrázase dun exceso de palabras baleiras, e todo se converte en mentira. Míntese en todo, e de xeito irresponsable na escolla dunha forma linguística que tentan disfrazar coma un proceso ?libre? cara o individuo falante, cando o que se agocha baixo eses discursos e materia ideolóxica organizada. E se a lingua é, un feito social en permanente transformación histórica, donde se sedimenta e se reproduce a experiencia dun pobo, e a súa visión do mundo, por que non queren que o mundo moderno se reflicta no galego coma un espello que converta a nosa lingua na grande conductora de ideas? Voltan de novo esas creencias estereotipadas que tanto dano fixeron ao noso país, afirmando cunha lingua é ?mellor? ou ?peor ?, coa forte carga de discriminación social que leva implícita, e que fixo que unha xeración coma a miña foramos educamos polos nosos país nunha lingua que non era a súa. Pero esta estratexia comezárona xa dende a oposición, convertendo a lingua en arma e non en vehículo, e para iso contaron co apoio incondicional de certos grupos que exerceron unha grande presión. Lembro agora o informe do ano 2008 do Club Financeiro de Vigo, alertando dos males que a política lingüística do bipartito iba traer da man, e que afectaría negativamente á economía xa que lle restaba competitividade! Que cativeza de miras! Por que non alertaron dos perigos que traia da man un mercado desregulado que sen embargo tanto defendían? Por que non alertaron de que no ano 2007 os 60% dos préstamos ían adicados a facer medrar a economía dun xeito artificial, endebedando aos galegos e galegas coa compra da súa vivenda? Por que non alertaron con igual vehemencia da burbulla inmobiliaria? De aí que ante tal ataque, só quede responder a este Goberno e aos que os alentaron e alentan no combate contra o galego, cos datos de eses organismos non democráticos, convertidos por algúns no novo Oráculo de Delfos, estoume a referir ao Fondo Monetario Internacional, que no seu informe de competitividade global 2009-2010, no que se estudaron 133 economías, resultou que o país máis competitivo do mundo é Suiza., donde as linguas xeran unda décima parte do PIB, é dicir, que o grande patrimonio suizo é precisamente ser un gran conglomerado de diferentes identidades lingüísticas. Por certo, dita competitividade está valorada en 46 mil millóns de francos, segundo a análise feita pola Universidade de Xenebra. Gábase a Confederación Helvética dunha realidade histórica rica en idiomas e culturas, cunha paz lingüística asentada no respeto escrupuloso dos territorios lingüísticos, e no status de igualdade das linguas. Simplemente porque eles si son conscientes da riqueza que teñen, todo o contrario do que sucede no estado español donde se están a exercer continúas agresións contra a existencia doutras linguas distintas ao castelán. A última, a levada a cabo polo Goberno galego do Partido Popular, de aí o título do artigo, porque como no ?Tartufo? de Moliere, o fío condutor en toda esta estratexia contra o galego foi, a hipocrisía. A eterna moral do Tartufo que tan ben recolle José Ingenieros, o pensador italo-arxentino de finais do século XIX na súa obra ?O home mediocre?: ?A hipocrisía é o arte de amordazar a dignidade. Os hipócritas esquivan a responsabilidade nas súas accións. Conspiran e agreden na sombra?.
A moral de Tartufo. Xornal de Galicia
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 13-01-2010 19:20
# Ligazón permanente a este artigo
Son neofalante
Xurxo Martínez González
12:25 20/10/2009

Nunha entrevista a Xurxo Souto, publicada por un medio escrito, afirmaba que o futuro do galego estaba nos neofalantes das cidades, en barrios como o vigués de Coia que vén sendo o meu berce.

Nacín nos Campos da Fontaíña, na aldea do Resío, en Coia (San Martiño de). Seino grazas ao traballo de Iván Sestay que recuperou a toponimia tradicional nun espléndido traballo publicado pola Área de Normalización Lingüística da U. de Vigo. Nacín no Resío que non no Rocío. Falan algúns tarugos de castelanizar os topónimos cando hai casos tan dantescos como o da miña parroquia: pois resulta que a igrexa dixo que había que facer dúas parroquias na antiga de San Martiño de Coia e entón inventou a da ?Virgen del Rocío?. Na igrexa está a figura virxinal. Montan tal parroquia a partir da castelanización do topónimo Resío. É para rir ás cachizas! Pero o conto évos ben triste polo dominio imperial da ignorancia. Din que chove e mexan por nós!

En Coia só os vellos falan galego. Hainos que ir escoitar ás mañás dos días laborais aos parques. O resto, agás contados casos, son castelán falantes. Son castelán falantes os traballadores pois Coia é un deses barrios obreiros que no seu día foi arrabalde. Son castelán falantes os fillos dos traballadores que acoden á escola onde, malia recibiren aulas en galego, se relacionan unicamente en castelán. Son castelán falantes a mocidade dos institutos e os que xa traballan. Son castelán falantes os dos bares, os dos quioscos, os da panadería, os da mercería... son castelán falantes. Eis o barrio onde medrei e eis a realidade do galego nunha comunidade urbana de clase media-baixa.

Neste seo nacín e medrei, sendo castelán falante até os 17 anos. Só falaba castelán. Para que precisaba eu o galego naquel contexto? Os meus amigos todos falaban castelán, a miña familia falaba castelán, na escola falábanme en castelán, no equipo de fútbol tamén... non tiña aldea onde escoitar o galego (son da xeración urbana pois son dos poucos que ten a estirpe no Berbés) nin tiña lugares onde escoitalo de viva voz. Só a televisión, a radio, a música e algún vello do parque, incluídos veciños do meu edificio, moito mariñeiros xubilados. Que era o galego entón? Unha lingua allea a min e eu era un estranxeiro na miña patria.

Cando medrei tiven as miñas inquedanzas e unha delas foi o galego. Entroume aquel becho logo de saber que os meus avós foran aldraxados na miña cidade por falaren galego publicamente; entroume o becho porque o meu nome en galego vén dende que os meus pais me bautizaron relixiosamente; entroume o becho porque atopaba noutros amigos casos en que nas súas casas se falaba galego pero fóra non; entroume o becho que era a conciencia de ser galego, de identificarme con Galiza e procurar a miña identidade. Foi un proceso parello a outras inquedanzas.

Aquela treboada de ideas eran compartidas por outros mozos da miña escola e comezamos a escribirnos notas en galego e mesmo a identificarnos como ?Xeración Ceibe?. Son trangalladas de rapaces pero aquilo ía marcando pois para nós o galego pasaba a ser a nosa lingua de comunicación. Logo comezamos a esforzarnos para facer os exames en galego en materias impartidas en castelán. Mais si, fóra de nós, seguiamos falando castelán. Non tiñamos problemas pedagóxicos nin psicolóxicos por estudar en galego ou en castelán segundo a materia, nin precisabamos de traducións como afirman os catro gatos piollosos.

Rematei a escola e pasei á universidade. Decidira estudar filoloxía galega e tiña a oportunidade de mudar radicalmente a miña escolla lingüística. Fíxeno. Non foi nada doado. Cando un muda a súa lingua dun día para outro atopa atrancos en moitos lugares, prexuízos bastardos e incomodidades. Por exemplo, no meu edificio e no meu barrio, onde sempre falara castelán, ao falar en galego algúns preguntábanme con retranca: agora es do Bloque? Había problemas de comunicación na miña familia cando facía escollas léxicas patrimoniais que eles non comprendían. Cos meus amigos non fixo falla moita explicación pero algún compañeiro da escola que me tiña atopado tempo despois preguntaba estrañado: ahora hablas gallego?

Confeso que onde máis dificultades atopei foi na miña propia familia. Pasara 17 anos falando só castelán. A miña familia trataba de facer o esforzo de falarme en galego pero acababan indo ao castelán. Foi un proceso moi lento pero había que manterse firme. Para min o máis complexo pero que foi felizmente superado.

Son neofalante. Cando me pasei ao galego sabía que non falaba un galego correcto. Incluso tiña as miñas dúbidas: debo falar o galego das normas ou recuperar o galego cos trazos dialectais de Vigo? Sabía que foneticamente era penoso e que no léxico tiña moitas lagoas. Tiña que traballalo e esforzarme. Non me podía botar atrás.

Aquí quero reflexionar porque na miña experiencia téñome atopado xente que me dicía: con ese galego tan mal falado é mellor que fales castelán. Por que? Por que en determinadas persoas pesan eses comentarios? Está claro que non queremos que se fale un galego deturpado pero no canto de facer esas aseveracións canónicas cómpre arengar aos neofalantes a mellorar o seu galego. Hai que comprender que se na nosa sociedade é raro e difícil facer unha vida en galego imaxinade como será de difícil para unha persoa que medrou falando só castelán e se pasou ao galego sendo xa mozo ou home dentro dun contexto urbano.

A miña experiencia foi moi positiva pois conseguín co tempo que os meus irmáns se dirixan a min en galego e, cando estamos xuntos toda a miña familia, manteñamos parolas en galego (feito inaudito antes); conseguín que algúns dos meus amigos (que son os mesmos dende que teño 15 anos e algúns antes), quen falaban só castelán, sexan hoxe tamén galego falantes; conseguín que para os meus sobriños pequechos haxa na familia alguén que lles fale galego e eles se dirixen a min, con dificultades pero fano, en galego; conseguín que a miña familia e os meus amigos opten pola opción do galego para recibir información, para redactar papeis oficiais ou para dirixirse a calquera institución.

Todas estas persoas que conforman o meu íntimo conforman hoxe tamén un bastión da defensa do galego cando naceron e medraron rodeados de castelán. Somos neofalantes.

Cómpre arengar e animar, potenciar o galego no mundo urbano pois malia o que digan os paparolos liderados polo supremo destes, Fernández Alvariño, en Coia, en Vigo, en calquera cidade galega, queremos vivir en galego!
Son neofalante. Vieiros
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 20-10-2009 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
Todo o que queiras dicir
Yolanda Castaño

?Si, por favor? Poderíame amosar o conxunto vermello de Christian Dior que teñen no escaparate? Iso é, o dos pregues na saia? Impórtalle que o probe??

?Mmmm... si, iso gústame, faimo outra vez así? Ah? Que ben. Meu amor? si, veña, veña. Ah? quéroo así, así? por aí tamén. Si, meu ben, mmm? que ben está. Veña? ouh, máis. Ouh!, que ben, meu amor. Meu amor?.

?Prezados/as socios e socias, traballadores e traballadoras:
Pola presente, infórmaselles do novo convenio colectivo entre a Empresa e a representación sindical do seu persoal laboral, formada polas tres organizacións maioritarias. Este convenio é aplicable aos centros de traballo existentes actualmente e aqueloutros que, durante a vixencia do texto, se poidan crear ou integrar. As normas do convenio aplicaránselle a todo o persoal que estea vencellado á Empresa en virtude de relación xurídico-laboral, estea suxeito ó poder da dirección e perciba as súas retribucións con cargo ás consignacións orzamentarias do persoal de administración e servizos.?

?Ola, boa tarde, Doutora Pereira. Mire, eu veño cunha dor nos cadrís que non me deixa acougar en todo o día. Fixen unha análise hai tres meses. Estou tomando vitaminas, e tamén algún analxésico cando me doe moito. Sonlle alérxica ao acetilsalicílico, pero tiro doutras cousas. Non vería vostede convinte que fixesemos algunha proba??

?Dunha banda: Dona Anxos Roca Suras, maior de idade, provista de DNI nº 46955759H, veciña de Muros.
Da outra banda: Don Xavier López Lema, maior de idade, provisto de DNI nº 3761088F, veciño de Ourense.
Interveñen
No seu propio nome e dereito e recoñécense a capacidade legal necesaria para o outorgamento do presente documento, que levan a efecto baixo os seguintes: (?)?

?Ola a todos! Preséntome: chámome Mariusz e son polaco. Estou a estudar o galego na Universidade de Santiago, onde ademais de aprender a lingua, divírtome e coñezo novas cousas sobre a cultura galega. Quero chegar a ser un bo tradutor deste idioma para o polonés e viceversa. Ahora mesmo xa estou lendo a Xurxo Borrazás e a María Reimóndez?.

?Ultrapizza, boas noites, que desexa??

?Próxima estación: Bouzas. O convoi vai facer a súa chegada á estación. Por favor, teñan coidado ao abriren e pecharen as portas.?

?Kdms+trde na prz. Trd klimtx. Dill a ss k baixn tm. VéxoT!?

?Eu vin cousas que vós xamais creriades: atacar naos en chamas máis alá de Orión; teño visto raios C escintilar na escuridade xunta as portas de Tanhäuser.?

?Señor Xesús: Ti que estás no alto e todo o podes??

?O seu tabaco. Grazas.?

?De hoxe nun ano, Señora Presidenta.?

?A coruña?, ?Si quero?...
Todo o que queiras dicir
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 17-10-2009 17:43
# Ligazón permanente a este artigo
Decálogo de defensa do galego
CARLOS CALLÓN

Hai anos, desde diferentes entidades, divulgouse un decálogo de defensa do galego baseado nun texto elaborado polo profesor Tilbert D. Stegmann, da Universidade de Frankfurt. En 2008; A Mesa pola Normalización Lingüística volveuno pór en circulación como proposta para difundir sobre todo nos centros de ensino. Hoxe continúa a ser plenamente útil e funcional.

Velaquí as súas propostas, que convido a asumir e practicar:

1. Fala en galego sempre que poidas. Coa familia, cos amigos e amigas etc. Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende aínda que até o de agora lles falases en castelán.

2. Respecta a aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa.

3. Diríxete en galego a todos e todas: na rúa, por teléfono, no centro de ensino, no traballo. Verás que te entenden. Continúalles a falar en galego, aínda que che respondan noutro idioma.

4. Ás persoas que coñezas que entenden o galego coloquial, mais mostran curiosidade por algún termo que ignoran, explícalles o significado desas palabras, axudándoas a ampliar o vocabulario. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, axúdalle e demóstralle que valoras o seu comportamento.

5. Respecta as diferenzas locais da lingua. Coñece as particularidades de cada zona. Esta é a riqueza do galego, como a de todas as linguas.

6. Toma a decisión de escribir todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o teu nome en galego. Fai mudar os teus papeis, impresos, rótulos etc. Sería ben triste que por aforrar uns pequenísimos gastos deixásemos de contribuír á expansión do noso idioma.

7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua.

8. Exixe de todos, mesmo das institucións máis rutineiras, que che escriban en galego. Faino amabelmente. Non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. Déixaos de lado, ignóraos.

9. Se tes como lingua familiar o castelán, interésate pola nosa lingua. Loita contra a inxustiza fomentada durante tantos anos. Toda a represión dunha lingua é un acto de barbarie. E sobre todo tenta falala e escribila, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso.

10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasar a falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, comeza por usalo cos descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para ilo introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, "sen rompelo nin lixalo", iso si que deteriora o idioma.

Todos estes consellos, que non mandamentos, podemos sintetizalos en dous. En primeiro lugar, darmos o paso de falar en galego sempre, con normalidade. Cambiar de lingua ­porque presupomos que non nos van entender ou porque é cortesía cun descoñecido é un puro prexuízo.

En segundo lugar, aínda que non menos importante, cómprenos dar o paso de solicitar atención e información neste idioma, como un dereito que debería darse por sentado. Non é só por defender a lingua, senón tamén porque é un dereito básico, un requisito para a convivencia en igualdade, sen cidadáns e cidadás de segunda por razón de lingua.

Non temos que achicarnos nin pedir perdón por querer vivir no noso propio idioma no seu territorio histórico, xenuíno, orixinal, natural e propio. Abondou xa de ceder e ceder.
Fartos de ceder e ceder
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 13-10-2009 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
Mensaxe enviada ao presidente da Xunta por parte do Consello Científico do ILG
"Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia,

O Consello Científico do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela acordou dirixirse a vostede para lle manifestar a súa preocupación polas medidas adoptadas e polas declaracións realizadas nas últimas semanas polos distintos membros do goberno galego verbo da lingua propia de Galicia. Estas actuacións supoñen un serio retroceso na extensión do coñecemento do galego e na súa implantación na sociedade, na administración e no ensino, e ademais están a producir un dano gravísimo ao prestixio social da lingua galega, socavando todas as actuacións de normalización anteriores e poñendo en cuestión as futuras, ao difundir desde as máis altas instancias as falsas ideas de que o galego é lingua só dunha parte da cidadanía e de que existe un proceso de imposición que discrimina os castelanfalantes.

Por outra parte, resulta contraditorio que este retroceso se produza nun momento en que existe un interese crecente pola nosa lingua en ámbitos académicos e científicos de numerosos países e nas administracións europeas. Aínda non hai moito o Consello de Europa chamaba a atención sobre a insatisfactoria situación do galego no ensino, a discriminación que sofren os galegofalantes no sistema xudicial e a situación de marxinación nas empresas que prestan servizos públicos en Galicia. Todos os estudos de carácter sociolingüístico inciden sobre a situación de inferioridade e retroceso que está a sufrir a lingua galega.

O goberno galego, cumprindo a lexislación vixente, ten o deber de promover a lingua galega en todos os ámbitos da sociedade, e ten tamén a responsabilidade de contribuír a xerar un clima positivo cara a ela, desfacendo os vellos prexuízos que aínda se manteñen vixentes e impulsando as súas potencialidades tanto para o desenvolvemento dunha sociedade máis libre e máis xusta coma para a proxección de Galicia cara ao exterior.

A lingua é un ben compartido por toda a sociedade. É por iso responsabilidade de todos, e en primeiro lugar da Xunta de Galicia, impedir que se converta en motivo de conflito. A lingua galega, lonxe de ser unha limitación, é un activo fundamental para Galicia e ten sen dúbida grandes posibilidades de futuro, na Europa multilingüe e na sociedade aberta que estamos a construír.

Consello Científico do Instituto da Lingua Galega
Universidade de Santiago de Compostela"

Instituto da Lingua Galega
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 28-06-2009 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
A nós, quen nos pregunta?
As profas de Lingua Castelá e Literatura asinamos esta carta xunto con outras 17 compañeiras e compañeiros do IES Illa de Arousa. É un pouco longa, mais reflicte as nosas inquedanzas:

Quando morre o último falante de uma língua, morre um sonho da Humanidade
Concha Rousia


Durante estes días, a Consellaría de Educación veu de repartir, nos centros de ensino galego, un enquisa dirixida a pais e nais na que estas son preguntadas sobre a lingua na que queren que os seus fillos e fillas sexan educados. A Consellaría pretende utilizar esta consulta para decidir a súa política educativa en cuestión lingüística para os próximos anos.

Moitas son as cousas que sentimos perante este feito, as persoas que asinamos este escrito:

Sentímonos inquedas como integrantes da comunidade educativa da Illa de Arousa, pois nela nunca houbo problema de convivencia por causa das linguas que usamos. E sentimos a preocupación de que esta enquisa busque o abrollo da lingua como muro e non como ponte de comunicación, cultura e imaxinación.

Sentímonos desprezadas como profesoras, pois nós, parte integrante da comunidade educativa, non temos dereito a opinar sobre un tema que atinxe directamente ao noso traballo.

Sentímonos insultadas como profesionais, pois as enquisa enviada ás familias non se sostén pedagóxica, estatística, sociolingüística nin legalmente. Por suposto, non hai nada nin ninguén que garanta a limpeza do proceso iniciado.

Sentímonos avergoñadas, pois fomos utilizadas pola Consellaría que, facendo chegar ás familias a enquisa a través do noso centro, pretendeu darlle unha lexitimidade que a súa disposición falsa e tendenciosa lle nega.

Sentímonos improdutivas como traballadoras, pois esta enquisa bota por terra todo o labor de consenso levado a cabo no noso centro para sacar adiante o Plan Lingüístico de Centro.

Sentímonos ofendidas, ao comprobarmos que quixeron servirse das persoas que integran o noso equipo directivo para vixiar e denunciar ás propias compañeiras de traballo.

Sentimos que é rebaixado o noso alumnado, pois tampouco se lle permite opinar sobre un tema que afecta ao seu futuro.

Sentimos que son menosprezadas as familias do noso contorno, pois foinos prohibido informalas de todo canto implica esta enquisa, colocando como escusa a posíbel manipulación, como se pais e nais fixeran cegamente aquilo que o profesorado ordena, sen capacidade propia de decisión.

Sentímonos desautorizadas como integrantes do Consello Escolar, órgano lexítimo que representa a toda a comunidade escolar da Illa de Arousa, e ao que tampouco se lle deu opción a opinar sobre este asunto.

Sentimos carraxe as persoas castelán-falantes e as que estamos a iniciarnos no uso do galego, porque se pretende impedir que melloremos no uso dunha lingua que queremos aprender. Nós queremos ser bilingües.

Sentimos unha dor virulenta as persoas galego-falantes, pois dáse a entender que a lingua que nós usamos é inútil e dunha importancia inferior á castelá.


Mais tamén sentimos outras cousas.


Sentímonos contentas de poder transmitirlle ao noso alumnado toda a riqueza patrimonial, lingüística e literaria da nosa comunidade, de facelo crecer aprendendo en pé de igualdade galego e castelán, evitando que lles aconteza o que a moitas de nós, que pertencemos a unha xeración que non tivo a oportunidade de aprender nunha escola en galego nin o galego na escola.

Sentímonos orgullosas de traballar todos os días para que o plurilingüismo sexa considerado unha fortuna e non un atranco, por facer ver que as linguas sempre suman e que o único que resta son as actitudes antidemocráticas, manipuladoras, segregadoras e exclusivistas.
A nós, quen nos pregunta?
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 28-06-2009 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Ramón Villares
_ Hai que volver ó consenso lingüístico?

_ En efecto. No debate que se abreu hai unha falacia. Os galegofalantes somos bilingües e os que estan promocionando a idea dunha Galicia bilingüe, no fondo o fan contra o galego, propugnando no futuro unha Galicia monolingüe e non unha Galicia bilingüe.
Villares: A mensaxe é: abriuse a veda sobre a lingua galega"
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 28-06-2009 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
Sindicatos e colectivos educativos unen voz a prol do respecto ao galego nas aulas
Comunicado conxunto

Unha ducia de asociacións representativas da comunidade educativa xuntan esforzos para transmitirlle á sociedade a preocupación polos pasos recentes da Xunta.

Achegámoslles o posicionamento común acordado por estes colectivos:

"As organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.

2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.

3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta ?en galego? ou ?todo en galego?. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego ?o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego".

Asinan:
CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística



4. Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción ?galego? (en Infantil e FP) e ?todo en galego? (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.

5. Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes a que expresamos a continuación:

Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.

Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.

Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.


A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega), Comités, Coordinadora de Equipas de Dinamización e Normalización Lingüística de Ferrolterra, Coordinadora de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística, Coordindora de Equipas de Dinamización e Normalización Lingüística de Compostela, NEG (Nova Escola Galega), STEG (Sindicato dos/as traballadores/as do Ensino de Galicia).
Sindicatos e colectivos educativos unen voz a prol do respecto ao galego nas aulas
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 10-06-2009 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0