Ás veces, en poucos segundos, pódense contar historias ben fermosas, que nos tocan o corazón, que nos provocan sensacións positivas, que nos convidan a ver a vida con máis ánimo, como ocurre no seguinte anuncio da empresa canadiense Pfizer, nominado a mellor anuncio do ano 2008. DISFRÚTAO!!
Á volta do entroido xa estará preparada para tod@s vós na nosa biblioteca unha sección adicada exclusivamente aos fondos en lingua inglesa. Hai libros de divulgación e de ficción moi fermosos cunha significativa cantidade de libros POP-UP, os chamados libros desplegables, libros emerxentes, libros móviles ou libros 3D, aqueles que, ao abrir unha páxina, desplegan unha figura ou unha escea. Os libros pop-up teñen algo de inxeñería de papel e moito de arte. Para que vaiades facendo boca tráiovos vía ANB un vídeo da entrevista a dous especialistas na arte de elaborar este tipo de libros, Robert Sabuda y Matthew Reinhart. Está en inglés pero xa se sabe que unha imaxe vale máis que mil palabras...
Non podemos deixar pasar o Día de Rosalía sen lembrarnos da nosa poetisa máis universal, que naceu un 24 de febreiro de 1837, en Santiago de Compostela, e morreu en Padrón en 1885. Figura clave do Rexurdimento galego, tamén produciu literatura en castelán, e foi considerada, xunto a Bécquer, a gran representante do Romanticismo tardío.
Algúns apuntamentos sobre a súa obra:
Moi nova, aos 20 anos, publicou La Flor, de corte romántico próximo ao de Espronceda.
En 1863 publica Cantares gallegos, na nosa lingua, con temática social e costumista. Con esta obra e xunto a Curros Enríquez e Eduardo Pondal iníciase o Rexurdimento cultural de Galicia.
En Follas Novas (1880), a nostalxia, a soidade e a tristeza que ela sente identifícanse co sufrimento do pobo galego. Aparece o tema da morte como liberación da dor. En las orillas del Sar publicouse en 1884. Dun marcado pesimismo reincide no tema da morte, do sufrimento, da vellez... Os seus poemas son considerados como precursores da poesía moderna xa que inicia un camiño de ruptura co estilo da súa época, deixando a súa pegada en poetas posteriores como Antonio Machado.
Un bo xeito de achegar a poesía de Rosalía aos máis pequenos é a través do libro Adiós ríos, adiós fontes, da editorial Baía, con ilustracións de Rodrigo Chao Blanco. Este libriño, que xa circula polos fogares do noso alumnado nas mochilas viaxeiras, recolle un dos poemas máis coñecidos de Cantares gallegos.
Arredor da obra de Rosalía, e como recurso para empregar na aula, a Fundación Caixa Galicia facilita un material didáctico elaborado co motivo da exposición "Rosalía ilustrada", con actividades dirixidas a todos os ciclos da E. Primaria (Vía Raioteca)
Preme na seguinte imaxe para acceder ás fichas:
E para rematar aquí vos deixo un fermosísimo poema coñecido como Negra sombra, pertencente ao libro Follas Novas, na voz de Luz Casal:
QUE BEN O PASAMOS NO ENTROIDO!! O venres, día 20, celebramos o entroido no ximnasio do cole, coa asistencia de moitas familias que acudiron para compartir con nós unha tarde de diversión e risas a esgalla. Ás 4:30 comezou a festa, que este ano estivo adicada á astronomía. Todo o alumnado do Centro participou nunha representación colectiva que levaba o título: HISTORIAS DA ASTRONOMÍA, onde se relataba humorísticamente a evolución dos coñecementos sobre o espazo dende Copérnico e Galileo ata a nosa época, con viaxes espaciais e mesmo cun descubrimento extraordinario: a aparición dunha vaca marela en Marte!!! Por suposto, e como todos os anos, contamos coa colaboración de membros da ANPA cunha participación estelar na obra que nos deixou a tod@s coa sensación de que o talento interpretativo do noso alumnado ten unha orixe xenética ben clara.
Aquí vos deixo unha pequena mostra do que foron as HISTORIAS DA ASTRONOMÍA do Mestres Goldar:
Podes ver máis fotos do ENTROIDO se premes na imaxe do MARCIMECO
Ubaldo, orientador no noso centro, fai unha completa reportaxe no seu blog sobre o ENTROIDO NO MESTRES GOLDAR, con vídeos e coa transcrición do guion da obra. NON O PERDADES!!!
Xa estamos no entroido!! Xa andamos a pensar en festas e disfraces e en pasalo moi ben pero, que sabes sobre as tradicións propias destas datas? Despois de ter superada a "caza do tesouro" pon a proba os teus coñecementos co seguinte cuestionario e averigua se es un auténtic@ "investigador/a"
Menuda sorpresa ao entrar do recreo!! Un visitante doutra galaxia, ou desta, vai ti saber, nos agardaba no vestíbulo con "cara de poucos amigos"... Será unha pacífica visita de cortesía ou virá amolarnos con algunha falcatrúa galáctica? A verdade é que, polo de agora, máis vale obedecer as ordes de MARCIMECO (ese é o nome que pon a súa tarxeta de identificación!) e atender a mensaxe que trae no seu láser-panel pectoral, non sexa que se mosquee! Así que xa sabedes, mañá todo o mundo chegará á escola cun planeta na cara, a ver se conseguimos que este meco interespacial nos deixe tranquil@s, aínda que hai quen di que xa atopou algunhas amigas terrícolas que o convenceron para que se deixase fotografiar (o que será unha estupenda proba científica para demostrar a existencia destes seres...)
Bueno, pois na fin de semana toca descansar, ler, pasear, xogar e... CAVILAR!!
Isto ocorreulle ao meu bo amigo RILLABOLOS que aínda hoxe relata con asombro o acontecido, sorprendido de sobrevivir a aquel suceso:
Ía eu conducindo o meu camión por terras doutro país cando ao tentar cruzar unha ponte vexo un cartel advertindo que só soporta ata mil Kilos e que se derrubará irremediablemente no caso de superar ese peso. Que sorte!, penso, o meu camión pesa exactamente mil Kg!, e emprendo a travesía. Por culpa da miña mala fortuna, estando xa na metade da ponte, vexo como cae enriba do meu vehículo a pluma dun paxaro. Meu Deus, que horrible desgraza! Cando pensaba que me precipitaría ao vacío entre os cascallos da ponte decátome de que esta non se derruba.
CAL FOI A CAUSA DE QUE A PONTE NON CAERA??
Seguro que axiña resolveredes o quebracabezas do meu amigo que dende aquela non para de matinar no asunto, di que agora sempre viaxa a pé e ata perdeu o apetito por non ter dado coa solución.
Andamos rodeados de amor! Próxima a celebración do S. Valentín os sentimentos afloran e mesmo os máis tímidos/as escriben poemas, regalan flores ou lanzan miradas furtivas buscando os ollos da persoa que provoca os seus suspiros. O amor invade as aulas, Cupido campa ás súas anchas polos corredores e na Biblioteca os andeis están repletos de historias de amor, desamor, ilusións, esperanzas...
E facendo unha revisión das miñas lecturas, tentando lembrar aquelas marabillosas historias de amor que deixaron pegada en min pola súa intensidade, pola súa tenrura, pola súa firmeza, pola súa eternidade, dibuxo no meu recordo os corazóns dunha bailarina fermosa e dulce e dun soldadiño coxo e valente, que a pesar das adversidades permanecen fieis ao amor que se profesan máis alá da morte. Nunca souben discernir se o final da historia era ou non un final feliz aínda que sempre me gustou imaxinar que os protagonistas deste conto permanecerían xuntos para sempre, o que os faría eternamente felices. Convídovos a ler ou reler O soldadiño de chumbo, un dos contos máis coñecidos de H. C. Andersen, e que disfrutedes e compartades as aventuras e o amor firme dun soldadiño eivado e a súa bela namorada.
Moi recomendable tamén é El soldadito Salomón, Ed. S. M., de Rocío Antón e Lola Núñez, unha versión libre do conto de Andersen onde o soldadiño, aquí co nome de Salomón, actúa como intermediario para solucionar os conflitos que xorden da mala convivencia entre os xoguetes. Coa axuda dun texto rimado, este libro resulta moi indicado para tratar cos nenos e nenas a solución dos conflitos. O seu ilustrador, Javier Zabala, foi o gañador do Premio Nacional de Ilustración no ano 2005