Desde primeiros de decembro xa se pode ver nas rúas o material correspondente á campaña "Por un uso non sexista dos xogos e xoguetes" da Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.
Así presentan a campaña na súa páxina web: A través do xogo imítanse condutas, transmítense valores, modelos de comportamentos, actitudes, etc, que van configurando a educación que reciben as nosas fillas e os nosos fillos. Sabemos que todo isto é determinante para a formación e o desenvolvemento da súa personalidade, e para a construción da súa identidade como home ou como muller na sociedade na que van vivir. A idades moi temperás (0 a 3 anos) nenos e nenas xogan indistintamente con diversos tipos de xoguetes que pouco tempo despois uns e outras descartan por considerarlos doutro sexo, perdendo cada un deles e delas a oportunidade de aprender novas capacidades que lles favorezan a convivencia entre sexos, e as e os enriquezan como persoas. Este cambio prodúcese normalmente a partir dos 3 anos, coa incorporación na escola e coa asignación de roles e estereotipos diferenciados para nenas e nenos. A través da imaxe da campaña que vos enviamos, a concellería de Igualdade persegue sensibilizar á cidadanía fronte ao uso sexista que se está a facer dos xogos e dos xoguetes e vai dirixida a axentes socializadores como a familia, a escola , os medios, as xogueterías , as superficies comerciais..., pois durante todo o ano familiares e amizades mercan xoguetes con motivo de múltiples celebracións: aniversarios, Nadal, fin de curso, etc. Ningún dos axentes socializadores citados debería etiquetar os xogos ou xoguetes, segundo o sexo da/o destinataria/o.
Facendo nosos os valores do traballo en equipo, aquí vos deixamos o calendario para o 2012, no que colaborou todo o alumnado do centro, e que será o agasallo que ofreceremos ás familias este Nadal. Cada mes está adicado a un deporte, xa que esta actividade está vinculada ao Proxecto Documental deste ano, os Xogos Olímpicos. Esperamos que vos guste!! "PARAMEDRARSANEFORTE,FAITODOOANOALGÚNDEPORTE"
A nosa Fada Madriña enviounos unha garimosa tarxeta de felicitación que nós queremos aproveitar para desexar un fermoso Nadal e un fantástico 2012 a toda a comunidade educativa e a todas as persoas que se achegan a este Recanto. Grazas, Charo!!
Podes facer a túa propia tarxeta "Felicitando con MIK": preme na imaxe de abaixo, imprime, colorea, escribe a túa mensaxe e XA ESTÁ!!
No blogue de Picolindo atopamos esta unidade didáctica con moitas actividades e suxestións para aprender e divertirse no Nadal: panxoliñas, cantigas, vellas tradicións, gastronomía...
Aproveita o NADAL para practicar o noso deporte favorito, A LECTURA! Escolle algunha das recomendacións de MIK, acomódate nun sofá ben confortable e mergúllate na maxia e na aventura. A que é moi sinxelo? Pois xa sabes, "fai músculo" nestas vacacións e convírtete nun auténtico LECTOR/A OLÍMPIC@!!E lembra que... "Co deporte de LER, maniotas non vas ter".Para ver as recomendacións de Mik preme na imaxe.
A biblioteca do centro elaborou unha páxina con recursos e materiais para traballar o NADAL. No panel lateral tendes a ligazón que vos dará acceso a esta páxina. Podes botarlle unha ollada premendo na imaxe de abaixo:
Tamén podedes visitar a páxina de Recursos 2011 da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL):
63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias. Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"
* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando. Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Mirade o que nos trouxo MIK!! Uns estupendos puzzles para entretervos neste día que non hai cole!! Podes intentar facelo en menos dun minuto. Serás quen de logralo? Nos botóns de abaixo podes ver a imaxe que terás que completar, facelo a pantalla completa ou cunha plantilla para facilitar o traballo. Proba todas as posibilidades!(Para desordenar as pezas vai á rodiña de abaixo e preme en "desordenar"; para volver á pantalla inicial preme na tecla F5 do teu ordenador)
Podes seguir pasándoo ben cos puzzles seguintes. Ollo, que cada vez son máis complicados!! Fai clic nas imaxes: