|
|
|
PELICULETRAS |
|
O venres, 27 de outubro, celebramos por todo o alto a reapertura da nosa biblioteca. Baixo o lema "UNHA BIBLIO DE CINE" festexamos ao estilo máis hollywoodiense a estrea de "PELICULETRAS". As nosas pequenas grandes estrelas posaron na alfombra vermella co ÓSCAR que eles mesmos outorgaban á súa lectura favorita, mostrando eses libros a fotógrafos e xornalistas. A xornada resultou emocionante e divertida e, con ilusión e entusiasmo, demostraron que a biblioteca e os libros teñen moito protagonismo nas vidas dos nosos nenos e nenas.
A historia comezou hai varios días cando todas as aulas recibiron unha carta do noso amiguiño MIK onde nos convidaba a participar na festa e nos daba as consignas para que a actividade fora mooooi cinematográfica.
 Chegado o día, cada grupo de alumnado tiña asignada a hora da visita á biblioteca, onde puideron ver a exposición de novidades, a exposición temática sobre o cine, recolleron as mochilas viaxeiras que comezarían ese mesmo día a súa andaina polos fogares do alumnado e, ademais, atoparon un doce e agarimoso agasallo de benvida do noso querido MIK. E, por suposto, os nenos e nenas de 4º de E. Infantil e todos aqueles que se incorporaron ao centro este curso recibiron a súa flamante carpeta da biblioteca co seu carné de usuari@
Despois acudiron ao salón de actos para presentarse ante as cámaras caracterizados de personaxes de películas e exhibindo o seu libro favorito. Tod@s estaban guapísimos!!!! Aínda estamos recompilando as fotos de todo o alumnado que recollen cada momento deste día. Irán aparecendo NESTA LIGAZÓN |
|
|
|
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO, GAÑADOR DO PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL 2017 |
|
Desde a biblioteca do Ceip Mestres Goldar queremos enviar os nosos máis afectuosos parabéns a Antonio García Teijeiro polo merecidísimo recoñecemento que ven de acadar ao recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa obra POEMAR O MAR. Poemar o mar, un libro de poemas fermosamente ilustrado por Xan López Domínguez, forma parte dunha triloxía que ten o mar como protagonista. O xurado decidiu premiar ao autor e a súa obra "por ser un libro cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o gran protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxestivas composicións poéticas". Cunha ampla e variada contribución á literatura infantil e xuvenil, García Teijeiro é un dos grandes poetas e narradores da nosa terra. Entre as súas publicacións atópanse «Ventos», «Lueiro de Papel» e «Na fogueira dous versos», obra premiada co Premio Merlín en 1996. Nesta LIGAZÓN podedes acceder ao último encontro do autor co alumnado do noso centro e a continuación algunhas imaxes para lembrar aqueles emotivos momentos:
|
|
|
|
|
|