Hoxe, alumnado e profesorado estivemos rodeados de moita PAZ. En todos os corredores do centro había magníficos traballos do alumnado con mensaxes que enchían os corazóns e que transmitían o desexo de todos os nenos e nenas de que chegue o día no que non haxa máis guerras e que o mundo viva para sempre en PAZ. Neste recanto vou deixar os preciosos traballos. Iremos pouco a pouco para gozalos mellor. Aquí vai o mural realizado polo alumnado de 1º e 2º de EP: Todas as bandeiras dos países europeos e a palabra PAZ en todos eses idiomas. Canto traballastes!!! PARABÉNS!!
(Nos próximos días, iremos engadindo o resto dos traballos)
Hoxe rematamos as actividades relacionadas co Día da Non Violencia e a Paz e todo o alumnado do centro fixo as súas achegas á preciosa árbore que temos a carón da biblioteca. Despois de reflexionar sobre este día e sobre a figura de Wangari Maathai, escribiron unha mensaxe nas follas que se unirán ás do resto dos compañeir@s para que a NOSA ÁRBORE DA PAZ sexa moi frondosa e proporcione a semente que agromará nos corazóns de tod@s. PARABÉNS, nenas e nenos, por tan fermoso traballo!!! Así foi:PRIMEIRO había que pensar e escribir:
DESPOIS, decorar e recortar:
AO REMATAR, depositámolas nos maceteiros para que se engadan ás que xa están colocadas na árbore.
QUE ÁRBORE TAN PRECIOSA NOS QUEDOU!!!
AGARDAMOS QUE, NUN FUTURO PRÓXIMO, TODOS OS DÍAS DE TODAS AS PERSOAS ESTEAN CHEOS DE PAZ!!
MAñÁ TEREMOS A ÁRBORE DEFINITIVA, CON TODAS AS SÚAS FOLLAS-MENSAXE!!
Algo está pasando na biblioteca!!! Hai uns días apareceu na entrada unha árbore xigante, fermosa, pero sen follas. Ao seu pé, tres maceteiros coas letras da palabra PAZ. Todo moi misterioso ata que hoxe unha pancarta deunos unha pista moi interesante: o título dun conto!
Que andará tramando MIK?? Conseguirá que a árbore xigante sexa verde e frondosa?? Quen sabe, este ratiño é capaz de todo!! Estamos impacientes por ver o que pasará. Seguide atentos!! Seguro que xa tendes algunha idea!!!
Seguimos traballando e reflexionando sobre a PAZ e sobre a interesante figura da activista keniana Wangari Maathai. Hoxe, o alumnado de cuarto, distribuido en equipos, elaborou uns magníficos cartaces sobre a vida e a obra desta muller, poñendo de relevo o infravalorado traballo da poboación feminina dos países africanos e a necesidade de conservar e coidar os seus espléndidos espazos naturais.
Os compoñentes dos equipos achegaron a información e os materiais que ían utilizar, planificaron o traballo e repartiron as tarefas. Todas as decisións foron consensuadas polos integrantes do grupo. Ao finalizar a sesión xa puidemos expoñer dous dos catro murais que formarán parte da decoración dos corredores do cole. PARABÉNS polo excelente traballo!!!
Así quedou a preciosa exposición "Historias de África" que loce na entrada das aulas de terceiro e cuarto de Primaria. Queremos agradecer ao alumnado e ás súas familias as interesantes achegas que fixeron nacer e medrar o interese por coñecer e saber máis sobre este continente. MOITAS GRAZAS!!!
A través do EDNL do noso centro chéganos "O mundo é grande", unha preciosa canción do grupo Mamá Cabra, moi acaída ao noso PDI, que imos aproveitar para cantar e reflexionar sobre a PAZ. Aquí vola deixo.
Xa estamos metidos de cheo nas nosas viaxes arredor do mundo descubrindo países, xentes e moitas historias. Estes días a biblioteca andaba un pouco revolucionada polo que sospeitamos que MIK andaba argallando algo. E así foi!! O venres pasado recibimos novas de MIK: o equipo de axudantes da biblioteca repartiu por todas as aulas as cartas do noso amiguiño. Desta vez tróuxonos unha preciosa proposta para o Día da Non Violencia e a Paz que, como sabedes, celébrase o 30 de xaneiro.
Para reflexionar sobre este día, este ano traballaremos sobre a fascinante historia de Wangari Maathai, que recibiu o Premio Nobel da Paz no ano 2004. Para iso, recorremos ao libro "Wangari e as árbores da paz"
Wangari vivía rodeada de árbores. Cando medra, comeza unha masiva deforestación e Wangari teme que pronto todo o bosque sexa destruído. Decide sementar nove arboriñas e iniciar unha acción ecoloxista en favor da reforestación, o Movemento do Cinto Verde, chegando a ser responsable da plantación de máis de 30 millóns de árbores en todo o país e de mellorar a calidade de vida das mulleres. As nosas vidas mellorarán se volvemos ter árbores. Plantaremos as sementes da esperanza.
O mellor é que descubrades vós mesmos desta preciosa historia. Facendo click na frecha da seguinte imaxe, gozaredes deste belo conto que transmite tantos importantes valores. Cando acabe a historia, atoparedes diferentes actividades para pasar un bo intre e reforzar o aprendido. Se queredes velo a pantalla completa, só tedes que facer click no recuadro superior dereito (e "esc" para volver). Por certo, na entrada do cole hai unha árbore fermosísima e moi grande!! Terá algo que ver con MIK e con Wangari?? Estade atentos, seguireivos contando!!! Fonte:http://www.auladeelena.com/2016/01/wangari-y-los-arboles-de-la-paz.html
Arredor do proxecto documental deste curso,"Países e culturas", dende o departamento de Inglés preséntannos o seu proxecto "New friend for Christmas" que consistiu en intercambiar felicitacións de Nadal cos nenos e nenas doutros países. A proposta foi un éxito de participación e a resposta dos interlocutores foi espléndida. Os países que recibiron estas artísticas tarxetas foron: Grecia (1º de Primaria), Francia (2º de Primaria), Polonia (3º de Primaria),Finlandia (4º e 5º de Primaria), Estonia (6º de Primaria). Desde este recanto queremos enviar os nosos PARABÉNS a todo o alumnado participante, tanto ao alumnado do Mestres Goldar como aos alumnos e alumnas dos utros países. E por suposto, vaia a nosa felicitación para a profe Paloma, ideóloga, creadora e coordinadora deste fermoso proxecto. Para ter toda a información visitade o seu blog de ingles Pouco a pouco e sempre andando, onde atoparedes todos os detalles dos traballos.