BENVIDOS E BENVIDAS!!! Ola, nenos, nenas e familias! Hoxe comezamos un novo curso escolar e o Claustro de profesores do noso centro quere darvos a benvida e desexarvos un estupendo 2010/2011
Hoxe foi un día especial para tod@s. Os rapaces e rapazas voltaron ao cole cheos de ilusión e alegría, contentos de atopar aos compañeiros para contarlles todas as experiencias das vacacións. Algúns estaban un pouco nerviosos á espera das novidades: aula nova, profes novos, libros novos...
Eh, colegas!! Escribide nun comentario as vosas impresións do primeiro día de clase, igual que fixo Claudia na entrada anterior. Eu paseino moi ben. Estiven na biblioteca vendo as novidades e preparando cousas estupendas para vós. Estade atentos, axiña teredes noticias.
E para que esta andaina empece con bo humor, aí vai unha chiscadela para as mamás :
Se aínda seguides coa euforia do Mundial e vos sentides "artistas", podedes colorear este debuxo do polbo Paul, case tan famoso como Iker Casillas ou Iniesta. Clica na imaxe, imprímea e despois colorea.
Clica na foto de abaixo para agrandala e ver a ledicia dos campións:
¡CHEGOU O DÍA! Xa teño todo preparado para emprender a viaxe. Primeiro irei visitar ao Pirata Patalata, que anda á procura dos tesouros afundidos nos mares do sur; despois estarei cos meus parentes: Xerónimo Stilton, a ratiña fachendosa, o ratiño Pérez, Jerry... (levo moreas de queixo do país para convidalos, ¡que rico!); e por último, andarei percorrendo o ciberespazo, na busca de cousas interesantes para ti. Ireiche traendo xogos, adiviñas, enigmas, curiosidades, noticias... para que o pases estupendamente este verán. Ven polo Recanto de cando en vez, seguro que atoparás algo divertido. Aproveita para comentar o libro que estás lendo, para que outros nenos e nenas se animen a lelo tamén e disfruten coma ti da lectura. Non esquezas deixar o teu comentario, para que eu saiba que estiveches aquí. Moitos bicos ratunos,
Estamos moi contentos porque Pequenet.com acaba de concedernos o premio PROFES 2.0 explicando o motivo coas seguintes palabras:
Como asesora pedagógica del portal infantil Pequenet.com tengo el placer de comunicaros que hemos concedido el premio ?Yo también soy Profe 2.0″ a vuestro blog por la difusión de las nuevas tecnologías en las aulas.
Tamén queremos mandarlle o noso agradecemento a Ana Municio que nos envía o mesmo recoñecemento.
( Poderás aprender moitos trabalinguas porque estes irán cambiando cada vez que recargues a páxina)
Hoxe quero contarvos unha bonita historia: Había unha vez unha fermosa escola onde aprendían e xogaban moitos nenos e nenas. Había tamén unha biblioteca chea de tesouros, de piratas, de viaxes, de aventuras... E había un ratiño que naceu da imaxinación dunha rapaza, que adoraba os libros e a lectura, que gozaba coas risas e coas visitas dos cativ@s, e que decidiu compartir os seus soños con tod@s eles. (¿Sabedes de quen falo? Pois si, son eu, MIK, que tanto levo disfrutado grazas a vós.) E como ocurre en moitos contos, un marabilloso día chegou a este cole unha fada que encheu de maxia a miña vida e o meu recanto; e como adoitan facer as fadas madriñas, concedeume moitos desexos: fun poeta, aviador, investigador, comín castañas, fun actor, cantante, bailarín, gaiteiro, mago... en fin, grazas a ela podo compartir con vós unha morea de apaixoantes aventuras e moitos fermosos e emotivos momentos.
Pero como tamén ocorre en moitos contos, a miña fada madriña ten que marchar. Outros nen@s, e pode que outros ratiños, recibirán os agasallos da súa extraordinaria variña. Desde aquí quero enviarlle o meu cariño e o meu agradecemento. ¡MOITAS GRAZAS, PROFE CHARO, POLO QUE NOS DECHES E POLO QUE NOS DEIXAS! Foi unha sorte coñecerte e compartir contigo estes anos. Desexamos que no teu novo destino teñas moitas alegrías e satisfaccións. Botarémoste moito de menos.¡¡ATA SEMPRE, FADA MADRIÑA!!
Tendes que perdoar pero é que ando tan liado que aínda teño pendente contarvos moitas cousas deste remate de curso. Irei pouquiño a pouco, en pequenas doses saboreamos mellor, ¿ou non?
Comezarei por unha despedida, a dos rapaces e rapazas de sexto, que o próximo curso estarán xa no instituto.
Desexámosvos moita sorte e moitos éxitos na vosa nova andaina.
Seguramente xa saberedes que o mundo da literatura está de loito polo falecemento dun dos escritores máis importantes do noso século, o premio Nobel José Saramago. Nestes días terás ocasión de enterarte de moitas cousas da súa vida e da súa obra, das súas inquedanzas e do seu compromiso co mundo que lle tocou vivir. Quédanos como herdanza a súa maxistral produción literaria, da que gozarán moitas xeracións vindeiras. Se aínda sodes moi novos, xa chegará o momento en que a descubrades. E ese encontro será frutífero, como xa ten sido para tantos de nós. Oxalá vos naza esa comezón que remove a intelixencia e as conciencias. Oxalá prenda en vós a semente da xustiza e do compromiso.
Mentres non chega o momento de mergullarvos nas novelas de Saramago, podedes escoitalo contándovos esta historia que el escribiu para vós:
Nos próximos días o noso centro acollerá a exposición Áreas Mariñas Protexidas, elaborada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) coa finalidade de achegar este concepto ao público e á sociedade. Na exposición atoparemos información sobre: - Recursos do mar
- Problemáticas de conservación
- A pesca en Galicia
- As Áreas Mariñas Protexidas
Esta exposición ten carácter itinerante e está a percorrer os centros escolares e outras institucións de Galicia coa intención de sensibilizar á poboación da importancia do mar e do litoral como patrimonio esgotable e recurso espiritual, cultural e económico.
Hoxe faleceu, na súa casa de Valladolid, un dos máis grandes persoeiros das nosas letras, Miguel Delibes, autor da inesquecible novela "Los Santos inocentes" entre outras obras de enorme relevancia na literatura española contemporánea.
Miguel Delibes naceu en 1920. Licenciouse en Dereito e Intendencia Mercantil e durante varios anos dirixiu o diario 'El Norte de Castilla'. En 1948 recibiu o Premio Nadal pola súa obra La sombra del ciprés es alargada. Nese momento comezou a que sería unha brillante carreira literaria.
Entre os seus títulos atópanse: El camino (1950), Mi idolatrado hijo Sisí (1953), Diario de un cazador (1955), Diario de un emigrante (1957), Las ratas (1962), La hoja roja (1962), Cinco horas con Mario (1967), La parábola del náufrago (1970), El príncipe destronado (1973), Las guerras de nuestros antepasados (1975), El disputado voto del señor Cayo (1978), Los santos inocentes (1981), Madera de héroe (1987), Mi vida al aire libre (1989) e El hereje (1998).
Delibes foi membro da Real Academia de la Lengua Española dende 1975 e colleitou importantes premios literarios como o Premio Cervantes e o Premio Príncipe de Asturias das Letras.
Aquí vos deixo un fragmento da película "El camino", de Rtve.
Moi recomendable a páxina de RTVE onde atoparás interesantes documentos sobre a súa vida e a súa obra ( imaxes, vídeos, documentos sonoros...), e mesmo podes deixar unha mensaxe de despedida.
Unha fermosa selección de cancións que nos chega dende o Segrel do penedo, moi axeitadas para datas como a de hoxe. Para disfrutar en soidade ou en boa compaña: