Bonita mensaxe da nosa querida Charo, á que queremos enviarlle o noso agradecemento e unha grande aperta, cos nosos desexos dunhas felices e reparadoras vacacións. Bicos ratunos, querida "madriña".
Axiña nos vai deixar outra promoción de alumn@s que rematan a Primaria e comezan unha nova andaina na escola e na vida. Levan consigo unha morea de aprendizaxes e vivencias e déixannos a alegría de ser partícipes e testemuñas do seu crecemento como estudantes e como persoas. Cando os vemos marchar quédanos un pouso de nostalxia mesturada coa esperanza de que estes anos compartidos lles deixaran unha pegada positiva nos seus corazóns, por ben tenue que fora. E case nunca chegamos a saber o que significou para eles e as súas familias o noso traballo e a nosa ilusión. Por iso, o inesperado agasallo que recibimos hoxe cunha garimosa mensaxe chea de significado fará que estes nenos e nenas, dalgún xeito sigan connosco moitos anos máis.
Desde este recanto queremos enviarlles a eles e ás súas familias a nosa gratitude e o noso afecto, os nosos desexos de que se convirtan en adultos capaces e responsables e que a vida lles traia unha morea de éxitos.
MOITASGRAZAS!!
E despois de tantas emocións venme á cabeza a fermosa poesía de Gabriel Celaya que expresa marabillosamente o noso sentir, o sentir d@s maestr@s que amamos a nosa profesión:
"Educar es lo mismo
que poner un motor a una barca
hay que medir, pesar, equilibrar...
... y poner todo en marcha.
Pero para eso,
uno tiene que llevar en el alma
un poco de marino, un poco de pirata...
un poco de poeta...
y un kilo y medio de paciencia concentrada.
Pero es consolador soñar mientras uno trabaja,
que esa barca, ese niño,
irá muy lejos por el agua.
Soñar que ese navío
llevará nuestra carga de palabras
hacia pueblos distantes, hacia islas lejanas.
Soñar que cuando un día
esté durmiendo nuestra propia barca,
en barcos nuevos seguirá nuestra bandera enarbolada."
Asistir onte como testemuña da entrega dos Premios Xerais e
Merlín foi un fermoso agasallo que quero agradecer unha vez máis, agora desde este humilde recuncho, a Manuel, Celia, Helena..., a toda esa xente que, sen perder nin un ápice de ilusión a pesares das funestas circunstancias que nos envolven, organizan cada ano unha magnífica homenaxe á nosa lingua e á nosa literatura, nas figuras dos escritores e escritoras que a fan grande, útil, fermosa, imprescindible... Todo o que ocorreu na Illa de San Simón converteu o día de onte nunha velada inesquecible. Inesquecible polo magnífico discurso de Marilar Aleixandre, que nos fixo vibrar con cada unha das súas ?ardentes? palabras, reivindicando unha literatura que trabe no lector, que queime na alma, que nos sacuda violentamente as entrañas... Inesquecible pola emoción incontida de Marcos Calveiro, gañador do Merlín con "Palabras de auga", que brindou fermosas palabras de amor e agradecemento pero tamén de rabia ante a penosa situación do ensino público. Inesquecible por sentirnos inundados por Celso Emilio Ferreiro na voz de Xurxo Souto que, acompañado do seu acordeón, espallou sobre todos nós os versos atemporais de ?Como un irmau che falo?... Inesquecible polo sereno optimismo de Manuel Bragado, quen aínda que ?coñeceu tempos mellores?, transmitiu con entusiasmo novos e ilusionantes proxectos nos que se embarca incluso con forte marexada de fondo... Inesquecible pola sorpresa do Premio Xerais, "Tonas de Laranxa", unha novela escrita por pai e filla, Manuel e María Lourenzo, ?a catro mans?, que promete boa literatura, da que ?queima?, da que estás desexando que caia nas túas mans... Inesquecible pola chuvia, que fixo que todos estivesemos máis preto uns dos outros, que nos rozásemos coa complicidade de estar compartindo inquedanzas, sentimentos e esperanzas comúns... Inesquecible pola néboa, que non foi quen de ocultar os sorrisos dos que regresabamos a San Adrián coa faísca prendida no corazón dos que confían nas ?mil primaveras máis ? para a nosa lingua.
Este fin de semana teremos no Pazo da Cultura de Pontevedra unha moi recomendable proposta de ocio para toda a familia: Culturgal, cun completísimo programa onde atoparedes actividades para todos os gustos e para todas as idades. Poderemos escoller entre un amplo abano de posibilidades como a música, a danza, contacontos, maxia, libros, exposicións... de todo!!
Podedes consultar máis polo miúdo AQUÍ ou na súa páxina web.
O pasado martes, 8 de novembro, fomos convidados á inauguración da biblioteca escolar do Ceip Otero Pedrayo, que desde ese día leva o nome dunha escritora galega de moito talento, moi recoñecida e apreciada polos nenos e nenas de diferentes idades, AN ALFAYA. Os nosos PARABÉNS por esa fantástica biblioteca e polo fermoso acto de inauguración. Foi todo un honor e un pracer compartir uns momentos tan entrañables e emotivos. Todo o que alí aconteceu tocaba o corazón: as palabras de agradecemento, a música, o agarimo que se respiraba e, por suposto, a profundidade das reflexións de An Alfaya. Por todo iso e pola calidade humana e profesional dos artífices da marabillosa "cova" que tivemos a sorte de coñecer, penso que os nenos e nenas do Ceip Otero Pedrayo son moi afortunados, e tamén nós, por ofrecernos a oportunidade de acompañalos no comezo da súa andaina. Moitas GRAZAS!! Déixovos unha presentación elaborada polas compañeiras da Biblioteca do Chouzo, coas que coincidimos nesta agradable xuntanza. Podedes ver unha ampla reportaxe sobre o acto de inauguración e todas as actividades realizadas en torno a ela no blog A cova de Don Sapoconcho.
Onte, 22 de outubro, nun acto celebrado en Vigo, baixo o lema Eis o canto eterno dunha terra, recollido dun verso de Lois Pereiro, foron entregados os Premios da Crítica Galicia 2011, cos que se pretende poñer de manifesto a excelencia e relevancia dos traballos individuais e colectivos máis destacados ao longo do ano 2010 en todos os campos da creación cultural e da investigación de Galicia. Foron galardoados nesta XXXIV edición a escritora Ana Romaní no apartado Creación Literaria, o físico e divulgador científico Jorge Mira en Investigación, a orquestra Son de Seu en Música, Proxecto Terra, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), en Iniciativas Culturais, Ángela de la Cruz en Artes Plásticas e Visuais, e a compañía Teatro Chévere en Artes Escénicas e Audiovisuais. Á cerimonia de entrega asistiron preto de catrocentas persoas do ámbito da cultura, da política e da sociedade galega. Moitos parabéns aos organizadores do evento e, por suposto, a tod@s os galardoados!! Serigrafía de Antón Pulido coa que foron agasallados todos os asistentes ao acto:
Ola, nenos, nenas e familias! Xa estou aquí, despois dun verán cheo de lecturas fantásticas que me fixeron vivir unha morea de aventuras (pouco a pouco ireivos contando as que máis me gustaron). Hoxe quero darvos a benvida e, xunto co Claustro de profesores e profesoras do noso centro, desexarvos un estupendo 2011/2012. Agárdovos na biblioteca, vendo as novidades e preparando cousas estupendas para vós. Estade atentos, axiña teredes noticias miñas.
Sentímonos moi contentos porque acabamos de recibir este fermoso agasallo, o Sunshine Award, das nosas admiradas compañeiras da Biblioteca do Colmeiro, MOITAS GRAZAS, AMIGAS! Para cumplir cos requisitos esixidos deberíamos entregar o premio a outros 12 blogs, pero nós queremos compartilo con todas aquelas persoas que durante este curso que remata estiveron aí, apoiando, animando, dándonos pulo para continuar, mesmo naqueles momentos nos que parecía que as forzas decaían... GRAZAS A TOD@S!! E como a imaxe do premio é tan acaída para a época na que estamos, aproveitamos para desexarvos de novo un FELIZ VERÁN!!
O pasado sábado, 11 de xuño, faleceu o escritor galego Juan Farias, un dos renovadores da literatura infantil e xuvenil actual. Ao longo desta semana puidemos ler en moitos blogs de bibliotecas escolares galegas e noutros especializados en literatura, fermosas e emotivas recensións sobre a súa vida e a súa obra, polo que non vou abondar nese aspecto. Desde este recanto queremos facer unha homenaxe sinxela, desde o agradecemento e a admiración, porque gracias a el descubrimos que a literatura para nenos/as podía escribirse con maiúsculas, porque tratou aos seus lectores con respecto, de igual a igual, sen intencións didácticas ou moralistas, coa única pretensión de facerlles chegar o seu riquísimo universo literario.
E así queremos lembralo, cun retrato que David Pintor realizou para a homenaxe que recibiu o escritor o pasado ano en Villaviciosa de Odón:
Preme para agrandar
No blog Literatura Infantil y Juvenil actual atopamos unha escolma de bitácoras que dan unha visión da grandeza deste escritor e da admiración que espertaba entre os lectores, escritores e amantes dos bos libros: