O muiñeiro do tempo



Add to Technorati Favorites



Contos, forras, chemineas e curtametraxes.
manel766@yahoo.com
 CATEGORÍAS
 ANTERIORES
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 FOTOBLOGOTECA
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Noite abrasadora
Ana, unha cobra bufa no cuarto das nenas.
Comentarios (3) - Categoría: Forras - Publicado o 15-07-2008 02:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O avión das oito
Os mortos de hoxe opóñense tanto estética coma espiritualmente ós mortos de antano.
Aqueles defuntos semellaban máis vivarachos, seguros de si mesmos, cheos de razón sobre a súa morte; agora únicamente se desvelan apampanados coma se aquelo de non existir non fora con eles ou coma se andiveran musando no ultramundo, eso é, musando, hoxe vivimos na época do morto incauto, pasota, que non atopa obxetivos na vida.
Recordo o tempo no que os mortos mudaran o xeito. Daquela finaba o señor Enrique, home que viña de durmir toda a vida sobre conchóns de palla de millo e que un bo día pola mañá espertou sobresaltado polo estrondo desafiante dunha alimaña inimaxinable, o avión das oito. O señor Enrique erguíase enfurecido, coa picaña na man apuntando ó infinito, enfrontándose a aquel intruso que tódalas mañás rompía a plácida tranquilidade do lugar de Santestevo, deixando un ronsel de peste no ceo, de néboas malignas que habían de estragar as colleitas e avinagrar o viño.
O señor Enrique morreu sen que ningún xuíz admitise a trámite a denuncia que pretendía interpoñer contra o avión das oito e así no primeiro día do velorio a estampa do finado traducía inconformismo e carraxe a cada momento. O señor Enrique fíxose morto no tempo do lanerocolchonero, cando a máxia do altofalante invadía as aldeas e a xente aireaba os íntimos conchóns, facendo negocios irreparables a cambio de muelles, escuma tanto de noventa coma de un cincuenta e dous. E cando no velorio do señor Enrique alguén decidiu que en tódolos aspectos da vida e da morte habería que avanzar nos tempos do lanerocolchonero, trouxeron en peso unha plancha de vidro do tamaño da caixa e con ela cubriron o leito mortuorio, coma nunca se vira, deixando ó defunto sen palabras, apenas asomado trala fiestra. Todos quedamos atemorizados pois alimesmo reparamos na actitude introspectiva que o corpo sen vida adoptaba a cada paso, coma o sentir se engruñaba e coma non podía ocultar a indefensión. E así cando foran as oito da mañá o avión das oito sentiuse bruar e tremeron a táboas do piso e na plancha de vidro me pareceu ver refrexado o ronsel maligno do aparato voador, vingativo, e o señor Enrique coma fumando en pipa pero ó fin estranamente distraído, resignado coma tódolos mortos que na parroquia se viran despois.
Eu esta noite durmía saudablemente sobre as frebas do meu colchón flés científicamente probado, ata que un ácaro me espertou, cos seus minúsculos dentes ameaza con introducirme non sei cal enfermidade paralizante e letal. Asumida a miña morte non trato de fuxir, tan só penso dende hai media hora nos meus proxectos coma morto, en atoparlle un sentido á miña morte, e pasan por min os refrexos de tódolos mortos, e xa temo ter perdido o senso dereito e xa cecais os mortos de hoxe e os de onte foran os mesmos, marcados se tal según a moda, non sei, e penso esto e máis aínda, mentres o ácaro avanza percorrendo, dende os pes da cama ata min, a enruga perfecta do flés, deixando un xélido ronsel envelenado sobre a superficie aséptica do meu colchón.
Comentarios (7) - Categoría: Contos - Publicado o 14-07-2008 02:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Da terra á cesta
boas noites a todos. Despois dunha eternidade sen muiño hoxe comezamos muiñadas novas. Foron días con mal xeito, hospitalización de nenas, tensión no traballo, en fin. Desexo frescura, de verdura e ensalada, de alimentos autenticos e honrados, desexo comer da horta tal e como o juanjo rodicio apresenta no seu documental. Ollade.

Comentarios (9) - Categoría: Curtas - Publicado o 04-06-2008 01:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A festa da parroquia








O asado recén adobado enchía de arrecendos a casa. Ruxir de pratos, as portas abertas, os nenos coma cosmonautas excitados exploraban as caixas das galletas, ía a señora Amelia cun cesto de pan na cabeza. A nai cantaba e o pai cortaba no xamón, as fiestras das casas máis abertas que nunca, os cohetes estouraban a cada intre máis perto e xa se distinguían os primeiros acordes da banda, dos sofridos músicos a ritmo de pasarrúas. Os nenos enredando, recollendo nas canas dos cohetes, os ramistas cheos de orgullo non aceptan ningunha invitación. O corazón enchíaselle a un o día da festa. Aquelas alboradas traían de súpeto a alegría ó lugar.
Hoxe volve ser o día da festa. As casas, as máis delas rexeitan o acontecemento pechando os ollos, perderon as chaves nos petos dos desaparecidos donos. Os nenos xa non espurgan o zanco, pois xa non hai nenos, a señora Amelia agarda sentada no adro para que lle de o sol, se acaso. As fiestras abertas pero o aire fresco non corre por dentro da casa. Escoitase o estourar dos cohetes e os primeiros acordes da banda que nos enchen dunha tristura vella, apestada, dunha tristura húmida, polo día da festa.
Dende hai varias décadas vivimos un forte conflito bélico nos nosos lugares, só hai que ollar hoxe cara as consecuencias, casas tumbadas, xente desaparecida. Nembargantes, e aínda ás veces con certa tristura, continuamos celebrando as festas. Será porque a cultura da resistecia do pobo Galego nos impide abandonar a esperanza.
Comentarios (19) - Categoría: Chemineas - Publicado o 15-05-2008 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A flor máis grande do mundo
Despois de falar de xirasois, continuemos con flores pero coa intención de aportar un grao de esperanza diante de tantas comedias tráxicas. Unha historia de José Saramago levada ó cine, animada por Juan Pablo Etcheberry.


Comentarios (8) - Categoría: Curtas - Publicado o 09-05-2008 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O bar da esquina. (2)
Continuamos coa miña homenaxe á burocracia, á "estatalización quística" e á axilidade demostrada por algunhas administracions.

Naquel momento crin imposible saír do bar da esquina sen o sabor salgado na boca e a necesidade automática de cuspir, por iso foi que diante da imposibilidade de comunicación con aquel fiel camarero sumiso á amarga norma colgada do falso teito e vendo á miña esquerda e á miña disposición sete ventanillas con candanseu funcionario, dirixínme a elas co afán de realizar unha reclamación en toda regra, unha xestión eficaz para conformar a miña sede de pipas.
As ventanillas eran sete, unha detrás da outra, aínda que os ocos na parede eran nove, iniciándose na máquina tragaperras, a través dos dous últimos accedíase ó vater de home e de mulleres respectivamente.
Dirixíndome ó primeiro dos funcionarios e este adheríndose á miña presencia conseguín encher cun rosario de datos a instancia correspondente para a solicitude de dispensa interna administrativa autorizando o uso da palabra pipas con fins comerciais, seguidamente o atento servidor publico advertiume que debía acudir no prazo de sete días á ventanilla numero dous para que o funcionario correspondente selase as catro copias da instancia.
Ese día a ventanilla dous por non sei que razóns estaba pechada, agardei, ó día seguinte selei as instancias que había de entregar nas ventanillas tres, catro, cinco e seis, pero por unha serie de casualidades desgraciadas ó completar o trámite en cada ventanilla a seguinte xa rematara o seu horario e permanecería pechada ata o día seguinte. Pero eu agardei no bar, a clientela era sempre a mesma, ó septimo día eu facía cola diante da séptima ventanilla onde debía recibir resposta á miña petición..
O séptimo funcionario tosía o pobre, cunha face conxestionada pola máis fonda das preocupacions examinaba o meu expedente:

- Agora as peticións do uso da palabra pipas non se tramitan deste xeito meu amigo. Vostede debe solicitar permiso ó Consello de anciáns formado polos catro avós do propietario do local para poder dirixirse por escrito ó dependente do bar e realizar a demanda do debandito producto. Vaia á ventanilla número un e cubra as instancias pertinentes.

Na ventanilla número un de novo, despois de oito días, cursaba a nova solicitude, que debía selar na ventanilla dous para despois entregar cada unha das copias dirixidas a cada ancián nas ventanillas tres, catro, cinco e seis e na séptima agardar a resolución do Consello.
A ventanilla número dous permaneceu pechada durante un ano xa que o funcionario da número sete foi trasladado para a dous e logo do traslado, debido á fría corrente de aire dos pasillos, agarrou unha gripe que acabou de agravar a bronquite crónica que padecía, costándolle un ano de convalecencia. Eu, pedín outra cervexa e agardei no bar. Por fin despois deste tempo selei os papeis, tras dun guiño de complicidade brindado polo brillante pero feble funcionario número sete.
Xa entregaba a instancia na ventanilla tres cando me informaron que debía facelo no día do cumpreanos de cada un dos anciáns, mala sorte foi a miña cando me enterei que os catro cumprían anos na mesma data polo que como nunca conseguía dar o paso de ventanilla a ventanilla no mesmo día debería agardar catro anos para formalizar o meu rogo. Pero no cuarto ano, no día do cumpreanos do cuarto avó, apareceu no bar un lazo negro colgado do teito, a miña ansia pola bolsa das pipas existía aínda con máis forza pero debía esperar a que tralo falecemento do cuarto avó, quenpazestea, se cubrise a praza vacante no consello de anciáns. Dous anos despois convocáronse eleccións ó Consello, votaron o propietario, os avós, os clientes, o dependente e os sete funcionarios saíndo elexido un tío avó dun curmán do propietario que tomou posesión do seu cargo ó ano seguinte, dous días despois do seu cumpreanos.
Mais eu agardei, agora sentado nun taburete do bar, o paso de trescentos sesenta e seis días por ser aquel ano bisiesto. Agardei e entreguei a cuarta instancia. Dende ese momento ata a entrega da resolución pasaron oito anos, pois os anciáns padecían de demencia senil e sempre se esquecían de enviar o papel á séptima ventanilla, tanto foi así que só se recuperou a autorización cando despois dunha forte dor abdominal, a un dos anciáns, a vida ou morte, houbo que extirparlle-lo apéndice vermiforme, entón o cirurxián de garda descubriu a existencia dun obxeto estrano nos intestinos do doente que non era outra cousa que o papel escrito co fallo do consello de anciáns sobre o meu caso.
Cando souben da decisión positiva dos avós autorizándome a pedir as pipas por escrito, agarrei lapiz e papel e redactei a seguinte nota:

QUERÍA UNHA BOLSA DE PIPAS, POR FAVOR.
¿CANTO É?
GRACIAS.

En breves segundos fixenllo chegar ás mans do camareiro xunto coa autorización legal, quen con aceno de fastidio e mirándome de lado díxome:

- Síntoo señor non lle podo vender as pipas porque acaban de caducar hai tres días , acabámolas de tirar todas ó lixo.

Foi nese intre cando me decatei de que non sairía do bar da esquina comendo pipas. Recorrín as sete ventanillas unha por unha, sen pararme e sen ollar cara elas, entrei no vater, mexei, saín do bar e dirixinme cara a casa donde me agardaba a miña muller.
Entrei pola porta sentindo o calor do fogar, medio mosqueado, mentres ceabamos conteille a Ana o caso que me sucedera. Ela, atragantándose coa sopa, deu en rir coma se dentro dunha bola de fideos atopase a fonte das cóxegas. Cando se tivo calmado contoume que o bar da esquina era un bar conductista, eu non concebía que poidesen existir bares dese xeito, e o seu dono era un psiquiatra ou psicólogo que ademais dirixía unha coñecida envasadora de pistachos.
Ó rematar a cea levanteime da cadeira sen encontrarlle aínda ningunha gracia ó asunto do bar da esquina. Despois de dezaseis anos e pico traspasei a porta que dá ó xardín coa mesma fixación que levaría o can de Paulov apretado polas necesidades fisiolóxicas de eliminación e logo de estarricarme un par de veces, pensando no nugallao que me estaba volvendo ultimamente, abrin a billa para encher o cubo de auga e darlle unha boa rega ós meus amados xirasoles que esta noite parecíanme moito máis tristes e decaídos ca de costume.

Comentarios (3) - Categoría: Contos - Publicado o 08-05-2008 01:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Reciclaxe


Coma tódolos días saín da casa disposto a desfacerme da bolsa do lixo. Mentres me achegaba ó contedor reparei melancólico na bolsa entreaberta. Alí ían os meus zoquiños estragados, os primeiros poemas, a camiseta a raias que xa fora do meu curmán, un billete de duas mil pesetas, as gafas de cerca, a boina, o reloxo de peto, unha pistola e o rosario que levaba envolto nas mans o día do meu enterro.
O contedor estaba baleiro e o estrondo da bolsa ó caer fíxome tremer.
Comentarios (7) - Categoría: Contos - Publicado o 06-05-2008 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O bar da esquina. (1)
Continúo na liña de ir amosando textos escritos hai xa anos. Hoxe fágovos a primeira entrega do bar da esquina.


En certa ocasión, cruzando o parque de volta á casa, camiñando as lousas ocultas polos excrementos das pombas, antoxóuseme unha bolsa de pipas. Levaba presa, pois a tardiña caera coa intención de causar sorpresa, coma tódalas tardes do outono. O bar da esquina quedaba a un paso, foi por iso que decidín entrar no local para facerme co meu antoxo.
No bar tres homes de cabelo moi liso mollado apegado ó pescozo xiraron media volta nos seus taburetes con tal de ollar cara min, estrano transeunte na hora da cea. O dependente metía unha culler nunha bandexa chea de zorza e sete funcionarios atrincheirados detrás de sete ventanillas xiraron media volta, cabizbaixos mergullandose nos seus asuntos, entoando un ruxir de papeis que sonoramente ambientaba as labouras do bar.
Poderíamos definir o bar da esquina coma un establecemento apropiado, en consoancia coa normativa vixente, avantaxado dentro dos locais do seu xénero. Un bar coma outros cen mil se non fose polo inmenso cartel que rodeado de moscas penduraba do teito, un cartel tremendamente opresivo que entre signos de admiración dicía:

“QUEDA PROHIBIDO NESTE BAR PRONUNCIAR A PALABRA PIPAS”

Preguntábame eu se tal norma puidera ser aplicable, en tal caso o que si me parecía era de moi mal gusto pois as pipas agardaban a un lado da barra por algún comprador, alleas a toda regulación xurídica. Decepcionado pero co anceio aínda máis latente, pedín unha cervexa e reflexionei, tomei un trago e decidido ollei cara o dependente.

- Está prohibido, meu amigo.- respondeume.
Comentarios (1) - Categoría: Contos - Publicado o 05-05-2008 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Empantanados proxéctase en sada.

Este sábado proxectase a nosa curta empantanados no Festival Galego de Curtas de Sada, pois será na casa da cultura Pintor Lloréns ás sete da tarde. Para nós sempre é unha satisfacción o poder compartir a nosa visión sobre o mundo e dende logo afondar na aprendizaxe dos xeitos que nos faciliten unha relación íntima coa persoa que entre en contacto coas nosas creacións.
Sobre o festival podedes atopar toda a información nesta ligazón.
Comentarios (3) - Categoría: Curtas - Publicado o 01-05-2008 02:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
No linde
Caso número tres. Silencio por favor. Vexamos. Ben. Un voluntario ou voluntaria. Si, un, calquera de vós.

Toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc,

No amencer da noite de San Xoan din que o sol brinca disposto a conceder un desexo. Levaba toda a noite agardando pero cando a primeira raiola me deslumbrara dende o horizonte, o meu impulso non podía obrar máis ca apartando a vista aterrorizado. Gosto dos amenceres pero nunca puiden comprobar se o sol brincaba na noite de San Xoan.

Toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc.,

Mercaba cereixas da onza, vendéndoas a prezo de ouro, debido a unha estraña escasez. Propietario de sete factorías para o envasado, duas transformadoras de zume e licor de cereixa. Destacado coma empresario do ano. Inmensamente rico, incriblemente rico a maiores se casualmente triunfasen os plans de expansión en Norteamérica. Pero no intre de culminar a fazaña, no intre de acadar a maior fortuna do mundo, sentín terror ó ver realizable o meu último obxectivo, entón fun pechando unha por unha as miñas fábricas, liquidando a cada un dos meus traballadores.

Toc….., toc……., toc………., toc……….., toc……………toc, toc………….., toc,

Puidera casar coa muller da miña vida. Todo preparado para a cerimonia, o mellor convite, a mellor igrexa, os mellores padriños. Sentíame colmado de satisfacción. Pero xa chegado o momento decisivo, dous minutos antes do “si quiero”, non puiden evitar a fuxida e arrastrandome coma un miserable lanzeime en estampida fóra da igrexa, fóra da miña vida.

Toc……………, toc…………………., toc………………………, toc………………….

Nunca conseguín chegar ó orgasmo. Toc……………………………, toc………………
Xogo á lotería pero antes do sorteo sempre racho co boleto, non soportaría ser o agraciado. Toc……………………………., toc………………………………., toc

O mestre de educación física atounos unha corda de goma á cintura, o outro cabo preso a unha columna de cemento e aquello foi a causa de todo. O exercicio consistía en camiñar en contra da resistencia que ofrecia aquela goma. Ó principio resultaba doado avanzar, despois a corda turraba de medo cara atrás e había que desistir. Eu seica fora dos que máis lonxe chegara, non o recordo. Procurei xuntar tódalas forzas posibles por superarme a min mesmo, por lograr o ansiado fin de chegar tan lonxe coma ninguén. Pero semella que me fallaron as pernas e a goma turrou de min con violencia estampándome contra o poste de formigón. Nunca peor me sentín da cabeza. Vaia golpe levei. Dende aquel intre nunca máis intentei culminar os meus desexos, chegar ata o fin.

Toc……………………………………toc…………………………………toc……………………………….
toc……………………………………………………………….toc…………………………………………………….
Piiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii.

Veleí señores. A corda que o ataba á vida acaba de romper.
Veña, o voluntario, vostede mesmo. Anote: Hora da morte doce e cincuenta e cinco. Causa: Hemorraxia cerebral masiva por rotura dunha deformidade da arteria cerebral media, orixinada posiblemente a partir dun traumatismo craneal antigo. Cubran entre todos o certificado de defunción, han de afacerse tamén a manexar o papeleo.
Comentarios (6) - Categoría: Contos - Publicado o 28-04-2008 02:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal
Creative Commons License

Esta obra está bajo una
licencia de Creative Commons
Top Blogs galicia


Tracked by Histats.com







Site Meter


Blogalaxia