Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Fin de semana Campaneiro

Os Chichisos organizamos “DIAS DE CAMPÁS E CAMPANEIROS”, con elo queremos dar a coñecer tanto a arte de fabricación das campás como o sistema de comunicación que se produciu e que aínda se produce polo toque das mesmas (avisos de mortes, chamadas a misa, avisos de incendios, etc.).

Tendo en conta que en todo o país só queda un obradoiro de fabricación de campás, totalmente artesán, con orixe en 1630, transmitíndose dende entón este oficio de xeración en xeración nunha mesma familia; e por outra banda cada vez quedan menos campaneiros que sexan coñecedores dos diferentes toques ou sinais para comunicar os distintos acontecementos sociais, sendo sustituídos por aparellos electrónicos que desenrolan a labor de tanxer as campás, ao mesmo tempo que os cidadáns tamén estamos a perder a costume de, ao escoitar, identificar o que se pretende transmitir.

Nº DE PRAZAS: 25
PREZO: 10 €
TELÉFONO DE RESERVAS: 676.842.942
LUGAR DAS ACTIVIDADES: IGREXA PARROQUIAL DE TOMEZA - PONTEVEDRA


Non se que ten n-o badal
a campá d`a miña aldea;
si a sinto âs doce, relouco;
si ô anoitecer, dame pena.
LEIRAS PULPEIRO

ORGANIZAN
OS CHICHISOS
Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 12-09-2007 01:03
# Ligazón permanente a este artigo
Novo Disco de Cantadeiras do Berbés
Novo traballo discográfico de Cantadeiras do Berbés, chamado "Todos a Bordo" e editado pola Asociación Veciñal e Cultural casco vello de Vigo.

Nun momento no que a venda de discos está no seu punto máis baixo é un orgullo para esta Asociación que o seu grupo máis emblemático esgotara xa a primeira tirada deste novo traballo en menos dun mes, 2.000 unidades sen apenas publicidade, e esteamos xa a preparar unha segunda edición.

Cantadeiras do Berbés e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, cos seus limitados medios, tentamos recuperar eses temas que están na memoria colectiva de todos nós, e que índa é posible escoitar en calquera festa, foliada ou furancho onde a alegría da xente demostrase cantando e disfrutando da compaña dos amigos.

Algúns dos temas deste novo traballo son históricos desta cidade, pezas que foros creadas polo propio pobo vigués onde cantaban situacións que aconteceron na historia de Vigo, como no caso de "O Incendio" (o famoso incendio na Porta do sol) ou o "Pasodoble de Peinador" (a construcción do aeroporto con traballadores obrigados).

Neste terceiro traballo seguen a rescatar vellos temas mariñeiros, cantos de taberna e outras pezas da música popular que acompañan con acordeón, percusións e gaita. O disco profundiza nos temas populares recuperando o sabor das cancións compostas nunha época na que o tradicional era disfrutar do canto en calquera situación: no traballo, na taberna, nas romarías, nos camiños...
Así Cantadeiras recuperan temas que aínda quedaban na memoria colectiva popular, que lembran sonados sucesos da historia viguesa e móstranos como os temas tradicionais aínda están vivos na memoria.

Este disco está a ser distribuido por Lonxa Cultural, estando xa localizable nos establecementos habituais de venda de discos e na propia sede da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello da rúa Oliva 12 de Vigo.

Temas do disco:

1 PAPAGALO
2 O INCENDIO
3 DESFEITA GALEGA
4 POPURRÍ
5 PASODOBLE DE PEINADOR
6 LA BELLA LOLA
7 O MUÍÑO
8 POPURRÍ
9 AGUANTA CORAZÓN
10 A RIANXEIRA
11 CATRO VELLOS MARIÑEIROS
Comentarios (2) - Categoría: Discos - Publicado o 11-09-2007 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
Disco homenaxe a Diplomáticos de Montealto

Estase a traballar na elaboración dun disco recopilatorio homenaxe a Os diplomáticos de Montealto.

Entre os grupos participantes polo momento son coñecidos, Zenzar con "Non Chas Quero", Ruxe-Ruxe con “Tropa da tralla”, Lamatumbá con "Están aí!!" e a reunión de Rastreros para a gravación dun tema dos Diplomáticos de Montealto.

Agardamos este disco-homenaxe a un dos grupos que máis ten feito pola música galega, e en estilos tan diversos como folc, punk, rock, ska,...


P.D. Para cando outro a Os Resentidos?

Comentarios (2) - Categoría: Discos - Publicado o 11-09-2007 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de The Homens
O trío compostelán de power pop The Homens marchou no mes de xullo aos estudos ‘Ultramarinos Costa Brava’ de Santi García (guitarra e voz de No More Lies), un lugar por onde pasaron os Tokio Sex Destruction, Charades ou Nueva Vulcano, entre outros grupos da escena alternativa catalá...

O resultado é TRES, un álbum que Falcatruada editará nun formato especial: vinilo, CD e os temas en mp3, aínda que tamén estará á venda o tradicional formato CD. A data de saída para este proxecto é o vindeiro 15 de outubro.

Escoitar novo tema:
The_Homens-Calamar.mp3

http://www.falcatruada.com

http://www.thehomens.com/

Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 11-09-2007 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
Roubo de gaitas
De Xulio Coira, un dos gaiteiros de Quempallou...

O Domingo pola tarde roubaronme do maleteiro do coche, na rúa Juan Canalejo da Coruña, a maleta coas gaitas.

A maleta é unha destas rectangulares semiríxidas, negra por fora e granate por dentro, co logo dos Seivane.

Dentro da maleta tiña:

-Unha gaita Seivane de granadillo en DO con ronqueta anelada en nacar, fol negro con brocado.
-Unha gaita Seivane de granadillo en Sib con ronqueta anelada en prata, fol negro de veludo.
-Un punteiro en Sol de buxo, anelado en metacrilato negro, de Seivane.
-Un punteiro en Re de buxo, anelado en latón, de Seivane.
-Un punteiro en Si de granadillo, pechado, anelado en latón, de Seivane.
-Un punteiro en Do de buxo de Antón Corral, anelado en metacrilato negro.
-Palletas, afinador, etc.

Supoño que o amigo ladrón non terá pensado adicarse á música e intentará desfacerse delas, xa que colleu o primeiro que atopou, deixando un clarinete e outras cousas de valor.

Se alguén tivera información de calquera tipo sobre este tema, quedaríalle eternamente agradecido, como imaxinaredes.

xulioc@gmail.com

Moitas gracias e un saúdo.
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 10-09-2007 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
Serán das Tarambainas
Comentarios (1) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 10-09-2007 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
Reperkusión 2007 en Allariz ... e de balde!

Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 10-09-2007 10:02
# Ligazón permanente a este artigo
Malmequer de festa

Os de Malmequer botamos de menos a foliada así que agora que comeza a época festeira de outono-inverno, aínda que polo tempo non o pareza, este domingo pola tarde na casa de Beni (Bembrive) xuntaremonos para tocar, cantar, bailar e o que preste.



Avisad@s quedades

P.D.: De paso celebraremos un aniversario que hai por aí...

Comentarios (1) - Categoría: Resacosix - Publicado o 07-09-2007 14:30
# Ligazón permanente a este artigo
Festas da rúa de baixo en Compostela
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-09-2007 10:57
# Ligazón permanente a este artigo
Festival A Gresca en Cerceda

Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 07-09-2007 00:29
# Ligazón permanente a este artigo
Concurso Festival Folk Cancioneiros
Festival Folk Cancioneiros

A Fundación Pedro Barrié da Maza, con obxecto de potenciar e fomentar entre os grupos folc afeccionados o interese polo repertorio do Cancionero galego, de Torner e Bal y Gay, e do Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro e Folgar, cuxas reedicións críticas preparou con motivo do seu 40º aniversario, convoca o concurso Festival Folk Cancioneiros.

O intérprete ou grupo máis destacado será premiado con 6.011 euros, a gravación dun disco editado pola Fundación e a participación nun concerto compartindo escenario cunha consagrada formación de folk galega.

A documentación deberá enviarse antes do 16 de decembro de 2007 ao enderezo da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Cantón Grande nº 9, 15003 - A Coruña, nun sobre rotulado “Festival Folk Cancioneiros”.

Bases convocatoria

Impreso de solicitude

Cancioneiro Galego

Cancioneiro Musical de Galicia


Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 07-09-2007 00:29
# Ligazón permanente a este artigo
Disco de Juanjo Fernández

As fontes musicais

Acaba de saír á venda un novo disco gravado nos estudos Savik Sound en Caritel, Pontecaldelas (Pontevedra) o pasado mes de marzo. Supón o primeiro disco en solitario de Juanjo Fernández, acompañado á percusión por Manuel Alonso.

Neste traballo faise un repaso por diversas formas e formacións musicais extraídas da tradición galega con algún pequeno detalle innovador. Cuarteto de gaita, gaita solista, canto con pandeireta, con pandeiro, con pandeira.

Temas

1- Alborada de Rosalía de Castro (Santos Rodríguez Gómez)
2- Jota de Sandra (Juanjo Fernández)
3- Cileiro de Castonsa (Juanjo Fernández)
4- Jota de Seaia (tradicional galega)
5- Muiñeira de Biouteiro (Juanjo Fernández)
6- Jota de García (tradicional galega)
7- Muiñeira de Pontesampaio (anónimo/Juanjo Fernández)
8- Jota de San Miguel (tradicional galega)
9- Muiñeira da Fontesanta (Emilio Fernández)
10- Jota de Soutelo (tradicional galega)
11- Moliñeira de Vilar de Mouros (tradicional galega)
12- Jota lucense (Emilio Fernández)
13- Muiñeira do Festival (Juanjo Fernández)
14- Os olliños da miña nena (tradicional galega)
15- Muiñeira de García (tradicional galega)
16- Jota do Vilarón (Emilio Fernández)
17- Ai, Maruxiña, non bebas viño (tradicional galega)
18- Curru-cu-cu-cú (tradicional asturiana)

O disco pódese pedir por correo electrónico ó precio de 13,90 € (+ envío).

http://www.agaitadofol.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-09-2007 00:29
# Ligazón permanente a este artigo
Concerto de Gaideón
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-09-2007 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
Novo Blog de Asubío

Dende Malmequer damos a benvida a un novo blog relacionado co mundo do baile tradicional, é o blog do grupo Asubío de Val do Fragoso (Vigo).

Estamos convencidos que estando Nando detrás deste blog teremos moitas posibilidades de acabar coincidindo en moitas das festas e seráns desta beira sur da Galiza e que teremos moitas fotos comúns.

http://www.blogoteca.com/asubio

Un saudos pra todos @s amig@s de Asubío.


Recomendo a toda a xentiña de Malmequer a súa sección de fotos onde xa atopamos facianas coñecidas, así como tamén o blog de Iria onde ten subido tamén as fotos da Danza de San Roque de Vigo deste ano, onde atoparemos tamén a bastantes coñecidos.

http://www.blogoteca.com/entorno/

A tod@s, vémonos de Foliada
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 06-09-2007 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
Danza de Darbo (Cangas)

Danza de Darbo (Cangas)

Declarada Festa de Interese Turístico Galego.

O día 8 de Setembro, a continuación da celebración dos oficios relixiosos das 12:00 da mañá chega a procesión ó redor do templo da patroa de Darbo, Santa María, ó longo dun percorrido que se achega ó medio quilómetro.

O seu remate bailase a tradicional Danza e Contradanza diante da imaxe da Virxe.

No Adro da Igrexa Parroquial de Santa María de Darbo, un dos mellores exemplos de barroco rural dos que se poidan contemplar en Galicia. Esta igrexa está adornada na súa parte posterior cunha preciosa fonte barroca e todo o conxunto está situado nun lugar rodeado de natureza.

Xa pola tarde, terá lugar unha segunda misa, ó redor das sete, á cal lle segue, de novo, a Danza e Contradanza, que ten unha duración aproximada de tres cuartos de hora.

Este baile está considerado como unha das pezas máis antigas de Galicia, herdada e transmitida durante séculos polos antepasados. A danza data do século XVI e bailábase para dar gracias á Virxe por favores recibidos durante o ano. Participan dez galáns, cinco damas, un gaiteiro e un percusionista, todos eles dirixidos por un guía que marca o tempo da Danza e da Contradanza. Os danzantes distribúense en tres filas, seguindo ó guía principal, que leva as damas e as coloca formando arco en fronte da fila da esquerda; esta sae e marcha por fóra da outra formando outra parte do arco que se une ó primeiro; e, por último, a outra fila de galáns cerra a circunferencia.

Para a Contradanza utilízase a mesma colocación, fórmase un círculo xeral levando o guía ás damas e despois ós contraguías coas súas filas. Desfacendo o círculo formando as tres filas, e cunha volta sobre si mesmo de cada individuo, remata a Contradanza e a Danza.

Trátase dun baile moi vistoso, no que os homes tocan as castañolas. Un grupo de bailaríns baila ante a figura da Virxe, seguindo unha coreografía transmitida de pais a fillos procedente do seo dos gremios e confrarías que querían honrar á súa patroa.

VESTIMENTA DA DANZA E CONTRADANZA DE DARBO

A vestimenta dos Galáns da Danza de Darbo sufriu variacións ó longo da súa historia. Así pois, antano os galáns vestían un traxe calquera intentando os compoñentes do baile ir coas mellores prendas que cada un posuía.

Ata hai poucos anos e coa finalidade de conseguir que todos fosen vestidos do mesmo xeito lucían a vestimenta usada nos bailes típicos galegos.

Na actualidade e gracias o esforzo por recuperar a indumentaria orixinal da Danza, bailase cun traxe escuro e camisa branca como se pode comprobar no dossier fotográfico. Dita recuperación fíxose realidade gracias ás contribucións realizadas polos fregueses a través da Asociación Cultural Danza de Darbo.

Os homes que bailan na Danza desta parroquia tamén levan sombreiro, de feltro, que no caso do guía e para diferencialo é adornado cunha gran pluma.

Outro complemento que atopamos na vestimenta dos homes son os pendentes. Sobre o porqué deste tipo de xoias na súa vestimenta existen varias teorías, unha delas afirma que é un complemento levado dende antano para simbolizar riqueza, así pois, estas xoias imitan ó ouro como reminiscencia de tempos pasados.

A outra teoría sobre a orixe dos pendentes basease en que os homes tiveron que substituír ás damas para cumprir cun dos vetos impostos pola igrexa que prohibía a participación das mulleres nestes bailes.

As Damas visten enaguas e saias de cor branca con puntillas de ata dez centímetros de anchura tapadas ambas prendas cun mandil negro bordado. A camisa tamén é de cor branca de mangas anchas e con moita engurra. Cubrindo a camisa levan un pano de cachimir cruzado e atado atrás.

Os sombreiros son de palla e seméllanse moito ós da Danza de Aldán aínda que neste caso as flores son naturais e a composición floral é cada ano diferente, pois son as propias Damas as que os confeccionan horas antes de que teña lugar a Danza para que as flores teñan o mellor aspecto posible.

Estes sombreiros son elaborados a partir dunha base de espuma onde se insiren os talos dos ramalletes ata alcanzar os trinta centímetros de altura, sen dúbida dunha vistosidade que ben merece ser contemplada.

Comentarios (5) - Categoría: Novas - Publicado o 06-09-2007 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
Danzas da Romaría da Virxe da Franqueira
Romaría da Virxe da Franqueira - A Cañiza (Pontevedra )

O día 8 de setembro a procesión comeza coa saída da imaxe da Virxe nun carro de labranza tirado por unha parella de bois desde o atrio da igrexa. Diante da Virxe vai o pendón, o estandarte, a cruz parroquial e catro parellas de danzantes que entrechocan as súas palitos ao son dos gaiteiros. A procesión párase diante do palco da igrexa para contemplar as danzas e o drama da loita do mouro e o cristián.

As danzas, de orixe medieval, son de gran dificultade interpretando catro pezas distintas un grupo de 8 danzantes (4 homes e 4 mulleres) que realizan as catro danzas (a dos paos, a dos arcos, a das cintas).

Terminados os bailes, comeza o drama do mouro e o cristián. Conta a lenda que o mouro é Birnarem. O pergamiño galaico-portugués achado en 1605 no castelo de Gutierre de Altamira, fala deste encontro. O cristián representa a un militar veciño da Franqueira que na loita contra a invasión musulmá foi feito prisioneiro. Na prisión, o príncipe mouro ofrécelle toda clase de riquezas se deixa de invocar á Virxe da Franqueira como protectora dos crisitianos na Reconquista. Pero o crisitiano non só non acepta senón que se enoja e contesta que o importante é a Fe. Ante a falta de entendemento, loitan, o mouro cae vencido e arrepíntese dos seus pecados abrazando a fe cristiá.

Tras o drama, a procesión continúa rodeando a igrexa e unha vez terminada, os fieis dispérsanse entre os numerosos postos de polbo, rosquillas, tabernas etc.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-09-2007 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
Documental Fronteiras
"FRONTEIRAS"

O DOCUMENTAL FRONTEIRAS, DIRIXIDO POR RUBÉN PARDIÑAS. TRÁTASE DUN PERCORRIDO POLOS LÍMITES XEOGRÁFICOS E CULTURAIS DE GALICIA, E NEL INTERVEÑEN POLÍTICOS COMO XOSÉ MANUEL BEIRAS, MANUEL FRAGA, ESCRITORES COMO XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN E ANXO ANGUEIRA, ASÍ COMO OS VECIÑOS DAS TERRAS ESTREMEIRAS DO EO-NAVIA (ASTURIAS), BIERZO (LEÓN), AS PORTELAS (ZAMORA) E PORTUGAL.

No debate sobre a que comunidade político-cultural deben pertencer as rexións fronteirizas, todo o mundo ten unha opinión: desde as polémicas rifas entre historiadores, filólogos e políticos, ata as posturas máis desdramatizadoras dos propios habitantes destas zonas. Todos eles falan en Fronteiras de como perciben o feito de que as divisións administrativas non coincidan moitas veces coas lindes culturais. O documental é un achegamento á construcción das identidades colectivas a través das comarcas estremeiras de Galicia en Asturias, León, Zamora e Portugal.

O documental, producido por Pasacana Films, patrocinado por AVID Technology e dirixido por Rubén Pardiñas, é un percorrido polas fronteiras socioculturais de Galicia no Eo-Navia (Asturias), O Bierzo (León), As Portelas (Zamora) e Portugal. O proxecto recibiu en 2006 o Premio Xpréssate en Tui´06 ao mellor proxecto de documental no Festival Internacional de Documentais de Tui Play-Doc e estreouse en 2007 no mesmo festival.
O filme inclúe entrevistas aos habitantes de vilas e aldeas como Vilafranca do Bierzo e Ponferrada (León), Ibias e El Franco (Asturias), Hermisende e Lubián (Zamora) ou Castro Laboreiro (Portugal). As opinións sobre a propia identidade resultan do máis variadas en todos estes lugares; hai dende quen explica nun galego impecable que el non ten nada que ver coa cultura galega, ata quen reclama a anexión a Galicia.

Recóllense tamén declaracións de políticos como Xosé Manuel Beiras, Manuel Fraga ou Maurício Castro, e de escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Lluís Álvarez ou Xavier Frías Conde. Destacados filólogos, como Francisco Fernández Rei, Xosé Lluís García Arias ou Ramón d´Andrés tamén aportan o seu punto de vista, ademais dos presidentes da Real Academia Galega e da Academia de la Llingua Asturiana, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Ana Cano. O historiador Justo Beramendi, o politólogo Álvaro Xosé López Mira e o gaiteiro Bieito Romero son algúns outros dos persoeiros que falan en Fronteiras.

O documental reflicte tanto a convivencia cultural como as polémicas que xurden desta situación de “transición”. Así como no Bierzo e nas Portelas o feito cultural galego está máis ou menos asumido, o verdadeiro conflicto se produce en Asturias, onde a Academia de la Llingua Asturiana nega que o que se fala no Eo-Navia sexa galego (nunha rifa que se reproduce no eido da música co conflicto entre gaita galega e asturiana). O documental explica, por exemplo, o cambio de opinión que unha parte importante da filoloxía feita en Asturias experimentou desde os anos 80 con respecto á galeguidade da fala do Eo-Navia.

Fronteiras fai tamén un repaso polo proceso de creación da Comunidade Autónoma de Galicia, e como os seus actuais límites administrativos quedaron fixados polas mesmas fronteiras que no século XIX deixaran fóra territorios como o Bierzo.

Outro asunto espiñento é a especial relación, tanto idiomática como cultural, de Galicia con Portugal. O documental plantexa (de novo a través do testemuño dos habitantes da zona e de especialistas) ata que punto a fronteira do Miño e a raia seca ourensá separan realmente dous países e dous idiomas diferentes.
Fronteiras inclúe temas de grupos como Siniestro Total, Os Resentidos e A Banda de Poi.

Rubén Pardiñas (Vigo, 1976) é Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, e comezou a súa andaina no audiovisual como director artístico. Paralelamente foi desenvolvendo unha sólida traxectoria adicada á crítica de arte contemporánea, eido no que gañou o XII Premi Espais a la Crítica d´Art e o II Premio CajaMadrid de Ensayo.


FICHA TÉCNICA
Guión e dirección Rubén Pardiñas
Produtores Miguel Gavito e Carlos Aguilera
Cámara e montaxe Carlos Aguilera
Son Daviz López
Duración 58´


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-09-2007 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
Cruzada contra o eucalipto
Un grupo de comuneiros arrinca brótelos de eucalipto para protexer as árbores autóctonas, en Amoedo.

Os graves incendios do pasado ano na comarca serviron de lección para os Comuneiros de Amoedo, en Pazos de Borbén. Despois de que o lume calcinase completamente os seus 454 hectáreas de monte, a xunta reitora púxose a traballar para reforestar de xeito ordenado todo o seu territorio, evitando caer nos erros do pasado.

Para iso, durante os últimos meses reprantaron unhas 130 hectáreas con especies autóctonas como o piñeiro, castiñeiro e carballo, evitando o eucalipto, moito máis rendible economicamente polo seu rápido crecemento, pero moi agresivo ecoloxicamente ao diminuír a biodiversidade da flora e ao facilitar a propagación de incendios pola altura que alcanzan e a fácil combustión da súa madeira.

Con todo, os comuneiros estanse atopando co problema que supón a rápida recuperación desta especie foránea, que rebrota das árbores queimadas e multiplícase de forma sorprendente, invadindo as zonas reforestadas con frondosas. "En pouco tempo brótelos cubriron todas as zonas nas que prantamos especies autóctonas, polo que non nos queda máis remedio que saír ao monte a arrincar un a un cada eucalipto", explica o presidente dos comuneiros de Amoedo, Manuel Fernández, que aclara que están en contra do uso de pesticidas e produtos químicos para evitar prexuízos á fauna.
Uns 40 comuneiros saen todos os venres pola tarde e sábados pola mañá para realizar esta tarefa.

En seis xornadas conseguiron limpar unhas 25 hectáreas de monte, aínda que solicitan unha maior colaboración veciñal para concluír canto antes os traballos. "É importante concienciar á xente da necesidade manter o monte en boas condicións, porque é un patrimonio que deixaremos a futuras xeracións", apunta.

Para rematar, Manuel Fernández anuncia que, a partir de agora, o 75% do beneficio da explotación forestal reinvestirase no mantemento do monte, en lugar de só o 25%. "O monte deunos moito aos comuneiros e hai que coidalo", conclúe.

www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-09-2007 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
Cursos de Pandeireta e Baile tradicional en Marín

Cursos de Pandeireta e Baile tradicional en Marín

Na Asociación Cultural Loaira de Marin.

As clases e o grupo ensaia na Casa de Cultura de Sta. Maria do Campo.

Contacto:
649 422 846/ 652 945 215
acloaira@gmail.com

www.acloaira.blogspot.com

Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 06-09-2007 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
Na flor dos meus anos
Video promocional do disco da Sra. Carmen (Malvela)

Axiña á venda.

Comentarios (1) - Categoría: Videos - Publicado o 05-09-2007 01:43
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre o Traxe Tradicional Galego
Os problemas de vestir a tradición:

A coincidir co calor e coa multiplicación de romarías e de festas de todo tipo no noso país, é nos meses estivais onde é máis común ver nas nosas rúas, adros e prazas xente ataviada cos nosos traxes tradicionais. No entanto, non todo o mundo está de acordo en que o que ollamos sexa realmente parte da nosa tradición. As polémicas sobre a nosa moda popular mantéñense desde hai anos.

En xeral, no momento en que a cultura popular pasa a ser recuperada por elites urbanas, prodúcese unha alteración daqueles costumes ou elementos que se queren recuperar. Sexa por diferentes valores estéticos, por cuestións ideolóxicas e de moralidade, ou mesmo por falta de práctica e sen que cumpra mala intención, este proceso dáse en todo o mundo desde que, nos séculos XVIII e XIX comezou a recuperación dos elementos folk. A nosa vestimenta tradicional, como non, sufriu tamén procesos deste tipo. Segundo explica Álex Regueiro, un dos sete artesáns que Industria recoñece como especializados na confección da nosa vestimenta, “Lendo Pardo Bazán, Curros Enríquez, Rosalía ou outra xente de espírito rexionalista vese que representan unha variedade e traxes inmensa”. De calquera xeito, e malia a que é posiblemente un dos elementos máis traballados, difundidos e recuperados desde hai case 200 anos, a investigación desta parte da nosa cultura popular dista de estar completa.

Historia de cambios
Xa a comezos do século XX existen denuncias sobre deturpacións encol do noso traxe tradicional. “Pefecto Feijoo denunciou no seu momento que se estaba a producir unha alteración do traxe porque se tendía a uniformar as corais”, explica Álex Regueiro. “Xa hai unha constancia destes problema que vén desde comezos do século”. Máis adiante, o traballo da Sección Feminina da Falanxe e das súas agrupacións de coros e danzas provocaron aínda unha maior confusión encol das características do traxe popular. “O franquismo non é que producise algunha alteración, realmente cortou de raíz calquera expresión artística galega”. A estandarización que produciu este movemento “foi despois recollida por nenos e nenos e nenas que ensaiaban con eles e que interpretaron que aquel era o traxe tradicional. Non foi ata os oitenta que se iniciaron traballos de campo serios”, asegura.

Problemas de recuperación
Malia a estes traballos, nos últimos vinte anos mantéñense aínda mitos e erros na reconstrucción do noso traxe tradicional. “Somos vaidosos e andamos á competencia de ver quen se viste máis espectacular. E entón inventamos”, explica este investigador.As deturpacións do noso traxe, para alén da vaidade, poden vir por diferentes bandas. “Moita xente recupera modelos a partir de fotografías que están en branco e negro. Un ten que formarse para recoñecer as diferentes tonalidades dunha fotografía e interpretar se unha cor era vermella ou negra”, explica Regueiro. “Ademais, hai que recorrer aos pintores e máis á tradición escrita, e moita xente é preguiceira para se meter nas bibliotecas”.

Mudanzas do espectáculo
Canda a isto, este artesán denuncia que a maior parte dos traxes que existen están elaborados por persoas que carecen de correspondente cualificación de industria, e que isto provoca a miúdo desviacións nos modelos que se amosan. “En case ningún dos grupos de baile van as mulleres ben vestidas. Por exemplo as saias era moi raro que pasasen dos catro metros de voo, e agora todas teñen máis porque loce para a interpretación”, explica. Ao tempo, denuncia modificacións nos materiais, en moitos casos artificiais, ou un exceso de colares e adornos. A outro nivel, un dos problemas máis comúns dos traxes actuais é a mestura de elementos de diferentes comarcas. “Iso non lle fai mal á xente que olla un espectáculo, pero se non se recoñece de onde é unha prenda tíraslle o mérito a unha artesanía local e faslle mal á cultura” explica Regueiro, “detrás dunha prenda hai unha manufactura que daquela podía ser toda a vida dunha aldea”.

Reivindicacións
En xeral, este investigador denuncia unha falta de rigor nas reconstruccións dos traxes que se poden ver no noso país e mais un xeral desinterese da administración para recuperar os modelos orixinais. “Que a conselleira de Cultura se vista co traxe tradicional e que todos os que participan no día de enxalzamento do traxe, representantes de institucións ou universidades que todos, se aparezan con el”, reclama. Canda a isto, para Regueiro é fundamental tamén a creación dun museo do traxe no que se poidan ver pezas orixinais “para que non queda dúbida sobre como eran os elementos reais” e que conte cun departamento de conservación que permita a supervivencia de prendas delicadas.

www.culturagalega.org
Comentarios (6) - Categoría: Novas - Publicado o 05-09-2007 01:43
# Ligazón permanente a este artigo
Cursos formativos de Luvas Verdes

Luvas Verdes, (Daniel Bellón e Pedro Lamas) presenta unha proposta docente de cursiños formativos específicos de gaita galega e música tradicional orientados a músicos interesados e entidades de promoción e difusión da nosa cultura. O obxectivo dos mesmos é a de establecer un fío de contacto entre músicos en formación e profesionais que permita unha actualización permanente dos programas ofertados.

Os cursos teñen unha duración de 10 horas que se reparten en dous días. Tamén poden adaptarse ás necesidades de cada quen e Luvas Verdes pode facer propostas específicas partindo da base das materias desenvolvidas. Apórtase documentación do programa e material de apoio.

-Técnicas de Gaita I (Iniciación)
-Técnicas de Gaita II (Perfeccionamento)
-Taller de Afinación I (Iniciación)
-Taller de Afinación II (Perfeccionamento)
-Taller de Ornamentación I (Iniciación)
-Taller de Ornamentación II (Perfeccionamento)
-Composición/Arranxos na Música Tradicional
-Composición/Arranxos na Música Folk
-Combo Instrumental Tradicional
-Combo Instrumental Folk
-Introducción á Música Tradicional

Máis información e petición de programas:

www.luvasverdes.com
Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 05-09-2007 01:43
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Brais Monxardín

Interpretando unha aria de Bach e unha peza propia, «Aires de San Martín», vén de gañar o Constantino Bellón en Ferrol.

Monxardín, natural da Fonsagrada luguesa, toca a gaita desde que tiña 13 anos. Pero, como el mesmo sinala, o galardón gañado a noite do venres no Teatro Jofre de Ferrol, un dos máis prestixiosos premios da música tradicional galega, vaille franquear portas que ata agora estaban sen abrir.

-E a partir deste momento, ¿que...?
-O meu proxecto máis inmediato, máis alá dos concursos, é, ao tempo que remato a carreira de piano, cristalizar a creación dun grupo que aínda non ten nome, pero que se sae adiante terá gaita, frauta, percusión, guitarra e catro bailaríns.

-Aos 25 anos de idade, que son os que vostede ten, ¿que se lle pide á gaita na que un toca a Bach?
-Que o seu son sexa redondo e potente.

-¿Que sensación produce interpretar música tradicional no Jofre, nun «teatro á italiana» construído no século XIX?
-Eu nunca tocara alí, e impresiona ver toda aquela xente escoitando. O Jofre ten unha acústica perfecta, é un dos mellores lugares, dos que coñezo, que pode haber para tocar. E ademais é un espazo moi acolledor

-Toca desde neno. ¿Como empezou todo...?
-Empecei nunha asociación cultural da Fonsagrada, que se chama Antaruxas e Sorteiros. Empecei a tocar con Juanjo Fernández, un gaiteiro que tamén gañou un ano o Premio Constantino Bellón. E despois continuei a miña formación con Pepe Baamonde, que gañou o Bellón tres veces, e co que toco con frecuencia aínda hoxe, porque somos moi amigos e ademais temos un cuarteto, que se chama Seineira e do que tamén forman parte André Vilán e Manuel Sánchez Rei.

-Así que precedentes, co do Constantino Bellón, no seu entorno xa había...
-¡Vaia se había...! O Bellón é un premio moi buscado polos gaiteiros, sobre todo polo prestixio que conleva gañalo. Xa é un clásico. E del saíu xente moi importante.

-¿Confiaba en gañar?

-A sorte inflúe moito, e ademais todos os que están na final do premio son moi bos gaiteiros. Entón, nunca se pode falar de confianza. Porque entran en xogo moitos factores.

-¿Que futuro lle agarda á gaita galega?
-A gaita galega é hoxe un instrumento cheo de futuro, porque a xente tecnicamente toca cada vez mellor e ademais no instrumento está habendo unha evolución constante. Eu, por exemplo, no concurso de Ferrol toquei cun punteiro afinable, que é un invento de Lis Latas e de Pepe Baamonde, que che permite buscar a afinación a temperaturas moi variables. Porque xa sabes que a afinación de gaita é bastante complexa, e depende de cuestións como a temperatura ou a humidade, e entón isto permite afinar dun xeito máis preciso e rápido.

-Vostede fórmase academicamente no ámbito do piano...
-A formación clásica permíteme achegar novos elementos e novos recursos ao mundo da gaita, ao da música tradicional. E tamén unha perspectiva diferente, que enriquece. A fusión, se está ben feita, é benvida.

-¿Que é o que fai que as tradicións sobrevivan?
-Inxectarlles aire novo. Hai que buscar nas orixes, afondar no que antes se facía, pero non por iso se poden deixar de buscar cousas novas. Non se pode caer no inmobilismo, nin na monotonía. Todo está cambiando constantemente, e non se pode saber a día de hoxe como se tocará dentro de vinte anos. Os cambios, no estilo, son moi rápidos. Pero a liña é boa. Hoxe a gaita está chegando a mundos que ata hai ben pouco eran por completo impensables.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-09-2007 01:42
# Ligazón permanente a este artigo
Irmandiños: A Revolta (Edición 2007)

Irmandiños: A Revolta, xogo de rol en vivo.

O xogo, está ambientado no século XV, durante a Segunda Revolta Irmandiña, revolución popular que tivo lugar en Galiza no ano 1467, na que milleiros de homes e mulleres de toda clase e condición se alzaron en armas contra os señores feudais debido aos múltiples abusos que contra a poboación se estaban a cometer.

Durante os tres días que dura a actividade terás a oportunidade de meterte na pel dun Irmandiño ou dun soldado nobiliario, enfrontados nunha guerra na que se decidirá o destino do Reino de Galiza. Batallas, conspiracións, intriga, traizóns e festas memorables ao carón da fogueira esperan por ti no castelo de Monterrei...

SINOPSE
Ano de 1469.
Despois do triunfo da Segunda Revolta Irmandiña os señores feudais foron expulsados dos seus dominios véndose obrigados a se refuxiar en Castela e Portugal. A Irmandade Xeral do Reino de Galiza goberna en todas as vilas e cidades galegas, impartindo xustiza en nome do rei Henrique IV.

Por primeira vez, os homes e mulleres poden sentirse libres e donos das súas vidas. Mais as cousas están a punto de mudar...
Rematada a guerra civil que enfronta a nobreza en Castela, o rei Henrique IV torna as costas ao destino dos galegos e traizoa a Santa Irmandade, autorizando o arcebispo Fonseca, un dos máis poderosos señores feudais, a regresar a Galiza e recuperar as súas terras. O arcebispo parte cara a Santiago de Compostela acompañado por Xoán Pimentel, irmán do conde de Benavente.

Xunto a eles, un numeroso exército de soldados e mercenarios. O seu obxectivo: reconquistar a cidade de Santiago e acabar co goberno da Irmandade na Galiza, para así restaurar a orde social preestablecida.
Tras varios días de viaxe, as tropas de Fonseca fan unha parada no castelo de Monterrei, propiedade do vizconde Diego López de Zúñiga. A Irmandade Xeral, informada da presenza de Fonseca en Monterrei, decide enviar a un exército de Irmandiños coa misión de asediar o castelo e impedir o avance das tropas inimigas cara a Santiago.

Despois dunha terrible batalla, o capitán Alonso de Lanzós ordena a retirada do Exercito Irmandiño.

Perdeuse batalla, pero a loita continúa...

Bases e inscrición:
www.irmandinhos.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-09-2007 01:42
# Ligazón permanente a este artigo
GS21 en Sanxenxo
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-09-2007 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
I Encontro de Gaiteiros

Paços de Ferreira (Portugal), 15 de Setembro de 2007
Almoço-convívio

Iniciativa da Capital Artes, apoiada pela C. M. de Paços de Ferreira.

Informações adicionais:
tlf: 91.3467561
E-mail: capital.artes@gmail.com

Encontro aberto a todos os gaiteiros, percussionistas e músicos.
Almoço oferecido pela C. M. de Paços de Ferreira na Casa da Eira - Parque urbano.


I ENCONTRO DE GAITEIROS
Paços de Ferreira – Casa da Eira

Ficha de inscrição
Nome:
Morada:
Contacto:
Instrumento:

Org. Capital Artes / C. M. de Paços de Ferreira

Contactos: Nuno Oliveira: 91.8185859
Rui Santos: 93.6604211
capital.artes@gmail.com


I ENCONTRO DE GAITEIROS

Programa
10.00h - Recepção dos participantes - Concentração no parque urbano
11.00h - Alvorada
12.30-14.30h – Almoço-convívio
15.00-16.00h - Desfile de gaitas e percussões
21.00h – Actuação livre na Casa da Eira

Agradeço a divulgação deste evento.

Saudações gaiteiras
Nuno Parreira


Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 04-09-2007 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
Rede Galega de Música ao Vivo 2008
Un total de 486 grupos inscribíronse para participar na programación de 2008 da Rede Galega de Música ao Vivo

Un total de 486 grupos e solistas de todos os estilos musicais formalizaron a súa preinscrición para participar na programación de 2008 da Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido polo IGAEM e a asociación Clubtura do que actualmente forman parte 45 salas de toda Galiza. Estes locais teñen de prazo até o vindeiro 15 de setembro para elaborar as súas propostas de programación para todo o ano 2008, agás os meses de xullo e agosto.

Para este trámite, do mesmo xeito que no proceso de inscrición, os participantes teñen á súa disposición unha intranet inserida na páxina web http://www.galescena.info/musicavivo/.

Máis dun 87% dos grupos inscritos son galegos, dos que 196 corresponden á provincia da Coruña, 163 a Pontevedra, 39 a Ourense e 28 a Lugo. Canto ao resto das solicitudes, rexistráronse formacións procedentes de Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Euskadi, Madrid e Navarra, así como de Alemaña, Bélxica, Irlanda e Portugal. Os seus repertorios abranguen todos os estilos musicais, que van dende o rock, pop e folk até a música electrónica, o jazz e a canción de autor, entre outros.

Cada sala deberá contratar un mínimo de 8 grupos para configurar a súa proposta, na que cando menos un 75% debe corresponder a formacións galegas. Así mesmo, para que un grupo ou solista sexa contratado necesita ter pechado un mínimo de 6 concertos anuais dentro da programación global.

A Rede Galega de Música ao Vivo botou a andar en febreiro de 2007 co obxectivo de consolidarse como un circuíto estábel de distribución musical que serva, ao tempo, de plataforma de promoción para os intérpretes e contribúa a optimizar a súa presenza en toda Galiza. Durante o primeiro semestre de actividade, ofreceu 560 actuacións protagonizadas por 71 grupos e solistas. A partir de setembro e até finais de ano acollerá outros 295 concertos a cargo de 70 formacións.

www.igaem.xunta.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-09-2007 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
Concurso de Gaitas de Ponteareas
O concello de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición do Concurso de Gaitas de Ponteareas que, con este acada á súa cuadraséxima edición. A fase eliminatoria terá lugar o sábado 22 de setembro, mentras que a fase final celebrarase no Auditorio Reveriano Soutullo o domingo 23 de setembro a partir das 11:30h da mañá.

Nesta fase final serán interpretadas dúas pezas de libre elección que, ao igual que as interpretadas na fase eliminatoria, serán de raíz melódica galega. Igualmente en ámbalas fases non se admitirá a interpretación de suites nin de popurrís.

Poderán participar no concurso tódolos grupos de gaitas tanto de Galicia como dos Centros Galegos de España e do estranxeiro que toquen con gaita tradicional. Os interesados teñen de prazo ata o día 14 de setembro do 2007 para mandar as súas inscricións.

RELACIÓN DE PREMIOS
:

- 1º premio 1.800,00 € (Feliciano Barrera)
- 2º premio 1.200,00 €(Grupo de Empresas Regino Giraldez Boo “Construcción e Carpintería”)
- 3º premio 900,00 € (Irmáns Rodríguez Sobral)
- 4º premio 600,00 € (Concello de Ponteareas)

BASES COMPLETAS DO CONCURSO
e
FOLLA DE INSCRICIÓN

www.gaiteirosgalegos.com


Comentarios (2) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 04-09-2007 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
Bases do Concurso de Baile Tradicional Vai de Baile da TVG

Concurso de parellas de baile galego, "Vai de baile" do programa Luar da TVG

Convocámosvos a quinta edición do concurso, que comezará a mediados do mes de setembro e que se está a desenvolver de acordo coas seguintes

BASES:

PARTICIPANTES

1. Poderán participar os maiores de 13 anos que se inscriban por parellas mixtas. A dirección do programa fará unha selección previa dos candidatos.

2. A inscrición será gratuita. O programa entregará 300 € a cada parella en concepto de gastos cada día que concursen no programa.

MECÁNICA DO CONCURSO

3. En cada programa competirán dúas parellas entre sí bailando una xota e unha muiñeira de forma alternada, mais un agarrado que bailarán simultaneamente.

4. O xurado de Vai de Baile, formado por catro especialistas, calificarán a actuación de cada unha das parellas. A resolución estará consensuada polos catro membros do xurado e será inapelable.

CLASIFICACIÓN

5. Na primeira fase conseguirá un punto a parella que reciba a mellor calificación outorgada polo xurado e volverá participar no seguinte programa agás se chega aos cinco puntos; nese caso pasará directamente a clasificarse para a semifinal. Se hai empate, ambas parellas sumarán un punto cada unha e repetirán o encontro.

6. Na semifinal participarán as parellas clasificadas mais, en caso necesario, as que teñan maior puntuación no cómputo xeral. O número de parellas e de encontros desta fase estará determinado polas necesidades de programación.

7. As dúas parellas mellor puntuadas na semifinal competirán na final.

PREMIO

8. Vai de Baile ten como premio unha dotación económica de 6.000 € para a parella campiona e 3.000 € para a subcampiona.

DISPOSICIÓNS XERAIS

9. Os concursantes ceden tódolos dereitos de imaxe a Televisión de Galicia.

10. A dirección do Programa resérvase o dereito de suspender o concurso temporal ou definitivamente cando as necesidades de programación así­ o aconsellen.

11. A participación no concurso supón a plena aceptación destas bases. A interpretación das mesmas ou calquera aspecto non previsto nelas será competencia exclusiva da Dirección do Programa.

CONTACTO

Por mail a leniperez@yahoo.es ou ao teléfono do programa cando comece a nova tempada en setembro ao 981 540 606 (de luns a xoves en horario de oficina)

Moitas grazas a todos
Leni
Comentarios (4) - Categoría: Vai de Baile / Punta Tacón - Publicado o 04-09-2007 00:52
# Ligazón permanente a este artigo
O gaiteiro Brais Monxardín gaña o Constantino Bellón
O gaiteiro Brais Monxardín López, da Fonsagrada (Lugo), proclamouse este venres á noite vencedor do decimoséptimo concurso de gaita solista Constantino Bellón de Ferrol. Coa interpretación da "Suite número 3" de Bach e a peza "Aires de San Martín", da que el mesmo é autor, Monxardín conquistou tanto ao público como ao xurado do certame.

A pesar de ser a primeira vez que o lucense de 25 anos -que leva tocando desde os 13- presentábase a este prestixioso premio de gaita solista, a inexperiencia no escenario ferrolán non fixo madeixa no seu repertorio. Nos días previos á actuación en Ferrol, o músico mostrábase cauteloso en canto ás súas quinielas sobre o gañador. «Vai haber xente que toca de marabilla. Depende de como teña ou día cada un, vai depender de moitos factores», comentaba na tarde do xoves. Ao final, foi el o máis habilidoso coa gaita no teatro Jofre ferrolán, onde tivo lugar o certame a partir das 20.30 horas.

Ademais do recoñecemento como mellor gaiteiro de Galicia, Brais Monxardín López levou un premio en metálico de 3.000 euros. O xurado tamén considerou oportuno conceder dous accésits, dotados con mil euros cada un, ao ourensán Pablo Devigo Vázquez e ao vasco Daniel Lumbreras Rodríguez.

A noite estivo infestada de emocións, pois se entregaron, así mesmo, as tradicionais mencións de Gaita de Ouro e Gaita de Prata ao artesán ourensán Rubén González López e ao coro coruñés Cantigas dá Terra, respectivamente, polo seu arduo traballo en favor da música tradicional galega.

Pablo Devigo, recente gañador da Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, levou a casa o premio do concurso de composición (de 2.000 euros) deste ano coa fantasía para gaita e piano "Troula para Constantino".

O certame, considerado o máis importante de Galicia das súas características, conseguiu unha boa entrada de público, que seguiu as evolucións dos nove intérpretes con gran interese. Este ano xa se coroou ao mellor gaiteiro de Galicia que, a xuízo de Víctor Fernández Gabeiras, presidente do xurado do Constantino Bellón, é ese «gaiteiro solista puro que actúa sen necesidade de acompañamento de ningún tipo».

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 03-09-2007 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
Festa dos Axóuxeres para bebés e familia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-09-2007 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
Festas de Guadalupe en Rianxo
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-09-2007 00:31
# Ligazón permanente a este artigo
A GRESCA - XV FESTIVAL DE CERCEDA

Tras dous aniños de inactividade logo da última edición do festival de cerceda, a asociación lucerna botou este ano 2007 de novo a andar, e decidiu retomar o xa dito festival. Pero para que a volta fose sonada imos afrontar a continuación da foliada que se fixo os dous anos anteriores en Barcelona no barrio de Nou barris, con presenza de grupos Galegos e Cataláns asi como persoeiros de outras vías artísticas de ámbolos dous puntos xeográficos tamén.

Así este mes de setembro Cerceda acollerá este encontro catalan-galaico no que haberá actuacións musicais, teatro, circo, xogos populares ... e moito máis.

Sen máis un saudo dende a asociacion cultural Lucerna, e convidarvos a todos a que non vos perdades esta festa!!!

http://www.myspace.com/agresca

De balde e con zona de acampada ao carón do Campo da Festa
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 03-09-2007 00:31
# Ligazón permanente a este artigo
Xa estamos de volta
Pois sí, despois duns preciosos días de descanso en Asturies voltamos á actividade cotía de poñernos ao día no referente ao mundo da música tradicional e das festas e concertos que nos poidan interesar, amáis de botar unhas risas e uns bos recordos coas fotos que vaiamos subindo nesta nova tempada que comezamos en setembro.

Malmequeriáns tod@s, preparaivos para seguir de festa e carallada.

Xa polo de pronto lembrar que a mediados de mes celebraráse o Serán das Tarambainas en Lavadores e Tamara non perdoará que faltemos.

Un saúdo especial a Edu que currouse os novos logos de Malmequer.

Bikos e apertas a tod@s.

P.D.: para todo aquel que estea interesad@ en que calquera actividade relacionada co blog poida anunciarse nel como xornadas, concursos, seráns, concertos,... non ten nada máis que remitila ao correo de Malmequer:

malmequer.vigo@gmail.com
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 03-09-2007 00:31
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer