Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Moncho Reboiras (12/08/75-12/08/08)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 12-08-2008 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista con Quempallou
En correspondencia palleira, nove anos son cincuenta e pico en homo sapiens sapiens. Madurez, experiencia. Non imos comparar a traxectoria deste grupo cun can de raza galega pero, tamén, a madurez e a experiencia é o que o fai diferente respecto doutros grupos, ou polo menos o que se desprende dos novos directos e os temas de Quempallou, conxunto tradicional que se formou a cabalo entre Pontevedra e O Incio.

Do último disco destaca sobremaneira un tema hip hop cantado con Dios Ke te Crew, cunha música entre o tradicional e o rap máis ácedo e que versa cousas como: “Unha carballeira, unha urbanización; por cada montaña, un parque eólico; en cada areal, un porto deportivo; cen minicentrais para cada río”. Guillerme Ignacio é o seu vocalista.

-O disco editado o pasado ano, ‘Polo Aire’, destaca pola súa madurez, como vós mesmos dicides. Como se chega a este estado nun grupo musical como o voso?
-Pois chegamos á madurez fundamentalmente a base de estabilizarnos como grupo, levamos desde o disco Estremonías estabilizados, catro ou cinco anos. Ademais, traballamos arreo e tocamos moito por todo o país, compoñendo os nosos propios temas. Este disco Polo Aire o gravamos con moita máis calma, tanto na creación de temas como na produción do disco... e iso nótase despois, penso. E temos tres discos no mercado, o ano que vén cumprimos dez anos e tivemos moitísimos concertos, así que eu penso que é acertado dicir que estamos na madurez do grupo.

-E o ano que vén, co décimo aniversario, vai haber algunha sorpresa, algo especial?
-Pois algo especial vai haber segurísimo, claro! Non podemos deixar pasar tan importante data, pero de momento e como se di nestes casos 'non che podo desvelar nada' que non hai nada seguro aínda.

-Difire moito nos escenarios o Quempallou do primeiro disco, daquel 1999, do actual?
-Si que difire, pero non moito. Nós seguimos unha liña desde o principio, pero iso tedes que dicilo vós. Nós cremos que sempre seguimos ese carreiro bastante claro, con algúns cambios aquí e alá, pero o Quempallou de hoxe identifícase co do principio de todo. E desde ese primeiro chanzo o noso obxectivo era facer festa, ser festeiros sobre o escenario, que é o punto sobre o que destacamos para o público.

-Que vos diferencia respecto doutros grupos galegos que percorren o país con concertos, que hai de diferente en Quempallou?
-Ui, iso é moi complicado de responder. Nos estamos dentro dun estilo, dentro dunha onda de folk galego con fondas raíces e unha base tradicional moi importante tanto no xeito de compoñer como na forma de levar o directo. Ese sobre todo o que nos diferencia e isto último, un directo con moita festa, cunha intención de que a xente baile, que disfrute da música e con nós. Nós somos o único grupo que sigue esta corrente, ademais é bo destacar que temos un tratamento da voz que si nos fai diferentes, temos moitas composicións propias e cantadas, o feito de que cante un home...

-Esa 'diferencia' faise patente no Polo Aire, por exemplo, nun temazo interpretado con 'Dios Ke te Crew', un tema que titulastes 'Ninguén'. É un tema hip hop con moita denuncia social onde ben se nota a pegada tradicional, un quempahop, como chamades vós. Como naceu este tema?
-Xurdiu nunha maneira moi natural. Nós tocamos con Dios Ke te Crew nun festival na Mariña, pareceunos que o que facían era algo auténtico, bonito, sincero, algo como o que nós tamén facemos. Nós entendemos a música non só como algo para facer a festa e pasalo ben, senón tamén como un xeito para contar as cousas que nos pasan. Como dis é un tema de denuncia, algo do que botamos tamén no primeiro disco co tema 'A Rabuda', a nosa declaración de intencións. Aí nós xa expuxemos a nosa opinión sobre os problemas que nos preocupan, que nos tocan de preto. Nese punto de crítica necesaria, nesa retranca, coincidimos plenamente con Dios Ke te Crew, así que despois de xurdir a idea comezamos a facer as bases musicais de hip hop e fumos tecendo partes de letra e retrouso para rapear. Eu compuxen o retrouso e algo da letra para que rapearan eles, pero ao final tocoume a min.

-Desde logo escoitar ao cantante de Quempallou recitar rap, malia que a canción teña esa base tradicional, é ben singular. Foiche complicado rapear?
-Eu nunca rapeara pero foi unha experiencia preciosa, gustoume moito. Realmente cando dis cousas que che saen do corazón, que sintes, é moi interesante e intenso.

-Noutra orde de cousas, como ves o panorama da música tradicional actual, que estado de saúde ten para ti?
-Eu vexo á música folk tradicional bastante ben, por exemplo a nivel de grupos. Estamos traballando ben, estamos sacando discos, estamos sacando moita calidade... e desde o punto de vista de produción estamos moi ben, penso eu. A nivel de medios, pois si que houbo un 'subidón' hai uns anos a nivel mediático que xa marchou e nós agora intentamos chegar ao maior número de público que poidamos. Sabemos, claro está, que é algo moi complicado, cando a música é un produto tes que loitar con empresas moi potentes que teñen montado os seus negocios. E o folk, e é así, non entra dentro dese negocio. A música folk qe se fai en Galiza non é unha máis, é unha música de raíz que emerxe do noso patrimonio e que debe ter unha atención. Agora movémonos só con pequenas empresas musicais.

(Entrevista tirada da edición impresa de Gznación. Podes atopar este e outros contidos no número 2, que dende hai uns días se distribúe gratuitamente por todo o país)

www.gznacion.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 12-08-2008 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Xose Manuel Seivane
Entrevista a Xose Manuel Seivane

-Como foi o seu primiero contacto cunha gaita?
Aos 12 anos empecei a tocar a gaita. Despois no ano 1934 deuseme por facer unha gaita. Conteillo ao meu pai e díxome que era moi difícil. Pero eu non durmía pensando en que tiña unha gaita que, daquela, custarame 13 pesetas. O caso é que eu busqueille os calibres á gaita. Mandábanme aos prados coas vacas e eu levaba unha navalla ben afiada e collía madeira de ameneiro, branda, e collia os calibres. Da primeira, da segunda, do ronco, do punteiro porque é a alma da gaita. Cando a tiven fumos do ferreiro, un que lle chamaban o Cristo, da miña parroquia. O meu pai pediulle unha ferramenta e cando preguntou para que era díxolle que eu quería facer unha gaita. "Se o mandaras cavar", contestoulle. Meu pai díxolle que era un capricho e fixo. Pero o home non se daba maña. Despois pasamos meu pai e eu un día enteiro nunha moa posto que non habia esmeriles. Entón púxenme a facer a gaita. Daquela nunca un torno vira nin vira tornear. Era un de ballesta porque non habia forza motriz. Pasei moito traballo. Meu pai preparoume as ferramentas. Logo pouco a pouco cun calibre fíxeno perfecto. Cando rematei púxenme a afinar e estaba igual que a que eu comprara

Que procuraba como artesán?
Eu sempre soñei con poñer a gaita no seu punto. Daquela non había máis que dous ou tres tipos de gaita. A gaita que lle chamaban en Re, en realidade en tonalidade máis baixa, estaba a de Do e a que habia en todo o sur, onde estaban os mellores gaiteiros, era en Do brillante, non habia tal Do natural. Sempre pensei poñer a gaita na nota propia. Eu era músico de clarinete tamén e afinaba polo clarinete. Logo veu o diapasón eléctrico. En do que afinara en do, logo en si bemol que afinara en si bemol, logo en si, que era a mellor que se facía daquela.

Que relación mantiña con outros construtores e gaiteiros?
Daquela había moi poucos que fixeran gaitas. Logo tampouco me relacionei, parece que me tiñan moito respecto. O único contacto foi con Corral. O normal era que habia un gaiteiro cada dez ou quince quilómetros.

Pensa que hoxe a gaita está abondo recoñecida no noso país?
Sempre pensei que a gaita era o simbolo de Galicia. Dígoo porque o sinto. Está recoñecida totalmente. Hai que darse conta como está a gaita por Europa onde hai galegos.

Que dicían os veciños ao ter en Ribeira de Piquin un constructor de gaitas?
Non dician nada porque eu tiña un grupo que faciamos todas as festas da zona, mesmo pasabamos a Asturias. Eramos catro pero faciamos o papel de cinco posto que tíñamos unha batería: dúas gaitas, clarinete e batería. Chamábamonos "Os Airiños da Ribeira".

Fixo ademais outros instrumentos a demais de gaitas...
Si fixen unha zanfona, clarinetes, un violín, ... O violín viu a probalo moita xente.

Vostede recibiu moitas homenaxes. Neste caso recíbea de Ribeira de Piquín. Que lle parece?
Eu non sabía nada, era un segredo. Estou así, así. Se fora un catedrático... Débolle moita obrigación á asociación Os Recunchos de Robeira de Piquín.

Quédalle por facer algo no mundo da gaita?
Hoxe xa facemos todas as tonalidades.

E na vida?
Eu xa teño 87 anos. Hai dous anos que veño de vez en cando polo taller pero deixeino. Estou na casa, axudo á muller porque lle gusta moita a horta, as árbores, ...


www.apeneira.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 12-08-2008 10:32
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista coa Señora Carmen
«Ai alá, na flor dos meus anos, ai fun anos sacrificada, ai sufrín penas, sufrín males, ai, ai, o que eu levo pasado».

Hai moito de autobiográfico nesta primeira estrofa de Na flor dos meus anos, o título da canción que pon nome ao primeiro disco de Carmen Pérez Navasal (Sanguiñeda, Mos, 1925). Fran Alonso comparou a voz da Señora Carmen á dor de Edith Piaf, «que nos conmove, que nos desacouga». E dixo ben.


-No barrio de Monte, aquí, en Sanguiñeda, aínda é «Carmiña»...
-Son. Quen me puxo Señora Carmen foi Uxía Senlle. No grupo Malvela había tres Carmen, e como son a maior...

-¿E como foi iso de facer de Carmiña a Señora Carmen e gravar un disco?
-Non ten explicación, a min díxomo Uxía [sentada debaixo da viña, fálalle ao seu neto: «¡Julito, vai arriba á galería e tráeme unha chaqueta!». Aínda que vai calor, Carmen explica: «É que estou tratando a columna, convenme». E segue coa resposta]: Eu díxenlle que non, que non me parecía ben polas compañeiras do grupo, parecía, non sei...

-Para entendernos, que non quería destacar máis que o resto...

-Non, non quería. Despois pensei que gravar grava calquera, pero que o peor era presentar o disco. Estaba alí Segundo Grandío [coprodutor do disco e ex membro de Siniestro Total] e dixo: «Vostede non se preocupe, o disco gravámolo e botámolo a andar». ¡Pero non foi como dixeron! [Ri].

-E despois de gravar, tocoulle presentar...
-Claro. Entón pregunteille a Segundo: «¿Ti que dixeches?» E el díxo: «Bueno, muller, vostede tamén non esquece nada». E respondinlle: «Se me esquecera, tamén me esquecían as cancións, entón estaba perdida».

-O caso é que a liaron...
-Porque o defecto que teño eu é malo: non sei dicir que non.

-Pois o éxito está, vende...
-A min non me din o que se vendeu [ri]. Non sei se gusta, se non, pero todos me saúdan. Supoño que gusta porque ten o disco, un deuvedé e un libriño cos meus pasados.

-Un pasado que ten moito que contar, nada doado...
-Ten... ¡Tela marinera! A miña nenez foi mala, caín dun carro, tiven que levar nun mes dúas operacións, collín pleura... E despois traballo, moito traballo no campo, traballo duro. Non había vaca nin bois na casa e había que traer todo na cabeza, a apañar a herba, o que fora, cavabamos todo a leghón.

-¡Pero vostede cantaba igual!
-Cantaba. Dicíame a miña filla: «Vostede estará moi mala, pero sempre anda coa boca aberta». E eu digo: «Mentres canto, non penso no que me doe». Porque, por sorte ou mala sorte, sufrín bastante.

-¿Que tal vai agora?
-Fun a Arxentina e vin mal da columna, levei dous meses que non quero nin pensar neles. Agora vou indo. Por iso non quero coller frío nas costas. Chorei bastantes veces, estiven baixa de moral. Houbo un luns que ata pedín a morte.

-Pero xa pasou, xa volve a ser vostede...
-A moral xa me volveu un pouco. Eu digo que me teño que ir retirando, xa non me movo como unha muller nova. Pero non me fan caso.

-Non pode, é un arquivo musical humano, con todo o que ten na súa cabeza...
-Teño as cancións do meu disco e as do disco de Malvela. Grazas a Deus, de memoria estou moi ben.

-¿De onde aprendeu todo iso?
-Parte son das que tiña eu dalgún tempo, cantábanse por aquí. Cando era nova, compraba papeliños coas letras das cancións que vendían no Porriño. Tamén andaban os cegos [baixa a voz], pero as cancións de cego nunca me gustaron. Había xente que vendía a letra nun papel e cantábacha coa música para que souberas como ía. Só conservo unha. Despois veu a radio. Xa eu era pequena e ía á festa coa miña nai e andaba toda a semana ou todo o mes con aquel tarantantán na cabeza. Isto é de nacemento. [Fálalle a unha mosca impertinente: «¡Estás pesada como el demonio!».

-¿E como leva o éxito, as entrevistas e todo iso?
-Xa estou chea [ri].

-Autógrafos xa botou...
-Bastantes e iso que teño faltas de ortografía. Pero a letra enténdeseme ben.

-¿A música dá cartos?
-A min, ningún. A xente di que deixo á familia rica, pero eu non vexo nada. Nós cantamos por afección.

-¿Algo que lle veña á cabeza agora mesmo?
-[Canta] «Na alma se me cravou / a raíz do teu querer / mentres no mundo vivire / outro amor non hei de ter. / O cariño que che teño / inda ti non sabes ben / pode haber quen queira tanto / pero máis non hai ninguén. Dáme da pera que comes / da mazá só un bocadiño / dáme da boca unha fala / do corazón un cariño».

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 12-08-2008 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
Manecas Costa, o galego que veu da Ginea Bissau
Saíu do seu país quince días antes do estourido da guerra civil. “Perdín familia, amigos, pasei fame e fun un imigrante ilegal”. Hoxe é un dos artistas máis valorados dentro e fóra do mundo lusófono. En Galiza, despois do éxito de ‘Humor Neghro’ con Carlos Blanco, continúa co proxecto ‘Aló irmao’ a carón de Fran Pérez, Narf, un tándem de luxo que o vindeiro mércores tocará en Maputo, Mozambique. “Uxía ten a culpa toda de que eu estea aquí”, confesa, “e na Galiza síntome como na miña casa. Até facedes o caldo con unto, coma nós”

Manecas Costa (Cacheu, Guinea Bissau, 1967) saíu do seu país quince días antes do estourido da guerra civil. “Tiven sorte, porque morreu moita xente inocente. Perdín familia, amigos. Cando un país é pobre, se o danas, non tes logo como o construír”. A expectativa de vida do millón e medio de habitantes de Guinea-Bissau é de apenas 44 anos para os homes e 47 para as mulleres. Na antiga e pequena colonia portuguesa, entre Senegal e Guinea, dous enclaves de influencia francesa, “hai un chan moi fértil no que pode crecer de todo o que lle botes porque chove durante seis meses, pero temos moitas carencias. Problemas de golpes de estado, de condicións sanitarias, de educación... Aínda que debo dicir que agora a situación comeza a mellorar”.

Guitarrista, baixista, posuidor dunha voz carismática e sensual, autor das súas propias composicións nas que denunciaba non só a situación do seu pobo, senón tamén os problemas dos menos afortunados, como as mulleres e os nenos, estableceu a súa morada en Lisboa, desde onde comezou a construír a súa ponte con Galiza. A súa forma melódica e virtuosa de tocar a guitarra gañoulle a fama dun dos máis destacados músicos de África e a súa proxección internacional viuse auspiciada polo Festival Decouverte de Radio France International, creado para promocionar os novos talentos de África, o Caribe e o Pacífico. Foi este éxito o que lle permitiu desenvolver unha afortunada carreira como produtor e arranxista, ademais de como compositor e intérprete, agora en estreita colaboración con músicos e artistas galegos como Uxía, Carlos Blanco ou Fran Pérez, Narf. Con este último estará o vindeiro mércores 16 de agosto no Teatro Avenida de Maputo, Mozambique co proxecto Alô Irmão. “Para min estar en Galiza é estar na casa. Alén da lingua, ten moitas outras cousas en común coa Guinea no xeito de vivir”.

“Despois duma legião de ex mulatos”
“Já fui mulato, eu sou uma legião de ex mulatos. Quero ser negro 100 %”.
Isto que sae da boca do Herói de Caetano Veloso podería se pousar tamén nunha corda da guitarra de Manecas. Metonimia de pretos emigrados da terra de negros (iso significa, por certo, Guinea), do continente africano, primeiro escravos e agora repudiados súbditos do soño europeo. Os versos agárranse como faca que se leva no peto do pantalón. A escravitude que, látego mediante, conformou as oligarquías de Brasil, o Caribe e outras e que en Europa produciu santos homes da democracia como Montesquieu, aquel da división de poderes, quen dos negros escribiu: “É imposíbel supor que esas xentes sexan homes” (O espírito das leis, 1748), factura unha débeda cos pobos africanos.

Pero os negros non son xudeus e a factura acaba traspapelada nunha oficina de correos fantasma onde é usada como papel hixiénico.

Maneiras de matar o cadáver do pai
A Unión Europea dorme mal porque ceou demasiado e teme que lle aconteza o que a toda vella xeración, que o seu fillo colonial argalle ‘Matar o pai’. Isa é a propaganda, a palabra, e até o credo. Mais, neste relato que comunmente chamamos Historia da humanidade, existen varias versións sobre a paternidade.

Un dos últimos estudos a cerca da orixe do ser humano probou, mediante a combinación de probas xenéticas e medidas de preto de 6.000 cranios recollidos por todo o mundo, que África é o berce da nosa especie. Esta investigación foi levada a cabo polo Departamento de Investigacións Científicas da Universidade de Cambridge e publicouse no número de xullo de 2007 da revista Nature.

O estudo demostra a teoría de que o ser humano apareceu nun punto do África subsahariana desde o que emigrou polo planeta á vez que evolucionou de ‘homo erectus’ a ‘homo sapiens’. A investigación probouse xeneticamente comprobando que canto máis afastada se atopaba unha poboación de África, menor é a súa variación xenética, e pola contra, a maior proximidade do continente, a variedade xenética aumenta considerablemente.

A proba desmantela xa por completo o resto de teorías que defendían a orixe do ser humano en diferentes puntos da Terra. A doutora Andrea Manica, coordinadora do proxecto do Departamento de Zooloxía da Universidade, afirmaba no texto que a pesar de que hai quen intentou utilizar as medidas dos cranios como argumento para defender a multiorixinalidade do ser humano en diversos lugares do mundo, “as nosas probas cos cranios, combinadas coas investigacións xenéticas, demostraron definitivamente que a raza humana naceu nunha área de África subsahariana”.

E non de Suráfrica, senón dun lugar máis ao noroeste chegou Manecas. Dun dos países máis pequenos de África Continental. Nos albores da independencia, que se produciu en 1974, Manecas Costa xa creara o grupo Africa Livre. Logo tocou en N’Kassa Cobra, Cobiana Djazz ou Kapa Negra. Amílcar Cabral declarou ao comezo do conflito en 1973: “Non facemos a guerra contra o pobo portugués, senón contra o colonialismo”. Esta idea é clave para entender como moitos dos portugueses recrutados nas colonias estaban ao lado dos movementos revolucionarios pola independencia o Paigc no caso de Guinea Bissau e Cabo Verde, o MPLA (Movemento da Liberación de Angola) e o Frelimo (Fronte de Liberación de Mozambique). É a clave para entender un Estado onde só o 14% da poboación fala o idioma oficial portuguése o resto fala crioulo e idiomas nativos africanos como o badjara, balanta-kentohe, biafada, bidyogo, cassanga, ejamat, kobiana, mancanha, mandinka, nalu, pepel ou soninke. Tampouco é casualidade que os militares que se levantaran contra o réxime salazarista durante a revolución do 25 de abril, coñecida como a Revolución dos Caraveis, fosen soldados combatentes en Guinea Bissau cansados de recibir da metrópolis ordes alleas á realidade na que se atopaban inmersos. Por iso, non deberían sorprendernos as imaxes dun militante do Paigc que coa euforia do 25 de abril grita a unha masa exaltada: “Viva o PAIGC!, Viva o 25 de abril!, Viva Portugal!”.

Como foi a súa chegada a Galiza?
Na realidade para min foi unha sorpresa encontrar Galiza. Sei o valor da miña calidade musical e sempre busquei o meu propio, con apoio dos meus pais que me ensinaron que era moi importante crer en min mesmo. Pouco a pouco estou no mundo internacional da música tentando achegar o mellor de min. O Festival Internacional da Lusofonía abriume as portas de Galiza. Cantos na Maré, Festival Internacional da Lusofonía é un evento internacional pioneiro que nace en Galiza dirixido por Uxía como unha aposta musical singular. Polo tanto, quen ten culpa de que eu estea aquí é Uxía. Cando falo da Uxía falo co maior respecto e admiración porque me deu toda a posibilidade de demostrar a miña calidade musical e porque é unha artista enorme.

Xa que fala da lusofonía. Sabía vostede daquela da existencia desta variedade lusófona que se chama galego?
Non, eu non tiña noción diso e foi só despois da primeira vez de eu vir a Galiza cando me decatei. Agora sei que a lingua de todos os países lusófonos naceu neste territorio e que falamos unha lingua común na acualidade. Tamén a forma de vivir a vida é semellante. É curioso, porque no crioulo que falamos na Guinea hai moito léxico semellante ao galego e iso dicímolo no espectáculo Humor Neghro que facemos o Carlos Blanco e mais eu. O unto do caldo galego para nós tamén é o unto, a tina, a taberna. Lusófonos e galegos estamos xuntos, esta é a miña opinión, que non sei cantos comparten.

Polo menos Caetano Veloso si a comparte, que non é pouco.
Si, xa o escoitei o outro día na Quintana. Estou na mesma liña de pensamento de Caetano. Calquera lusófono debería se sentir en casa na Galiza. Neste mundo de hoxe en día conseguir comunicarse e ter amigos ten un tesouro e gaña.

‘Humor Neghro’ percorreu en cinco meses unha quincena de vilas galegas e conseguiu colleitar algo moi difícil nestes tempos: un cheo absoluto de público en cada unha das súas funcións e boas críticas.

Foi unha experiencia extraordinaria. Quen consiga transmitir os seus valores e aprender dos valores dos outros consegue estar en calquera parte do mundo. Claro que isto implica moita seriedade e unha certa ximnástica que comprometerse a aprender e a transmitir enerxía positiva. Eu cando estou na Galiza síntome como se estiver na Guiné. Galiza é a miña casa.

Vostede volveu á Guinea despois da guerra civil de 1998?
A guerra comezou o día sete de xuño e eu saín quince días antes. Fun tocar á Guinea e percibín que había conflito armado. É un país con moitas dificultades, polo que a música, a arte, non pode ser prioritario.

Son os auténticos malos tempos para a lírica que cantaban Golpes Bajos.
Moi malos tempos para a lítica, pero a música en Guinea é algo fundamental. Sempre me pon trinte falar da guerra no meu país, porque foi todo moi castigado onde faleceron moitas persoas inocentes que non facían parte desa maldade. Aínda ben que iso pasou e que hai amor en construcción.

Amor en construcción. Ese é un bo antídoto contra o Deus dará e até contra o espírito postmoderno. Un emigrante ten claro que todo depende del, non si?
Si. Ser inmigrante non é doado. Como vostede di, todo depende dun, porque está só. Cando cheguei a Lisboa non coñecía case ninguén. Fixen amizade coa Mariza, co Rui Veloso, con músicos de fóra como Tito Paris, Dani Silva... e loitei para conquistar o meu espazo musical. E para que negalo, non foi fácil. Pasei fame, ás veces non tiña diñeiro para comer. O meu irmán Marcelo foi o que me recebiu en Lisboa e viviamos nun cuarto pequeno. Durmimos mal moitas veces, pero eu xuraba que o lograría, que non ía ser covarde e renderme. Eu nunca me esquezo diso.Por iso teño presente o que é a emigración e sinto rabia e lástima pola situación que vive a xente que colle a canoa, que sae desde a Guinea, desde Senegal, que morren no mar. Se eu puidese facer unha campaña, escribir un tema, un videoclip, para explicar a miña experiencia e que sirva de información.

Vostede veu en caiuco?
Non, non, Eu cheguei en avión, como a maioría dos inmigrantes que hai na Península pero, fóra da viaxe, a dureza do demais é igual. Non encontrei amizades, nin euros, nin contratos á porta da miña casa. Loitei. E fun ilegal durante un tempo. E tiven que seguir a loitar.
Hai un fotógrafo galego, Gabriel Tizón, que levou a Guinea Bissau a primeira exposición sobre ‘a verdadeira historia dos caiucos’ e a falsidade do mito europeo.
Hai que falarlle claro á xente da situación. A min gustaríame falarlles aos meus irmáns de que isto é unha loucura, de que moitos morrerán na viaxe.

Que lle parece a política de inmigración da Unión Europea?
Hai que vixiar ben o proceso e esixir que se implique no desenvolvemento de África. Non se pode mesturar a todo o mundo, porque a maioría dos inmigrantes vimos traballar e dignificar a economía europea. Por que os africanos non poden ter dereito á saúde, á educación? Por que? Son humanos, respiran, contribúen a levantar os países, pagan impostos. Iso a maioría.
Cal é a relación de Portugal cos cidadáns das antigas colonias que hoxe viven no continente?
Mellorou moitísino, moitísimo. Antes os portugueses non se interesan moito polas cousas que lles suceden aos homes dos países das súas antigas colonias en África. Agora moitos somos xa portugueses e houbo un reaxuste na poboación. Sobre todo polos fillos dos inmigrantes. Estanse a facer moi ben as cousas.

Mais houbo un momento en que quen cantaba crioulo podía ir á cadea?
Antes non era a mesma cousa, está claro. E o facelo incentivou a loita, serviu de afirmación e uniu a xente nun país que ten moitas etnias, cada unha coa súa propia lingua e a súa música. A existencia de embaixadas fortes en Guinea Bissau mellorou tamén, ademais da situación do meu país, a visión que del se ten no exterior, polo que se minguou a desconfianza da comunidade internacional. A Guinea retrocedeu vinte anos de progreso na guerra.

Imaxino que perdeu moitas cousas, moitos seres queridos na guerra.
Perdín familia, perdina amigos, perdín moitas cousas. A bala perdida andou na cidade. Os señores da guerra non deixan respirar a beleza e a fertilidade incomparábel e verde do país.

Debemos recoñecer que, exceptuando Portugal, o seu país é un gran descoñecido para a maioría do mundo occidental.
Pois é, e resulta lastimoso. Estamos a falar dun país que ten oitenta e tantas illas, vinte e tantas etnias, unha cultura diversificada, uns constumes diversificados.

Vostede a que etnia pertence?
Son manjaco.

E ten tamén unha esposa manjaca?
Non, ela é guineana mais non manjaca.

E iso non está mal visto?
Non, non. E teño tres fillos e unha neta.

O que falabamos antes da inmigración...
Claro, esa menina é portuguesa sen ningún problema.

Cambiando de tema, que representa para vostede o gumbe?
O gumbe é o estilo musical da Guinea Bissau que transmite só enerxía positiva. O gumbe é un ritmo que podería ser para nós como o reggae para os xamaicanos. De feito, naceu na mesma illa caribeña dous séculos atrás e embarcou con escravos libertos cara a Serra Leona para quedar en Guinea-Bissau. Hai pouco estiven no festival de Pardiñas e a xente bailaba gumbe como se foran africanos. Os galegos ficaron africanizados co gumbe. O gumbe, se ti estás triste, cámbiache o humor. O gumbe entra con toda a enerxía positiva en Galiza.
Acho que na Galiza precisamos moito do gumbe.

O gumbe é para nós unha unión de todas as etnias, a enerxía positiva de todas as etnias. Se danzas gumbe marchan todos os problemas e xúrolle que os galegos o experimentan cando o escoitan soar.

Así que a súa intención é africanizar Galiza... transformala nun novo ‘Paraíso di gumbe’.
Si, pero non só iso, senón tamén levar a África sons e artistas galegos magníficos. Que a xente veña visitar e coñecer máis a Angola, Cabo Verde, a Guinea, e que alí coñezamos máis Galiza e a lusofonía, da que somos irmáns. Crear esa mestura. E nós temos o tambor de auga fai a función da gaita para os galegos. Tes un tambor de auga e montas a festa en calquera lugar.

A gravación do ‘paraíso di gumbe’ debeu ser un suceso moi fermoso no seu país.
Xa gravara dous discos topei coa musicóloga inglesa Lucy Durán, engaiolada da miña cancion Ermons de terra, que escoitara no recompilatorio Palop Africa. Ela conseguiume o contrato discográfico coa BBC e fun até Guinea-Bissau para gravar Paraiso di gumbe. Máis de 400 quilos de material. Alí non hai un estudio de gravación en condicións. A chegada ao aeroporto co equipo da BBC foi unha festa. O país parou para recibirnos. Había tambores e carteis de benvida. E a xente acompañounos ata a cidade. Todo o mundo quería gravar comigo. O resultado foi marabilloso. Quero achegar todo o que poida pola música e mais polos músicos do meu país.

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 12-08-2008 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
Emilio Cao regresa os escenarios
O cantautor galego Emilio Cao regresará aos escenarios cunha actuación o vindeiro día 23 na Igrexa de Santa María do Camiño, en Santiago de Compostela, dentro das actuacións organizadas no Festival dos Abrazos. O músico regresa cun novo disco (será o sexto) e un espectáculo pensado para remover emocións.

Co mar no meu peto é o título do concerto que Emilio Cao volverá á música ao vivo o día 23 na súa cidade natal. A igrexa de Santa María do Camiño será o escenario onde a arpa e a voz do músico navegarán por novos temas e algunhas pezas do seu extenso repertorio.

Cao recuperou a arpa diatónica na música folk galega dos anos setenta e oitenta. Aprendeu a tocar este instrumento de forma autodidáctica “por casualidade”, segundo as súas propias palabras. Sempre recoñeceu que lle interesa moito a música folk, pero as súas raíces están tamén no pop e o rock dos sesenta.

O cantautor, que lle puxo música a poemas de Rosalía e Manuel Antonio, de Uxío Novoneyra ou Suso de Toro, regresa agora “co mar no seu peto” despois de varios anos afastado dos concertos. Nuns meses ten comprometido sacar o seu sexto disco. Mentres, un aperitivo de corenta minutos nun escenario íntimo acorde coa súa “personalísima música”.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 12-08-2008 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Galiza será a invitada de honra no vindeiro Festival Intercéltico de Lorient

Galiza será convidada de honra na vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient, polo que contará cun espazo privilexiado nesta cita ineludíbel para os amantes da música folk e da cultura celta á que asisten cada ano milleiros de persoas. Delegacións de Gales, Irlanda, Escocia, Acadia, Bretaña, Asturias e Galicia, así como Canadá e Australia como países convidados, acoden esta semana á 38 edición do festival, que se celebra na cidade bretona entre o 1 e o 10 de agosto.

Nesta edición participaron en representación da música celta galega grupos como Quempallou ou Mutenrohi, que rexistraron unha gran acollida nos seus concertos. Tamén actuaron nesta edicións outras agrupacións como Celtas Cortos, os míticos Moving Hearts ou Loreena MacKennitt. Por outra banda, o gaiteiro galego Pablo Devigo erixiuse como gañador do concurso de gaitas que se celebrou o domingo, como todos os anos.

O stand xestionado pola Dirección Xeral de Turismo recibiu nestes primeiros días milleiros de visitantes atraídos pola información sobre o país e oplas actuacións de grupos galegos. A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Turismo, xestiona o stand de Galiza que se instalou esta semana na cidade bretona de Lorient con motivo da 38 edición do seu festival intercéltico. O recinto galego contén unha parte dedicada ao Obradoiro de Gaitas Seivane no que os visitantes poden admirar as características da gaita galega e aprender os detalles da súa fabricación e utilización.

Galiza tamén ten en Lorient unha representación da súa gastronomía a través dun restaurante no que os asistentes ao festival poden degustar polbo á feira, licor café ou torta de Santiago por módicos prezos, motivo polo que xa se converteu nun dos favoritos dentro do recinto.

Varios grupos de intérpretes de música tradicional manteñen a animación no stand, onde tamén actúan ao caer a tardiña grupos de danza tradicional que amosan aos paseantes a cultura popular galega.

www.gznacion.com


Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 12-08-2008 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
Semana completiña
Segunda feira 11 (Luns)
• Berroguetto no Paseo da Ribeira de Foz ás 23:30
• Quempallou en Maceda
• A Roda na Golada
• Brigada Bravo y Díaz ás 21.00 no Xardín de Fonseca (Compostela)
• Trio Vaamonde/Lamas-Romero ás 20.30 en Casas Reais (Compostela)
• Milladoiro e Mafalda Arnaut no Auditorio de Castrelos de Vigo ás 22:30
• Zurrumalla na Praza de Compostela ás 22:30 (Vigo)

Terza feira 12 (Martes)
• A Gaita de Sarandón no Castrelo de Abaixo. Riós
• Marful en Celanova
• Xosé Miguélez Jazz Project ás 22.30 na Praza dos Gatos (Compostela)
• Dulce Estrella (Dulce Pontes e Estrella Morente) en Pontevedra
• Sondeseu en Sada
• Lembranzas Galegas na Praza de Compostela (Vigo) ás 22:30
• X. M. Budiño e Kepa Junquera no Auditorio de Castrelos de Vigo ás 22:30
• Eliseo Parra e Ruper Ordorika na Praza da Constitución (Vigo) ás 23:00

Corta feira 13 (Mércores)
• Berroguetto, Foula e O Sonoro Maxín no Rabafolc (Rábade-Lugo)
• Skacha no Revoltallo (Vigo)
• Xiradela nos Xardíns de Méndez Núñez (A Coruña)
• Zuco 103 (Holanda/Brasil) e Travelers ás 22:30 no Peirao de Trasatlánticos de Vigo
• Charla con Vicente Araguas (Voces Ceibes), Davide Senén (Xenreira) e Paulo Tobío (Skárnio) en Cuntis

Quinta feira 14 (Xoves)
• A Roda en Bermes (Lalín)
• Xarín en Ribadeo
• O Sonoro Maxín en Allariz
• Lorena Lores en Cangas
• Ataque escampe no Marrucho de Baiona
• Cuchufellos en Ponte de Domingo Florez (O Bierzo)
• Soak, Skacha, Tiro na Testa e Dakidarría en Nigrán
• Pepe Vaamonde Grupo e Susana Seivane na Praza de García Barbón de Verín ás 22:30
• Milladoiro na Carballeira de Caldas de Reis ás 21:30
• Keympa e Fred Morrison no Festival de Occidente (Tapia de Casariego)
• Xosé Manuel Budiño no Aparcamento Campo da Feira de Redondela ás 23:00
• Gogol Bordello, Lamatumbá e Os Festicultores en Vilagarcía
• Ruxe-Ruxe e Berrogüeto no FolcAntas (Antas de Ulla)
• Festival de música tradicional en Castro de Carballedo (Lugo): Os Terribles de Donas, Ultreia e Os Campantes da Baña
• Festival "As nosas músicas" en Couso (A Estrada): Serán de Mondariz e Pazos de Bordén, Serralhe Aí!!, Vai de Baile, A Banda Potemkin e Festicultores Troupe

Sexta feira 15 (Venres)
• O sonoro Maxín en Barreiros (Lugo)
• X. M. Budiño en Narón na Praza de Galicia ás 22:00
• Marful en Cedeira
• Craobh Rua (Irlanda), Flook (Reino Unido) e Gomeru (Asturias) no Festival de Occidente (Tapia de Casariego)
• Festival Sarabanduxa de Boiro: Chotocoeu, Duplo Son, Som do Galpom e Lamatumbá

Sábado 16
• Os Enxebres de Cacheiras, Millo Verde e Os Campantes da Baña en Monforte de Lemos
• Os Folerpas en Portomarín
• Ruxe-Ruxe en Cuntis (Pontevedra)
• Lamatumbá en Pontevedra na Praza da Ferraría
• A Roda en Luneda (A Cañiza)
• Ruote en Boqueixón na Casa da Cultura de Camporrapado ás 22:00
• Renato Spencer & Cafe CaXaça, Zurrumalla en Maceda
• Treixadura na Rúa (Ourense), na Praza José Antonio Míguez ás 23:00
• Gwendal en Monforte de Lemos ás 00:30h. na Praza da Compañía
• Siniestro Total e Narf no Parque de Castrelos de Vigo ás 22:30
• VI Noite Folc de Negreira: Quempallou, Madialeva e Pé de boi
• Marta Quintana Banda en Vilagarcía de Arousa
• Festival Vilariño Folc (Hío-Cangas): X. M. Budiño, Serralhe aí e O Sonoro Maxín

Domingo 17
• Luar na Lubre en Pontevedra
• X. M. Budiño en Verín ás 23:00 na Praza de García Barbón
• Malvela en Betanzos
• Alvariza e Pradairo no Campo da Festa de Bamonde (Teo)
• Donaire ás 20:00 no Campo da Festa O Terrón de Castrelo do Val (Ourense)
• Cantigas e Agarimos ás 21:00 en Trabada (Lugo)
• Trio Vaamonde/Lamas-Romero ás 20.30 na Praza Feixoó (Compostela)
• Darbuka (Asturias), Xerfa (Galicia) e Xuaco Amieva (Asturias) no Festival de Occidente (Tapia de Casariego)
• Emir Kustirica e Crema de Gaita no Parque de Castrelos (Vigo)
• Ardentía, Os carunchos, Zurrumalla e Lembranzas da Ría no Revoltallo (Vigo)

Axenda completa
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 11-08-2008 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Adiado o concerto de Sondeseu
Adiado o concerto de Sondeseu que ía ter lugar hoxe domngo en Baiona.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-08-2008 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
E chega a fin de semana
Sexta feira 8 (Venres)
• X.M. Budiño en Allariz no Campo da Barreira ás 23:00, con "Chisco" e Mercedes Peón
• Leilía e Cristina Pato en Carnota
• A Quenlla en Redondela na Praza da Casa da Torre ás 23:00
• O Fiadeiro en Vigo na Praza de Compostela ás 22:30
• Festicultores en Maceda
• Os Chiquilicuatres e Cuchufellos en Taboada
• Marful na Sala The Star (Carral)
• A Roda en Mañón-O Barqueiro
• Victor Aneiros Band en Narón
• Ataque escampe no pub Fardela (Villalba)
• Zenzar e Ruxe-Ruxe en Tomiño
• Motor Perkins na Guarda
• Manecas Costa, Renato Spencer & Cafe CaXaça, Zurrumalla en Nigrán
• Milladoiro en Oleiros no Parque Luis Seoane ás 22:30
• Folión Castrexo de Celanova: Quempallou, Ardentía e Kerkennai
• Treixadura en Pobra de Trives no Patio de Santa Leonor ás 23:00
• Festival Folk de Montederramo: Guezos e Ergom

Sábado 9
• Homenaxe a Xosé Manuel Seivane en Ribeira de Piquín (Lugo)
• Luar na Lubre e Brañas Folk en Lalín ás 22:30 na Praza da igrexa
• Ruxe-Ruxe na Festa da Prehistoria de Mos
• XVIII Romeria Labrega da Chaira: Donicelas,… en Guitiriz
• Brath en Foz
• A Roda en Covelo
• O Fiadeiro en Cambados
• Guezos na Mezquita (Ourense)
• O Pino Folc: Os Barraidinos de Portugal, Tiruleques, Fiandola e Quempallou
• Lamatumbá en Oleiros
• TNT (Tanto Nos Ten) en Saxamonde (Redondela)
• Skárnio, Skacha e Cuchufellos en San Xoán de Río (Ourense)
• Treixadura na Cañiza ás 22:30 na Praza Maior
• Mutenrohi en Salceda de Caselas
• Berroguetto en Gondomar na Alameda ás 22:30
• Sondeseu en Xinzo de Limia na Alameda do Toural ás 22:30

Domingo 10
• O Fiadeiro en Celanova
• Festicultores en Navia de Suarna
• Marful no Nautico do Grove
• Brath en Carballo na Praza do Concello ás 22:30
• Gaideón (música tradicional galega) na Praza de Compostela de Vigo ás 22:30
• Sondeseu en Baiona no parque da Palma ás 23:00 ADIADO


Axenda completa
Comentarios (5) - Categoría: Novas - Publicado o 08-08-2008 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
Artenativa 2008


O Festival Pop Galego
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 08-08-2008 11:57
# Ligazón permanente a este artigo
Xieiro rock 2008
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 08-08-2008 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
'A noite do trasno', un modelo de festival que esmorece
Cabo Udra (Beluso – Bueu) non acolle este ano o evento: a organización, cansa, lamenta as dificultades económicas.

Por vez primeira dende hai seis anos, a segunda fin de semana de agosto non contará cos concertos folk da Noite do Trasno, en Beluso (Bueu). A Asociación de Mozas e Mozos de Beluso, organizadores do festival, tomaron a decisión despois de analizar as convocatorias dos últimos anos. Dunha banda, denuncian o difícil que se torna a organización deste evento, cada ano máis profesionalizado, doutra lamentan a falta de relevo na organización.

A Noite do Trasno xurdiu como festival despois da recuperación da Festa dos Mozos, en 1999. A organización quixo dar un paso máis alá e optou por un festival de música tradicional en 2002: a iniciativa foi un éxito xa que cada ano milleiros de persoas se achegaban ata o entorno natural de Cabo Udra para participar da festa e da troula. Polos seus carteis pasaron grupos de renome tanto do ámbito galego, como do panorama estatal. Como mostra, o ano pasado o cartel estaba formado por Os Cempés, Zënzar ou a Banda do Pulpiño Vilascón, de Galiza, e os andaluces Los Pulseritas ou os palencianos La Familia Iskariote.

Festival inviábel
Sen embargo, o modelo esgotouse. Ou iso é o que opina a Asociación de Mozas e Mozos, quen tomou a decisión que non celebrar o festival este ano. Un dos seus membros, Xabi Castro, asegúranos que a organización se voltou inviable. Primeiro, porque moitos dos membros da entidade deixaron a asociación, ben por motivos profesionais, ben por outras cuestións, mentres que outros reduciron o seu grao de implicación, agardando unha chegada de relevos que aínda non se deu. Ademais, Castro fálanos do cansanzo dos organizadores, xa que o desgaste foi moito nos últimos anos, xa que o grao de profesionalización da Noite do Trasno foi "queimando" aos membros da asociación que se viron cun grao de responsabilidade que supera o agardado dun colectivo sen ánimo de lucro.

Doutra banda, aducen cuestións económicas. Se ben, o festival contaba cada ano co apoio da Xunta e do concello, o certo é que tanto a venta de merchandising a xeito de camisetas como a de bebidas nos postos da organización mermou de xeito importante. Ao tempo, medrou o número de persoas que se sumaban ao botellón, e a bebida traída da casa, o que limitou a recadación. Ademais, o ámbito do concerto, o lugar de importancia comunitaria (LIC) de Cabo Udra estaba a sufrir as consecuencias da actitude de moitos participante no festival, que cravaban tendas de campaña, traían os seus propios xeradores eléctricos para poñer a súa propia música, ou deixaban os seus desperdicios.

A Asociación de Mozas e Mozos tomou este ano de reflexión e, malia que non pecha as portas á celebración do festival o vindeiro ano, si estuda o seu replantexamento. Neste proceso están a buscar alternativas que, de momento, semellan non chegar

www.vieiros.com
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 07-08-2008 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista con Loretta Martin

Este grupo amante da experimentación e da fusión de funk, rock ou samba; comezará a traballar no seu novo disco despois deste verán no que aínda lles quedan algunhas citas tras o concerto do martes pasado na Coruña

Para a súa derradeira actuación en vivo, The Beatles, subiron á azotea do edificio Apple Records, onde ofreceron un pequeno concerto baixo a atenta mirada dos transeúntes que por alí pasaban e a policía, con cara de poucos amigos. A canción coa que elixiron rematar o periplo en directo da banda máis famosa da historia foi, Get Back, na letra faise referencia ao nome de Loretta Martin, personaxe un tanto ambiguo que tres coruñeses (Brais, Fran e Iago) tomaron como nome para a súa banda, porque cando o oíron "pareceunos perfecto". Este grupo amante da experimentación e da fusión de funk, rock ou samba; comezará a traballar no seu novo disco despois deste verán no que aínda lles quedan algunhas citas tras o concerto do martes pasado na Coruña. O 23 de agosto estarán en Ferreira de Pantón e o 29 en Praia Grande, Miño. Falamos con Fran Sanz, baixista do grupo, figura que moitas veces queda relegada a un segundo plano en detrimento do protagonismo doutros instrumentos.

Como está funcionando o voso primeiro disco, Paraíso distante?
O disco saíu en xaneiro de 2007 e o ciclo xa está rematando. Era un disco que xa tiñamos preparado dende bastante antes, por iso cando saíu xa estabamos traballando en novos temas. Nos directos facemos moitos temas de Paraíso distante, e a acollida foi bastante boa. En canto ás vendas, na liña do que pode ser un disco en Galicia, incluso as críticas que se escoitaron en radio e xornais falan bastante ben, pero son un pouco enganosas porque en xeral, os medios galegos pórtanse bastante ben cos grupos de aquí e aínda non lles dan leña.

Estades de acordo coa etiqueta de grupo funk?
Home, é evidente que nós temos moito de funky pero tamén hai unha boa parte de rock. O de funky é unha etiqueta que se nos foi colocando, nós non dicimos que si nin que non.

Pero o caso é que tedes un son moi rítmico, marcado polo groove e certamente bailable.
Pensamos que é así, dende logo é o que tratamos. Brais ten unha voz moi melódica e sen esquecer a harmonía, estamos buscando o ritmo sempre, aínda que se facemos unha canción rock non é así. Normalmente o que nos gusta é perseguir un ritmo que sexa potente, que poida facer mover a xente e que non dea descanso.

Pódese ver o funky como un xénero underground en Galicia?
Como xénero unitario non hai moitos grupos e en canto ao público, está claro que é unha música que se deixa escoitar ben e en xeral nos últimos anos a súa influencia gañou adeptos. O certo é que si hai moitas bandas que adoptan certas sonoridades para cancións e as mesturan con outras cousas.

O feito de que vostede sexa baixista nunha formación funky dálle máis protagonismo que noutro tipo de banda?
Está claro que no funky a base é o ritmo, e o ritmo o poñen a batería e o baixo. Hai un guitarrista (Brais), pero o batería (Iago) e máis eu temos que soar como unha mesma persoa. Como algo que está aí todo tempo facendo o fondo e marcando o compás.

Como baixista pódenos explicar en que consiste a famosa técnica do slap?
Aínda que eu non a emprego moito, é unha técnica que está moi de actualidade, aínda que vén de atrás, dende os anos 70. Basicamente co polgar golpeas as cordas máis gordas á altura onde comeza o mástil, e as cordas máis delgadas belíscalas cos outros dedos, hai moitas variables, dende xente que emprega dous dedos ou só un. De feito, agora estase dando unha versión máis evolucionada do slap que consiste en usar o polgar ademais de golpeándoo, como se fose unha púa de guitarra e iso dá moitas posibilidades.

Pode que se abuse demasiado desta técnica?
Ultimamente converteuse nunha especie de moda. Hai quen en vez de facer música fai deporte, e está todo o tempo dándolle ó polgar (ríe).

A que se debe o de mesturar idiomas como o portugués, galego ou inglés nas vosas letras; é algo espontáneo ou unha forma de abrir novos mercados?
É algo mais ben espontáneo porque nós escoitamos moitísima música, nos gusta a que está en portugués pero tamén en castelán, ingles, galego... De feito, chegamos a ter unha canción cantada en italiano que nunca se gravou. Empregamos a lingua como un instrumento máis, igual que tes un saxo que pode tocar en varias tonalidades, tes unha voz que pode empregar varias linguas. Son varios recursos simplemente ao servizo da creatividade, non ten que ver cunha estratexia de mercado ou dalgún tipo de reivindicación, xorde porque nos gusta.

Despois de anos percorrendo estradas vedes agora a posibilidade de comezar a vivir da música?
Iso é algo que sempre está aí e en última instancia, sempre o defendes dun mesmo. Se queres facelo tarde ou cedo podes conseguilo traballando moitísimo, aínda que xa é difícil nun traballo calquera, neste máis aínda. Gústanos estar diversificados en máis cousas, non é algo que busquemos de inmediato, é unha posibilidade que existe e se chega ou non, tampouco se trata de algo que nos coma a cabeza. Hai que ter unhas calidades apropiadas pero se es capaz de saber quen es e se o intentas, seguro que podes conseguilo.

É o MySpace o mellor escaparate para as bandas que comezan?
Parece ser unha ferramenta indispensable agora en todo grupo, incluso os máis consolidados o teñen. O que non sei é, ata que punto pode ser útil. Hai grupos aos que lles foi moi, moi útil, pero nós vémolo sinxelamente como algo que está aí. Podemos contactar con outra xente, e eles poden coñecer o que estamos facendo; algúns preséntano como a panacea, outros din que non vale para nada, mais supoño que o fenómeno do MySpace estará nun termo medio.

www.galicia-hoxe.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-08-2008 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
Pablo Devigo convértese no gaiteiro máis premiado do ano
Este intérprete de 18 anos obtivo o primeiro posto en cinco certames de gaita no que vai de 2008

O último galardón recibido polo músico de Castro Caldelas foi o trofeo McCrimmon do festival de Lorient


Pablo Devigo podería converterse nun dos grandes gaiteiros galegos do século XXI. Con 18 anos, este intérprete acadou no que vai de ano o primeiro posto en cinco concursos de gaita. O último recoñecemento chegoulle no festival celta de Lorient, que se celebra estes días, onde acadou o trofeo McCrimmon, un dos galardóns máis famosos dentro do mundo das cornamusas e no que tivo que dobregar a outros músicos chegados de Asturias, Bretaña e Galicia. O McCrimmon (antes coñecido como trofeo Macallan) ten dúas modalidades: a denominada gaita escocesa e a que simplemente se chama gaita, e aí compiten os participantes galegos, asturianos e bretóns. É a primeira vez que Galicia repite vitoria dous anos consecutivos en Lorient, despois de que Edelmiro Fernández gañase no 2007.

Devigo preparouse concienzudamente para este concurso, no que sorprendeu ao xurado cunha interpretación na que utilizou tanto a gaita galega como a asturiana. «Estudei a maneira de tocar a gaita asturiana só para o McCrimmon», explica un intérprete que tivo que superar a proba de tocar 21 minutos ante un xurado tres pezas procedentes das tradicións sonoras de Galicia, Asturias e Bretaña.

Con esta vitoria, Devigo convértese no gaiteiro máis laureado do ano, tras gañar os certames de Bandeira, A Estrada, o Manuel Villanueva de Poio e o ferrolán Constantino Bellón na modalidade de composición. Nos andeis da súa casa tamén garda outros galardóns conseguidos no 2007, entre os que destacan o Avelino Cachafeiro, que distingue ao mellor gaiteiro de Galicia.

A pesar de que a fama musical de Pablo Devigo lle chegou a través da música tradicional, o intérprete de Castro Caldelas ten claro que a gaita debe buscar o seu sitio no mundo sonoro contemporáneo. «Deberíamos terlle máis respecto á gaita como instrumento e velo menos como un emblema», explica sobre a súa visión do estado creativo actual do símbolo musical de Galicia. «Hai que buscar un oco na música contemporánea, e non falo só do folk e da música tradicional, senón da súa introdución en ámbitos como o do jazz e outros estilos contemporáneos», engade.

Devigo resalta que neste tipo de innovacións dentro do mundo da gaita tamén é importante dicir con sinceridade o que se fai, e «non ir vendendo por aí unha cousa que logo non ten unha base de verdade», explica.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 07-08-2008 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
Gaideón en Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-08-2008 09:35
# Ligazón permanente a este artigo
Budiño en Allariz

Os convidados serán Francico Feijoo "Chisco" e Mercedes Peón
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-08-2008 09:34
# Ligazón permanente a este artigo
Nace o portal Nsaio.org

Nace o portal Nsaio.org, un foro de encontro para os grupos noveis galegos

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, presentaron hoxe en Santiago o novo portal www.nsaio.org, unha web concibida como punto de encontro e intercambio de experiencias para os grupos noveis galegos e que se enmarca dentro da Rede Galega de Locais de Ensaio da Administración autonómica.

Segundo explicou Rubén Cela, o portal está dividido en tres espazos principais, un dedicado á información relativa aos grupos novos, un orientado a ofrecer documentación da rede de locais de ensaio públicos e un último apartado de novas, radio e servizos que ofrece a dirección xeral de Xuventude, tales como concursos.

En concreto, no apartado dedicado aos propios grupos, cada unha das bandas que se rexistre no portal contará cun espazo propio no que introducirán toda a información sobre elas, os seus vídeos ou mp3 das súas cancións e contarán cun servizo en liña de asesoría xurídica sobre dereitos e propiedade intelectual.

Ademais, o portal web ofrecerá tamén información sobre a rede de locais de ensaio da Xunta, formado actualmente por 17 locais que esperan aumentar até 30 antes de final de ano. Así, cada local en funcionamento dispoñerá do seu propio apartado de información de contacto, localización, normas e datos dos usuarios.

Radio en liña

Finalmente, a web conta cunha extensa sección de servizos, entre os que se inclúen as noticias de actualidade relativas á materia, unha radio en liña para escoitar os temas dos grupos participantes e información sobre concertos e concursos.

Durante a presentación do portal o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, destacou o papel "importante e novidoso" da rede de locais de ensaio da Xunta, xa que, asegurou, trátase dun proxecto que "está marcando camiño fóra de Galiza".

Galiza, "potencia cultural"


Pola súa banda, Rubén Cela afirmou que Galiza "hoxe en día é unha auténtica potencia cultural" ademais dun "referente inexcusábel de todo o Estado en materia de creación de grupos noveis", xa que "é o único lugar onde existe unha rede de locais de ensaio públicos".

O director xeral de Xuventude subliñou que esta rede pretende ser un lugar "de formación" para os novos grupos galegos, ademais dunha ferramenta "de difusión", a través "de concursos e de concertos", ademais de vía internet por medio da web.

www.gznacion.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-08-2008 09:34
# Ligazón permanente a este artigo
Voda protesta na voda dos Franco en Sada

Voda protesta’ polo enlace da bisneta de Franco en Meirás
A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica reclamará a devolución de Meirás o día da voda da bisneta de Franco en Sada


A voda da bisneta de Franco, Leticia Giménez-Arnau Martínez-Bordiu, terá lugar o vindeiro venres, 8 de agosto, no Pazo de Meirás pero, a ben seguro, non será unha cerimonia cómoda para os invitados. Ese mesmo día, nese mesmo lugar, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) realizará un acto co que reclamarán a devolución desa propiedade ao patrimonio público. "Realizar aquí unha voda é un acto de provocación da familia Franco, que quere deixar claro que o pazo é seu", asegurou onte Manuel Monge, presidente da CRMH.

Coa colaboración da comparsa coruñesa Os Maracos, os integrantes da agrupación escenificarán unha "voda" na entrada do pazo. "O Caudillo volverá á vida e acompañará a noiva como padriño. Estará escoltado por un destacamento da Garda Moura e será recibido á entrada do Pazo polo xefe nacional do Movemento Nacional, entre outras autoridades", explicou Monge.

A asociación entregará a cada un dos invitados un folleto informativo sobre a historia do Pazo de Meirás titulado O pazo de Meirás é o imposto revolucionario de 1938 para transmitirlle á familia do ditador "de xeito pacífico, que xa gozaron bastante del e agora deben devolvelo"; e que invitarán a tortilla e empanada "a todo o que queira acudir, aínda que será un menú moi diferente ao do interior".

A asociación pediulle xa permiso á Subdelegación do Goberno na Coruña cun escrito no que se comprometen a non cortar o tráfico, nin impedir a entrada dos invitados á voda. "Queda claro que o obxectivo non é impedir ou boicotear a voda, senón reclamar a devolución do Pazo ao pobo", sentenciou o responsable da CRMH.

Monge avanzou, ademais, que están en conversacións co pai da noiva, Jimmy Giménez-Arnau "porque xa que non está invitado á voda oficial, quizais queira vir a esta porque ademais sabemos que está a favor da devolución", apuntou. Por iso, engadiu, "faremos este acto reivindicativo e festivo" no que se entregará a todos os asistentes un folleto informativo onde se explica a forma na que o pazo foi adquirido polo ditador.

Desde a CRMH insisten en que o pazo de Meirás lle foi entregado ao xefe do Estado e non á persoa de Francisco Franco, polo que "non pode ser herdado pola súa familia", tal e como se deduce o documento de doazón do inmoble de 1938.

Ademais, incidiu Monge onte nunha rolda de prensa, "foi conseguido nunha actuación ilexítima e de chantaxe a todos os cidadáns"; por iso, "a propiedade debe pasar ao patrimonio público, igual que o Pazo Baión foi comisado a Laureano Oubiña", engadiu.

Neste sentido, valorou os trámites iniciados pola Consellería de Cultura para declarar o pazo Ben de Interese Cultural, pero asegurou que o obxectivo é que sexa devolto á cidadanía e por iso se enviou un escrito á ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, para que pida a devolución. "De non facelo, iniciaremos as actuacións xudiciais oportunas", asegurou Monge.

Na contravoda, non faltará tampouco o convite "aberto a todo o que queira asistir", aínda que o menú, a base de tortilla e empanada, será diferente ao que se sirva dentro do pazo.

DOCUMENTOS Unha lea que acabará pronto

A Consellería de Cultura anunciou o un de maio pasado a incoación do proceso de declaración do Pazo de Meirás, situado en Sada (A Coruña), como Ben de Interese Cultural (BIC), co que se dan por concluídos os meses de polémica que rodearon o proceso, empexado pola negativa da familia Franco á visita dos técnicos do departamento para evaluar a situación do inmoble.

Só unha orde do Tribunal Supremo logrou neutralizar a opoisición da familia, que rexeitaba calquera cambio de status do edifio para así mantelo pechado ao público.

E é que desde a declaración sde Meirás como BIC -que podería ser dentro deste mesmo ano-, os Franco deberán abrir polo menos catro días ao mes o pazo para recibir os visitantes.

Para o BNG, a declaración só trae avantaxes xa que o pazo se convertirá, aseguran,"nun dos referentes turísticos e culturais da área metropolitana da Coruña".

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-08-2008 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
Os Franco exhiben o seu patrimonio
A familia do dictador garda na Casa Cornide dúas esculturas do século XII do Mestre Mateo que estaban no Pórtico da Gloria e que agora móstranse temporalmente no Kiosco Alfonso.

Un nobre compostelano, o conde Gimonde, vendeu en 1947 dúas esculturas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago ao Concello de Santiago por 60.000 pesetas. Trece anos despois foron regaladas ao entón Xefe do Estado Francisco Franco, que primeiro instalounas como parte da decoración do pazo de Meirás e despois trasladounas á vivenda que posúe na Coruña, a Casa Cornide. As dúas pezas do século XII poden verse por primeira vez, aínda que só ata o día 7 de setembro, no Kiosco Alfonso, xa que a familia do dictador cedeunas para a exposición Alfonso IX e a súa época, coa que se conmemora o 800 aniversario da cidade.

A mostra do Kiosco Alfonso IX informa escuetamente nun pequeno cartel de que estas obras pertencen a un particular da
Coruña, aínda que o catálogo si explica a historia destas esculturas, ás que describe como "de gran calidade e dunha factura moi coidada" malia a erosión que presentan xa que logo séculos á intemperie no Pórtico da Gloria primeiro e despois nos xardíns e as casas polas que foron pasando tras ser desmontadas en 1519.
Estas dúas figuras están datadas entre os anos 1188 e 1211 e teñen unha altura de 1,78 e 1,70 metros cada unha. Unha delas está rota e pegada. Son dúas pezas espectaculares polo tamaño, polas súas características escultóricas e pola expresividad dos rostros: son dous anciáns sentados de longas melenas e barbas moi definidas, con vestiduras amplas e con pergaminos nas súas mans. Históricamente identificóuselles como Abraham e Isaac, os patriarcas do pobo xudeu, aínda que a escaseza de atributos concretos e a perda da policromía impide afirmalo con total certeza.

Os expertos en arte atribúen as pezas ao grupo de escultores do taller do Mestre Mateo, que se encargaban dos profetas e apóstolos do pórtico. Do mesmo xeito que outras figuras do Pórtico da Gloria, no seu día tiveron unha escritura nos pergaminos que portan e que permitise coñecer a que personaxes representan con seguridade.
Estas esculturas estaban ubicadas segundo os expertos na entrada do Pórtico da Gloria, nas columnas exteriores. O pórtico que hoxe coñécese é distinto ao orixinal do Mestre Mateo, que tiña unha decoración escultórica na fachada exterior occidental da catedral. Dúas pezas desta antiga decoración aínda se conservan na fachada do Obradoiro; e outras dous similares ás que se mostran na Coruña foron adquiridas polo Museo de Pontevedra. Algunhas están noutras coleccións particulares.

O historiador galego Fermín Bouza Brey sinala nunha publicación de 1933 que estas pezas eran propiedade do Conde de Gimonde, Santiago Puga Sarmiento, que as tiña nunha das súas casas preto de Santiago. O Concello compostelano interesouse por adquirilas e pediu consello ao escultor Francisco Asorey e ao comisario do Patrimonio Artístico, Manuel Chamoso. Ambos apoiaron a proposta da compra das esculturas ao conde de Gimonde, venda realizada por 60.000 pesetas. Con todo o conde incluíu na escritura da venda unha cláusula que establecía que debían permanecer indefinidamente como patrimonio do Concello compostelano e se por calquera circunstancia saían del -por donación, venda ou depósito-, a Corporación municipal debía entregar unha indemnización de 400.000 pesetas.
A cláusula con todo non se respectou pois en 1960 as esculturas de Abraham e Isaac foron regaladas ao xeneral Francisco Franco Bahamonde que as colocou no pazo de Meirás, onde xa posuía outras pezas importantes: un cruceiro que representaba ao Santo dous Croques, tamén do Pórtico da Gloria; a réplica do relevo da praza das Bárbaras da Coruña; unha fonte de granito barroca do século XVIII e outra rococó do XVII. A estas pezas únense unha capela cun importante retablo, así como a biblioteca que pertenceu á escritora Emilia Pardo Bazán. Todos estes obxectos aínda permanecen en Meirás, aínda que estas pesadas esculturas da Catedral de Santiago trasladáronse á Casa Cornide, fronte á colegiata.

A exposición do 800 aniversario da cidade da Coruña só inclúe catro pezas coruñesas. Unha delas está en Madrid en mans dun particular: un vellón, unha moeda acuñada na cidade herculina entre 1188 e 1230. As outras tres son: as dúas esculturas da familia Franco; a reprodución dun instrumento medieval, un organistrum, realizado en 1990 baixo o patrocinio da Fundación Pedro Barrié da Maza; e a peza central da mostra, o documento de 1286 no que se fai referencia á concesión do fuero á cidade da Coruña en 1208.
Este documento deu orixe a un xogo entre os visitantes da mostra: o de achar en que parte do longo pergamino faise referencia á Coruña. Moitos se van sen velo polo que as pistas son necesarias: na sétima liña empezando por arriba, case á altura da palabra Sancho en cor azul, é onde se le: "Concilio de Curunia". Á beira figura a extensión inicial deste concejo: un radio de dous leguas.

A mostra tamén alberga un pergamino fechado en 1250 no que o rei Alfonso IX concede o fuero ao burgo de Castro Caldelas (Ourense). A peculiaridade do documento é que o documento é un dos máis antigos e valiosos testemuños da produción primitiva en lingua galega. Este documento escribiuse en latín e en galego e esta última copia, que se ve agora na Coruña, pertence ao arquivo dos duques de Alba e gárdase no seu Palacio de Liria.

Os cristos crucificados, o maravedí de ouro de 1202 que se garda no Museo Arqueológico Nacional de Madrid; o coro pétreo da catedral de Santiago coas cabezas de tres cabalos; os cofres e a pomba eucarística do taller de Limoges, son algunhas das pezas da exposición que máis gustan aos visitantes, que tamén sinalan a súa sorpresa por pezas como o que parece unha tijera xigante e que en realidade é unha abrazadera para alzar pedras de ferro forxado; ou uns zapatos do ano 1187, uns escarpíns de coiro, corcho, pan de ouro e pigmentos que se gardan nun monasterio en León.

Entre as pezas máis admiradas figuran dúas espadas, sobre todo unha do rei Fernando III, de mediados de XIII e realizada en ferro labrado, cristal de roca, cornalina e prata dourada. Tamén se mostra outra, da mesma época, en ferro, bronce, esmalte, madeira e coiro, que conta cunha curiosa historia: é unha espada medieval, de combate, pero tamén lla coñece como a espada de Santa Casilda e atribuíanselle propiedades milagrosas: ao parecer curaba as molestias da menstruación.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-08-2008 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
Xornada antitaurina en Pontevedra

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-08-2008 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
Folión Castrexo 2008 (Celanova)
PROGRAMA OFICIAL DO FOLIÓN CASTREXO 2008

-XOVES 07/08/08

11:00h: Xogos para Nenos.
Lugar: Claustro Barroco (Praza Maior).

12:00h: Desfile de "CASTREXIÑOS" para tódolos nenos.
Lugar de Saída: Claustro Barroco (Praza Maior).

-VENRES 08/08/08

18:00h: Adobío de Rúas e Locais.

19:00h: Apertura do MERCADO DE ARTESANÍA
Lugar: Praza Maior.

20:00h: Apertura da Taberna Castrexa.
Lugar: Praza do Rubí.

22:00h: CONCERTOS:
- ARDENTIA
- QUEMPALLOU
- KERKENNAI


-SÁBADO 09/08/08

11:30h: Concentración de clans:
-ROMANOS.
Lugar de Saída: Piscinas Municipais.
-CASTREXOS.
Lugar de Saída: Alameda.

12:00h: Entrada dos Romanos coa Animación de Rúas a cargo dos Z-SPREIRAS iPUM "Percussão Universitária do Minho".
Lugar: Rúa Abaixo, Cruceiro, Alameda.

12:30h: Representación Teatral do ENCONTRO entre CASTREXOS e ROMANOS.
Lugar: Praza das Pitas.

13:00h: Subida a Castromao.

14:00h: Sinatura do PACTO de Amizade.
Lugar: Penedo Baixos do Castro.

14:30h: XANTAR CASTREXO.
Lugar: Castromao.

17:00h: XOGOS CASTREXOS
Lugar: Castromao.

19:00h: Baixada a Celanova acompañada pola Agrupación Musical Z-SPREIRAS iPUM "Percussão Universitária do Minho"

22:00h: Peche da FEIRA DE ARTESANÍA.

NOTA IMPORTANTE: TRAE A TÚA COMIDA
Venda de Bonos, Bebidas o Venres na Taberna(Praza Rubí) e o Sábado en Castromao.

Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 06-08-2008 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
Asociación Galega de Concellos con Danzas Brancas
A Asociación Galega de Concellos con Danzas Brancas celebrou recientemente a súa primeira reunión oficial na Cañiza (Pontevedra) onde acordaban iniciar os traballos para a catalogación das danzas gremiales de Galicia, así como a organización dun congreso anual de danzas brancas (bailes do Corpus ou dos antigos gremios medievais), para final de ano. Os representantes dos 21 concellos acordaron elixir ao alcalde celanovés, Antonio Mouriño Villar, como primeiro presidente do órgano directivo.

Un total de 21 concellos de toda Galicia acaban de constituír oficialmente a Asociación Galega de Concellos con Danzas Brancas. Unha entidade que traballará pola recuperación e difusión das distintas danzas "brancas", tamén denominadas gremiais ou procesionais, existentes en toda Galicia. Logo de aprobar en pleno os estatutos, os representantes municipais de Allariz, Bande, Betanzos, Boborás, Camariñas, Cangas, A Cañiza, Cartelle, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Celanova, Laza, Maceda, Marín, Mondariz, Ponteareas, Pontecaldelas, Redondela, Vilagarcía de Arousa e Xinzo de Limia reuníanse na Cañiza (Pontevedra) para oficializar a constitución da asociación e nomear á xunta directiva, así como establecer a liña de traballo de cara aos vindeiros meses.

Liderados por unha comisión de traballo formada por representantes municipais e das agrupacións de danza, un dos obxectivos principais da asociación consiste na catalogación e identificación das diferentes danzas, tanto dos concellos asociados como das daqueles que declinaron tomar parte da asociación. Un traballo para o cal xa contrataron a un equipo de investigación que, desde fai varios meses, encárgase de fotografar e tomar nota das diferentes danzas que, a día de hoxe, mantéñense vivas en Galicia. Unha tarefa que servirá, á súa vez, para a creación dunha páxina web, un documental e unha exposición itinerante.

De cara a final de ano, organizarase un congreso galego coa participación de danzantes de toda España e Portugal. Mentres que, o 25 de xullo do ano que vén, esperan conmemorar o primeiro aniversario da asociación cun encontro de carácter anual en Santiago onde se premie a aquelas persoas que levan décadas traballando altruistamente no mantemento destas danzas.

Comisión de traballo

No principio do ano celebrábanse, primeiro en Redondela (Pontevedra) e despois en Celanova, senllas reunións informativas para concellos con polo menos unha danza branca no municipio.

Sendo a vila de San Rosendo un dos concellos impulsores desta iniciativa, conxuntamente co de Redondela, o alcalde da Cañiza, César José Mera Rodríguez, propuxo ao rexidor celanovés Antonio Mouriño como primeiro presidente do órgano directivo.

Un cargo de carácter anual que rotará (en orde alfabético) entre os 21 alcaldes participantes. Á súa vez, a asociación creou unha comisión de traballo responsable de sacar adiante os proxectos onde estarán os representantes das danzas da Lama (Concello de Xinzo de Limia), o Centro dá Cultura Popular Xaquín Lorenzo, o Padroado de mareantes San Miguel de Marín, o Centro de animación rural as Cortellas de Ponteareas e a Danza dás Espadas do Carril de Vilagarcía de Arousa.

www.laregion.es
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 06-08-2008 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
Semifinais de 'Nsaio no Camino'
A semifinal de 'Nsaio no Camino' leva 15 concertos a 5 vilas

A semifinal do certame de grupos 'Nsaio no Camiño', promovido pola Secretaría Xeral de Xuventude e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, levará os concertos de 15 grupos a un total de cinco localidades galegas durante o mes de agosto.

Segundo explicou o secretario xeral de Xuventude, Rubén Cela, os concertos de semifinais deste certame estarán protagonizados, en grupos de tres en tres, polos 15 grupos noveles seleccionados entre os 150 que enviaron maquetas para participar nesta edición do 'Nsaio non Camiño'.

Deste xeito, os grupos actuarán, divididos por tipos de música, en diferentes localizacións do 'Camiño Portugués', 'Ruta do Mar de Arousa', 'Camiño Inglés' e 'Camiño do Norte', nun intento de "promocionar a creación musical de novos talentos ao mesmo tempo que se valoriza o Camiño de Santiago".

Concertos

En concreto, o día 8 de agosto celebrarase en Tui, o primeiro dos concertos, dedicado á música Pop, no que participarán os grupos Supersound, Mariland e Snatch, que contarán coa participación do artista pop coruñés Xoel López, 'Deluxe'.

Posteriormente, o día 15, os grupos semifinalistas no estilo de 'mestizaxe', Chotocoeu, Duplo Son e Som do Galpom, actuarán en Boiro coa colaboración do grupo galego Lamatumbá.

Pola súa banda, o día 23 de agosto, actuarán na Coruña, os grupos Telémaco, Noise Projet e Os trasnos de Moscoso así como o grupo británico The Go! Team como artista invitado.

Ademais, en Ribadeo, actuarán o día 29 os grupos de rock Roberto Sobrado e Banda, Sínefres e Skándalo GZ; un concerto no que participará tamén a banda Boicot.

Finalmente, o día 29 de agosto, celebrarase en Allariz o último dos concertos de semifinais de 'Nsaio no Camiño', o dedicado aos grupos folk, con Tataratrío, Banda Folk Ribas de Sil e Loba Loo, que contarán coa participación da cantante galega Uxía.

Récord de participación

Durante a presentación do programa de concertos, Rubén Cela destacou a "marca de participación" da edición deste ano do certame 'Nsaio non Camiño' que triplicou as 50 maquetas recibidas na súa primeira edición, o ano pasado, e chegou aos 150 candidatos.

Cela mostrouse "encantado" de que o departamento que dirixe colabore con "unha iniciativa que en dous anos constituíuse como un referente para todos os grupos novos" galegos.

A final do certame 'Nsaio non Camiño' celebrarase durante a primeira quincena de setembro no Palacio de Congresos de Lugo e nela participarán os gañadores das semifinais de cada estilo de música.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 06-08-2008 09:52
# Ligazón permanente a este artigo
Festas de San Xoan de Río (Ourense)
O Sábado 9 de Agosto, às 22:00hs. em Sam Joam de Rio (Ourense), terá lugar o concerto dos grupos:

-Skárnio
-Skacha
-Cuchufelhos

Antes, às 17:00hs. celebrarase o Torneo de Bilharda no Pavilhom e às 18:00hs. sessiom de animaçom cultural na Praza do Concelho.

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-08-2008 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Susana Seivane
A gaiteira Susana Seivane naceu na cidade de Barcelona, a pesar que dende pequena foise cos seus pais para a vila coruñesa de Cambre. Dende entón sacou tres discos e converteuse nunha importante referencia da música folc internacional.

Anoite actuou no Festival Intercéltico do Morrazo para facer as delicias do público que se achegou ata o escenario situado nas pistas deportivas do paseo marítimo. Despois de tres actuacións en Moaña xa se sinte "como unha veterana do Intercéltico".

-Compartiu escenario co grupo escocés Shooglenifty. Cales eran as súas referencias desta formación?
-Iso é precisamento o que fai esta actuación tan especial. Shooglenifty é o meu grupo favorito. Ademáis, teño unha boa relación con eles. Xa compartimos actuación unha vez nun programa da BBC escocesa, pero esta é a primeira vez que compartimos escenario nun mesmo concerto.

-O Intercéltico e o festival de Ortigueira son os redutos de folc en Galicia?
-Son os dous festivais máis importantes, un referente a nivel europeo. Pero en Galicia temos outros exemplos de eventos máis modestos que van mellorando cada ano, como os festivais de Moeche ou o de Pardiñas.

-Medrar rodeada de músicos marcouna moito?
-En casa, a miña nai dicíame: ´Filla, tes que ser artista!´. A verdade é que sempre me influíu o amor pola nosa música, que nos transmitiu o meu avó, pero despois foi iniciativa propia. Sempre digo que de pequena ardíame o cu pola gaita.

-Para cando o cuarto disco?
-Agardo que estea rematado para o Nadal, ou como moi tarde na primavera. Levo catro anos sen gravar e xa me apetece moito. Por sorte, dende que saíu á rúa o disco Mar de Tempo non paramos de actuar.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-08-2008 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
Concurso Constantino Bellón
O Ateneo Ferrolán foi o encargado de seleccionar os dez afortunados do concurso

O xurado do XVIII Concurso de Gaita Galega Constantino Bellón elixiu o 30 de xullo os finalistas do certame, que se celebrará o 31 de agosto no Teatro Jofre de Ferrol.
Resultaron finalistas:

- Ricardo Manuel Mouriño Freire (Narón-A Coruña)
- Pablo Devigo Vázquez (Castro Caldelas-Ourense)
- Bruno Villamar Gay (Lugo)
- Gonzalo Abelairas Lemos (Ourense)
- José Manuel Mojón Pérez (Ourense)
- Isidro Vidal Gallardo, (Ourense)
- Daniel Lumbreras Rodríguez (Guipúzcoa)
- Vicente Carlos González Siri (Uruguai)
- Jordi Torres (Arxentina)
- Santiago Agustín Molina (Arxentina)


Así o decidiu o xurado formado por Víctor Fernández Gabeiras, Xesús Vaamonde Manteiga, Xavier Rodríguez Fariñas, Pablo López Torneiro, e Xoán Rodríguez Silvar.

Os finalistas recibirán unha peza de Sargadelos baseada nun óleo de Luís Seoane.

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 06-08-2008 09:41
# Ligazón permanente a este artigo
II Foliada do Grupo de Bailes Populares
O vindeiro mércores 6 de Agosto do 2008 ás 22:00 h. terá lugar na Praza de Pablo Iglesias da cidade da Coruña a II Foliada do Grupo de Bailes Populares "IAR".

Queremos convidarvos a participar dende o esceario (cantando, tocando,...), ou desfrutando co resto de actuacións. Agradeceríamos que se desexades actuar nolo confirmedes canto antes (teléfono, fax ou correo electrónico).

Xa dende as 21:00 h. faremos un taller de baile e música, para todos aqueles/as que se queiran iniciar no mundo tradicional galego.

Tralas actuacións previstas a intervención será libre. Haberá bochinche.

Sen máis, e agardando a vosa participación, un saúdo.

+info: Servando López iargrupo@hotmail.com 981133646

GRUPO DE BAILES POPULARES “IAR”
AVV. Urb. Soto Iar
r/ Cerca, 30 baixo. CP 15009
A Coruña
Comentarios (2) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 06-08-2008 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
I Festa Internacional da Rede Europea de Orquestras Folk

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-08-2008 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
Cursos do Festival da Rede Europea de Orquestras Folk

Para celebrar a fundación en Vigo da Rede Europea de Orquestras Folk se convocan diversos eventos, concertos, reunións profesionais, animación de rúa e masterclases

Esta é a relación de masterclases:

Mércores, 06 de Agosto de 2008
"Obradoiro sobre violín bretón"

Lugar: Escola Municipal de Artes e Oficios
Horario: 16,00 horas
Impartido por Eric Lavarec.

Xoves, 07 de Agosto de 2008
"Obradoiro de kora africana "

Lugar: Escola Municipal de Artes e Oficios
Horario: 11,00 horas
Impartido por Nino Galissa

Xoves, 07 de Agosto de 2008
"Obradoiro de gaita de Flandes"

Lugar: Escola Municipal de Artes e Oficios
Horario: 16,00 horas
Impartido por Birgit Bornauw


Inscripcións no e-mail fundacion@sondeseu.org, indicando nome completo e nivel (iniciación, medio ou avanzado).

Data límite de inscripción 4 de Agosto

www.sondeseu.org
Comentarios (1) - Categoría: Cursos - Publicado o 06-08-2008 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
Semana completiña de concertos
Terza feira 5 (Martes)
• Festival folc das Festas de María Pita (A Coruña): Susana Seivane, Os Gaiteiros de Lisboa e Pepe Vaamonde Grupo ás 22:30
• Loretta Martin nas escadass do Domus (A Coruña)
• Festival Folc de Teis (Parque da Riouxa-Vigo): A Roda e Donicelas ás 22:00
• Na Virada en Bueu na Praza do Concello ás 22:00

Corta feira 6 (Mércores)
• Berroguetto en Lubián (O Bierzo)
• Cuarteto tradicional Picuiña en San Cristovo de Cea
• Mofa e Befa na Praza da Constitución de Vigo
• Tanxedoras do Pandeiro e Os Carunchos en Romariz (Soutomaior).
• 1ª Festa Internacional Da Rede Europea De Orquestras Folk. (Parque de Castrelos-Vigo): Transpiradansa (Belxica) + Gabú (Guinea Bisau)
• II Foliada do Grupo de Bailes Populares "IAR" (A Coruña)

Quinta feira 7 (Xoves)
• 1ª Festa Internacional Da Rede Europea De Orquestras Folk. (Parque de Castrelos-Vigo): An Avel (Bretaña)+ Sondeseu (Galiza)
• Manecas Costa, Renato Spencer & Cafe CaXaça na Praza da Constitución de Vigo
• Brath en Cee
• The Homens nas escadas do Domus (A Coruña)
• Leilía en Miño

Sexta feira 8 (Venres)
• X.M. Budiño en Allariz no Campo da Barreira
• Leilía e Cristina Pato en Carnota
• A Quenlla en Redondela na Praza da Casa da Torre ás 23:00
• O Fiadeiro en Vigo na Praza de Compostela ás 22:30
• Festicultores en Maceda
• Os Chiquilicuatres en Taboada
• Marful na Sala The Star (Carral)
• A Roda en Mañón-O Barqueiro
• Victor Aneiros Band en Narón
• Ataque escampe no pub Fardela (Villalba)
• Zenzar e Ruxe-Ruxe en Tomiño
• Motor Perkins na Guarda
• Manecas Costa, Renato Spencer & Cafe CaXaça, Zurrumalla en Nigrán
• Milladoiro en Oleiros
• Folión Castrexo de Celanova: Quempallou, Ardentía e Kerkennai
• Treixadura en Pobra de Trives no Patio de Santa Leonor
• Festival Folk de Montederramo: Guezos e Ergom

Sábado 9
• Homenaxe a Xosé Manuel Seivane en Ribeira de Piquín (Lugo)
• Berroguetto en Gondomar
• Luar na Lubre e Brañas Folk en Lalín
• Ruxe-Ruxe na Festa da Prehistoria de Mos
• XVIII Romeria Labrega da Chaira: Donicelas,… en Guitiriz
• Brath en Foz
• A Roda en Covelo
• O Fiadeiro en Cambados
• Guezos na Mezquita (Ourense)
• O Pino Folc: Os Barraidinos de Portugal, Tiruleques, Fiandola e Quempallou
• Lamatumbá en Oleiros
• TNT (Tanto Nos Ten) en Saxamonde (Redondela)
• Skárnio, Skacha e Cuchufellos en San Xoán de Río (Ourense)
• Treixadura na Cañiza
• Mutenrohi en Salceda de Caselas
• Sondeseu en Xinzo de Limia

Domingo 10
• O Fiadeiro en Celanova
• Festicultores en Navia de Suarna
• Marful no nautico do Grove
• Gaideón (música tradicional galega) na Praza de Compostela de Vigo
• Sondeseu en Baiona
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-08-2008 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
1º Certame Cancións dos Nosos Barrios (Vigo)
1º Certame Cancións dos Nosos Barrios

Do 5 o 8 de agosto, ás 20:30 h e no entorno da finca de San Roque en Vigo vaise celebrar este primeiro certame de cancións dos nosos barrios, onde poderemos escoitar aos grupos de amigos e peñas que seguen a manter a tradición da canción de tasca na cidade de Vigo.

Do 5 o 8 de agoto as 20:30 h
Na finca de San Roque
Entrada libre

Dia 5 Agosto
- Ecos de Racimo
- Tarxa Grupo Folc.
- Os Cantareiros da Buraca
- Amigos da cancion

Dia 6 Agosto
- O Furancho da Balsa
- Os Bohemios
- Los Olimpicos

Dia 7 Agosto
- Os Infortunados
- Luada
- Os Manolos

Dia 8 Agosto
- O Furru
- Airiños da peneda
- Voces de san Roque
- Os Miñocas

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-08-2008 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Vigo, centro europeo da música folk
A cidade será a sede permanente da Rede Europea de Orquestras de Folk

Da man da orquestra Sondeseu, Vigo tomou a iniciativa dun proxecto pioneiro ao fundar a European Network Folk Orchestras (Rede Europea de Orquestas Folk), ENFO. O obxectivo desta é, segundo o concelleiro de Cultura, Xesús López, "reunir a agrupacións de música folk cunha idiosincrasia similar" nunha estrutura multidisciplinar para deste xeito "compartir e difundir o patrimonio cultural de distintos países".

Xunto con Galicia, compoñen esta nova organización Bélxica, Finlandia, Italia, Francia e Escocia, aínda que ENFO nace co propósito de "seguir medrando", en palabras do concelleiro. Os integrantes menterán xuntanzas bianuais nas que traballarán, entre outros aspectos, para "tratar de paliar o problema das orquestras que non teñen onde tocar por falta de orzamentos", explicou o artífice da Rede, Rodrigo Romaní, quen salientou que na actualidade Sondeseu é "a única orquestra de folk estable en Europa".

Ademais, a ENFO suporá "un punto de inflexión na difusión exterior da música tradicional galega", apuntou o director da Fundación Sondeseu, Anxo Pintos. "Trátase dunha actividade a prol da música con raíces no noso país", sinalou.
A constitución formal da Rede, que se fará no congreso fundacional os días 6 e 7 de agosto, celebrarase paralelamente á I Festa Internacional da Rede Europea de Orquestras de Folk.

Este evento contará con actuacións no auditorio de Castrelos de orquestras chegadas desde Bretaña (An Avel), Bélxica (Transpiradansa!) e Guinea Bissau (Folk Orquestra Gabú), sen esquecer á propia Sondeseu. Estes concertos (os dous primeiros o mércores, os restantes o xoves) complementaranse con obradoiros sobre instrumentos propios das tradicións representadas polas formacións participantes (Esola de Artes e Oficios) e actos de animación na rúa (Praza da Constitución e Príncipe).


www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-08-2008 10:40
# Ligazón permanente a este artigo
Pablo Devigo gañador do XXIII Trofeo McCrimmon

O mozo gaitero galego Pablo Devigo foi o vencedor do XXIII Trofeo «McCrimmon» de gaita celebrado este sábado no Palacio de Congresos do Festival Intercéltico de Lorient.

Durante máis de tres horas, nove gaiteros representaron a Bretaña, Asturias e Galiza coas seguintes puntuacións finais :

1º Pablo Devigo (Galiza)
2º Alberto Coya (Galiza)
3º Pablo Carreira (Asturias)
4º Marco Antonio Gardado do Val (Asturias)
5º Hugo Noval (Asturias)
6º Llorián García Flórez (Asturias)
7º Pablo Delama (Galiza)
8º Pedro Álvarez (Galiza)
9º Marie Lle Cam (Bretaña)



Pablo Devigo (Castro Caldelas-Ourense), de dezaoito anos, obtivo o cuarto posto na súa primeira participación neste concurso o pasado ano. Pese a ser autodidacta do instrumento atesora xeitos de gran mestre e vai camiño diso xa que, en 2007, foi o gaitero galego máis premiado. No seu currículum tamén atesora prestixiosos premios de competición en Galicia como son o Manuel Villanueva (2007 e 2008); o Ricardo Portela (2006 e 2007) e o Avelino Cachafeiro. Tamén obtivo o Premio de Composición para gaita «Constantino Bellón» e, realizando estudos no Conservatorio, irá a Oviedo probablemente para realizar os desta especialidade de composición.

1º Pablo Devigo (Galiza)


2º Alberto Coya (Galiza)


3º Pablo Carreira (Asturias)


Entrega de premios
Comentarios (3) - Categoría: Novas - Publicado o 05-08-2008 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Festival Folk `O Son das Pedras 2008´ (Montederramo)

Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 05-08-2008 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer