O xurado dos Premios Nacionais dediciu outorgarlle a Mercedes Peón o galardón na categoría de Música, por ser unha "grande intérprete pluriinstrumentista que, partindo da música tradicional, soubo crear unha nova linguaxe que coloca a música galega na vangarda internacional".
A artista é considerada "unha das figuras máis representativas da música galega nos inicios do século XXI, tanto polo seu traballo de investigación e divulgación de pezas tradicionais case esquecidas, como na súa aposta pola renovación da música popular galega, logrando unha gran proxección fóra do país".
Premiados:
- Mercedes Peón (Música)
- Manuel Lourenzo (Artes Escénicas),
- Laboratorio de Formas (Iniciativa Cultural)
- Margarita Ledo Andión (Cinema e Audiovisual)
- Manuel Gallego Jorreto (Arquitectura e Espazos Públicos)
- O Museo do Pobo (Cultura Tradicional e de Base),
- Francisco Leiro (Artes Visuais),
- Xosé Luís Méndez Ferrín (Literatura),
- A remodelación urbana de Pontevedra (Patrimonio Cultural)
- Francisco Díaz-Fierros (Pensamento e Cultura Científica).
MERCEDES PEÓN
A música e investigadora da tradición Mercedes Peón é unha das figuras máis representativas da música galega nos inicios do século XXI. As súas achegas son notables tanto no que se refire ao seu traballo de investigación e divulgación de pezas tradicionais case esquecidas, como na súa aposta pola renovación da música popular galega nas súas gravacións e interpretacións, que acadaron un gran éxito internacional.
Mercedes Peón naceu en 1967 na Coruña. Pertenceu ao grupo folclórico Xacarandaina. Dedicou 15 anos da súa vida á investigación da tradición musical galega, coa recollida de pezas musicais polas aldeas de Galiza. Parello a este traballo realizou un importante labor didáctico e de divulgación, coa ensinanza dese material en asociacións e grupos de nenos, e logo coa súa participación durante oito anos no programa Luar da TVG, onde deu a coñecer moitas das persoas depositarias deses temas tradicionais. Na mesma liña de contribución ao coñecemento dese patrimonio atópase a súa edición da colección discográfica Raiceiras. Ademais escribiu artigos sobre as tradicións para diferentes publicacións e deu conferencias en países como Escocia, Alemaña e Portugal, e tamén na Sorbona de París.
Como compositora e intérprete, Mercedes Peón contribuíu á popularización da música tradicional e ao seu prestixio internacional. Creou un estilo propio que parte da música de raíz galega, con gran protagonismo para as voces e as percusións, e as reinventa con novos timbres e instrumentacións electrónicas.
A súa traxectoria como cantante e instrumentista deu un salto na década dos noventa coa súa participación en discos de Os Diplomáticos de Monte Alto, Xosé Manuel Budiño, Mano Negra, Kepa Junquera, Alisder Fraiser, etc. No ano 2000 editou o seu primeiro disco, Isué, co que acadará numerosos recoñecementos a nivel galego e internacional. A este seguiron Ajrú (2003) e Sihá (2007). Nos últimos anos fixo ademais a música do filme Liste pronunciado Lister e do espectáculo do Centro Coreográfico Galego Kiosko das almas perdidas. Nesta década actuou en máis de 300 festivais e realizou concertos en máis de 20 países de toda Europa.
En Galiza, o seu traballo foi recoñecido co Premio Galega do Ano 2005, o Premio Opinión 2005 e o Premio Iar polo seu traballo de recuperación das tradicións galegas.
A nivel internacional obtivo entre outros recoñecementos o Premio Mackcallan do festival de Lorient, foi nomeada mellor artista do ano polo magazine Folkworld (2000) e finalista na categoría de mellor artista do ano 2000 nos premios de BBC Radio 3.
O blog Malmequer está realizado para sumar esforzos, non para restar nin contribuir ás estúpidas rivalidades entre grupos, que supostamente tentan manter ese patrimonio galego immaterial que son os cantos e bailes tradicionais galegos (entre outros).
Dende este medio de comunicación, que tentamos poñer ao servizo dese descoñecido mundo, non estamos dispostos a participar nos "piques" entre grupos, nin nos conflicos creados a partir de concursos para atacar a organizacións, mestres, grupos, participantes,... xa bastante temos con lograr que exista xente implicada na súa difusión como para participar e contribuir no desánimo de persoas ou grupos que tentan cos seus poucos medios sobrevivir para manter algo no que "supostamente" cremos todos como é o folclore tradicional.
Así que dende Malmequer tomamos a decisión de non manter o foro de comentarios dos últimos concursos, onde os ataques persoais e a grupos non se corresponden co foro que todos desexamos.
Podese estar en desacordo cos resultados, cos xurados, coas coreográfias, cos grupos,... mais non así.
Pedimos a colaboración de todos os que lle interesa participar nos debates para que sexan constructivos e nunca destructivos, hai moito que mellorar pero nunca tentando "malmeter" entre a pouca xente que polo menos algo fai polo mundiño tradicional.
Disfrutemos do baile e do canto, dos seráns e dos concursos compartindo o amor pola tradición, non pola pura competividade e envexa.
Sexta feira 30 (Venres)
? Foliada no Salasón (Cangas)
? Derradeira Foliada da tempada na cafetería Lar (As Pontes)
? Kogito na sala 600 de Melide
? Capitán Furilo no Clavicémbalo (Lugo)
? Narf en Arteixo no Centro Cívico
? Mercedes Peón en Foz na Sala Bahía.
? Anxo Lorenzo, Rosa Cedrón, Cristina Pato,? na Praza de Santa María de Lugo
? Donicelas no Liceum do Porriño
? Alberto Conde Trio en Allariz
Sábado 31
? Encontro de Tocadores de trompa na Fonsagrada
? Quempallou en Pontevedra no Teatro Principal
? Lulavai en Mondariz
? Ophiusa en Ferrol
? Ruxe-Ruxe no Mogay de Chantada
? Espectáculo Morfasóns en Pontevedra
? Os Carunchos na Adega de Isaac (Barreiro-Vigo)
? II Serán As Angustias (As Angustias-Nigrán)
? Serán en Paraños (Covelo)
? II Serán en San Xián de Sales (Vedra)
Domingo 1
? A Gaita de Sarandón en Sta. Cruz de Ribadulla (Vedra) ás 13:30
Subida unha nova remesa de fotos, nesta xeira tócalle á Festa dos maios do Casco vello que un ano mais deu colorido ao barrio histórico de Vigo, con moitos dos habituais das festas e foliadas participando na representación e posteriormente nas danzas do mundo.
Amigos gaiteiros, chámome Hugo, son membro da banda de gaitas Xarabal de Vigo, e onte, en Baiona, fun brutalmente ferido porque roubáronme a miña gaitiña.
A gaita e característica, vai en maleta de Seivane, o constructor e Gil, coa ronqueta de Antón, e dous punteiros, un en do de Gil e outro en sib de Antón. Pidovos se vos ofrecen unha gaita que cumpra estas caracteristicas, por favor, poñédevos en contacto conmigo. o meu tlfono é : 655828748 ou 986367662.
Esa gaita ten un forte valor sentimental para min, imaxinadesvos se vola rouban a vos?
por iso preciso da vosa axuda.
Se sabedes algo chamádeme.
Será recompensado.
O Sabado día 31 de maio a 18:00 da tarde no Pazo da Cultura dará lugar o novo espectáculo da Aula Folque Infantil de Pontevedra chamado MORFASÓNS.
Neste novo espectáculo os rapaces da escola nostrarán o traballo realizado nas aulas durante o curso, tranformando este traballo nun espectáculo no cal a música, a danza, a espresión do noso pobo se actualiza ata os nosos tempos, nunha viaxe polo mundo AFI que non nos deixará indiferentes.
Este venres, 30 de Maio rematamos as Foliadas de esta temporada. Para elo contamos para empezar cuns colegas de Ladrido (Ortigueira). Veterano grupo que lle gusta a festa e disfrutar dela.
Pra rematar temos o grupo local Os Suplentes que para a ocasión virán reforzados con unha ampla lista de colaboradores, destacando a presencia do único tocador de "trompa galega" que existe nas Pontes.
A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza o próximo sábado 31 de Maio o II Encontro de Tocadores de Trompa. As actividades levaranse a cabo durante toda unha xornada na localidade da Fonsagrada, lugar de especial interese na historia deste instrumento, xa que aquí se conservou o seu uso ata os nosos días.
Nesta segunda edición do Encontro, contaremos cos principais tocadores de trompa de Galiza, e tamén faremos un achegamento á presenza deste instrumento en outras culturas. Será a través do recoñecido músico e investigador John Wright, quen impartirá unha interesante conferencia, que se completará cunhas clases prácticas para aprender a tocar a trompa.
A asistencia ao encontro e totalmente gratuíta. Aqueles que desexen mercar unha Trompa para asistir ás clases de iniciación, poderán facelo ese mesmo día, previa reserva, a través do seguinte teléfono, Fax ou enderezo electrónico:
Tlfno/Fax: 986 847 074
secretaria@gaiteirosgalegos.com
O programa do Encontro queda do seguinte xeito:
11:00h - ? A presenza da Trompa en Galiza e nas distintas culturas do mundo? Relatores: Luciano Pérez e John Wright
14:00h - Xantar
16:00h - Mostra de construción de Trompas: Oliverio Álvarez
16:45h - Clases de iniciación e técnicas para tocar a Trompa. John Wright
18:30h - Concerto de Trompa: Emilio O Pando, César Fernández, Pablo Carpintero, Daniel O pando, John Wright.
Cando descubro nalgunha cidade o típico cartel no que hai unha lista de cidades irmanadas coa mesma, chámame a atención os lugares tan diferentes aos que pertencen. Tanto é así que, ás veces, lendo a lista un pode realizar unha viaxe imaxinaria polos cinco continentes. Pero tamén hai irmanamentos entre cidades, pobos ou ata países que nacen por motivos que non figuran en ningunha lista. Este fin de semana descubrín un deses exemplos.
Actuabamos en Galicia e máis concretamente na localidade de Burela, na mariña lucense. Terminada a actuación e mentres charlaba coa xente do lugar, descubrín que moitos dos do pobo traballaban en barcos pesqueiros con base en portos vascos, e comecei a intuír que Galicia e Euskadi tiñan un vinculo especial, un nexo de unión que tiña lugar no mar. Pero recordo tamén unha foto moi especial na que mariñeiros galegos e vascos pousan xuntos con diversos instrumentos e ferramentas, demostrando que tamén musicalmente os nosos pobos están unidos. Incluína nun disco recompilatorio no que participei para axudar no posible aos afectados polo desastre do Prestige. Sempre sentín unha envexa sa por como os galegos souberon coidar e consentir a súa música. Grupos da calidade de Milladoiro, Berrogüeto ou Luar na Lubre e músicos da talla de Xosé Manuel Budiño , Carlos Núñez ou Susana Seivane son o exemplo perfecto.
Ao mesmo tempo, e a diferenza do que pasa na nosa terra, é incrible a cantidade de festivais de música tradicional que organizan cun esmero e un agarimo impresionante. Cando visito Galicia sempre teño a sorte de ver como alguén, de súpeto, saca unha gaita e coma se dun antigo ritual tratásese lla enchufa debaixo do brazo e comeza a tocar. Todo transfórmase e sen querer, un sente que o ritmo apodérase do que lle rodea. Esa é a maxia da música galega.
O circuíto organizado pola Consellaría de Industria levará espectáculos a 115 localidades durante todo o verán e encherá de artistas galegos as oito rutas xacobeas
A terceira edición do certame Vai de Camiño achegará nos meses de verán un total de 115 espectáculos a outros tantos concellos galegos asentados nas oito rutas do Camiño de Santiago, incluíndo por primeira vez as cidades. Teatro, música, danza, maxia, monicreques, clown , animación de rúa e contacontos conforman a programación deste circuíto desenvolvido pola consellería de Innovación e Industria ao que destina un orzamento de 1,8 millóns de euros.
Berrogüetto, Mercedes Peón, Susana Seivane, María do Ceo, Cristina Pato, Los Suaves, Milladoiro, Siniestro Total, De Luxe, Son de Seu, Luar na Lubre, Uxía, The Ellas, Loretta Martin, Victor Aneiros, The Blows, Marful, Triángulo de Amor Bizarro, Fía na Roca, Elodio y los Seres Queridos, Lamatumbá, The Homens, Xabarín Club, O Mago Antón, Os Quinquilláns, Volta e Dalle Teatro son algúns dos nomes deste variado cartel que se desenvolverá dende o próximo venres ata o 30 de setembro.
Ao longo destes catro meses haberá actos practicamente todos os días co obxectivo de complementar as programacións dos distintos concellos que colaboran un ano máis en Vai de Camiño . Os espectáculos agrúpanse en datas consecutivas ao longo de dúas semanas por cada unha das rutas. A consellería pretende con isto «racionalizar a oferta cultural e artística dándolle relevo a un camiño de cada vez en distintas datas».
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, destacou o carácter «cen por cen galego» deste circuíto cultural na súa presentación, destacando o éxito das anteriores edicións, que, na súa opinión, o converteron nun «referente musical e cultural do verán galego». O conselleiro nacionalista explicou que o espírito do circuíto baséase na promoción dos grupos e artistas galegos para que en todas as localidades do Camiño se realicen actividades e contidos artísticos que sexan de atractivo para os veciños e os visitantes que se achegan ao país na época estival.
No acto, no que tamén participaron o director xeral de Turismo, Rubén Lois González, e o xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar, o conselleiro destacou o feito de que este programa «ambicioso e extenso» conte «cos máis destacados artistas en cada unha das disciplinas», das que poderán gozar este ano como novidade as cidades de Santiago, Ferrol, Pontevedra, Ourense e Lugo.
Fernando Blanco rematou a súa intervención sinalando que, ademais de converterse en referente musical e cultural do verán galego, Vai de Camiño «contribuirá tamén á potenciación da industria cultural e do espectáculo do país, xa que no conxunto da programación participarán máis dun milleiro de profesionais do sector».
Os primeiros espectáculos do circuíto organizado por Industria se desenvolverán no Camiño Primitivo, e será unha das cidades incorporadas nesta edición ao mesmo, Lugo, a encargada de abrilo este venres co espectáculo O Camiño . As localidades de Baleira, Guntín, A Fonsagrada, Castroverde e Toques, situadas no Camiño Primitivo, os días 5, 6, 7 e 8 de xuño, respectivamente, disfrutarán de espectáculos de clown , animación de rúa, músicas de banda e baile tradicional. No folleto da programación, presentada no Hostal dos Reis Católicos, se advirte que aquela pode sufrir cambios e que estes, de habelos, figurarán na páxina web do Xacobeo, pero neste portal, sorprendentemente, onte aínda non estaba colgada a programación de Vai de Camiño 2008 senón a de Vai de Amiño 2007 .
O ano pasado gañaron Sacha na horta. Este ano haberá dous premios: do xurado e do público.
A edición 2008 de A Polo Ghit comeza con forza.
Dende este luns, xa se pode comezar a votar entre as seis candidatas a canción galega do verán. Hai variedade de estilos onde escoller as favoritas, e mesmo tres artistas que regresan ao concurso (Magín Blanco, Banda Potemkin e Projecto Mourente) e outros tres que se presentan por primeira vez (Mostoboys, Dúo Estúpido Mascalzone e Os John Deeres).
As votacións dos internautas decidirán cales serán cinco dos dez finalistas e tamén serán imprescindíbeis para conceder o premio do público. Até o 16 de xullo seguen a chegar máis temas ás caixas de correo reais e virtuais de Vieiros e da Radio Galega. Cal deles será a nosa canción do verán 2008? Ti decides!
Este é o vídeo do tema gañador do ano pasado, Biocultivos, de Sacha na horta.
Seica os concursos producen outro efecto perverso aparte da polémica continua das decisións dos xurados...
Neste luns o blog de Malmequer alcanzou as 3.500 páxinas vistas nun único día e a entrada de 831 internautas con IP distintas o que ven sendo o record de visitas nun mesmo día dende a súa aparición na arañeira.
Son como os zahoríes coa súa variña buscando auga, tratando de facer un achádego que os enriqueza. Só que neste caso trátase somentes da riqueza do espírito, dun patrimonio inmaterial do que forman parte cantigas e bailes
Desde hai décadas, etnógrafos, musicólogos, artistas ou simples afeccionados ó folclore, percorren as corredoiras tratando de detectar xoias do patrimonio tradicional, de rexistrar pezas cantadas ou bailadas que as persoas maiores gardan na súa memoria. "O rural desaparece, e todo o que vin hai máis de 25 anos, xa non se ve", explica a cantante Mercedes Peón, que leva cerca de tres décadas peneirando o patrimonio oral de aldea en aldea. Peón ten un gran fondo de arquivo, con 2.000 horas de recollidas, e un selo discográfico propio, Trompo, co que dá a coñecer parte deste patrimonio a través da serie Raiceiras.
"Non se precisa buscar pola India, América ou África. Hai que facer unha viaxe interna e reflexionar sobre o patrimonio que temos", explica esta artista, que se deu a coñecer no programa Luar, onde mostraba os seus achádegos. "Fixemos un traballo pioneiro, e despois tamén veu, a finais dos 90, a revolución das pandereteiras, que tivo moito que ver con todo o que se estaba a facer", lembra Péon, moi orgullosa do traballo que leva feito no eido das recollidas. "Se algo teño aportado á cultura galega, foi este traballo, incluso máis que a miña vea artística, porque se trata de estimular tamén a autoestima dun pobo", salienta esta cantante que explora novas vías de creación partindo das raíces tradicionais. "Durante anos non soportaba a gaita, pero a partir dunha gravación en vídeo fun aprendendo", confesa.
Moitas destas recollidas articúlanse arredor de grandes agrupacións que levan anos facendo traballos de campo, como Cantigas e Agarimos en Santiago, Xacarandaina na Coruña ou O Fiadeiro en Vigo. A esta última pertence Chisco Feijoo, que pronto chegará aos 20 anos percorrendo o país co seu gravador e a súa cámara de vídeo. "O xeito de aprender é volvendo a algúns sitios 14 ou 15 veces. Acabas sabendo os apelidos completos e a idade de memoria", explica Feijoo. Como moitos outros, este músico vigués empezou estudando algúns dos grandes cancioneiros galegos, como o de Antón Santamarina, ou o da suíza Dorothé Schubart, que nos anos 60 estivo por toda Europa buscando romances. "Empezamos guiándonos por Schubart. Se no seu libro escribía que unha informante era labrega, dunha aldea determinada, e tiña daquela 18 anos, pensamos que aínda estaría viva. E así localizamos a moita xente", comenta. Existen outros casos curiosos, como os das tradicións que se manteñen intactas malia a emigración. "En Avión escoitas pasodobres con aire de rancheras e ves rapazas de 15 ou 16 anos nacidas en México e cun nivel económico altísimo, que bailan talmente como lles aprendeu a súa avoa galega", conta Feijoo.
Todos os estudiosos coinciden en sinalar a comarca de Bergantiños como unha das grandes reservas da tradición oral, aínda que na última década semella que hai outras zonas interesantes, como o interior de Pontevedra. "Bergantiños sempre foi unha mina para os estudosos, pero grazas á recuperación dos seráns, aldeas de Pazos de Borbén, Mondariz ou Ponteareas son moi interesantes, porque hai xente maior que se sente atraída e lembra cousas esquecidas", explica Feijoo. "Hai momentos nos que as recollidas se fan máis difíciles, como cando os maiores gardan loito e non cantan por moitas cancións que saiban, e ás veces hai aldeas onde tes que tardar tempo en ir. Agora ábrenche mellor as portas na aldea, pero á xente que empezou antes pecháronllas moitas veces nos fociños". Entre eses pioneiros, cita a Fuxan os Ventos, Mini e Mero, Pallamallada ou Henrique Peón.
Este último é unha das grandes referencias na recuperación das tradicións. Director da histórica agrupación Xacarandaina e irmán de Mercedes Peón, leva case 30 anos facendo un rigoroso traballo de recuperación, que abrangue canción, baile e ata xeitos de vestir. "Metínme un chute de tradición e xa non acabei ata hoxe", bromea antes de avisar: "Está desaparecendo o folclore como tradición in situ. A tradición está morrendo porque a cadea de transmisión, aquilo de pasar de xeración en xeración, acabouse. Agora a tradición está nas mans dos investigadores e dos artistas que o plasman en escena", reflexiona.
O director de Xacarandaina lembra como "nalgúns lugares bailaba toda a aldea, porque o que non bailaba aguantaba as chaquetas, e iso non lle gustaba a ninguén. Os bailes eran como as discotecas, pero iso tamén rematou". Este estudoso que leva posto en escea preto de 300 bailes antigos bota de menos un arquivo coreográfico. "Énchesenos a boca falando do feito diferencial, pero iso non é só a lingua, tamén o é a arte inmaterial, e hai que agarimala", reivindica Henrique Peón. "Isto é unha carreira contra o reloxo. As persoas maiores teñen data de caducidade. E se morren, acabouse todo".
Cos seus concertos en Monforte, Ourense e A Coruña puxo un prólogo a Tombolatour, a xira na que xa se embarca "forte e co ánimo superrenovado" grazas, entre outras cousas, ás viandas que puido degustar
Manu Chao vaise. volveu unha semana á Galicia que visitaba de neno, como calquera fillo de emigrantes, a bicar a parentes máis ou menos coñecidos, entre paisaxes e linguaxes distintas dos cotiáns, e na que fai dez anos estivo unha longa tempada, para pór os pés na terra e coller aire. Deu tres concertos, en Monforte, Ourense e A Coruña, con base en Bastavales, na casa dos Chao Rego. Despois do concerto coruñés e da celebración posterior, igual de intensa pero aínda máis extensa, toda a banda e os roadies galegos, Xosé Ledo Casevi e Jorge Calviño están no hall do hotel, preparando os vultos para cargalos na furgoneta na que tiñan que saír fai xa dúas horas cara a Barcelona.
Pregunta. Por que empezastes aquí os prolegómenos da Tombolatour?
Resposta. Levaba tempo sen vir. Empezamos por Monforte porque teño moitos amigos desa zona, e foi sumamente forte estar alí, ou en Ferreira de Pantón, da que tanto me falou Casevi e lido moito. Sumamos o agradable e o útil: a nivel musical ensaiamos de seis a oito horas diarias, endurecémonos. E en Bastavales é a primeira vez que estivemos toda a banda xunta. Viñemos facer corpo, e volvemos cun par de quilos máis e coa banda curtida.
P. E tanto, soa como unha máquina engrasada.
R. Nesta semana desenvolvemos certos automatismos que son importantes, e outros non automatismos que tamén o son, para podernos permitir non cantar as cancións sempre igual cada noite. É importarche ter un guión, pero tamén poder descarrilar, aínda que haxa dez mil persoas, e volver ao carril cun xesto.
P. Case 3.000 persoas en Monforte, preto de 2.000 en Ourense, máis de 8.000 na Coruña, e todo practicamente sen publicidade.
R. Non facemos apenas publicidade porque se non, estamos condenados aos grandes aforamentos, e non é unha crítica, non é das peores condenas. Cando estás quentando motores para unha xira, tocar en lugares pequenos é bo, e é un circuíto que non se pode abandonar. Eu veño dese mundo.
P. sacou conclusións sobre o que pasa en Galiza?
R. Non podo permitirme ter unha impresión de como está a cultura aquí ou alá estando unha semana. Eu veño máis ben a que me conten, a ver, aínda que do pouquiño que vin, vin cousas moi sas e moi interesantes. A este país teño que agradecerlle unha vez máis que saia forte e co ánimo superrenovado. Estaba ben, mellor que outras veces, pero de aquí saio para tirar foguetes por todos lados.
P. E en España?
R. España son miles de países. Eu vivo en Barcelona, e aí controlo máis porque teño o meu barrio. Alí si que baixara un pouco o termómetro...
P. Vese como músico trotamundos ata cando?
R. Non o sei, non mo expoño. É o corpo o que mo dirá, e de momento, todos os sinais dinme que o estamos pasando ben. Podería exporme visitar o mundo de forma máis tranquila, vir a Galiza visitando recunchos como a outra vez, da man de Xurxo (Souto) de Mercedes (Peón), de Pinto (de Herbón), Manolo (Rivas), que me ensinaron todo un tesouro, que me regalaron algo inesquecible.
Andar coa guitarra e tocar nos bares musicalmente convenme, é o mesmo tocar nun bar que nunha sala grande. Economicamente, a neveira está chea, non teño por que tocar por tocar. Pero cando estás de xira, mentalízaste que ás 22.30 hai unha cita co público e tes que estar en forma, levar unha vida máis sá.
P. Como leva ser un personaxe mediático do que ademais se esperan mensaxes?
R. Ser un personaxe público exponche a demasiados halagos e a moitas críticas. Pode ser unha situación incómoda, pero eu aprendín a vivir o día a día, non fago plans. Basicamente son músico, se me fan preguntas sobre cousas sobre as que creo que teño algo que dicir, respondo, e se non, non. [Alguén interrompe para pedirlle un autógrafo, que asina]. Iso chupa, e cando me sinto baleiro, búscome un recuncho e recompóñome. A cuestión é estar moi atento a que a saída dese carrusel sexa doada. Non me gustaría non poder baixarme porque teño compromisos para tres anos, e por iso nunca fago plans para máis de seis meses. O día en que estea canso, que chegará, non enganarei a ninguén, non terei que dar concertos por obriga. Por agora, subirme á camioneta é un gusto e concertos como os últimos nutren.
P. propuxo que as Olimpíadas do 2016 organíceas a República Saharauí, e na súa páxina web condena o intento secesionista da provincia boliviana de Santa Cruz.
R. Porque hai cousas que doen. Espero que aos poucos, a páxina, ademais de informar sobre Manu Chao, convértase nun centro de información un pouco anárquico, non organizado
P. Chaótico?
R. Si, je, je. Un medio informativo que se chamará A Feira dás Mentiras, para que o que entre non se crea nada, avisando que somos iguais que os outros medios, uns feirantes. A Feira dás mentiras foi aquel primeiro evento en Galicia, fai dez anos, despois houbo unha media feira no norte de Francia, e espero que se poida renovar outra vez. A leira de Galiza na web vai estar ben coidada. Hai xente ata que nos vai a axudar a montar esa parte.
P. Musicalmente, que lle interesa?
R. Nin o penso. A música que me chega atópoma en cada esquina, é popular ou son cousas gravadas. O meu traballo non é explicar á xente que é a música mundial, é facela inspirándome no que vexo, asimilando cousas. A nivel mundial, non creo que esteamos vivindo unha época relucente. Se comparamos os anos 2000 cos 60 ou 70, o panorama é bastante triste. O que é interesante na historia da música é que sempre en épocas así chega de súpeto unha onda que o varre e o oxigena todo.
P. Ou sexa que estamos esperando a próxima onda...
R. Sen abafo nin expectación, pero chegará, de Galiza ou de Bombai, ou de Filipinas...
P. Será posible se neses sitios non hai industrias discográficas que lancen eses produtos?
R. Ese é o perigo. A creatividade e a calidade no mundo anglosaxón perderon fol, vese chegar cada banda gringa que é bastante dramática, e entón inventáronse iso da world music, que é onde me colocan a min en USA e en Inglaterra porque non saben como clasificarme. É unha etiqueta un pouco neocolonialista, e as discográficas están en Londres, Los Ángeles, Miami... A vitoria será cando os artistas sexan africanos e as discográficas tamén, que os cuartos queden en casa, e iso serve para a música e para todo, porque a xente non abandona a súa casa por gusto.
P. Por gusto faise turismo, pero non se emigra.
R. Exactamente. Como no chiste do que visita o inferno e o paraíso, e decídese polo inferno porque é máis divertido, pero cando chega empézano a tratar a paus e el non o entende. "Amigo", dinlle, "non hai que confundir turismo con inmigración".
O artista galego francés elexiu a Fisterra de Europa para afacerse ao suor dos directos e presentarse ante o público galego. Fixoo en Monforte a pasada semana e desta volta, A Coruña é a cidade que o acolleu.
A banda ourensá comezou este xoves a xira que os levará polo mundo durante ano e medio, e coa que presentan o seu novo traballo, 'Paraugas universal'.
Señoras e señores cos seus carriños ben abastecidos, da Praza de Abastos, estudantes que viñan (ou aínda ían) ás clases, pais e nais con cativos, peregrinos, un grupo de ciclistas, e mesmo lectores avezados que deixaron de buscar nos andeis da libraría Couceiro por un intre e se asomaron aos balcóns. Ninguén quedou indiferente. Coma quen non quere a cousa, no mediodía deste xoves, a Praza de Cervantes, no celme de Compostela, comezou a vibrar de súpeto. A enerxía de Lamatumbá congregou a máis dun cento de persoas de todas as idades que non podía parar de bailar cos novos temas do seu 'Paraugas universal' (PAI Música).
Mentres dúas "zancudas" repartían información e animaban, o grupo ofreceulle ao público un petisco do que será a xira de presentación do novo disco. Con temas como "Betsa" ou "Severino" conquistaron ao público, e como fin de festa, mesmo sendo horas impropias, non puido faltar o seu grande éxito, o "Licor café". O concerto de Lamatumbá na compostelá sala Capitol, este xoves, foi o pistoletazo de saída para unha xira que expandirá a "verbena do século XXI" onde queira que vaia. Velaí un aperitivo.
Este luns día 26 de Maio ábrese o prazo de recepción de Fotografías do I Concurso de Fotografía Antiga que organiza a Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir en colaboración co Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e co patrocinio do Concello de Ramirás.
O concurso formúlase entre os seus obxectivos os seguintes:
- Recuperar a memoria fotográfica do Concello de Ramirás e a súa comarca.
- Fomentar a investigación, recolleita e indagación de tipo etnográfico entre os participantes.
- Servir de base para estudar as costumes, traxes, instrumentos, oficios... etc que eran tradicionais na zona.
Poderán participar tanto colectivos como persoas a xeito particular, sen marcarse un límite no número de fotografías a entregar, de feito premiarase a mellor colección de fotografías antigas presentada, existindo tamén dous premios especiais a mellor fotografía e a fotografía máis antiga. Os premios serán entregados nun acto que terá lugar no mes de Setembro, e con posterioridade organizarase unha exposición coas fotografías presentadas.
As fotografías teñen que reunir varios requisitos. En primeiro lugar teñen que ser realizadas con anterioridade a 1980 e cada unha delas terá que ir acompañada dunha ficha onde se recollan datos da mesma ( data, dono, persoas que saen, lugar ... ) para poder ter máis información sobre a mesma.
As bases do mesmo así como o cartaz, e as fichas que cada fotografía debe adxuntar atópanse na páxina web/blog de rebulir na seguinte dirección : www.rebulir.blogspot.com. Para máis información tedes na parte de abaixo da páxina o teléfono e correo electrónico de contacto.
Resultados do 1º Concurso de pandereteiros/as Galanía de Muros
CATEGORÍA A: (ata os 12 anos de idade)
1º Cantigas
2º Zapicada
3º Ximiela
CATEGORÍA B: (ata os 16 anos de idade)
1º Deserto
2º Axeitadiñas
3º Chiculateiras
CATEGORÍA C: (a partir dos 17 anos de idade.)
1º Donaire
2º Os muiños de Oliveira
3º Grialia
1º CONCURSO PANDERETEIROS/AS ?GALANÍA DE MUROS ?
O concurso celebrarase o domingo 25 de maio do ano 2008 no auditorio da casa da cultura de Muros, a partires das 4 do serán.
Os criterios do concurso son os seguintes:
* Poderán participar grupos de Asociacións Folclóricas, Recreativas,Culturais, de veciños, etc,que o desexen.
* Os grupos participantes poderán ser femeninos, masculinos ou mixtos, sendo obligatorio o traxe tradicional.
* Cada grupo irá acompañado dun só representante,e deberá designar unha parella para estar no escenario no momento da entrega dos premios( vestidos co traxe).
* Ningún participante poderá participar en máis dun grupo.
* No momento da calificación o xurado terá en conta:
-Autenticidade das pezas ,que deberán ser tradicionáis.
-Dificultade das mesmas.
-Afinación e interpretación.
*Cada grupo terá un tempo límite de 5 minutos,para interpretar aas pezaas. O grupo que sobrepase dito tempo quedará descalificado automáticamente.
Consta de tres categorías :
-Categoría A: ata os 12 anos de idade
-Categoría B: ata os 16 anos de idade
-Categoría C: a partir dos 17 anos de idade.
*A cada categoría otorgaranselle tres premios, que constarán de:
Categoría A:
1º premio: Trofeo e 250?.
2º premio: Trofeo e 150?.
3º premio: Trofeo.
Categoría B:
1º premio: trofeo e 350?.
2º premio: trofeo e 250?.
3º premio: trofeo.
Categoría C:
1º premio: trofeo e 450?.
2º premio: trofeo e 350?.
3º premio: trofeo.
*O xurado será nomeado pola A. C. D. Galanía de Muros e as súas decisións serán inapelables. O XURADO TERÁ TOTAL LIBERDADE DE ESIXIR O D.N.I. OU LIBRO DE FAMILIA ASÍ COMO ESTABLECER PREMIOS DESERTOS SE O ESTIMAN OPORTUNO.
*Nesta convocatoria non participarán grupos da A. C. D.? Galanía de Muros?.
*A participación neste concurso implica a total aceptación destas bases.
*A entrega de premios realizarase ó final da categoría C.
Para a inscripción dos diferentes grupos deben de cumplimentar a folla anexa e dirixila a seguinte dirección ou Nº de teléfono:
A. C. D. Galanía de Muros
Baño 116 15259 Muros (A Coruña)
Tfno:
Josefa- 653797329
Sesuca- 691304386
1º Concurso de pandereteiros/as Galanía de Muros
CATEGORÍA "A", "B" ou "C"
Nome asociación-_________________________________________________
Nome do grupo____________________________________________
Número de compoñentes e idades_______________________________________
nome da peza________________________________________________________
Orixen da peza (Localidade e concello)____________________________________
Edicións do Cumio e o Pazo da Cultura de Pontevedra convídano á presentación de "Para cantar e bailar", libro que recolle xogos e bailes procedentes da nosa tradición popular que o folclorista e mestre Luís Prego adapta para os nenos de hoxe.
A presentación terá lugar no salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra este luns día 26 de maio ás 19:00h e nela participará o autor que convertirán a cita nunha divertida clase práctica.
Esta recompliación nace coa idea de servir para conservar e transmitir parte do amplo corpus de divertimentos que tiñan os nosos antepasados, formado por xogos e cantigas pensadas para seren empregadas en colectivo e nas que participaban tanto nenos como adultos.
O libro comprende vinte e tres xogos e danzas con explicacións sinxelas das coreografías acompañadas por ilustracións de Serxio Cobos. Acompáñanse tamén as letras adaptadas a nivel de lingua e de contido e as partituras das cancións, así como un CD cos temas musicais e unha pista de video onde atoparemos demostracións dalgúns dos bailes.
Para cantar e bailar está dirixido especialmente a profesores de educación primaria e monitores de danza tradicional, pero tamén a todas aquelas persoas que queiran pasar un anaco divertido sen importar a súa idade.
Cando as últimas choivas de abril desaparecen e chegan os primeiros raios do sol, a natureza estanos a dar un sinal: comeza o novo ciclo natural e iso para un pobo labrego coma é este é un motivo de celebración. Así comezou hai miles de anos a Festa dos Maios en Galicia.
Os Maios son celebracións que honran a chegada da primavera e da fertilidade. En Galicia a festa dos Maios permanece dunha forma máis viva en Ourense, onde se mantén grazas ao concurso establecido en 1917, e dende aquela a festa seguiu viva premiando os Maios máis fermosos, os que mellor honran o froito da natureza, empregando multitude de formas.
Acompañando os Maios, os concursantes cantan as coplas, que son composicións que critican con humor todo o que se poña por diante, dende políticos ata veciños de Ourense pasando por Rodolfo Chiquilicuatre.
O vindeiro día 15 de xuño é a data elixida para levar a cabo o noso primeiro evento de certa "envergadura", o 1º concurso de pandereteiras LOAIRA.
Terá lugar no colexio San Narciso de Marín ás 17:00 horas.
Os grupos interesados en inscribirse podédelo facer no noso enderezo de correo electrónico ou nos números de teléfono 649 422 846 ou 652 945 215.
Ánimo, ghuapas e ghuapos!
BASES DO CONCURSO.
1. É un concurso no que poderán participar grupos de asociacións xuvenís, culturais e recretaivas, folclóricas, de vecinos, etc? que o desexen.
2. Constara de unha única modalidade. Grupos de pandereteiras, que constará de duas categorías.
CATEGORIA A: ata 15 anos
CATEGORIA B: de 15 anos en diante.
3. Os grupos participantes poderan ser femininos, masculinos ou mixtos, sendo obrigatorio o uso do traxe tradicional.
4. Os concursantes poderan conscursar en todalas modalidades. Sen embargo non poderan concorrer en mais dun grupo en cada unha delas.
5. Os premios serán os seguintes_
CATEGORIA A:
1º PREMIO: TROFEO E 200?
2º PREMIO: TROFEO E 100?
3º PREMIO: TROFEO
CATEGORIA B:
1º PREMIO: TROFEO E 250?
2º PREMIO: TROFEO E 150?
3º PREMIO: TROFEO
6. Cada grupo tera un tempo limite de 5 minutos para interpretar a peza coa que tomara parte no certame. O grupo que sobrepase o tempo establecido quedara automáticamente descalificado. O tempo empezara a contar dende que empece a peza a interpretar.
7. No momento da calificación o xurado tera en conta:
- Auntenticidade da peza, que tera que ser tradicional
- Dificultade da mesma en canto a toque de pandeireta e melodía.
- Afinación e interpretación.
8. O concurso tera lugar o dia 15 de xuño de 2008 ás 17h no auditorio do Colexio San Narciso de Marin. A hora de presentación, orde e normas serán enviadas previamente.
9. A folla de inscripción deberá chegar debidamente cumplimentada a seguinte dirección: Republica Arxentina, 36 3ºA 36900 Marin, ou ben o correo electrónico da asociación: acloaira@gmail.com . O prazo será ata o 8 de xuño de 2008.
10. O xurado, completamente libre e independente, estará formado por tres membros de recoñecido prestixio na materia e os seus fallos serán inapelables.
11. A participación no concurso implica a total aceptación destas bases. Non se admitirá ningún cambio fora do prazo de inscripción. A organización reservase o dereito de exisir o DNI ou libro de familia de calquer participante que semelle dubida da idade, ben a requerimento de calquera agrupación participante, membro do xurado ou que estime oportuno a organización. No caso de non presentalo o grupo quedara descalificado automáticamente.
12. Os premios entregaranse ao remate do concurso.
13. Nesta convocatoria os grupos de A.C Loaira non poderan participar.
Calquera dubida que teñades ou xurerencia será atendida no correo electrónico da asociación ou ben no seguinte teléfono: 649422846
O "Constantino Bellón" foi creado polo Ateneo Ferrolán, no ano 91, para servir como unha plataforma de expresión e presentación de novas pezas e autores, e para axudar a manter e potencia-la nosa música tradicional de gaita galega. Isto, fixémolo baixo a figura dun concurso de composición e interpretación de gaita que pretende mante-lo xeito de toca-la GAITA GALEGA con xiros e técnicas propiamente galegos.
Dentro desa liña, quixemos imprimirlle unhas características propias e coherentes cos seus obxectivos. Así, o "Constantino Bellón" é coñecido polo estricto das súas Bases, que están a convertelo na plataforma máis representativa e garante da nosa música de gaita. Outras das características de seu, son o propio nome e o logotipo do Concurso, realizado cun dos debuxos máis representativos do pintor Luís Seoane, coa tradicional figura do gaiteiro galego que vai impresa en toda a publicidade, así como nunha peza de cerámica, elaborada por Sargadelos e que se entrega a tódolos gaiteiros finalistas e ás entidades colaboradoras.
Entendiamos que o "Constantino Bellón" debería de xogar un papel representativo de Ferrol polo que, as súas edicións veñen a realizarse, dun xeito ininterrompido, o día 31 de agosto, como data significativa na nosa cidade.
No apartado de colaboracións conseguimos as máis representativas, como poden ser as das institucións públicas: Concello de Ferrol, Deputación Provincial e Xunta de Galicia, complementadas a nivel privado coa participación de Sargadelos, co seu significado de industria comprometida na defensa da cultura galega.
Dende a 6ª edición, no ano 96, introduciuse unha variación moi importante como é a participación de catro gaiteiros das Comunidades Galegas do Exterior. Esta novidade foi posible gracias á aportación da Secretaría Xeral de Emigración que financia os gastos derivados da participación dos mesmos. Neste senso, engadiuse como Punto nº 5 das Bases do "Constantino Bellón", o Premio ?Gaiteiro de Soutelo?, acadando co mesmo unha presenza en todo o mundo galego, por medio dos envíos de publicidade e gravacións do mesmo, a tódolos centros galegos do país e da diáspora.
Tamén, e dende o ano 2004 engadiuse o Punto nº 9 das Bases do "Constantino Bellón", o Concurso de Composición para Gaita Galega Solista. Evento ao que lle dedicamos un día máis na celebración o día 30 de agosto.
Como referencia, adiantar que a día de hoxe, recen celebrado o 17º Concurso, témo-la edición das dezasete finais, en formatos de longa duración, audio e disco compacto, e nas dúas últimas gravacións contamos coa edición do Premio de Composición.
Por último dicir que, temos como obxectivo a publicación dun libro que recolla un TRABALLO DE INVESTIGACIÓN que terá tres apartados relacionados coa música de gaita: HISTORIA E EVOLUCIÓN DA GAITA, AFINACIÓN DA GAITA e un terceiro sobre A PALLETA E O RONCÓN.
O Prazo de inscrición remata o 13 de xuño do 2008
Descarga as BASES en formato .Doc
Descarga a PARTITURA ?Olavide?
O sábado 24 de Maio, poderemos escoitar dentro do programa Lume na Palleira, da Radio Galega, unha interesante nova entrega do Recuncho da Palleta que ven da man de Pablo Carpintero.
Nesta ocasión Pablo falaranos dos Silvas de Monforte, un cuarteto tradicional de gaita de fol, clarinete, tambor e bombo que naceu en Vilaúxe, Chantada, malia que nos anos 50 se trasladaron a Monforte.
Se estades interesados neste tema e queredes saber moito mais sobre Os Silvas de Monforte, non deixedes de escoitar o programa "Lume na Palleira" que se emite os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".
Para máis información e poder escoitar programas anteriores, preme no seguinte enlace.
Sexta feira 23 (Venres)
? Rosa Cedrón en Arteixo
? Ataque Escampe no Auriense (Ourense)
? Victor Aneiros Band en Ribadeo
? Zenzar na sala D´antón (Laracha)
? Manu Chao no Coliseum (A Coruña)
? Os Cuchufellos nas festas de Manzaneda
? Can-certo en Cangas: Os Carunchos, Sachadiço, Xabier Blanco, Tromentelo, Codia e Miolo,...
? Os Chichisos no heicho de dar Queridiña (A Insua-Pontevedra)
Sábado 24
? Roteiro de Congostra
? Quempallou, Lume e Mutenrohi en Orazo (A Estrada)
? Xavier Blanco en Baiona
? Fía na Roca en Burela
? Treixadura en Pontevedra
? Faltriqueira en Gondomar
? Mercedes Peón en Oleiros
? Berroguetto en Poboa de Brollón
? Os Cuchufellos no Festival de Cans (O Porriño)
? Avelaiña no Vagalume de Salvaterra do Miño
? The Homens e Samesugas no Castiñeiriño (Compostela)
? Concurso de Baile Tradicional de Vilagarcía
? Presentación de 2uS no Teatro Ensalle de Vigo
? Homenaxe a Loli e Manolo en Candeán ás 20:00
? Serán en Sobrada (Tomiño)
? Serán do Carballal (Vigo)
Domingo 25
? Manifestación A Ría non se vende en Vigo
? Baile das Penlas e a Danza de Espadas en Redondela ás 12:30
? Domingo Polbeiro en Gondomar
? Fía na Roca en Gondomar
? Quempallou en Burela
? 1º Concurso de pandereteir@s Galanía de Muros