Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xose Manuel Seivane recibe o Premio Recuncho da Palleta 2008
O Teatro da Xuventude de Cecebre (Cambre) acollerá, o vindeiro día 7 de febreiro ás 4 da tarde, o acto de entrega do Premio Recuncho Da Palleta 2008.

Este premio, que concede anualmente o equipo do programa Lume Na Palleira (Radio Galega), pretende recoñecer o traballo de distintas persoas, empresas e institucións no estudio, a defensa e a promoción da música tradicional galega. Resultaron galardoados nas últimas edicións a Editorial Ouvirmos e o Concello de Pontevedra (2004), o Museo Etnográfico da Limia (2005), o programa da TVG Alalá (2006) e o Proxecto Ronsel (2007).

Nesta ocasión o Premio Recuncho Da Palleta recae na persoa de Xosé Manuel Seivane, como exemplo de toda unha vida de amor e paixón pola música do noso país e, máis concretamente, polo noso instrumento máis identificativo: a gaita galega.
Unha paixón e un amor que ademais, sempre desde a máis exquisita humildade, soubo transmitir ás sucesivas xeracións da súa familia; familia que ten o orgullo, e tamén a responsabilidade, de levar consigo un apelido que xa se convertíu en sinónimo de calidade no traballo desenvolvido e de dignidade e orgullo polo propio.

A cerimonia de entrega na que participarán, ademais do propio Xosé Manuel Seivane e a súa familia, distintos músicos que quixeron sumarse a esta homenaxe, pecharase cun concerto do Trío Vaamonde, Lamas & Romero.

A entrada ao acto, que será retransmitido en directo pola Radio Galega e Radio Galega Música, será de balde ata completar o aforo do Teatro.

www.gaiteirosgalegos.com
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 06-02-2009 09:32
# Ligazón permanente a este artigo
O mítico grupo Peste&Sida na sala Nasa

Presentación do proxecto: Fálame-Enténdote

O Sábado 7 de Febreiro, terá lugar o concerto-presentaçom do proxecto Fálame-Enténdote, que pretende ser un encontro musical entre Galiza e Portugal.


O primeiro concerto terá lugar na Sala NASA de Compostela às 21:00hs. a um prezo de 8€, e os grupos serám dous clásicos do Punk Rock, os galegos Skacha e os portugueses Peste&Sida.

O proxecto Fálame:Enténdote, pretende ser unha mirada mutua, un encontro agardado e inevitábel, unha aperta cultural; tanto en común, e tantas cousas de aquí e ala que os leva a vivir e sentir de costas en todos os ámbitos; económico, social e como non, cultural. Fican na obriga de tentar establecer outras visións na relación, plantexando seriamente como variar esta tendencia isolacionista establecendo as canles onde poder desenvolver a difusión e interrelacion cultural, partindo da convicción de que o obxectivo primordial da produción cultural galega e portuguesa a súa divulgación mutua; por lóxica económica, estratéxica, e evidentemente por compartir un territorio cultural común.

Dentro do proxecto Fálame:Enténdote creado para a promoción e desenvolvemento de estratexias conxuntas e coordinadas de intercambio, encontro, promoción, e divulgación cultural entre Galiza e Portugal, pretenden dar os primeiros chanzos coa edición dunha compilación de artistas e bandas de ambos lados da raia, asín como a celebración de minifestivais na Galiza e en Portugal, todo elo baixo o nome: Fálame:Enténdote

No eido musical prodúcense as mesmas dinámicas inmobilistas que no conxunto da produción cultural, tendo claro que os problemas de esta incomunicación son mutuos e compartidos, e despois de establecer un diálogo activo nos últimos anos con outras empresas portuguesas do sector, selos, distribuidoras, promotoras; compartindo a visión e obxectivos, apostando pola colaboración e suma de esforzos, nace así este proxecto Fálame:Enténdote.

A Axencia Muxicas encargase da coordinación do proxecto sendo editada a compilación polo selo Falcatruada, na Galiza distribuído por Lonxa Cultural e no Portugal por Compact Records.

A dia de hoxe estas son as bandas que participan:

Galiza: Aphonnic, Dios ke te Crew, Taru e os paxaros coiro, GalegoZ, Aid, The Homens, Som do galpom, Nao, Kastoma, Samesugas, Skacha.

Portugal: Bob da Rage Sense, Simbiosis, Peste e Sida, Cartell 70, Humble...




e os Skacha
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-02-2009 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
Novo concerto da Caravana Galiza non se vende
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 06-02-2009 09:30
# Ligazón permanente a este artigo
U-lo trío? en concerto
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-02-2009 09:28
# Ligazón permanente a este artigo
Retranca de novo nos Vitrasas de Vigo
Existan os deuses ou non, a campaña de Retranca circulará nos autobuses de Vigo
Vitrasa retirou, polas súas referencias aos 'deuses' uns anuncios que reclamaban máis atención para a nosa cultura, pero o luns poderán verse de novo polas rúas.


Kiko da Silva, creador e motor da revista Retranca, e o xornalista Camilo Franco idearon hai unhas semanas unha campaña para colocar nos autobuses urbanos de Vigo. A idea nacía ao fío das campañas que a favor e en contra da existencia de deus comezaran a estenderse por Londres, Barcelona ou Madrid. Pero en realidade tratábase de todo o contrario: Probablemente os deuses non existan, pero a cultura galega si. Por que non falamos das cousas que existen? A intención da mensaxe era fuxir de debates teolóxico "e centrarse en cousas máis importantes, crear debate ao redor da cultura galega", como deixa claro Kiko da Silva.

Así, a través dunha empresa publicitaria, a Revista Retranca colocou para os vindeiros tres meses un anuncio nun autobús que percorre o centro de Vigo (o Circular Centro). Porén, a publicidade só estívo visíbel durante seis horas. Vitrasa, a empresa concesionaria, decidiu retirar a campaña publicitaria se dar explicación ningunha nun primeiro momento. Ao longo do día, Vitrasa explicou que o anuncio "recordaba" á campaña atea feita nos autobuses de Barcelona. "Deus non pinta nada aquí", respondeulle Kiko da Silva, que quixo deixarlles claro que el non quería entrar nun debate teolóxico, senón todo o contrario.

Finalmente, Vitrasa aceptou que a campaña continuase nos seus autobuses, con algúns cambios, que aumentan máis se cadra o seu carácter retranqueiro. Así, a partir da semana que vén (posibelmente o luns ou martes, aínda que mesmo se podería adiantar), o anuncio volverá circular polas rúas de Vigo, e onde se lía Probablemente os deuses non existan lerase Probablemente Zeus non exista. O que non muda é a verdadeira mensaxe da campaña: A cultura galega si. Por que non falamos das cousas que existen?

Ademais, segundo anunciou Kiko da Silva (que defendeu que o comportamento da empresa fora bo en todo momento), Vitrasa comprometeuse a facer, dentro dos seus autobuses, unha exposición coas obras e cadriños de Retranca.

www.vieiros.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-02-2009 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
Serán na sala Nasa (Compostela)
Hoxe xoves, 5 de febreiro temos un novo serán na NASA ás 21.30h.

Para todos os bailadores e bailadoras espallados por Galiza que teñades ganas e necesidade de botar unhas bailas, e tamén para todos aqueles que non sabedes bailar e queredes gozar da música, coñecer que é iso dos seráns e animarvos a botarlle un puntiño...

Os grupos que van poñer música son:

- VERDEGAIO
- OBRADOIRO DE CULTURA TRADICIONAL ULTREIA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
- LIMAGOIA DE NEGREIRA
- TARABELOS, cuarteto da Genthalla do Pichel


E TI POS O BAILE
Comentarios (1) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 05-02-2009 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
Novo número da revista de humor Retranca
RETRANCA Nº 14 REBAIXAS ELECTORAIS

Xa chegaron as eleccións e esta vez en plena campaña de Rebaixas. Haberá crise tamén nisto das eleccións?, utilizarán os políticos os mesmos carteis electorais de fai tres anos e os mesmos programas de man para aforrar gastos nos partidos políticos?. A verdade se o fixeran non íamos a notar moito a diferenza, total as fotos dos candidatos sempre as pasan polo Photoshop para que non teñan nin unha engurra ou cana máis (nisto Fraga foi un auténtico mestre, rexuvenecíano tanto cada tres anos que, si se presentase nestas eleccións, o seu cartel electoral sería un espermatozoide do seu pai fecundando un óvulo da súa nai).

Por iso, en vez perder o tempo escoitando promesas electorais que despois nunca se cumpren, en Retranca propoñemos que nestas eleccións elixamos ao POLÍTICO MÁIS FEO DE GALICIA (Polo menos que no lo poñan fácil á hora de facerlles as caricaturas).

Saúdos Retranqueiros,
A Santa Compaña.

www.revistaretranca.blogspot.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-02-2009 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
Censurada a campaña da revista Retranca
CENSURADA A CAMPAÑA PUBLICITARIA DE RETRANCA NOS AUTOBUSES DE VIGO

Non temos tanta certeza de se os deuses existen, pero, desde logo, non estaría tan ninguneados como a cultura galega, que esta aquí, con vocación de quedarse e con bastantes chagas abertas como para que calquera persoa que teña perdida a fe poida meter os dedos onde lle pete. Como a especie humana é unha especie que necesita falar e como non todo pode ser fútbol ou deus, poderiamos comezar a falar da cultura galega porque é moito máis bonito falar das cousas que existen.

Isto era o que pretendiamos facer a Revista Retranca e un grupo de creadores galegos coa nosa campaña publicitaria nos autobuses de Vigo. Unha campaña para concienciar á xente que a cultura galega necesita tamén que creamos nela para existir.

Pero esta mañá sucedeu algo incrible, o noso autobús (o Circular Centro) que ía promocionar a nosa publicación e a cultura galega durante 3 meses só estivo na rúa 6 horas, xa que a empresa Vitrasa decidiu quitar a nosa campaña publicitaria do autobús sen darnos ningunha explicación.

Hoxe, a última hora da tarde, recibimos unha chamada de Vitrasa. A explicación que nos deron foi surrealista, ao parecer non queren poñer o noso anuncio porque "recorda" á campaña atea feita nos autobuses de Barcelona.
Claro, como nós falamos de Deuses, igual os Galos de Asterix que viven no castro de Vigo séntense feridos ao ler a nosa publicidade.

Publicidade que como calquera pode ler fala DA CULTURA GALEGA e da pouca importancia que se lle da no noso País e que Retranca quere que se fale máis dela.
Así que a ver se lles queda claro aos señores de Vitrasa que na nosa campaña publicitaria "Dios" non pinta nada.
Mañá temos unha reunión cos responsables da empresa de autobuses, a ver que nos contan.

O que xa temos claro é que A CULTURA GALEGA EXISTE, PERO NON DEIXAN QUE SE ANUNCIE !!!

Saúdos Retranqueiros
A Santa Compaña.
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 04-02-2009 10:32
# Ligazón permanente a este artigo
Mouriño ou como quitar vida dun pau de madeira
Ao entrar, os ollos póusanse nun anaco de tea morado con frecos brancos, preparado para acoller no seu seo o fol dunha gaita. Hai máis vestidos, moitos máis, pero é ese o que chama a atención. O seu colorido dalle vida á Grileira, un pequeno obradoiro que leva máis de vinte anos asentado no corazón de Compostela.

Quen recibe aos clientes é un home que non aparenta moito máis de 50 anos, estatura media, cabelo canoso e barba abundante, ataviado cunha bata cor crema e uns graciosos zapatos verdes. “Aquí non hai bos nin malos momentos, sempre hai traballo”, contesta, mentres limpa unha peza recén parida, á pregunta de cal é a mellor hora para manter unha entrevista.

Sen máis explicacións, diríxese cara o interior do taller. Enriba das mesas hai instrumentos de todas as castes. As máquinas parecen agradecer o descanso. Unha partitura sobre un atril e unha manchea de carteis anunciando concursos de gaita deixan claro que ese lazo que une a Xosé Lois Mouriño co instrumento máis tradicional do país galego non vén só do obradoiro.

No seu caso, o gaiteiro chegou antes que o artesán. “Empecei a tocar a gaita aos 14 anos”, recoñece. A día de hoxe aínda non abandonou o vicio. “Non se pode construír un instrumento se non o dominas por completo”. Pero facer gaitas cambiou a súa maneira de tocar. “Para min foi unha sorpresa descubrir como dun anaco de madeira podían saír sons afinados”.

O medo do principiante
Once anos despois de encher un fol por vez primeira, o reputado artesán lucense Sito Carracedo ofreceulle traballo no seu obradoiro. “Fun con medo”, lembra Mouriño, quen fica de pé arrimado a unha mesa por se entra un cliente e hai que saír ás presas. “A construción dos instrumentos para min era algo moi distinto, unha simbiose, un estatus máis alto”.

Pero as leccións do seu 'mestre' axiña lle descubriron os segredos da gaita. Pouco máis de dous anos despois Mouriño xa non sabía o que era o medo, e decidiu virse para Compostela e montar o seu propio taller, A Grileira. O nome, por suposto, dallo unha gaita: a que vai afinada en re.

As máquinas de Mouriño traballan sobre todo para facer este instrumento, adaptado ás esixencias de todo tipo de público. “O cliente escolle todo, dende a madeira ata o tamaño, pasando pola cor e o anelado”. Pero tamén constrúe outros instrumentos coma o 'clarinetiño', conta Xosé Lois entre risas. Como o seu nome indica, é o irmán máis novo do clarinete de toda a vida.

Cada gaita, unha peza única
“Traballo monótono, dis? Nooon!”, responde orgulloso. Ao facer as pezas 'á carta', cada unha “é persoal, case única, unha peza de artesanía”. Mouriño acumula un retraso nos pedidos de máis de seis meses. Non dá feito. Por iso se mostra reacio a pensar na posibilidade de que a música tradicional entre en decadencia.

“Non facemos publicidade nin gastamos un peso en darnos a coñecer”, di, falando en nome de case todos os artesáns que constrúen instrumentos tradicionais. Ao mesmo tempo, lembra que cando el empezou a tocar “eramos catro en Santiago, e hoxe seremos ao redor de 150”.

Na Administración, a través da Consellería de Innovación e, máis en concreto, de Artesanía de Galicia, buscan axudas para mercar maquinaria e para que os obradoiros artesanais non desaparezan. “Pero hai que encher moitos formularios, e nós estamos afeitos a traballar coa madeira, non cos papeis”, conta sorrinte.

Unha guerra de gaitas
Pese a insistir en que a música tradicional non está en perigo, Mouriño si que demanda protección fronte ao que el denomina 'gaitas invasoras'. Critica que moitas bandas de gaitas, sobre todo en Ourense, Ferrol ou Vigo, adoptaron un instrumento marcial, roubado da tradición escocesa. “Temos unha gaita propia e non podemos deixarnos pisar”.

“Enganan aos alumnos, dicíndolles que esa é a forma de tocar propia de Galicia, pero cando as Deputacións pechen o grifo e deixen de regalalas este negocio morrerá”, asegura taxativo. De momento, a el o que lle sobra é traballo. Coa madeira ben seca, toca poñela redonda, furala, anelala e preparar o punteiro. “É o que máis tempo leva facer, pero é o que máis me gusta porque dun taco sen vida estás sacando vida”. O máis aburrido é pulir con lixas.

Dende que secou a madeira ata que a gaita se pode tocar pasan dez días de traballo. E por eles, dependendo dos caprichos de cada quen e do material empregado, Mouriño cobra entre 770 e 2500 euros. Ten que custar moito poñerlle prezo á dedicación, ao esmero, ao coidado de cada detalle. Pero o artesán vive diso e Mouriño é, ante todo, un artesán dende a cabeza ata a punta dos seus zapatos verdes, que parecen ter vida propia.

Ao saír, os ollos volven ao vestido violeta dos frecos brancos. Segue alí, colgado. De portas a fóra, A Grileira pasaría por unha tenda de música e instrumentos tradicionais. O seu escaparate está decorado con discos de Carlos Núñez, Fuxan, Marvela ou Treixadura. Pero un letreiro da mesma cor que a bata de Xosé Lois déixache claro onde estás: 'Mouriño, obradoiro de gaitas'. Entra un cliente e soa unha pandeireta. Rematou o descanso.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-02-2009 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Benedicto
'Botar unha ollada serena para atrás' é a intención coa que Benedicto García Villar (Compostela, 1947) escribiu o seu libro de memorias 'Sonata de amigos' (Xerais). Nas súas páxinas, este fundador de Voces Ceibes, rememora as súas orixes, a súa formación, a loita antifranquista e a música entendida como instrumento de intervención social.

No libro ofrece unha crónica biográfica que é a vez musical e persoal. Nela narra todos os camiños posíbeis que tiña un mozo dos anos 60.

Vivíamos unha situación de ditadura. Todo estaba prohibido para un mozo daquela época que se interesase pola música. Foi realmente difícil porque existía un muro tremendo ao que enfrontarse, unha parede que semellaba inexpugnábel. Co tempo decatámonos de que era posíbel derribalo coa forza colectiva. Se algo saquei en limpo daquela época foi precisamente o valor do colectivo. Naquel caso resultou ser o grupo de canción Voces Ceibes e con eles fixen a travesía.

Como empezou vostede na música? Como aprendeu a tocar a guitarra?

Fun autodidacta, (ri), por iso nunca cheguei a tocar ben. O feito de cantar xa me viña do colexio La Salle, no que estudei en Compostela, onde formei parte do coro dende pequeno. Non sei explicar ben por que escollín o camiño da música. Na miña familia non existían antecedentes, pero aquilo de cantar presentóuseme como algo realmente importante, máxime cando me topei co público, co feedback, e sentín que lle chegaban as mensaxes, que contestaba e arroupaba o meu traballo. Foi tamén a miña maneira de protestar.

As súas influencias musicais son diversas pero, de que bebeu máis: da canción francesa, dos cantautores norteamericanos ou quizais dos cantantes en catalán?

Un pouco de todo. Despois de cantar en latín no colexio comecei a cantar en catalán os temas de Raimon. Dunha maneira totalmente casual, este cantautor catalán actuou no colexio maior no que residía cando estudaba Telecomunicacións en Madrid. Quedei absolutamente impactado. Comecei entón a cantar en catalán. Un grupo de compañeiros suxeriume que, do mesmo xeito que interpretaba en catalán, podía facelo en galego. Ese foi o motivo que me levou a escribir o tema O home, en galego. Era unha elección dobremente contestataria, cantar e facelo en galego.

Con todo, na súa obra translócese unha influencia e, sobre todo, unha gran admiración por Zeca Afonso.

Evidentemente. José Afonso foi un ídolo para min. Traballei con el só dous anos pero foi o meu mestre non só musical senón tamén espiritual e ideolóxico. Era un home dunha sensibilidade fóra de toda norma. Vivir ao seu lado era sempre motivo de algo interesante. Estreou en Santiago o tema Grândola, Vila Morena en abril 1972, na Facultade de Económicas. Estaba no escenario con el, porque naquela época o acompañaba coa voz e a guitarra. O público estaba moi receptivo e ocorréuselle cantala a pesar de que non estaba previsto no programa. Agarroume polo brazo, do mesmo xeito que fan os coros alentexanos, e fíxome acompañalo. Logo viría a historia e a decisión dos militares de sacar o 25 de abril en Radio Renascença, curiosamente a radio da Igrexa, o tema do Zeca, á hora prevista como sinal do levantamento.

Esa admiración por un músico como Zeca, tamén significaba un anhelo por lograr a calidade dos seus arranxos musicais?

Iso era imposíbel. Sempre digo que se non fose portugués José Afonso sería un cantor mundialmente recoñecido, máis que os americanos. Era un monstro, tanto dende o punto de vista compositivo como interpretativo. Os seus arranxos e as súas cancións eran espeluznantes. Por outra parte, todos recoñecemos que Voces Ceibes era un movemento necesario pero que non destacou polo nivel artístico dos seus integrantes. Nós fixemos o que se podía facer, que xa era moito. Puxémonos a cantar en galego cando era, daquela o máis absurdo do mundo. Malia todo, os que posteriormente decidimos apostar pola música de xeito profesional dedicámoslle moito tempo á formación.

Outra persoa que cita como clave na súa música foi Celso Emilio Ferreiro. Que significaron os poetas galegos, tamén Lois Diéguez e Manuel María, para Voces Ceibes?

No meu caso Diéguez foi moi importante. Cantei temas dun cancioneiro que me mandou Manuel María con coplas feitas a máquina por eles dous. Púxenlle música a tres das asinadas por Lois Diéguez, Loitemos, No Vietnam e A voz do pobo, que formaban parte do primeiro disco. Foron ademais, en certo sentido, os abandeirados de Voces Ceibes. Habería ademais que nomear, aínda que non era letrista, a Xesús Alonso Montero, que tamén estivo detrás animando.

Chama o libro Sonata de amigos mais a historia de Voces Ceibes e as súas diversas continuacións tamén é unha historia de desencontros. Tivo que ver con isto as distintas militancias políticas dos seus integrantes?

Discrepo de que esta fose unha historia de desencontros. Gardo un recordo magnifico de todos eles. No recital que se acaba de celebrar en Compostela para festexar o corenta aniversario de Voces Ceibes, rememorando aquel concerto emblemático de Medicina, constatouse esa boa relación. Existe unha lenda sobre Voces Ceibes en canto a relación entre os seus membros. No referido á cuestión política, os que eramos militantes, Bibiano, Xerardo Moscoso máis eu, estabamos adscritos ao PCG. Outros militantes non había.

Que tiñan contra vostede os gobernadores civís?

Gustábamos moito (ri). O feito de cantar en galego o que cantabamos era como meterlles o dedo nun ollo. Pero hai un informe da policía do 1970 onde o autor, que era da [Brigada Política] Social, por suposto, demostra ter unha enorme simpatía polo grupo. Na relación que fixo do resto de cantores da época que non pertencían a Voces Ceibes citou a Juan Pardo ao que lle criticaba, por oposición, "a mala calidade" e o feito de ser "comercial".

Gravar co selo catalán EDICSA sinalaba tamén as carencias do noso país naquel tempo.

Todo quedaba por facer e aínda se tardou en crear un selo galego. Logrouse a mediados da década dos 70, na Coruña, pero durou catro días.

En 1975 cantaban para 5.000 persoas nun pavillón. Que dano lles fixo a vostedes a Transición?

Foi moi dura. Fomos todos vítimas do desencanto. Desincháronse todas as estruturas en que actuaramos e atravesamos momentos moi duros. Despois esmoreceu todo.

En 1980 coincidiu a súa despedida da música co seu abandono do PCG, estas dúas decisións teñen algún tipo de lectura?

Coincidiu. Efectivamente deixei de cantar e de militar. Logo dediqueime a dar clase como mestre.

Coa perspectiva que dan os anos, que importancia lle daría a Voces Ceibes dentro da historia da música do país?

Facendo unha lectura seria e non excesivamente pasional, aquilo foi necesario para que agora gocemos dunha pluralidade de intérpretes e de formacións, tanto de canción de autor como de estilos máis contemporáneos. Fomos ademais os primeiros en cantar en galego, en dar os primeiros pasos na normalización do idioma no eido da música e iso non o pode negar ninguén.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-02-2009 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Som do Galpóm
Som do Galpóm representa na música a mestizaxe que marca o século XXI e que non ten volta atrás. “As fórmulas musicais están mortas”, pensa a formación. Despois de sorprender e gañar varios premios pecháronse con Segundo Grandío na Casa de Tolos para gravar o que será o seu primeiro disco. Falta pouco máis dun mes para poder escoitalo

Som do Galpón están metidos en Casa de Tolos, de Segundo Grandío, en pleno proceso de gravación do seu primeiro disco, que sairá no mes de marzo. Brais e Gael de Estebam, Xurxo, Aitor e Jano, os gañadores da última edición de Nsaio no Camiño, apuran as horas de estudio porque saben que, co lanzamento, se botarán á estrada para ofrecer unha boa xeira de concertos por todo o estado.

Contádenos: como está sendo a vivencia da gravación? Como estades pasando estes días nos estudios Casa de Tolos?

Gael: De moito traballo; erguerse cada día, coller os instrumentos e sesións perpetuas de "jam". Pasamos as 24 horas do día xuntos: horas de moita convivencia, pero ningunha discusión!!Jano: Incluso durmimos no mesmo cuarto… pero en liteiras, eh!Xurxo: E iso que, ao comezo, todo facía prever o peor: o primeiro día chegamos pouco menos que de casualidade, caía unha nevarada de impresión nun lugar que nunca neva, e aínda con GPS perdémonos para chegar ao estudio.

Aitor: E o segundo día que estivemos, martes e 13… e lúa chea.

Os estudios Casa de Tolos son todo un clásico da música galega. En que inflúe ter a Segundo Grandío producindo os temas?

G:Unha terceira persoa sempre achega novas ideas pero, sobre todo, a súa xestión emocional axúdate moito. Segundo é un solucionador de problemas. Ademais, é un grande oído e iso sempre suma.B: A música é unha forma de expresión artística. Non é a forma, é o que sentes á hora de tocar, e iso nótase na habitación: como resoan as caixas, a presenza do baixo, como arrastra o violín, a forma de proxectarse a voz…

A:O malo é que cando empezas a collerlle o truco, xa estás acabando, e quedarías gravando aínda máis tempo. O que temos que facer é desfrutar: é algo que nos está a dicir todo o mundo.

Pero a medida que ides ensamblando os temas, iredes tendo unha idea máis clara do que é o disco, non si?

G:A idea xa está moi mastigada dos ensaios e dos directos. De momento hai catorce temas, pero aínda hai que mirar os que entrarán ou non. Musicalmente, o grupo está medrando: estamos máis abertos e absorbendo moito. Por outro lado, é unha experiencia ilusionante, pero doe. Despois de tantas horas ensaiando, semella que o noso fillo vai marchar.

Que imos atopar no disco, vai haber novidades?

G: No disco vai haber algúns temas descoñecidos e inéditos, a xente vai levar unha grata sorpresa nese sentido. Hai máis temas que poden parecer que están fóra do noso estilo habitual… pero a ver como responde a xente, porque aínda non están probados en concerto.

B: Compilamos algúns dos temas da maqueta e aínda lle damos un empurrón máis, con novas sorpresas, novos arranxos.

Que achega Som do Galpóm á escena musical galega?

G: É unha proposta innovadora, orixinal, colorista e fresca, un pouco máis de riqueza ao que xa hai. O tempo dirá se gusta. B:O conto é: hai algo por aí que se lle pareza? En calquera caso, cada vez vai haber máis rapeiros que se unan a bandas, máis unión entre os músicos na procura de novas propostas e discursos musicais: As fórmulas están mortas.

Como vedes o panorama galego? Que grupos son os que vos gustan máis?

G: Os nosos referentes son Os Diplomáticos de Monte Alto, Os Resentidos… pero tamén gostamos de Duplo–Som, Loretta Martin ou Ataque Escampe, cos que temos unha rivalidade moi sá, todo hai que dicilo. Por outra parte, hai grupos que están triunfando na escena nacional ou internacional que non terían nada que facer ao lado de moitos grupos galegos. B: O que queda é proxectar toda esa riqueza cara a fóra. Que se vexa como algo normal e non reducido a este territorio. Bótase en falta que os músicos se poidan converter en profesionais da música, todo o mundo ten traballos alternativos. Igual que hai discográficas, estudios de gravación…. Que se asuman riscos para ter ganancias. Sen risco, devalúas o conxunto e seguiremos vinte anos máis con Ana Kiro como referente da música galega. En Galicia segue habendo moito playback, e esa grande fraude mata a naturalidade da música.

G: Non estamos en contra da sesión vermú, que é algo moi noso, pero hai que ofrecer alternativas, hai que cambiar un pouco.

Nesta xira de máis de cen concertos pasastes por case todas as vilas da Galiza. Como se recibe a Som do Galpóm?

G:A xente tratounos dunha forma espectacular. Cancións como África chegan máis aos maiores, e Na Cama báilaa máis a xente nova. Tocamos por vilas, pero tamén por cárceres, en escolas.

E agora que marchades a Madrid e Barcelona como cambia o conto?

G: Pois levarémoslles a nosa proposta, con ganas de crearlles esa espectativa. O noso verdadeiro son é o son directo, esa enerxía e compenetración co público.

E así gañastes o GzCrea, Nsaio, Foundación Reggae, o Festival Terra/Lingua… que dá estar neses escaparates?

G: O traballo diario, esa ilusión e a paixón… é o que engancha máis que gañar os festivais. Os premios son ganas de traballar máis, máis, máis…B: O beneficio de certos premios está aí –gravar, editar…–, pero tamén ir a máis e máis concertos, seguir ensaiando…J: Queremos ir aos concursos para tocar máis. É o que nos motiva nos concursos. E iso que os premios son case máis para a xente que nos segue, a que nos quere. Aí si que ves a alegría, que á xente lle chega a nosa proposta.

A: Nós levamos a festa, un concerto para pasalo ben, bailar, cantar, desfrutar.

E sen esquecer que vides da Moniña…

B: A Moniña é coma Springfield. É unha aldea, un lugar da Galiza se imos ao significado exacto do termo, que podería ser calquera outro. É como a etiqueta
"ser da casa".

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-02-2009 09:39
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá coa Coral Voces da Louriña
Hoxe, martes, día 03/02/2009

O "Alalá" de hoxe fainos coñecer a Coral Voces da Louriña, un colectivo con moitos valores engadidos, como a diversión e a terapia, pois vén sendo un grupo de mozos e mozas do Porriño de entre setenta e noventa anos que descubriu desde hai anos unha nova paixón nas súas vidas: a música en Voces da Louriña.

O colectivo pásao en grande e os días de ensaio hai de todo: risas, exercicios de ritmo e, por suposto, técnica vogal; pero o máis importante de todo é a convivencia e as ganas e interese que lle poñen en cada momento, pois nunca pensan nos achaques, nas medicinas ou na idade. Ademais, todos os que traballan no centro son como da familia.

Coa coral "Voces da Louriña" emprenderon un camiño fascinante nas súas vidas e formaron un vínculo afectivo unidos con e pola música. Son eles uns avós cheos de vida que nos ensinan que tan só hai que querer facer algo para poder facelo e que con todo o que teñen son absolutamente felices. Pódese pedir máis? Coñecelos e escoitalos, a que si!

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 03-02-2009 09:14
# Ligazón permanente a este artigo
Festival de Ortigueira 2009
O Festival Ortigueira 2009 estrea o seu cartel promocional

O Concello de Ortigueira presentou esta tarde no stand de Turgalicia en FITUR a imaxe do Festival Ortigueira 2009. O cartel, que se utilizará nas campañas de publicidade da vindeira edición do certame, propón unha mirada retrospectiva cara ás primeiras edicións, recuperando tamén o reclamo do Mundo Celta.

O deseño pertence a unha figura moi vinculada ás orixes do festival e autor de ata seis dos carteis anteriores como é Álvaro Fernández Polo. A súa nova proposta marca distancias cos afiches máis recentes do evento para propor, segundo apunta, "unha especie de mirada retrospectiva" da cita folk.

Explica Fernández Polo que o cartel do 2009 homenaxea aos de etapas anteriores. De feito, reproduce en parte o da primeira edición e o de 1998 (segunda época do festival, tralo parón sufrido entre 1988 e 1995). A estampa do 2009 mira aos comezos, situando en primeiro plano á Escola de Gaitas de Ortigueira, agrupación fundadora do certame no ano 1978 e recupera o histórico nome de "Festival do Mundo celta".
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 03-02-2009 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
Comunicado de Zenzar

Cando se cumpren os primeiros vinte anos de Zënzar nos escenarios, dicirvos que Zënzar segue neste mundiño do rock con mais forza que nunca, e prepara a gravación do seu novo traballo en estudio, a cal comenzou o sab. 24 de xaneiro, e será presentado a todos (salas, fans, programadores, medios, etc.) na primavera do 2009, do cal recibiredes cumprida información a medida que se vaia perfilando (audio, textos, etc.)

Por esta razón esperamos que sigades contando con Zënzar como o fixestes ata o de agora, pero queremos sinalarvos que a contratación do grupo estará aberta xustamente a partir da presentación do novo traballo, ou sexa : verán e inverno 2009, pois deste modo xa poderedes disfrutar en directo das novas composicións do grupo, e tamén onde sexa posible, da presencia dúns colaboradores que incorporaremos para parte do repertorio de Zënzar, a partir do vindeiro ano, e que cubrirán as seccións de percusión, gaita e ventos, algo que xa veredes reflexado nalgún tema do novo traballo da banda, traballo que estará composto por 13 novas composicións (A Tribu, Raeñala, Informal, Caneando Ruainas, ect. ...), algún canción sorpresa e unha ou dúas pistas adicionais de vídeo, e coma sempre a colaboración dos nosos colegas "músicos", todo elo pasado adecuadamente pola batidora do noso productor de "toda a vida" Xavier Abreu, no seu estudio Océano en Nigrán.

Con este traballo Zënzar espera dar outro paso adiante e ofrecer o mellor de si mesmo para seguir manténdose como referencia do rock galego.

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-02-2009 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
Hoxe comeza a segunda canle da TVG (G2)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-02-2009 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a semana
Segunda feira 2 (Luns)

Terza feira 3 (Martes)
• San Brais en Bembrive (Vigo)

Corta feira 4 (Mércores)
• Milladoiro en Guimaraes (Portugal)
• Foliada-Serán na Fábrica de Chocolate (Vigo)

Quinta feira 5 (Xoves)
• Uxía no teatro Rosalía de Castro (A Coruña)
• The Turre´s Band no Tubulart (O Porriño)
• Serán na Sala Nasa (Compostela)

Sexta feira 6 (Venres)
• The Homens na sala 600 (Melide)
• Xabier Díaz na Gentalha do Pichel (Compostela)
• U-lo Trío? na Sala Nasa (Compostela)
• XXI Noite de Carpenta na adega O Carpinteiro da Coruña
• Foliada Ven respirar no Grándola (Ourense)

Sábado 7
• Premio Recuncho Da Palleta 2008 no Teatro da Xuventude de Cecebre (Cambre) ás 16:00 con Trío Vaamonde, Lamas & Romero.
• María Manuela, Pilocha, Susana Suances e Xiana Lastra ás 21:00h no Aula Municipal de Cultura de Betanzos
• Kastomá en Santa Comba
• Lamatumbá na sala 600 (Melide)
• Banda Potenkim no Liceum (O Porriño)
• Milladoiro no Pazo da cultura de Pontevedra ás 21:00
• Serán de San Vicente de Oitaven (Fornelos de Montes) na casa parroquial.
• Serán en Mouriscados (Mondariz)
• Serán no bar do Sifón (Avión)

Domingo 8
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-02-2009 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
VIII edición dos Premios Opinión

Logo das votacións efectuadas polo xurado, esta oitava edición dos galardóns tivo os seguintes gañadores:

1º. LIZGAIRO
2º. UXÍA
3º. MILLADOIRO


Empataron para o cuarto lugar Bonovo e Señora Camen. (Con 8 puntos)
Ningún outro traballo recibiu votos.

Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 02-02-2009 09:28
# Ligazón permanente a este artigo
Lizgairo faise co VIII Premio Opinión
O trío Lizgairo é quen de facerse co VIII PREMIO OPINIÓN no seu debut

Este era o ano dos tríos musicais no folk galego e un deles vén de adxudicarse a oitava edición dos PREMIOS OPINIÓN. Lizgairo comeza a súa andaina con Diacronías, mais os seus compoñentes son abondo coñecidos no mundiño musical do folk galego.

Xosé Liz volve ter un recoñecemento nos nosos galardóns, posto que o ano pasado, formando parte doutro trío, os Entre Trastes, xa conseguira o segundo lugar. Agora vén de alzarse co primeiro posto, algo que xa vivira Anxo Pintos formando parte do grupo Berrogüetto. Rodrigo Romaní estaba xa fóra de Milladoiro cando naceron os PREMIOS OPINIÓN e deste xeito recibe o recoñecemento. Pero tampouco debemos esquecer que hai outra estatuíña que ten bastante dos tres Lizgairo na súa concepción e foi a conseguida pola orquestra folk SondeSe, nada no Conservatorio de artes e oficios de Vigo, como segundo mellor disco do ano. Alí dan clases os compoñentes desta formación, sendo Rodrigo Romaní o director e cabeza visible do proxecto educativo, que vén de mudar o seu nome a e-Trad.

Xa comentamos aquí que con eses vimbios non se podía facer un mal cesto e non se esperaba menos duns músicos que amosaron a súa valía durante todos estes anos nos diferentes proxectos que abordaron. Diacronías ofrece unha viaxe sonora pola música do país baixo unha perspectiva que mestura arranxos de corte clásico no eido do folk con outros máis arriscados. Arpa céltica, zanfona e bouzouqui son os instrumentos que levan o peso da obra e cada solista ten o seu momento para sobrancear. Tamén é importante para o resultado final do álbum a presenza da voz de Chisco en dous temas. Non acontecía un final de votación tan apretado dende a quinta edición, cando cinco grupos tiveron un só punto de diferenza entre cada un deles. Agora sucedeu o mesmo entre Lizgairo e Uxía, e calquera tivo opcións de ocupar o primeiro lugar.

Tamén o nome de Milladoiro apareceu bastante nesta loita, mencionado por seis xornalistas, pero non convenceu a ningún dos participantes como para elixilo na primeira posición da táboa.

Ademais dos premiados aparecen reflectidas dúas óperas primas: a da Señora Carmen, no que tamén ten moito que ver Uxía, quen a coñece por ser integrante das cantareiras Malvela e animouna a dar o paso a solista, e a do trío Bonovo, que aporta unha visión musical diferente que serve para que o fok galego abra vieiros por onde poder expresarse doutro xeito distinto ao que estamos máis afeitos.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-02-2009 09:27
# Ligazón permanente a este artigo
O retorno discográfico de Uxía logra a segunda posición
Foron moitos anos de espera para o novo disco da cantante de Mos, tantos que ata o momento nunca participara nas votacións dos PREMIOS OPINIÓN, e a súa primeira presenza sáldase cun recoñecemento importante do xurado.

Uxía realiza con Eterno navegar unha obra na que afonda no mundo da lusofonía e esas sonoridades pasadas (e pensadas) polo seu xeito de concebir a música, coa imprescindible axuda do portugués Paulo Borges, o seu cómplice musical desde hai uns anos, deron como resultado este traballo no que navega entre diferentes mares que lle resultan moi familiares. Na súa andaina, Uxía sempre tivo un ollo posto nos territorios lusófonos, sen perder nunca de vista as raíces do noso folclore. Esa mestizaxe e as vivencias tidas ao longo da súa carreira son o xermolo do que naceu este novo álbum. Polo tanto, o palmarés dos galardóns engade agora un nome importante na historia do folk galego.

A artista presentará na Coruña este disco premiado o vindeiro xoves, 5 de febreiro, no teatro Rosalía de Castro, nun recital encadrado dentro do exitoso ciclo Música con raíces. A cantante estará acompañada no escenario polo piano de Paulo Borges, o acordeón de Santi Cribeiro, o contrabaixo de Xacobe Martínez e a batería e percusións de Quiné. A hora fixada para este concerto son as nove da noite.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-02-2009 09:26
# Ligazón permanente a este artigo
A conexión lusa de Milladoiro acada a terceira praza
Milladoiro é o primeiro artista que ten tres PREMIOS OPINIÓN no seu poder.

Na segunda edición, con O niño do sol, lograron ser o mellor disco do ano e logo Unha estrela por guía, o seu primeiro álbum cantado, obtivo o terceiro posto, o mesmo que acadan nesta ocasión por A quinta das lágrimas, aínda que agora conseguiron moitos máis votos dos xurados que daquela. Nesta obra inciden en meter temas cantados e contan coa colaboración da lisboeta Mafalda Arnauth e da ferrolá Laura Amado, que leva xa anos colaborando con eles, para pór voces ás pezas, ademais do engadido dun Antós Seoane que tamén interpreta unha canción deste álbum. Este novo traballo achégase ao folclore portugués, contén un texto de Fernando Pessoa e incorpora o Venham mais cinco, un tema do gran Zeca Afonso.

O grupo Milladoiro pretendeu unir musicalmente a Galicia e Portugal neste disco, tendo como figura representativa e nexo común das dúas terras a Inés de Castro, a galega que chegou a raíña do país veciño.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-02-2009 09:25
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer