Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Chega a fin de semana do aninovo
Sexta feira 30 (Venres)
? Mamá Cabra no auditorio municipal de Cangas do Morrazo ás 18:00
? Maravallada, Trepia e Retrouso de Cela a partir das 19:00 no casco histórico de Pontevedra
? Banda de Gaitas Foula no Centro Social do Gorgullón (Pontevedra) ás 19:00
? Cantares do Brión, Aires de Santes, Froles do Galiñeiro e Froleada no C.C de Vincios (Gondomar) ás 20:30
? Foliada despedida do ano en O Fiadeiro fronte a sede (Calvario-Vigo) a partir das 21:00
? Cantada de Fin de Ano de Xacarandaina (A Coruña) na rúa Florida ás 21:00
? 25 aniversario da A.X. Regueifa no Pavillón do Val de Dubra ás 21:30
? Gala de Cantigas e Agarimos ás 20:30 no Pabillón de Deportes de Xinzo de Limia
? Terbutalina no Pub Meigallo de Muros ás 23:30

Sábado 31
? Foliada fin de ano no Furancho da Balsa (Matamá-Vigo)

Domingo 1
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-12-2011 13:55
# Ligazón permanente a este artigo
Festa fin de ano no Furancho da Balsa (Matamá-Vigo)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-12-2011 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
Foliada despedida do ano en O Fiadeiro (Vigo)
O próximo 30 de decembro queremos invitar a todo aquel que lle apeteza a que se acerque ata a nosa sede social a brindar con nos para despedir o ano.

Cantaremos e bailaremos a pe de rúa en frente o noso local se é que o tempo nolo permite.
A partir das 21.00
Felices festas!
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-12-2011 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
Cantada de Fin de Ano de Xacarandaina (A Coruña)
A noite do 30 de decembro arredor das 22 h.,no entorno da rúa da Florida, vinde celebrar o nadal cos membros de Xacarandaina na tradicional Cantada de Ano Novo!

Poderás cantar, bailar ou tocar, e brindar polas festas tradicionais de nadal e pola chegada dun novo e feliz ano!
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-12-2011 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
Cantares do Brión en Vincios (Gondomar)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-12-2011 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
Gala de Cantigas e Agarimos en Xinzo de Limia

LELA
unha Gala de... CANTIGAS E AGARIMOS


Venres 30 de decembro de 2012 ás 20:30h
Pabillón de Deportes de Xinzo de Limia
Xinzo de Limia (Ourense)


Entrada: de valde.
Organiza: Agadic, Concello de Xinzo de Limia

A obra Os vellos non deben namorarse, de Castelao, serve de fío conductor á nova gala de Cantigas e Agarimos.


Cantigas e Agarimos quere rendir homenaxe a todos e todas as persóas que en xullo de 1961,
fixeron posible aquela primeira representacioìn, foìra de Ameìrica, da obra de Castelao.


Neste espectáculo, mais de 80 persoas tentarán trasladar ó espectador no tempo, levándoo nunha viaxe imaxinaria pola nosa historia e as nosas raizames.




O 25 de xullo de 1961 o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, dirixido por D. Rodolfo Loìpez Veiga, puxo en escena por primeira vez en Galicia a obra de Castelao, Os vellos non deben de namorarse.


A parte musical da obra, dirixida por D. Rosendo Mato Hermida, incluiìa entre outras, a peza Serenata de Boticarios, máis coñecida co título de Lela.


Neste ano 2011, no que celebramos o noventa aniversario da Agrupacioìn e cúmprense 50 anos daquela primeira representacioìn foìra de Ameìrica da obra de Castelao, Cantigas e Agarimos presenta a gala Lela, en lembranza e homenaxe a todos e todas as que, no seu diìa, fixeron posible aquel acto senlleiro da cultura galega.

Este é o fio que serve as diferentes seccións de Cantigas e Agarimos (coral, instrumental, grupo de baile e pandeireteiras) para presentarnos un espectáculo de calidade, no que mais de 80 persoas tentan trasladar ó espectador no tempo, levándoo nunha viaxe imaxinaria pola nosa historia e as nosas raizames.

Baile, musica, vestiario, pinceladas de teatro... todo un despregue visual e sonoro que non te deixará indiferente...



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-12-2011 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
25 aniversario da A. X. Regueifa (Val do Dubra)

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-12-2011 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Bo Nadal de Malmequer
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-12-2011 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
Feliz 2012 de Folk In Trío
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-12-2011 14:37
# Ligazón permanente a este artigo
Felices Festas de Traspés
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-12-2011 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
Bon Nadal de Rebulir
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-12-2011 14:34
# Ligazón permanente a este artigo
Bo Nadal dos Seivane
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-12-2011 14:31
# Ligazón permanente a este artigo
Boas Festas de Catalmibre
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-12-2011 14:30
# Ligazón permanente a este artigo
Os Terribles de Donas en Gondomar
Os Terribles de Donas Presentan ?Pedra Moura?

Este Xoves día 29 na Xamonería Catro Camiños en Gondomar a partires das 21:30 Os Terribles farán unha presentacíon de xeito ?informal pero moi especial? do seu segundo traballo discografico.


O escoitar o nome de Os Terribles de Donas na memoria de moitos resoan as melodías daquela charanga que amenizaba, alá polos anos 30, toda festa popular que se preciara na comarca do Val Miñor e arredores. Esta formación mantivo a súa intensa actividade ata os anos 60. Agora, gracias a memoria e tesón dos descendentes daqueles primeiros Terribles podemos voltar a gozar da música desta formación que tanto bailaron os nosos país e avós.

Se o primeiro disco de ?Os Terribles de Donas? recibía o nome de Abrollido por ser este o lugar da parroquia de Donas onde renaceu e ?abrollou? o grupo ensaio a ensaio, neste segundo quixemos ?viaxar? pegados á terra sen saír da parroquia facendo unha homenaxe a un dos lugares sen dúbida máis espectaculares e emblemáticos do Val Miñor e probablemente de Galicia enteira: Pedra Moura e o seu castro no monte das Pinceiras.

O lugar da Pedra Moura representa á Galicia máxica e misteriosa coa lenda asociada na que unha fermosa e misteriosa dama peiteábase alí polas noites, estando ese peine gravado na propia pedra, tamén os petroglifos que alí se atopan e o espectacular castro en plena recuperación actual, representan á Galicia histórica, á cultura castrexa. Todo isto nun marco xeográfico sen igual dominando o parque natural das illas Atlánticas, a costa do Val Miñor e das Rías de Vigo e Pontevedra. Este espectacular pasado entorno á Pedra Moura estase a reconstruír tamén pedra a pedra porque a reconstrución do pasado no presente garante un futuro propio froito da nosa singular historia. Do mesmo xeito a música tradicional de ?Os Terribles de Donas? recolle unha tradición e unha historia propia e singular que estamos reconstruíndo no presente para ter tamén un futuro propio no que a nosa singularidade teña cabida no mundo como algo distinto e apreciable. Poderiamos dicir que todos nacemos cunha ?pedra? nas mans, algúns usan esa pedra coma unha arma, outros a poñen onde cadra sen ter en conta o sitio que lle correspondería, outros usamos esa pedra para reconstruir o pasado no presente honrando e respectando ós nosos devanceiros e deixándolles os nosos fillos un mundo mellor e máis valioso no que poder agromar porque as raíces están coidadas, porque os alicerces foron respectados...

O simbolismo, a historia e o Patrimonio que representan a Pedra Moura os seus petroglifos e o seu castro son paralelos ó traballo de ?Os Terribles de Donas ? na música tradicional no chamado patrimonio inmaterial, nós temos moi claro onde colocar as nosas pedras. . O topónimo de Pedra Moura e bastante común en distintos lugares de Galicia e Portugal o que tamén enmarca á nosa proposta na pertenza a unha cultura singular, Os Terribles de Donas tamén teñen as súas raíces e historia entre Galicia e Portugal como as distintas referencias á Pedra Moura.

Pedra Moura é tamén unha homenaxe a todos aqueles que usaron e usan as súas pedras para conseguir que á nosa cultura e a nosa terra siga sendo única!!

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 28-12-2011 16:12
# Ligazón permanente a este artigo
Cantos de Reis cos Chichisos (Pontevedra)

CANTOS DE REIS 2012

Un ano máis (e xa van 12) o grupo Os Chichisos acompañados de diversos instrumentos como acordeón, gaita, frauta traveseira, guitarra, tamboril, bombo, charrasco, pandeireta e pandeiro, etc., e un grupo de nenos e nenas, xuntámonos pra levar os ?Cantos de Reis?, polo concello de Pontevedra.

OS CANTOS DE REIS

Unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal era ir cantar polas casas. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ó longo dos séculos. En troques do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.

Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para monta-la festa.
En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as xaneiras, manueis ou aninovos e a véspera de Reis os cantares de reis ou aguinaldos. Normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis a temática adoita xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir. Case a totalidade dos cantos de Reis relatan unha viaxe ou falan dun camiño o cal tampouco é casual se temos en conta que o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Sol viaxa constantemente e o camiño representa a búsqueda dunha nova vida.

Estes cantos de Reis soían comezar cunhas estrofas de presentación dos ?reiseiros? na que se pedía permiso ou licenza para cantar na casa dos que visitaban. A continuación viña o propio relato ou canto de Reis e adoitaban rematar cunha estrofa de loubanza ós da casa onde cantaban, en caso de obte-lo aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte e mesmo insultante, no caso contrario, facendo saber ós veciños quen estaba menos disposto a comparti-los seus alimentos cos demais. De seguido tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban os da casa a danzar.

Estes tipos de cantos son melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais de estrofa cos comezos. Polas letras e melodías destes cantos percíbese que son de corte culto. Moitos deles teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e transformados polo pobo.
Moitos destes cantares son en castelán ou castrapo, debido a súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua. Outras veces se a casa onde se cantaba era de ?señoritos? entón trocábase nos cantos o galego polo castelán, para agrada-los anfitrións.

Os cantos de Reis eran interpretados por cuadrillas ou xugadas de homes, mozos e nenos que recorren as casas dando a boa nova cantando. Estes grupos de Reiceiros compóñense dun gaiteiro e dun ou varios cantores e incorporan, ocasionalmente, percusión e instrumentos varios, sobre todo instrumentos denominados humildes (botella de anís, cunchas, paus, piñas, etc.) que eran os que se podían atopar facilmente nas aldeas. Pola zona sur da provincia de Pontevedra, conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal, as rondallas. A orixe da tradición vén xa de lonxe, existindo rexistros dende 1920. Os vellos din que logo de ir á leira collían os instrumentos que había na casa e ían de pasarrúas polos barrios.

Os cantos de Reis era e é unha das tradicións máis fermosas do tempo de Nadal. Forman parte importante do noso patrimonio cultural, polo que é un tesouro que debemos manter.


PROGRAMA:
? Días de ensaio : 27,28, 29 e 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro na casa do pobo de Bértola - Vilaboa ás 20:00 h
? 4 de xaneiro polas prazas e rúas de Pontevedra, actuación de Os Chichisos. Sairemos ás 17.00 h da praza da Liberdade. Actuación incluída dentro do Programa de Actividades de Nadal do Concello de Pontevedra.


Para saber máis sobre este tema teléfonos:
649 748 708 Rosalía (Os Chichisos)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 27-12-2011 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chega a fin de semana da noiteboa
Sexta feira 23 (Venres)
? Tic Tac ás 18:30 h na Fábrica en Perillo (Oleiros)
? Malvela no Centro Recreativo cultural O Torreiro (Nigrán) ás 19.00
? XXV aniversario Siareiros Galegos (Teo): Invivo, Bastards on parade, Contra as cordas,...
? Zënzar na Sala Badulake (Ordes)
? Foliada infantil de nadal en Foz
? II Festival Folc no Galiñeiro, no c.c. de Vincios, Gondomar, cos Irmandiños de Vincios, Zurrumalla e Tanto Nos Ten
? II Foliada do Nadal na Cervexería do Baixo da Casa da Xuventude de Cecebre (Cambre-A Coruña
? Estalotada en Compostela

Sábado 24

Domingo 25
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 23-12-2011 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
Folc no Galiñeiro 2011 (Vincios-Gondomar)
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 23-12-2011 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
II Foliada de nadal (Cambre)
GAITEIR@S DE CECEBRE celebramos este VENRES DÍA 23 DE DECEMBRO unha NOVA FOLIADA co gaio deste Nadal 2011 á fin de disfrutarmos xuntos dunha nova noite de festa, música e baile xunto con todos os nosos amigos e compañeiros.

Contamos que non perdíchedes mañas e acudades acompañados das "ferramentas" para que trema o ceo e vibren unha vez máis os sons da nosa música tradicional na máxica terra do Bosque Animado.

Disponse aparcadoiro.

¡¡¡FELIZ NADAL 2011 E MOITA MÚSICA DE NUESTRO SEÑOR!!!

*UBICACIÓN:
-Estrada: AC-214
-Cervexería "Coliseum", no Baixo da Casa da Xuventude de Cecebre (Cecebre-Cambre-A Coruña).

*COORDENADAS G.P.S.: N 43º 17´39´´, W 8º 20´41´´
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 23-12-2011 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
Foliada infantil de nadal en Foz
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 23-12-2011 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
Zenzar en Ordes
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 23-12-2011 17:38
# Ligazón permanente a este artigo
XV Aniversario Siareiros Galegos
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 23-12-2011 15:40
# Ligazón permanente a este artigo
Festa Falperrys en Vigo


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-12-2011 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
Audición de nadal na e-Trad (Vigo)
Chega o nadal, e con el a primeira das audicións na escola, que pon o remate a este primeiro trimestre do curso no que andamos.

Polo escenario do salón de actos pasarán os alumnos de todas as especialidades instrumentáis da e-Trad: Arpa Céltica, Acordeón Diatónico, Canto Popular, Corda Pulsada, Gaita, Percusión Tradi- cional, Requinta Violín Folk e Zanfona. Tamén mostrarán o seu traballo os alumnos de conxunto 4, e os de Coro e Conxunto de corda frotada.

Será este xoves 22 de Decembro a partires das 18 horas no salón de actos da e-Trad. Non faltedes e moi Bo Nadal a todos!
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-12-2011 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
Gaita galega: tradición e evolución (I)
O pobo galego ten un patrimonio musical de orixe tradicional considerado por moitos estudiosos e estudiosas como un dos máis ricaces da Europa

Entre as persoas que figuran na miña listaxe de amizades, un grupo relativamente amplo dedícase á música. Profesionalmente ou non, moitas orientan o seu labor cara ao estudo, á composición, á análise e á interpretación, normalmente da tradicional e da clásica; hainas que prefiren estilos diferentes, cal a canción de autor, o rap ou o rock en galego; e varias centran a súa actividade no artesanato, en especial na construción e reparación de instrumentos. A conversa con estas amigas e amigos tórnase sempre pracerosa porque concordo coas súas impresións a respecto da relevancia que cultural e socialmente ten a música, non só como unha das máis elocuentes artes, mais tamén como xeradora de profesións e de postos de traballo, como transmisora de sensacións humanas, como modo de exprimir sentimentos e, alias, en particular a música tradicional, como elo que nos vincula a un pasado musical milenario e a unha notábel cantidade de culturas musicais do mundo ao longo dos tempos: a tradición occitánica, as sonoridades árabes, as resonancias dos pobos celtas, o canto relixioso románico, a música barroca, os ritmos vindos da emigración americana etc.

O pobo galego ten un patrimonio musical de orixe tradicional considerado por moitos estudiosos e estudiosas como un dos máis ricaces da Europa, sen parangón, tanto por cantidade e variedade canto por cualidade, con moitas nacións próximas. Reparemos en que, a día de hoxe, aínda se descoñece o número exacto de melodías tradicionais existentes, cifradas en varios milleiros: aos cancioneiros publicados a que se pode ter acceso (Casto Sampedro, Inzenga, Schubart & Santamarina, Torner & Bal e Gay, Valladares, Villalba Freire etc.) temos de lles sumar as coleccións que se achan nos vellos arquivos dos coros populares (Cantigas e Agarimos, Cántigas da Terra, Toxos e Flores, Ruada etc.) e das asociacións folclóricas (Aturuxo, Brincadeira, Eidos, Xacarandaina, Xiradela etc.); na mesma liña, non podemos deixar de parte as compilacións privadas de persoas que se dedicaron ao estudo e documentación deste tipo de música de transmisión xeracional, nin tampouco debemos esquecernos dos repertorios de solistas ou de grupos de gaiteiros dos séculos XIX e XX hoxe considerados míticos (Ambite, Antonio do Breixo, Areeiras, Airiños do Parque de Castrelos, Campaneiros, Faíscas do Xiabre, Manuel Villanueva, Morenos, Paradela, Raparigos, Ricardo Portela, Soutelo de Montes, Tempranos de Eirís, Trintas de Trives, Xoán de Campañó etc.).

Evidénciase que con toda esta nómina de intérpretes, o legado da música de orixe tradicional resulta verdadeiramente sorprendente. Precisamente, un dos instrumentos con que ese patrimonio conseguiu fuxir do esquecemento e perpetuarse para as xeracións vindeiras foi a gaita, quizais o máis representativo dos instrumentos galegos, cando menos dos coñecidos como aerófonos, o cal remonta as súas primeiras atestacións iconográficas xa á Idade Media. A gaita ou cornamusa, da cal se levan barallado varias hipóteses sobre a súa orixe nin todas merecentes de aplauso (procedencia céltica, proveniencia romana, influencia sueva ou xermánica etc.), vai inspirar estas reflexións, xa que a súa evolución e a súa transcendencia na información da cultura galega contemporánea é un tema que suscita, entre as persoas afeizoadas ou profesionais, interesantes opinións. É a nosa vontade, por tanto, explicitarmos algunhas ideas con que, de vez en vez, orientan conversas coas amizades a que antes nos referimos. De entrada, vaia por diante o noso máis profundo respecto por todos aqueles que, dunha maneira ou doutra, dignifican a música tradicional: xa compilando melodías, xa a catalogaren arquivos; ora compondo novas obras inspiradas na tradición, ora a levaren esa música por escenarios (inter)nacionais; quer construíndo instrumentos capaces de interpretaren calquera tipo de estilo, quer procurando modelos de épocas pretéritas e con sonoridades arcaicas; ben tocando nunha reunión familiar, ben a deleitaren millares de individuos nalgún festival.

A gaita coñeceu un desenvolvemento extraordinario en apenas corenta anos. Foi capaz de non perder a súa esencia tímbrica a manter unha afinación máis propia da escala natural, case temperada, o cal que fai posíbel que se poida acoplar a unha orquestra sinfónica, a unha banda de blues ou a unha viola de gamba. Neste sensacional percurso tiveron moita responsabilidade os obradoiros de Antón Corral e de Seivane, os cales, sen desmerecermos outros artesáns do século XX (como Bao, Carril, Iglesias, Marreco, Santalices etc.), crearon mesmo escola na elaboración formal e na estética sonora do instrumento: a forma do fol (herdada de modelos antigos), a estudada precisión nas técnicas interpretivas da "man aberta" e da "man fechada", a actual polivalencia de posturas para produciren a mesma nota dependendo do estado da palleta ou das condicións atmosféricas, a precisa definición acústica do modo menor, o equilibrio entre o volume do punteiro e dos bordóns etc. Parabéns, pois, a todos eles, a Corral e aos seus discípulos e á familia Seivane, e igualmente a ese número de gaiteiros e de gaiteiras que, coas súas exixencias, suxestións e peticións, obrigaron os luthiers a investigaren pormenorizadamente o instrumento e a facéreno máis versátil.

Varios dos recursos característicos da gaita galega son imitados hoxe en día por intérpretes doutras partes do mundo en que existe tamén unhas sólida historia e proxección sociocultural gaitísticas. Así, non é raro que as bandas escocesas incorporen dúos por terceiras paralelas nas súas gravacións e concertos, ao paso que o modo menor, tradicionalmente inexistente nesa gaita, é requerido polas mellores formacións e solistas. Na Bretaña, por seu turno, acontece algo similar, pois a maior parte das bagadoù (conxuntos de gaitas escocesas, gaitas bretoas, bombardas e percusións) tamén coñece desde pouco tempo a escala menor e os antecitados dúos, inspirándose así na nosa tradición. En Asturias, da mesma forma, resulta frecuente que se tanxan hoxe melodías con idénticas técnicas típicas da gaita galega. Trátase, en definitivo, de trazos que caracterizan a nosa cornamusa, ou cando menos desde hai 70 ou 80 anos, e que foron adaptados e incorporados á cultura da gaita no mundo occidental europeo; xunto coa recente extensión da gama cromática da gaita galega a unha oitava e media, dotan o instrumento dunha maior capacidade musical e fano capaz de acometer obras que hai uns anos eran totalmente impensábeis, sen por iso deixar de ser completamente apto para a música de teor máis tradicional. E non só recursos técnicos do noso instrumento son adaptados ou incorporados a outras culturas gaiteirís, mais tamén a propia gaita galega é adoptada por parte dalgunhas formacións: tal é o caso da gaita galesa deseñada por Antwn Owen e construída presentemente polo Obradoiro Seivane, a cal na realidade vén sendo esencialmente unha gaita galega cun torneado da madeira singular, mais a manter a forma características do fol galego e a disposición dos bordóns de maneira idéntica á nosa.

No entanto, a gaita na Galiza tamén coñeceu, nesta súa transcendental evolución moderna, certos momentos de particular penumbra. Falamos en primeiro lugar dos plaxios e das hibridacións e, en segundo lugar, se o público nolo permitir, das aparentes involucións que foron aparecendo nos últimos anos. Primeiramente, por plaxios e hibridacións entendemos as aberracións que se practica(ro)n na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense e na súa área de influencia, cando, con fondos públicos, se inventou un modelo de gaita cos bordóns e o fol dispostos ao modo da gaita escocesa das Terras Altas e se dixo que iso era un tipo de cornamusa tamén tradicional da Galiza, confundindo o enganando as persoas menos informadas. Obviamente, aínda que o produto melódico sexa acusticamente galego, xa que os instrumentos teñen a afinación moderna propia de aquí, a estética non o é, pois a inspiración é elementarmente da piobh-mhór das Terras Altas escocesas. Non é certo que vira moito difícil podermos chamar "violino" a un instrumento con forma de "viola", por moito que o resultado sonoro fose o mesmo e por moito que ambos se parezan entre si? En gardando certo parecido formal, alguén confundiría propositadamente unha espineta, un órgao ou un piano? A resposta, ben seguro, sería que non. Obsérvese que con isto non é o noso desexo cuestionarmos a lexítima vontade dun gaiteiro ou dun artesán cando, de maneira individual, decidir inventar ou experimentar un modelo de instrumento totalmente innovador baseándose na estética doutros estruturalmente afíns; o que sí parece discutíbel, e moito, é que o tal instrumento se pretenda facer pasar por legal herdeiro da tradición, que se tire rendibilidade político-ideolóxica de todo iso e que se subvencione con diñeiros da cidadanía que deberían ir dirixidos a outros destinos máis éticos e máis necesitados.

E en segundo lugar, mesmo obviamente non resultando tan periculosa como as practicadas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, outra das situacións sombrías a que antes se fixo referencia é a que poderiamos denominar "involución", apropiándonos así das palabras dun coñecido músico do panorama folque a quen nos une unha estreita relación de camaradaxe e amizade. Resumidamente, a situación é como segue: así como hai xente que opina que o galego só está ben na aldea para contar historias de lobos tras a lareira, mais que se non pode usar na cidade ou na ciencia ou na investigación universitaria, tamén hai intérpretes de música tradicional que estiman que a gaita galega debe renunciar, para se manter auténtica e pura, a todos os logros acústicos, ornamentais e técnicos conseguidos nestes últimos anos. Por exemplo, segundo algunhas desas opinións, totalmente respectábeis embora as non partillemos necesariamente, o modo menor non é estritamente imprescindíbel para a interpretación de melodías tradicionais (co cal, aplicando congruentemente este criterio, non se podería tocar a "Muiñeira de Chantada", a peza máis famosa na Galiza da música de gaita). Tamén de acordo con eses puntos de vista, os dúos deben ser deostados e, no mellor dos casos, deben limitarse só ás hiperempregadas terceiras paralelas, de forma que harmonizacións doutra índole pasan a ser albo de feroces críticas: até houbo concursos en que prestixiosos e internacionalmente coñecidos gaiteiros foron eliminados por executaren melodías con esa técnica harmónica. Igualmente, certa xente acha que o roncón, que emite dúas oitavas por baixo a mesma tónica do punteiro, ten de proporcionar unha atmosfera de pedal continuo, difuso, mais sen excesivo reparo na súa precisa afinación a respecto do tubo melódico. E, do mesmo xeito, a postura do intérprete e o modo de abrazar o fol semellan, da nosa óptica, merecentes de nota: en ocasións a bolsa de ar é apertada contra o peito, ao paso que o punteiro, en vez de tender á verticalidade como é habitual, muda para unha posición case horizontal, co que dá impresión de que a persoa que tanxer o instrumento non se acha cómoda; vellas fotografías, as máis delas con persoas posando en vez de estaren realmente a tocar, acoden presurosas como posíbeis causantes desa tan hodiernamente reivindicada posición do intérprete.

Outrosí, a procura de enxebreza na execución e na imaxe do gaiteiro e da gaiteira leva consigo determinadas decisións á volta de de como ten de ser o acompañamento en formacións de estética máis ou menos tradicional. Así as cousas, poden verse grupos ou solistas que, inexplicabelmente do noso punto de vista, senten notoria predilección por unha caixa metálica, introducida nos primordios do século XX por imitación das bandas de música urbanas e vilegas, en vez dun tambor de madeira e de parches de coiro, modelo máis antigo e, subsecuentemente, máis coherente con esa digna ansia de recuperación do xenuíno; case nunca, entre a xente que se decanta pola caixa, se pode ver un tamboril pequeno pendurado do pulso, ao xeito de certas zonas da Galiza, como A Coruña. E inclusive nalgunha ocasión, defensores da pureza musical para a gaita tamén se fan acompañar por un bombo con pratos, elementos estes últimos, como é sabido, de orixe cando menos altomedieval...

Ciente de que falar de "música tradicional" resulta arriscado pola propia indefinición do termo, hai xente que por iso evita o esvaradío sintagma e emprega no seu lugar a epígrafe "música popular", aínda que tan popular é, entanto que coñecida polo pobo, a "Saia da Carolina" como esa "Macarena" dos andaluces que mesmo bailou W. Clinton. Tamén somos sabedores de que, a día de hoxe, non se ten constancia un Manual da tradición musical galega nas librarías (ulo?), nin unha materia nos liceos que se denomine 'Tradición musical da Galiza' (e, co actual goberno galego, moito menos), nin tampouco uns estudos regrados no ensino superior intulados 'Diplomatura da tradición da gaita galega', 'Licenciatura en tradición da gaita galega', 'Grao en tradición da gaita galega', 'Posgrao en tradición gaitística da Galiza' etc.

Libre e individualmente, cada profesional ou cada persoa afeizoada á música ten a capacidade, como é obvio, de se decantar polo tipo de instrumento que quixer, pola técnica que máis práctica lle resultar ou polo acompañamento melódico, harmónico ou percutivo que mellor o aquelar. Mais non se debería, do noso punto de vista, acudir á tradición colectiva do pobo galego para afirmar que o preferencialmente válido é un determinado estilo ou unha certa concepción, involuíndo así máis de medio século de constante aperfeizoamento. Por que acudirmos á caixa metálica e ao bombo con pratos para interpretarmos rumbas e pasodobres e por que, en troca, non termos ben máis presente a figura dun Perfecto Feixóo, quen só tocaba alboradas, foliadas e muiñeiras acompañado dun tambor de coiro e madeira? Non é este modelo máis acaído para as xentes que procuran a matrícula en pureza...?

As persoas que apelamos á tradición para levarmos á práctica algúns deses gostos persoais, respectabilísimos mais non obrigatoriamente certos, temos de reparar na complexidade semántica do vocábulo "tradición", pois é tal que, tanto connotativa canto denotativamente, trae consigo múltiplas percepcións. Acaso resulta máis tradicional un idoso gaiteiro dalgunha aldea da nación tocando, após unha muiñeira tradicional, "Doce cascabeles tiene mi caballo", que unha rapariga de vinte e cinco primaveras deleitando o auditorio, por exemplo, coas composicións de autores contemporáneos que figuran nas obras colectivas Doce polainas enteiras e De pano sedán? Nós, persoalmente, gostamos máis da segunda das hipóteses, aínda que entre ambos os pólos hai degraos que sempre resultan tan dignos como louvábeis. Voltaremos sobre estas cuestións na segunda parte do presente contributo.

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI

www.terraetempo.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-12-2011 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Gaita galega: tradición e evolución (e II)
Do noso punto de vista, non parece rexistrarse inconveniente ningún para que coa gaita galega se interprete calquera tipo de estilo, repertorio ou subxenéro musical

Ao desenvolver hai unhas semanas algúns aspectos referidos ao complexo gradatum 'tradición-evolución' para a gaita galega, ficaron polo camiño outros recorrentes temas que teñen o tipo de repertorio e a ornamentación como albo de conversas. A cuestión asenta, en primeiro lugar, en que tipos de xéneros musicais e que modelos rítmico-melódicos resultan ser os máis acaído. É unha pregunta que xa vén de antigo, pois só temos de lembrar as noticias que aparecen nos medios de comunicación escritos en finais do século XIX e no primeiro cuartel do seguinte cando se sinalaba que tal ou cal gaiteiro interpretaba xéneros alleos ou que adicionaba chaves ao punteiro para así conseguir máis posibilidades na escala: é o caso Xoán Míguez, o famoso gaiteiro de Ventosela, como ben nos lembra Calle García na súa obra Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega. E temos de convir que, mesmo a día de hoxe, se trata dun debate sen concluír que non coñece unha resposta satisfactoriamente unánime: hai intérpretes que afirman que a gaita só debe ser usada para tocar música tradicional galega e hai persoas que a utilizan para outros estilos musicais notoriamente diferentes, ao paso que existen gaiteiros e gaiteiras que no seu repertorio inclúen ocasional ou habitualmente melodías doutras tradicións musicais xeográfica ou estruturalmente próximas (balcánica, bretoa, escocesa, irlandesa, occitánica etc.), aínda que as máis das melodías que tocan sexan de orixe tradicional ou inspiradas nesta proveniencia.

E en segundo lugar, a outra cerna habitual de reflexión con opinións diversas (ás veces inclusive encontradas) ten as técnicas de ornamentación como pregunta inicial, isto é, ora reivindicando os recursos tidos por máis enxebres e puros, ora a defender a incorporación de sistemas de marcaxe, de repetición de notas e de acentuacións propios doutros tipos de gaita ou até doutros instrumentos. Como acontecía no caso anterior, a variedade argumentativa vira poliédrica: sen renunciar en ningún momento ao que se entende por máis xenuíno, e con moitos matices intermediarios, un notábel grupo de intérpretes reinvidica a adaptación ou incorporación de técnicas doutras cornamusas, dado que, ao contario do que se verifica para outras gaitas, a nosa posúe unha grande versatilidade ornamental que posibilita o emprego de adornos propios doutros instrumentos de fol; outrosí, tamén existe un importante conxunto de persoas que afirma que, aínda que cada zona ou gaiteiro posuía un estilo característico, en xeral a técnica da gaita galega está ben definida, e que, por todo isto, non precisa de incorporar recursos alleos; hai tamén algúns músicos e músicas que, na súa xusta ansia de recobraren técnicas doutras épocas, e na súa lexítima vontade de interpretaren do modo que lles esteticamente resultar máis interesante, parecen decantarse por sistemas propios das gaitas máis afíns: hai algún tempo, nunha edición do famoso "Concurso Constantino Bellón", un coñecido gaiteiro e compositor, finalista no certame, queixábase de que a el lle criticaban que tocase utilizando certa sorte de duplos picados tradicionalmente pouco ou nada empregados entre nós, mais tamén se asombraba de que a persoa que gañou ese ano imitase propositadamente a sonoridade doutras cornamusas existentes no Estado español e que os membros do xuri non tivesen iso en conta, antes ben o contrario.

Do noso punto de vista, non parece rexistrarse inconveniente ningún para que coa gaita galega se interprete calquera tipo de estilo, repertorio ou subxenéro musical. Fica claro que, individualmente, pódese sentir relativa preferencia por determinados modelos rítmico-melódicos, mais negarmos ao noso instrumento nacional a posibilidade de interpretar música clásica (un tipo de repertorio verdadeiramente extraordinario para se incorporar á gaita), country, blues ou mesmo pezas doutras culturas musicais nacionais presupón, de entrada, minguármoslle vías de expresión artística que nin todas as cornamusas existentes no mundo son quen de as desenvolveren. Concordo co que quizais estará a pensar alguén do público lector: a gaita é un instrumento milenario cunha forte carga simbólica na cultura da Galiza e xa posúe un extenso repertorio de seu. A este, obviamente, non pode nin ten nunca de renunciar, pois fai parte do seu percurso evolutivo ao longo de varios séculos, mais tamén non se lle deberían limitar as súas grandes posibilidades melódicas. Non damos imaxinado unha alborada cuxos protagonistas, os membros dun cuarteto ou quinteto, escollesen as cancións de Ray Charles para deleitaren o respectábel en vez das composicións propias dese contexto músico-festivo. Mais tamén non conseguimos pensar nunha gaiteira ou nun gaitero que, nun concerto, acoute a súa capacidade de seleccionar de cando en vez, poñamos por caso, unha aria de Bach, unha tarantela italiana ou un estándar do jazz para así o transmitir ao público asistente.

Isto harmoniza, en certo sentido, coas sensibilidades de diferentes países con tradición gaitística: unha grande parte dos seus instrumentistas ten optado xa, sempre na medida das posibilidades que ofrece cada cornamusa, por non interpretar exclusivamente repertorio considerado típico. Así é que, por exemplo, a música galega se grava e ouve en países en que, até hai ben pouco tempo, posuían un particular descoñecemento ao respecto, de modo similar a como, conforme se sinalaba no artigo anterior, tamén técnicas e recursos propios de aquí se utilizan por parte de formacións desas terras: repárese, a este propósito, en grupos ou solistas de sona internacional como Dulce Pontes, Fred Morrison, Gordon Duncan, Gwerz, Lúnasa, Kevrenn Brest, Patrick Molard, Paul Winter, Solas, The Battlefield Band, The Chieftains, The Tannahill Weavers etc., os cales introduciron melodías galegas contemporáneas ou tradicionais nos seus discos e concertos.

Talvez o que haxa que pór en relevo no repertorio e nas técnicas de execución é que non se deben sobordar certas fronteiras, aínda, tamén neste caso, a gaita, entanto instrumento musical con múltiplas formas espalladas polo mundo, antes obedece aos gostos musicais e á sensibilidade de quen a tanxir que a un escrupuloso respecto polas ansias de quen sinalar o que pode ser o máis acaído e o menos adecuado. Entre eses limites que, como se dixo, nunca deberían ser sobrepasados, estaría, nun extremo, a prexudicial e confusa concepción da gaita que se proxecta por parte da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, cun ordinario e custoso plaxio (pagado con fondos públicos da cidadanía galega) do que se fai noutros países de tradición gaiteiril, nomeadamente coa Piobh-Mhòr das Terras Altas da Escocia. No outro pólo situaríanse as conceptualizacións da gaita galega que preferencialmente reivindican acompañamentos de bombo con pratos e caixa metálica, escalas con graos sen definir (normalmente sexto, sétimo e terceiro) e repertorio e recursos interpretativos máis propio de charangas cervexeiras de verán que de cuartetos ou solistas clásicos. Honestamente, non sinto predilección por ningunha destas dúas liñas e admiro, en troca, todas aquelas formacións contemporáneas que sine ira et cum studio proporciona(ro)n ao instrumento nacional da Galiza doses de brillantismo interpretativo e de características frásicas e melódicas nunca antes imaxinadas.

Concluíndo e a enlazarmos coa primeira parte do artigo, dáse na realidade unha relativa coincidencia co que acontece coa lingua e con outros sinais identitarios: hai xentes que xulgan que o galego non serve para grande cousa; por iso tencionan exprimirse en idiomas doutros territorios, aínda que o resultado conseguido nin sempre sexa o desexado. Na gaita, paralelamente, abandónase o propio e abrázase o alleo, adoito proveniente das rexións setentrionais da Escocia, co cal emerxe unha situación maiúscula de tolemia, pois o produto sintetiza unha simbiose bárbara entre dúas variantes do mesmo instrumento que na práctica non responde a ningunha delas.

E, por outra parte, hai individuos que achan que a nosa lingua só rende utilidade a un limitado abano de funcións, normalmente aquelas vinculadas ao mundo rural, aos ámbitos folclóricos e ás louvanzas culinarias, de forma que non resulta proveitosa na cidade ou nas pesquisas científicas. No mundo da gaita, en paralelo, tamén hai xente que opina que a súa tan procurada autenticidade está na renuncia á extraordinaria evolución dos últimos anos e nesa asunción do instrumento asociada a ambientes moito concretos de notábel índole rural e popularizante, de certo tan dignos como outros, mais totalmente insuficientes para unha cornamusa tan capaz melódica e harmonicamente como a gaita galega construída nos nosos días

www.terraetempo.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-12-2011 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Os Cempés acadan o obxectivo


Fin do Crowdfunding ( pero qué palabra ... )
Fin da campaña de microfinanciación:


O noso agradecemento máis sincero aos máis de 300 mecenas.
A todos, e un saudo cariñoso ao equipo de Verkami, porsuposto.

máis de 600 CD´s comprometidos,
unhas 400 invitacións para concertos de presentación,
24 Kilos de Percebes,
3 concertos a domicilio,
3 festas das que recuperarse,
11 temas para grabar,
30 músicos participantes,
centos de horas de ensaio,
horas e horas de estudio,
kilometros e kilómetros de carretera,
+ de 5 meses de traballo intenso.

Alguén de verdade cree que os 9.775 ? conseguidos dan para 2 C.D.´s ?

Un Saudiño a todos!!

http://oscempes.blogspot.com/
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-12-2011 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Video clip adianto do novo disco dos Ruxe-Ruxe
Hoxe é o día ... comeza a conta atrás para a presentación do novo disco ... aí vos vai o primeiro clip: ROCK DO PAÍS !!!! aquelado por Pixelín e coa colaboración dun feixazo de amizades !!! :)

Comentarios (0) - Categoría: Videos - Publicado o 22-12-2011 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
Machina grava novo disco

A banda cercedense volve ós estudios para gravar un novo disco que será producido por Pablo Iglesias e que sairá á luz en marzo do 2012

Tras máis de dous anos dende que foi publicado o Post-Bravú, e despois de colaborar nos directos e traballos de grupos da comarca, Machina volve ós estudios para gravar un novo traballo discográfico.

O novo disco da banda de Cerceda, que sairá á luz en marzo do 2012, será producido por Pablo Iglesias, responsable de discos de bandas como Kannon, NDNo, Hora Zulu, The Dismal, Elecktra, Lagartija Nick, Killer Barbies, The Blows?

Este disco suporá o 3º traballo discográfico de Machina, logo de ?Acouga?(2007) e ?Post-Bravú? (2009).

A gravación levarase a cabo en Vigo durante este mes de decembro e o disco contará con algunha que outra sorprendente colaboración que polo momento non se pode adiantar.

Neste novo disco, a actualidade queda patente nunhas letras que conteñen maior crítica social, acorde ós conflictos actuais, e sempre dende un punto de vista reflexivo, convidando ó ouvinte a que pense sobre a situación.

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-12-2011 13:41
# Ligazón permanente a este artigo
Novo número de decembro de SonsdaGaliza
www.sonsdagaliza.es
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 22-12-2011 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
Schubart co Proxecto Florencio
A INVESTIGADORA SUIZA VISITA O PROXECTO

Este sábado 17 de decembro os integrantes do Proxecto Florencio, 14 músicos que están a preparar o seu repertorio baixo a dirección musical de Germán Díaz, recibiron unha visita moi especial no local de ensaio, o Centro Social Municipal de Fingoi. Foi a investigadora suiza Dorothé Schubart -entrevistou e gravou a Florencio no 1979- que estes dias se atopa en Galiza. A musicóloga, autora do cancioneiro máis completo e rigoroso xunto ao filólogo Antón Santanmarina, compartiu os primeiros pasos deste proxecto que acaba de comezar os ensaios para en verán facer os concertos de presentación. Tamén, Dorothe Schubart estivo este luns nas aulas do CS A Trisca en Santiago onde se imparten algunhas das especialidades da Escola Livre da MPG.

Dorothé Schubart Estivo escoitando o ensaio e despois mantivo unha longa conversa co equipo de traballo sobre a súa experiencia con Florencio.

Dorothe gravou a Florencio en 1979 (el morreu no 1986), na Fontaneira, na casa onde el vivía naquel momento, e ten máis de 3 horas gravadas daquel encontro. Apuntou que Florencio tiña un xeito peculiar de tocar, moi persoal, sempre cunha pincelada humorística cara o público que estaba con el.


www.folque.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-12-2011 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
O grupo que se encargou de soñar
A música popular galega hai tempo que se reivindicou como unha das expresións culturais máis ricas e interesantes de Europa, por canto representaba o destino final dunha banda sonora con camiño propio, o de Santiago. Na súa memoria recente caben formacións con gran proxección internacional, caso de Luar na Lubre e, sobre todo, Milladoiro, pero á súa paisaxe faltáballe un horizonte, que o grupo Berrogüetto encargouse de soñar.

A banda que lidera democraticamente o zanfonista e gaiteiro Anxo Pintos agora celebra o seu tres lustros de vida coa publicación dun libro que, máis que biográfico, é sublime retrato da outra gran movida galega que se fraguou estes anos nos que a música de raíz fíxose cultura maior. Así pois, 'O pulso dá terra' (Editorial Galaxia), prologado por Manuel Rivas e escrito polo xornalista Fernando Neira, non só resume a historia de Berrogüetto, senón que nos achega á evolución que o folk galego ha experimentado neste tempo até ser converterse nun feito artístico de enormes dimensións humanas e intelectuais.

Ao longo das case 200 páxinas do libro, Neira dá conta das andainas desta banda cardinal da nosa cultura popular, sempre máis admirada pola prensa especializada que pola industria. Esta circunstancia, precisamente, é a que se aborda dalgunha maneira no inicio do relato, centrado na creación de Berrogüetto tras a escisión de Matto Congro, a formación na que orixinalmente tamén militou o gaiteiro de ouro Carlos Núñez; as discrepancias entre este e o resto de membros, as distintas vontades e os diferentes desexos, retrátanse fielmente neste tramo do libro.

Datos inéditos sobre o grupo e os seus integrantes
Neste sentido, convén destacar a estraña e meritoria neutralidade coa que Fernando Neira aborda esta particular descrición, xa que o rigor da súa escritura apóiase na luz dun esforzado traballo de documentación e investigación que non deixa ningunha sombra sen iluminar. Deste xeito, o libro ármase sobre multitude de conversacións e entrevistas, non só cos membros do grupo, senón con todo tipo de profesionais próximos ao camiñar de Berrogüetto: compañeiros de profesión, colaboradores, representantes, técnicos, amigos...

Eliminado todo verniz compracente, a crónica do autor loxicamente non pode obviar o éxito de todos os seus rexistros discográficos, desde o primeiro, Navicularia (1996), até o último, Kosmogonías. Igualmente, as páxinas repasan o masivo recoñecemento de públicos e mercados estranxeiros, desde os alemáns até os británicos, onde o septeto descobre unha autoridade indiscutible.

Por último, e través dun anecdotario xeneroso, o volume penétranos en multitude de datos inéditos sobre o grupo, as súas xiras e actuacións, e sobre cada un dos membros desta familia que un día conveu nomearse a partir dun xogo de palabras: Berro (berro en galego) + Gueto + Soweto. Así mesmo, a publicación dispón de abundante material gráfico (ducias de fotografías emblemáticas, pero tamén curiosas ou completamente descoñecidas) e unha suxestiva guía de audición, para que o relato sexa completo.

'O pulso dá terra' chega aos andeis cun prezo aproximado de 35 euros, xa que tamén inclúe un CD e un DVD en directo gravados o 13 de novembro de 2010 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, con 17 temas, un deles inédito.

A nova música popular galega iniciou fai quince anos unha viaxe artística sen retorno á excelencia, con Berrogüetto sinalando sempre a boa dirección. E a un horizonte que día a día se encargan de ensanchar e colorear.


www.elmundo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 20-12-2011 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Bocixa (Zenzar)
Case un cuarto de século despois de botar a andar, os cercedenses Zënzar (nun primeiro momento Mordor) aparcarán esta noite os seus sons máis potentes para estrearse no formato acústico e presentar en A Taberna (22.00 horas) e diante do seu público o seu novo traballo, Zënzar ao vivo-Cerceda 09. «Será unha gran brincadeira rodeados dos nosos amigos», anuncia Xosé Bocixa, fundador e voz do grupo.

-¿Como se decidiron a gravar un deuvedé en vivo?
-No 2009, estabamos presentando o disco anterior, A Tribu, e Machina o seu Post-Bravú e como a asociación Lucerna non fixera festival propúxonos tocar no Campo da Feira. Xa que estabamos os dous grupos decidimos gravalo para despois poder editalos, e o noso xa está aquí. Pareceunos interesante conservar un concerto en directo e ademais diante de moitos dos nosos seguidores. Xuntouse case toda a tribu roqueira e houbo un ambiente fenomenal. O disco é unha homenaxe a toda esa xente que sempre está aí con nós, cantando, saltando, e tamén aos nosos colaboradores. Ademais, recolle o espírito de Zënzar.

-¿Por que tardou dous anos en materializarse este traballo?
-Non tiñamos présa. Gravámolo en abril do 2009 e foi no 2010 cando empezamos a pensar en darlle saída aproveitando que xa estabamos traballando no próximo disco de estudio, que sairá para abril do 2012. Nun principio tiñamos pensado lanzalos conxuntamente, pero despois pensamos que era mellor facelo por separado e que o público puidese elixir se quere os dous ou só un.

-¿Que atoparán os fans neste deuvedé?
-A forza de Zënzar en directo. O estudio é unha cousa e o directo outra. O característico de Zënzar é a forza, a contundencia, o corpo a corpo, o ambiente. Tamén haberá voces amigas, que non é o mesmo que buscar só grandes voces da música para que falen de nós, senón grandes amigos da música, como Sés, que daquela non era tan coñecida; Pablo Dalama, Martín Loureiro... Só faltou Vituco Neira, que ese día non puido estar.

-¿Como marchan os preparativos do próximo disco de estudio?
-Empezamos a gravar en novembro e xa está moi avanzado. Quedan algúns arranxos e as mesturas, pero estará listo para abril.

-¿Como será ese disco?
-Zënzar ten unha liña e un son inconfundibles, pero tamén unha evolución continua. Fomos madurando, facéndonos maiores e gozando máis da música. Ao principio faciamos moitas máis cancións de turrar contra o mundo e agora temos máis coñecemento musical. No disco haberá temas que se diferencien moito das do principio, pero a maioría si terán o toque Zënzar.

-¿Cal é o segredo para manter vivo un proxecto musical durante case 25 anos?
-Ser un grupo de amigos. Iso é o primordial, e tamén o feito de ir evolucionando. Tamén é importante non sentir presión polas vendas, por ser famosos nin por vivir da música, aínda que seguímolo intentando. Anos atrás Extremoduro e Platero y tú propuxéronnos ir de xira con eles por todo o país, pero dixemos que non porque pareceunos que o noso mundo era o territorio galego. Se cadra hoxe ao mellor fariámolo. En definitiva, o segredo é tomar as cousas con calma; se hai que berrar berramos, pero despois imos a tomar unhas cervexas todos xuntos.

-¿Cambiou moito o panorama musical galego neste tempo?
-Deu un xiro impresionante. Cando nós demos o primeiro concerto había só catro grupos tocando en galego por Galicia. Agora hai centos e moitos músicos dun nivel impresionante. Tamén cambiaron as ferramentas para gravar e darse a coñecer, Internet revolucionouno todo. O noso primeiro disco foi coma un soño e firmamos por tres discos con Edicións do Cumio, pero decidimos romper o contrato para manter a nosa independencia e ser donos da nosa música.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 20-12-2011 09:05
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a semana
Segunda feira 19 (Luns)
? Despedida de Nordestin@s no Teatro Principal (Compostela) ás 21:00

Terza feira 20 (Martes)
? Sés na Casa das Crechas (Compostela) ás 22:30
? Guadi Galego, Guillerme e Xabier Díaz no Ultramarinos (Compostela) ás 22:00

Corta feira 21 (Mércores)
? Guadi Galego, Guillerme e Xabier Díaz no Ultramarinos (Compostela) ás 22:00

Quinta feira 22 (Xoves)

Sexta feira 23 (Venres)
? Tic Tac ás 18:30 h na Fábrica en Perillo (Oleiros)
? XXV aniversario Siareiros Galegos
? Zënzar na Sala Badulake (Ordes)
? II Festival Folc no Galiñeiro, no c.c. de Vincios, Gondomar, cos Irmandiños de Vincios, Zurrumalla e Tanto Nos Ten
? II Foliada do Nadal na Cervexería do Baixo da Casa da Xuventude de Cecebre (Cambre-A Coruña
? Estalotada en Compostela

Sábado 24

Domingo 25
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 19-12-2011 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
Adeus ao norte do norte
Ugia Pedreira, Guadi Galego e Abe Rábade despiden esta noite o trío Nordestin@s

Ata aquí. Polo menos, ata aquí. Cinco anos durou a aventura. Cinco anos, ducias de concertos e un disco que vendeu máis do que esperaban no Nadal de 2006. Esta noite péchase o círculo de Nordestin@s. Ugia Pedreira, Guadi Galego e Abe Rábade clausuran o proxecto co que se achegaron ao mar, "ao medo e ao amor polo mar", o seu mar, exactamente como o iniciaron: en decembro e cun concerto no Teatro Principal de Santiago. Volverán interpretar as cancións daquel debut e engadirán catro ou cinco pezas que compuxeron ao longo de todo este tempo. "Pode pasar calquera cousa", avisa Pedreira. "En Nordestin@s nunca ensaiamos moito. O azar sempre navega polo escenario. Improvisar é como tirarse por un cantil".

Pasa a miúdo. Ugia Pedreira é de Foz e Guadi Galego de Cedeira, pero foi en Lalín, terra dentro, onde constataron que tiñan un mar común: o norte. "Traballabamos xuntas en aCentral Folque", recorda Galego camiño dun concerto en Arzúa. "Démonos conta de que compartiamos moitas cancións, con variantes de cada zona, e apetecíanos compartir todo iso cun pianista. Pensamos en Abe Rábade, aínda que eu estaba convencida de que nos ía a dicir que non. Nós procediamos da música popular e el traballaba nun discurso moi diferente, o do jazz, máis conceptual e complexo. Quizá foi iso o que se lle fixo atractivo". E dixo que si.

"Para Guadi e para min foi como un regreso a casa", explica Ugia Pedreira. "Era unha homenaxe á familia e á xente das terras altas do norte. Unha vez que reunimos as composicións, tomamos a gran decisión de Nordestin@s: invitar a ese señor do jazz galego que é Abe Rábade". O disco gravouse nun directo no Teatro Principal e o desaparecido selo Falcatruada púxoo nas tendas. Nordestin@s chegou a estar entre os traballos máis vendidos no mercado peninsular aqueles Nadais. Entre Lendas do mar e Se ti queres mesturaban composicións propias coa memoria musical común das dúas vocalistas. A innovación sempre é relativa. "A xente non queda co que soa a novo, senón co que soa a verdade", di Galego.

"Persoalmente, eu non tiña máis expectativa que a de facer un disco bonito e achegar outro gran de area á música popular galega, pero creo que serviu para abrir os ollos ante a gran riqueza do noso patrimonio marítimo", argumenta Pedreira. "Hoxe non se se venderiamos tantos discos, o mercado cambiou moito. Nordestin@s funciona porque che fai chorar: serve para limpar moitas almas. Hai un compoñente de paixón moi importante, un ingrediente que eu identifico co xeito de cantar dos pescadores do norte, de cantar e de vivir, mirándoche aos ollos".

Non se rompeu nada no trío, pero ata aquí. "Por coherencia", di Guadi Galego, que abandonou Berrogüetto no ecuador deste proxecto. "Porque para continuar habería que ter algo que dicir e non é o caso. foi unha experiencia persoal riquísima, non gardo ningún mal recordo, pero era un proxecto temático. É mellor deixalo agora". Cinco anos son moitos anos para un disco. "Tocaba", terza Pedreira. "Os grupos teñen un principio e un final, como as relacións de amor. É natural, e ademais hai vida logo da morte. Todos temos outros proxectos. Se cadra volvemos atoparnos os tres aos sesenta, quen sabe". Sen dramas.

A directora da escola de música popular aCentral Folque regresa estes días de Moulin du Roc, en Francia, onde estivo colaborando co saxofonista David Murray e a súa banda. Con Marful, o proxecto que comparte con Marcos Teira, Pedro Pascual e Pablo Pascual, editou Manual de sedución, e co brasileiro Fred Martins publicou este ano Acrobata. Guadi Galego debutou en solitario fai dous anos con Benzón e tampouco para. Vai de concerto en concerto con axuda do GPS. "Vivo a música de xeito moi feliz, sen dramatismo. Déixome levar. Se cadra nuns meses estamos falando dun disco, pero agora mesmo todo está no aire".

Son tempos salvaxes, tamén na música. "Non estamos peor que os fontaneiros", apúrase a aclarar Ugia Pedreira. "Como di un amigo, pode haber pouco pan para todos, pero se o repartimos ben e con cancións, saberá mellor. Os artistas podemos mellorar a vida da xente. Por fin, poderemos converternos de novo en trobadores. Fartámonos de explotar os recursos da terra e estamos a piques de chegar ao límite. Tócanos ser humildes".

www.elpais.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 19-12-2011 09:26
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista con Nordestinas
Nordestin@s, o grupo formado no 2006 por Guadi Galego, Ugía Pedreira e Abe Rábade, disólvese. E faino rememorando o seu inicio cun concerto en Santiago no lugar onde gravaron o seu único disco, co que tiveron un éxito que só fixo ampliar o amplo currículo que tiñan os tres en solitario. Ugía Pedreira está de viaxe e son os seus compañeiros os que dan conta do adeus.

-¿Por que non continúan?
-A.R. Porque motu proprio démonos conta de que o proxecto está esgotado, por como concibimos a nosa carreira musical os tres. Para que algo teña principio, desenvolvemento e final hai que estar abertos a saber ver as cousas. Parécenos moi bonito poñerlle final co este bo talante que temos os tres neste momento.

-G.G. Totalmente de acordo, foi algo consensuado.

-O proxecto cara a fóra só tivo un disco: ¿non queda pequeno?
-G.G. É un proxecto temático e nace dun obxectivo que eran as músicas nordestinas, o repertorio mariñeiro do Norte, ao que queríamos darlle outra visión co piano de Abe. Teriamos que buscar outro. As circunstancias nos levaron por camiños distintos e en vez de esgotar ata que isto morrera, decidimos matalo nós.

-A.R. A enerxía focalizada das tres persoas do proxecto non é a mesma. Aínda que haxa moitas cancións, na vida, nos amores, nos desamores, hai fases. Hai que saber observar o que duran as cousas coherentemente. Antes de que houbera calquera diverxencia forte a nivel artístico, ou persoal, que nunca se sabe, hai que observar as cousas, e coa mesma enerxía e ilusión coa que un inicia un proxecto, hai que saber pechalo. É un exercicio de madurez.

-¿Que salvades?
-G.G. Eu todo. Nordestin@s foi un dos proxectos nos que máis aprendín de min mesma, dos meus compañeiros e da música, e co que máis me divertín. Non lembro un concerto ao que non subira e baixara contenta.

-A.R. Estou totalmente de acordo. Para min supuxo unha instrumentación moi diferente e tivo desde o primeiro momento unha compoñente de reto bastante grande. Estar espido cun piano acompañando dúas voces é algo moi diferente ao que facía un pianista de jazz máis convencional, como podería ser eu antes.

-¿A que vos ides dedicar?
-A.R. A seguir a carreira musical que defendemos cada un de nós. Tamén quero dicir que o feito de que Nordestin@s remate non quere dicir que Guadi, Ugía e máis eu non volvamos facer cousas xuntos, segurisimamente volveremos. Iso si, será outra cousa, non será Nordestin@s.

-G.G. A clave de Nordestin@s era o proxecto, iso non significa que non podamos xuntarnos para facer surdestinas, ou centrodestinas, pero será outro proxecto.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 19-12-2011 09:20
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0