Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O novo de Mercedes Peón
DERORÁN" o primeiro single de ...---...

SÓS é un álbum sorprendente: intenso, creativo,
forte, suave, único no mundo; unha forza da natureza creada por Mercedes Peón, artista comprometida co seu tempo e o seu pasado. O discurso intelectual e primitivo da súa música é un faro de luz que alumea os escenarios internacionais que visita.

Edición limitada nunha caixa metálica de luxo con
deseño contemporáneo

Comentarios (0) - Categoría: Videos - Publicado o 03-11-2010 17:28
# Ligazón permanente a este artigo
Un pouco de humor
Comentarios (0) - Categoría: Videos - Publicado o 03-11-2010 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Cristina Pato e Rosa Cedrón
Comentarios (0) - Categoría: Videos - Publicado o 03-11-2010 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Bellon e Maceiras sobre o seu novo álbum Folkfusion
Comentarios (0) - Categoría: Videos - Publicado o 03-11-2010 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
As novas xeracións das cantareiras
Comentarios (1) - Categoría: Videos - Publicado o 03-11-2010 16:52
# Ligazón permanente a este artigo
Fía na roca despediranse dos escenarios

Fía na roca despediranse dos escenarios logo de case vinte anos de concertos


Despois de 17 anos "enfiando" música folk, Fía na roca despídese dos escenarios. Farao o 15 de xaneiro en Glasgow (Escocia) no Festival Celtic Connections. "Foi máis casual que algo pensado polo grupo: era o último concerto que tiñamos contratado. Ademais, non nos gustan as auto-homenaxes nin os funerais. Por iso decidimos deixalo tranquilamente", explica un dos membros da banda, o acordeonista e pianista Xosé Ramón Vázquez.

O que non entra dentro da casualidade na historia deste grupo de folk é o de terse arredado das fórmulas comerciais dende o seu primeiro álbum homónimo editado en 1993. Unha decisión que nace da convicción de que "non se debe facer música pensando en se se vai vender" e que non estivo exenta de consecuencias negativas. "Fomos pouco promocionados e ignorados polos grandes medios pero non dobramos o xeonllo diante de ninguén: ninguén nos obrigou a non cantar en galego, por exemplo", di Vázquez. Logo de remataren a temporada de concertos de verán, Sonia Lebedynski, Giao Rodrigues, Roberto Santamarina, Pablo Pérez, Roberto Rama, Carlos Castro e Xosé Ramón Vázquez decidiron emprender camiños diferentes. "A nosa cantante, Sonia, sacará un disco en solitario así que se nos facía un pouco complicado continuar. Ademais, tiñamos ganas de tomarnos un descanso e decidimos que era un bo momento para facelo", explica Vázquez.

Logo de editar seis discos, o balance é "moi bo" xa que consideran cumprido o seu reto de "abrir a música galega e achegarlle novas influencias". Pero tamén valora o "factor humano" que uniu aos compoñentes do grupo todos estes anos. "Somos compañeiros e amigos, iguais a todos os efectos", apunta Vázquez.

Fía na roca xurdiu no intre máis álxido do éxito da música folk galega. Milladoiro era xa o canon musical dos noventa. Por iso, o grupo naceu co celme de "pisar novos camiños, con moita ilusión e moitas dúbidas", di o músico.

Un dos puntos que tiveron claro dende as súas orixes foi o de arredarse das fórmulas comerciais. "Apartámonos porque cremos que o comercial non debe empapar todo. Nesta sociedade mercantilizada, somos dos poucos inxenuos que pensamos que a música responde aos sentimentos, non se debe facer música pensando en se se vai vender. O boom do folk nos noventa trouxo moitos cantos de serea e nós non cremos niso. Ninguén se fixo rico co folk", asegura Vázquez. Un camiño, porén, non exento de baches. "Tivemos pouca promoción e fomos ignorados polos grandes medios. Pero non dobramos os xeonllos diante de ninguén. Por exemplo, a nós ninguén nos obrigou a non cantar en galego", di o músico.

"En Galicia hai moita creatividade"

Cada disco de Fía na roca -como o Quince maios (2009), Vente vindo (2007) ou Agardando que pase algo (1993)- acompañábase de colaboracións con artistas galegos como Miguelanxo Prado, Xoán Guerrero, Xosé Garrido ou mesmo chegaron a rodar un documental co grupo La Bottine Souriante. "Entendiamos que un disco non era só a música no CD. Hai un deseño galego que é moi interesante. Cremos que en Galicia hai moita creatividade. As colaboracións que tivemos permitíronnos pórmonos en valor a nós e ós artistas gráficos" do país, di Vázquez. Porén, o adeus de Fía na roca soa máis a un "ata logo". Polas palabras de Xosé Ramón Vázquez intúese que as portas quedan abertas a un posible regreso.

TRAXECTORIA "A música terase que reconverter"


A traxectoria de Fía na roca vai unida a xiras internacionais por países como Arxentina ou Uruguai. "Somos felices cando tocamos fóra. Valórasenos máis que no país. Iso responde a que un concerto noso en Galicia non é exepcional, algo que si sucede fóra de aquí", asegura Xosé Ramón Vázquez. Ao seu ver, a cultura ten que ser retroalimentada tamén polo público que a consume. "En Galicia vivimos un pouco sobrados e quizais chegue un día no que non teñamos o que temos hoxe. A cultura galega é unidireccional; pero eu coido que ten que ser alimentada tamén polo propio público", asegura.

No contexto de crise da propia industria musical, Vázquez opina que "a música galega terase que reconverter. Estamos nunha fase de decantación e reformulación da forma de traballar. O folk é unha música minoritaria. A partir de agora é probable que teñamos que repensar como facemos os discos e os concertos, cara a unha maneira máis sustentable".

www.galiciahoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-11-2010 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
O folk galego remata de fiar en Escocia
“Glasgow. 15 de Xaneiro. Concerto de despedida. Despois non haberá máis”. Ler ese adeus, ese epitafio sobre o escenario no apartado de xiras da web dun grupo de música resulta duro, frío e calculado. Sobre todo cando esa formación ten unha tradición labrada durante anos. Ás portas da maioría de idade, os sete compoñentes de Fía na Roca decidíronse pola emancipación. Despois de 17 anos, este clásico do folk galego dirá adeus o próximo xaneiro no festival Celtic Connection de Escocia. Atrás quedarán catro discos de estudio, un en directo, un DVD, centos de concertos e unha das formacións galegas máis destacadas e que foi testemuña da gran explosión folk dos anos noventa.

A súa despedida débese a ese motivo tan recorrente e que nada significa, pero que todo di: fin de ciclo. Novos aires, novas musas, camiños diferentes e, quizais, a sensación de que a partir de agora todo o que fixese Fía na Roca ía a soar a vello, ía a saber a nostalaxia. “O porqué é moi fácil: levabamos 17 anos, queriamos refrescar un pouco, comezando por Sonia Lebedynski, que sacará un disco en solitario. Coa súa marcha teríamos que recompoñer o grupo e despois de 17 anos, non queriamos facelo. É o mellor momento para marchar. Pero isto non é deixar a música”, explica Xosé Ramón Vázquez, un dos compoñentes do grupo.

A despedida de Fía na Roca puido sorprender e mesmo entristecer o público. Non obstante, hai acreditadas voces que aplauden a decisión dos músicos. “Alégrome da súa disolución. Cúranse en saúde. Así tomarán aire fresco e o grupo desaparece cun consenso dos compoñentes. É una boa morte, a morte é parte da vida e só queda dicir que longa vida ao grupo”, opina a popular cantante Ugía Pedreira, directora da Central Folque.

UN SÍNTOMA NA ESCENA?
Fía na Roca pecha en xaneiro un ciclo empregando a máxima de que todo proxecto, como calquera ser vivo, nace, evoluciona e acaba por morrer. Nada é eterno e algúns non o comprenden. E que non o entende, acaba por languidecer. Fía na Roca non é un deses casos, pero a súa marcha, despois de tantos anos, pode supoñer un síntoma dentro do folk galego. Despois dunha eclosión tan forte nos noventa, parece que os ventos cambiaron dun tempo a esta parte. Pero dende Fía na Roca veno doutro xeito. “O folk ten boa saúde. Non é un xénero maioritario, pero houbo un momento de moda que xerou un gran número de grupos. Aquilo foi algo bo, pero non é o normal. O que pasa é que agora vivimos a resaca daquel momento. Despois desa época vibrante, volveuse á normalidade, pero non é ningunha recesión”, di Vázquez.

Dende a Central Folque apóiase esa visión e descartan calquera síntoma de cansazo no xénero folk en Galicia. “Non creo nese problema. É unha idea da crítica musical galega. Nós seguimos a moitos grupos, moitos proxectos e cada vez vemos máis calidade. A xente que estamos neste mundo da música galega non paramos, só cambiaron os conceptos de base”, explica Ugía Pedreira dende a Central Folque.

A verdade é que en Fía na Roca ninguén vai parar. Os membros actuais da formación –Xosé Ramón Vázquez, Giao Rodrigues, Roberto Rama, Pablo Pérez, Carlos Castro, Roberto Santamarina e Sonia Lebedynski– non deixarán os pentagramas. “É un punto e á parte na nosa traxectoria, rematou o ciclo. Cada un de nós ten proxectos individuais. Eu ando a traballar nun disco en solitario. Era unha idea que me roldaba na cabeza e agora é o momento”, sinala Sonia, a voz feminina. Non obstante, a porta queda aberta para o regreso. “É unha parada, non sabemos se haberá algo máis. Somos un grupo de amigos, non houbo ningún problema. Só queremos transitar novos camiños. Sempre actuamos por consenso. Non sei se volveremos pero a porta está aberta”, explica Sonia Lebedynski.

A partir do 15 de xaneiro Fía na Roca será unha parte da historia do folk galego máis recente. Unha historia que comezou en 1993 coa publicación do seu primeiro disco, titulado co nome do grupo. A partir de aí, a formación publicou outros tres discos e converteuse nunha formación de referencia dentro da música galega. “Eu comecei hai dez anos, o grupo xa levaba anos traballando. Para min supuxo unha fonte de inspiración e un lugar de aprendizaxe. Crecín e madurei persoal e musicalmente”, explica Sonia, que despois do seu paso por Fía xa aspira, como o resto da formación, a conseguir éxitos de xeito individual.

Fía na Roca despedirase lonxe de Galicia nun último concerto dentro da programación do Celtic Connection. Glasgow presenciará o final dunha formación destacada dentro do panorama galego. Elixir esa cita do folk internacional é, simplemente, resultados do azar. “A despedida é aló porque cadrou. A finais de verán decidímolo e ese será o último concerto. É simple coincidencia. Non naceu a idea de despedirnos en Glasgow, non o pensamos así. Cadrou”, explica Vázquez. Non haberá pois ningún tipo de concerto de despedida en Galicia. Fía na Roca non ten na súa axenda convocar un gran acto para dicir adeus á escena galega. “Marchamos de forma natural, é unha despedidade normal e tranquila. Non precisamos homenaxes especiais e moito menos autohomenaxes”, recoñece Vázquez.

Con Fía na Roca desaparece, ademais dun grupo, unha forma de entender a música dentro do folk que compartiron con outras moitas formacións nos últimos meses. “Fía na Roca sempre actuou a contravento, nunca tivo apoio institucional nin comercial. Fía na Roca sabe que é autoeditarse e encargarse da distribución”, lembra a cantante Sonia Lebedynski ollando cara atrás con perspectiva. En xaneiro, a banda será xa parte da historia, pero o seu camiño segue aberto. “Non os perdemos para a música”, tranquiliza Ugía Pedreira.

www.xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-11-2010 16:46
# Ligazón permanente a este artigo
Segue a semana
Terza feira 2 (Martes)

Corta feira 3 (Mércores)
• Emilio Rúa no pub Ultramarinos de Compostela ás 22:00

Quinta feira 4 (Xoves)

Sexta feira 5 (Venres)
• Quique Peón no Pazo da Cultura (Pontevedra)
• Nova Galega de Danza no Cine Alovi (As Pontes de García Rodríguez)
• Machina no pub Gatos (Melide)
• Balakandra en Cerdido no bar Queira
• Dúo Fernandez&Quintá na Regueifa (Ponteareas)
• Som do Galpóm no Catro camiños (A Rúa)
• Os John Deeres no Pub Nerio de Cee
• Repichoca no Mesón de Tony (Neda)
• Noites de Tasca no Bar Vda. de Nouche en Sigüeiro-Oroso.

Sábado 6
• Lamatumbá e Airinhos del Campito na Praza de Galicia de Narón ás 22:00
• VentoRock (Ventosela, Redondela): Os Veraneantes, Skandalo Gz, Recambios Tucho,...
• Festival Camiño a Teo (Solláns-Calo): Ataque Escampe, Leo i Arremecaghoná, A Magnifique Bande dos Homes sem Medo, Medomedá, Novedades Carminha, Todo Tallada, Airiños do Maycar, Pandereteiras Bouba...
• III Foliada de Sada
• Serán en Caldelas do Miño (Tui) ao carón da igrexa
• Serán no bar o Sifón de (Avión)
• Serán en Viladesuso (Oia)

Domingo 7

Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 02-11-2010 08:40
# Ligazón permanente a este artigo
Resultados das XI Xornadas de Danza e Músicas Tradicionais Galegas (Vigo)

1º Premio: Traspés (Vigo).
2º Premio: Colexiata do Sar (Santiago).
3º Premio: Xirandola (Silleda).
4º Premio: Froles Novas e A Buxaina
5º Premio: non houbo.
6º Premio: A Carballeira (Lalín).

Premio o mellor vestiario: Colexiata do Sar.

Premio o mellor acompañamento: A Buxaina.




Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 02-11-2010 08:28
# Ligazón permanente a este artigo
Ovay na Coruña

Espectáculo OVAY a cargo de Henrique Peón na Coruña

Os 4 puntos cardinais son a referencia da que parte esta montaxe de Henrique Peón na que interpreta o primeiro só de danza galega.
Baile, canto, teatro e música en directo, nun espectáculo que conxuga movementos tradicionais e contemporáneos, tradición e innovación. A música é de Xosé Luís Romero e Suso Vaamonde.

Luns 1 de novembro ás 19:00 no Teatro Rosalía Castro da Coruña



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-11-2010 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
Loito no día de defuntos
Día especialmente triste.
Hoxe, entre moitísimos outros, O Fiadeiro e SonDeSeu están de loito. Mar, nosa Mar de Vigo, deixa en nós un baleiro tan profundo como a ría, máis un recordo inmellorable de dozura, amizade, lealdade e respeto. Sempre te quereremos, e nunca te esqueceremos.

Hoxe luns, ás 11:00 será a ceremonia de despedida no Tanatorio de Pereiró (Vigo)


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-11-2010 09:51
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer