Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Uxía e Emilio Cao no espello, 1ª conversa aberta na EAEM
Uxía e Emilio Cao no espello, 1ª conversa aberta na EAEM

Será este sábado 8 de novembro ás 19.30 h na sé pedagóxica de aCentral Folque Compostela, no auditorio Escola Altos Estudos Musicais de Santiago.

Constará de unha mesa redonda denominada “Uxía e Emilio Cao no espello” e a presentación editorial de Etno-folk, revista galega de musicoloxía.

aCentral Folque, organiza unha serie de actividades que unen nunha tarde unha presentación editorial e unhas mesas redondas baixo a denominación “conversas abertas” na que varios ponentes relacionados co mundo da música falarán sobre diferentes aspectos da realidade artística galega: difusión cultural a nivel internacional e comercial; novas tendencias a explorar; experiencias artísticas de profesionais en activo. Músicos, productores, comunicadores,… participarán dun xeito distendido e aberto os sábados á tarde na sé educativa de aCentral Folque no parque de Vista Alegre.

Para a primeira entrega presentaráse Etno-folk, revista galega de etnomusicoloxía publicada pola editorial viguesa Dos Acordes, especializada en temas musicais e pedagóxicos. Un referente para interesados na música galega onde se recollen artigos de investigación de musicoloxía.

Na 1ª conversa aberta serán dúas personaxes claves na evolución do folque galego: Uxía Senlle e Emilio Cao conversando da súa traxectoria vital e artística. Falarán entre eles e coas persoas que atendan este acto extraordinario que vai xuntar en Compostela a dous profesionais que representan a tradición contemporánea e proxectan a música de Galiza internacionalmente desde hai máis de 25 anos.

Etno-folk, revista galega de etnomusicoloxía -

Naceu en 2005 coa idea de proporcionar a tódalas persoas interesadas polos aspectos etnomusicolóxicos, unha plataforma onde puideran publicar os seus traballos, coñecer as líñas de investigación abertas, intercambiar información… sempre baixo o criterio da publicación, que é, ante todo, musical, etnolóxico e investigador.
Etno-folk é xa unha publicación consolidada con once números no mercado e tres edicións anuais, cunha extensión aproximada de 200 páxinas por exemplar.


www.folque.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-11-2008 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
3º concerto matutino: mostra de instrumentos populares
Mostra de instrumentos a cargo de Roberto Sala no CSC de Fontiñas (Compostela) o vindeiro domingo 9 de novembro ás 12.30

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, está o organizar unha serie de concertos nas mañás dos domingos en distintos centros socio-culturais de Santiago de Compostela. Son actuacións dos profesores de aCentral en combinación especial que viu xa a Edelmiro Fernández e Miguel Souto no CSC de Conxo e a Ugia Pedreira e Óscar Fernández no CSC de O Castiñeiriño

Para pechar esta serie haberá unha mostra de instrumentos a cargo de Roberto Sala no CSC de Fontiñas o vindeiro domingo 9 ás 12.30 h

Esta mostra será unha exposición didáctica de instrumentos populares de diferentes familias -percusión idiófona e membranófona, cornamusas, frautas traveseiras e de bico, corda pulsada e frotada- e procedente dos cinco continentes.

Esta exposición estará guiada polo polifacético Roberto Sala, membro fundador dos grupos de música antiga Martín Códax e Acibreira, nunha explicación técnica de cada instrumento e terá como aliciente que amosará as características sonoras de cada un dos intrumentos aos interpretar en directo.


Roberto Sala, Comeza a estudar frauta traveseira e linguaxe musical en Madrid no ano 1987 da man do profesor José Luis Vilches. No ano 88 trasládase a Santiago de Compostela.
Introducido no eido da música tradicional e da corrente folque da man de históricos músicos composteláns coma Luis Areán ou Quim Farinha. No ano 1991 comezou a estudar gaita galega, requinta e percusión tradicional.
Formou parte de proxectos e grupos como “Breixa” gañador dun dos certames “Cidade Vella” de Santiago; Ophiusa, con quen grava un CD; membro dende a fundación do grupo de música antiga “Martín Códax”, no que toca frautas de bico, instrumentos antigos de cana (cromorno, chirimía, tarota) e percusión sendo , logo de catro traballos discográficos e xiras en toda a Península, un dos grupos de música antiga máis activos en Galiza. Fundador do grupo Acibreira no ano 1992.

Como docente, imparte aulas de gaita, requinta e percusión tradicional dende o ano 1995 en diversas agrupacións musicais. Dende o 2001 é o profesor de frauta e requinta do extinto Conservatorio de Musica Tradicional e Folque de Lalín, e Director do seu combo Musical dende 2002 ata o 2007.

www.folque.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-11-2008 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
Seguen os Encontros dos Axóuxeres
Tras a realización durante o mes de setembro das Festas dos Axóuxeres 2008, chega o tempo dos Encontros dos Axóuxeres, un espectáculo para o teu bebé e para toda a familia, nun formato máis recollido.

Durante novembro os encontros achegaranse a novas vilas, onde os nenos poderán acudir de balde coas súas familias. Os Encontros dos Axóuxeres continuarán no primeiro trimestre do 2009, con 16 novas datas e localidades de toda Galicia.

Iso si! Non esquezas reservar a entrada previamente chamando ao número 686160879.

Axóuxeres é unha proposta para beber cantigas, brincadeiras e aloumiños, metelos nos petos e levalos para a casa, para que o galego siga pasando de pais e nais a fillas e a fillos. Ver, cheirar, gustar, tocar, escoitar, falar con todos os nosos sentidos, isto son as festas e os encontros dos Axóuxeres.

Axóuxeres é un espectáculo de palabras, arrolos, música, poesía, teatro…, un encontro para festexar a lingua galega.

www.xunta.es


venres, 07 de novembro
Ribadavia
Casa da Cultura 18:00

sábado, 08 de novembro
Celanova
Salón de Actos do Claustro Barroco 12:00

venres, 21 de novembro
Oroso
Centro Cultural 18:00
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-11-2008 10:38
# Ligazón permanente a este artigo
I Xornadas Anti-S.G.A.E
I Xornadas Anti-S.G.A.E e por unha cultura LIBRE!!

SABADO 08/11/08 (Cangas do Morrazo)
Na A.C. A TIRADOURA a partir das 16:00

-MAGOSTO de balde e xogos populares
a partir das 19:00
-Charlas informativas
a partir das 20:30
- Pulpada popular (de balde coa entrada ao conci)
a partir das 21:30
CONCERTO con:

-TIRO NA TESTA (Punk-rock dende Don Ramiro)
-SOAK (Punk-rock dende O Morrazo)
-SKACHA (Punk-rock dende Vigo)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-11-2008 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
Cinema Galego `Un país de cinema´ en Vigo
Esta fin de semana arrancará o programa de actividades co que a Asemblea Local de Galiza Nova de Vigo, imos celebrar o XX aniversario da fundación da nosa organización.

A primeira das actividades que se vai desenvolver é o Ciclo de Cinema Galego "Un país de cinema", baixo o que se realizarán 5 sesións de proxección de curtametraxes e longametraxes galegas, os sábados 8, 15, 22 e 29 de novembro e o 6 de decembro.


O feito de que sexa un ciclo de cinema galego a actividade coa que principie esta serie de actividades que se van desenvolver de aquí a final de ano, non é nen moito menos casual. Con esta elección o que se pretende é demostrar o valor capital que dende Galiza Nova, como nacionalsitas galegas e galegos, lle damos ao noso idioma, ao que concebimos como alicerce da nosa identidade como povo.

Este sábado 8 novembro, proxectaranse:

- "Toxic Percebe"(2004), Dirixida por: Martín Fiallega, Javier Jácome

- "A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos"(1993), Dirixida por: Ricardo Llovo Otero, Antonio Blanco

As sesións arrancarán ás 21h e teñen unha duración prevista de 2h. Celebraranse no Café Golem, na Rúa Irmandiños nº2 (Vigo).
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-11-2008 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
Os galegos, contra Chile e as galegas, contra Euskadi
Chile e Euskadi, rivais da selección no Nadal

A selección galega de fútbol xogará nun encontro amigábel o vindeiro 27 de decembro contra a selección chilena, segundo anunciou a última hora do mércores a Federación Galega de Fútbol. Ademais, as 'irmandiñas' enfrontaranse tamén no Nadal contra a selección feminina de Euskadi.


Xulio Álvarez nun partido da selección galega de fútbol. Paco Vilabarros As principais estrelas do combinado chileno visitarán Galiza o próximo 27 de decembro para disputar o amigábel contra a selección galega. Estarán entre outros o xogador da Real Sociedade, Claudio Bravo, o di Villareal, Matías Fernández, e o do Betis, Mark González. Na actualidade, os chilenos participan na clasificación para o Mundial 2010 de Sudáfrica, onde permanece empatada a puntos coa Arxentina no cuarto posto do grupo sudamericano,

A Federación tamén confirmou onte que se ccelebrará un partido en categoría feminina. As irmandiñas, que se enfrontaran na súa estrea a Catalunya, disputaranlle agora a vitoria no amigábel de 2008 á selección de Euskadi.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-11-2008 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
Ataque Escampe faise internacional
Pois iso, que o xoves 6 iniciamos o noso periplo polos Països Catalans na Festa Major da Universitat Autònoma de Barcelona, convidadas polo departamento de Lingua Galega. Máis adiante xiraremos tamén por València e Alacant, mais antes toca paréntese galega con Melide o venres 7 (Pub Gatos, 1:00) e con Redondela a noite seguinte (A Fragua, 00:00). A ver se así xa lle van cadrando as contas á nosa ministra de Economía, aínda que o luns haxa que ir currar cos ollos nas mans e coa madalena aínda desfacéndose na boca.

Ademais, comezamos a semana coa boa nova de que en 2009 participaremos outra volta na Rede Galega de Música ao Vivo, e xa van tres anos consecutivos. Algo teremos, logo...

www.ataqueescampe.blogspot.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-11-2008 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Un libro recorre a nova canción galega con Miro Casabella
Xan Fraga analiza o contexto histórico-cultural e recupera un informe policial sobre Voces Ceibes

«O meu pais nas noites de invernía / debuxa a súa agonía, nun vello e nun rapaz / o meu país de lenda e maruxías / agarda novos días, marchando de vagar / Polas corgas e herdanzas / nasce e morre unha espranza, no porvir / e unha folla no vento, alento e desalento / o meu país». A letra da canción máis coñecida, e citada, de Miro Casabella (Ferreira de Valadouro, 1946) parecía facerse realidade onte na Coruña, coas follas do outono bailando no vento, pouco antes da presentación do libro Miro Casabella e a nova canción galega (Galaxia). Por si o ambiente de fóra non chegara para evocar este tema, foi un dos catro que o músico interpretou durante unha presentación, na Biblioteca de Estudios Locais, á que asistiron tamén a concelleira de Cultura, María Xosé Bravo; o director xeral de Galaxia e o director de edicións, Víctor Freixanes, e Carlos Lema.

Loxicamente, nas oito cancións que figuran no CD que acompaña este volume, publicado dentro da colección Reportaxe, aparece O meu pais, dentro da selección feita polo propio Casabella.
Xan Fraga (Carballo, 1958) é o autor desta obra na que a través da vida e da obra do único membro de Voces Ceibes que sigue cantando -«levo 45 anos, xa que empecei cando tiña 15»- fai un repaso da nova canción galega. Fraga indicou que unha das cousas que relata é o contexto histórico-cultural no que nace esta nova canción galega, rexeitando «esa visión de que o tardofranquismo era moi light , que a ditadura era moi lixeira, cando os recitais de Voces Ceibes eran prohibidos ou en algún concerto so lles autorizaban tres cancións». Neste senso, o libro recupera un informe policial sobre Voces Ceibes, ademais de lembrar feitos como a multa imposta a Manuel María, por un recital que deu en Madrid no ano 1969, de «75.000 pesetas, que era unha cantidade enorme; as primeiras mostras de solidariedade viñeran de Cataluña, de Raimon e Salvador Spriu, que mandou un talón de 5.000 pesetas do que recollo unha copia».
Fraga rebaixa a importancia da influencia de Raimon no nacemento da nova canción galega salientando que en Galicia «había condicións efectivas para que se dera este movemento, como eran a presenza das cantigas». De feito, outra das obras que tocou onte Casabella foi unha cantiga de escarnio.

Imaxes, fotos e documentos ocupan a parte central dun libro en gran formato e impreso a toda cor no que o autor destaca tamén o papel de Galaxia como pioneira das gravacións en disco en galego, feitas xunto coa a catalá Edigsa, e nas que o primeiro traballo publicado foi un recital de poemas de Manuel María, e o segundo, o de Miro Casabella.

París, 1968. Macroconcerto con medio millón de asistentes. Sobre o escenario nomes míticos: Joan Baez, Paco Ibáñez ou Mikis Teodorakis. E tamén un galego, Miro Casabella. «Luís Seoane fixo un debuxo e publicou unha crónica en La Voz de Galicia», lembraba onte Xan Fraga. Pero non foi a única vez que o que fora membro de Voces Ceibes tivo compañeiros de sona sobre o escenario: Raimon, Xosé Afonso ou Luís Cilia tamén cantaron cun artista que confesa que so unha tempada puido vivir da música. «Cantaba moito por fóra, e menos aquí, porque durante un tempo, os anos de goberno de Fraga, só actuaban os que non falaban, e grupos como A Quenlla non». Apunta que en xeral «non contan comigo para nada, está ben que conten coa xente máis nova», pero sigue actuando «en lugares pequenos, en sitios dos que non se dan novas».

Hai catro anos publicou o seu último disco e asegura que ten cancións para moitos outros, pero «o caso e atopar o canle para a distribución, porque o disco agora ten outras canles». Sobre o libro fai unha confesión: «Non entendía por que tiñan que facer un libro sobre min, o único que fixen foi aportar datos».


www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-11-2008 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
Londres recibiu con curiosidade a noite da música galega
A cantante Uxía e o grupo Berrogüetto participaron no festival Atlantic Waves de ritmos atlánticos

Unha experiencia interesante e unha posibilidade de abrir novos espazos para a música galega. Así valoran a experiencia de tocar en Londres Uxía e Berrogüetto. A noite do martes foi a do protagonismo galego no festival Atlantic Waves.
Para Uxía, o Bush Hall «é un lugar mítico no panorama musical de Londres, un espazo moi agradable para tocar cun público interesado». Para a cantante que presentou en Londres o seu máis recente disco, Eterno navegar, «o repertorio do disco funcionou ben e creo que quedaron sorprendidos por esa aproximación dos ritmos atlánticos como as mornas á música galega».

Xabier Díaz, cantante de Berrogüeto, coincide na valoración de Uxía sobre o ambiente «distendido e cálido» nunha sala «perfectamente acondicionada e cunha programación musical moi variada». Para Díaz, o clima do concerto «non foi de festival, era moito máis tranquilo, máis para escoitar e comentar a música». O cantante sinalou que «tendo en conta a distancia das propostas de Uxía e Berrogüetto, a xente puído facerse unha idea da variedade da música galega».
Segundo os músicos, a sala encheuse dun público cunha parte da colonia galega en Londres e espectadores ingleses, seguidores do festival e fixos da sala na que, noutro tempo, cantaron Amy Winehouse ou R.E.M.

Para Uxía «houbo curiosidade pola proposta que ofrecemos e creo que o concerto ten que valer para abrir novas portas na cidade, porque o concerto foi ben e pode facilitar a presenza doutros músicos galegos en Londres».
Tanto Uxía como Xabier Díaz sinalaron os respectivos bises das dúas formación e que mesmo en momentos do concerto os espectadores decidiron bailar na sala.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-11-2008 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
Abrindo mercados canción a canción
A participación de Galiza no Womex saldouse con éxito, e pode ser considerada un 'paso adiante' para a apertura de novos espazos de comercialización.

Este tipo de feiras non están pensadas, en principio, para xerar un negocio a curto prazo. E máis aínda nos últimos tempos, en que se vén percibindo que a mercados como o Womex acoden moitos máis vendedores ca compradores, o que dá lugar a un certo desánimo. Así é todo, continúan sendo importantes para xerar movementos e construír estratexias a medio e longo prazo, como é a que se artella ao redor da marca Galician Tunes. Porén, Xabier Alonso, da Asociación Galega de Industrias Musicais (AGEM) salienta a extraordinaria corrente de negocio que se xerou neste Womex para as empresas galegas, "houbo algunha que realizou até 25 entrevistas de traballo nos tres días efectivos da feira". Alonso destacou igualmente o éxito dos artistas que actuaron na 'noite galega': Budiño, Mutenrohi e Narf, "o público destas feiras está demasiado afeito a ver concertos, e é difícil ver como se emocionan cunha actuación, como esta vez".

Tamén o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, cualifica de "moi positiva" e de "paso adiante" a participación galega no Womex: "foi recoñecido por outras delegacións presentes alí, tanto a nivel da presenza institucional, a nivel de contactos comerciais das empresas galegas, e a nivel de aceptación e visibilidade dos nosos artistas". Malia a que nos últimos anos o pop-rock galego experimentou un avance moi importante, mellorando a calidade e capacidade de exportación das súas propostas, a world music segue sendo o gran mercado para a industria musical galega, sobre todo para a música en galego, "o público das músicas do mundo é moito máis receptivo a escoitar grupos que cantan noutras linguas, e aí o galego ten cabida", di Xabier Alonso.

GalicianTunes
A consolidación da marca GalicianTunes representa unha "segunda fase" na estratexia de internacionalización da música galega. Durante moito tempo Galiza tivo que loitar contra a imaxe da música do Estado Español que se vendía no extranxeiro: ritmos (e lingua) moi alleos aos nosos. Pero a marca 'España' tiña moito camiño andado e de xeito provisional a estratexia galega pasou en parte por facer un oco nos instrumentos de exportación da música española, por exemplo a marca 'sounds from Spain', na que Galiza se insería en todos os Womex até este ano. "Fíxosenos moito dano ao impoñer un único tipo de música 'española' para a súa exportación", denuncia Xabier Alonso.

Esta semana Galiza participa de forma pioneira no festival Atlantic Waves, concibido como a porta de entrada da música lusófona no mercado anglosaxón. E en poucas semanas chegará unha nova edición de Cantos na Maré, un evento pioneiro e que cada vez esperta un interese maior en todo o mundo, principalmente en Brasil. "É un sector absolutamente estratéxico que cada vez vai cobrar maior importancia: a economía da lingua", di Alonso. "Galiza está no eixo de dous mundos: o castelán, que é unha lingua en franco crecemento, e a lusofonía, cunha importancia económica absoluta a través de Brasil".

As empresas galegas non deixaron de moverse, utilizando ademais estratexias de moi distinto tipo. Abada, por exemplo, combina o esforzo levar fóra a calidade de Marful (varios concertos en España e máis no Festival de Sines), Fía na Roca (concerto en Bos Aires), Bellón e Maceiras (Alemaña, EE.UU., Suíza, Polonia ou Barcelona) ou Leilía (Bós Aires, Brest, Lorient ou Salamanca), con utilizar as innegábeis posibilidades de Batuko Tabanka, ou representar aos grupos bretóns Les Trompettes du Mozambique e Bagad Kemper para toda a península. Mutenrohi é habitual todos os veráns nas Illas Británicas ou Francia da man de Zouma. E Nordesía exporta a todo o mundo tanto a artistas galegos como Uxía ou Narf, ou outros autores lusófonos como Nancy Vieira.

Mercados para a música galega
Os espazos para o crecemento son moitos. De feito, o camiño está pouco máis que encetado. Está o mercado lusófono, moi próximo xeograficamente a través de Portugal, pero no que até o de agora os froitos conseguidos foron pouco máis ca simbólicos. "Avanzouse pouco e hai moito camiño por andar, por moi boas que sexan as relacións persoais de Uxía, ou aínda que empresas como Abada, Nordesía ou La Fábrica de Chocolate estean realizando un traballo moi bo", di Xabier Alonso, que engade que "quizais en certa forma estase errando o enfoque por intentar ir só ou en primeiro termo a Portugal, por estar aí á beira". Alonso cre que o mercado é Brasil, por dimensión e pola distinta percepción que os brasileiros teñen con respecto a Galiza, moito máis aberta que a que teñen os portugueses. Así, nos últimos anos non deixa de crecer o interese de Brasil por iniciativas como Cantos na Maré, e por exemplo a AGEM vén de pechar un acordo de intercambio de artistas coa súa asociación homóloga no Estado de Minas Gerais, con máis de vinte millóns de habitantes. Nestes momentos negóciase a extensión deste acordo a todo o Brasil.

Está tamén o resto do Estado, no que ás veces semella complicado penetrar con música feita en galego; por esa razón Luís Bará apunta a Euskadi e aos Países Cataláns como mercados máis receptivos para a música galega, principalmente Cataluña, onde cada vez son máis os grupos galegos que se desprazan para ofrecer concertos; unha das últimas accións de Galician Tunes, o cd GZPop que se distribuíu coa revista Enderrock, apuntaba nesa dirección. Pasou xa máis dunha década dende o boom do folk no Estado Español, que levou a Luar na Lubre ou a Carlos Núñez a vender ducias de milleiros de discos; ese auxe non foi aproveitado, seguramente porque naquel momento a industria musical galega aínda non estaba madura.

Finalmente, Bara apunta tamén ao "espazo atlántico" como albo da estratexia galega de comercialización da música, en referencia aos países europeos nos que a música de raíz celta é máis popular, como as Illás Británicas, principalmente Irlanda e Escocia, así como Bretaña, onde Galiza será protagonista no ano 2009, ao ser nomeado 'país convidado' no Festival de Lorient. Outro dos obxectivos naturais debe ser hispanoamérica, polos vencellos culturais estabelecidos por Galiza a través dos seus emigrantes. Pero nun mercado global ningún espazo debe ser desprezado, como recorda Bará, que apunta aos Estados Unidos, Australia ou Asia como destinos da música galega. Coñecido é o éxito acadado por Milladoiro en norteamérica ou Xapón, por Carlos Núñez no surleste asiático, ou por artistas como Apenino na China. "É un obxectivo a medio-longo prazo", di Bará, "pero hai que ter en conta que son culturas moi receptivas".

www.vieiros.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-11-2008 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
Ábrese a matrícula para a Aula Folque Infantil de Pontevedra
A Aula Folque Infantil (AFI) de Pontevedra é a sección infantil do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque.

A AFI é un espazo musical alternativo para nenas e nenos e un lugar de ensino complementario aos conservatorios e escolas de música. É unha
aula experimental coa música e baile radicionais galegos como eixo fundamental entendida dentro do contexto global das músicas do mundo.
A Aula Folque Infantil propón aos nenos unha relación coa contorna contemplando o feito sonoro como unha ferramenta comunicativa e de
autocoñecemento.

As materias de ensino son abertas e flexibéis. Hai contidos básicos de expresión corporal, canto e técnica instrumental, mais non restrinxidos, e sempre en contacto con outros módulos coma artesanía musical, gravación en estudio, videocreación, informática musical, práctica escénica,…

A AFI propón un ensino sen transmisión directa baseado nun profesor que conduza ao alumnado ao descubrimento por si mesmo dos coñecementos da
materia a impartir. O mestre fornece os mecanismos de exploración interna infantil dun xeito lúdico e non traumático.

Fundamentos do ensino

-1. O ritmo
-2. O movemento
-3. A voz
-4. O Laboratorio de Sons

O Laboratorio de Sons é un espazo aberto centrado na composición colectiva dos rapaces e no deseño conxunto entre profesores e alumnado dun espectáculo anual. Aquí póñense en práctica o aprendido nas aulas.
O resultado actual, tras varios cursos de probas e actuacións, é a creación e consolidación da nova Compañía Infantil AFI.

A AFI representa o espectáculo infantil no fin de curso que monta na cidade de Pontevedra desde hai 4 anos como un dos eventos máis frescos,
contemporáneos e sorprendentes do ano. Ademais edítase un CD distribuído o dia do espectáculo que amosa as composicións e tendencias de cada ano.

ORGANIZACIÓN CURSO

Idade alumnado: 5 a 13 anos

Grupos
Grupo 1- de 5 a 6 anos
Grupo 2- de 7 a 8 anos
Grupo 3- de 9 a 13 anos

Lugar
Aulas do antigo Conservatorio de Música de Pontevedra

Calendario curso
24 de outubro – 30 Maio

Horario
Aulas venres á tarde
Laboratorio sábado á mañá

Prezo Matrícula
80 €/40 € (alumnado de 5 anos de idade)

máis información na propia web www.folque/afi
ou no teléfono: 676 837 945
Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 06-11-2008 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
Serán-Foliada na Fábrica de Chocolate (Vigo)

Este mércores 5 de novembro segue a tempada de Seráns na sala Fábrica de Chocolate de Vigo.

Nesta nova xeira corresponderán os seráns aos primeiros mércores de cada mes para que non haxa problemas de lembranza.

Agardamos que todos os festeiros se animen a baixar até a rúa Rogelio Abalde e purrar por unha festa mensual onde poidamos tocar e bailar a gusto.

Serán na Fábrica de Chocolate
Cada primeiro mércores de mes
A partires das 22:30
Comentarios (2) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 05-11-2008 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
Encontros: O futuro da música de raíz
O futuro da música de raíz: Xosé Luís Foxo, Mercedes Peón e Rodrigo Romaní

Pasou o boom do folk e quedan aínda máis arredados aqueles anos nos que a xuventude apagaba na música a sede de identidade nacional. Os sons tradicionais deberán asentar as súas raíces sobre un solo inestábel, o dunha Galicia que xa pouco ten que ver con aquel país no que perdurou durante xeracións. A música tradicional, di Mercedes Peón, é hoxe por hoxe unha flor hiperdelicada. Sen o contexto preciso, corre risco de morte. Como sobrevivir? Como conectar coas novas xeracións? Como resolver o debate entre innovar e conservar? Cal é o papel que xogou, pode xogar ou debe xogar o poder na súa potenciación? Cal é a situación actual do ensino da música de raíz? A todas estas preguntas responderon Mercedes Peón, Xosé Luís Foxo e Rodrigo Romaní, dende a experiencia de relacións ben distintas coa música mais co denominador común dunha paixón compartida. Falaron de vagar, nunha conversa demorada ao longo de dúas horas, en pleno corazón de Vigo, na sede da Fundación Carlos Casares. Nun momento do debate, os participantes detiveron a ollada na fiestra: A vexetación impúñase ao cemento nunha casa en ruínas da urbe. Dun ou doutro xeito, semella que as flores delicadas tamén buscan vías para sobrevivir.


- Mercedes Peón, cantante, música e compositora
- Xosé Luís Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense
- Rodrigo Romaní, director da e-Trad, Escola de Música Folk e Tradicional de Vigo


Como entendedes a relación entre a cultura popular e a música tradicional?


Xosé Luís Foxo: A cultura tradicional de Galicia non se pode entender sen a música tradicional. A música é cultura e a cultura é música, e especialmente en Galicia, porque o pobo de Galicia canta moitísimo e miles de cantares se crearon no ambiente popular. A música de Galicia viviu no pobo e esa é auténtica cultura, non só a nivel musical senón tamén lingüístico.

Mercedes Peón: Popular na cultura mestúrase co que se populariza. Podemos considerar popular calquera canción da que queda unha pegada clara, mesmo da música pop que chega pola radio. A música tradicional é a que chega oralmente de pais e de nais a fillos e fillas, mais dende o meu punto de vista teñen que pasar catro xeracións por medio. Nun momento dado pode haber unha canción tradicional que se popularice porque, por exemplo, un grupo teña acceso aos medios de comunicación e a popularice.

Rodrigo Romaní: Cultura popular é a que non é culta, e que se xera a partir dun medio de vida fundamentalmente radicado no rural. Tradicional é o que se transmite por tradición oral. A música tradicional sería unha pequena parte da cultura popular de Galicia. O proceso de transmisión, unha vez que se sae do rural, perde o poder de creación que significa a transmisión oral. Cando unha persoa aprende unha música de oído, non adoita reproducila igual senón que ao cabo do tempo a vai transformando, e aí está o potencial creativo. Nós, ao recoller esas pezas nas escolas, interrompemos esa creatividade.

X.L.F.: Concordo co antagonismo entre popular e culto. Os artistas populares son creadores dun estilo e dunha linguaxe propios, e cando un músico culto ou un poeta intenta introducir algo nese mundo, non entra. “Unha noite na eira do trigo”, de Curros Enriquez, transmitiuse nos coros folclóricos pero non tivo éxito no rural. Os músicos cultos aproveitáronse dunha música que fora desprezada, como foron os gaiteiros e a música popular en xeral.

R.R.: Porén, hai moitos autores que fixeron un tratamento culto da música popular moi delicado. No século XIX, a música culta volve a súa mirada á música popular para contrarrestar a invasión da música italiana. Ese proceso de culturalización da música tradicional é o mesmo que estamos vivindo no XXI. O que cambian son as estéticas. Esta transformación pode entenderse como unha continuidade na evolución da música ou ben como unha translación do rural ao urbano.

M.P.: A música tradicional é como unha flor silvestre hiperdelicada. Para que sobreviva, é preciso que todo o que a rodea facilite a súa supervivencia, é dicir, para que eu naturalmente cante, non porque me pagan nun escenario, senón porque estando en calquera sitio a sociedade dea pé a que a música tradicional coexista e sexa contemporánea. Cando subo a un escenario a tocar a ribeirá, estou facendo unha performance, unha imitación, mais eu pertenzo á tradición cando estou con meu irmán, por exemplo, bailando na casa e entrando nese transo que necesitamos todos e ao que a música tradicional nos achega.

R.R.: A música tradicional non é un corpo de pezas que nun momento determinado se recollen nun cancioneiro, como unha foto fixa. A música tradicional é un proceso, e está tocada de morte, porque xa non hai esa transmisión xeracional.

M.P.: Entendo o que dis, Rodrigo, cando afirmas que está ferida de morte. Mais eu, cando daba aulas polas aldeas, xuntaba aos vellos cos nenos aos que ensinaba, e iso é fundamental para a súa supervivencia.

R.R.: Ademais, nese proceso interveñen unha serie de recursos, e os recursos de creatividade do pobo veñen da miseria, de modo que, con recursos limitados créase un universo sonoro fascinante. Iso xa non é así. Agora, a creación ten unhas características totalmente diferentes, e tamén outra transmisión, a través das escolas.

M.P.: Cando vou polo mundo adiante, dinme que fago música tradicional e eu fártome de negalo. Para min a música tradicional é a transmitida, e ten que ver co ciclo dun ano, cunha maneira de vivir… A evolución que poida darse sempre é insensíbel cara ao mesmo sitio. Si hai unha evolución pero de cambios insensibles, nunca radicais. Eu estou máis polo concepto de translación.

Na transición e nos primeiros anos de democracia, quizais polas ansias de liberdade e de identidade do momento, a xuventude conectou moi ben coa música de raíz tradicional. Coidades que, na actualidade, se está a producir unha desafección cara a ela nas novas xeracións?

X.L.F.: Na experiencia que temos de recollida, cando unha avoa canta un cantar, unha historia antiga, aos netos dálles vergonza.

M.P.: Cando se escoita algo tan sincero como a música tradicional, con semellante grao de beleza, calquera persoa queda impactada se non hai prexuízo, pero é que en Galicia hai un prexuízo moi grande, coa fala, coa tradición, con todo o que nos recorda o noso pasado pobre. A xente sempre quere imitar o máis chic, o que ten máis nivel económico. O que levou a que a xente fixera tanto labor de recollida nas aldeas nos anos 80 e 90, o que levou a ese auxe do folclore naquel entón, non foi unha estima grande polo antigo, senón as ansias de competir en concurso… Agora mesmo, aínda que haxa menos xente dedicada á recollida do folclore, si hai unha mentalidade mellor á hora de abordar esta tarefa.

R.R.: A comunicación é o primeiro axente educador. É, ademais, un negocio, e os produtos que se transmiten a través da comunicación son obxecto de negocio, entre eles a música. Como tales, eses produtos teñen que renovarse constantemente. A música que remite ao tradicional ten o seu lugar determinado e estable no consumo, lugar que sofre modificacións en función do uso social. Cando morre Franco, o pobo galego necesita un símbolo de identidade. A música de raíz tradicional sofre un boom comercial, que non pode durar porque non hai nada, agás esa circunstancia e o cambio social posterior, que o explique. Resitúase e ponse no sitio onde está. Non hai desafección, estamos no sitio no que nos colocan neste sistema económico.

M.P.: Como dicía Eric Fromm, os humanos necesitamos esa sensación orxiástica que se dá cando, en comunidade, hai un exceso: ese exceso de comida, de baile, de música. E iso témolo aquí pegado, na música tradicional. É como unha terapia. Os galegos temos un imaxinario latente violado e a sorte de que está aí. E algo teriamos que facer aínda que sexa só por saúde mental e física.

Nun momento determinado, ese gusto pola música tradicional tiña unha vinculación co “progre” para os mozos e mozas. Hoxe en día, as xeracións novas, nalgúns casos mesmo consideran que é carca…

R.R.: As referencias á tradición pasan á cultura urbana formando parte dun espectáculo e polo tanto adáptanse ás influencias propias do consumo da cidade. O que determina que sexa carca ou non é a estética do produto e o criterio do observador. Probablemente unha persoa de 20 anos diga que tal peza de Milladoiro é carca, pero ao mellor da última aventura electrónica de Mercedes Peón non pode dicir o mesmo.

Non pode acontecer, tamén, que as novas xeracións non teñan esa sede de identidade que había na transición e nos primeiros anos da democracia?

R.R.: Suponse que eses dereitos de expresión, de liberdade e de identidade, foron satisfeitos e xa non hai esa necesidade.

M.P.: Realmente hai un problema na didáctica coa transmisión da lingua. A lei non se cumpre. Os espazos do galego cada vez son máis reducidos porque hai unha preguiza tremendísima coa lingua e, en xeral, con todo o que ten que ver coa referencia galega. Ao mellor neste momento estase facendo un esforzo pero imos nunha decadencia tremendísima e iso aféctalle á música.

X.L.F.: Como iniciativa para achegármonos ás novas xeracións, dende a Real Banda de Gaitas publicamos un disco con Miriam Figueiras, unha nena que quedou finalista no concurso no que se escolleu o representante español en Eurojunior. Procurabamos un entronque dos nenos cos cantares vellos. Collín vinte cantares, adapteinos e sacámolos nun disco. E nalgún colexio póñeno pero non acaba de chegar.

R.R.: Recordemos cal é o primeiro axente educativo nesta sociedade, a comunicación.

M.P.: Nós tamén fixemos unha experiencia, sobre a historia do canto tradicional, que me encargou a Orquestra Sinfónica de Coruña. Contabamos co apoio dun contacontos excepcional, que sabía manter os nenos en vilo. Iso pódese facer, pero precísase iniciativa. E tamén se precisa o apoio da propia sociedade galega á hora de entrar con éxito no mundo da comunicación.

R.R.: Iso é unha anécdota, dentro do proceloso músico da educación musical. O que hai é un problema estrutural. Cando a comunicación é un negocio, non un servizo, o fracaso na aventura de educar está servido.

X.L.F.: Neste momento o mundo rural practicamente non existe. O contexto onde viviu a cultura de Galicia ao longo de varias centurias morreu. Esta perda é importantísima, porque o mundo rural é a auténtica Galicia, e iso mediatiza o desenvolvemento da música, da lingua… Por iso é necesario facer este folclore. Hai que facer grupos, recoller, pero o problema, de igual modo, é que xa non vive a música no seu contexto. Nos anos 80 había grupos de baile en todos os lados. Hoxe está moi esmorecido ese mundo, o folclore pasou de moda.

R.R.: No ano 2006, un estudo da fundación Son de seu revelou que hai 24.000 persoas estudando procesos que teñen que ver coa música tradicional en Galicia, 700 centros e 800 profesores. Ademais, circula unha cantidade importante de varios millóns de euros anuais en diñeiro negro. Hai profesores que traballan sen contrato, ensinando en garaxes e en sitios sen calefacción. Con esas cifras ninguén pode dicir que en Galicia estea desaparecendo ese fenómeno, ao contrario. Aínda máis, é moito máis grande o poder de exportación que Galicia ten coa músicas que teñen que ver coa tradición ca o que ten calquera outro país que nos rodea se falamos da Europa das nacións.

X.L.F.: É moi curioso ver a Mercedes Peón nunha televisión universal, e en calquera punto do mundo coñécese a Carlos Núñez. É importantísimo que Galicia se venda a través da música.

M.P.: Iso vennos moi ben para a economía e para gañarnos a vida. Pero o importante son os piares, a música tradicional. Como os grupos de aquí poden ter esa singularidade fóra? Somos orixinais porque temos unha orixe moi clara. Entón hai que mimar os piares. Necesitamos ter uns piares moi fortes para poder seguir a exportar todo isto, que nos beneficia economicamente, non sei se culturalmente. Por outra banda, na dinamización da tradición ten moito que ver a universidade. Musicólogos, etnográfos, antropólogos, sociólogos, deberían de dinamizar todo isto tamén.

R.R.: A universidade fai o que boamente pode cos recursos que ten. Para min, até os anos 70 e os 80 hai un desleixo de funcións por parte dos estamentos universitarios con respecto á música popular en xeral. Pero dende as xeracións que empezan dende os finais dos anos 70 até agora hai un meritorio avance nese sentido, avance cuxos froitos hanse nos vindeiros anos.

M.P.: Ao mellor cambia a mentalidade pero fáltalles moitísima información, que está en mans privadas.

R.R.: Eu creo que esa xeración está contribuíndo de maneira moi efectiva a sistematizar, dende un punto de vista metodolóxico, as circunstancias que teñen que ver coa música en Galicia e particularmente coa música tradicional e folk.

M.P.: Están editando dende a Universidade? Hai que editar, necesitámolo como a auga.

Canto á relación entre cultura popular e poder, considerades que se produciu unha instrumentalización da cultura popular? Foi bo o apoio que houbo dende o poder político cubríndoa coa pátina de cultura oficial?

M.P.: Para min non houbo apoio ningún.

E intrumentalización?

M.P.: Si, pero de símbolos. Que Galicia se sinta identificada coa gaita paréceme marabilloso, non me molesta en absoluto, e se fora coa pandeireta aínda máis. Pero na tradición non se fixo nada, está en mans de iniciativas particulares. Eu estaba metida nos grupos que recollían a xeracións tradicional, e en 25 anos vin como evolucionou e como a xente que nos transmitía a música tradicional foi morrendo.

R.R.: Calquera teoría ou poder político necesita símbolos e eses símbolos van cambiando, son un produto de consumo, como a propia política. Nun momento determinado, pode ser a música de jazz ou a pintura ou o audiovisual. Non creo que sexan negativas todas esas intervencións do Estado, non do poder, inxectando diñeiro en determinadas áreas culturais, pois con ese investimento pode facelas máis competitivas. Mais eu non vexo esa intervención política na música tradicional. A nivel de símbolos, nun momento determinado inxectouse diñeiro no mundo da gaita para dar a ver que estabamos levantando a música galega. Pero creo que a xente que participa do mundo dos grupos tradicionais non percibiu que houbera unha inxección do estado nesa área.

X.L.F.: A mediados do século XX creouse en Lugo un obradoiro de instrumentos musicais da man de Faustino Santalices e co mecenado da Deputación de Lugo. O poder botou man da zanfona e da gaita, e aínda se mantén este taller, e foi positivo. O Ballet Rei de Viana creouse na Deputación da Coruña con moito éxito nos anos 60, pero como estaba na man dos políticos, agora que veu unha nova forma de entender a cultura galega, deixou de existir. En Vigo, a universidade de instrumentos populares ten bastante que ver co oficial, e tamén foi positivo. En Ourense, a Deputación creou a Escola de Gaitas, de tal maneira que levamos o ensino da gaita a arredor de 160 puntos da provincia. En principio non é moi bo casorio o da cultura oficial coa popular. Ten o seu lado negativo, mais tamén o positivo. Calquera cousa que se faga para darlle vida á música tradicional é importante, aínda que teña unha vida efémera.

R.R.: O problema non é a relación entre cultura oficial e cultura popular, a intervención dunha noutra. É un deber do estado garantir o dereito á educación, tamén á musical. Outra cuestión é a potenciación de determinados produtos, que o réxime político en cada momento usa como símbolo. Na época na que o PPdeG gobernou, a Real Banda de Gaitas de Ourense era o símbolo da imaxe de Galicia no exterior. Agora, a Real Banda de Gaitas ocupa o seu sitio, e non é a representación da cultura tradicional ou de inspiración tradicional galega no exterior. Iso vai cambiando, porque vai cambiando a estética e o poder, para ben e para mal.

X.L.F.: Na Real Banda de Gaitas nunca un céntimo cobramos por nada. É unha afección que teño eu de estar todo o día metido na escola. A cultura popular é como un neno, ten o cariño que lle deas. A verdade é que os políticos normalmente teñen outros intereses e non lles importa que funcione isto. No caso da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, o que contan son os resultados e as realidades. Creo que hai un labor positivo, tradicionalista, guste máis ou menos, e queda un pouso, o que creo que foi positivo para o mundo da gaita.

R.R.: Non estou do lado do gusto estético de Xosé Luís Foxo, non me gusta a marcialidade, pero non vou entrar na guerra das gaitas que tanto espazo ocupou xa nos medios de comunicación.

M.P.: Á parte de ser gaiteira, eu veño do mundo das pandeireteiras, que foron as grandes omitidas… E logo, non esquezamos que unha banda de gaitas nunca foi tradicional. E os cuartetos con terceiras voces tampouco.

Hai unha liña de pensamento, da que formou parte Risco, que defende a permanencia da tradición tal cal, fronte a aqueles e aquelas que consideran que é preciso que a tradición evolucione para poder sobrevivir. Como vos situades no debate entre purismo e innovación? Cadaquén de vós encara a tradición dunha maneira particular. Acusáronvos algunha vez de traizoar a tradición?

M.P.: Eu nunca fixen iso. Non teño tal conflito porque eu nunca digo que faga tradición. Nunca me sentín acusada disto, ao contrario. Para min, repito, a evolución na propia tradición son cambios insensíbeis cara ao mesmo sitio, o que non ten nada que ver co que fago. Pinto un cadro coas cores que me gustan. Non vou a ningunha fonte, son parte da fonte. Son pandeireteira compositora. Nacín aí e véxome libre.

R.R.: Para min a música tradicional é un proceso que está en extinción. O que hai agora é outra cousa, que está suxeita ás pautas de comportamento que ten a sociedade no mundo urbano. Polo tanto, xa non se trata de innovación ou non, senón que vai seguir as estéticas que estean predominando en cada momento na sociedade, gústenos ou non.

M.P.: Oxalá sexa así.

X.L.F.: En Galicia igual había 200 coros en 1900. Hoxe quedan catro. Cada momento ten as súas cousas. Actualmente, grupos como o de Mercedes Peón están funcionando moi ben. Collen o sabor máis ou menos da música de Galicia, actualízana…

M.P.: Eu considero que non fago arranxos de tradicional. O que pasa é que teño unha tremenda pegada nosa. Creo que se non fixera folclore, probabelmente faría punk.

Cal é para vós o futuro da música de raíz tradicional?

M.P.: Son optimista. Ao igual que temos o fluxo sanguíneo a ritmo de 3 por 4 e de 6 por 8, e de pequerrechiños, cando somos fetos, o primeiro que escoitamos é iso, eu creo que ese fío que nos une co noso propio ser vai existir sempre. Cando estou na cidade e vexo como, nunha casa que deixaron abandonada en pleno centro da cidade, abrolla a flora, dáme a min que vou ser optimista. Terá outra existencia pero gozará de boa saúde.

R.R.: Unha flor estraña ten máis valor que unha flor habitual. Na medida en que a música tradicional ou os produtos derivados da música tradicional sexan máis escasos, van ser máis valorados. Gozará sempre da saúde necesaria para poder perdurar no tempo.

X.L.F.: A música comercial e folk, que se reinventa actualizada aos tempos, aínda ten futuro. A do pobo, os cantares de sempre, están tocados de morte. Por iso nós acabamos de facerlle un monumento a unha cantareira. Polo menos que quede constancia de que as mulleres do país mantiveron a nosa música a cambio de nada, sen cobrar, e esa é a auténtica música que si que está bastante tocada. Espero que grazas aos cancioneiros e recolleitas, polo menos perdure.

www.temposdixital.com
Comentarios (13) - Categoría: Novas - Publicado o 05-11-2008 09:26
# Ligazón permanente a este artigo
O novo disco de Milladoiro
O novo disco de Milladoiro trata as relacións de Galicia e Portugal. O álbum «A quinta dás bágoas» editarase este mes e será presentado en directo na Coruña e Vigo

O álbum aborda a historia da galega Inés de Castro, cuxa lenda di que reinou no país veciño tras a súa morte

A principios do século XIV nacía na Limia ou Monforte (non hai acordo entre historiadores) unha das galegas máis lendarias da historia. Filla de nobres, Inés de Castro foi dama de compañía de Constanza Manuel, que acabaría como esposa do herdeiro do reino de Portugal, o príncipe Pedro. Con todo, os ollos azuis de Inés cruzáronse no camiño dun Pedro que a converteu en amante e, á morte de Constanza, na súa nova esposa. Este segundo matrimonio provocou as iras do rei pai Alfonso IV, que ordenou o asasinato da súa nora. Morto o seu pai e xa rei de Portugal, a lenda conta que Pedro ordenou que desenterraran a Inés para sentar o seu cadáver no trono e que os cortesáns lusos rendésenlle unha homenaxe póstuma.

Esta historia é a carta de presentación dun novo disco de Milladoiro titulado A quinta dás bágoas , o nome da residencia que albergou a historia de amor de Inés e Pedro na cidade de Coimbra. Esta romántica lenda pretende simbolizar as relacións culturais que ao longo da historia tiveron Galicia e Portugal, e que a banda galega converteron no concepto central do seu novo disco, que significará un chanzo máis nunha traxectoria que supera os vinte títulos discográficos, e que comezou ante o público en 1979 cando o grupo ofreceu o seu primeiro concerto no colexio dos Salesianos na Coruña.
O novo traballo de Milladoiro será o comezo dunha nova etapa musical que o grupo inicia con Pai Música, un selo discográfico galego que traballou co grupo na gravación, e que, cando o cedé sexa editado a finais deste mes, encargarase tamén da distribución. A presentación en directo do novo disco de Milladoiro producirase o próximo 25 de novembro no Teatro Colón da Coruña e, posteriormente, o 17 de decembro, no Centro Cultural Caixanova en Vigo.

A gravación da quinta dás bágoas realizouse nos estudos Corvo mariño -propiedade de Milladoiro e situados no parque empresarial padronés da Picaraña - e en casa de Tolos, un estudo situado en Gondomar que forma parte da empresa Pai Música e que dirixe Segundo Grandío, un histórico da música galega como baixista de Sinistro Total, que traballa desde fai anos en labores de produtor discográfico desde Casa de Tolos. Grandío traballou durante os últimos meses con bandas como Lamatumbá, Ruxe-Ruxe ou Burgas Beat.

O grupo volve pór música a unha película baseada en Val-Inclán

Milladoiro volveu a pór música a unhas imaxes baseadas nun texto de Val-Inclán dúas décadas despois da estrea de Divinas palabras (1987), película dirixida por José Luis García Sánchez que fai uns meses volveu compartir estudo de gravación cunha banda galega, que se poderá escoitar na nova produción para a que o realizador volveu a basearse nun texto do escritor galego: As galas do defunto .

Este proxecto de García Sánchez, que ten previsto estrearse durante o 2009, está extraído de Martes de Entroido, unha triloxía de textos que inclúe Os cornos de don Friorenta -tamén adaptado ao cine por García Sánchez-, A filla do capitán e As galas do defunto, que agora rodou García Sánchez cun guión do falecido Rafael Azcona e a participación de actores como Juan Diego e Juan Luis Galiardo. O mesmo director tamén adaptara a imaxes en 1993 Tirano Banderas, novela tamén asinada por Val-Inclán.

Dez bandas sonoras
A banda sonora das galas do defunto será a décima que firme Milladoiro, que puxo a súa música noutros proxectos visuais como A metade do ceo, filme de Manuel Gutiérrez Aragón, Terra do lume, de Miguel Littin, ou Sempre Habana, de Ángel Peláez.

Álbum de Roi Casal
En novembro tamén editará un novo traballo Roi Casal, membro de Milladoiro e fillo de Nando Casal, un dos seus fundadores. O traballo do arpista ( Lendas douradas), presentarase o próximo 12 de novembro, e segundo adianta o selo Pai Música, non estará estritamente baseado na música folk, senón que terá sonoridades pop.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-11-2008 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
Sae en DVD a serie Historias de Galicia
A CRTVG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de anunciar a saída ao mercado dun novo título da Televisión de Galicia en DVD. Trátase da serie documental Historias de Galicia

Todo o que lle pasou aos nosos devanceiros, os feitos que explican quen somos, o noso relato como país, contado coa mirada áxil do xornalismo e a rigorosidade do historiador. Premio da Academia Galega do Audiovisual ao mellor programa de TV e á mellor realización.

Venda en puntos habituais e venda telefónica no 902 102516
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 05-11-2008 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
Reciclar o século XXI

Projecto ["trepia], que gañou o primeiro premio do GZ Crea de música, propón o tratamento contemporáneo da música e a danza tradicional xunto coa videocreación

Cinco músicos e dous bailadores compoñen o Projecto ["trepia], unha proposta "orixinal e valente" que acaba de gañar o primeiro premio do GZ Crea de música, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta e dotado con 3.000 euros. Os irmáns Alexandre e Xito Outeiro, Valentín Dacosta, Andrea Menéndez, Alicia Rodríguez, Miguel Sotelo e Kátia Pequeño crearon este grupo musical hai un ano, logo de coñecerse na asociación cultural que recolle música tradicional galega O Tear de Llerena de Pontevedra, onde tamén dan clases de pandeireta e música tradicional. Para Alexandre Outeiro, a decisión do xurado "foi unha sorpresa porque a nosa é unha proposta arriscada" na que concorren a música, a danza e a videocreación.

Nos cinco meses que levan dando concertos por Galicia, atopáronse con todo tipo de reaccións por parte do público e mesmo improvisaron performances en en supermercados, centros comerciais e plazas de abastos. Projecto ["trepia] propón a "de-construción (non destrucción) da música e a danza tradicional" a través da reciclaxe de instrumentos de percusión aos que lle dan un tratamento contemporáneo. "Moita xente opina que a música tradicional é doutros tempos pero nós recollemos esa música tradicional viva no século XXI. Por iso queremos tratala sen reparos, sampleándoa", comenta Alexandre Outeiro.

Unha proposta innovadora, única en Galicia, que bebe da renovación impulsada por Mercedes Peón. "O traballo de Mercedes Peón cambiou as ideas da música en Galicia. Ela samplea percusións e canto tradicionais, algo que nós tamén facemos, sen ánimo de nos comparar, claro", explica Alexandre Outeiro que pon a voz pero tamén toca a zanfona, a trompa e os loops. "Estudando a música tradicional decátaste -engade- que ten secuencias rítmicas que se repiten e que coinciden con outros estilos musicais". De feito, en cancións como A roseira ou Leghons -que se poden escoitar na rede en www.myspace.com/projectotrepja- mesturan o sampleo de bases -feitos con tomas acústicas de instrumentos tradicionais ou ben con fragmentos de gravacións do arquivo de recolleitas, algo inédito-, a utilización da zanfona electro-acústica como principal instrumento solista, bateria electrónica, o baixo eléctrico, a pandeireta, os pandeiros ou mesmo a lata de pimentón, as tixolas e os sachos.

"Reutilizamos un ítem cultural como a aña, unha tradición da zona de Mondariz, da que nós aproveitamos a sonoridade dos sachos", conta o músico.

De xeito parello á proposta musical, tamén organizan performances improvisadas que gravan e teñen colgadas no seu espazo web. "Buscando a descontextualización, preguntámonos que pasaría se hoxe en día a xente tocara e bailara como se facía antes, alí onde se podía". Comprobaron como a reacción da xente que ve como varias persoas se poñen a bailar ou cantar mentres pasea varía en función do lugar elixido. "Na praza de abastos, a xente púxose a aplaudirnos mentres que no supermercado mesmo nos chamaron inadaptados", conta. Do mesmo xeito, nos concertos atopáronse con todo tipo de reaccións. "Actuamos na rapa das bestas de Sabucedo e non tivemos a acollida que pensabamos", comenta.

Polo de agora, só teñen gravadas en internet algunhas cancións como PontePedra, Orosoreloaded, Deganha, ou A máquina de meter medo. "Estámonos autoproducindo de tal xeito que o batería é á vez o técnico de son, pero isto ten que cambiar porque nos sobrepasa", remata.

OS GALARDÓNS A final do certame GZ Crea na categoría de música celebrouse o martes pasado, 28 de outubro, nos locais de ensaio do Estadio de San Lázaro en Compostela. Entre os grupos tamén galardoados, Noise Project fíxose cos 1.500 euros do segundo premio mentres que o terceiro posto foi compartido por Os Gru e Anxo Graña. Rubén Cela presidiu o xurado no que actuaron de vogais Xavier Valino, Xavier Campos, Alberto Casal, Nonito Pereira, Noel Enrique Feáns e de secretaria, María Consuelo Méndez.

www.galicia-hoxe.com



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-11-2008 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
Voces protagonistas da lembranza
Son voces protagonistas da lembranza (e permanencia) dunha época na que agromou a reinvindicación da cultura e a lingua propia, nos estertores do franquismo. Miro Casabella e Raimon contan para ANT TV as dificultades polas que pasaron durante o fascismo, pero tamén como despois foron ingnorados.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-11-2008 09:30
# Ligazón permanente a este artigo
Retranca de cabodano
"Estamos tentando facer unha publicación distinta, con todo tipo de humor, gráfico e literario, o máis galeguizado posíbel"

A pesar de que moitos pesimistas non auguraban máis de tres números da revista, Retranca celebra esta noite o seu primeiro "cabodano". Para repasar a traxectoria da publicación ao longo destes 12 meses falamos co seu director, Kiko da Silva, que nos invita a todos a esa festa de aniversario. Será este serán, ás 20 horas, no Café Moderno da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra.


-Que balance fas deste primeiro ano de 'Retranca', despois de que fosen moitos os que vos auguraban so dous ou tres números de vida?
-Esas reaccións forman parte da maneira de ser que temos os galegos, de confiar pouco en nós mesmo en as cousas que se fan aquí. Sobre todo, o que facía ser negativos con este proxecto era que moi poucas veces un proxecto integramente en galego chega a sobrevivir por cuestións de difusión e vendas, e sobre todo, porque tiñamos moi claro que non queríamos depender das canles habituais, de subvencións. Hai xente que veu morrer moitas publicacións ao longo dos últimos anos e paréceme case até normal que se teña esa visión negativa cara un proxecto destas características.

Cando me puxen a darlle forma a ‘Retranca’, fíxeno dándome conta de todos eses problemas. Estiven un ano antes de sacar o primeiro número preparando a empresa, vendo cales serían os problemas cos que me podía atopar, porque eu son debuxante, non empresario, e saín cun colchón, tanto de cartos como de reacción para saber en que número ía ter que investir máis cartos, ao non ter beneficios. Aínda con esas previsións e cautelas, estes produtos costa metelos no mercado, xa que non hai competencia. Algo que pode parecer positivo, realmente pode ser negativo porque tes que facer o traballo de campo ti só. Non tes a quen roubarlle lectores. Tamén xogaba coa vantaxe de que sabía que a revista ían poñela ao lado de ‘El Jueves’. O quiosqueiro tende a colocar a revista por temáticas e como por desgraza só existe unha revista en todo o Estado español, sabía que a ía colocar aí e iso si que nos viu ben porque a xente que era lector potencial, polo menos, unha ollada nos ían votar.

-E como están indo as vendas e as subscricións? Faise difícil aguantar sen axudas?
-A verdade, as contas que eu facía estaban pensadas para que a cosa funcionase por si mesma. Realmente as vendas están indo bastante ben, estamos vendendo sempre máis da metade da tiraxe e os subscritores, ao principio custou arrancar. Ao principio a xente non quería porque tiña medo a que non pasaramos do número 3. Cando viron que a cousa ía ben comezou a subscribirse moita xente e a pedir números atrasados e xa chegamos aos 200 subscritores.

-O que se escoita moitas veces, incluso deixaron varios comentarios na nosa web, é que 'Retranca' ten un prezo bastante alto. Que lles dirías para convencelos de que realmente merece a pena os 2.20 euros?
-O caro ou barato é moi persoal. Sei que se o comparas con revistas que están nos quioscos con tiraxes estatais, o produto pode parecer cara. O que pasa é que esas publicacións de cen páxinas que valen un euro, teñen detrás multinacionais enormes cunhas tiraxes de 15.000 e 20.000 exemplares. Comparando con ‘El Jueves’, están sacando entre 80.000 e 100.000 exemplares. As súas vendas son maiores, a publicidade cóbrana máis cara e poden poñer a publicación a un prezo moi económico. Nós non temos esa capacidade, nós temos un produto case caseiro, como a augardente, case en familia, somos dous socios na empresa e somos familiares. É un proxecto que nace para que haxa algo de humor en Galiza e que está moi axustado. As contas dan para ir saíndo. Deses 2,20 euros, recibimos 1.10 euros ao que hai que quitarlle o IVA, os gastos de imprenta e os pagos aos colaboradores. Porque, iso si, nós a pesar de saír só en galego e ser unha empresa pequena, mantemos a filosofía profesional de pagar a todos os autores, colaboradores, maquetadores…

-Dis que sodes unha empresa pequena na que xestionades os contidos, principalmente, Guitián, Pestinho+1 e ti. Como é o traballo de preparar cada número?
-Ese é o comité de redacción onde escollemos a temática que imos tratar cada mes e a temática grosa das oito primeiras páxinas. Facémolo estas persoas porque somos os que máis en contacto estamos coa actualidade e co que pasa en Galiza e levamos tempo traballando e coñecémonos. O único problema que temos é que non nos vemos fisicamente, pero comunicámonos grazas á tecnoloxía. O colectivo Pestinho+1 está repartido por Ourense, Alberto (Guitián) está emigrado en Barcelona e eu estou en Pontevedra, polo que as reunións teñen que ser vía internet con programas como Skype, aínda que realmente é como se estivemos xuntos. Incluso hai algún número no que contamos co escritor de Pontevedra Manuel Lourenzo, que ten aportado ideas para os temas. A sede de 'Retranca' que imos inaugurar (o día 31) nace coa idea de traballar en equipo e facer reunións unha vez ao ano, un lugar onde poder traballar todos e debuxar, non vai ser só un almacén e un telefonista, senón unha redacción.

-Xa citaches en varias ocasións á revista 'El Jueves', xa que adoitan comparala con 'Retranca'. Ti, como director da publicación galega e como colaborador da outra, que diferencias e similitudes ves?
-A comparación é obvia porque non hai outra revista. Sen embargo, ‘Retranca’ nace coa idea de cubrir o oco que ‘El Jueves’ non cubría. Isto téñoo falado incluso con compañeiros de ‘El Jueves’ e a idea pareceulles moi boa. Hai moitos noticias que dende un punto de vista estatal non teñen interese, porque non chega a información pero que no noso entorno lle interesa a moita xente, como pode ser o tema da Cidade da Cultura. En ‘El Jueves’ propúxenlles facer unha páxina, pero como 'nin Dios' sabía que era aquilo, ao final saiu só unha viñeta. Aí decateime de que era necesario facer unha publicación próxima aos galegos. A crise aféctanos a todos, pero non se vive igual en Madrid que en Galiza. Sobre todo, pasan moitas cousas importantes que nos importan. É curioso, porque todas as publicacións que houbo no Estado español, algunhas de moitísimo prestixio como 'La Codorniz' ou 'Papus', sempre estaban planificadas dende un punto de vista xeral. É a primeira vez que se fai unha revista destinada a un lugar en concreto e unha cultura en concreto. Isto indica o que vai cambiando os tempos, á xente interésalle máis o que pasa na horta do lado que o que acontece ao outro lado do país. Isto é algo que está acontecendo tamén na prensa.

-Cales foron os cambios que se realizaron na revista dende o primeiro número?
-Hai cambios, pero están feitos con sutilezas porque, nunha revistas destas características, non podes cambiar en cada número nin de series, nin de colaboradores, nin de estrutura. Hai pequenos cambios, podes ver que as estruturas cambiaron dos primeiros número ao último, como a serie da 'Telegaita', que pasou a entrar no imaxinario xeral dos colaboradores, porque había máis xente que quería falar da TVG e porque fixemos un número especial de series galegas e cambiamos por unha máis xeral que fai Leandro con Guitián. Fomos metendo tamén máis seccións literarias polo medio. Estamos tentando facer unha publicación distinta, con todo tipo de humor, gráfico e literario, o máis galeguizado posíbel.

-E tras este ano, ides incluír novidades?-A novidade é que imos pasar a ter 36 páxinas e imos ir a toda cor. Até agora estabamos a sacar 4 páxinas a cor e 8 en branco e negro. Vai ser a partir do número do aniversario, que ten unha temática segreda e que imos desvelar o día 31, que vai ser un espido político.

-Xa hai apostas na rede de que é Fraga…
-Haberá algún que acerte completamente.

-Hai unhas semanas houbo unha protestas por parte do PP de Cangas, por unha viñeta túa da revista. Houbo máis queixas deste tipo?
-Directamente non nós chegou máis protesta que esa, que é bastante ridícula porque chegou con varios meses de atraso e esa revista xa tiñamos case esquecida. Saíu en maio e tivemos a polémica en agosto. É un pouco absurdo. Aquí vese o mal acostumados que están en Galiza a que o humor en galego non ten por que ser sempre subvencionado e as publicacións non teñen porque ser sempre subvencionadas. Aí se informaron mal. Non deixa de ser unha anécdota, unha anécdota un pouco triste. Pero que se lle vai facer se unha persoa non ten sentido do humor e antes de facer unha declaración na prensa non se informan ben do que van dicir, despois quédase mal. Foi o que sucedeu neste caso, que o ex alcalde de Cangas estará agora tragándose todo o que dixo porque meteu a pata. Como non é unha publicación subvencionada eu xa lle contestei persoalmente porque a páxina era miña. E si, era unha páxina burda, soez e todo o que queira, pero a situación pedíao. O trato que se lle está dando ao galego por parte dalgúns personaxes e moito máis soez,burdo e máis insultante aos galegos que calquera desas imaxes que tentaban facer reflexionar e sorrir.

-E non houbo ningunha outra reclamación?
-Polo xeral, a xente na política non adoita contestar, non nos chegou ningunha protesta. A nós sorprendeunos que a única protesta que nos chegara do Partido Popular fóra aquela. Fixemos chistes máis ‘bestias’ que aqueles. Creo que están bastante acostumados ao humor e tamén é para non quedar mal, porque meténdose cunha publicación humorística, xa se viu con ‘El Jueves’, ás veces conséguese o contrario. Si que nos chegou unha protesta de xente que nos pide paridade na revista. É algo moi simpático, cando chegan as leis a límites incríbeis: pedir que saian tantos homes como mulleres nas viñetas. É algo complicado de facer. Entendo que hai xente que quere ver máis viñetas de mulleres pero iso é difícil de controlar porque hai moitos colaboradores e unha creatividade e non podes impoñer. Podes pedir unha serie de mulleres, pero non que saian tantos homes como mulleres por páxina para que non se sinta ninguén ofendido. Foi algunha lectora que con boa fe facía a súa crítica, pero é algo sorprendente, pero é difícil nunha revista con 30 colaboradores, cada un coa súa creatividade.

www.gznacion.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-11-2008 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
Uxía e Berrogüetto insiren Galiza no escaparate da música lusófona

Os artistas galegos acompañan a Mariza, Rodrigo Leão, Ricardo Ribeiro ou Waldmar Bastos.

Dende o ano 2001 o goberno portugués e a Fundación Calouste Gulbekian veñen organizando en Londres o festival Atlantic Waves, concebido como unha mostra do máis importante da música portuguesa e lusófona para o mercado anglosaxón. Nesta ocasión, e por vez primeira, a música galega estará representada neste festival, a través de Uxía e Berrogüetto, que actuarán o 4 de novembro ás sete e media da tarde no Bush Hall.


O programa de concertos abriuse o pasado sábado 1 de novembro, coa actuación de Mariza. Despois da 'noite galega' deste martes, chegarán os Gaiteiros de Lisboa, o mércores 5. O xoves 6 o ex Madredeus Rodrigo Leão compartirá escenario coa mítica banda de Manchester The Durruti Column.

O domingo nove será a quenda de Rabih Abou-Khalil, un intérprete libanés de oud, unha especie de laúde. Vén de publicar o seu último disco, Em Português, no que inclúe cancións de autores portugueses contemporáneos, como Mário Rainho, Tiago Torres da Silva, Rui Manuel e José Luís Gordo. Estará acompañado do novísimo fadista Ricardo Ribeiro.

O día seguinte chegará a música brasileira a Londres, co concerto de Vinicius Cantuária e Mafalda Arnauth. O festival pecharase o martes 11 co angolano Waldemar Bastos e o mozambicano Neco Novellas.

A noite sevillana foi galega
Entre o mércores e o domingo Galiza foi protagonista en Sevilla, no Womex. A música galega contou cun atractivo stand baixo a marca GalicianTunes, con ampla información sobre música galega, e que funcionou como un espazo para que as empresas galegas do sector abran vías de negocio. Womex08 é unha das citas máis importantes, pola relevancia, identidade propia e recoñecemento internacional coa que neste ano conta a música galega dentro das músicas do mundo ou ‘world music'. Trátase do maior evento profesional e comercial neste tipo de música. Na edición de 2007 asistiron 1.400 empresas de 90 países e as actividades foron cubertas por 350 xornalistas acreditados.

O gran momento da participación galega foi a noite do sábado, a Galician Focus Night, que levou á céntrica Praza de España da capital andaluza a Mutenrohi e a Xosé Manuel Budiño, e ao Teatro Lope de Vega a Narf. Os tres concertos foron un éxito, tanto pola presenza de público como pola rececpción que tivo a música galega.

www.vieiros.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-11-2008 09:27
# Ligazón permanente a este artigo
2ª Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego

MOSTRA DE PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL
PRAZA MAIOR DE OURENSE, 8-11 NOVEMBRO 2008


Despois do éxito acadado na primeira edición celebrada o pasado ano na Praza da Ferreiría en Pontevedra, e coa intención de visibilizar o patrimonio cultural inmaterial galego e concienciar a sociedade da necesidade de salvagardalo, o Proxecto RONSEL, a Asociación de Gaiteiros Galegos e o Concello de Ourense, organizan e patrocinan na cidade de Ourense, entre os días 8 ao 11 de novembro, a 2ª Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego.


Esta segunda Mostra de PCI terá como fío condutor o Ciclo do Ano, dedicándose cada un dos días que dura o certame a unha estación. O público, tanto adulto como infantil, poderá participar ao longo de catro días en numerosos obradoiros como olería, forxa, albanelería, tornaría, fabricación de xoguetes e instrumentos musicais para nenos, lutharía, fabricación de corozas, destilación de augardente e moitos máis. Exposicións relacionadas co PCI (razas autóctonas galegas, traxes, instrumentos musicais, rodas de afiar etc.), así como charlas e producións audiovisuais realizadas polo proxecto RONSEL e por outros axentes culturais interesados na salvagarda do PCI, sen esquecer a degustación de produtos ecolóxicos, son outras actividades nas que os asistentes á Mostra poderán participar, mergullándose así no rico patrimonio cultural inmaterial que sustenta o noso sistema de cultura tradicional.
Outra parte moi importante desta Mostra de PCI será a participación de numerosos portadores de manifestacións lúdicas como os Antroidos da Ribeira Sacra, o Folión da Caniceira de Trives ou as Treboadas de Tomiño, así como gaiteiros e bailadores tradicionais vidos de todo o país.

O programa complétase co Festival de Música Tradicional da Asociación de Gaiteiros Galegos que nas noites do sábado e luns, reunirá a algúns dos mellores grupos de música de Galicia. A Mostra chegará ao seu fin o martes, xornada na que o Concello de Ourense celebrará, como é costume, o Magosto Popular nos Xardíns Bispo Cesáreo, co ofrecemento de castañas, chourizos e viño novo para todo aquel que se achegue por alí.

A prol da salvagarda do patrimonio inmaterial galego-portugués

O rico patrimonio inmaterial galego (PCI) está formado por un conxunto de prácticas aínda dinámicas. Pese aos procesos de destrución do tecido social no ámbito rural, seguimos a conservar un importante pouso de coñecementos tradicionais en mans de comunidades de portadores, iso si, cada vez máis atomizadas, dispersas e inconexas.

A necesidade urxente de salvagardar e pór en valor este PCI común cristalizou no Proxecto RONSEL, iniciativa coa que as tres Universidades Galegas, baixo a coordinación da Universidade de Vigo, se comprometen a levar a cabo un Plan para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, co patrocinio da Consellaría de Cultura e Deporte, da Consellaría de Innovación e Industria e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-11-2008 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
III Mostra de Cine Etnográfico

III Mostra de Cine Etnográfico do 31 de outubro ao 6 de novembro.

Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela)

A xornada conta con varias seccións: “Espiello”, na que se proxectan as cintas gañadoras na última edición do Festival de Cine Documental Etnográfico da Comarca de Sobrarbe (Huesca), e a “Carlos Velo”, onde o Museo prima a presenza de realizadores e realizadoras galegas.

A III Mostra de Cine Etnográfico do Museo do Pobo Galego, en Santiago, comenzará o venres 31 de outubro co documental Da regueifa ao rap, de Helena Villares e Pilar Pérez. As actuacións dos regueifeiros Pinto de Herbón e Luís Caruncho e da banda de rap Dios Ke Te Crew completan a primeira xornada dun ciclo que acabará eo xoves día 6 de novembro.

PROGRAMA

VENRES 31 de outubro
19.30 Da regueifa ao rap
Directoras: Helena Villares Gallardo, Pilar Pérez Faxil (Galicia). 50’
Documental sobre a historia e evolución da regueifas na cultura popular galega, así como o emerxente mundo do rap e o Hip hop no panorama musical galego dos últimos anos.
Trala proxección, o acto de inauguración da mostra contará cunha actuación de regueifa e hip-hop. (regueifeiros Pinto de Herbón e Luís Caruncho e a banda de rap Dios Ke Te Crew)

SÁBADO 1 de novembro
18.00 Guinea en patués
Premio ESPIELLO PIRINEOS
Director: José María Mur Torrecilla (Huesca)
19.00 Ciclo combinado
Directoras: Sabela Pernas Soto, Nuria Castro Prieto
19.30 Un deserto de flores
Director: Manuel Iglesias Nanín.
Música de Roberto Sobrado

LUNS 3 de novembro
18.00 Ainielle tiene memoria
Premio ASECIC "Guillermo Zúñiga"
Director: Miguel Ángel Viñas (Madrid)
19.00 PIC-NIC
Premio ao mellor documental galego no IV Festival Internacional de Documental Play-Doc (Tui, 2008)
Director: Eloy Enciso

MARTES 4 de novembro
18.00 El sueño de la tierra
Premio ESPIELLO CHOBEN
Directores: Eva Abad Castellar e Pablo García Cabrera (Huesca)
19.00 A terceira pola
Director: Rubén Pardiñas

MÉRCORES 5 de novembro
19.00 Atrás de las sombras
Premio ESPIELLO RECHIRA ao mellor traballo de investigación
Director: Óscar Ramírez González (México)
20.00 Los pastores del Bosque Flotante
Accésit especial ESPIELLO
Directores: José Carlos Díaz e Salvador Castillejos (Valencia)

XOVES 6 de novembro
18.00 Kardala
Premio ESPIELLO ao mellor documental etnográfico
Director: Juan Bidegain (Biscaia)
19.00 Bolivia para todos
Directores: Emilio Cartoy Díaz e Cristian Jure (Arxentina)
20.00 Clausura da Mostra


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-11-2008 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
XVII Premio Iar de Folclore Galego

O vindeiro 22 de Novembro do 2008 terá lugar no Teatro Rosalía Castro o Festival Folclórico no que será entregado o PREMIO “IAR” DE FOLCLORE GALEGO correspondente a súa XVII edición.

Adxuntamos as bases que rexerán a XVII EDICIÓN DO PREMIO “IAR” DE FOLCLORE GALEGO no caso de estar interesados en participar no mesmo, ou ben propor candidaturas, o prazo atópase aberto ata o día 14 de Novembro do 2008.

As candidaturas deberán remitilas a :

XURADO PREMIO “IAR” DE FOLCLORE GALEGO
R /CERCA, 30 BAIXO, 15009-A CORUÑA
iargrupo@hotmail.com

O fallo do xurado emitirase o vindeiro 15 de Novembro e a entrega do Premio terá lugar durante o FESTIVAL.

Para rematar queremos animarvos a todos a que propoñades candidaturas para o Premio “IAR” e a que veñades o FESTIVAL.

PREMIO “IAR” DO FOLCLORE GALEGO

O Premio “IAR” de Folclore Galego nace no ano 1992, coa vontade de dar un recoñecemento público non crematístico, e coa finalidade de premiar cada ano a persoa física ou xurídica, grupo, asociación, entidade ou institución, á que se lle teña recoñecido o seu labor neste campo, durante a súa traxectoria, ou a que máis destacara durante o ano anterior no seu traballo polo folclore deste país.

Con posterioridade, acordouse valorar o desenvolvemento dunha traxectoria prolongada de traballo no folclore galego e no somentes ao labor no último ano.

As bases polas que se rexeu dende o inicio ata o día de hoxe a concesión anual do Premio “IAR” son as seguintes:


1. Poderá concorrer á obtención do Premio “IAR” toda persoa física ou xurídica, agrupación, asociación, entidade ou institución radicada en calquera parte do mundo, adicada á potenciación e fomento do folclore galego, nos eidos da investigación, música, baile, canto e vestiario; podendose outorgar incluso a título póstumo, segundo a valoración do xurado.

2. As candidaturas poderán presentarse diretamente ou a través de terceiras persoas que poidan propoñelas.

3. O prazo de presentación de candidaturas para o Premio “IAR” estará aberto dende o 25 de setembro ata o 14 de novembro do 2008, e nesta decimosetima edición valorarase o labor realizado ata o ano 2007, en calquera das facetas relacionadas co folclore galego.

4. As candidaturas deberán ir acompañadas dun “currículo” do/a candidato/a e unha memoria dos traballos realizados ata o ano anterior.

5. As candidaturas deberán remitirse por correo ao Grupo de Bailes Populares “IAR”, sito en Rúa da Cerca 30-baixo, 15009 A Coruña, no correo electronico iargrupo@hotmail.com , ao coidado do Xurado Premio “IAR”

6. O Premio “IAR” será outorgado por un xurado composto por tres persoas destacados do folclore galego, nomeadas pola Directiva do Grupo de Bailes Populares “IAR”, e o/a Presidente/a do Grupo de Bailes Populares “IAR”, que actuará como Secretario/a, con voz e sen voto. Nengún membro do xurado poderá ter relación directa con ningunha das candidaturas presentadas.

7. Non poderá presentarse o/a gañador/a dun Premio “IAR” anterior.

8. O xurado poderá declarar deserto o Premio, se non atopa méritos suficientes nas candidaturas presentadas.

9. O Premio “IAR” 2008 fallarase antes da celebración de XVII edición do Festival de Premio “IAR” de Folclore Galego, que terá lugar no Teatro Rosalía Castro, o día 22 de Novembro de 2008.


Servando López González
Pte. da Sección de Folclore da A.VV. Castrillón- Urbanización Soto “IAR”
Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 03-11-2008 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
Nova edición do Vai de Baile

Concurso de parellas de baile galego, "Vai de baile" do programa Luar da TVG

Convocámosvos a sexta edición do concurso, que comezou o 12 de setembro e que se está a desenvolver de acordo coas seguintes


BASES:

PARTICIPANTES

1. Poderán participar os maiores de 14 anos, sen límite de idade, que se inscriban por parellas mixtas. A dirección do programa fará unha selección previa dos candidatos.

2. A inscrición será gratuita. O programa entregará 300 € a cada parella en concepto de gastos cada día que concursen no programa.

MECÁNICA DO CONCURSO

3. En cada programa competirán dúas parellas entre sí bailando una xota e unha muiñeira de forma alternada, mais un agarrado que bailarán simultaneamente.

4. O xurado de Vai de Baile, formado por catro especialistas, calificarán a actuación de cada unha das parellas. A resolución estará consensuada polos catro membros do xurado e será inapelable.

CLASIFICACIÓN

5. Na primeira fase conseguirá un punto a parella que reciba a mellor calificación outorgada polo xurado e volverá participar no seguinte programa agás se chega aos cinco puntos; nese caso pasará directamente a clasificarse para a semifinal. Se hai empate, ambas parellas sumarán un punto cada unha e repetirán o encontro.

6. Na semifinal participarán as parellas clasificadas mais, en caso necesario, as que teñan maior puntuación no cómputo xeral. O número de parellas e de encontros desta fase estará determinado polas necesidades de programación.

7. As dúas parellas mellor puntuadas na semifinal competirán na final.

PREMIO

8. Vai de Baile ten como premio unha dotación económica de 6.000 € para a parella campiona e 3.000 € para a subcampiona.

DISPOSICIÓNS XERAIS

9. Os concursantes ceden tódolos dereitos de imaxe a Televisión de Galicia.

10. A dirección do Programa resérvase o dereito de suspender o concurso temporal ou definitivamente cando as necesidades de programación así­ o aconsellen.

11. A participación no concurso supón a plena aceptación destas bases. A interpretación das mesmas ou calquera aspecto non previsto nelas será competencia exclusiva da Dirección do Programa.

CONTACTO

Por mail a luar@crtvg.es ou directamente a responsable do apartado (que son eu) leni.perez@gmail.com

Moitas grazas a todos
Leni
Comentarios (0) - Categoría: Vai de Baile / Punta Tacón - Publicado o 03-11-2008 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer