Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Dúas voces de luxo actuarán na gala de entrega dos PREMIOS OPINIÓN
Hai seis anos, na terceira edición dos nosos galardóns, Guadi Galego e Guillerme Fernández facían o seu debut como dúo con Espido. A cedeirense é unha presenza constante enriba do escenario ao longo das diferentes edicións celebradas e hoxe vai pór en escena temas do seu disco Benzón, que conseguiu ser o mellor álbum folk galego do ano pasado, unha obra que non foi feita para levar a escena, dados os múltiples colaboradores que tomaron parte nela, pero hoxe é unha ocasión especial para celebrar o galardón e por iso os espectadores terán ocasión de escoitar algunhas cancións incluídas nese traballo.

A artista estará ben acompañada no palco polo trío do pianista Alejandro Vargas, tres músicos cubanos que chegaron á nosa terra para participar no espectáculo A descarga ao vivo e que chamaron a atención da artista tanto como para comezar a colaborar con eles.

E se ao comezo do escrito falabamos dun debut nunha gala dos PREMIOS OPINIÓN hoxe vai producirse outro. Será o de Sonia lebedynski, coñecida por ser a voz do grupo Fía na Roca e que contará coa axuda no escenario de Xosé Lois Romero, o seu estreito colaborador para esta nova aventura.

A voz desta cantante comezou a soar polos escenarios cando só contaba trece anos de idade e formaba parte do grupo Vaite Embora. Logo acompoñou un tempo á gaiteira Susana Seivane e máis tarde foi recrutada pola histórica banda galega, coa que xa gañou un par de PREMIOS OPINIÓN.

Ao mellor co seu debut como solista ocorre o mesmo que pasou co dúo Espido, que fixeron o seu primerio concerto na gala e logo subiron a recoller un dos premios dados aos mellores discos do ano.

Na foto que abre esta páxina vémolas cantando xuntas. Sucedeu na primeira edición, cando actuaron na entrega de premios os grupos Berrogüetto e Fía na Roca. Nesa ocasion, Sonia tivo un convite para interpretar Setestrelo. Esta noite haberá ocasión de escoitalas cos seus proxectos en solitario e poderase aprezar novamente que se trata de dúas cantantes con personalidade que supoñen un valor seguro para o folk galego. Guadi xa o amosou tamén como compositora e veremos ata onde chega Sonia no camiño que vai principiar.

Un instrumento como a zanfona vai ser o centro de atención da primeira parte do evento, coa participación de Germán Díaz e o conxunto 8 Rodas. Cada unha das catro actuacións programadas terá unha duración de entre quince e vinte minutos.

Ocúpase de presentar a gala o xornalista Miguel Fernández, un profesional que encetou a súa carreira como cronista deportivo en Radio Nacional de España en Galicia e que agora resulta coñecido, fundamentalmente, porque presentou durante uns anos Miraxes, programa cultural semanal que foi eliminado hai uns meses da grella de programación da TVG

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-10-2010 10:39
# Ligazón permanente a este artigo
II Xornada de Cultura Popular Galega (San Sadurniño)
A A.F.C. Berros do Castro está a organizar as II Xornada de Cultura Popular Galega(culturΛ), que se desenvolverán o vindeiro domingo 3 de outubro.

O obxectivo principal das xornadas é o de promocionar, dinamizar e por en valor os aspectos máis importantes da cultura galega.

A exposición... «As embarcacións tradicionais de Lorbé a Ribadeo »(desde o 24 de setembro)
“As embarcacións tradicionais de Lorbé a Ribadeo” está composta por 43 paneis nos que se dá conta da riqueza do noso patrimonio marítimo. Neste traballo de investigación recóllense diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais, aportando unha visión completa das diferenzas que cada unha presenta ao longo da costa norte galega. Deste xeito, compáranse os botes mariñeiros (feitos no Ferrol) cos de Ribadeo; as zocas coas bucetas; os botes ferrolanos de media construción cos botes enteiros pulpeiros; as traineras coas lanchas ou os “patexeiros”, cos “bois da molida”...

Os concertos (20:00h)

Dúo de zanfonas e voces «Sobre Rodas»
Integrado por Luis Correa “O Caruncho” e Carlos do Viso, ofrecerá unha nova proposta de interpretación da música popular e de autor, fundindo zanfonas e voces para interpretar un amplo repertorio de cego e outras melodías da nosa música.

Grupo de música e baile tradicional «Brincadeira» (Santiago de Compostela)
Formouse a finais dos anos 70 co obxectivo de conservar e difundir a música e o baile tradicional galego. O repertorio de «Brincadeira» fundaméntase nun traballo de campo realizado ao longo de toda a xeografía galega, no que buscan como informantes ás persoas de máis idade que aprenderon da tradición oral. Nas actuacións, Brincadeira trata de reproducir o máis fielmente as pezas de baile e música recollidas, coas que demostra a variedade e a riqueza da nosa cultura neste eido. O mesmo ocorre co vestiario, elaborado con tecidos naturais, seguindo modelos e patróns antigos, e coidando as características específicas de cada comarca de orixe.

O obradoiro…A PERCUSIÓN NO CANTO TRADICIONAL: INSTRUMENTOS E RITMOS
Presentación (10.00 h)
Contidos (10.30 a 13.30 h e de 16.00 a 19.00 h)
No obradoiro trataránse as técnicas propias de execución, así como os ritmos característicos de cada un dos instrumentos de percusión utilizados na nosa tradición (pandeiro, pandeira, lata, cunchas, tixola, culleres, ferriños, sacho...), tendo sempre presente a súa función de acompañamento da voz. Todas as actividades incluirán un apartado de práctica, onde os alumnos terán a oportunidade de practicar os coñecementos adquiridos. Para a asistencia ao curso non será preciso dispor destes instrumentos (a organización contará cos suficientes para os alumnos). Coa finalidade de proporcionar unha maior dinámica e autonomía na aprendizaxe, recoméndase traer instrumentos propios no caso de contar con eles.

Felisa Segade
Felisa é mestra e directora artística do grupo de pandeiretas de «Brincadeira» (Santiago de Compostela), ademais de ser bailadora no grupo de baile. Entre outras actividades, cómpre salientar o feito de que sexa compoñente, desde a súa formación, do afamado grupo de cantareiras “Leilía”. O traballo de campo de Felisa Segade constitúe a base da maior parte do seu repertorio, e tamén do que ensina na escola de Brincadeira e nos diferentes obradoiros que imparte por toda a xeografía galega.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-10-2010 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
VII Feira Terractiva (Arzúa)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-10-2010 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer