Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As covas do Rei Cintolo sálvanse do cemento
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de anular o proxecto que o concello de Mondoñedo tiña presentado para potenciar a vertente turística das Covas do Rei Cintolo. Tratábase de crear unha aula xeolóxica na que se explicarían as particularidades do paso subterráneo, e de adaptar a entrada ás profundidades da terra ós visitantes menos aventureiros mediante a instalación de ramplas e iluminación.

O xuíz rematou así cun debate que viña durando 6 anos, que enfrontaba a partidarios da apertura como forma de revitalizar a economía do concello lugués mediante o turismo e os defensores dun proteccionismo que impida estragos irreparables neste paraxe natural.

Todo comezou co proxecto presentado polo ex alcalde mindoniense, o 'popular' Luis Rego no ano 2001. As cifras de visitantes que se manexaban daquela eran espectaculares, xa que pretendían chegar nada menos que ós 40.000 turistas ó ano.

A polémica chegou de seguida, coa oposición da Federación Galega de Espeleoloxía, que aseguraba que este proxecto prexudicaría gravemente a cavidade. En 2003, a Consellería de Medio Ambiente licitaba as obras da aula xeolóxica no exterior da cova, e dunha rampla de acceso con iluminación para o interior. A Federación respondeu cun recurso contencioso contra a Consellería que daquela dirixía José Manuel Barreiro.

Os espeleólogos denunciaban ademais que se ían realizar obras nun espazo no que se está a tramitar a declaración de Monumento Natural, e como tal, debería ser administrado pola Xunta e non por un concello.

As obras non se chegaron a iniciar.
O xuíz paralizou o proxecto ata que se chegase a unha resolución xudicial, que finalmente lle deu a razón ós argumentos dos espeleólogos. Dende o TSXG lembran que o pasaxe subterráneo está baixo a Ordenanza Reguladora de Solo non Urbanizable de Protección de Espazos Naturais, que só permite a "explotación racional" dos recursos mentres non se atente contra os valores que se protexen.

En palabras da asociación ecoloxista Amigos da Terra, isto supón que "se permite a explotación turística, pero non a construción de ningunha clase de edificación dentro da limitación do espazo".

Peche por orde do xuíz
O proceso xudicial trouxo consigo o peche preventivo das covas. Isto foi un duro golpe para os veciños, que viron descender un dos principais motores turísticos do concello. A corporación municipal non conseguiu chegar a un acordo para que a Federación retirase a súa denuncia.

Co cambio de goberno, as circunstancias tamén mudaron. O novo alcalde, o nacionalista Orlando González, manifestou a súa intención de non levar a cabo as obras de acondicionamento da entrada das covas, e xa contactou cos espeleólogos, co fin de retomar o diálogo para compaxinar a súa conservación cunha explotación turística respectuosa.

Restos arqueolóxicos e fauna única
Ademais das impactantes formacións de estalactitas e estalagmitas, pouco frecuentes en Galicia pola escaseza de pedra caliza baixo os montes galegos, o labirinto que forman as covas do Rei Cintolo posúe outros alicientes que a fan única.

Durante o verán de 2002, unha expedición arqueolóxica da Universidade de Santiago atopou restos da presencia humana, que poderían ter máis de 3.000 anos. Os achados son restos de ósos e cerámica, e tamén gravados nunha das galerías.

En canto á fauna, a cova acolle varias especies animais de interese para a ciencia. Non só alberga unha importante colonia de morcegos, senón o fondo dos lagos acolle a un crustáceo moi pouco frecuente, o Iberobathynella ortizi.

www.xeracion.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-10-2007 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
O ENSINO FOLK NO ARAME
Os dous conservatorios de música tradicional do País inician o curso con cadansúa crise

Non arrinca ben o curso 2007/2008 para os dous únicos conservatorios galegos de música tradicional. En Lalín o Conservatorio Folque está coa matrícula suspendida e non ten clara a súa continuidade. Pola súa banda, en Vigo problemas coa contratación do profesorado están a atrasar o comezo das clases no Conservatorio de Música Tradicional. A aprendizaxe folk está agora mesmo na corda frouxa.

Os problemas no Conservatorio Folque de Lalín comezaron xa este mes de xullo. Foi daquela cando o rexedor local, Xosé Crespo, do Partido Popular, reclamaba publicamente axuda á Consellaría de Cultura, en mans do BNG, para manter o centro que abrira en 2000 como unha iniciativa municipal. Crespo xa fixera esta mesma reclamación en febreiro do pasado ano, pedíndolle ao departamento autonómico que achegase 18.000 euros anuais, o que suporía a metade do custo do profesorado. En total, o concello inviste cada ano 66.000 euros en manter esta oferta, e segundo asegura o alcalde “resúltanos cada vez máis complicado manter o centro”. No mes de agosto, a situación complicábase cando, “por cuestións burocráticas co concello”, e máis concretamente por vacacións que impediron “realizar as reunións pertinentes para estruturar o próximo ano académico do centro”, aprazábase o prazo de matriculación. A suspensión continuou ao longo de setembro, e o día 29 deste mes o grupo municipal do BNG de Lalín alertou sobre o perigo de que o concello perda este equipamento. Segundo manifestou o portavoz desta formación, Francisco Vilariño, existe a posibilidade de que o centro se traslade a outro concello, e denunciou “o total escurantismo” nas negociacións que se desenvolven arredor deste tema e a responsabilidade do alcalde na situación do conservatorio.

Cuestións profesionais

Fóra dos cruces de acusacións políticas, desde o Conservatorio explicaban este primeiro de outubro que “o equipo docente segue en reunións con Padroado Cultural de Lalín por temas relacionados co orzamento do centro”. Para alén da problemática sobre a participación da Consellaría no conservatorio, Ugia Pedreira, directora do centro, denunciaba nun comunicado que se publicou o primeiro de outubro que “desde o ano 2000 non se ten variado este orzamento”, e que foi o traballo desenvolvido a maiores polo equipo docente e máis pola Asociación do Conservatorio Folque o que permitiu que o centro fose crecendo. Propostas coma o Ciclo Trad e a Aula Folque Infantil de Pontevedra, a organización do circuíto 4x4 ou outras actividades repercutiron “nunha mellora laboral do equipo docente e en múltiples posibilidades para o alumnado que ten desexo de profesionalizarse no sector”. A maiores, Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque propón neste texto “un novo proxecto de centro onde haxa salarios dignos, onde se poidan introducir máis materias no proxecto curricular, onde o centro sexa entendido como único, exclusivo sen comparación con outro, onde o centro sexa integrado na comarca a nivel de programación cultural”. Unha iniciativa que, salientan, “está aberta para Lalín e outros concellos interesados de Galicia”. A cuestión mantense, polo momento, aberta e cunha tensa agarda que fai presaxiar novas. Ante a complexidade das negociacións polo momento abertas, os representantes do centro declinaron comentar a situación, e emprazaron os medios para os vindeiros días.

Inestabilidade en Vigo

Nun grado aínda maior, en Vigo a problemática laboral dos profesores aparece como unha cuestión fundamental no atraso no comezo das aulas, que foi adiado ata novembro. Nesta cidade, o conservatorio naceu en 1996 e depende da Escola de Artes e Oficios (antiga Universidade Popular). O centro deu pé ao desenvolvemento de iniciativas tan destacadas coma a Fundación Son de Seu e a súa orquestra, así como a unha destacada nómina de artistas. Desde o concello explicaron que este atraso ten como causa fundamental o proceso de contratación que busca legalizar a situación dos docentes, que ata o de agora contaban con contratos anuais. A concelleira de Educación, Laura López Atrio, asegurou que non se prevé suprimir ningún curso e que mesmo están a barallar unha ampliación da oferta formativa. Malia a isto, o pasado un de outubro desenvolveuse unha primeira concentración de usuarios que temen pola viabilidade do centro. Neste encontro, no que participaron representantes de Educación, explicouse que o problema é que actual normativa non permite manter o sistema de contratación temporal de docentes, unha situación que a corporación asegura que é herdada do anterior goberno. Desde o concello explicaron xa que contan cunha alternativa para legalizar o profesorado que non chegaron a concretar, pero desde os usuarios convocaron xa unha nova xuntanza para o vindeiro día 17 co lema “Por unha escola con futuro”. A pesar de todos estes contratempos, e no medio a incerteza reinante, desde o un de outubro a preinscrición para os cursos de música tradicional da Escola de Artes e Oficios mantense aberta.

A situación deu aínda unha reviravolta onte, tres de outubro, cando o propio alcalde, Abel Caballero terzou no tema e recoñeceu que o concello non está en situación de garantir a continuidade do equipo docente. A maiores, sinalou que se están a barallar varios nomes para ocupar a dirección da escola de Artes e Oficios e, polo tanto, do ensino de música tradicional na cidade. Na actualidade este posto atópase vacante. É de supor que unha mudanza nos ensinantes daría en novos atrasos e en que se intensifiquen as propostas. Nin o Concello nin o coordinador dos cursos do conservatorio, Rodrigo Romaní, comentaron nada sobre a situación e a súa posible evolución. A expectación, mentres, increméntase segundo van pasando os días sen que se resolvan estes problemas.

www.culturagalega.org
Comentarios (4) - Categoría: Novas - Publicado o 04-10-2007 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
Novas do Conservatorio Folc de Vigo
Os responsables municipais non saben aínda como afrontar a difícil situación que atravesan preto da metade do persoal do claustro da Universidade Popular.

«Están a ver os servizos xurídicos da Concellaría de Educación que modalidades hai de contrato e como facemos para que esta xente continúe o seu traballo normal na docencia», explicou onte o alcalde. Con todo, advertiu que non está en condicións de garantir a súa continuidade, a pesar de que persoalmente lle gustaría.

Director
Sobre o nomeamento dun director para o centro, Caballero asegurou que se designará a unha persoa e que nestes momentos barállanse varios nomes.

A idea é que o elixido permaneza varios anos á fronte da Escola de Artes e Oficios, por iso é polo que se estude de forma detallada. Na actualidade a Universidade Popular pasa por un período de transición tras o cesamento o pasado luns do director Jacinto Martín. Nestes momentos, e mentres non se cobre o cargo, a supervisión corre a cargo do novo xefe do servizo municipal de Educación, Rafael Ojea.

Boa parte dos 23 profesores que integran o persoal da Escola enfróntanse ao cambio por lei no modelo de contratación.

Fórmulas
O feito de que se eliminasen os contratos por obra e servizo o pasado mes de marzo obriga agora ao Concello a buscar outras fórmulas para garantir a súa continuidade.
Entre tanto, o inicio das clases de atrasou para o día 17 e descoñécese se nesa data xa poderán impartir as súas materias os afectados.
A situación causou certo malestar no centro pola falta de previsión.

Entre os ensinos implicados figuran encadernación, música moderna, palillos, pintura, zanfona, gaita, violín folk e canto popular.
Outro dos motivos do malestar é a falta de director, ao non ser esta a primeira vez que a Escola se enfrenta a esta situación.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (3) - Categoría: Novas - Publicado o 04-10-2007 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
IV Encontro/Alcuentru de Pandeireta Galega e Asturiana!!!

Imos a polo cuarto!!!

Desta vez toca na Galiza, e escollemos como emprazamento a mesmísima montaña dos Ancares lugueses. Será o sábado 24 de Novembro no Albergue Campa da Braña, no Concello de Cervantes.

A dinámica será semellante á das outras tres edicións: cea-confraternización, concerto dun grupo de pandereteiras galegas e outro de "pandereteres asturianes". Logo, foliada (tamén de confraternización ;-D) ata altas horas da madrugada, e durmida opcional no propio albergue.

Está confirmada a participación de Polavila, alumnas de Juanjo Fernández e auténticas herdeiras da tradición de pandeira ancaresa.

Restan por confirmar os últimos detalles, pero garantimos uns prezos (incluíndo só cea, ou cea, durmida e almorzo) moi "populares".

O dito, reservade o 24 de Novembro nas vosas axendas, foliadeiros e foliadeiras do mundo!!!

Convoca: Xuntanza Galego-Astur "Transeu".
xuntanza_transeu@hotmail.com

(Resume N'ast).

Vamos a pol cuartu!!

Guardai el sábadu 24 de Payares pal IV Alcuentru/Encontro de Pandereta Gallega ya Asturiana.

Sedrá na montaña ancaresa, nel Albergue Campa da Braña de Cervantes (Lugo).

Ta confirmada la participación del grupu Filandón, herederes del bon tocar de la pandeira ancaresa.

Los precios sedrán populares, y incluyen cena-confraternización, ablugu nel propiu albergue y almuerzu pela mañana.

Contamos con vós!!

Entama: Xuntanza Galego-Astur "Transeu".
xuntanza_transeu@hotmail.com

Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 04-10-2007 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
Cambio de hora de Lume na Palleira

Atención ás horas e cambio de canle

O programa da RADIO GALEGA Lume na Palleira especializado en música Folc e Tradicional ven de ampliar a súa oferta e de mudar a RADIO GALEGA MÚSICA, ainda que segue emitindo tamén na RADIO GALEGA.

O seu director e presentador segue a ser Emilio Españadero Paz.

Os seus horarios serán:
Os sábados de 16:00 a 18:00 na RADIO GALEGA MÚSICA con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na RADIO GALEGA
Os domingos de 15:00 a 16:00 na RADIO GALEGA MÚSICA.

As frecuencias de escoita da RADIO GALEGA MÚSICA son:

SANTIAGO 104.2
FERROL 106.3
A CORUÑA 92.1
A COVA (centro.prov.Lugo) 96.6
OURENSE 95.6
LUGO (Capital) 106.2
PONTEVEDRA 101.4
XIABRE 88.0
VIGO (Domaio) 90.8
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-10-2007 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre o novo disco de Luar na Lubre

O grupo Luar na Lubre, un dos máis importantes da música folk en Galicia, e posiblemente de España, regresa á Costa da Morte no seu último traballo, o décimo da súa discografía, titulado Camiños dá Fin dá Terra, e que se publicará a finais de mes. Aínda que, máis que regresar, a agrupación en realidade nunca se foi da comarca.

Nos seus 21 anos de traxectoria, a Costa da Morte é a comarca galega que máis aparece, e con diferenza, nas súas composicións, xa sexa nos títulos, as portadas, as letras ou as fotos interiores. Ao mesmo tempo, non existe ningún artista, local ou galego, que se ocupara tanto desta zona na súa música.

É un exemplo máis, o último, nesta filosofía. Empezando polo propio concepto do fin da terra. Seguindo pola portada, unha ampla panorámica de Cabo Vilán tomada desde a zona de Trece. Arroibada. O da cor non foi casualidade. Explica o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero, que esta cor é a única que faltaba nos seus discos. Xa non, agora combinado co negro do contraluz de Vilán e Vilán de Fóra. E do Bufardo, ademais do branco a medias dunha rosa dos ventos. A referencia non se queda só no visual e o exterior. Dentro, sonoros, aparecen dous temas sobre a comarca. Un é Meighallo, baseado na a tradicional Foliada de Malpica. O outro, A Barca de Pedra, tomado do Alalá de Muxía.

Tempo atrás, a finais dos oitenta, o primeiro disco do grupo, O Son do Ar , ilustrouse cun druída no dolmen de Dombate, e varias imaxes do libreto interior estaban tomadas en Verdes. Iso ocorreu no vinilo, porque no cedé a compañía decidiu cambiar a imaxe por unha máis críptica.

No seguinte traballo, Beira Atlántica, do ano 90, a foto de portada do Cabo Roncudo, en Corme, e contiña nada menos que catro temas sobre a Costa da Morte: Carballesa , M uiñeira de Cabana , Danza de Santa María de Torás e Muiñeira de Mazaricos .

Ara Solis, de 1993 (dedicado a Fisterra) contiña a Muiñeira de Malpica , localidade á que estivo moi vinculado Urbano Lugrís, a quen dedicaron o seu seguinte disco, Plenilunio , que contiña fotos desde Monte Branco.

O Cabo do Mundo (1999) é unha nova volta ás súas coordenadas xeográficas, e o recompilatorio XV Aniversario , do 2001, achega un tema novo, unha versión impactante de Camariñas , á voz de Rosa Cedrón.

Espiral, aparecido no 2002, contén o tema Costa da Morte. é das escasas cancións que alguén dedicou a esta zona e con ese nome, aínda que o último dobre de Mago de Oz (un directo editado pola ex compañía do grupo) tamén se denominou así.

En Hai un paraíso, que saíu á luz hai tres anos, Corme (de novo, aínda que agora en forma de música) é un dos fragmentos protagonistas do disco, cunha historia inspirada no Prestige .

En Saudade, explicitamente, non parece haber nada na mesma liña. E os Camiños dá Fin dá Terra recobran o espírito comarcal. A Barca dá Pedra narra a chegada da Virxe a Muxía.

Pero son moitos os temas que valen para calquera lugar de Galicia, como Centeas , que é unha homenaxe ás mulleres de consérvaa, ás redeiras. Na presentación do disco, a compañía asegura que este último traballo é unha procura, e un repaso, da identidade galega e celta. Unha última conexión: a súa web (www.luarnalubre.com) está realizada por unha empresa carballesa, Abertal.

Bieito Romero explicaba onte que é un namorado da Costa da Morte, e que a coñece moi ben, xa desde os tempos en que foi profesor en Malpica ou Zas. Tamén actuou en case todos os concellos, nalgúns varias veces. Facendo un repaso mental, onte pensaba que só lle falta Dumbría, onde estaría encantado de ir. E ao resto, de volver, para presentar Camiños dá Fin dá Terra.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 04-10-2007 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
Aula de Zanfona en Lugo
A Asociación de Gaiteiros Galegos pon en marcha, un ano máis, a AULA DE ZANFONA na cidade de Lugo. Esta actividade vaise a levar a cabo dende o vindeiro 25 de outubro de 2007 ata Xuño de 2008, todos os xoves de cada mes, no Complexo Residencial Xuvenil LUG, dependente da Delegación Provincial de Lugo da Vicepresidencia da Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia.

Luis Correa “O Caruncho”, unha das referencias fundamentais na música tradicional galega, será o mestre encargado de impartir as clases coas que se pretende reivindicar este instrumento tradicional galego, que presenta unhas características culturais, sonoras, técnicas e temáticas que fan moi interesante o seu coñecemento.

A matrícula formalizarase o mesmo día do comezo do curso, ainda que deberá realizarse unha reserva de praza antes do 25 de outubro, a través do correo electrónico:

secretaria@gaiteirosgalegos.com
ou ben no teléfono 986 847 074 (Roi ou Patri).


www.gaiteirosgalegos.com



Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 04-10-2007 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
Concerto solidario con Ictus

A comunidade “hardcore” mobilízase por solidariedade cos integrantes do grupo Ictus

A Sala Zona de Bueu acollerá este sábado un concerto de catro grupos e dous picadiscos que busca recadar cartos que axuden aos integrantes do grupo de hardcore Ictus.

Os grupos Prap´s , Kogito, Última Sacudida e The Señoritos, xunto a DJ Gavu e DJ David Graña porán a música nesta noite na que os roqueiros dan toda unha lección de solidariedade.

O 2 de agosto pasado o grupo lugués Ictus percorría Europa nunha xira na que xa presentaban temas do seu cuarto disco gravado antes do verán, un accidente nunha autopista de Bielorrusia rematou traxicamente coa xira colocando en estado de máxima gravidade ao seu batería, Mejuto, cun traumatismo vertebral que o mantivo inconsciente moito tempo e completamente paralizado. Desde entón a comunidade musical do hardcore e o punk tense envorcado en diversas mostras de apoio moral e económico para axudar nos gastos médicos e de intendencia que todo isto lles causou.

O de Bueu é o segundo concerto destas características despois do celebrado en Llodio o pasado 21 de setembro.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-10-2007 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
Matrícula no Conservatorio da Escola de Artes e Oficios de Vigo
A pesares do que hai montado, e cando índa non temos data de inicio do curso nin se coñecen os mestres que van dar as clases, xa esta aberta a matrícula do Conservatorio Folc da Escola de Artes e Oficios e Vigo... a fume de carozo...

Preinscrición:
-En primeiro:
Entre os días 1 ao 5 do mes de outubro en horario de 10 a 13 h. e de 17 a 20 h.

-No resto dos cursos:
Entre os días 1 ao 5 do mes de outubro en horario de 10 a 13 h. (só de mañá) e presentando o Carné de estudante da Escola na Secretaría.
Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 03-10-2007 12:14
# Ligazón permanente a este artigo
Roteiro da Montaña Máxica
Roteiro da Montaña Máxica (LIC SERRA DO CANDO)

O próximo sábado 6 de outubro terá lugar a segunda actividade de “Coñece a Rede Natura”, iniciativa promovida para dar a coñecer os LIC´s próximos á comarca de Pontevedra por parte da correspondencia de ADEGA-Pontevedra, dentro da campaña en defensa, promoción, e custodia da Rede Natura. Animádevos a vir!

DATA: Sábado 29 de setembro de 2007

SAÍDA: Praza da igrexa de Cerdedo (10'00 h).

CONTIDO: Roteiro guiado por Carlos Solla, filólogo, investigador, e membro da Aociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido, polas 32 estacións míticas do monte do Seixo, que fan deste un lugar de privilexio para o estudo da mitoloxía popular galega.


SESIÓN DE MAÑÁ:

Os asistentes subirán en coche de Cerdedo até a subestación do parque eólico, e dende alí comezará a pé o percurso polas estacións míticas do “circo interior”: Chan de Mamas - Lagoas de Xestido - Laxa Mosqueira - Almadraque de Pirocha - Trampa do Lobo - Cruz do Seixo - Portalén - Marco do Vento - Moreo das Pedras - Santa Mariña.

XANTAR: No alto do monte (O Viveiro), se o tempo o permitir (14'00 h).

SESIÓN DE TARDE:

Outeiro do Castro... (+ comentario das estacións míticas do chamado "circo exterior").

Información:
Manuel Fortes (correspondente de ADEGA na comarca de Pontevedra) 676 08 84 86
fortesbesada@hotmail.com

Comentarios (0) - Categoría: Roteiros - Publicado o 03-10-2007 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
Nova tempada de Seráns na Fábrica de Chocolate
Este mércores 3 de outubro comeza a nova tempada de Seráns na sala Fábrica de Chocolate de Vigo.

Nesta nova xeira corresponderán os seráns aos primeiros mércores de cada mes para que non haxa problemas de lembranza.

Agardamos a todos os festeiros que se animen a baixar até a rúa Rogelio Abalde e purrar por unha festa mensual onde poidamos tocar e bailar a gusto.

Serán na Fabrica de Chocolate
Cada primeiro mércores de mes
A partires das 22:30


Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 02-10-2007 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
Situación actual do Conservatorio Folc de Vigo
Como ben saberedes existe unha fonda preocupación polo futuro do Conservatorio folc da Escola de Artes e Oficios de Vigo, xa que non hai data para o comezo do novo curso.

Esta situación de inseguridade repitese ano tras ano cando chega á época de contratación dos mestres, pero este ano hai un problema engadido...cambio de normativa.

Até este ano para evitar a concatenación de contratos os mestres eran contratados polos meses do curso e despois mandados ao paro, para ao comezo do curso seguinte voltar sacar un novo procedemento de contratación por méritos e volver contratar novamente.

Así tiñan a Xaquín Xesteira, Anxo Pintos, Chisco, Alfonso, Xosé Liz,...

Pero a normativa tense modificado:

Se un primeiro contrato estaba vixente a partir do 15 de xuño de 2006, data de entrada en vigor da nova normativa, os traballadores que nun periodo de trinta meses estivesen contratados durante un prazo superior a vintecatro meses, con ou sen solución de continuidade, para o mesmo posto de traballo coa mesma empresa, mediante dous o máis contratos temporais, sexa directamente ou a traverso da sua posta a disposición por empresas de traballo temporal, coas mesmas ou diferentes modalidades contractuais de duración determinada, adquirirán a condición de traballadores fixos.

(art. 12. dous do R.D. Lei 5/2006).

Resumindo: A administración ten un problema, non pode ter contratada para un mesmo posto a unha persoa se pasa contratado ao menos 24 meses nun periodo de 30, tería nese caso que facela interina e sacar o posto a proceso selectivo para cubrir a praza fixa... cousa que non debe interesar...hai cartos para outras cousas pero non para a Escola de Artes e Oficios.

Semella que houbo falta de previsión pola Administración e non tiñan preparada ningunha solución alternativa.

Á concentración de onte acudiu a concelleira de educación para informarnos en persoa:


-É unha situación herdada da anterior Corporación...claro
-Vender a moto do moi preocupada que estaba...
-As clases comezarán en novembro (non puido concretar máis a pesares de que é os prazos administrativos teñen pinta de alongar máis o proceso)
-Hai unha solución legal para a contratación dos mestres, pero non podía dicila !¡, veu dicir o Xefe de Servizo que non a entenderiamos...Impresionante!! (rebumbio xeral na sala)
-Ía ter unha reunión posterior cos mestres para informalos da situación...seica os mestres tampouco sabían nada.

A miña impresión é que esta mobilización colleunos sen ter moita idea de como solucionar o tema e sen saber como van respirar mestres e alumnos as distintas posibilidades de contratación neste ano dos mestres.

Acordouse continuar as mobilizacións centrandonos na continuidade das clases, a necesidades de que estas escomecen o antes posibel sen máis retrasos, unha maior claridade no que está a suceder e na mellora das condicións da Escola.

Vindeira mobilización:
17 de outubro
(día de escomezo das clases para o resto de aulas da Escola de Artes e Oficios),
ás 20:00 diante do Marco (rúa Principe),
desta vez con instrumentos



POR UNHA ESCOLA CON PROXECTO DE FUTURO!!!
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 02-10-2007 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
Cursos de Lembranzas da Ría (Cangas)

Un ano máis, a Asociación Cultural Lembranzas da Ría (Cangas do Morrazo) dá comezo ó curso escolar, ofertando as actividades de baile, gaita, percusión e canto e pandeireta. Estes cursos van dirixidos a tódalas persoas que queiran aprender, a partir de 5 anos de idade.

BAILE:
Sábados:
- de 16:30 a 17:30 h. (Avanzado)
- de 17:45 a 18:45 h. (de 5 a 14 anos)
- de 19:00 a 20:00 h. (Iniciación)
Mestre: Miguel Sotelo

PANDEIRETA E CANTO:
Sábados:
- de 16:00 a 18:00.h (Iniciación Nivel 1)
- de 16:00 a 18:00.h (Iniciación Nivel 2)
- de 18:00 a 19:00 h. (Avanzado Mulleres)
- de 19:00 a 20:00 h. (Avanzado Homes)
Mestres: Iniciación - Lidia Piñeiro ; Avanzado - Merchi Rodríguez

GAITA:
Xoves:
- de 19:00 a 20:00 h. (Nivel 2)
- de 20:00 a 21:00 h. (Nivel 4)
Sábados:
- de 17:00 a 18:00 h. (Nivel 1)
- de 18:00 a 19:00 h. (Nivel 3)
Mestre: Roberto Sotelo

PERCUSiÓN:
Venres:
- de 20:00 a 21:00 h. (Avanzado)
Sábados:
- de 17:00 a 18:00 h. (Iniciación)
Mestre: Sandro Sotelo
Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 02-10-2007 13:19
# Ligazón permanente a este artigo
A esperanza non morre... Escomeza a AFI (AULA FOLQUE INFANTIL) en Pontevedra
AFI 2007-08


Un ano mais os nenos e nenas de Pontevedra poden contar co folque como parte da súa semana.

A Aula Folque Infantil presentará o seu terceiro ano o 5 de outubro no edificio do antigo conservatorio.

Os venres pola tarde, de 16.30 a 20.30, voltan as clases de aula que manteñen como corazón o canto, a percusión, o baile e a experimentación musical.
Tamén este ano o baile consolídase como unha das aulas troncais para os rapaces e rapazas que escollan formar parte da AFI.

Cada ano, o alumnado da AFI realizan un cd da aula baixo a producción de Nacho Muñoz.
Estes cds son unha experiencia única- especial onde o alumnado demostra toda a súa capacidade creativa.
O ensino aberto, creativo e diversificado da música tradicional galega en relación coa música de raíz doutros pobos e o emprego natural da tecnoloxía é a aposta da Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque para a infancia e xuventude do século XXI.

O prazo de matrícula aínda segue aberto, aínda que as prazas vanse esgotando.

A AFI está dirixida a nenos e nenas de 5 a 12 anos, as aulas desenvólvense os venres pola tarde.

O custe é de 80 euros (de 5 e 6 anos, 40 euros) para incribirse hai que chamar ao 986 896 528 ou 665 942 555.
Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 02-10-2007 01:07
# Ligazón permanente a este artigo
O Conservatorio Folque de Lalín tamén precisa axuda
A equipa docente do CMTF segue en reunións co Patronato Cultural de Lalín por temas relacionados con o orzamento do centro. Desde o ano 2000 non se ten variado este orzamento e todo o conseguido a maiores polo CMTF foi fruto de autoxestión a raiz de organizar a Asociación do CMTF, plataforma que sirveu para mellorar e ampliar o proxecto de centro dentro e fora de Lalín.

Para exemplos o Ciclo Trad de Pontevedra, a Aula Folque Infantil de Pontevedra, o Encontro de Zanfona de Narón, o Encontro galego de acordeón diatónico, A mostra de Pandeireta e pandeiro en Pontevedra, o deseño do Circuito 4×4, o convenio de actividades paralelas con a Dirección Xeral de Creación e Difusión cultural da Xunta de Galicia… todo elo foi, traballo de xestión da Asociación do centro. Isto por un lado repercutiu nunha mellora laboral da equipa docente e en multiples posibilidades para o alumnado que ten desexo de profesionalizarse no sector.

Agradecemos tambem ao patronato o orzamento adicado nestes 7 anos para mercar unha mínima instrumentación para a Escola Folque Infantil, a amplificación, a zanfona de estudio, o acordeón diatónico de estudio, algo de bibliografia e fonoteca, ademais da logística propria do centro en si.

Desde a As. do CMTF propoñemos un novo proxecto de centro donde haxa salarios dignos, donde se poda introducir mais materias no PCC, donde o centro sexa entendido como único, exclusivo sen comparación con outro, donde o centro sexa integrado na comarca a nivel programación cultural, … Este novo proxecto está aberto para Lalín e outros concellos interesados de Galiza, é unha factoria musical independente para a creación sobre os pilares da música tradicional galega.

Agradecemos a fidelidade e interese do noso alumnado ó cal lle gardamos grande respeito e cariño . E queremos comunicar-lles que serán os primeiros/as en coñecer os movimentos da Asociación arredor deste tema ben pola pag.web ben por un mail persoal.

Asdo. Ugia Pedreira. Dirección. As. do CMTF.

www.folque.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-10-2007 01:06
# Ligazón permanente a este artigo
Encontro Folclórico en Bembrive (Vigo)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-10-2007 01:03
# Ligazón permanente a este artigo
Festival Romaxe Lamela en Silleda

O venres dia 5 de outubro en Lamela, Silleda (o lado de Bandeira) celebraremos a Romaxe Lamela.

A partires das 22:00hs. no campo da festa do pobo estarán: Banda Potemkin, Pulpiño Viascón e La Banda Arpón, Extridentes e Magnifique Band des Homens San Medo.

Achegádevos por terras do Deza, teremos churrasco e viño pra todos.
Estaremosvos esperando.
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 02-10-2007 01:01
# Ligazón permanente a este artigo
Ciclo de Cine de Medio Ambiente en Vigo
Ciclo de Cine de Medio Ambiente do 3 de outubro ao 3 de novembro.

Naturnova, o Centro Interactivo de Educación
Ambiental de Caixanova, organiza un Ciclo de Cine de Medio Ambiente, con proxeccións todos os mércores e sábados ás 20:30 horas.

Os títulos, relacionados con distintos aspectos ambientais, son:

- Nómades do vento: 3 e 6 de outubro. É un espectacular documental sobre as aves migratorias.

- Xénese: 9 e 13 de outubro.
Trátase dun filme sobre a orixe da vida e o universo.

- Deep Blue: 17 e 20 de outubro. Unha viaxe todo o máis profunda dos océanos.

- Baraka: 24 e 27 de outubro. Narra a evolución da Terra e da Humanidade.

- Os espigadores e a espigadora: 31 de outubro e 3 de novembro. Conta a historia de personaxes que viven do que a sociedade desaproveita.

Todas as proxeccións realizaranse no Auditorio do Centro Social Caixanova, con entrada por Velázquez Moreno, 18.

A venda de entradas será en Naturnova, Velázquez Moreno, 20.

A entrada ordinaria ten un prezo de 2 euros, pero se ofrece a opción de obter conxuntamente unha entrada para visitar Naturnova por 1 euro máis.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-10-2007 00:59
# Ligazón permanente a este artigo
Especial Galiza de Cine na Biblioteca Central de Vigo

GALIZA DE CINE: UN PERCORRIDO POLO AUDIOVISUAL GALEGO.

Todolos mércores de outubro ás 19:00h

Mércores 3:
- CINE RECUPERADO: Imaxes de Vigo e arredores (1925).
- DOCUMENTAL: O románico na Ría de Vigo. Salvador Dasilva (2002)

Mércores 10:
-“O bosque animado” de Angel de la Cruz e Manolo Gómez (2001)

Mércores 17:
- ”Continental” de Xavier Vilaverde (1989)

Mércores 24:
- “Dame lume” de Hector Carré (1994)

Mércores 31:
- CURTAMENTRAXE: “Laboratorios Zeltia” (1950).
- CINE RECUPERADO: “Imaxes de Castelao en Bos Aires” (1950).
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-10-2007 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
Actualización do Blog e fotos do Serán das Tarambainas

Quedaba pendente a actualización do blog para esta nova tempada que escomeza. Así que, con novo logo e nova cabeceira (graciñas Edu) só quedaba por organizar os arquivos de fotos da tempada pasada.

A totalidade delas quedan incluidas no arquivo chamado:

Estoxo da tempada 2006-2007 (todas)

A selección das mellores da tempada pasada quedan no arquivo:

As mellores da Tempada 2006-2007

Teremos Especiais, e o primeiro está adicado ao noso compañeiro Tamboy, pero haberá máis...

Especial Tamboy

E xa comezando coa nova tempada de Seráns imos subindo as fotos do Serán das Tarambainas de Lavadores (Vigo), onde para ser a segunda vez que realizaban o Serán foi todo un éxito de público e participantes.

Parabéns a todas as Tarambainas, comezando por Tamara e tamén aos Tarambainos, que sabemos que houbo tamén outra xente traballando para que este Serán fose exitoso.

Serán das Tarambainas (Lavadores)




Comentarios (1) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 01-10-2007 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer