Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Mercedes Peón
SÓS’ sairá á venda o 30 de novembro. É o cuarto disco de Mercedes Peón, un traballo intenso sonoramente con mensaxes poderosas e crítica social engarzadas nun pensamento construtivo. Unha búsqueda persoal da artista que resulta universal neste mundo, segundo ela, cada vez menos ecolóxico, non no sentido medioambiental estrito, senón referido á actual “perda de equilibrio nos valores”

Mercedes Peón. Galega coñecida en boa parte do mundo, quita novo disco, ‘...---... SÓS’. Música que xorde das súas emocións, sentimentos e reivindicacións. Música sofisticada, novamente, que sorprende e impacta ó mesturarase gaita eléctrica con punteiro marroquí, pandeira bérber e galega, crótalos subsharianos, lata de pementón e un feixe de instrumentos que dan como resultado un son con maiúsculas redondeado coa voz prodixiosa desta artista. Inigualable como todos os seus anteriores traballos, exótico, da terra universal. "Implicadas coa natureza/Implicadas na pobreza/Implicadas polos mundo/Implicadas coa súa terra/A esperanza ten a faciana de muller/A esperanza ten a faciana de muller". É parte da letra do tema ‘Derorán’, o primeiro single do disco que xa se pode escoitar na rede como adianto ó CD completo.

‘SÓS’. Unha chamada de auxilio. É necesaria, neste mundo no que andamos...
O título principal é ‘…---…’, pertence a unha linguaxe sonora, universal e mecanizada (código morse). Paralelamente titúlase sós, de estar só ( individualmente falando). Tamén se titula en arxentino ou uruguaio "sodes" (sós). Hai unha palabra en galego que viría moi a conto que é valédeme…valede…me. Representa moi ben o que está no interior, un mundo sonoro de capas, interactuando no mesmo instante e con lecturas distintas.

Supoño que levarás moito tempo traballando neste disco. Como foi o proceso? Penso que será o resultado de todo o que viviches nestas últimas épocas por todo o mundo... Todas son letras túas...
O disco levoume dous anos e medio. Mentres e paralelamente, fixen a banda sonora da longa metraxe documental Liste, pronunciado Lister de Margarita ledo, ou a composición e espazo sonoro para danza " concerto desconcerto". Por suposto sempre que remataba algo volvía ao rego e concentrabame neste disco. Estiven xirando co Kisco das almas perdidas do centro coreográfico galego con 35 actuacións e paralelamente xirando coa miña banda. Ao ano seguinte xiraba coa "performance" e coa banda a un mesmo tempo. Creo que en xeral dou feito porque a composición forma parte da miña forma de vida. Chego a casa, penso no que me aconteceu en Rabat, comezo a reflexionar nunha idea, nun concepto, sempre tentando algo en máis dun senso, capas…outra vez capas con imaxes dentro da miña cabeza, acendo o ordenador e comezo a gravar. Así tema a tema. Tomando distancia, deixándome levar nun proceso de singularidades, e ao remate, na concepción dun todo maior, que as súas partes que o conforman.

En ‘SÓS’, as mulleres volven ter un protagonismo importante. Por exemplo en ‘Elas’, ou en ‘Derodán’. Quédanos moito por loitar? Considéraste unha icona do feminismo?
Non teño ningunha sensación de protagonista no mundo do feminismo, nin en ningún outro. Se ocorrera algo así estou certa de que me ía plantexar por que acontecería tal cousa. Hai moitas mulleres e homes que tomamos conciencia de que o mundo vai por uns derroteiros moi pouco ecolóxicos. Digo ecolóxicos pola falta de equilibrio nos valores. De feito hai máis temas que afondan nesa perda poñendo de manifesto clichés que non deixan demasiado espazo para tantas formas e realidades distintas e, que ao final, oprimen, despistan e frustran. En clave de humor, con forza, docemente, directa, dando lugar a que a xente diga o que quera, espazos abertos á liberdade de expresión.

Un disco no que tamén se fala dos conflitos que sofren moitos pobos do mundo. O Sáhara, Brasil... Conflitos diferentes, distantes, pero igual non tan distintos...
Creo que non falo de conflitos. Son intuicións vividas en momentos máxicos. Se hai conflitos, que creo que non, son emocións contrapostas que me pudieron provocar situacións determinadas, como por exemplo Sao Paulo. É coma un país cidade, chea de ruído, chea de helicópteros, de oferta cultural. Paseeime pola cidade antes de actuar na Bienal de Sao Paulo. Gravadora en man, fun amplificando todos os sons que estaban ao meu redor. Houbo xente que se achegou espontáneamente a falarme, houbo xente que estaba a facer os seus actos preformativos na rúa. Eu deixei espazo a casualidade, traballei como unha obra Electroacústica, sentindo, outra vez, capas sonoras e visualizando cos sons esa viaxe emotiva e sorprendente. De feito non houbo conflito, só me provoco gañas de expandirme nese lugar.

Que che parece o que está a pasar co pobo saharauí?
O pobo saharauí hai decadas que pon en evidencia que non se pode ser nómade neste grande mundo contemporáneo. Lamento enormemente que non poidan acceder os xornalistas para informar e tamén lamento que na maioría das ocasións non nos informen fehacentemente ou sen prexuízos, ou dirixidos polos medios nos que traballan. Lamento que o Tibet sexa uns dos cemiterios nucleares da China…. etc. Como opinar en verdadeiros conflitos onde hai tanto en xogo. Os valores dos que falabamos anteriormente, mellor dito, a falta de equilibrio entre eles é o que nos leva a estas situacións esperpénticas. Temos que cambiar todos en conxunto, tomar conciencia e procurar que os cambios sexan insensibles para que as reaccións sexan o menos agresivas posibles.

Un disco fortemente moderno, que mestura elctrónica e acústica e todo tipo de sons, pero no que a tradición galega tamén ten sitio, como en ‘Falar millor’, "se non temos sachos, levámolos nós...". O galego casa coa multiculturalidade...
Eu estou impregnada de todos nós. Creo que iso é o que fai que unha compositora contemporánea teña unha pegada tan identificable como singular. É curiosa a relación que facemos, música internacional pola súa calidade, iso quero pensar, e pola súa singularidade, que diso si que estou totalmente certa.

Este disco dá un paso máis no teu sempre gusto pola mestura e polo exótico. Que diferenzas dirías que se pode atopar o público con respecto ós anteriores?
Tes razón que o distinto me gusta, resúltame máis enriquecedor. De aí os títulos dos meus discos. Son títulos que xurdiros da diferenza que había coa miña fala mariñana. Iso é ..Isué, aturuxo…Ajrú, si ho… Sihá. Atopei unha inmensa beleza no que me rodeaba e no singular. Son títulos complexos no seu concepto, tras eles hai moita reflexión e creación.

Este disco …---…, é o máis conceptual dos catro. Está tratada a produción cun mimo absoluto. A mestura foi marabillosa, tanto no tempo dedicado como na compaña de José Puga, técnico de son. Hai unha evolución reafirmada no xeito de tratar o acústico como se fora electrónico e o electrónico achegado cara ao acústico. As recorrentes capas das que che falaba, son as que lle dan un selo clarísimo de como producín este disco que creo innovador e único nun contexto internacional.

A túa é unha música arriscada? Que pretendes con ela?
Non a vivo arriscada. Pretendo expandirme, ser sincera, conseguir o meu trance de cada vez que me subo ao escenario repetila…e claro está… vivir dela.

Hoxe a túa proxección musical case mira máis cara a fóra que cara a Galicia? Por que?
Nun momento da miña vida decidín parar de dar clases e de traballar na tv para facer Isué. Este disco foi premiado internacionalmente sen pertencer a unha multinacional, sen cartos de promoción, e por suposto sen influencias da nosa ben querida TVG. A partir de aí cheguei a facer máis de 300 festivais internacionais. Disco tras disco, seguiu a proxección internacional.

Hoxe en día hai un público, local, nacional e internacional que quere saber que estou facendo, con intriga e gusto polas miñas elucubracións musicais.

SÓS presentarase nunha chea de países. Como te acollen polo mundo? Mellor que na terra?
Síntome ben acollida e concretamente en Galicia me sinto ben acollida e comprendida, que iso é moito máis difícil que aconteza no exterior, onde se me pode psicoanalizar musicalmente falando, ou como artista, pero non teñen os meus referentes nin entenden os chiscos que fago para todos nós.

Como foi o Womex? Teño entendido que deixaches impresionados ós presentes...
Exectacular…

O disco está autoproducido por Mercedes Peón? Como é isto?
A creación dun disco consta de composición arranxo é produción. Esta parte require unha visión global de como ten que soar. No meu caso é case que indivisible. Non concibo a creación sen produción, van da man. Iso dálle un carácter, e fai do disco unha proposta singular dentro da concepción sonora final.

A produción executiva está asumida polo selo Boa, que apostou por este traballo con mimo e alta profesionalidade. Volcados no eido internacional sen descoidar o nacional.

A crise está afectando ó mundo discográfico tamén. É mellor que che merquen o teu disco ou que te coñezan e te escoiten sexa como sexa?
O sexa como sexa non entra nos meus parámetros persoais nin profesionais. Eu recomendo as persoas que empezan que fagan un traballo de calidade, e despois que busquen os mecanismos que lles fagan proxectarse con coherencia dentro dos marcos que vexan que poden entra coa súa música ou espectáculo. Estou convencida que se tes algo bo que ofrecer tarde ou cedo acontecerán oportunidades.


MOI PERSOAL
Mercedes Peón (A Coruña, 1967), é probablemente a compositora galega con máis proxección internacional. Despois de profundizar na tradición deste país durante máis de 15 anos, no 2000 gravou o seu primeiro álbum, ‘Isué’. O segundo veu no 2003, ‘Ajrú’; e o terceiro no 2007, ‘Sihá’. Con eles conseguiu premios en todo o mundo tan relevantes como o que outorga a World Music Forum ou a revista ‘FolkWordlk’. Foi nomeada tamén nos BBC Awards, Premios Nacionais de Cultura Galega do Ano, etc. Ademais, este ano foi escollida polo comité de Womex, realizando unha exitosa exhibición para a prensa e delegados internacionais en Copenaguen o pasado outubro. Os próximos dous anos estará de xira mundial con ‘SÓS’


www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 24-11-2010 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer