Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Música de autor en galego
Miguel Alonso edita o seu primeiro disco integramente na lingua do país, "A noite dos cans", que inclúe 12 temas intimistas e de denuncia da precariedade laboral ou do capitalismo

A noite dos cans é o primeiro disco gravado integramente en galego polo mozo cantautor ferrolán Miguel Alonso. Doce temas cargados de intimismo pero tamén de denuncia á precariedade laboral, á violencia machista ou ao capitalismo salvaxe. Despois de varias maquetas e do seu CD autoeditado Luz de guía (2007), Alonso presentará o seu novo traballo o 30 de xullo ás 23:00 horas na Sala Moon de Compostela.

Por que decidiches gravar este disco integramente en galego?
Foi o seguinte proxecto. Tiña pensado facer nalgún momento un disco en galego e cando tiven a posibilidade de editar o disco, simplemente me saíron as cancións neste idioma.

En que momento da túa traxectoria chega este traballo despois de gravares maquetas como "Aprendiz de poeta", "Está escrito en la calle" ou "Cartas al espejo"?
O ano pasado producín un libro-disco para Edicións do Cumio, que se chamou Once máis 15, sobre musicalización de poemas galegos. Logo de traballar tanto con isto, en tres ou catro meses compuxen os meus temas.

Ese libro-disco do que falas, "Once máis 15" en 2009 xunto co disco MusicARTE en 2008 son os teus traballos como produtor.
Os dous discos producímolos para a Asociación MusicARTE, que montamos un grupo de músicos de Santiago e foi unha experiencia previa moi bonita para o meu propio disco.

Algúns temas falan de sentimentos mentres que outros son cancións de denuncia social.
Habitualmente nas outras gravacións que fixen falaba máis de temas sociais. É un disco máis intimista pero tamén falo doutros como a precariedade laboral, a igualdade de xénero en A raíña do vento ou fago unha crítica ao capitalismo en Cen mil gaivotas, facendo un paralelismo coa cidade de Santiago. "Rúas molladas" vai ser o tema de presentación do disco porque representa moi ben o que queriamos plasmar: un traballo máis rockeiro pero tamén con cordas, violíns e guitarra eléctrica. Nesa onda está A túa coartada. O tema que pecha o disco é "Huckleberry Finn", tocado a piano e voz, entronca máis coa poesía. É un poema que escribín e musiquei só co piano. É tamén un dos máis abstractos do disco.

Mesturas pop e rock nas cancións.
Si, eu considérome cantautor. Pero fago unha música de autor tirando máis ao rock ou ao pop-rock. Neste disco incluímos algunhas cousas novas como utilizar cordas e violíns, usamos máis pianos e guitarra eléctrica.

Cales son as túas influencias?
Escoito un pouco de todo. Dende os cantautores españois das últimas xeracións como Quique González ou Ismael Serrano pero tamén xente como Dylan ou Cohen.

Tamén publicaches un poemaio, "Mentiras y Lunas".
Si, estou a ver se podo publicar outro este ano ou o ano que vén. Leo bastante poesía.

Como é o teu traballo á hora de compoñer os temas?
Á hora de escribir, traballo segundo veña o momento. Hai veces que fago primeiro a letra e outras veces, a melodía. Outras veces, compoño todo xunto. Como son o produtor do disco, tamén traballei no estudio.

Tes unha banda coa que tocas habitualmente, e que tamén colabora neste disco.
Si, no CD participa a miña banda habitual, con Víctor Méndez ó baixo, Javier Santana ás guitarras, David Dapena á batería, que son o núcleo do disco. Pero tamén participan outros músicos como Rubén Uahu ou Maciek Bulik nas baterías, e tamén colabora o guitarrista santiagués Pablo Terraga.Todos eles fixeron un gran traballo no disco.

Como elixiches a portada do disco?
Pedímoslles a trece ou catorce fotógrafos que nos enviaran imaxes relacionadas coa temática do disco. A foto da portada é do fotógrafo chileno Rodrigo Basaure.

A que se debe o título?
É un dos versos que abre o disco, "Rúas molladas", que di "envexei a noite dos cans, tan iguais tan distintos" pero tamén porque nos demos de conta que moitas das cancións facían referencia á noite ou ós cans. Quixemos deixalo como unha especie de resumo da parte intimista do disco.

Onde se pode mercar o disco?
En formato físico, chegará ás tendas de Ferrol, Santiago e Vigo esta semana. E en dixital, a través de internet pódese descargar.

Ademais do concerto do vindeiro día 30 na Sala Moon de Santiago, onde vas actuar?
En agosto imos a presentar o disco en Ferrol, en setembro, posiblemente iremos á Coruña e tamén volveremos a Santiago e andaremos por Vigo.

www.galiciahoxe.com
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 21-07-2010 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 graza#blgtk08#s! ;)
Comentario por miguelalonso (21-07-2010 17:24)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer