Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevistas a Mercedes Peón
Mercedes Peón é unha das voces galegas máis internacionais. Con máis dunha década sobre os escearios e no medio da preparación do seu cuarto disco, chega hoxe a Vigo de man de Caixanova e do Xacobeo 2010.

Mercedes Peón chega hoxe a Caixanova co Xacobeo.

Como descobre o canto popular galego?
Na casa. O canto popular é o que é recoñecido polo pobo, asimilado e non ten por qué ser representativo de él. Folclore é o que representa a un pobo. Tradición é un xeito de vida, de música, de baile de imaxinario transmitido de xeración en xeración e realizado en comunidade, sen entrar en normas tradicionalistas, ou sexa libre.

Que importancia tiveron no seu canto as recollidas polos pobos?
Cando tiña 13 anos vin cantar a 3 mulleres de Imende, que terían a mesma idade que teño eu agora. A enerxía que emanaban, o trance que provocaban, a emoción e forza que transmitían deixoume impactada para toda a miña vida. Estiven polas aldeas 25 anos así que algo debeu de quedar. Grazas a ser de aquí, teño o meu oco no panorama musical internacional.

Que permanece das tradicionais cantareiras?
As cantareira, ou pandeireteiras, ou tocadoras, son o produto dunha cultura ancestral e contemporánea que se pode aprender e disfrutar en seráns aínda hoxe en día. Temos a vantaxe de poder disfrutar e aprender técnicamente de como executar unha ribeirana ou un pateado etc, nun contexto didáctico que sempre se pode transcender cando xa tes un certo nivel. Pero a transmisión oral vive un momento delicado pola falla de conciencia do que acontece: Parece que imos estar máis contentos cando desapareza e só teñamos cancioneiros ou transcripción do que foi. En canto a min, dende o primeiro disco hai 9 anos deixei a performance da tradición. Son unha compositora de aquí, marabillada da nosa natureza no senso máis amplo.

O segredo do potencial da súa voz é a técnica ou a paixón?
Esas son apreciación que eu non teño na cabeza. Procuro cantar sen paixón desmedida aínda que me recoñezo suicidándome no escenario polo feito de estar vivindo un momento máxico. E a técnica si é certo que tiven que desenvolver á miña maneira un xeito de cantar que me permitira cambiar de rexistro e de estilo sen magoarme. Lin moito a Mirian Alyo, e axudoume a poder desenvolver esta profesión.

Tralas súas cancións agocha algo máis que música?
Agóchase un traballo solitario de arranxo e de búsqueda. Un traballo e unha evolución como productora. Horas e horas en soidade, na casa, escoitando e investigando os espazos que cubre cada son peculiar ou non que vou mixturando ata que ao final, esgotada, teño que tomar distancia. Agóchase unha empresaria que ten que facer moitos números para difundir o seu traballo, e para que sexa rendible.

www.atlantico.net

Mercedes Peón é unha das artistas máis completas e interesantes de Galicia e a única que até o de agora foi quen de modernizar o son de raíz galega sen convertelo nunha mestura feble. A artista comparte hoxe escenario en Vigo (21 horas, no Centro Cultural Caixanova) co ourensán Emilio Rúa, dentro do ciclo Xacobeo Raíces.

-¿Cal é a proposta deste espectáculo no que comparte escenario con outro artista?
-Non hai conexión porque non hai unha proposta conceptual. Eu vou amosar un Sihá (o meu último disco) maduro, efémero, cunha banda nova e enerxética. Para quen non coñece este directo recoméndolle que se achegue ata Vigo. Será un momento único e irrepetible.

-Seica está en pleno proceso de creación dun novo álbum. ¿Cústalle moito desconectar del ou pola contra volver a traballos anteriores e enfrontarse co público é un alivio?
-A verdade é que levo uns doce meses combinando a composición, produción e investigación sonora coa nova banda, con concertos en festivais superenerxéticos, ao tempo que teño unha performance para contextos alternativos onde de súpeto estou nunha sala de arte contemporáneo totalmente soa, enfrontada a un público eslavo (Eslovenia ou Croacia) que pagou a súa entrada para ver unha proposta persoal e moi conceptual. Resumindo, que vou a Vigo, á casiña, a amosarme tal como son, con todo o meu agarimo, e acompañada de grandes músicos que casualmente, ou non, son do sur: Fernando Abreu, Leandro Deltelle, Miguel Forneiro, Ana García, Manuel Alonso e Manuel Cebrián.

-¿Algunha pista sobre o seu cuarto disco?
-Téñoo practicamente rematado. A verdade é que este traballo está feito na máis estrita soidade. En canto ao son, cada vez resúltame máis difícil traballar con sons estándar. As composicións tomaron un camiño electroacústico, conceptual. Hai unha filosofía e unha busca polirrítmica que en moitos temas despraza a melodía a un segundo ou terceiro plano. É un disco viaxe. Como se non houbese tempo nin distancias, presente, pasado e futuro mesturado na miña propia existencia, véndome reflectida nas demais e volvendo á crúa realidade do momento histórico da nosa terra. Soa pretensioso, pero non sei como explicalo mellor.

-¿Despois de nomes tan potentes para os discos anteriores como «Ajrú» ou «Sihá», como vai superalos?
-Estame resultando misión imposible. Teño un nome que vai na liña dos anteriores, e outro máis directo. Aínda teño tempo. A ver se acontece algo extraordinario como cos anteriores.

-Teño entendido que se deita moi, moi cedo. ¿É por ir ao ritmo da natureza que a rodea?

-É posible. Vivo en Oza dos Ríos, na cima dun val, todo Oza de abaixo déitase cedo, van ao seu ritmo, os meus curmáns teñen vacas, andan levándoas a pacer aos prados, e eu érgome, almorzo fóra, acendo o ordenador e póñome a compoñer. Coma un híbrido que sabe de onde vén.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-03-2010 13:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer