Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Presentación en solitario de María Xosé Silvar
Logo de abandonar o grupo "Chámalle Xis!", a cantante coruñesa María Xosé Silvar debuta en solitario, o vindeiro xoves, día 18, na Sala Capitol co seu disco "Sés"

"No mundo da música hai moito machismo. Todo está feito por e para homes. O feito de que a unha muller se lle dean os mellores músicos e o mellor proxecto para encabezar un proxecto non é habitual. Non porque non haxa talento senón porque no mundo da creación artística seguen a imperar os homes, como no resto dos gremios".

Así o ve a cantante coruñesa María Xosé Silvar, que o vindeiro xoves, día 18, ás 21.30 horas, debutará co seu disco en solitario, Sés, na Sala Capitol de Compostela. No seu primeiro traballo, a artista verte as súas inquedanzas musicais en composicións propias e en galego, das que resulta dunha mestura de música latina, blues, rock, ska, soul e ritmos africanos. Acompañada dunha banda de dez músicos, o celme da súa música é transmitir "boas vibracións". De aí, tamén que o título do seu traballo sexa Sés, o nome como a coñecen os máis achegados.

"O disco é moi ecléctico e pódese atopar de todo, dende rock e blues até rancheiras ou rumbas. Veño dunha casa de moita música na que se escoita dende rock até música lírica e, por suposto, música tradicional ", comenta a cantante.

Silvar debuta en solitario logo de abandonar Chámalle Xis!, un dos grupos revelación do ano pasado, que gañaron, xunto con outros grupos, o certame "A Coruña Son". "Eu xa tivera unha oferta hai máis dun ano dunha produtora que me vira en Compostela e ofrecérame a posibilidade de ter unha carreira en solitario pero daquela deixeino pasar porque estaba co grupo. En xuño do ano pasado propúxomo esta produtora, cunhas condicións moi boas de maneira que non puiden rexeitalo", explica.

O seu proxecto está apadriñado por unha produtora de recente creación, AiraPro, da que son socios fundadores, entre outros, Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, os actores que encarnan a Nucha e Mucha, as famosas cantareiras de Ardebullo que actúan en Luar.

Pereiro e Touriñán farán un monólogo especial para a ocasión antes do concerto, e despois actuará outra das apostas de AiraPro: Manocas Ensamble, un proxecto innovador que fusiona o jazz e a música experimental e contemporánea coa electrónica e a vídeoarte.

"A esencia de AiraPro reside en respectar as dúas partes da música: a máis emocional e a técnica. Apostan por proxectos de calidade, que se poidan presentar tanto a unha persoa da rúa como a un músico máis entendido", salienta Silvar.

Formada na música e no baile tradicional, María Xosé Silvar é profesora destes cursos -aínda que agora non exerce- e licenciouse en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social.

O proxecto de Silvar "rompe o molde da muller na música galega", apuntan dende a produtora. Ao ver da artista, no mundo da música segue a haber "moito machismo", constatable no escaso número de mulleres que chegan a liderar o seu proxecto como ela o está facendo.

Os músicos que completan Sés son David Paz -que ademais de tocar o saxofón e o clarinete, é o produtor musical de Sés e responsable, xunto con María Xosé Silvar, dos arranxos dos temas-, Tito Calviño na guitarra, Pablo Cedeño no baixo, Miguel Queixas á batería, Jose Rodríguez no saxo, Moncho Ces á trompeta, Cristian Leggiero no teclado e Aixa Romay, Lucía Souto e Carla Álvarez nos coros.

Á VENDA As entradas a cinco euros

As entradas para o concerto custan cinco euros e poden conseguirse na propia Sala Capitol de Compostela, á venda no despacho de billetes o propio día do concerto ou tamén na Sala the Star, o local que rexentan Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, en Carral (A Coruña).

EN ADIANTO Unha maqueta con tres temas

María Xosé Silvar ten gravada unha maqueta con tres temas: Tola atrás de ti, Se te vas e Admirando a condición. Cancións nas que, ademais de quedar clara a súa persoal voz, deita mensaxes como: "Cando a banda xa non toca máis, hai que marchar ou perfilar un plan para se rebelar".

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-03-2010 14:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer