Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

El era unha vez un conto moi ben contado
Chegan os Audicontos, unha colección atemporal e magnificamente adaptada que dá fe de que hai textos que non caducan. Todos os volumes conteñen un CD cun relato e dúas cancións e son unha mostra de como se ten que narrar un conto. Ata os irmáns Grimm se sorprenderían

Para os que nos criamos na aldea os animais sempre formaron parte do noso universo. Moitos recordamos cun sorriso algún compañeiro canino que nos acompañaba a todas as partes, outros lembran o tornar das vacas no verán ou o apañar miñocas levantando pedras, case todos nós tivemos algunha experiencia dese tipo. Hoxe as cousas son ben distintas e hai cativos que nin coñecen, nin saben como é que fan estes compañeiros entrañables. Tamén hai outros que ignoran os contos clásicos, eses relatos universais que todos imaxinamos algunha vez.

Galaxia recorre á tradición e bota man da vangarda para pór un pouco de orde ao respecto. Faino adaptando maxistralmente catro volumes fantásticos O galo Quirico, Branca de Neve e os sete ananos, Os catro amigos e Os sete cabuxos os tres últimos beben da tradición ideada polo enxeño dos irmáns Grimm. Estes contos son os catro primeiros títulos escollidos por Editorial Galaxia para presentar a colección Audicontos, que xa a podedes atopar nas librerías de toda Galicia.

Os Audiocontos son unha fermosa proposta que conxuga a literatura de sempre cunhas versións dramatizadas, en CD, a cargo dos actores de dobraxe e músicos Teresa Santamaría e Paco Barreiro baixo a dirección de Tero Rodríguez.

Estes primeiros Audiocontos permitirán, sen dúbida, achegarlles as historias que coñecemos de toda a vida doutra maneira aos máis pequechos da casa. Non se trata de simples narracións, senón dunha proposta artística diferente e ao mesmo tempo complementaria ao libro. Os efectos de son, as músicas escollidas e a interpretación fai destes audiocontos un produto novidoso en galego e de seguro que terá unha boa acollida. Ademais, os CD ábrense e péchanse cunhas animadas cancións que serven de pórtico e epílogo perfecto a unha das cousas máis marabillosas que hai: que alguén nos conte un conto. Únese a isto a magnífica adaptación que cada volume presenta, pois non é o mesmo situar a acción na Alemaña natal dos Grimm que propor que os nosos protagonistas camiñen pola nosas fragas entre silvas e toxos ou teñan o cabelo da cor do acibeche de Compostela. Esta característica é unha dos factores máis salientables dos relatos xunto coa riqueza léxica e a oralidade empregada e un xogo de voces único que gozaremos especialmente co burro d‘Os catro amigos.

O galo Quirico preséntanos un repoludo rei do galiñeiro que intenta chegar á voda do tío Perico pero antes traga enteiro un vermiño polo que moitos amigos preguntan. Trátase dunha historia fermosa sobre a amizade coa estrutura repetitiva propia da tradición oral que nos achega con trazos cómicos as tráxicas consecuencias dun mal comportamento. Adaptado con moita sabedoría por Xavier Senín, presenta unhas preciosas ilustracións a toda cor realizadas por Noemí López.

Os catro amigos narra a unión de catro animais distintos, un burro, un can, un gato e un galo que comparten a desgraza de ir vellos para os seus amos. Un conto de superación ante a adversidade que demostra que cando todos imos no mesmo sentido as cousas resultan moito máis doadas. Con esta historia moitos rirán a cachón, pois as voces dos dobradores acertan de cheo ao transmitirnos xenialmente como se expresa cada un (confíen na miña palabra, son unhas risas o si oh do burro, o miañar do gato, o ouvear do can ou o cacarexo do galo). Adaptado por Xesús Carballo Soliño e ilustrado por
Kristina Sabaite.

Branca de Neve e os sete ananos introduce neste clásico un punto de vangarda contra o final que só poderedes apreciar se vos mergullades nesa historia xa mítica do espello e dunha malvada madrastra que manda asasinar unha inocente e feituca princesiña. Haberá tamén ananos e un príncipe lanzal que aparecerá para salvar; ou non, a princesa co cabelo de cor acibeche de Compostela. Unha sorte de xoia ben contada e adaptada con mestría por Ánxela Gracián que achega as ilustracións de Ánxeles Ferrer.
E por último, Os sete cabuxos conta o perigoso que é abrilles a porta a descoñecidos. Os sete cabuxiños son un pouco previsores, pero o lobo con quen tratan resultou ser todo un sedutor que engana a seis dos sete. A vinganza dunha nai cabuxa grazas á información do pequeno cabuxiño servirá para salvar os pequenos confiados. Unha oportunidade única de escoitar a marabillosa voz do feroz despois de engulir unha ducia de ovos neste relato dos Grimm que é un tesouro adaptado por Xesús Carballo Soliño e polas ilustracións de Federico Fernández.

Despois dos Audicontos os teus contos non volverán ser o mesmo e os pais terán un referente para saber como se deben contar.

www.galicia-hoxe.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-02-2010 09:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer