Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

No país dos instrumentos de pel e madeira
Dezaseis anos fixeron falla para catalogar os instrumentos musicais tradicionais de Galicia. E isto foi labor do gaiteiro Pablo Carpintero, quen xa dende cativo mantivo unha estreita relación coa música galega. Aos oito anos aprendeu a tocar unha vella gaita de fol que tanto o seu pai coma o seu avó tocaban, e dende entón o seu camiño non se afastou da investigación dos ritmos tradicionais. Así ate chegar a culminar o estudo que se publica en 'Os instrumentos musicais na tradición galega', editado pola Difusora das Letras, Artes e Ideas, e na que se catalogan un total de 144 artiluxios.

Segundo explica Carpintero, a maioría destes 144 instrumentos musicais ''son lembranzas daqueles que teñen 60 anos, e quizáis nos de 40''. Así, cre que fóra dos instrumentos que se observan habitualmente, como son a gaita, o tamboril ou a pandeireta, poucos ou case ningún conseguiu resistir ao paso de tempo.

Un valor engadido co que conta o traballo de Pablo Carpintero son os debuxos de Xosé Ramón Marín, nos que se específica, grazas ás notas recollidas polo extenso traballo de campo do gaiteiro, a feitura dos elementos dos 144 instrumentos do catálogo.

A clasificación de instrumentos musicais que o estudo segue é a que diferencia entre ideófonos (os que soan por eles mesmos), membranófonos (o son prodúcese pola vibración dunha membrana), cordófonos (pola vibración de cordas tensadas) e aerófonos (pola vibración do aire).

Presencia dos diversos estratos
Carpintero destaca no seu estudo que unha das cousas que se entreven tras percorrer o país é que Galicia conserva os diferentes estratos (paleolítico, neolítico, medieval, etc.), xa que ate aínda hai poucos anos (o autor fala da década dos 40), se tiñan noticia de elementos que aparecían en pinturas rupestres como as zoadeiras ou algunhas especies de frautas.

As zoadeiras entran na clasificación de aerófonos libres, xa que non se sopra a través deles para producir o son. Este instrumento consiste nunha tabliña de madeira atada a unha corda que se axita no aire arredor da cabeza e que emite un son característico. Pertence tamén a ese grupo de instrumentos que se mestura co mundo dos brinquedos para nenos.

Carpintero especifica que hai moitos máis instrumentos que se poden perder na brétema dos tempos a súa orixe, pero que ate pouco estiveran presentes na cabeza dos galegos. Da Idade Media, por exemplo, vén a rosca, un instrumento de vento semellante pero só cun punteiro e un tubo cantor. Este tubo, curvado e decorado con aneis, é o característico deste instrumento que se pode recoñecer en varios gravados medievais.

Proxecto Ronsel
O traballo de catalogación que fixo Pablo Carpintero non ten igual ate o de hoxe, e é difícil que teña unha sólida continuación pois iso dependería dunha política de apoio, cando nos últimos anos se puido notar unha ''apatía institucional no feito cultural'', explica o autor.

Porén, se hai algunha institución que leva adiante a investigación do patrimonio galego ese é o Proxecto Ronsel, quen xa hai catro anos que lanzou o seu Plan para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial, un documento que marcaba a liña a seguir da organización a curto, medio e longo prazo para promocionar a cultura galega. Nesta iniciativa, que leva por nome a palabra que define ás ondas que se enguedellan no mar tra-lo paso das embarcacións, participa tanto a Xunta coma as tres universidades galegas.

Iván Area, director deste proxecto, explica que a catalogación dos instrumentos tradicionais fora sempre algo pendente e non ten máis ca louvanzas para o traballo emprendido por Pablo Carpintero. Esta labor era unha das que viñan marcadas nese plan e chegou por fin a finais de 2009 as librarías acompañada de éxito pois, tal como indica Area, xa se está esgotando a primeira edición de 'Os instrumentos musicais na tradición galega'.

Continuación do proxecto
Area ten clara tamén a necesidade de seguir a apostar por promover o coñecemento dos instrumentos nacionais coma parte do patrimonio inmaterial deste país. No tocante á herdanza musical galega, o Proxecto Ronsel levou á rede cibernética nos últimos meses a iniciativa de pendurar videos a través de youtube nos que se explican os pasos a seguir para a construción de diversos instrumentos.

Entre os seguintes pasos que se barallan para difundir a herdanza da música popular Iván Area adianta que se está a pensar nunha edición dese material audiovisual destinado aos centros de ensino. Así, afirmou tamén a intención de que nas seguintes reedicións se vaia ampliando a catálogo dos instrumentos se siguen descubrindo novas pezas do legado tradicional.

Presentacións
Estes días de febreiro o traballo de Pablo Carpintero será protagonista de diversas actividades de presentación ao longo de Galicia. Este mesmo xoves, ás seis da tarde, o auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo acolle un acto no que participan tanto os autores do libro, coma os coordinadores do proxecto e os editores. Este evento contará cun pequeno concerto didáctico que resume os contidos do libro.

O portal web do Proxecto Ronsel anuncia de que outros actos semellantes están programados noutras cidades. Así, haberá presentacións en Lugo o 18 de febreiro, no salón de actos da Deputación Provincial, na Coruña o 20 de febreiro e no museo municipal de Ourense o 25 de febreiro.


www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-02-2010 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer