Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ruxe-Ruxe: Peixes nun océano terrible
Ruxe-Ruxe adianta na súa web tres cancións do seu novo disco, "Na fura de diante" no que apostan por un son máis punk no que subxace o "conformismo coa realidade galega"

"Quince latexos de corazón vello e consumido. Quince dentelladas de animais fora ialma, de cans doentes e vencidos, de decepcións e liortas. Un océano terrible no que ti e mais eu loitamos por continuar sendo peixes..." Así expresan os sete membros de Ruxe-Ruxe as sensacións do seu sétimo disco, Na fura de diante, que se repartirá coa entrada do concerto que se celebrará o 6 de marzo na Sala Capitol de Santiago, pero do que xa se pode escoitar un avance de tres cancións na súa web (www.ruxeruxe.com).

"Cando pasan os anos, cada vez levas máis liortas na pel e máis conformismo coa realidade, co lugar no que nos tocou vivir", comenta o líder da banda, Víctor Neira. Na fura de diante naceu dun "arrebato de creatividade", cociñado durante un ano da man do produtor Javier Abreu. O resultado é un son máis punk, constatable nas tres cancións que xa se poden descargar na súa web, Carmela baila ska, Moi punk e Medio meiga. "Iso de punk é unha etiqueta un pouco rara. Vén dicir que fas a música que ti queres. Son cancións aceleradas, nas que non deixamos de lado a música tradicional galega", apunta Neira.

Nada hai catorce anos na aldea de Aríns, en Compostela, a banda vive un momento de liberdade creativa. Como di o seu vocalista, "co paso do tempo vas perdendo prexuízos, es máis libre á hora de facer a música que che presta". E préstalles converter en refráns letras como:"Rosalía é moi punk, co seu pelo pintado de azul".

Facer música con naturalidade e sen pretensións é a clave da súa madurez. "A música é para nós un sitio de recreo -apunta Neira-, de evasión dos nosos traballos, é, ante todo, unha cuestión artística e de compañeirismo". Aínda que isto non signifique que as súas letras deixen de ser reivindicativas e comprometidas con Galicia, como o demostraron ao participar no disco colectivo Con dignidade de Nunca Máis. "Fundamentalmente, somos comprometidos con nós mesmos, máis alá de cuestións políticas. Non somos abandeirados de usar o galego aínda que fagamos a nosa música en galego porque somos de Aríns e alí ninguén fala castelán. Pero non se trata de ser talibán. Hai que respectar a todo o mundo. Non nos gusta facer música panfletaria", salienta.

"A música vive en Galicia o seu mellor momento da historia"

O abaratamento da autoedición permitiu un acceso máis fácil e directo dos novos grupos galegos á difusión en internet. Víctor Neira -que conduce o programa musical da Radio Galega Planeta Furancho- cre que "a nivel creativo, a música vive en Galicia o mellor momento da súa historia. Eu alucino coa cantidade de propostas que hai, todas distintas, pero das que a xente ás veces non chega a enterarse porque a información móvese en medios que non lle fan caso á música do país. Vémolo nas televisións e nas programacións, incluso agora no Xacobeo, que os grupos de aquí case non teñen presenza. A música é cultura, non entende de política", conclúe.

AUTOEDICIÓN Con materización de Tom Baker

Ruxe-Ruxe comezou a gravar este disco só seis meses despois de sacar á luz Xigantes, o seu disco anterior editado en 2008. "Foi un pequeno arrouto. Tiñamos moito tempo para facelo e compuxemos até 25 cancións", apunta Neira. Ademais, participou na masterización do seu novo disco o estadounidense Tom Baker, que traballou con B.B. King, Julieta Venegas ou Juanes. E iso foi posible, como recoñece, grazas a que a banda "xera cartos".

Sen discográfica dende o 2002

Dende o 2002, a banda arredouse das discográficas e optou pola autoedición para poder ter máis liberdade creativa. "Falar de industria musical non é tal porque xa non hai industria. De feito, pensamos colgar o disco en internet porque preferimos regalarllo ó público antes que a unha discográfica", afirma Víctor Neira. ­

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 12-01-2010 11:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer