Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Carne de pachanga: rancheira á galega
La Tuna Rastafari acaba de editar o seu primeiro disco con once temas que levan a festa como bandeira

O Morrazo vive dende hai anos unha emerxencia musical, constatable nos numerosos festivais, salas e, sobre todo, bandas que se están a facer un oco na escena musical galega. Tal é o caso de La Tuna Rastafari, un grupo formado en 2005, que acaban de publicar o seu primeiro disco, Carne de pachanga, once cancións con influencias, sobre todo, das rancheiras mexicanas e mesmo unha versión rock do tema O ghato de Manuel da Ponte, popularizado por A Roda a finais dos 70.

Neste ano que acaba de pecharse, os nove compoñentes do grupo -Álex, Cunani, Master, Marcos, Nené, Iria, Gus, Óscar e Leti- convidaron a bailar a multitudes na Festa da Prehistoria, o Cultura Quente, o FestiXeve, o Festa do Muíño ou o Reperkusión. Como comenta o cantante e compositor do grupo, Álex, "gústanos moito toda a música que sexa para bailar: a cumbia, a rumba, as rancheiras, o tango..."

Ademais, a tradición musical do Morrazo enguedella os seus veciños dende cativos. "Os que estamos hoxe na música, empezamos na música tradicional, no folk. Iso é porque nós temos un entroido moi bonito aínda que pouco coñecido, no que tocan os gaiteiros e a xente trátaos como deuses. Cando vin iso, díxenme que tiña que aprender", comenta o cantante.

Pero ademais, a música mexicana lévana no sangue da memoria. "Cando era pequeno -conta Álex- tiven a sorte de ter un avó que cantaba moi ben. Lembro que cando a xente maior se xuntaba tomar o seu viño, entoaban as cancións que sabían, que eran rancheiras e boleros, das cintas que traían de emigrantes en Canarias ou de iren ao mar. Iso é o que me quedou daquela xente".

Influencias máis que visibles en temas como A Maruca -o seu tema bandeira-, No me amenaces, Para que sigas ou O porco. Cancións convertidas en himnos na súa xira -dentro da Rede Galega de Música ao Vivo- de máis de trinta concertos por Galicia e Cataluña. "Foi un orgullo tocar a nosa música por fóra. Aínda que non me gusta moito voar, estivemos en Barcelona, Soria, Huesca, Cáceres, Sevilla... En todos os lugares acolléronnos moi ben e gustoulle moito a mestura da nosa música. Nalgúns concertos como o de Badaxoz até houbo colas para entrar", indica Álex. Logo desta xira, os membros de La Tuna Rastafari -moitos deles, estudantes- descansarán até maio pero xa quentan motores para volver levar a súa festa a toda Galicia.

NA REDE A banda conta cun espazo propio en Myspace, Tuenti e Facebook

A música de La Tuna Rastafari, ademais de poder escoitarse e verse en multitude de concertos, tamén está na rede. De feito, non só conta cun espazo propio en Myspace -no que se poden escoitar varias das súas cancións- senón que tamén teñen presenza en blogs, Tuenti e Facebook.

O seu disco "Carne de pachanga", editado e distribuído por Lonxa Cultural, inclúe temas como Cada vez, Pan de millo, Cuantró, El encarcelao, Corre meniña, Abókale, Unha noite. O esforzo deste grupo é máis que considerable á hora de coordinar os seus nove membros. "Adoitamos ensaiar dous días á semana. Aínda que só quedamos os que somos da zona, xa que os outros son estudantes, sempre hai un día no que non se pode faltar", comenta Álex . Parte importante do éxito desta banda é o seu directo. O espectáculo baseáse en sons imaxinativos combinados con letras con picaresca e humor e unha boa dose de improvisación e sorpresa. Aínda que comezaron a súa andadura con cinco compoñentes, foron ampliando o seu número até chegar a nove. "Falamos con varios instrumentistas da banda de música de Bueu e deseguido se uniron a nós", apunta o cantante. O resultado é unha banda con potencia instrumental, que producen, deseñan e improvisan. Todo iso fai que se convertesen no grupo revelación do ano 2009 en Galicia.
FINANCIAMENTO "Os festivais necesitan apoio"

Ao ver de Álex, a zona do Morrazo conta con moitas salas de música pero os festivais están perdendo pulo. "Estas citas, canto máis grande se fan, se non teñen apoio do concello ou da Administración, teñen bastante difícil continuar", di.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-01-2010 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer