Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Pablo Díaz
Pablo Díaz: "O obxectivo é achegar maior repertorio musical en galego para os pequenos"

O coruñés Pablo Díaz Carro dedícase desde ben cedo á recuperación e posta en valor da música tradicional. Compoñente de Ruote desde 1996, forma parte tamén da A.C. Donaire e de diversos proxectos encamiñados ao mantemento e dignificación da nosa música.


No que é o seu primeiro traballo en solitario, Pablo soubo rodearse de colaboradores e colaboradoras que achegaron tamén a súa particular visión a temas tradicionais ou que musicaron as composicións do autor.

Editado por Kalandraka 'Tic-Tac' é unha caixa de música na que caben ritmos do país e outros coma o swing ou o blues, unha caixa na que se poden ver reflectidos cativas, cativos e maiores.

P: Que é Tic-tac?
R: Tic Tac é un libro disco dedicado ao público infantil no que se combina a ilustración de Marc Taeger coa música de Pablo Díaz e no que colaboran 30 músicos e cantantes.

P: Como nace este proxecto e con que obxectivos?
R: Levo varios anos facendo músicas para contacontos coa editorial Kalandraka e propuxen uns temas á editorial para que os valorase e gustaron. O obxectivo é achegar maior repertorio musical en galego para os pequenos e que sexa lúdico e aproveitable polos mestres de música.

P: Isto non é só material para nenos, non?
R: En principio naceu con esa idea, pero polos comentarios que recibo gusta moito aos adultos tamén.

P: Cando levas tantos anos dedicado á música tradicional cando xorde esta idea?
R: Xa levaba anos dándolle voltas, e mestres, pais e a participación no concurso A Coruña Son 2008 cun dos temas do libro-disco fixeron o resto.
As recomendacións de Santiago Auserón (Juan Perro) déronme o impulso decisivo para afrontar este traballo.

P: É Tic-tac o primeiro proxecto dunha nova etapa creativa de Pablo Díaz?
R: En Ruote (1º grupo de música no que estiven metido de cheo, dende 1996) só facemos música tradicional recompilada por nós mesmos, pero estou noutros proxectos nos que creo música; "Tátara Trío", "Entrecaixas" (compañía de danza para a que compoño e interpreto a música) ou "Con Canto Donaire" no que armonizo e actualizo canto tradicional.

De todos os xeitos, os proxectos que acabo de citar están moi relacionados coa música tradicional ou folk, e este traballo da un paso máis alá incluíndo ritmos completamente diferentes, como o blues, un swing, etc., aínda que sempre dende unha perspectiva tamén folk que por suposto é parte da miña esencia.

P: Soubeches rodearte neste traballo. Este éun libro-disco individual ou colectivo?
R: De concepciónéindividual pero sen dúbida é colectivo. Sen a participación destes colaboradores sería un resultado ben distinto. Eles déronlle alma ao traballo, e ademais eu propúxenlles os temas que aceptaron de moi bo grado implicándose de cheo.

P: Que aspectos destacas desta obra?
R: Eu creo que a combinación entre imaxe e música é moi acertada. Mark entendeu moi ben o mundo sonoro creado neste Tic Tac e o prólogo e o epílogo de Santiago Auserón e Xurxo Souto así o confirman, e parece que así o está entendendo tamén o público.

P: Haberá a posibilidade de ver algún directo de Tic-tac?
R: Houbo un estreo en Vigo, que tivo moi boa acollida con toda a banda como son Diego Barral (guitarras), Antón Díaz (baixo eléctrico e contrabaixo electroacústico), Alex Fente (acordeón), Carlos Freire (Batería), Olga Kirk (coros). Unha vez pasado o nadal concretaremos datas para vindeiras presentacións en diversas cidades.

P: "Tic-tac, o reloxio vai soar..." De que son horas?
R: Creo que de facer traballos deste tipo. Refírome a cousas co galego como nexo fundamental (no contexto lingüístico no que estamos) achegando vocabulario e buscando calidade tanto para nenos e nenas, como para maiores. Despois será o público o que o valore, pero é obvio que se non apoiamos aos creadores galegos nos distintos eidos irán esmorecendo.

P: Cales son os proxectos máis inmediatos de Pablo Díaz?
R: Polo de agora seguir coas miñas actividades musicais nos diversos grupos nos que estou. Esperemos que sexa un ano bo musicalmente falando para todos os que traballan para música galega.

www.gznacion.com


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-01-2010 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer