Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza |
|
|
|

|
Malmequer |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Namorarse da zanfona |
|
Óscar Fernández é un dos novos zanfonistas que traballan en Galicia, reinventando "dende a nosa idiosincrasia pero sen censuras" a música deste instrumento
O interior dunha zanfona é o seu lugar máis misterioso porque aínda que ten poucas cousas -aire e madeira- segundo como se reparta, así vai soar. Ten algo que nunca atoparás noutro instrumento de corda, unha roda co seu eixo. Cando escoitamos ao zanfonista sentimos que ten o poder de hipnotizarnos. Quedamos nun estado de suspensión no infinito e tamén na terra. Óscar Fernández imparte clases de música na Central Folque de Santiago e viu moita xente "namorarse da zanfona". Trátase dun instrumento que ten algo máxico, algo exótico. Non sabemos de onde vén esa música que nos soa a pasado pero tamén a presente e futuro. Óscar Fernández pensa que "temos que reinventar a zanfona". Prepara un novo traballo discográfico co grupo Bonovo, unha aposta popular e experimental. El formou parte do grupo Os Cempés co que viviu mil e unha aventuras. A zanfona pode contarnos historias graciosas, verdadeiras, terribles. Fai que sintamos paz, tranquilidade, alegría.
Como lembras a túa infancia? A que che gustaba xogar? Eras un "neno-músico"?
Nacín setemesiño no Hospital de Caridad de Ferrol no 1967, pasei varios días nunha incubadora e ao pouco e por prescrición médica leváronme á casa aínda sen as orellas acabadas de saír, as monxas-enfermeiras foron rezar o rosario e a miña incubadora desbocouse e case me cozo. Menos mal que un médico pasou de casualidade e me enfriou con toallas molladas e chamou ao meu pai para que me rescatara das monxas. Lembro vivir con música dende sempre, a miña avoa era moi cantarina, a familia da miña nai e a do meu pai tamén, e teño casettes con improvisacións miñas cantando cancións desgarradoras sobre o amor e a guerra? aos 5 anos. Xoguei ao que todos os nenos pero pouco a pouco fun escapando dos xogos onde había que dar labazadas. Fun un neno boíño, non me gustaba moito o fútbol, prefería tocar a frauta, o acordeón ou unha guitarra que me regalou meu tío.
Quen era Faustino Santalices? Como foi o seu traballo nos anos 50?
Foi un avogado ourensán amante da música e en especial das músicas populares que, na primeira metade do século XX, coleccionou algunhas das zanfonas dos últimos cegos de feira que quedaban. Reconstruíu algu- nhas, e cunha delas (atopada nun faiado dun pazo), gravou un LP no que fai diversas interpretacións impresionantes de temas populares galegos co acompañamento de zanfona. Entre esas composicións hai romances, cantos picarescos de cegos, alalás? É imprescindible escoitar ese disco unhas cantas veces para poder dicir que amas a música tradicional galega.
Resulta difícil facer unha zanfona? Onde podemos mercar este instrumento? É certo que fan falta unhas 250 pezas para construíla?
É bastante complexo, hai unha roda coa que as cordas deben estar perfectamente aliñadas, 24 teclas que deben tocar no punto exacto da corda para escoller a nota con axilidade? É moi complicado facela ben feita e cada vez os zanfonistas son máis esixentes. En Galicia hai varios artesáns dunha nova xeración moi comprometidos coa expansión e perfeccionamento deste instrumento, Jaime Rebollo en Marín, Carlos do Viso en Redondela, Xosé Nebra en Porto do Son, Xaneco en Outeiro de Rei, Xaime Rivas en Vigo? É certo o das 250 pezas, pero hoxe xa se fan moitas delas en serie e incluso se encargan a talleres que usan máquinas informatizadas, é un grande avance pois o prezo da zanfona baixa, non a calidade, e o artesán ten máis tempo para investigar as melloras e os novos modelos.
Pertences á nova Xeración de zanfonistas. Cales son as novas actitudes destes músicos en Galicia?
Xusto cando eu empecei a tocar a zanfona (hai 10 anos) uns cantos músicos e construtores galegos démonos conta que tiñamos que investigar o que se facía fóra de Galicia se queriamos que o uso da zanfona fora a máis, pois a fama de instrumento inafinable e carísimo desanimaba aos músicos a incluír o seu son nas súas interpretacións. Nesa investigación contactamos coa AIE (Asociación Ibérica de La Zanfona), en realidade tres persoas de Madrid que se xuntaron para, a nivel estatal, convocar zanfonistas que quixeran asistir a cursos maxistrais dos máis prestixiosos zanfonistas do mundo. Nesas viaxes aprendéronse moitas melloras no método de construción e moitos recursos interpretativos que hoxe non dubidamos incluír no noso estilo. Para algúns estase a contaminar con xeitos alleos a música da zanfona, eu considero que estamos a enriquecer un instrumento e a levar a el tantos recursos como nos é posible para que soe máis, mellor e o público se emocione tamén máis e mellor.
Como son as clases que impartes na Central Folque de Santiago? Hai un interese na xente por coñecer a música da zanfona?
Este ano temos aulas individuais de 45 minutos os luns e os sábados, unha vez ao mes tocamos en grupo para coñecernos e preparar repertorio en conxunto. Todos os meus alumnos son músicos valentes e curiosos pois empezaron a tocar un instrumento do que a xente "non música" non sabe nin que existe ou que pensa que fai un ruído tipo zunido horrible. Grazas a eles esta imaxe vai cambiando pouco a pouco. Nestes últimos anos vin xente namorarse da zanfona en varias ocasións, é moi emocionante.
Como é a zanfona electroacústica do trío Bonovo? Que proxectos ten agora este grupo?
É unha zanfona nada innovadora, pois xa foi deseñada nos anos 70 por un construtor francés, Denis Siorat, é algo parecido a unha zanfona normal á que lle instalamos estratéxicamente captadores de son, preamplificadores e potenciómetros para poder controlar os sons que produce con máis precisión e ademais poder (se queremos) manipulalos con unidades de efectos. A música de Bonovo que se gravou e tocou en directo ata agora é unha proposta, case un prototipo do que pode ser ese grupo, é contundente, ás veces moi fácil de escoitar, moi popular e outras algo máis experimental. Estamos a gravar un par de colaboracións para uns proxectos de varios grupos. Un é unha homaxe a Milladoiro no seu 30 aniversario, e outro un CD co Camiño de Santiago como tema central. Co ano que empeza imos facendo o noso segundo traballo do que xa temos case escollido todo o repertorio para montar.
Ugía Pedreira considera a zanfona como "unha peza exótica que nos relaciona con outros países de Europa."
A zanfona xa se toca en todos os continentes, pero a súa orixe é europea no espazo e medieval no tempo. Galicia é o lugar da península onde hai máis zanfonistas por metro cadrado. Iso sábese nos círculos zanfonís de toda Europa e creo que están á expectativa de ver que se poida facer aquí nun momento que pode ser un rexurdimento deste instrumento esquecido. Como zanfonista sei que levo un aparello raro encima, no verán e cos concertos non paro de explicar como é, que se ten unha roda, tamén cordas, que "non é celta ou si, se o prefires". Vendo a impresión que causa visualizar e oír unha zanfona aínda hoxe, imaxino un cego no século XVIII achegarse camiñando a unha feira acompañado do son continuo do bordón, coa promesa de contarnos historias graciosas, terribles tamén, e con "iso" colgado do lombo que non sabemos como funciona ni que terá dentro?
Creaches a música en directo do espectáculo de danza "Proxecto Zocas" da coréografa Mercé de Rande. Á zanfona gústalle interactuar con outras disciplinas artísticas?
Sendo como é a danza contemporánea unha disciplina exótica (pouco coñecida) de arte pois si que casa ben coa zanfona. E se ademais sacas da zanfona sons que escapen da monotonía repetitiva das danzas populares, máis centradas no pulso e na parella, e miras máis pola expresividade e na creación espontánea, pois si que se entende ben coa danza ou calquera forma de arte contemporánea.
Que lles pides este ano aos Reis Magos?
Creo que había que refundar o Nadal, agora non é moito máis ca unha exaltación do consumismo e os máis prexudicados son os nenos, uns porque non teñen regalos e outros porque teñen de máis. Aínda creo nos Reis Magos pero penso que levan secuestrados por Santa Claus (que en realidade é un empresario sen sentimentos) uns 35 anos. Oxalá se descubra onde os ten retidos e volvan cuns regaliños bonitos? pero vai ser difícil.
www.galicia-hoxe.com |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|