Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

The Homens: Melodías de carraxe
The Homens presentan hoxe en Santiago e mañá na Coruña o seu disco "Cuarta potencia", no que expresan o seu ánimo "malhumorado"

"Enerxía condensada en pílulas doces. Cantar bonito coa boca espumando rabia. Cantar por non chorar". Así expresan The Homens a "inocencia pop e o nihilismo negro" que destila o seu cuarto disco, Cuarta potencia -editado polo selo santiagués Lixo Urbano- que presentan hoxe en Compostela e mañá na Coruña.


"Se Tres falaba de redención, igual este traballo expresa un estado de ánimo malhumorado, de carraxe", comenta o vocalista e baixo do grupo, Roi Fernández que forma o cuarteto xunto a Xocas (batería), Martin Wu (guitarra e voz) e Cristovo (teclas, pandeiretas e enxeñería eléctrica), a última incorporación do grupo.

A banda compostelá estará acompañada nas estreas de Novedades Carminha -a última revelacións do punk galego que presentan o seu disco Te vas con cualquiera- tanto hoxe na Sala Nasa ás 21.00 horas como mañá, en Le Club Directo, ás 22.30 horas.

Este traballo é continuación do seu anterior disco, do son que bautizaron como "pop extremo". Nas súas doce cancións novas -co galego como bandeira- segue a percibirse a impronta do pop británico e do punk americano dos oitenta, aínda que Cuarta potencia mostra unha evolución.

"As influencias cada vez pesan menos. O grupo soa cada vez máis a si mesmo. É algo necesario. Do noso punto de partida, do power pop fomos avanzando cara ó pop extremo, con melodías tocadas con moita enerxía". Son cancións nas que expresan "como nos sentíamos por unha serie de historias. Por iso, en certa maneira, é un disco catártico, porque botamos fóra moitas cousas".

A súa maneira de compoñer as súas cancións desenvólvese grazas ás novas tecnoloxías. "Normalmente, compoñemos os temas na casa, grabámolo en MP3 e logo intercambíamolo entre nós. E a partir de aí traballamos en conxunto", indica Roi.

Polo de agora, pódese escoitar na súa web un adianto do disco coa canción Tigre, tigre! con letras como "Tigre, tigre/Nunca pares de arder/Dente por dente/Non te deixes ceder/Quen te pode deter/Faino pedazos e báñate no que quede del".

En case todos os temas está presente moita da psicodelia e a experimentación da que beberon. "Non nos cortamos ou facémolo menos na minutaxe dos temas ou noutros aspectos nos que antes non nos arriscabamos", comenta Roi.

Logo de catro anos de xira "sen fin" e malia levar máis de cen concertos ás súas costas, The Homens son conscientes de que se moven "nun circuíto reducido, o da música independente e case autoxestionado". Por iso valoran gravar cunha discográfica como Lixo Urbano "que leva moito tempo sacando referentes do punk". O selo, engade "son como da familia así que nos gusta gravar con eles, xa que teñen unha idea próxima ao que facemos nós", sinala Roi.

"Agora é máis fácil gravar ou autoeditar os teus temas"

A emerxencia de novos grupos galegos nos últimos anos achega novoa aires ao panorama musical. "Variedade sempre a houbo, pero parece que agora é máis fácil para grabar ou autoeditar os teus temas. Ademais, xa non necesitas ter pasta para ir a un estudio senón que o podes hacer a través de internet", apunta o vocalista do grupo.

A principal eiva que Roi ve no mercado musical galego é que "non hai industria". Iso provoca que a repercusión dos grupos do país ao saír das nosas fronteiras estea limitada, e máis se a música que fan é en galego. "Nalgunhas revistas ves que falan de grupos que cantan en éuscaro ou en catalán pero non aparece ningún en galego. Iso é unha sinal do que está a pasar: que falta unha industria que nos respalde", engade.

The Homens intenta eliminar barreiras coidando con mimo a información e as imaxes que difunden do grupo. "Sabemos que a comunicación é importante. Por iso intentamos coidar o que damos. Non tratamos de vender nada coa nosa imaxe, é secundario porque ao final o que importa é a música que facemos pero si que nos gusta ter unha imaxe coidada. Sabemos como funcionan os medios e intentamos poñerllo o máis fácil posible", explica Roi.

Cuarta potencia ponse hoxe á venda e a partir da semana que vén estará dispoñible nas tendas de discos e tamén a través de Lonxa Cultural en internet. "Teño ganas de que a xente escoite o disco para ver como reacciona", indica Roi.

Ademais das presentacións de hoxe en Santiago e mañá na Coruña, a banda compostelá xa ten pechadas datas para o vindeiro ano. "Esperamos que funcione e poder seguir en xira", bromea o vocalista do grupo.

DATAS Concertos en Vigo, Caldas de Reis, Cangas e Melide para o 2010

"Queremos facervos bailar, cantar e botar os fígados nos nosos concertos". The Homens téñeno claro dende que comezaron a súa andaina a finais de 2004. "Gústanos a nova onda de finais dos setenta; adoramos o post hardcore dos oitenta; encántanos o pop británico de calquera década", aseguran.

Logo de autoeditar dous Eps (#1, do 2005, e #2, no 2006), e con máis dun cento de concertos por Galicia, España, Portugal e Europa, no 2007 editaron o seu primeiro disco longo, Tres, gravado nos Estudios Ultramarinos Costra Brava, en Sant Feliu de Guixols, por Santi e Víctor García. En xullo deste ano regresaron a Sant Feliu para gravar, de novo con Santi García na produción, as cancións de Cuarta potencia, que hoxe se pon á venda.

Con letras que destilan pura crítica social, The Homens acadaron relevancia grazas ao videoclip da canción Calamar. Daquela comezaron unha xira internacional e até inauguraron local de ensaio en Santiago, a cidade que os viu medrar. Na liña doutros grupos de nova formada como Samesugas, Fame Neghra ou Redullos, Xocas, Roi, Martin Wu e Cristovo están a crear un estilo propio con tres berces: melodía, enerxía e actitude.

O seu directo é un dos máis cañeiros do panorama galego. Xa o demostraron por países de toda Europa como Alemaña, Suíza, Francia ou Portugal. Os vindeiros meses xa se lle van enchendo de concertos, segundo anuncian no seu sitio en internet (www.myspace.com/thehomens) no que se poden escoitar dous dos seus temas (Perfecto e Tigre, tigre!) para abrir boca.

Abrirán 2010 cunha actuación en La Iguana Club de Vigo o 22 de xaneiro. En abril, tocarán o día 9 na Zona Zero de Caldas de Reis e o 10, na Sala Son de Cangas. Ademais, para maio xa pecharon un concerto no pub Gatos de Melide. Suma e segue.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 17-12-2009 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer