Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Stop ao ensino da música galega
A consellería de Cultura retira o apoio ao proxecto docente da Central Folque e ordena abandonar a Escola de Altos Estudos Musicais onde se impartían as clases

A Central Folque, un proxecto fundamentado no estudo, promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e contemporáneo no que traballaban 22 persoas, non está a vivir os seus mellores momentos precisamente. Co traslado hai algo máis dun ano do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, xurdido hai sete anos, a Santiago, nacía a Central Folque como un proxecto vertebrado en tres ramas: a docente, coa escola de Santiago -con sede na Escola de Altos Estudos Musicais- e a Aula Folque Infantil de Pontevedra, a de produción e a de investigación. Un proxecto que, nestas tres vertentes, contaba co apoio da Consellería de Cultura, cunha subvención de 200.000 euros, e dos concellos onde se asentaba: Santiago e Pontevedra. Pero os vaivéns políticos dos gobernos galegos non están contribuíndo moito á consolidación dun proxecto de conservatorio de música tradicional galega, seguindo as pautas doutros países.

A nova consellería de Cultura, dirixida por Roberto Varela, comunicou recentemente á directora da Central Folque, Ugía Pedreira, que non podía continuar co proxecto docente do centro. Ademais, a Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) -organismo dependente de Cultura que dirixe Juan Carlos Fernández Fasero, un músico que, ironías do destino, provén da música tradicional- comunicou á dirección da Central que xa non podían dispoñer do edificio de Altos Estudos Musicais e tampouco do financiamento para levar adiante a escola tal como estaba concibida. Segundo Ugía Pedreira, desde Agadic dixéronlles nunha reunión de carácter informativo que o convenio que tiñan «non era do interese da consellería de Cultura» e que se tiñan que ir do edificio da Escola de Altos Estudos Musicais porque «o convenio non se repetía».

Digamos, poñéndolle letra a esta música, que o conselleiro chegou e mandou parar unha escola de 160 alumnos de toda Galicia ilusionados con facer da música de raíz unha profesión na que labrarse o futuro, contribuíndo coa investigación a súa renovación; un centro no que 9 profesores impartían clases de 8 materias. Os motivos desta minoración do proxecto non parecen obedecer á tan manida crise senón que, segundo o rumor a voces, sería unha das facturas a pagar pola enorme dieta que devora ese monstro que habita o monte Gaiás chamado Cidade da Cultura. Mentres, a directora da Central Folque lembra que o proxecto curricular deste centro «foi modelo na Península para outras entidades que valoran o traballo curricular das músicas de raíz». «Pero pasamos a outra etapa -engade Ugía- coa alegría e orgullo de poder levalo a cabo sete anos en Lalín e un en Santiago».

Mais durante todos estes anos o conservatorio de música tradicional foi creando unha rede musical, social e empresarial que agora vai facer posible a reconversión aos novos tempos. Isto, unido a que o profesorado e o alumnado queren continuar co proxecto docente da Central, posibilitará unha reformulación do mesmo coa Escola Livre da MPG (Música Popular Galega), que co apoio de asociacións e entidades de Santiago dará continuidade a un proxecto docente para a música de raíz.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-11-2009 14:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer