Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As mulleres mandan moito na música galega
Elas afirman que non se chaman igual e que a proximidade dos seus nomes artísticos, que é igualdade no DNI, ten inducido algunhas confusións, pero ningún problema. Uxía e Ugia Pedreira, tales son os nomes dunha e doutra, andan polo mundo de par da música folk, cantando por escenarios e sen desprezar as tabernas, confiando en que a xente aprenda que a música é un instrumento imprescindible para a felicidade.

Pregunta. ¿Ter o mesmo nome de pía non lles causa algún problema?
Uxía. Algunha confusión, pero non problemas. Eu teño intentando, con pouco éxito, que retiren o meu apelido do nome artístico porque son Uxía e non Uxía Senlle.

Ugia Pedreira. Eu son reintegrata perdida. Dende os dezaseis anos. No meu carné pon María Eugenia, pero grazas a un profe reintegrata descubrín este nome e non teño tido problemas salvo algunha vez nos medios que poñen unha información de Uxía coa miña foto, (ri Uxía) non teño tido problemas.

U. Aínda nos queda outra Uxía, Uxía Blanco. O que sucede é que nos bautizaron igual a nos as dúas: María Eugenia. Eu cambieino no rexistro civil e agora son María Uxía porque o María non mo deixaron quitar.

P. ¿Cal é a circunstancia de ser voz feminina na música galega?
U. As voces de muller teñen moita presenza neste momento. Creo que sempre a tiveron, pero agora somos máis e hai máis vontade de contar cousas. Ademais cun discurso que está lonxe do que cantan os homes e iso me parece moi ben. Eu creo que as mulleres mandan no panorama da música galega. Cando menos hai unha clara visibilidade delas que antes non había.

U.?P. En Galicia, en xeral, hai un matriarcado bastante forte. E na música tamén se dá. E tamén se dá a circunstancia de que vexo nos nosos concertos, nos de todas, un amplo abano do público feminino. Eu vexo que unha parte do meu público son mulleres que entenden o que canto.

P. Unha cousa na que coinciden é en que son máis coñecidas como intérpretes que como compositoras, pero as dúas queren reivindicar esa actividade autoral.
U.?P. Neste país seguimos un pouco baixo dos compositores clásicos. ¿Cantas letristas faltan por saír á luz? Supoño que estamos aínda baixo esa lousa.

U. Decote coñécese máis ás mulleres como intérpretes, aínda que tampouco historicamente foi así, porque temos o caso de Manuela, que é unha compositora extraordinaria. A min paréceme fundamental reivindicar ese traballo porque moitas veces falan de ti, falan dunha cantante, pero non sempre falan dunha autora. É certo que houbo unha etapa, cando estaba con Na Lúa que eu renunciei a compoñer porque quería investigar e cantar outro repertorio. Pero canto máis tempo pasa, máis me gusta cantar o meu.

U.?P. Eu escribo todos os días posibles letras para posibles cancións. A única maneira que teño de ser mellor persoa e relacionarme coa sociedade é escribir cancións. Se non fose isto, pois sería outra cousa, pero o que me interesa de estar enriba do escenario é: señoras e señores, quero dicir isto. Se non igual sería pirata. Sería calquera outra opción.

U. En Brasil están moi estendidas as parcerías. Reúnense os músicos para compoñer xuntos. Aquí non se fai tanto, pero é unha cousa que a min me gusta moito facer e no meu último disco hai algo diso.

U.?P. No mundo do folk, que é unha familia cada vez máis grande, empézase a facer isto. Igual nos noventa non sucedía, pero dende o dous mil si que vai habendo parcerías. O que eu boto de menos é versionármonos uns aos outros para conseguir que haxa estándares. Aquí todo o mundo quere ser supermegaorixinal, algo que cae polo seu propio concepto, pero creo que se podían facer cousas con cancións de Emilio Cao, dos discos anteriores de Uxía ou de Os Resentidos.

U. Hai xente nova que ten como referente a música de Os Resentidos, pero fóra diso, eu creo que si falta un pouco iso de que a xente recoñeza como propias cancións que están nas nosas discografías.

U.?P. Algo así como a banda sonora do noso país.

U. Estou en contacto cos rapaces polas actividades nos institutos e non coñecen nada da historia da música galega. Por iso fan falta outras experiencias docentes como a Central Folque para posicionar a música galega na historia do país.

Case se chaman igual, traballan no mesmo, pero non se senten en competencia. Máis ben o contrario. Pero rétanse a asumir proxectos novos.
P. ¿Poden facer, cada unha, unha aproximación á carreira da outra?

U.?P. Para min Uxía é a dama da canción galega...

U. Fáltame o poncho... (risas das dúas).

U.?P. É a dama da canción galega. Eu estaba no instituto e vin a esta muller cantar en Foz, na praza, deume a volta a cabeza como a nena do exorcista. En plan eu tamén quero facer iso. E se xa o sabía de antes, despois de oíla, sóubeno mellor. Logo, é xenerosidade personificada...

P. ¿Algo de malo?
U.?P. De malo non, pero sempre lle digo que me encantaría vela como a vexo cantando na casa da Illa de Arousa, cantando. Esa Uxía máis salvaxe, desgarrada e mala.

U. Vai saíndo, vai saíndo...

U.?P. Esa é a Uxía que máis me gusta. E tanto Guadi Gallego coma min, que somos grandes colegas dela, estamos esperando un disco de alalás. Porque os borda, porque remoe as palabras.

U. É unha promesa.

U.?P. Xa cha recordaremos.

U. A min encántame de Ugia o punto transgresor tanto na composición como nas interpretacións. Porque eu non a coñecín así. Eu coñecina en Chouteira, eran outros tempos e outra maneira de cantar. Sorpréndeme a evolución porque vai cara ao persoal, cara ao transgresor. Tanto ela como o seu proxecto, Marful, que xa dixen que era o mellor que lle pasou á música galega en moito tempo. Precisamente porque hai a vontade de utilizar a ironía, a transgresión. Tamén o punto perverso. Traspasar a convención musical, atreverse, está moi ben.

P. Falta algo de malo...
U. Todo isto que digo da ironía e o perverso, por veces pode parecer que afasta un pouco o espectador.

U.?P. Como un escudo.

U.?P. Pero resulta interesante porque pode xogar con iso.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-11-2009 14:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer