Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O ensino da música tradicional volve despegar
A escola e-Trad rexistra un inesperado aumento de alumnos no ciclo profesional

Hai dous anos, o Concello de Vigo, a través do Servizo de Educación, puxo en marcha a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (e-Trad), dando un carácter máis organizado aos ensinos musicais que se impartían na Escola de Arte e Oficios. A iniciativa innovadora, proxectada no mesmo edificio para a protección e difusión da música patrimonial galega, pero buscando a súa evolución na mestura coas formas contemporáneas do folk urbano, estivo a piques de morrer prematuramente tras a crise aberta polas irregularidades na contratación do profesorado que atrasou a apertura do curso facendo perigar a súa viabilidade.

Con todo, a pesar daquela crise, xa superada, este ano matriculáronse na e-Trad un total de 194 persoas, das que 82 cursan o itinerario profesional, e o resto, o básico.

Sinalan os seus responsables que «ante o inesperado aumento de alumnos no primeiro ciclo do itinerario profesional, tivemos que facer ampliación de espazos e profesores auxiliares».

Concertos, charlas, obradoiros
Para este curso, a dirección prepara un «espectacular programa de actividades extraescolares», que inclúe cursos de curta duración, concertos, charlas, a segunda edición do ciclo As Músicas Inmigradas, etc. Por outra banda, continuarán cos concertos didácticos (ciclos divulgativos) nos IES de Vigo, e prepararán un plan de control de calidade para conseguir a norma ISO. Ademais están a traballar na presentación próxima dun proxecto europeo de colaboración e intercambios coa Sibelius Academy de Helsinqui e a Grande Orchestra delle Alpi de Turín.

A e-Trad desenvolve actividades propias, de carácter gratuíto, deseñadas con carácter de formación complementaria, que van dirixidas en primeiro lugar ao seu alumnado, aínda que as persoas interesadas non matriculadas neste centro poden asistir no caso de que non se cubra toda a oferta. Entre as actividades hai talleres de diversos temas, como as Danzas de Reis ou a musicoterapia para mestres, entre outras.
Ademais celébranse conferencias na súa sede (que segue sendo o antigo edificio de Artes e Oficios).

As Charlas coloquio, de entrada libre, versan sobre diversos temas de interese relacionados co folclore. Por exemplo, este ano están programas charlas sobre usos e costumes da indumentaria tradicional galega, a cargo do folclorista Anxo Martínez, ou sobre a a luthería dos instrumentos tradicionais galegos, que impartirá Antón Corral.

Un espazo cultural aberto no que naceu a primeira orquestra folk de Galicia, Sondeseu

A e-Trad, en colaboración coa Fundación Sondeseu, oferta unha serie de actividades dirixidas fundamentalmente a músicos vinculados á música folk. A intención é crear un espazo cultural aberto onde os participantes se enriquezan dos coñecementos impartidos, aumentando o interese pola música tradicional e contribuíndo á dinamización e a comunicación social. Estas actividades son abertas para toda persoa maior de 16 anos, que poida estar interesada.

No seo da escola naceu a orquestra Sondeseu, creada a partir dunha experiencia musical e didáctica realizada no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes de Vigo a partir do curso 2001-2002. Alumnos e profesores forman a primeira orquestra folk de Galicia, integrada por 35 músicos que recrean repertorio tradicional e de nova composición. No 2004 editaron o seu primeiro disco e no 2007, o segundo.


La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-11-2009 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer