Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Quin Farinha (Berroguetto)
O grupo galego Berrogüetto, do que forma parte o violinista Quim Farinha, está preparando o seu novo disco, que sairá para a próxima primavera

Quim Farinha considera que Berrogüetto “ten un discurso que fala da problemática do noso país”

O violín soa no interior da noite para iluminar a claridade do día, e fai que a xente sinta ganas de bailar. Quim Farinha é unha persoa moi seria, e ao mesmo tempo moi divertida. Séntese como "un animal solitario" que camiña polas rúas de Compostela e leva dentro a sombra agarimosa dun río. Cre na amizade e asegura que el é unha persoa moi creativa. "Cando estou deitado no sofá da miña casa tamén estou pensando, creando." Gústalle viaxar, sentir o ir e vir das culturas, o decorrer constante dos obxectos que van caer ao mar. Quim considera que "Berrogüetto é algo máis ca música, pois ten un discurso que fala da problemática do noso país e da orde mundial". O violín forma parte de Quim Farinha, e tamén está presente -como a sombra do río- no decorrer constante da súa vida.

O violín é o teu mellor amigo?
Lévome moi ben co violín. Empecei tocando o clarinete aos 14 anos. Deime de conta de que os instrumentos de vento non eran o meu. No violín atopei o meu camiño, nos instrumentos de corda. Teño un taller e traballo na madeira, fago algo de luthería. Un luthier é a persoa que fai instrumentos. Fago instrumentos de corda, por afección. O violín marabíllame porque é unha perfecta máquina de facer música. Empecei a tocar o violín aos 17 anos, cando estaba facendo COU en Santiago. A miña primeira profesora foi Laura Quintillán, a primeira violinista de Milladoiro. Falo de principios dos anos 80. Eu empecei a tocar o violín no ano 84.

Ti formas parte da paisaxe viva de Compostela. Nesta cidade atopaches calma e vida artística?
Vivo na zona vella. Os músicos en xeral traballamos máis pola noite que polo día. Tocamos os mércores nas Foliadas de Crechas. Non nos erguemos ás 7 da mañá. Vin a Compostela a estudar BUP e atopei aquí o meu espazo. Vaste amoldando ao sitio no que vives. Gústame viaxar pero non preciso vivir noutros lugares. O que me gusta de Santiago é que é unha cidade pasaxeira. Eu vivo aquí e e en contraste está o ir e vir da xente, os estudantes, os peregrinos. Compostela está sempre renovándose, reinventándose. Gústame a pedra, a choiva. Eu son de inverno.

Se algún día estiveses perdido, poderiamos ir buscarte á Casa das Crechas, e seguro que te atopariamos. Que é o que te namora dese lugar?
Case é a miña segunda casa. Xa coñezo a Víctor Belho dende antes de existir Crechas. Vivín o proceso de creación de Crechas. Xurdeu no ano 1987. Vai para o seu 25 aniversario. Vivín ese momento de eclosión e as distintas obras polas que pasou. Teño parte na decoración de Crechas. Todo o que hai de madeira neste pub fíxeno eu. Ten unha parte de min. Ás veces cando saio, non quedo con ninguén. En Crechas atopo a miña xente. Podes escoitar música de boa calidade e podes viaxar por todo o mundo sen moverte. Podes ir a América, pasando por África e chegando á India.

Galicia é un pequeno país verde?
É un país complicado. O peor que lle vexo é que parece que a xente galega non ten memoria, porque dámonos de fociños contra a mesma pedra e non aprendemos. En xeral, somos bastante eclécticos. Unha proba diso é a catedral, a súa mestura de estilos. É o que sucede hoxe en día co feísmo. Dentro do feísmo atopas cousas alucinantes, moitas fusións e amálgamas de estilos. Iso vai no carácter dos galegos, ese rollo de miscelánea. O galego historicamente emigrou moito e vimos moitas cousas fóra. A música que temos debémoslla a esa mestizaxe e fusión de culturas. Temos rumbas, pasodobles, habaneiras.

Cres que a música galega vive un momento de moita creatividade? Ti es optimista?
Se me refiro á música tradicional e ao folk creo que están nun momento estable. Aféctalles a crise, hai menos cartos e nos concellos prográmase menos. Todas as músicas teñen o seu momento, e eses momentos son cíclicos. Houbo unha gran eclosión a mediados dos 90 no folk e agora estabilizouse. Non deixamos de crear e xorden novos grupos. Hai moitos festivais de música pop e rock e creo que empeza a haber certa saturación. Os costumes da xente están cambiando. Agora sáese menos de copas. Hai colas para o videoclub. A xente non ten cartos e entretense na casa.

Como lembras a saída de "Navicularia", o primeiro disco de Berrogüetto, no ano 1996?
Berrogüetto era unha novidade e tivo unha boa acollida por parte do público, da crítica e dos medios. Iso é moi gratificante. Foi un momento merecido porque viñamos doutro momento no que o folk estaba máis abaixo. Berrogüetto achegou unha fusión moi interesante. Había xente que viña da música tradicional, do folk, do rock, do jazz. Eu viña de Fía na Roca e de Dhais. Achegou un son moi particular e uns directos moi potentes, contundentes. Había xente que nos seguía no verán a todos os festivais. Unha xente de Neda chegou a vernos actuar trinta veces.

Que proxectos ten agora o grupo Berrogüetto?
Estamos gravando e acabando de compoñer o próximo disco que sairá para a próxima primavera. Estou facendo tamén a produción da parte gráfica que, seguindo a liña de Berrogüetto, terá algo que dicir. Procuramos ofertar algo máis ca música. En Hepta fixera tamén eu a produción do tema gráfico. Neste novo disco a parte gráfica inclúe tamén a posta en escena nos directos e toda a imaxe dos decorados. É o primeiro disco de Berrogüetto coa voz de Xabier Díaz, e iso marca un antes e un despois. Confiamos en que o cambio vai ser axeitado e positivo.

Cres que Brasil e Portugal están próximos a Galicia? Es un admirador da "bossa nova"? Sénteste portugués?
Teño tocado bossa nova con Héctor Lorenzo e Najla Shami nun tempo e encántame. Estiven en Brasil fai pouco, en San Salvador. Alí hai máis africanidade. Quedei con ganas de volver a Brasil. A música brasileira gústame. Descubrín o "choro" ou "chorinho" que é unha música máis melancólica aínda que tamén ten melodías instrumentais que son alegres. Case a definiría como unha música "máis culta". Gústame o "fox trot", que é moi bailable. Síntome lusófono e considero que o galego é unha lingua lusófona. A música é un signo de cada cultura. É como se as músicas fosen linguas. Unha "tarantela" italiana ten moito que ver coa nosa muiñeira. Unha "jig" de Escocia e Irlanda é o mesmo ritmo que a muiñeira.

Realizaches as fotografías para o disco "Eterno navegar" de Uxía. Dicías ti que "calquera cuncha, area ou cristal falan do fluír constante no espazo e no tempo."
Eu non son fotógrafo, pero gústame facer fotos e creo que teño bo ollo. Nas fotos do disco de Uxía eu quería capturar ese ir e vir das linguas, das culturas. Todas as influencias entre as distintas culturas. Esa amálgama de obxectos que van caer ao mar, e que van de aquí para alá, nun devalar constante. O máis importante eran as intervencións que facía utilizando os materiais que atopaba. Había areas, cunchas, madeiras pero tamén cachos de plástico, cousas que foron procesadas e modeladas polo mar.

O mar é importante para ti?
Eu nacín en Caldas de Reis e crieime alí. Está moi preto do mar, pero tamén ten un río moi guapo. Eu son máis de río. De novos iamos ao río e gústame esa calma, aínda que hai ríos que teñen tanto poder como o mar. Eu tendo máis á introspección e á meditación. Síntome como un animal solitario e o río ofréceme ese recollemento, esa sombra. Na praia abáfome cando bate moito o sol. Esa calor satúrame.

Poderiamos imaxinar a vida se non existise a música?
Creo que é imposible que existise a vida sen a música. Dalgún xeito a música acabaría nacendo. Sempre hai unha canción que define o teu estado de ánimo e se non a hai, é susceptible de ser creada. A música está en todo. Tamén é certo que hai persoas xordas que non escoitan, e hai cegos que non poden ver. Gustaríame saber "en que pensan".

Unha vez eu pensara en facer unha exposición que sería para invidentes, a base do tacto. Nos museos de arte non che deixan tocar as obras e é algo que non me gusta. Nunha escultura o máis importante é o tacto, a frialdade do material ou a súa suavidade. Nesa exposición que eu imaxinei, entrarías cos ollos vendados e seguirías un percorrido táctil.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-11-2009 08:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer