Na primeira entrega do pasado luns explicabamos a construción dun instrumento chamado ?mirlitón?. Nesta ocasión explicaremos como se constrúe un ?carrizo?, que desde o punto de vista clasificatorio é un sinxelo idiófono ?o corpo do propio instrumento o que emite o son ao ser axitado? de entrebater.
En Galicia o carrizo é un xoguete, un enredo de nenos e nenas, no que unha lingüeta de madeira baixo presión bate nunha cavidade de resonancia. Ao igual que no caso do mirlitón, completamos esta descrición coa publicación no portal ronsel.uvigo.es dun vídeo explicativo onde se poden seguir todos os pasos na súa elaboración.
Unha vez que o instrumento está listo, seguindo as instrucións que se detallan no recadro á dereita das imaxes, tirando da lingüeta cara arriba cun dedo, esta volve con forza ao seu sitio dando un golpe seco contra a cana que, como está oca, amplifica o seu son. Se empregamos varios dedos para tirar da lingüeta de cana podemos facer ritmos co carrizo. En troques dunha lingüeta de cana tamén se pode poñer un guizo de calquera madeira seca.
Outro xeito de fabricar carrizos consiste en empregar como caixa de resonancia a metade baleira dunha noz, dispoñendo os cordeliños perpendiculares ao seu eixe maior e facendo a fenda para a lingüeta nun dos extremos, sendo o mellor alí onde a noz ficaba prendida á árbore.
O nome destes enredos podería provir de que fan un son moi semellante ao dun pequeno paxariño, a carriza (Troglodytes troglodytes), que canta emitindo un característico ?krrrrrrr, krrrrrr!?.