Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Susana Seivane
Tiña tan só tres anos cando os seus ollos se pousaron por primeira vez nunha gaita e o frechazo foi instantáneo, mais non foi ata os 20 anos cando comezou a súa carreira profesional como gaiteira.

Os seus soños sempre tiveron a música da súa terra como banda sonora. Melodías e cantares de Galicia que serviron para forxar a súa carreira musical. Agora, eses acordes da infancia retornan en forma de disco, 'Os soños que volven' para ficar nos nosos oídos.

Pregunta: Que van atopar aqueles que merquen 'Os soños que volven'?

Resposta: É como unha viaxe ao pasado. Os soños que eu quería que volvesen son esas melodías que toco dende que son pequena, dende que empecei a tocar aos tres anos ata hoxe en día. Son todas tradicionais.

Digamos que son melodías especiais, e digo que son especiais porque son grandes clásicos do noso patrimonio musical. Todo iso aderezado cun acompañamento de instrumentos, uns arranxos... É dicir, cun tratamento musical bastante moderno e cun sonido bastante contemporáneo.

A acollida do novo espectáculo
P: Como está acollendo o público a presentación en directo deste novo traballo?


R: Pois moi ben. A verdade é que estamos moi contentos, porque os nosos concertos en directo adoitan funcionar moi ben, pero a verdade é que este novo espectáculo está funcionando realmente ben.

Hai bastantes cancións cantadas que son moi coñecidas e entón a xente está cantando xa con nós. Aparte, tanto o disco como o directo están moi currados, con moitos detalles. Iso fai que sexa un espectáculo moi dinámico, moi fresco e moi divertido.

P: O disco está autoeditado. Apetecíalle probar todas as fases do proceso?

R: Pois si, porque dende o 2002 teño xa a miña propia empresa de contratación. Nun momento, discograficamente falando, no que está bastante baixa a cousa, porque ás discográficas apetécelles máis apoiar outro tipo ou estilos de música, apetecíame probar. E a verdade é que resultou moi ben. Tes que facer moitísimo máis papeleo e tal, pero tes outro control que non tes da outra maneira. Así que, de momento, a experiencia é positiva.

P: Vén dunha familia moi vencellada aos intrumentos tradicionais. Era inevitable que acabase dedicándose a isto?

R: (Ri) Bueno, inevitable non, pero era bastante probable. Pero non só pola familia, senón porque era algo que eu levaba no sangue dende moi pequena. Evidentemente, houbo moitísima influencia familiar, porque estás metida nese mundo, respiras ese ambiente dende pequena, pero o certo é que era algo que eu levaba dende pequena na alma.

Desde moi pequena, eu xogaba ás bonecas como calquera nena normal, pero o meu xogo favorito era coller a gaita e tocar. Escoitaba cancións na radio, nun casete, nos discos... E collía rapidamente a miña gaita e interpretaba esas cancións despois de escoitalas unha soa vez. Tiña moi bo oído musical e iso axuda moito a empezar a unha idade tan temperá.

Territorio de homes
P: A gaita segue a ser considerada territorio masculino?


R: Non, penso que non. Aparte, eu nunca vivín iso. Antigamente, o meu avó si que me ten comentado que xa non estaba moi ben visto que un home tocara a gaita, sobre todo para as clases sociais máis altas. Entón, nunha sociedade máis machista que a de hoxe en día, os veciños si que comentaban dalgunha casa na que vivía unha muller que tocaba a gaita que era unha casa enfeitizada, embruxada.

Hoxe en día non. Hai moitísmos gaiteiros e moitísimas gaiteiras. O que pasa é que cabezas visibles mulleres somos poucas, porque somos pouquiñas as que imos por aí en plan solista, pero en bandas de gaitas, asociacións e grupos hai moitísmas gaiteiras. Ademais, eu vivino dende pequena. Estou moi acostumada a ver mulleres que tocan a gaita enriba do escenario.

P: Pódese innovar cun instrumento tan tradicional?

R: Si, pódese innovar, e de feito, creo que aí está o quid da cuestión: aproveitar un instrumento digamos arcaico cos novos adiantos de hoxe en día e todos os estudos que se fan con ese instrumento, a miña familia por exemplo; lograr evolucionalo ata tal punto que, a día de hoxe, a gaita pode compartir escenario con calquera instrumento. Iso permíteche expresarte moitísimo mellor, facer todas as fusións que queiras e facer todos os experimentos que queiras.

P: Algunha vez ten dito que gaiteiros e rockeiros teñen moito en común...

R: Hoxe en día, hai moitos conservatorios folk e moitas escolas onde podes aprender, tanto unha cousa como a outra. Está moi ben, para diversificar máis a nosa cultura e para que os nenos a mamen dende pequenos. Pero cando dixen iso referíame a que é algo que sintes no teu corazón. Un rockeiro será rockeiro toda a vida e un gaiteiro igual. É algo moi forte, que levas na alma, no corazón, que aprendes dende pequeno, a trasmisión oral de pais a fillos, alonxándose un pouco da aprendizaxe estipulada.

O mellor momento do folk
P: Cómo ve o actual panorama folk galego?


R: Véxoo moi ben. De feito, o mes pasado participamos en Lorient, que é un dos festivais máis coñecidos a nivel mundial. Cada ano dedícase a un sitio e este ano foi a Galicia. Había alí un despliegue de música galega impresionante. Estabamos alí como se estiveramos en Galicia. Era xa a quinta vez que ía a Lorient e en Francia son moi coñecida, pero outros grupos galegos non o eran e a verdade é que deixamos o pabellón moi, moi alto.

Penso que a música galega está nun momento moi saudable. Estanse facendo cousas realmente interesantes e moi importantes. Discograficamente, non estamos no mellor momento, pero musicalmente a verdade é que si. Hai moitísimas vertentes diferentes, unhas que tiran máis polo pop, outras máis polo rock, outras máis polo tradicional... Iso é enriquecedor para todos.

P: A que vai dedicar os próximos meses?

R: En principio, a rematar a xira. Esperamos que se confirmen algúns concertos que están sen confirmar neste mes e en outubro. Despois de todo o axetreo co novo disco, penso descansar un pouco tamén.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-09-2009 09:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer