Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Cristina Pato e Xose Manuel Budiño
Fronte ás crises da economía e da industria do disco e ao baixón do folk, dúas das figuras máis sobranceiras da nosa música cimentan o seu presente nas xiras por todo o mundo e na procura de novos camiños

Coñecéronse hai dez anos nos tellados da catedral de Santiago na gravación dunha actuación que formaba parte dun programa de televisións de todo o mundo para celebrar o cambio de milenio. Cristina Pato lembra que pasaran moito frío. Xosé Manuel Budiño, que saíron ao aire no mellor momento, arredor da medianoite. Pero poucas ocasións teñen de verse ou de «interactuar». A oportunidade bríndallela a desculpa deste encontro no hotel Porta do Camiño de Santiago. Ela chega desde Ourense e el faino desde a pontevedresa Moaña. Falangueira e alegre, a gaiteira eleva desde o comezo o ton divertido da conversa entre colegas. Todo o mundo e todas as músicas sen fronteiras resumen o seu soño.

Pregunta. Grazas por aceptar este encontro cando se supón que estamos nuns meses de moito traballo para vós.
Cristina Pato. Esta é a época forte, pero xa houbo anos mellores.
Xosé Manuel Budiño. A cousa depende do traballo que teñas entre mans. No momento no que estás cun proxecto discográfico xa non estás xirando. E cando ese traballo se vai facendo «vello», pois estás facendo outras cousas máis que estar de xira.

P. Coa crise xeral e a do disco, ¿o directo é a mellor opción?
X.?M.?B. Cos discos está a cambiar todo a marchas forzadas. Antes necesitabámolo para estar xirando, pero agora non precisas ese soporte físico nas tendas: estás de xira continuamente, metido de cote no allo. Pode ser que se volva ao de gravar un tema, dous temas ou tres, como se facía nos setenta; facer singles e colgalos na Internet ou recorrer a corenta mil películas que agora nos parecen inviables. Pero de aquí a catro ou cinco anos estaremos a falar, seguro, doutra historia.
C.?P. A min o que me mantén a flote son precisamente as xiras. Eu agora estou cunha discográfica máis pequena, pero xa cando estaba coa que comecei, que era relativamente grande, por moito que vendese, a porcentaxe dos discos que me chegaba era non ridícula, pero case. Manteste cos concertos e o disco é como unha especie de pasaporte que che permite facer xiras todos os anos e manterte a flote. Pero é unha loita constante. Sobre todo desde que comezou a crise. A industria non atopa o formato axeitado para lanzar música e están todos loitando a ver que podemos sacar: que se un DVD, que se unha caixa... é como cando os xornais ofrecen pelotas de tenis.
X.?M.?B. É curioso ademais que se está entrando noutra dinámica das grandes discográficas, que están fichando os artistas non só para facer discos, senón para utilizalos como a súa axencia de management .

P. ¿Cal é o futuro do noso folk neste contexto de cambio?
C.?P. Por un lado está a crise da industria discográfica; por outro, a xeral da economía e, ademais, temos un pequeno baixón do folk galego. Sempre se fala do bum que houbo nos noventa, eses catro anos nos que saímos máis ou menos todos (non de golpe, porque tanto Budiño, coma min, coma Carlos Núñez... xa viñamos de grupos anteriores). Foi un momento propicio e deuse o apoio adecuado para sacar unha nova fornada de folk galego. Quizais agora estamos nun momento manso desa onda e a mestura das crises fai que o futuro da música galega sexa... non sei...
X.?M.?B. Eu sempre creo máis no traballo particular de cada grupo, de cada músico, que dun movemento colectivo. ¿Que está pasando co folk galego? Realmente non o sei. O que me interesan son certos proxectos ou certos músicos cunha visión moi particular que perseguen facer sentir emocións ao público. E iso podes acadalo nun momento cunha banda como Nova Galega de Danza, que me fascina, como poden facelo Mercedes Peón ou Xoel López con pop-rock desde calquera parte do mundo (de feito está a viaxar por todo o mundo). Sempre que o músico transmita algo, eu voume de cabeza con el. Hai un par de días estaba colaborando con músicos de jazz que me parece incrible que me convidasen, como Jorge Pardo, Max Sunyer, Salvador Nieba..., e estar compartindo con eles un concerto foi algo para min marabilloso.
C.?P. Claro, iso é o máis bonito que lle puido pasar á gaita galega. Grazas a toda esta moda que veu a finais dos noventa, tivo a oportunidade de converterse nun instrumento máis. Budiño e mais eu quizais sexamos o que sae máis do común, porque somos galegos, tocamos un instrumento galego, pero eu veño da formación clásica e os meus gustos van desde Shostakóvich ata Red Hot Chili Peppers. E esa perspectiva é coa que intentas mirar o teu instrumento. Falamos do jazz e a metade do meu próximo disco foi gravado en Nova York cun trío de jazz (acordeón, contrabaixo e batería) con Víctor Prieto, que é un músico galego. Esa mestura da gaita galega que é ademais unha gaita en sol, con jazz urbanita (o de Víctor non é jazz propiamente dito), é unha mestura un pouco rara, pero que funciona. ¿Por que lle temos que poñer límites á gaita?

P. ¿E como é o novo traballo de Budiño?
X.?M.?B. Estou nun proxecto complicado porque move moita xente. Distinto, pero que me apetecía moito. No último concerto, en Ortigueira, estiveron os de Casa de Tolos, que leva Segundo Grandío, co seu equipo de audio e con vídeo. Algún dos temas formará parte do novo proxecto, que xa non será un disco. Teño outra cousa metida na cabeza que pode ser algo como unha película. Apetéceme moito a idea de poñerlle imaxe á miña música. Un proxecto xogando coas imaxes, coas xiras que estiven facendo estes dous últimos anos por catro continentes. Con videocreación, baile, percusión galega. Estamos aínda dándolle forma, pero sairá no 2010.

Pequenas discográficas ofrecen coa Internet liberdade e eficacia
Os gaiteiros pensan que as subvencións deben limitarse a proxectos concretos


«Quizais hoxe é máis complicado sacar un disco como gaiteira solista e que teña repercusión. Incluso, indo máis lonxe, hoxe é difícil lanzar un disco e que teña repercusión se non es Shakira, ou Madonna, ou calquera gran estrela con grandes soportes», afirma Cristina Pato. Na súa opinión, «o disco perdeu o encanto. No meu caso converteuse nunha ferramenta, nun pasaporte, nunha escusa que che permite seguir innovando».

P. Mais os substitutos en Internet, lonxe de ser unha axuda, son unha aposta polo global, onde é moito máis difícil facerse ver.
X.?M.?B. É complicado porque hai moitos intereses e páxinas... pero tamén temos aí unha arma de traballo para a venda de discos. O último meu, Home , fíxeno cunha compañía galega, Falcatruada, que me pareceu a máis axeitada para lanzar o produto. Un día antes de saír ao mercado o disco físico nas tendas, xa estaba colgado na Internet nas principais tendas de venda e dispoñible para todo o mundo. Calquera persoa en Xapón ou no Líbano podía comprar un disco, mercar unha canción, escoitar trinta segundos... parecíame a forma máis axeitada para darlle saída a ese disco. De feito, prefería unha compañía como esta con xente nova que estivese currando a por todas ca unha multinacional. Eu vivín a experiencia de estar nunha, atoparme tocando, por exemplo, en Bélxica e os discos non estar nas tendas. Necesitas trámites, burocracias e ao mellor tres ou catro meses para que o traballo chegue fisicamente cando ti xa fuches tocar dúas ou tres veces. Non ten moito sentido.
C.?P. Eu volvín á miña antiga casa discográfica, a Zouma Récords. É un regreso ao control absoluto do proxecto. Considero este como o meu primeiro disco en solitario, pensado para min mesma, que vivo en Nova York e en Ourense ao mesmo tempo, porque aínda que paso catro meses ao ano aquí e o resto aló, ao remate sempre estou nos dous sitios. O traballo pretende reflectir iso. Farase un lanzamento dobre en Estados Unidos e aquí, e por suposto na Internet, que é o futuro en todos os sentidos. Para min, se hai algo que non poida meter no meu iPod, non o levo. É unha cuestión de comodidade.

P. O feito de estar fóra e facer xiras ¿que lles aporta?
C.?P. A min cambioumo todo. Foi estar no momento xusto no lugar indicado. Conseguín a carta de liberdade da miña compañía discográfica xusto cando me din conta de que me estaba convertendo en funcionaria de min mesma. Decidín retomar os meus estudos de piano clásico e marchei a Estados Unidos para facer o doutoramento. É algo fascinante o que che dá vivir alí, e a perspectiva e a valoración do que é o produto galego. Vivo Galicia quizais con máis ilusión que cando estaba aquí.
X.?M.?B. Eu teño moi presente esa sensación dos que ían nos anos vinte sen nada porque meu avó paterno foi unha desas persoas e estivo traballando alí tres anos. Teño esa espiña de visitar Nova York, a onde nunca fun. Canto máis viaxas máis tes os pés na terra. Cando chego á casa é cando máis necesito meterme na música tradicional e afondar aí para compoñer cousas novas.

P. ¿Como valoran os apoios institucionais?
X.?M.?B. Eu penso sobre todo no exemplo de países como Irlanda ou Escocia, que están moi pendentes da súa cultura e que saben que unha das maiores entradas de divisas para eles son a música e a Guinness. E apoian moitísimo proxectos concretos moi interesantes.
C.?P. É unha arma de dobre gume. Que en Galicia se vaian afacendo os grupos a vivir das institucións é un problema porque iso acaba coa cultura e coa personalidade. Cando vives de cartos que non son teus, tes que adaptarte a quen chos dá. O meu soño é ser totalmente independente.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-09-2009 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0