Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Susana Seivane
“Nesta obra quixen homenaxear a Milladoiro e Moxenas, un gaiteiro que compuxo pezas que son un auténtico tesouro”

A gaiteira Susana Seivane vén de editar o seu cuarto traballo discográfico, titulado Soños que volven. A artista cumpre durante este ano a súa primeira década no mundo da música.


–Realiza nesta obra unha homenaxe ao gaiteiro Monexas e ao grupo Milladoiro. Son dous referentes, un da tradición e outro do folk. Ter unha mestura deles sobre un escenario sería o ideal?
–Sería unha mestura perfecta. Os Milladoiro son toda unha institución e un referente, mentres Moxenas quizais non sexa coñecido para o gran público, pero foi un gran gaiteiro e como compositor deixou auténticos tesouros. Eu cheguei a tocar con el. Era un home moi divertido.

–Todo o álbum contén pezas tradicionais, con arranxos de vostede e compoñentes da banda. Foi algo circunstancial ou no futuro afastarase das composicións orixinais que había nos seus anteriores discos?
–É algo circunstancial. A idea é continuarmos coa dinámica dos anteriores traballos. Hai anos que pretendía facer este Soños que volven, con pezas que significaron algo na miña vida e xuntei máis de duascentas, polo que moitísimas ficaron fóra do disco. Son as melodías coas que eu medrei e considéroas grandes clásicos da nosa música.

–Tamén adica unha peza á cidade da Coruña
–Nun principio ía pór nomes doutras localidades que significaron algo para min a algúns temas, pero logo desboteino e mantiven a homenaxe á Coruña, o lugar que tan ben me acolleu cando cheguei a esta terra. Ademais no medio desa peza hai unhas coplas que fan mención á cidade.

–O novidoso neste cuarto disco é a incorporación nalgunha peza dunha sección de metais. Como xurdiu esta colaboración?
–Todo foi a raíz da presenza de Pedro Lamas na miña banda. Apetecíame meter en dous temas toda a alegría e dinamismo que dan os metais. Aportan algo diferente e gustoume o resultado. Ao mellor volvo contar con eles.

–A súa presenza como cantante aumenta respecto a anteriores traballos. A que é debido?
–Eu non son cantante senón gaiteira, pero as miñas compañeiras de profesión animáronme a facelo e iso fixo que me lanzase. Veño cantando dende o primeiro disco e fágoo sempre con moito agarimo. É moi agradecido, pásoo ben, descanso un pouco da gaita e creo que é algo que o público agradece e así pode ser máis participativo cantando os temas.

–Cales foron os soños musicais que fuxiron, os que volveron e os que lle quedan por cumprir?
–Os que volven son estes, os do disco, os que eu quería que estivesen de volta. Fuxir creo que non o fixo ningún porque en todos os discos tentei facer o que tiña na miña cabeza. E os soños por cumprir son os de seguir adiante, como foi acontecendo nestes dez anos de andaina profesional.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-09-2009 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer