Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Derradeiro día da gravación en directo de Aló Irmao
Dúas guitarras e un cento de historias

Martes 16 e mércores 17 de xuño no Teatro Principal de Compostela
Ás 21:00
Entrada de balde até completar aforo


Fran Pérez e Manecas Costas misturan cordas e voces en dúas sesións no Teatro Principal de Santiago. Un viaxou a África na procura de novas sonoridades e o outro visitou Galicia colaborando con outros artista. Un cruce de camiños... Un concerto imperdible

O guineano Manecas Costas xa se convertíu caseque nun galego máis de percorrer tantos escenarios e de colaborar con tantos artistas de aquí. Fran Pérez, alias Narf, fixo a viaxe contraria e viaxou durante un tempo a África aprendendo outras musicalidades co espectáculo Bumba, un proxecto xunto o grupo de percusión Timbila.

Quizais nun cruce de camiños a casualidade propiciou unha frase da que brotou unha amizade e un proxecto. "Un día temos que facer unha canción", comprometéronse. Inconformistas, quixeron máis e por iso se reunirán no Teatro Principal os vindeiros martes e mércores para gravar en vivo un disco que levará por título Aló Irmao, un aceno á facilidade para entenderse en tempos nos que as linguas son postas en dúbidas como vehículos de comunicación e demonizadas como ferramentas de illamento.

Os concertos arrincarán no teatro compostelano ás nove do serán ambos os dous días e a entrada será de balde até completar o aforo.

Fran Pérez é unha rara avis no panorama musical galego, unha figura sen medo á heteroxeneidade nunha escena con escasas aportacións innovadoras. A finais dos oitenta deixouse seducir polo rock en varias bandas compostelás, até que desde a compañía teatral Chévere comezou a compoñer bandas sonoras e músicas para as súas montaxes.

A curiosidade agromou e o seu proxecto en solitario, Narf, sorprendeu pola capacidade para misturar ritmos e influencias sen que estas chirriasen.

Paradoxicamente, o seu compañeiro de viaxe foi o seu competidor nunha das edicións dos premios María Casares na categoría de mellor banda sonora.

O músico de Guinea Bissau é habitual de Galicia. Colaborou en Cantos na Maré con Uxía e acompañadou a Carlos Blanco no espectáculo Humor Negrho, convertíndose nun coñecido de gran parte do público galego.

A mediados dos oitenta o seu virtuosismo e a posta en primeira liña mediática das mal chamadas músicas do mundo situouno á vangarda da exportación musical africana. A súa participación no Festival Decouverte de Radio France International convertíuse no seu festival de Monterrey.

O seu último traballo, Paraiso di gumbe, acústico e eléctrico a un tempo, ilustra o vibrante e seductor ritmo da música guineana.

Os galegos contan coa oportunidade de asistir a un evento que podería converterse nun dos fitos do ano musical galego, unha desas datas que non copan titulares nin convocan centos de xornalistas á procura de acreditacións. Trátase dunha cita coa música e coas historias que un queira escoitar.

www.myspace.com/aloirmao


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 17-06-2009 14:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer