Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A «galecidade» do Brasil
O gaiteiro Carlos Núñez narra para La Voz as semellanzas que atopa entre a fala do interior do país tropical e o galego

Se damos unha volta polo Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo atoparemos un vídeo no que Caetano Veloso nos di que o portugués do Brasil é a mellor lingua do mundo para cantar. ¿Lembrades cando na escola nos contaban aquilo de que o rei Alfonso X o Sabio, mentres utilizaba o castelán para as leis, escribía as cantigas en galego?

Alí sorpréndenos unha xigantesca árbore xenealóxica das linguas na que aparece o nacemento do portugués, fillo do latín vulgar coma o francés, o castelán, o catalán e o provenzal. E atención: nin rastro do galego...
Afortunadamente, tras o noso desencanto, na «sala interactiva» deste museo, xenialmente concibida polo meu amigo o erudito e artista José Miguel Wisnik, descubrimos como os meniños e os estudantes xogan e cantan a ritmo de rap o Ondas do mar de Vigo do noso Martín Códax, facendo unha ponte co Rúas do meu São Paulo do seu Mario de Andrade. Había tempo que eu intuía que a utilización do RAP ( rhythm and poetry ) permitiría a reinterpretación dunha canción que levaba esperando máis de cen anos: a Alborada de Rosalía de Castro. Naquel museo comprendín que ninguén mellor que os brasileiros para facer con mestría esa «poesía ritmada».

Calquera galego ao aterrar no Brasil ten a sensación de chegar a outro planeta, cunha paisaxe tropical e humana moi diferente. É a lingua a primeira en abrazar ao novo visitante... En poucas horas, esqueceremos que o que falan non é galego, senón un portugués sorprendentemente próximo ao galego. Tamén no museo achamos que a explicación disto parece ser que o portugués do Brasil ficou aferrado a unha versión arcaica da lingua, conservando variantes hoxe rexionais en Portugal. Se cadra, xusto como moitos portugueses perciben hoxe o galego.
Polo que ata agora me explicaron, aínda non están estudadas as posibles conexións entre o portugués do Brasil e o galego, porque oficialmente son dúas linguas diferentes. Pero tamén hai lingüistas que consideran que realmente son tres linguas: portugués do Brasil, portugués europeo e galego. E hainos que consideran que son só unha, malia que na actualidade haxa diferenzas importantes, especialmente na escrita.

Outra maneira que teñen de chamarlle a este suposto arcaísmo brasileiro é medievalismo. Esta idea está moi espallada no Brasil. Alí gustan de pensar que nalgúns recantos no mítico Sertão segue viva a Idade Media europea ou ibérica.
É sorprendente como aínda hoxe no Nordeste -a primeira rexión do Brasil en ser colonizada- seguen vivos moitos costumes medievalizantes: os romances, a literatura de cordel coma a dos nosos cegos nas romarías, os improvisadores e repentistas como os das nosas regueifas.

Modernistas e xeración Nós
Esta herdanza tivo tamén o seu reflexo na alta cultura , sobre todo a partir dos modernistas nos anos 20. Eles foron os grandes creadores do imaxinario brasileiro tal e como hoxe o coñecemos, baseado na misciginaçao -a mestura de indíxenas, africanos e europeos-. Interesáronse moito polo folclore e a música. E tamén estudaron esta parte medievalizante do Brasil. Como vimos no museo, os seus grandes poetas como Mario de Andrade e Manuel Bandeira, mesmo escribiron á maneira dun Meendinho ou Martín Códax, como fixeron aquí os neotrovadoristas.
Como nos comentou o antropólogo António Medeiros, «modernista adora arcaísmo». El salientou as semellanzas entre o Manifesto modernista no Brasil do 1922 e o galego de Nós, do 20. Un membro daquela xeración, Guilherme de Almeida, visitou Galicia no ano 33 e chegou a publicar un artigo na revista Nós , titulado Galliza, pátria da Canção . Non debemos esquecer que as cantigas galego-portuguesas eran poesía mais tamén música, e un brasileiro non ía pasar iso por alto... O seu cicerone en Galicia foi Valentín Paz Andrade.

E chegamos á tese dun dos nosos pioneiros, Paz Andrade: no Brasil consérvase moito da vella Gallaecia, que estaría aínda ben presente na cultura dos portugueses cando estes desembarcan no Brasil. Posteriormente, o galaico diluiríase en Portugal coa influencia de Lisboa, do sur, e na costa do Brasil, mais ficaría vivo no interior.
Paz Andrade estudou a galecidade, moi especialmente na obra do para moitos máis importante escritor brasileiro do século XX: o mineiro João Guimarães Rosa, quizais pouco coñecido fóra do Brasil por non tratar na súa obra a cultura do carnaval, praia e samba, senón a dese descoñecido interior. Minas Gerais é un estado máis grande que España. Culturalmente, mesmo na paisaxe, é do máis próximo a Galicia que achei alí. Os mineiros son parecidos a nós mesmo nos tópicos: son desconfiados, responden a unha pregunta con outra pregunta, son conservadores e calados, misteriosos?

No seu impresionante rastrexo, Paz Andrade atopou palabras e expresións tan galegas como: lusco-fusco, aquí e acolá, sol-se-por, arco da vella, demo, lobisomen, orballo, corozas, queixume, vagalume... E costumes como os toques das campás ou sinos, as alfombras de flores no Corpus, o carro de bois, a coca, as penlas, as fogueiras de San Xoán? Eu, que estiven alí, pódovos asegurar que todo isto é verídico. Incluso non puiden resistirme a gravar dúas cancións mineiras no disco de tan galegas como soaban.

O segredo de que a cultura de Minas sexa tan parecida á nosa é aparentemente sinxelo: cando no século XVIII se descubre a riqueza mineira no interior brasileiro os principais poboadores foron os miñotos, ou sexa, os galegos de Portugal. Lembremos que o Miño era o sur da Gallaecia histórica, que se parte en dúas, dando orixe a Portugal. O Miño, como Galicia, disfruta da revolución provocada polo millo chegado de América, a riqueza que se ve aínda nas construcións barrocas pero que provoca un exceso de poboación que ten que emigrar.

É curioso que este éxodo de miñotos a Minas está dalgún xeito na orixe da emigración galega ao Brasil. Os galegos emigran a Portugal desde sempre. Pero moi especialmente enchen este baleiro deixado polos miñotos e de aí pasarían ás cidades, Porto e Lisboa. Nelas escoitan as historias de riqueza dos brasileiros retornados e comezan a emigración galega a partir do XIX e XX que coñecemos.

¿Terá todo isto o seu reflexo na música?

A Voz de Galicia
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 10-06-2009 00:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 A este Carlos falt#blgtk08#alle un herbor...
Comentario por cristo (10-06-2009 23:53)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer