Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A crise fai peligrar a celebración dos festivais de verán
Se hai algo que caracteriza a oferta cultural da época estival son os festivais de verán. De feito, a presenza desdes eventos tense incrementado notablemente nos últimos anos. Pero, nesta ocasión, teñen un reto por diante: lograr saír ilesos da recesión económica que ameaza a súa propia supervivencia.

O primeiro obstáculo co que se enfrentan é o da financiación. E é que o sector ten que botar man da calculadora para que lle dean as contas. Deica Management e Nordesía son dúas productoras musicais que coñecen ben a situación e ambas coinciden ao afirmar que existe unha redución orzamentaria. ''Os concellos non poden manter o nivel de inversión de anteriores edicións'', comenta o coordinador de Deica, Xulio Vázquez.

Pola súa banda, o director xerente de Nordesía, Quique Costas, apunta que o recente cambio político en Galicia deixa cousas no aire, xa que ''supuxo un tempo de baleiro nun organismo que ten unha conexión directa co patrocinio de festivais como é o Xacobeo''.

Precisamente, esta cuestión afecta a un dos eventos con maior sona na comunidade, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se nutre de fondos de empresas galegas e de organismos públicos. Ao respecto, o encargado de prensa do evento, Chema Corral, asegura que están esperando unha resposta por parte do Xacobeo para pechar o orzamento do que disporán este ano.

Efectos na contratación
O que a organización si dá por feito é que terán un reaxuste á baixa sobre o importe que manexaron na pasada edición. Así, calculan que poderían pasar dos 700.000 euros de 2008 aos 600.000 este ano. Con todo, Corral insiste en que isto non afectará ás señas de identidade do festival, como son a gratuidade total dos servizos ou a calidade artística. ''O público non o vai notar de forma substancial'', engade confiado.

Outro dos efectos que está a ter a recesión na organización de festivais fai referencia á contratación. Neste sentido, Quique Costas apunta que, en comparación con anos anteriores, rexistran unha ''contracción no volume de negocio que pode andar en torno ao 20 por cento''. Mentres tanto, dende Deica, sinalan que perciben un menor volume de traballo que outros anos, ata cifrar nun 40 por cento a baixada do número de contratos.

Por outra banda, a crise tamén acentúa a renegociación á baixa dos cachés dos artistas. Nesta liña, Costas argumenta que na actualidade ''trabállase menos sobre a base do prezo pechado, que é o que era común antes''. Ademais, o coordinador de Deica considera que realmente ''iso pasa en momentos de bonanza e en momentos de crise''.

Con todo, puntualiza que traballan con artistas máis ou menos asentados e cun público estable, por iso non acusan moito deste problema. Xulio Vázquez asegura tamén que máis que baixar cachés, estalles custando nunha maior medida o feito de atopar concertos.

Partitura sen notas
Pero sen dúbida, a maior consecuencia á que temen os organizadores de festivais é a posibilidade de que o evento non chegue a celebrarse. E é que á crise súmase outra circunstancia, a da competencia. Nos últimos anos tense incrementado de xeito extraordinario a oferta deste tipo de acontecementos. A conxugación de ambas pode derivar na suspensión do evento.

Neste sentido, o coordinador de Deica non dubida en afirmar que case todos están en perigo: ''O 90 por cento dos festivais tiveron polo menos problemas para saír adiante''. Mentres, Corral confía en que o de Ortigueira, pola súa tradición, historia e un público fiel, non corra perigo.

Peregrinaxe musical
A celebración de festivais de verán é algo que caracteriza a toda a xeografía galega. Non hai límites territoriais e tampouco estilísticos. A música é do máis variada, dende o reggae ata o rock, pasando pola cásica ou o pop. Segundo datos do 'Anuario de Estatísticas 2007', elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, na comunidade existen máis de 60 deste tipo de eventos.

Un dos eventos máis coñecidos é o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que cada ano reúne a unhas 100.000 persoas. Nesta ocasión, a trixésimo primeira edición celebrarase entre o 9 ao 12 de xullo. Sen cambiar de provincia, na Coruña tamén se enmarca outro destacado festival. Trátase do Foundation Reggae Festival, que contará coa actuación, entre outros, da banda portuguesa Kumpania Algazarra, o vindeiro 5 de setembro.

Asimesmo, Muros acolle, entre o 7 e o 8 de agosto, o VII Castelo Rock. A idea xurdiu en 2003, cando os hostaleiros decidiron tentar reactivar a zona de movida. Boikot, Machina e Gatillazo será algunhas das actuacións desta cita.

O Cultura Quente é unha das citas obrigadas de cada verán, co mellor do pop-rock nacional e internacional. Este ano, aínda non está pechado o cartel, pero, na pasada edición, actuaron bandas do calado de Deluxe ou Vetusta Morla. Outro clásico é o Festigal, dous días de actividades nos que gozar do mellor da denominada world music.

Variedade de menú
O primeiro fin de semana de agosto toca peregrinar ata o concello coruñés de Zas, onde se celebra a Festa da Carballeira, con máis de 25 anos de historia ás súas costas. Trátase dun dos festivais de música folk máis importantes de Galicia e, por suposto, un dos máis veteráns. Unha festa do máis actual, que non renuncia ao carácter enxebre das romerías.

O pasado ano naceu en Pontevedra outra das propostas máis innovadoras, Cantos na Maré. O Festival Internacional da Lusofonía é un proxecto cultural pioneiro e exclusivo no estado español, creado para trazar a través da lingua, da música, dos ritmos e dos sons un mapa común entre os territorios da lusofonía que comparten raíces. Veremos se este ano ten continuidade.

Do 25 de xuño ao 5 de xullo toca jazz en Vigo, da man do Imaxina Sons. Esta cita acada a súa quinta edición, ao asexo de novas propostas que amplíen a linguaxe e estilos desta modalidade musical. Mais do 7 ao 8 de agosto, a cidade olívica muda de rexistro para acoller o rock máis xenuino, da man de grupos como Hamlet, Amon Amarth ou Stravaganzza.

Mais non todo é música no atlas dos festivais. Deste xeito, temos como exemplo ao Mundoclown, no que varias compañías enchen de vida e humor as rúas de Vigo, con espectáculos para todas as idades. Outro exemplo é Reperkusión, celebrado en setembro en Allariz, cunha oferta variada, que combina música e circo. As opcións para elexir son interminables e o único requisito as ganas de troula, que para algo estamos no verán.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-06-2009 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer