Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Pancho Álvarez
Vén de editar o álbum ‘Sólidos galicianos’.

Principiou a súa andaina musical tocando o violín no grupo Na Lúa e agora toca calquera instrumento de corda que lle poñan diante, tal como vén amosando na súa carreira en solitario, da que agora realiza a súa terceira incursión discográfica con ‘Sólidos galicianos’, editado por Pai Música. Nesta obra volve cantar en varias pezas e a novidade máis importante é a incorporación da voz de María Solleiro


Pancho Álvarez vai realizando paseniñamente a súa carreira como solista mentres continúa a ser un dos compoñentes da banda de Carlos Núñez. Principiou co grupo Na Lúa e agora vén de sacar ao mercado Sólidos galicianos, título que fai referencia a unhas moedas acuñadas na época do antigo reino de Galicia, a súa terceira achega discográfica en solitario.

–Segue vostede a tocar canto instrumento de corda lle poñan por diante e agora incorpora ao seu repertorio a viola de gamba. Quería dar un novo paso na riqueza tímbrica da súa obra?
–Teño que botar man do que podo e o que me gusta. A viola de gamba resulta abraiante pola súa polivalencia, tanto serve de baixo como de instrumento melódico. Quero que a miña música soe galega e aínda que teño claro que a gaita é o instrumento máis representativo, a miña teima é que se recoñeza unha esencia propia tocando ata unha viola de gamba.

–O disco ten pezas instrumentais e cantadas e nas propostas con voz existen dúas vías moi diferenciadas entre as que canta vostede e as interpretadas por María Solleiro
–Non quería botar man de letras tradicionais nin complicadas e María, sabendo diso, escribiu cousas que me gustaron pero non para cantar eu e animeina a interpretar ela mesma as cancións. Tiña un pouco de medo de botala á area artística e que recibise paus, mais confío nela como cantante e creo que o resultado é máis que aceptable. Pola miña banda eu non me considero cantante senón unha persoa á que lle gustan os cantares de cego e neses rexistros é onde me movo, con letras picaronas que levan ao sorriso, como no caso do Novo parrafeo.

–E nas pezas instrumentais quizais tamén haxa dous vieiros abertos, as que soan máis ambiciosas e esas sinxelas, como A balcoeira ou A rebolos. Cre que, ás veces, esa sinxeleza pode chegar máis ao corazón do público?
–Estou convencido de que as cousas sinxelas boas son as realmente boas. Pretendín dar unha certa unidade nos temas instrumentais e quizais os que levan zanfona soen un pouco máis duros. Tentei fuxir de harmonías, que poden crear certas distancias, e agora afástome dese tipo de arranxos.

–Aínda que exista o pouso tradicional, case todas as composicións son de autor, polo que vostede pon moito seu no disco.
–Resulta máis arriscado pero cómpre ter valentía e ofrecer novas tendenzas. O disco ía ser máis tradicional pero logo de falalo coa discográfica dímoslle un toque máis aberto. Voume sentir mellor canto máis achegado estea á tradición e o mellor afago que podo ter é se alguén dubida se un tema é propio ou vén da música tradicional.Por certo, quero agradecer a confianza que tivo en min o selo Pai Música, unha xente que, xunto a Falcatruada, está a facer un labor importante nuns tempos que non son os mellores para sacar novas obras ao mercado.

–Canto hai neste álbum do Pancho de Na Lúa, do que toca con Carlos Núñez ou do que pasou polo grupo Tres?
–Levo a época de Na Lúa con orgullo porque creo que foi un grupo importante no folk galego. Sempre tivemos a teima de facer confluír o pop e o rock co tradicional sen que se notase a fusión de estilos e para iso é necesario un coñecemento pleno do terreo onde tocas. A asimilacion da música tradicional dáme unha maior liberdade creativa. Nestes anos vexo que á música que antes rexeitaba son quen de lle atopar cousas positivas.

–Considera o seu mestre a Florencio, o cego dos Vilares. Canto do seu xeito de tocar incorporou ao seu estilo actual?
–Na época de Na Lúa estaba perdido e precisaba unha referencia e cando o descobrín vin a luz. Pretendo darlle un pouco de continuidade ao espírito da súa obra, xa que o xeito de tocar non é exactamente o mesmo.

–Xa que fai mención ás moedas de ouro no título do disco, cal é o auténtico tesouro do folk galego?
–Pois realmente a propia música. Con esta obra quixen reivindicar, por medio da voz de María Solleiro, a esas persoas anónimas que son vitais para a perdurabilidade da nosa música e que son quen de transmitila con forza. Existe moita xente descoñecida cargada dunha enerxía que provén dos nosos devanceiros e iso é algo que non se debe perder.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-06-2009 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer